Mostrando entradas con la etiqueta orónimos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta orónimos. Mostrar todas las entradas

viernes, 7 de agosto de 2026

A Basanta - Cariño

Topónimo galego provinte da frase latina "ambas antas", da que logo se xera unha forma singular por deconstrución, na que participan fenómenos de fonética sintáctica e falsa segmentación do artigo: abas santas (plural) - aba santa (singular deconstruído) -  abasanta (fusión) - a basanta (segmentación que crea o falso artigo).

A frase aparece na documentación medieval do ano 1132: "et inde ad archas. et inde per illum lumbum inter ambas antas. et inde ferit ad illos ueneiros". Designa un punto situado entre dúas elevacións orográficas ou entre dous túmulos funerarios ou marcos territoriais (antas).

Como apelido rexístrase cen anos máis tarde, xa coa forma definitiva: "Petro Basanta" (ano 1240).

O nome do monte veciño ó lugar da Basanta de Cariño, o Mazanteo, Masanteo ou Basanteo, tería entón a mesma etimoloxía.


A aldea da Basanta de Cariño localízase entre o monte Croado e o Masanteo.

miércoles, 5 de agosto de 2026

O verdadeiro monte Sinaí

Non hai acordo na situación do verdadeiro monte Sinaí, onde disque Deus se lle apareceu a Moisés para lle entregar as táboas da lei (coas que se fixeron os tabots ou arquiñas da alianza - cfr. "Na procura da arca perdida de Ildura Eriz", Arqueotoponimia 2023). É dicir, o feito de que o Sinaí actual, tanto o monte como a península que leva o nome do monte, se veña considerando o auténtico Sinaí débese a que uns monxes no século III informaron de que tiñan atopado alí a zarza ardente, o que resulta materialmente imposible despois de 1.500 anos ardendo! Pero estas inventios brindan pingües beneficios dos peregrinos ás comunidades relixiosas, xa dende a época da viaxeira galaica Exeria, así que agora a ver quen é o valente que desmonta esta falcatruada.

Na nosa opinión, o verdadeiro monte Sinaí está na fronteira entre Irák e Kuwait. É o Jabal Sanam ou Jebel Sinam, o que se pode traducir como o "Monte do Ídolo"; haxiotopónimo que é unha posible alusión ó ídolo que adoraron alí os israelitas (Éxodo 32-4). É un domo salino non moi elevado pero que destaca no terreo chan da antiga Mesopotamia. O Jabal Sanam está a uns 150 km de Basora, preto de Nasiriya, onde se localizan as ruínas de Ur, a cidade de onde era orixinario o profeta Abraham. Co nome de Safwan Hill foi unha importante base de operacións na Guerra de Irak (2003).

Monte Sinaí na Arabia, arrodeada polo Mar Vermello. (C) Ranulp Higden, século XIV.

Moisés cornudo no "Mons Sinay"; sobre el, as "tabule testamenti". O monte sitúase tamén na península arábiga - Mapamundi da Catedral de Hereford, ano c. 1300. 

O monte é mencionado polo portugués Pedro Teixeira como lugar de paso para as caravanas que ían de Basora á Meca. Teixeira indica que "dizen que es abundante en fuentes", polo que coidamos que tería sido un lugar adecuado para erguer o campamento dos xudeus que se menciona na Biblia (Éxodo 19-2). Doutra banda, incluso Teixeira podería estar a informarnos de que o Gibel Sinam é o propio monte Sinai, aínda que tamén podería estar simplemente traducindo o substantivo árabe gibel / jabal / jebel: "llamado de los Arabes Gibel Sinam, que es el monte Sinam, a do antiguamente fue la primera Basora" (Relaciones de Pedro Teixeira, 1610).

jueves, 11 de junio de 2026

Cangas e cadeas

Respecto do orónimo Cangas (varios en Galicia e Asturias) e o substantivo canga tense asegurado que son termos provintes do céltico *CAMBICA, "curvo": "significó primitivamente ‘yugo’ y viene probablemente del céltico *CAMBICA ‘madera curva’, derivado de *CAMBOS ‘curvo’" (Coromines).

Para a segunda acepción (oronímica) que recolle Coromines, "‘collar para el cuello de los animales’ y ‘garganta de montañas’", o investigador indica que "puede explicarse también por *CAMBOS a base de la forma en U de los valles profundos, sea como aplicación directa de la idea de ‘curvo’, sea por comparación con la gamella o arco del yugo", rexeitando así a idea de Menéndez Pidal de partir do étimo latino CANNA.

No galego a acepción que predomina entre as que conserva o substantivo canga é, máis que a de "xugo", a de "horquilla o artificio formado de tres palos que se pone al pescuezo de los cerdos [e outros animais] para que no puedan atravesar muros ni zarzales y entrar en las heredades" (cfr. Dicionario de Dicionarios) ou ben a de "palo o madero atravesado en un camino, que estorba o dificulta el tránsito".

O Padre Sarmiento no século XVIII xa notara que a palabra chinesa canga, "cepo para os delincuentes", fora introducida polos [xesuitas] portugueses: "es una golilla o cepo que abraza el pescuezo del animal [...] En las Historias del Oriente en francés es muy común el nombre canga, para significar la canga que se pone por castigo al pescuezo de los delincuentes. Los que no saben que es voz portuguesa, la creen china, persiana, malaya, etc., y yo con ser gallego, dudé al principio si del oriente se había comunicado a Portugal y a Galicia, o si de Portugal al oriente. Mr. Chardin pone una pintura de un delincuente con una molesta canga triangular, que como golilla casi le agarrota el pescuezo".

Chinés cunha canga ó pescozo. (C) John Thomson, 1870.

Á vista de que as principais acepcións se refiren a trebellos que impiden a libertade de movemento e a obstáculos no terreo, antes que recorrer a un termo suposto non rexistrado como é o céltico *CAMBICA, nós optamos por revisar a etimoloxía. Pensamos que o latín CATENATUS, derivado de CATENA, é o étimo perfecto. De CAD(E)NATUS sae CADNADO, que adoita resolverse por metátese en CANDADO. E dende CADNADO, cun grupo DN formado por un primeiro son en posición implosiva de neutralización fónica, podería pasarse a CAGNADO e logo a CANGADO por metátese. Pois os sons en posición de neutralización non teñen unha pronuncia clara, e adoitan resolverse mantenendo únicamente o risco distintivo, que neste caso é a oclusión sonora, tanto dá que sexa D, G ou B. Cecais a pronuncia velar ŋ do n en posición implosiva teña influído nesta evolución. En definitiva, CANDADO e CANGADO virían ser variantes evolutivas.

Doutra banda, de CANGADO ou do verbo CANGAR (< CATENARE, "encadear") sairía CANGA de forma regresiva. CANGA e CADEA, polo tanto, provirían en última instancia do latín CATENA, e terían acepcións semellantes, tanto como substantivos comúns como cando aparecen na toponimia como orónimos, seguramente aplicados a cadeas de montañas ou lugares accidentados con obstáculos que dificultan o desprazamento.

Cangado rexístrase como alcume na documentación medieval galega, pola presunta forma de camiñar eivada destas personas, como se levaran un destes trebellos que lles impide a movilidade.

"Arie Iohannis dicti Cangado" (1254 - Oseira)
"Fernandus Ruderici, presbiter, cognomento Cangadu" (sen data - Toxos Outos)

En Salamanca a acepción de cadena como "palo horizontal que se sujeta a los largueros para que los tablones o las angarillas del carro no se abran" (Lamano, El dialecto vulgar salmantino) coincide cunha das acepcións de canga que conserva o galego: "pieza de madera que sujeta las chedas del carro a la cabezalla"; na nosa opinión esta coincidencia proba que CANGA e CADEA / CADENA proceden en última instancia do latín CATENA.

viernes, 1 de mayo de 2026

Os Valións / Valeóns

Botarémoste en falta, Fernando. Este vai por ti, mestre.


Os Valeóns ou Os Valións é o nome que recibe un castro da parroquia de Santa Sía de Roma (Zas). Parécenos que o topónimo podería ser un derivado do latín vallum, "terraplén, talude de terra que protexe unha fortificación", o que sería un termo especializado do ámbito militar, e no caso do castro de Santa Sía teríase aplicado ás enormes defensas do poboado da Idade do Ferro.

