Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
lunes, 28 de septiembre de 2026
El gramaje de la lluvia / Maribel Molina - Editorial Almuzara 2026
jueves, 24 de septiembre de 2026
Chave e Chavella na toponimia
Máis aló do topónimo Chaves (Portugal), que ten unha etimoloxía distinta e ben coñecida no latín Aquis Flaviis, "dos Flavios" (en relación co estatuto concedido polo emperador Tito Flavio Vespasiano á cidade), de cando en vez unha se atopa co enigmático topónimo Chave, que aínda que se coñeza o seu étimo (latín clavis, "chave") non está claro en que sentido se aplicou ó territorio.
No caso do topónimo Chavella (Dormeá - Boimorto) observamos que existía preto un sistema de canalizacións para rego, o que se deduce do microtopónimo Torna da Auga. É probable, polo tanto, que ese Chavella gardase relación cunha antiga regada que ata podería datar da Idade do Ferro, pois na paisaxe do entorno destacan os dous castros das Penas de Golán e do Coto da Roda, que se terían servido dela para regar os pasteiros do gando castrexo.
miércoles, 16 de septiembre de 2026
Do Cuco ou Coco ó Púca: sobre bogeymen, cocóns e homes do saco
lunes, 14 de septiembre de 2026
Digañe
Digañe (Santa Locaia de Parga - Guitiriz) é variante evolutiva do latín decanea, da que normalmente sae toponimia como Degaña (Asturias). Unha decania era unha granxa ou propiedade rural dun mosteiro a cargo dun decanus ou degano (castelán: "quintero o administrador de una hacienda de campo") / deán (galicismo). O substantivo degaña defínese como "casa de campo, heredade, granxa, anexa a un mosteiro" (dicionarios de Cuveiro Piñol, 1876 e Francisco Porto Rey, 1900). A base da derivación é o latín DECEM, "dez", pero non está claro se o substantivo se formou por estar o deán a cargo de dez monxes, ou por ser a degaña a décima parte dun territorio determinado. Neste último sentido parece que apuntan as case dez decanias (concretamente 9) que se lle doan ó mosteiro de San Felices de Oca na Bureba e nos Montes de Oca no ano 863.
Sésigas do muíño de Carral - Begonte
Estado do muíño de Carral na actualidade, do lado dos aliviadoiros.
AS SÉSIGAS DE MUÍÑO
A inscrición aparece revirada (nos amosámola xirada para facilitar a lectura). A letra é de finais do século XVIII, o texto emprega abreviaturas e letras inscritas noutras, e está en castelán: "ESTAS DOS / S~ SON DEL / LO IC[...]II / N~ SNR CON / SUS PADRES". A lousa ó que parece fóra reutilizada antes de colocala de zapata no aliviadoiro, e ten un burato no centro xusto onde iría a data, da que só temos os dous últimos díxitos "II" seguidos da expresión "N~ SNR", en referencia a tal ano de "Nuestro Señor" (ano do Señor ou A.D.). Tamén é posible, dada a envergadura do muíño, que fose unha obra real, en cuxo caso no oco cecais podería restituírse o nome do rei como "[CARLOS I]II N~SNR". A inscrición, polo tanto, fai referencia á fundación do muíño (data e mención ós construtores), e daría conta da existencia de dúas "S~" (abreviatura) vencelladas á construción hidráulica.
miércoles, 9 de septiembre de 2026
O reel "Willafjord" e a xeografía de Groenlandia
viernes, 4 de septiembre de 2026
Abruciños - Amoeiro (Ourense)
Na documentación medieval o topónimo nas súas formas máis antigas aparece como Ablocinos (ano 923), Ablutinos (986), Abrocinos (1175), Abrucinos (1227), Abrutinos (1250).
Ben podería provir do participio do verbo latino abluo, abluere, "lavar, mollar", ou de abrumpo, abrumpere, "romper", no sentido de desbrozar o terreo para cultivalo. As terras abruptas (desbrozadas) menciónanse constantemente na documentación medieval como opostas ás terras non preparadas para o cultivo: "terras abrubtas et barbaras" (Celanova 989). Parécenos que esta última é a opción etimolóxica máis probable, pois o verbo abluo aplícase mellor ó lavado do corpo (mans) nas ablucións rituais das comunidades relixiosas e non xerou toponimia.
Abruciños podería, pois, aludir a terreos desbrozados para dedicalos a labores agrícolas, e tería a mesma etimoloxía que se propón para os Abruzos italianos, do latín abruptos, aínda que neste caso se pensa na acepción de "terreo quebrado, escarpado", que non convén ós Abruciños de Amoeiro.
martes, 1 de septiembre de 2026
Foncebadón
O nome da aldea de Foncebadón (Santa Colomba de Somoza - Maragatería - León), á beira do Camiño de Santiago, non ten que ver evidentemente coa cebada, e tampouco con ningún sabat ou aquelarre, como sostiña Antonio Justel, para o que viría de "fuente sabat".
