viernes, 20 de octubre de 2023

Portugal e os Portugales galegos

En Galicia temos localizado polo menos cinco topónimos Portugal, entre nomes de aldeas e microtoponimia, que evidentemente terán a mesma orixe etimolóxica que o corónimo Portugal, nome do país veciño e irmán. Como se pode comprobar con facilidade todos son lugares do interior, non da costa. Son:

1. Portugal: terras en Santaballa (Vilalba).

2. Portugal: aldea xunto a Figueiroa, en Cerdedo-Cotobade.

3. Portugal: aldea (Oca - Coristanco).

4. Portugal: terras en Crecente (A Pastoriza).

5. Portugal: terras en Filgueiras (Pedrouzos - Castro Caldelas).

6. Portogaliño: accidente do terreo en Leroño (Rois), o que podería ser un diminutivo de Portugal.

Figura 1. Terras nomeadas como Portugal na contorna de Filgueiras (Pedrouzos - Castro Caldelas).

Portugal é un topónimo composto por un primeiro termo porto, de orixe latina (portus), que non presenta dificultades na súa identificación e significado: "acceso orográfico, paso entre montañas, vao dun río, punto polo que se penetra dende o mar na costa (varadoiro de embarcacións)". No caso dos cinco Portugales galegos, de interior, o sentido do primeiro formante será, pois, o de acceso orográfico ou vao.

Na figura 1 vemos cal é a orixe do segundo formante do topónimo Portugal ó se situar xunto dunha leira que recibe o nome de A Cal pola súa vecindade a un camiño. O sustantivo latino callis (feminino) é o étimo de cal, "camiño" (castelán calle), que no Glosario de Du Cange se define como "via regia", isto é, Camiño Real. Du Cange péganos un repaso, cos seus exemplos, da relación entre os camiños reais, as calzadas romanas e as cales (calles): "Diebus Honorii et Arcadii facti sunt in Britania Calles ad mare" = nos días dos emperadores Honorio e Arcadio fixéronse en Britania cales cara ó mar (ou cecais vías marítimas).

Isidoro definía callis nas súas glosas como "via pecorum vestigiis trita", isto é, un cattle-track ou vía natural de tránsito para as vacas, feita polas pegadas que van deixando ó marchar unha tras outra. Temos entón a partires do termo callis (cal) a cadea completa de formación das vías de tránsito de orixe natural: vías pecuarias feitas polos bóvidos nos seus desprazamentos - calzadas romanas - camiños reais.

A sonorización da oclusiva velar sorda de calle (forma en acusativo latino da que procede cal) prodúcese cando a palabra entra en composición, Portucalle, quedando o son sordo en posición intervocálica o que leva á súa sonorización: Portugal.


Figura 2a e 2b. Núcleo de Portugal xunto da aldea de Figueiroa (Cerdedo - Cotobade).

No caso do Portugal de Figueiroa (Cerdedo - Cotobade) na bibliografía remitida amablemente por Calros Solla infórmasenos de que "unha corredoira lastrada comunícao coa veciña aldea de Loureiro e co Milladoiro de Parada" ("A mámoa de Portugal, outro túmulo inédito no medio dun antigo paso de camiños", Historia de Galicia, 2021). Na figura 2a vese perfectamente o "Camiño de Parada" no mapa das Minutas Cartográficas do IGN, de principios do século XX. Este "Camiño de Parada", lastrado, é seguramente a cal ou senda que no punto no que se metía polo porto orográfico deu orixe ó topónimo Portugal.

É moi relevante, en relación coa posible orixe pecuaria da vía, o recinto prehistórico chamado A Roda da Ameixoada (figura 2b), que Calros Solla e Ignacio Grande inspeccionaron no 2012 ("A Roda da Ameixoada, un novo curro prehistórico en Cerdedo", Faro de Vigo, 2/12/12); como é sabido unha ameixoada é un lugar onde se xuntaba o gando para telo protexido. Tamén é relevante o microtopónimo Calzada que aparece xunto a Portugal na folla catastral, que informa da existencia dese camiño lastrado (calle) descrito por Solla.