No boletín do Instituto de Estudos Bergantiñáns, Andando por Bergantiños nº 16 - parroquias de Couso, Ferreira e Seavia (2015), no que colaboraba o noso amigo Fernando Cabeza Quiles, finado nun triste accidente de bici hoxe mesmo, definíase valeón como talude ou pendente orográfica, polo que pensamos que a acepción de baleón que fornecera Constantino García no seu Glosario de voces galegas de hoxe (1985) como "alud de tierra" non é totalmente correcta (seguramente falla un t- inicial). Etimolóxicamente corresponde, polo tanto, a escrita do termo e topónimo con v- inicial.

jueves, 23 de abril de 2026

Medorra do Medio do Capitán - Cerceda

A Medorra do Medio do Capitán (límite entre os concellos de Ordes e Cerceda) aparece descrita no deslinde de 1924 (IGN) porque un dos seus chantos de pizarra fora utilizado como termo ou mollón: "una piedra de pizarra que tiene cuarenta y siete centímetros de altura, veintiocho de ancho y diez de espesor [...] que se encuentra en la zona de monte conocida en el país con el nombre de Medorra do Medio do Capitán, en un enterramiento primitivo que en el país llaman mámola o medorra".


A continuación, e a uns 200 metros, descríbese outra pedra de xisto similar no lugar de Areosa, tamén utilizada como mollón (posiblemente chantada sobre outro túmulo), polo que pensamos que as dúas mámoas inventariadas por Patrimonio no lugar, a mámoa de Areosa e a da Abeleira, situadas moi próximas entre si ó leste de GESUGA, serían estes dous túmulos que se mencionan no deslinde dos concellos de Ordes e Cerceda do ano 1924, que daquela aínda terían algún dos chantos da cámara á vista.


Despois de barallar varias posibilidades cos amigos do Facebook para explicar o topónimo que dá nome a Medorra do Medio do Capitán, chegamos á conclusión de que O Capitán é un orónimo derivado do latín capitia, "cabeza", en alusión ó cumio do monte onde se sitúa a medorra, xusto no medio da elevación.

jueves, 7 de noviembre de 2024

El Naranjo / Naranxu de Bulnes

 

Debuxo de Guillermo Schulz dos Picos de Europa dende Nueva (Llanes) co perfil do "Naranjo de Bulnes" (1858) - Atlas Geológico y Topográfico de Asturias.

Segundo Ramón Sordo Sotres, Naranxu Bulnes era o nome que os habitantes do oeste de Llanes usaban para se referir ó famoso Picu Urriellu. Semella, entón, que o nome Naranjo que aparece na cartografía de Guillermo Schulz por primeira vez (1855 - 1858) non é, como se pensaba, un topónimo inventado polo inxenieiro alemán, ou unha alteración dun orixinal *Naranco, de orixe prerromana, senón que se trata da castelanización do nome Naranxu que Schulz tería escoitado en Llanes. Sordo Sotres indica nesta mesma entrada da súa obra, Toponimia de Asturias, Cantabria y León (2005), que o nome Naranxu alude á cor laranxa do pico, e di que "los pastores de este pueblo cabraliego [Bulnes] denominan La Mermeya al impresionante extraplomo naranja -color apreciado también a gran distancia- que adorna la cara oeste de la pica que nos ocupa". O investigador fornece outros exemplos do uso do topónimo Naranjo / Naranxu para designar lugares nos que hai algunha formación rochosa de cor laranxa: El Naranjo (prado entre Llánez y Susvilla - Cantabria), praia de El Naranxu (cantís de cor laranxa en Po - Llanes).


Na oronimia do entorno dos Picos de Europa na primeira edición do MTN50 recóllense varios nomes relativos á gama das cores que van do vermello ó laranxa dos picos: "Torre Bermeja" (La Mermeya), "Los Horcados Rojos", "Las Coteras Rojas" e mailo propio "Naranjo de Bulnes". O achádego de Sordo Sotres deste outro nome, tradicional en Llanes, para o pico (Naranxu vs. Urriellu) encádrase satisfactoriamente na motivación dos orónimos do seu entorno, baseados nas cores das rochas das caras das torres, ou nas cores que reflicten ó incidir o sol nelas.

Segundo pensamos, Naranxu tería xurdido como adxectivo de creación popular forzando a moción de xénero (-u / -a) para concordar  aquí cun substantivo implícito masculino (picu), tal e como se comportan os outros adxectivos que sinalan a cor, como bermellu / -a, ou roxu / -a (Horcados Rojos - Coteras Rojas). É dicir, Naranxu na frase El Naranxu Bulnes non é o substantivo que designa a árbore, senón o adxectivo que significa "de cor laranxa": El (Picu) Naranxu de Bulnes > El Naranxu Bulnes, como se dicimos La (Collada) Naranxa > La Naranxa. Un caso próximo con esta mesma elisión nuclear témolo no nome da Mermeya, que ven dunha frase La (Torre) Bermeya. Mentras que nin o galego ou o castelán teñen moción para o xénero do adxectivo laranxanaranja (pantalón laranxa, camisa laranxa), nesta zona de Asturias o adxectivo naranxa si tivo moción de xénero, aínda que só fose a nivel popular. Convén suliñar a cuestión suscitada da moción de xénero do adxectivo naranxu / naranxa, "de cor laranxa", para evitar pensar no substantivo, na árbore laranxeira, naranxu en asturiano. A confusión ten orixinado a curiosa historia humorística que lle contaron a Aurelio de Llano en 1928 sobre a existencia dun naranxu en Bulnes que "durante seis meses al año da naranjas que pesan más de cuarenta quintales cada una" (Bellezas de Asturias de Oriente a Occidente).

A primeira vez que se dá conta da vista dende o mar, dende a costa de Llanes, dos Urrieles e as Peñas de Europa non é no debuxo de Schulz de 1858, senón nun texto sobre o concello de Cabrales que no 1771 elaborou Francisco Antonio Fernández para o Dicionario Xeográfico de Tomás López. Nel se indica que estes picos servían para orientarse dende o mar: "en especial todo el cordón [de serras] de la parte de Medio[día] y Norte son unas peñas inaccesibles, y en los puntos [marcados con] VV hay una peña a manera de punta o castillo tan sumamente alta que desde la mar, que está por medio el concejo de Llanes, se gobiernan por ella, y llaman Urrieles". A esta descrición acompáñana dous planos, un deles reflicte a toponimia da peña "Urrieles" preto de "Bulnes". Este orónimo dos Urrieles mailo nome oficial do pico Urriellu ou Picurriellu proveñen da raíz hidronímica paleoeuropea *ur, "agua", ó ser nacedoiros de mananciais.

Marcas VV que indican a situación dos "Urrieles", preto de Vegas del Toro (24), Campos de Pandébano (30) e Sotres (23). Dicionario Xeográfico de Tomás López, provincia de Asturias, fol. 56.


"Urrieles" xunto a "Bulnes" no Dicionario Xeográfico de Tomás López, provincia de Asturias, fol. 57.

lunes, 7 de octubre de 2024

A Ruña e o seu glaciar rochoso

O profesor Vidal Romaní ven de informar nun recente artigo de La Voz de Galicia da extraordinaria alfaia xeolóxica que albergan os montes da Ruña (Mazaricos), nada menos que un glaciar rochoso (non de xeo), único en Galicia polo seu excepcional desenvolvemento, e que se comezou a formar fai 135.000 anos.

Semella que o glaciar da Ruña corre perigo pola pretensión de Feroe Ventures & Investments (que mercou a antiga XEAL) de instalar no cumio do monte a balsa dunha central hidroeléctrica revertible, das que bombean auga dun embalse cara o alto cando a enerxía está barata (horas valle), para logo deixala caer e turbinala nas horas na que a enerxía está máis cara (horas punta). O proceso é totalmente absurdo dende o punto de vista ecolóxico do aforro enerxético, pois xérase a mesma cantidade de enerxía que se consumiu para producila. Isto non se lle ocorrería nin ó que asou a manteiga... a non ser, claro, que o único que se pretenda sexa o beneficio económico que se produce ó vender a enerxía así captada (en barato) ó prezo máis elevado das horas punta. Isto chámase acaparamento, e é unha práctica especulativa ilícita (pois recae sobre bens de primeira necesidade), non ten nada que ver coa ecoloxía.

