Ofrendas e prendas personais xunto ó marco de San Lourenzo. Abogoso para os problemas de infertilidade, a miudo atópase roupa interior xunto del. (C) Andregoto Galíndez, 2021.
O famoso culto litolátrico que aínda se desenvolve en torno ó marco de San Lourenzo, así como as referencias á capeliña hoxe desaparecida (disque voou polos aires nunha explosión*) que albergaba a imaxe do santo, están recollidas pormenorizadamente no excelente traballo de Eva Loureiro Souto: "
Límites parroquiais, límites simbólicos, conmemoracións rituais: o marco de San Lourenzo",
Cátedra, nº 10, 2003). No seu estudo atopamos a cita que precisamos, que nos vai servir para asentar a nosa opinión sobre a capeliña ou ermida de San Lourenzo; segundo pensamos non se trataría dun edificio cristián, xa que, logo, estaba situada nun
bivium e no medio do túmulo de terra que hoxe acolle o marco. O mesmo Vales Villamarín sospeitaba da existencia dun túmulo prehistórico no lugar: "la «chanta», clavada en el
mismo lugar, donde presumimos tiene su emplazamiento el túmulo prehistórico" ("
El marco del monte Medela",
Anuario Brigantino, 1999, px. 14).
Eva Loureiro menciona unha entrevista a José Prego Mesías (El Ideal Gallego, 4 de agosto de 1961), un dos organizadores das festas de Laraxe. O xornalista preguntáballe a José se a imaxe do San Lourenzo era moi antiga, e este respostaba: "é bastante, pero aínda o era máis a que existía nunha cova situada precisamente no centro de catro parroquias: Laraxe, San Martiño do
Porto, Limodre e Maniños".
Unha ermida ou unha capeliña rara vez son equiparadas coas covas, mais con frecuencia os megálitos si se denominan así (v. gr. Cova da Moura; Marco da Cova do Tesoureiro); ademáis, pola súa situación nos límites territoriais foron reaproveitados como marcos parroquiais. Temos polo tanto un bo fundamento para supoñer que o marco é resto dun megálito case totalmente destruído nunha voadura, cecais na procura dos míticos tesouros dos mouros, ou cecais, destruído pola Igrexa (e non sería a primeira vez), coa finalidade de atallar os cultos litolátricos pagáns.
Bivium ou bifurcación do camiño, visto dende a parte dianteira do túmulo que alberga o marco de San Lourenzo, con algún anaco de seixo branco característico das coirazas das mámoas. Un dos ramais conduce direitamente ó castro de Prismos.
(C) Andregoto Galíndez, 2021.
Temos que ter en conta a propia advocación a San Lourenzo. Como viramos xa noutra entrada (
Un lucus en San Lourenzo de Niveiro) Blanca García Fernández-Albalat desenvolveu a conexión (tamén lingüística) entre o deus celta Lug e San Lourenzo (
Las rutas sagradas de Galicia. Perduración de la religión celta de la Galicia antigua en el folklore actual, 1999). Mais na miña opinión a advocación a San Lourenzo podería partir dun culto previo que tiña lugar no recinto dun
lucus ou bosque sagrado.
Así pois, a chamada capeliña de San Lourenzo semella ter sido un túmulo cristianizado, como o dolmen baixo a Capela da Santa Cruz (Cangas de Onís), ou o túmulo de Santa Eugina de Solano (Alt Urgell) e o de Saint Michel en Carnac, sobre os que se construíron capelas.
_________________________
*Francisco Vales Villamarín (apud Eva Lourenzo): "desapareceu por completo debido a unha grande explosión de foguetería ocorrida no seu interior".
No hay comentarios:
Publicar un comentario