Figura 3. Terras chamadas Portugal xunto do río Trimaz na parroquia de Santaballa (Vilalba).

Nas terras da figura 3 chamadas Portugal (Santaballa - Vilalba) dase a localización do topónimo en ámbalas dúas beiras do río Trimaz; neste caso a toponimia corrobora que o porto polo que discurría a cal era un vao.

Os Portugales galegos quedan polo tanto caracterizados en principio como vaos ou portos orográficos de interior polos que discurría unha vía de comunicación (calle latina). De ser Portugalete un diminutivo de Portugal (cfr. a terminación de "molete"), só un dos tres existentes en Galicia se localizaría fronte ó mar (o Portugalete de Muros).  Pensamos logo que o corónimo lusitano Portugal podería encaixar neste perfil dos Portugales galegos, e que porén non se tería formado a partires do nome da cidade de Porto combinado co da cidade de Gaia, situada doutra beira do Douro, xa que non é posible que este último topónimo proveña do Calle de "Portucalli" / "Portucalle" (documentado así na obra de Idacio de Chaves - século V).

No estudo de Matos (As estradas romanas do Concelho de Gaia, 1932) defendérase a existencia dunha vía romana litoral, secundaria da XVI, que pasaría polos castros de Monte Murado, de Valadares e da Madalena, todos no concello de Gaia, e que sería "nesa corda que deverão procurar-se os miliários e os vestigios da famigerada via" (apud Leite, Beites e Coelho: "Um marco miliário de Caracalla, em Vila Nova de Gaia, no contexto do noroeste peninsular", Oppidum, 2012-13). Pois é que na aldea de Tartomil (Gaia) apareceu un miliario de Caracalla desubicado, que os autores do estudo citado supoñen que orixinariamente estaría situado na zona do castro de Valadares, por onde transcurría a estrada romana litoral proposta por Matos. Dita estrada nos textos medievais aparece denominada como "strada mourisca" / "stratam mauriscam".

Nun outro traballo de Luís Seabra recóllense documentos nos que se alude en varias ocasións á vía romana como "strata ueredaria que discurrit de Portugal" - ano 995 ("De Portugal a Coímbra pela Estrada Mourisca", Estudos Aveirenses, 3, 1994). Son textos nos que o nome de Portugal, referido a unha cidade ou a un pequeño territorio ou condado na zona de Porto e Gaia, do que aínda non formaba parte Coimbra, lígase a unha vía de comunicación principal de orixe romana cando menos ("estrada mourisca", "strata ueredaria"). Na nosa opinión dita vía romana sería a calle que tería orixinado o topónimo Portucalle > Portugal, sendo o porto do composto a indicación do vao do Douro entre Porto e Gaia. O nome do vao logo nomearía á cidade de Porto, ó Condado Portucalense e finalmente ó país.

A existencia de topónimos como Portacal (Sobrado), aportado por un lector nos comentarios, viría a completar o exposto coa incorporación de variantes nas que a sonorización k - g non tería ocorrido (o que non é extraño nos compostos), e o primeiro formante teríase realizado na forma feminina. Como se ve na seguinte imaxe, Portacal ocupa un lugar encaixado nunha cal (latín callem).

Figura 4. Portacal, de camiño ó castro da Cruz do Castro (Cumbraos - Sobrado).

3 comentarios:

O dijo...

Há uma Porta Cal / Portacal na freguesia de Cumbrãos de Sobrado dos Monges, topograficamente muito esclarecedora para perceber outros Portugais.
Algo deslabaçado está no blogue do Rebúmbio.

Andregoto Galíndez dijo...

Grazas, pero non o atopo. Podes deixar o enlace á entrada do blogue?

O dijo...

https://remoido.blogspot.com/2019/02/portugal.html?m=1


Agradecido polo teu labor.