Alá eles, que se escornen, así como os que lles permiten semellantes imbestments, con b de bestas. Eu limítome a advertir, dende unha pequena lección etimolóxica, de que o proxecto na Ruña non é viable, tal e como indica (avisa) o propio orónimo Ruña.

Evidentemente o orónimo Ruña, único en Galicia, está relacionado coa presenza deste glaciar rochoso, tamén único en Galicia. O seu étimo é o latín ruina, "derrubamento: dunha construción, ou dunha formación oroxénica". É indicativo, pois, de que o monte estivo sometido ó proceso visible de esboroamento periglaciar que constatou o profesor Vidal Romaní, o que fai inestable a súa superficie. Jules Guex na súa obra adicada á toponimia alpina explica por exemplo que Le Rogneuse e Le Rognoc son montes ou terreos que se esboroan, derruban, esborrallan (La montagne et ses noms, Lausanne, 1946). A expresión ruina montium (ruína dos montes) coñecémola polo historiador romano Plinio o Vello, que a describe como unha técnica de minería que provocaba o esboroamento dos montes.

Entón, agora semella que non é o glaciar da Ruña o que corre perigo, senón a balsa proxectada por Feroe Ventures & Imbestments. Non é a primeira vez que a toponimia avisa, sen que se lle preste atención, do inadecuado de realizar determinadas construcións nun lugar. Lembramos por exemplo que no ano 1962 a Riera de les Arenes, habitualmente seca, encheuse por causa dunhas chuvias torrenciais e provocou efectos catastróficos nalgúns barrios de Terrassa e na localidade de Rubí, nos que había construcións no propio leito da riera.


Pregamos encarecidamente a corrección do barbarismo Larruña que aparece na Enciclopedia Galega Universal da Xunta de Galicia.

viernes, 31 de mayo de 2024

Toponimia de Lendo - A Laracha

BRAGUNDE


Segundo o filólogo alemán Joseph Maria Piel este topónimo é un nome propio en caso xenitivo de posesión, que indicaría que o lugar pertenceu a un tal Verecundus (masculino) ou a unha muller chamada Verecunda, nome cristián baseado no latín verecundia, "vergoña". ("Sobre a origem de uma trindade toponimica galega: Bergunde, Bergondo, Bragunde", Grial 82, 1983). Este tipo de nomes propios usábanse para propiciar a modestia ou outras virtudes cristiás nos seus portadores.

Inclinámonos pola posibilidade de que o lugar de Bragunde tivese pertencido a unha muller cristiá da Idade Media chamada Verecunda, pois é que na documentación medieval galega só atopamos o antropónimo como nome de muller:

"Ebragundia" (ano 954 - Corpus Xelmírez).
"Ipsa larea que fuit de avia mea Bragundia" (1097 - Braga) = a leira que foi da miña avoa Bragundia.

FONTE GAREA

Segundo Paulo Martínez Lema, "A Garea, que lle dá nome a unha aldea da freguesía de Agrón (Ames), comparece na documentación de DTT baixo a forma Dagarii (1205), o que nos permite interpretalo como o resultado dun sintagma *(UĪLLA) DACAREDĪ, do antropónimo xermánico DAGAREDŬS / DACAREDŬS" (A toponimia da comarca de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do Tumbo de Toxos Outos (séculos XII-XIV), tese de doutoramento, 2010).

Na nosa opinión, a existencia na parroquia de Lendo (A Laracha) dunha Fonte Garea esixe ter en conta a súa explicación como posible hidrónimo. Neste caso o topónimo Garea semella provir da mesma base prerromana que deu orixe a Guareña (Badajoz) ou a Ojo Guareña (complexo kárstico de Burgos).

Hubschmid (Palabras pirenaicas de origen prerromano", 1954 - ed. de Llorente Maldonado) explicara por exemplo que garouno nos Pirineos designaba os cursos de auga, e que era forma sinónima de la Garonne; en montañés guareña significaba "pradería na que abundan os regos ou fontes"; e en salmantino, "ribeira, rego, charca, prado no que abundan os regos"; en Zamora existe o hidrónimo Guareña < vallem de Garonna; e en toda Francia Garonne.

Pola súa parte, Menéndez Pidal tamén tratara do hidrónimo Guareña nunhas "Notas de toponimia" publicadas primeiramente no 1927 e logo na súa obra Toponimia prerrománica hispana (1952). Neste traballo destaca a análise que fixera das formas, que presupón formas antigas con vogal aberta que logo diptongou: o río Guareña que nace na provincia de Salamanca e percorre a de Zamora era designado na documentación medieval como "Garona" (ano 1116) ou "Garonna" (ano 1156). Así pois, ó ser o galego unha lingua na que non se produce a diptongación das vogais abertas faríase necesario explicar Garea como procedente dunha variante suposta *Gare(n)a non documentada, que alternaría coa forma Garona.

Unha outra posibilidade nola suxire o dicionario de Marcial Valladares, que rexistra a forma garejar "rezumar, traspirar una vasija por sus poros cualquier líquido". O verbo semella acaído para explicar o hidrónimo Fonte Garea, pois presupón un substantivo *garea vencellado ós líquidos, de onde se derivaría o verbo garejar, que amosa epéntese de iode antihiática. Seguindo esta posibilidade, o máis probable é que Garea e garejar sexan derivados do latín aquam ou do indoeuropeo akwa con aférese da vogal inicial e redución do grupo kw > k > g. O topónimo Garea designaría, pois, uns terreos que rezuman auga, percorridos por regos, irrigados para pasteiros, ou ben un manancial.

Fonte Garea, segundo o Catastro de Ensenada, era un dos marcos que dividía Laracha de Carballo. A liña de demarcación continuaba polo recinto fortificado da Torre Vella.

Castro da Torre Vella, entre as parroquias de Noicela (Carballo) e Lendo (A Laracha). Xunto del obsérvase outro recinto máis pequeno, o Castro do Coto, segundo nos informa a arqueóloga Puri Soto.

LARÍN


O Larín de Lendo, como o topónimo Larín de Láncara e mesmo o Larín de Arteixo, que atopamos documentado como "Elarim" no ano 969 ("Sanctum Stefanum de Elarim"), provén do nome propio Elarinus, en caso xenitivo de posesión (Elarini), o que indicaría a pertenza das vilas a un propietario deste nome.

Existen mencións ó Larín de Láncara que tamén proban esta etimoloxía: "territorio Sarrie subtus muro de Mahamuth, propre villa regis que vocitant Elarin" (Samos, ano 962), ou "per terminum de Sarria et inde per termino de Elarin et per termino de sancto Vincentio de Lancara" (Samos, ano 1059).

Elarinus segundo Ana Isabel Boullón é un derivado do nome propio latino Hilarius / Elarius, de orixe grega, vencellado á alegría e á risa. Convén distinguilo do nome persoal Lalinus, probable orixe do topónimo Lalín de Pontevedra.

O Seminario de Onomástica no seu vídeo sobre o nome de lugar pontevedrés de Lalín (a cargo de Gonzalo Navaza) indica que o Larín de Arteixo se documenta como Lalín nos textos medievais, polo que viría de Lalinus, do mesmo xeito, afirma o investigador, que o Larín de Láncara. Mais dita consideración non está a ter en conta que as ocorrencias máis antigas destes dous topónimos Larín amosan a forma "Elarini", de Elarius.

Larín no Catastro de Ensenada (Libro Real de Leigos) figuraba como núcleo duplo, desdobrado nos lugares de Larín Novo e Larín Vello.

LENDO


O nome da parroquia rexístrase como "Leedo" nun documento outorgado por Alfonso IX no ano 1228 (fonte: CODOLGA). A presenza do son nasal leva a restituír un til de nasalización non grafado *Leẽdo, o que apunta a un étimo como o latín lenitum, "doce, suave, temperado, calmo", ou ben a planetum, "chao, chaira", con perda céltica do p- inicial seguida de líquida, tal e como ocorreu no topónimo Ledesma (Boqueixón), procedente do prerromano Pletisama, "a grande chaira".

