Cecais o elemento que define mellor o conto popular de Cincenta é o zapatiño (de cristal), a súa perda no medio dunha persecución ou fuxida, e o feito de que polas súas dimensións sexa posible atopar á súa dona. Polo motivo do diminuto zapatiño chegouse á conclusión de que no conto chino de Ye Xian se atopaba a orixe da Cincenta europea, xa que nesta cultura é moi relevante a simboloxía vencellada ó pequeno tamaño antinatural dos pés das mulleres, como indicador do seu elevado estatus na xerarquía social. Mais como se encarga de aclarar Mila Moioli (Ye Xiang and her sisters. The role of a Tang story in the Cinderella cycle, 2018), os pés da protagonista Ye Xian non podían ser pequenos, o que lle impediría camiñar e atender as tarefas propias dunha labradora; logo o conto non pode ter orixe chinesa ó seren o zapatiño dun tamaño ben normal. O zapatiño, así, ven considerándose dentro da análise que fai Propp dos contos maravillosos, un mero obxecto máxico, é dicir, que non tería unha xustificación dende o mundo real, mais posibilitaba o avance da historia, ás veces de forma miragrosa.
Imos completando a serie de contos populares e maravillosos coas súas impredecibles versións galegas (Carapuchiña vermella = A peeira dos lobos, Barbazul = O siñor el rei e a vella, A sereíña = Dona Mariña) ofrecendo agora a versión de Cincenta, que como nos casos anteriores conserva moito mellor as trazas da súa orixe prehistórica e explícanos perfectamente o motivo do zapatiño, de ónde xurde a necesidade de incluir este elemento aparentemente tan extraño no conto.
A lenda galega de Tareixa do Ceo atópase nunhas notas que recolleu Santiago de la Iglesia en 1893 nunha visita a Moeche, logo usadas pola súa irmá Eladia para redactar un conto inédito (Tareixa do Ceo: leyenda del castillo de Moeche, manuscrito no Arquivo Galiciana). A lenda ambiéntase no castelo de Moeche a finais do feudalismo no momento en que se desenvolven as Guerras Irmandiñas.
Tareixa, orfa de nai, é filla dun labrador acomodado do val de Lamas. O señor do castelo préndase dela e, aínda que a nena se opón xa que está namorada de Xaniño (pobre labrador có que se criou dende que era nena), ordena o seu rapto. Ó ser arrebatada polos homes do señor feudal, é conducida primeiro a unha cova, e logo a unha pequena dependencia pechada do castelo. No camiño Tareixa perde unha zoca. Días despois o seu canciño, xa recuperado das feridas, atopa a zoca e lévaa para casa. Xaniño e mailo can adícanse a buscar a Tareixa. Xaniño achégalle a zoca ó can: "Busca!". O canciño olfatea a zoca e vai seguindo o rastro ata o castelo. Por medo ó lume prendido polos Irmandiños, que nese intre queimaban o castelo, e temerosa do futuro que lle esperaba ó servizo do señor feudal, a prisioneira Tareixa pídelle axuda á Virxe: "Nosa señora, ven e váleme!". Pola mediación da Virxe o corpo de Tareixa cae fulminado no chan, e alí quéimase, mentras que a súa alma ascende ó Ceo.
Zocas no museo de Grandas de Salime. (C) Dolores González de la Peña, 2017.
Vemos entón como se adapta a estrutura do conto ATU 510A ás nosas particularidades culturais, por exemplo ó amosar o zapatiño (de cristal nas versións máis modernas) coa forma dunha antiga zoca tradicional. O máis importante é que no desenvolvemento desta versión conservamos a xustificación da presenza da zoca no relato maravilloso de Cincenta, o zapatiño non é o símbolo da muller e da súa sexualidade (nas interpretacións freudianas do obxecto): o calzado é a prenda persoal que sirve para rastrexar polo olfato, e que viu substituír seguramente o rastrexo do simple cheiro e das pegadas cando íamos espidos e descalzos. Estes dous elementos, o cheiro e a pegada na persecución dun rastro, da caza, lévanos a tempos moi recuados da nosa liña evolutiva como especie.
Non é menos importante a aparición dunha divindade feminina no auxilio de Tareixa-Cincenta, que ven sendo a fada madriña da versión máis coñecida. E... eu tampouco deixaría de lado ós Irmandiños, que poderían ser unha adaptación do recordo lonxano das tribus ou clans prehistóricos habitantes das covas (como a cova á que é conducida Tareixa). En fin, Tareixa do Ceo ven sendo a lenda da máis antiga Cincenta, que perdeu unha zoca, grazas a cal foi atopada a súa propietaria, aínda que convertida en cinzas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario