Mostrando entradas con la etiqueta uncommon ground. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta uncommon ground. Mostrar todas las entradas

domingo, 1 de enero de 2023

Ingüeiro

Ingüeiro é sustantivo en desuso que designaba unha pesqueira de anguías, derivado do latín anguilarium. Na documentación medieval consérvanse testemuñas do seu valor e da perda normativa do -l- intervocálico:

  • "Et in nassarios quos uocitant anguileira et benedicti", ano 923 (Lugo, Tumbo Vello)
  • "Et do ei medietatem de illa piscaria de Anguieiru ad coquinam predicti monasterii", ano 1238 (Cartulario de Fiães)
O ingüeiro, dende a vella acepción de naseiro de anguías, pasou a designar por metonimia o fenómeno no que a lagoa do monte Louro (o ingüeiro) rebenta a duna que a separa do mar, e a auga salgada penetra no lago xunto co peixe.

"Antano os labregos do lugar ás veces se vían obrigados a crear artificialmente o ingüeiro cando as augas anegaban as terras de labranza dos arredores. Chamábase "ir rebentar o ingüeiro", confiando tamén en que "entrase a auga do mar a mesturarse coa auga doce que baixa do río da Longarela, e con ela o peixe, facendo do "lajo" unha gran nasa natural", cóntanos Antón Lado. Conta Nieves Formoso que ata se chegaban a pescar anguilas e ata sollas" (Blog Que pasa na costa: "O ingüeiro, o impresionante espectáculo natural da fusión da lagoa das Xalfas e o mar da Area Maior", 2018).

Vemos polos datos fornecidos no blog citado que efectivamente o lago do monte Louro era un gran naseiro natural onde se podían pescar anguías: un angüeiro. Nesta mesma fonte o informante Antón Lado expón as dúas etimoloxías que barallara para explicar o sustantivo, como derivado de lingua ou de ingua, termos que segundo el farían referencia á barreira de area que separa o lago do mar. Ó tempo, incide na utilidade da lagoa como pesqueira: "parece ser que antigamente se abría a lagoa nun proceso de traballo colectivo-comunitario que se denominaba "ir rebentar o ingüeiro" para pescar anguía e outros peixes".

Confiamos na nosa proposta etimolóxica que vencella o sustantivo e microtopónimo con arcaicas artes de pesca (de anguilarium), amáis que vai refrendada pola documentación medieval e a confirmación da utilidade do lago como naseiro natural de anguía. A expresión "rebentar o ingüeiro" significaría nun principio "formar o naseiro abríndoo ó mar para que entrase o peixe", logo pasaría a usarse nun sentido xeral para a apertura natural do lago. O paso fonético de angüeiro a ingüeiro débese á metafonía, isto é, a influencia das vogais anteriores e pechadas ei sobre o a átono, ou simplemente á inestabilidade do vocalismo átono.


O ingüeiro, vídeo e fotografía de Nieves Formoso e Manuel María Candamo, 2018.



As formas portuguesas anguía / enguía / inguía recollidas por Leite de Vasconcelos no seu estudo sobre o hidrónimo Angueira / Engueira / Ingueira (Miranda), en Estudos de Filoloxía Mirandesa, V. I, 1900, px. 63-69, garanten a vacilación da vocal átona. O autor, sen embargo, non vencella a etimoloxía do Angueira á anguía, senón ó latín anguis, "cobra de auga", por mor de que se vise de anguila debería ter dado, segundo el, Anguieira. Nós consideramos que o paso de Anguieira a Angueira / Engueira / Ingueira implica a redución dun incómodo tritongo.

Inaquare

Tamén resulta interesante analizar aquí a orixe de angoeiro no sentido de "cavorco profundo e irregular feito polas correntes nas marismas", ou ben "burato na base dun valado, polo que pasa a auga para regar un prado" (v. dicionarios de Estraviz e Carré Aldao), pois é que o ingüeiro da lagoa do monte Louro podería designar a canle entre a lagoa e o mar. Angoeiro tense considerado como variante de augüeiro, é dicir, sería un simple derivado de auga con nasalización secundaria do ditongo au. Mais Isidoro Millán González-Pardo tiña proposto inaquarium, de inaquare, "inundar, anegar" (Homaxe a Ramón Otero Pedrayo no LXX aniversario do seu nacemento, 1958, px. 266). Dito termo atópase na documentación medieval leonesa, "inaquabat molina" (ano 938), e ven recollido na obra Léxico Hispánico Primitivo (2003).


miércoles, 28 de diciembre de 2022

Veliña

Lombo do Veliña (O Xistral). (C) Dolores González de la Peña, 2022.

O pico Veliña asoma a súa lomba arredondada tralo corte da turbeira de cobertor, feito para a instalación dun eólico. Aínda que a manipulación e extracción de turba estea prohibida, por mor do seu papel como reservorio de carbono, sendo "o territorio estudiado [O Xistral] uno de los mayores reservorios de carbono del SO de Europa" (1), aquí a lei non está feita para aplicar ás grandes industrias das renovables; que paradóxicamente se presentan como moi ecolóxicas mentras contaminan liberando carbono ó destruír para sempre as turbeiras nas que se instalan.

O nome do pico provén do latín vigiliam, "acción de vixiar ou observar; lugar dende o que se vixía - observatorio". Neste sentido, no Dictionnarie Étimologique des Noms de Rivières et de Montagnes en France, de Dauzat e Deslandes, o monte Le Veyou é remitido ó provenzal velha, veille = observatoire. Na nosa documentación medieval aparece unha "Penam Vigiliam" (ano 1198 - Ourense), do que se derivaría, en xeral, Vixía, mais se temos en conta a posible caída do -g- intervocálico, da forma resultante *Vilía saería Veliña. Non obstante, o Diccionario etimolóxico de toponimia asturiana de Julio Concepción recolle Velía remitíndoo a Bela, do que dice que é unha "voz, sin duda, discutible y rara como nombre de montaña", e remata vencellando o topónimo ó celta bela, "álamo".

Nós discrepamos desta última etimoloxía ó divisarse dende o Veliña unha grande extensión do concello limítrofe de Muras, e ó ser habitual orónimo na Romania. O pico foi, pois, sen moita dúbida unha atalaia de observación do territorio.

En Galicia a deturpación e reetimoloxización destes topónimos polo termo "valiña", derivado do latín vallem, "val", é moi corrente:


O topónimo Veliña das Minutas Cartográficas do IGN, preto de Bestemuz (Muras), coñécese agora como A Valiña.


Preto da aldea de Brandián, a capeliña de San Miguel da Veliña, mailo lugar das Penas da Veliña (O Freixo - As Pontes de García Rodríguez), que segundo Ana Durán Penabad teñen de sempre ese nome que lle ensinou o seu avó, presentan a mesma deturpación por influencia do derivado do latín vallem, aparecendo Baliña e Abaliña, fronte a "La Veliña", nas Minutas Cartográficas do IGN. 

(1) Luis Gómez-Orellana, Boris Hinojo Sánchez, Marco Rubinos Román, Pablo Ramil-Rego, Javier Ferreiro da Costa e Carmen Cillero Castro: "El sistema de turberas de la sierra de O Xistral como reservorio de carbono, valoración, estado de conservación y amenazas", Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. Sec. Geol., 108, 2014.