No primeiro caso, a motivación do nome viría dada por ocupar a parroquia un terreo protexido dos ventos mariños polo contraforte do monte Lendo; no segundo, faría referencia á cualidade de ser a maior parte do terreo parroquial, unha chaira, salvo o mencionado contraforte do monte, que a protexe polo norte.

Pía bautismal románica do século XII de San Xiao de Lendo. (C) Arquivo Galiciana.

No traballo de Carlos Pereira Martínez sobre a encomenda templaria que existiu en Lendo, indícase que era lugar de paso obrigado entre A Coruña e Malpica, e que no Catastro de Ensenada aparecen os microtopónimos Calzada de Baixo e Calzada de Riba ("Dúas encomendas templarias galegas descoñecidas: Lendo (A Laracha) e San Sadurniño", Anuario Brigantino, 2000). Segundo o investigador, podería tratarse dunha antiga vía de comunicación de orixe romana que transcorría pola parroquia.

Calzada de Abajo e Calzada de Arriba no Libro Real de Leigos de Lendo
(px. 189 do visor - Arquivo Galiciana).

*LEXAS - LEGAS


No Libro Real de Leigos de Lendo (Catastro de Ensenada) a forma que continuamente aparece é Legas (px. 129, 130, 167, etc.) así como no Libro Real de Eclesiásticos (px. 34). Por elo sostemos que o topónimo Lexas é unha forma ultracorrecta. Nalgún momento entendeuse que a pronuncia de Legas con gheada (Leghas) era un castelanismo, e restituíuse o son que se confundiu coa jota do castelá polo equivalente galego, xe.

Legas podería provir do latín laicas, "relativas ós leigos", designando unha terras que non eran do Igrexario. Na documentación medieval e ata finais do século XVIII adoitábase facer esta distinción entre as terras de "ecclesiario" e de "leigario", as que eran da Igrexa e as que non eran propiedade do clero. A particularidade da forma Legas, se é que procede do latín laicas, é que presenta unha redución do diptongo, pois a forma esperable sería Leigas.

Legas no Libro Real de Leigos de Lendo. (C) Arquivo Galiciana, px. 129.

SAMIRÁNS


Samiráns é un xentilicio, de onde se tira que necesariamente a aldea tivo que se denominar primeiro Salamiri, nome que adoita evoluír a Saamil (varios lugares en Galicia), a Samil (moitísimos máis lugares de Galicia) ou ben a Samir (Soandres - A Laracha). No caso da vila chamada Salamiri de Lendo, tivo mellor fortuna como topónimo o seu xentilicio Salamiranes, "os habitantes dun lugar chamado Salamiri", que finalmente rematou por dar nome ó lugar. A forma actual é a esperable trala perda do -l- intervocálico, preceptiva na evolución do galego medieval.

Salamirus foi un nome propio medieval de orixe xermana moi corrente, rexistrado nos documentos dende o ano 831. Trátase dun composto de dúas bases, SALA, "hall, corte", máis MEREIS, "célebre, famosa, grande". Como se pode percibir, o certo é que o seu significado encaixa moito mellor como nome común de orixe xermana co significado de "grande hall ou corte; importante edificio pacego". 

Cremos que a meirande parte dos lugares chamados Saamil / Samil / Samir de Galicia, como os Saa e Sa (provintes tamén do xermano SALA), foron nomes impostos polos colonos suevos ós establecementos rurais que fundaron, e que primeiramente o nome foi usado como nome común co significado de granxa ou pazo, non como antropónimo. Isto explicaría que as máis antigas mencións sexan referencias a vilas deste nome ("villa Salamiri" - ano 747), non a persoas denominadas Salamirus.

Un exame do entorno de Samiráns podería sacarnos de dúbidas sobre se o topónimo provén en última instancia do nome propio do posesor da vila (un tal Salamirus) ou se foi unha frase xermana SALA + MEREIS = residencia principal, pazo, corte. Ó oeste de Samiráns no lugar da Torre ben podería terse ubicado o edificio principal, o hall. Na parcela catastral 120 (entre A Torre e Samiráns) o microtopónimo Cervecería, un caso único en Galicia de perduración dunha forma provinte do latín servicialia, indicaría que se practicou a servidume, isto é, que houbo servos (colonos) ó servizo dun señor feudal.

Microtopónimo Cervecería no Libro Real de Leigos de Lendo (px. 165 do visor - Arquivo Galiciana).

*XOIOS - GOIOS


Como ocorrera no caso de *Lexas - Legas, Xoios pode ser outro caso de ultracorreción da gheada da pronuncia Ghoios, restituíndose o son que se confundiu coa jota do castelá polo equivalente galego, xe. A dobre solución empregada no Libro Real de Leigos do Catastro de Ensenada (parroquia de Lendo, px. 203), "Joios" e "Foios", indica que a pronuncia do topónimo facíase cun son fricativo velar que o escribán dubidaba como transcribir: en xeral empregou a jota do castelán, pero tamén, polo menos nesta ocasión, o f. Esta segunda elección gráfica resulta moi interesante, pois dá conta de que no ámbito do castelán a pronuncia do f xa era aspirada (cun h aspirado, son semellante ó da nosa gheada ou ó da jota castelán), de aí que o escribán castelán recoñecera na pronuncia de Ghoios, erróneamente, un h aspirado, pronuncia vulgar do f, por iso o transcribe como Foios. Este problema engadido do f como transcrición da gheada, que detectamos por vez primeira nos textos catastrais do XIX redactados por escribas casteláns, vai ser necesario telo en conta para normalizar topónimos pouco coñecidos.

O nome que restituímos é, pois, Goios, que para Ana Boullón é un antropotopónimo (nome de posesor ou fundador da vila) provinte do nome latino Gaudius (Antroponimia medieval galega, 2014).

En comunicación persoal, o filólogo Xabier Canosa indícame que goio ten tamén os significados de "oco, concavidade do terreo", e que podería ser variante de pronunciación de coio, "canto rodado"". Efectivamente, como se pode comprobar no Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega, o seu sentido abrangue as acepcións anteditas máis as de "cova", "sepultura", "lagoa", "poza". Polo que, de acordo cos principios da toponomástica, debemos inclinarnos primeiro por estes valores descriptivos da orografía, antes que recorrer á hipótese antroponímica de Boullón.

"Joios" e "Foios" no Libro Real de Leigos de Lendo, px. 203 - Arquivo Galiciana.

viernes, 20 de octubre de 2023

Portugal e os Portugales galegos

En Galicia temos localizado polo menos cinco topónimos Portugal, entre nomes de aldeas e microtoponimia, que evidentemente terán a mesma orixe etimolóxica que o corónimo Portugal, nome do país veciño e irmán. Como se pode comprobar con facilidade todos son lugares do interior, non da costa. Son:

1. Portugal: terras en Santaballa (Vilalba).

2. Portugal: aldea xunto a Figueiroa, en Cerdedo-Cotobade.

3. Portugal: aldea (Oca - Coristanco).

4. Portugal: terras en Crecente (A Pastoriza).

5. Portugal: terras en Filgueiras (Pedrouzos - Castro Caldelas).

6. Portogaliño: accidente do terreo en Leroño (Rois), o que podería ser un diminutivo de Portugal.

Figura 1. Terras nomeadas como Portugal na contorna de Filgueiras (Pedrouzos - Castro Caldelas).

Portugal é un topónimo composto por un primeiro termo porto, de orixe latina (portus), que non presenta dificultades na súa identificación e significado: "acceso orográfico, paso entre montañas, vao dun río, punto polo que se penetra dende o mar na costa (varadoiro de embarcacións)". No caso dos cinco Portugales galegos, de interior, o sentido do primeiro formante será, pois, o de acceso orográfico ou vao.

Na figura 1 vemos cal é a orixe do segundo formante do topónimo Portugal ó se situar xunto dunha leira que recibe o nome de A Cal pola súa vecindade a un camiño. O sustantivo latino callis (feminino) é o étimo de cal, "camiño" (castelán calle), que no Glosario de Du Cange se define como "via regia", isto é, Camiño Real. Du Cange péganos un repaso, cos seus exemplos, da relación entre os camiños reais, as calzadas romanas e as cales (calles): "Diebus Honorii et Arcadii facti sunt in Britania Calles ad mare" = nos días dos emperadores Honorio e Arcadio fixéronse en Britania cales cara ó mar (ou cecais vías marítimas).

Isidoro definía callis nas súas glosas como "via pecorum vestigiis trita", isto é, un cattle-track ou vía natural de tránsito para as vacas, feita polas pegadas que van deixando ó marchar unha tras outra. Temos entón a partires do termo callis (cal) a cadea completa de formación das vías de tránsito de orixe natural: vías pecuarias feitas polos bóvidos nos seus desprazamentos - calzadas romanas - camiños reais.

A sonorización da oclusiva velar sorda de calle (forma en acusativo latino da que procede cal) prodúcese cando a palabra entra en composición, Portucalle, quedando o son sordo en posición intervocálica o que leva á súa sonorización: Portugal.


Figura 2a e 2b. Núcleo de Portugal xunto da aldea de Figueiroa (Cerdedo - Cotobade).

No caso do Portugal de Figueiroa (Cerdedo - Cotobade) na bibliografía remitida amablemente por Calros Solla infórmasenos de que "unha corredoira lastrada comunícao coa veciña aldea de Loureiro e co Milladoiro de Parada" ("A mámoa de Portugal, outro túmulo inédito no medio dun antigo paso de camiños", Historia de Galicia, 2021). Na figura 2a vese perfectamente o "Camiño de Parada" no mapa das Minutas Cartográficas do IGN, de principios do século XX. Este "Camiño de Parada", lastrado, é seguramente a cal ou senda que no punto no que se metía polo porto orográfico deu orixe ó topónimo Portugal.

É moi relevante, en relación coa posible orixe pecuaria da vía, o recinto prehistórico chamado A Roda da Ameixoada (figura 2b), que Calros Solla e Ignacio Grande inspeccionaron no 2012 ("A Roda da Ameixoada, un novo curro prehistórico en Cerdedo", Faro de Vigo, 2/12/12); como é sabido unha ameixoada é un lugar onde se xuntaba o gando para telo protexido. Tamén é relevante o microtopónimo Calzada que aparece xunto a Portugal na folla catastral, que informa da existencia dese camiño lastrado (calle) descrito por Solla.

Figura 3. Terras chamadas Portugal xunto do río Trimaz na parroquia de Santaballa (Vilalba).

Nas terras da figura 3 chamadas Portugal (Santaballa - Vilalba) dase a localización do topónimo en ámbalas dúas beiras do río Trimaz; neste caso a toponimia corrobora que o porto polo que discurría a cal era un vao.

Os Portugales galegos quedan polo tanto caracterizados en principio como vaos ou portos orográficos de interior polos que discurría unha vía de comunicación (calle latina). De ser Portugalete un diminutivo de Portugal (cfr. a terminación de "molete"), só un dos tres existentes en Galicia se localizaría fronte ó mar (o Portugalete de Muros).  Pensamos logo que o corónimo lusitano Portugal podería encaixar neste perfil dos Portugales galegos, e que porén non se tería formado a partires do nome da cidade de Porto combinado co da cidade de Gaia, situada doutra beira do Douro, xa que non é posible que este último topónimo proveña do Calle de "Portucalli" / "Portucalle" (documentado así na obra de Idacio de Chaves - século V).

No estudo de Matos (As estradas romanas do Concelho de Gaia, 1932) defendérase a existencia dunha vía romana litoral, secundaria da XVI, que pasaría polos castros de Monte Murado, de Valadares e da Madalena, todos no concello de Gaia, e que sería "nesa corda que deverão procurar-se os miliários e os vestigios da famigerada via" (apud Leite, Beites e Coelho: "Um marco miliário de Caracalla, em Vila Nova de Gaia, no contexto do noroeste peninsular", Oppidum, 2012-13). Pois é que na aldea de Tartomil (Gaia) apareceu un miliario de Caracalla desubicado, que os autores do estudo citado supoñen que orixinariamente estaría situado na zona do castro de Valadares, por onde transcurría a estrada romana litoral proposta por Matos. Dita estrada nos textos medievais aparece denominada como "strada mourisca" / "stratam mauriscam".

Nun outro traballo de Luís Seabra recóllense documentos nos que se alude en varias ocasións á vía romana como "strata ueredaria que discurrit de Portugal" - ano 995 ("De Portugal a Coímbra pela Estrada Mourisca", Estudos Aveirenses, 3, 1994). Son textos nos que o nome de Portugal, referido a unha cidade ou a un pequeño territorio ou condado na zona de Porto e Gaia, do que aínda non formaba parte Coimbra, lígase a unha vía de comunicación principal de orixe romana cando menos ("estrada mourisca", "strata ueredaria"). Na nosa opinión dita vía romana sería a calle que tería orixinado o topónimo Portucalle > Portugal, sendo o porto do composto a indicación do vao do Douro entre Porto e Gaia. O nome do vao logo nomearía á cidade de Porto, ó Condado Portucalense e finalmente ó país.

A existencia de topónimos como Portacal (Sobrado), aportado por un lector nos comentarios, viría a completar o exposto coa incorporación de variantes nas que a sonorización k - g non tería ocorrido (o que non é extraño nos compostos), e o primeiro formante teríase realizado na forma feminina. Como se ve na seguinte imaxe, Portacal ocupa un lugar encaixado nunha cal (latín callem).

Figura 4. Portacal, de camiño ó castro da Cruz do Castro (Cumbraos - Sobrado).

lunes, 9 de octubre de 2023

Comeanda - A Coruña

Explicando a orixe do topónimo Xermade dende o nome propio latino Germinatus, en caso xenitivo de posesión Germinati, o estudoso Joaquim de Silveira atopara as formas Germiade, Germaade, Germinhade e Germandi ("Toponimia portuguesa", Revista Lusitana, 1935). Mentras que para as tres primeiras vía resultados fonéticos compatibles coa evolución natural da lingua románica galego-portuguesa (perda do -n- intervocálico, asimilación de vocais por harmonización, desenvolvemento dunha nasal africada palatal dende o hiato -ïa- > -iña-), no resultado Germandi só viu un erro de transcrición, pois non foi quen de albiscar que da forma con vogal nasalizada Germaãde puido rexenerarse, cun cambio de posición na sílaba, a nasal perdida anteriormente. Polo tanto é unha evolución perfectamente natural Germaãde > Germande.

Dito fenómeno consistente en se xerar unha consoante nasal /n/ a partires dunha vogal nasalizada témolo observado tamén no caso do topónimo Ameendelo < Ame(n)etello ("Los hidrónimos Mendo y Miodelo", Arquetoponimia, 2013), sempre en posición final de sílaba e ante consoante oclusiva dental: "Uanate" > * Baãde > Bande ou "Plataneta" > *Pradaẽda > Padrenda, ganatum > gaãdo > gando. Nótese que non é posible propor a evolución de Uanáte, Platanéta ou ganátum a Bande, Padrenda ou gando pola caída da vogal, xa que esta é tónica e as vogais tónicas nunca caen.

Semella que no topónimo coruñés Comeanda podería terse producido o mesmo fenómeno, dende o latín *cuminatam, derivado de *cu(l)minem, "elevación do terreo". Cuminatam > Cumiãda > Comeanda / Cumianda. Cecais no étimo influíu o termo latino cacumen, "cume": "per cacumina montis Cuminalis" (ano 886 - Ourense).

Porén, ten que se prestar especial atención ás terminacións -nde, -ndi, -nda para comprobar que a posición do n sexa etimolóxica, e non resultado da xeración dun n procedente da vogal nasalizada previa. Na nosa opinión o fenómeno fonético indicaría en certa forma a preservación esporádica das antigas vogais nasais descompostas nos seus dous elementos, vocálico e nasal, e tanto tería grafalo co til de nasalización: Comeãda.


Pola estrada de Comeanda ía eu cara Bens cando traballaba na Moura, ó fondo da Avenida de Finisterre.

martes, 11 de julio de 2023

O Suído e Valdohome

Di Paula Ballesteros que "o mesmo nome da serra, Serra do Suído, pode facer referencia á familia dos mamíferos omnívoros á que pertencen o porco e o xabarín, os suídos, palabra de etimoloxía latina, o que fai pensar que o topónimo podería facer mención á abundancia deste animal en maior número que en época actual", e respecto a Valdohome recolle unha lenda popular: "con este topónimo denomínase a unha das dorsais máis representativas do Suído. A tradición di que fai un tempo atopouse no Campo de Abelenda o cadáver dun descoñecido, polo que pasou a denominarse “Valdohome” (= val do home)" ("A paisaxe gandeira na Serra do Suído. A construción social do espazo a través da memoria", Revista del Museo de Pontevedra, 62, 2008).

No léxico galego patrimonial, e polo tanto na toponimia de Galicia, non existen derivados do latín sus, "porco, xabarín", polo que non é posible encadrar o orónimo Suído nesta etimoloxía. Temos que considerar outras posibilidades para explicar este topónimo case único, pois só atopamos en Portugal o cognado Rocha dos Soídos (Alte - Faro), que nomea un pico roqueiro.

Soído ou suído ven recollido nos dicionarios de galego como variante non recomendada de son, procedente do latín sonitus, "son, ruído". O seu emprego documéntase nalgún texto medieval: "campanae sonitum faciente" (Santiago, ano 1335). Así pois, aínda que non sexa moi corrente, polo menos documéntase, o que, tendo en conta o topónimo portugués, podería indicar que o orónimo O Suído estivo motivado pola resonancia das voces ou calquera outro son (cecais natural, como posibles desprendementos de rochas, ruído das augas, tronos, etc.) que a configuración da elevación orográfica intensificaba. Mesmamente podería ligarse a este son ou ruído o vocerío que resoaría na serra cando se realizaban as batidas dos lobos, que eran espantados con griterío para levalos cara algún dos foxos da serra situados na divisoria de augas.

Foxo Vello e Foxo do Lobo no Suído, moi preto do nacemento do río Valdohome, segundo as Minutas Cartográficas do IGN.

Aproveitamos para lembrar a capacidade da toponimia de xerar lendas por etimoloxía popular, como a do home (morto) de Valdohome. O topónimo Home é xeralmente un hidrónimo de orixe paleoeuropea (J.J. Moralejo, "Hidronimia prerromana de Gallaecia", en Onomástica Galega II, ed. Dieter Kremer, 2013), como amosan os varios ríos Home ou Homem (tributario do Verdugo, tributario do Cádavo, tributario do Támega), documentados dende data moi temperá coa forma latinizada por falsa etimoloxía Homine (ano 569: "Portelam de Hominem" - Liber Fidei, Braga), e provintes da base *wegw, "húmido". E iste vai ser o caso de Valdohome: un río Home que deu nome ó val (Valdohome) e á dorsal.

domingo, 2 de julio de 2023

O óstraco [—]GERESIBV[S] e os topónimos O Gerês / O Xurés, Ourense e os montes "Auregenses"

Óstraco da mansio dos Baños de Río Caldo. Fotografía cedida polo equipo de Davide Bande.

A campaña de excavacións e consolidación da mansión romana dos Baños de Río Caldo (Lobios - Baixa Limia), promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio e dirixida polo arqueólogo David Pérez (Davide Bande) aínda está en curso, pero xa forneceu material interesantísimo, como este excepcional óstraco, isto é, un fragmento cerámico con escritura, no que se pode ler a palabra [—]GERESIBV[S] na segunda liña, en caso dativo ou ablativo plural latino. A noticia do seu achádego foi presentada antonte na prensa ("Un topónimo bimilenario, el hallazgo en Lobios", artigo de Laura Fernández en La Región, 30/6/23).

Como non somos expertos en epigrafía, deixamos como é preceptivo o estudo da peza, máis a lectura do campo epigráfico formado polas dúas ou tres grafías da liña inmediatamente superior, que entraña bastante dificultade, ós especialistas nesta materia.

Nós centrarémonos exclusivamente nunha revisión da bibliografía sobre o topónimo que se está a escribir claramente na segunda liña, moi estudado por parte dos filólogos.

Nesta segunda liña lese sen dúbida algunha o nome desta mansio pertencente á vía romana XVIII, de Braga a Astorga. O óstraco garante que a de Baños de Río Caldo fora a mansio que no Ravennate e na Tabula Peutingeriana se mencionaba como Aquis Ocerensis, mentras que no Itinerario de Antonino e nas Tablas de Astorga a forma rexistrada era Aquis Oreginis ou Aquis Originis (Bascuas, 2017). Á vista das testemuñas anteriores, a restitución dunha [O] inicial para o topónimo, que daría unha lectura acabada [O]GERESIBV[S], semella case segura... mais polo momento non imos propoñer esta restitución.

Fora Amilcar Guerra (Guerra, 2003) o investigador que se decatou da relación etimolóxica entre o nome da Serra do Gerês / Xurés e o nome da mansio romana dos Baños de Río Caldo, descartando as formas Oreginis / Originis como produto dunha metátese, e tomando como correcta a forma Ocerensis do Ravennate e a Tabula de Peutinger.

Pola súa parte, Edelmiro Bascuas, que traballara previamente (Bascuas, 2002) sobre a etimoloxía de O Gerês / O Xurés dende as formas medievais, como o Ugeres documentado en 1074, sen ter en conta as dos itinerarios romanos, tiña chegado á conclusión evidente de que a forma etimolóxica precisaba dun son oclusivo velar sonoro [g], pois o xordo [k] no servía: "la velar sorda [k] ante vocales anteriores se conserva como ce, ci tanto en gallego como en castellano (por ejemplo, centum > cento, cito > cedo, caelum > ceo), y con tal reconstrucción no sería posible llegar a O Gerês" (Bascuas, 2007). É dicir, do Ocerensis proposto por Guerra non é posible obter O Gerês / O Xurés.

Así, o novo óstraco [—]GERESIBV[S] dos Baños de Río Caldo, co seu clarísimo G, ven darlle a razón a don Edelmiro Bascuas, ó tempo que concorda co consonantismo da documentación medieval tipo Ugeres e cos resultados fonéticos actuais con fricativa palatal xorda (O Xurés). O investigador, doutra banda, tiña proposto como étimo último do topónimo a raíz hidronímica paleoeuropea *wegw- "húmedo, mollar", coa raíz en grao cero e sufixo -ro-.

Juan José Moralejo (Moralejo, 2009) voltara unha vez máis sobre o estado da cuestión sintetizando os seguintes puntos:

  1. é segura a relación entre as formas do topónimo segundo os itinerarios romanos e o nome da Serra do Gerês / O Xurés
  2. Rodríguez Colmenero errou ó considerar a forma Originis como a correcta, pois non é máis que unha latinización etimoloxizante
  3. o topónimo O Gerês / O Xurés, o nome da Estrada da Geira e o teónimo feminino Ocaera dun ara atopada na antedita vía de comunicación gardan relación etimolóxica entre si (Búa, 2000; Guerra, 2003; Bascuas, 2007)
  4. cecais os "Auregensium loca" de Hidacio sexan referencia a esta zona
  5. en Murguía (1866) xa aparece a conexión entre Oreginis e O Gerês, mais nos pasaxes de Murguía (1888) hai erro, pois concorda cos que reducen a mansio de Aquis Ocerensis a Ourense
Asentimos en tódolos puntos enunciados polo mestre, salvo o último.

Respecto ó 4º, consideramos, xunto co profesor Moralejo, que os montes "Auregenses" de Hidacio, ou os "Auregensium loca", son unha mención a O Gerês / O Xurés. Habida conta de que no latín vulgar adoitábase reducir o ditongo au a o (Carnoy, 1983) e que, consecuentemente, serían frecuentes as hipercorrecións en sentido inverso, non podemos asegurar cal sería o vocalismo orixinal inicial, se AU- ou O-. A peza cerámica non pode aclaralo ó estar fragmentada no inicio da palabra. En calquera caso o "Auregenses" de Hidacio é variante, tras sufrir metátese silábica dende *Augere<n>ses ou *Ogere<n>ses.

Respecto ó 5º punto, consideramos que o topónimo Ourense tamén pode provir do étimo *Augere<n>se / *Ogere<n>se, coa mesma problemática xa explicada respecto ó vocalismo inicial, e sen que esto implique levar a mansio dende Aquis Ocerensis (Os Baños de Río Caldo) a Ourense, senón que deberiamos contemplar a posibilidade de que o topónimo tivese un amplo espazo de influencia, nomeando a serra do Gerês / Xurés, unha mansión viaria, unha estrada, e a capitalidade.

O problema do vocalismo inicial ¿AU-/O-? amplíase se engadimos o medieval "vinias Augeres" (ano 1024) que menciona Bascuas entre os documentos de Celanova. Polo que aínda nos parece precipitado restituír [O]GERESIBV[S] se podería ter sido, tamén, [AV]GERESIBV[S]. Guerra explicara este "Augeres" como latinización medieval de *Ogeres, pero Bascuas non o vía posible: "dada la evolución de au > ou en gallego, la pretendida relatinización, carente de modelo, se hace incomprensible". O modelo que lle faltaba a Bascuas, que só tivo en conta o paso au > ou romance, é o paso au > o latino vulgar exemplificado na obra citada de Carnoy.

Os topónimos O Gerês / O Xurés, dun lado, e Ourense e a mención ós montes "Augerenses" de Hidacio, doutro, según temos exposto, poderían ser evolucións diverxentes dun mesmo étimo prerromano, *OCER<E>NSES, cuxo vocalismo inicial podería ter sido orixinariamente o, ou ben au logo monoptongado en o. Os casos dos montes "Augerenses" de Hidacio e do topónimo Ourense, que necesita un étimo con au inicial, sustentan a posibilidade de que estas dúas formas nos chegasen pola vía culta.

Felicitamos ós arqueólogos que están levando a cabo a campaña na mansio dos Baños do Río Caldo, esperando que este singular fragmento de cerámica coa inscrición pase canto antes ó laboratorio e á fase de estudo por parte dos especialistas. 


BIBLIOGRAFÍA

Edelmiro Bascuas (2002). Estudios de hidronimia paleoeuropea gallegaVerba, anexo 51.
Edelmiro Bascuas (2007). "Aquis Ocerensis, diosa Ocaera, monte Ugeres y O Gerês: ¿*OGER- o *UGER?", Paleohispánica 7, pp. 43-54.
Juan Carlos Búa Carballo (2000): Estudio lingüístico de la teonimia lusitano-gallega. Tese de doutoramento - Universidade de Salamanca.
Albert Joseph Carnoy (1983): Le Latin d'Espagne d'après les inscriptions, Georg Olms.
Amilcar Guerra (2003). "Algumas questões de toponímia pré-romana do ocidente peninsular", Paleohispánica 3, pp. 101-112.
Juan José Moralejo (2009): "Toponimia de las vías romanas de Galicia", Paleohispánica 9, pp. 189-202.
Gonzalo Navaza (2004): "Los topónimos Acea de Ama e O Xurés", Revista Galega de Filoloxía 5, pp. 141-162.

jueves, 2 de marzo de 2023

Seoane: un derivado de seixo?

Aínda que non cabe moita dúbida de que o topónimo Seoane ben remite á advocación de San Xoán, que provén de San Ioanne, ou ben provén directamente do antropónimo Ioanne < Iohannis, si que é posible aducir que nalgúns casos, como o de Seoane de Sober, poida ter ocurrido algunha reetimoloxización durante o proceso de cristianización a partires dun derivado de seixo < latín saxum, "rocha, penedo". Vémolo na microtoponimia do lugar, no nome Seixuán, que alterna co de Seoane.

Seixuán, derivado de seixo, soa semellante a Seoane (provinte de San Ioanne); dita paronomasia orixinou a crenza de que o nome de lugar baseábase no do santo.

Así podería ter sucedido tamén, no caso de San Xoán de Seoane ou San Xoán do Seixo (As Pontes de García Rodríguez), caso que amablemente me indica Xosé María Ferro Formoso, no que aínda se conservaría por inercia e tradición, no remate do topónimo, O Seixo do que tería xurdido o derivado *Seixuán / *Seixoán que levou á recreación cristiana do topónimo como San Xoán ou Seoane.

Microtopónimo Seixuán en Seoane (Sober - Lugo).


martes, 21 de febrero de 2023

Frádegas / Frádigas e Fraguas

 

Castro de Frádegas (Curtis).

O latín fabrica, significou "oficina ou casa aonde trabalha um oficial mecânico, como carpinteiro, ferreiro, canteiro, etc. e também a arte dêsse oficial e a obra feita por êle"; "em português o sucessor primordial foi fravega, que depois se tornou fragoa" (J. da Silveira: "O latim 'fabrica' na língua e na toponímia portuguesas", 1935).

Resulta, pois, que o termo en calquera das súas evolucións non só tiña o sentido de obradoiro metalúrxico (fragua / forxa), senón o xenérico de obra, e tamén o de construción, en referencia a estruturas arquitectónicas, tal e como se pode ver no documento de 1077 no que se alude ás edificacións da cidade de Lugo, cecais á muralla: "per ipsius flubidos qui ibidem discurrunt Aliola et fonte Frigida inter duos alpes summeo, et fabricas sub urbis Lucense sedis".

O paso do latín fabrica a fravega, e logo a frádega nalgúns casos, documéntase na diacronía do topónimo Frádegas de Curtis: a que supón unha metátese da vibrante, que pasa á primeira sílaba, amáis da pertinente sonorización da oclusiva velar sorda (-c- > -g-) e da creación dun e pechado a partires do i longo latino. A transformación definitiva en Frádegas terá que xustificarse por un cruce ou reetimoloxización popular por influencia dos derivados do latín fratrem, "frade, irmao". Pero no ano 1157 aínda podemos ver que o topónimo era Frávegas:

"suas hereditates que iacent iuxta Sanctam Eulaliam [de Curtis], nominatin casalem de Frauegas cum sua hereditate et habeant fratres Superaddi semper illam hereditatem" (ano 1157 - Sobrado).

Na nosa opinión, o topónimo Frádegas (antigo Frávegas) tivo a súa motivación non na existencia dun obradoiro adicado á actividade metalúrxica no lugar, senón nos enormes parapeitos do castro, as fabricas do recinto fortificado; o que daría conta da relevancia da obra arquitectónica construída. Neste sentido de obra arquitectónica consérvase na documentación medieval: "mando pro fabrica ecclesie cathedralis lucensis xxti mor." (ano 1373 - Mondoñedo).

Cabeço das Fráguas. (C) Dolores González de la Peña, 2010.

O resultado toponímico Fraguas, provinte da forma Frauegas con metátese do wau trala caída do e átono (Frau(e)gas > Fraguas) podería ter tamén este mesmo sentido: ben aludir a algunha construción senlleira, como as murallas dun castro, ou, por semellanza, ós montes que arrodean un territorio, de onde se tirarían orónimos como o portugués Cabeço das Fráguas (cfr. Las Frádigas, monte de La Rioja). Símil que se ligaría á consideración popular de certos elementos da paisaxe natural como construídos polos xigantes ou titáns.

No caso do Castro de Frádigas (Pantín - Valdoviño), que me indica amablemente Eloi Saavedra, a súa proximidade ó Rego das Ferrerías leva a pensar nun caso de redundacia, polo que estas fabricas > Frádigas terían sido obradoiros metalúrxicos ou forxas.

martes, 17 de enero de 2023

A Fieira

Dino tódolos dicionarios, fieira é un cordel ou liña (derivado do latín filum, "fío"), así que non ten nin tivo nunca nada que ver co feo (foenum), que é a hipótese que manexaran Piel e Gonzalo Navaza na súa tese de doutoramento sobre a fitotoponimia de Galicia. Como cordel ou liña, na toponimia, poderá estar vencellado a antigas delimitacións territoriais, o mesmo que o liniolo (de liña, non de liño) que aparece na documentación de deslindes de Celanova e na de Coimbra:

  • ano 950 (Celanova): " inuenimus aliam sic lapideam archam, et gradientes pro liniolo et muliones fictos inuenimus in lapidem sculbtos burgarios" = vimos a unha arca feita tamén de pedra, e seguindo polo liñó e unhas pedrafitas atopamos nunha pedra uns petróglifos de coviñas ou círculos concéntricos...
  • ano 982 (Celanova): "et feret in cima de uilla ad alio laco maior per suo liniolo ubi iacit efigiem hominis sculpta in petra que testificat de laco in laco. et inde per suos moliones firmissimos" = e leva a *Cimadevila a outro lacus maior polo seu liñó onde está chantada unha pedra labrada coa figura dun home, que fai de testigo dende un lacus ó seguinte, e de alí, polas súas pedrafitas ben chantadas...
  • ano 1092 (Coimbra): "vadit ad illas petras, super Porto Manso, et transit illum rivulum Sur et vadit per illud fundamentum quod vocant Liniolum" = vai as pedras de sobre Porto Manso e pasa o río Sur, e vai polo fundamento que se chama Liñó...
  • ano 1181: "et per Patronum, per Rauoyra uedra et per Lignoo per castrum de Portas quomodo diuidit per Iuncariam".

O fundamento dunha delimitación territorial é pois a liña ou trincheira que a demarca (como os ditch británicos: cfr. o Offa's Ditch que separa Gales de Inglaterra). Este mesmo sentido terá o topónimo Fieira ou A Fieira, como liña de demarcación territorial formada por unha trincheira e os distintos elementos mencionados na documentación medieval aportada, xeralmente arcas (dólmenes), pedrafitas, pedras con gravados, lacus (lagoíñas de montaña, ou cecais outro tipo de petróglifos, como pías cadradas), e estelas antropomorfas.

Ó topónimo tamén podería aludir a unha estrutura enfiada do parcelario, ou a unha cadea de cumios (v. Cordal, Cordón, Cordeiro) como no orónimo Sierra de la Filera (León).

Diferente orixe ten o topónimo Frieira, do latín frigidaria, "lugar onde vai moito frío".

domingo, 15 de enero de 2023

Abellonciña e Ilicino, máis Serra dos Cabalos

Abellonciña é un cumio principal da Serra da Lastra. Máis concretamente o orónimo é resultado da amalgama ou apiñamento do nome orixinal, que tería sido "A Vella Enciña", e que se conserva no do parque natural adxacente chamado da Serra da Encina da Lastra, nome que pronto se ultracorrexirá como *Da Aciñeira da Lastra, e se non volo credes... esperade un tempiño.

Por suposto que a etimoloxía de Abellonciña como orónimo non ten nada que ver cos abellóns nin coas enciñas ou aciñeiras. Dado que nas Minutas Cartográficas do IGN tamén aparece como Abellanciña, deixo constancia expresa de que tampouco é semicastelanización dun *Abelaíña.

Como dixéramos no 2005 ("Hiendelaencina. Las encinas en la toponimia", Celtiberia.net) trátase dun caso de homonimia entre os derivados do latín ilex, "aciñeira", e os de elix, "sulco".

Simonet no seu Glosario de voces ibéricas e latinas usadas entre los mozárabes, na entrada lechna indicaba: "probablemente corrupción del latín elix, que se halla en Nebrija bajo sangradera de surco, cuyo plural elices traduce por surcos grandes para desaguar la tierra. Hállase este vocablo en Plinio, Festo y Columela, que en su libro II, cap. 8, escribe "sulcos aquarius quos nonnulli elices vocant". Y en un antiguo Glosario se lee: "Elices sulci in maribus per quos aquae eliciuntur". De elix, elicis, pudo formarse en Bajo Latín un vocablo elicina (contraído después en licina y lechna), como de ilex, ilicis, se formaron ilicina, elcina, alcina, etc.".

A etimoloxía de Abellonciña, aplicando o que dicía Simonet, lévanos ó campo da hidro-oronimia, pois o cordal é unha vertente de augas marcada polos "surcos grandes para desaguar la tierra" que son os regos. Mesmo o nome do monte Ilicino (Pico Sacro) vai ter a etimoloxía proposta por Simonet, mellor que a que o vencella coas enciñas. 

Sinalado co cursor, o cumio da Abellonciña da Serra da Lastra.

Aproveitando que estamos nesta zona diremos que o outro orónimo da serra veciña, Serra dos Cabalos, non estará probablemente motivado pola presenza destes animais, senón pola orografía, por ser estes picos caput vallis, os cabezos dos vales, frase latina que segundo amosou Montenegro Duque, evoluiu cara oronimia tipo Caballos ou Cabalos (por reetimoloxización popular), Caboalles, ou Covallos: Sierra de Caballos (Teruel), Cabeza del Caballo (Salamanca), "mons Cauallus prope riuulum Haue" (ano 873 - Cartulario de Guimarães). Sempre atenderemos, claro está, na interpretación do topónimo, ó contexto no que se atopa o nome de lugar, e nestes casos a orografía é soberana.

Puerto de Ancares, Puerto de Leitariegos (e baixo el Caballes Alto e Caballes Baxo - actuais Caboalles), Puerto de Somiedo e Puerto de Ventana, ano 1767 (Antonio Sanjurjo Montenegro: Diccionario geográfico de Tomás López: León, px. 819 do visor.

miércoles, 28 de diciembre de 2022

Veliña

Lombo do Veliña (O Xistral). (C) Dolores González de la Peña, 2022.

O pico Veliña asoma a súa lomba arredondada tralo corte da turbeira de cobertor, feito para a instalación dun eólico. Aínda que a manipulación e extracción de turba estea prohibida, por mor do seu papel como reservorio de carbono, sendo "o territorio estudiado [O Xistral] uno de los mayores reservorios de carbono del SO de Europa" (1), aquí a lei non está feita para aplicar ás grandes industrias das renovables; que paradóxicamente se presentan como moi ecolóxicas mentras contaminan liberando carbono ó destruír para sempre as turbeiras nas que se instalan.

O nome do pico provén do latín vigiliam, "acción de vixiar ou observar; lugar dende o que se vixía - observatorio". Neste sentido, no Dictionnarie Étimologique des Noms de Rivières et de Montagnes en France, de Dauzat e Deslandes, o monte Le Veyou é remitido ó provenzal velha, veille = observatoire. Na nosa documentación medieval aparece unha "Penam Vigiliam" (ano 1198 - Ourense), do que se derivaría, en xeral, Vixía, mais se temos en conta a posible caída do -g- intervocálico, da forma resultante *Vilía saería Veliña. Non obstante, o Diccionario etimolóxico de toponimia asturiana de Julio Concepción recolle Velía remitíndoo a Bela, do que dice que é unha "voz, sin duda, discutible y rara como nombre de montaña", e remata vencellando o topónimo ó celta bela, "álamo".

Nós discrepamos desta última etimoloxía ó divisarse dende o Veliña unha grande extensión do concello limítrofe de Muras, e ó ser habitual orónimo na Romania. O pico foi, pois, sen moita dúbida unha atalaia de observación do territorio.

En Galicia a deturpación e reetimoloxización destes topónimos polo termo "valiña", derivado do latín vallem, "val", é moi corrente:


O topónimo Veliña das Minutas Cartográficas do IGN, preto de Bestemuz (Muras), coñécese agora como A Valiña.


Preto da aldea de Brandián, a capeliña de San Miguel da Veliña, mailo lugar das Penas da Veliña (O Freixo - As Pontes de García Rodríguez), que segundo Ana Durán Penabad teñen de sempre ese nome que lle ensinou o seu avó, presentan a mesma deturpación por influencia do derivado do latín vallem, aparecendo Baliña e Abaliña, fronte a "La Veliña", nas Minutas Cartográficas do IGN. 

(1) Luis Gómez-Orellana, Boris Hinojo Sánchez, Marco Rubinos Román, Pablo Ramil-Rego, Javier Ferreiro da Costa e Carmen Cillero Castro: "El sistema de turberas de la sierra de O Xistral como reservorio de carbono, valoración, estado de conservación y amenazas", Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. Sec. Geol., 108, 2014.