Na Idade Media documéntase o topónimo como "Sancti Saluatoris, quae est fundata in monte Irago, cum ipsa sua aluergueria, in loco praedicto qui dicitur Fonte Sabbadon" (1103), "hospitale de Fonte Sabaton" (1162), "ecclesie Sancti Salvatoris, que sita est in monte Irago, cum sua albergaria, que ab hominibus Fonsabadon est nominata" (1180), "Fonte Sabbaton" (1209), "de abbatia que vocatur Fonssabatonis" (1228).
Na nosa opinión o topónimo estaría formado polo nominativo do substantivo latino fons, fontis mais un adxectivo derivado de abbatia, *abbatione. A abadía menciónase na documentación medieval e formaba o complexo que prestaba servizo os peregrinos (igrexa e abadía + alberguería ou hospital). O -s final de fons na frase *Fons abbatione, por fonética sintáctica pasaría a unirse á palabra seguinte, xerando logo o falso corte Fon Sabatione, de onde xurde a documentación medieval coas formas do tipo "Fonte Sabbaton", interpretadas como procedentes do nome personal Sabbatonis (Sábado), do que non atopamos proba algunha da súa existencia (cfr. Foncebadón na Xacopedia).
Foncebadón < Fons abbatione = fonte da abadía.
miércoles, 26 de agosto de 2026
Tumbiadoiro
Os topónimos O Tumbiadoiro (Sarria), A Tumbiadoira (A Fonsagrada) e O Tumbadoiro (Frades, Irixoa, Xermade e Sada) son derivados do latín tumulum, "montículo de terra". Do verbo tumulare, "formar un montículo de terra; enterrar baixo un túmulo", creouse o derivado *tumulatorio, "lugar caracterizado pola existencia de túmulos", ben nun sentido orográfico ou aludindo a unha necrópole ou campo de mámoas (tombas / tumbas). De feito tombo < tumulum, ten o sentido de "vallado, montón de tierra, loma pequeña" (Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández, 1932), "loma" (Aníbal Otero, 1956), "túmulo" (Constantino García, 1985), "talud" (Eligio Rivas, 2001).
No lugar do Tumbiadoiro de Sarria atópase un campo de mámoas que semella ter motivado o topónimo.
Así como na Tumbiadoira da Fonsagrada, onde está inventariada por Patrimonio a Medorra das Laxas ou do Coto.
martes, 25 de agosto de 2026
Os Pazos de Ulloa contra Wüthering Heights: o falso naturalismo da Pardo Bazán
As dúas Emilias, Brönte e Pardo Bazán, son recoñecidas por ter escrito dúas obras espléndidas que destacan na literatura inglesa do romanticismo e na literatura española do naturalismo. Calquera que teña lido os Cumios borrascosos (1847) de Emily Brönte e Los Pazos de Ulloa (1886) maila súa continuación La madre naturaleza (1887) da Pardo Bazán, darase de conta de que as dúas últimas son un traslado a Galicia da obra da novelista británica. Case un calco, pero con outra intención.
O argumento do díptico da Pardo Bazán está máis que baseado no argumento dos Cumios borrascosos, tamén os personaxes principais, que pertencen a dúas familias (unha caracterizada polos seus costumes rurais e máis bastos e a outra máis refinada, de cidade). As agrestes paisaxes aparecen na obra de dona Emilia como reflexo dos estados de ánimo e condicionan e determinan os caracteres, o humor e a personalidade dos seus protagonistas, como en Wüthering Heights, da que toma tamén a estrutura elemental da narración, que se articula como unha saga familiar que abrangue dúas xeracións. Outro punto en común é o observador externo, Mr. Lockwood / don Julián: caracterizados como insulsos e apoucados, o seu achegamento como hóspedes ó entorno hostil e rural dos Cumios / Pazos é o pretexto que dá pé a coñecer a través deles a historia que se nos conta dende a súa perspectiva. Neste sentido o narrador en terceira persona non é exactamente omnisciente, pois semella adoptar o punto de vista dos personaxes.
Dona Emilia coñecía a novela de Emily Brönte; quen non! Non sabemos se a puido ler na lingua orixinal ou nalgunha tradución ou resumo en francés, como o que publicara na Revue Contemporaine en 1861 o barón Ernouf (Collines Tempétueuses). Na resposta de dona Emilia a unha carta do Marqués de Premio Real, que lle escribiu por ler unha crítica bastante negativa sobre as escritoras inglesas fillas de cregos (exposta na obra La cuestión palpitante), menciona a Ellis Bell (seudónimo de Emily Brönte). Di que estas escritoras estaban pouco máis ou menos ó servizo da Igrexa: "Acúsame V. de ser demasiado severa con mis compañeras las novelistas británicas. Lo sentiría si fuese verdad, porque me parecen del peor gusto las envidillas entre señoras [...] Las novelistas más conocidas [...] deben el ser a ministros, rectores y vicarios [...] como las tres nombradísimas Currer, Ellis y Acton Bell [as irmás Brönte] No por eso es menos cierto lo que digo del carácter predicador que estas diaconisas imprimen a las letras, y de lo que se esmeran [...] en usar su pluma in aid of religion". Mais a pesares desta lixeireza e cordialidade aparentes, o único que queda claro trala lectura das obras é que a que usou a súa pluma a favor da Igrexa foi a propia Pardo Bazán, e non Emily Brönte, no desenlace de La madre naturaleza.
As principais equivalencias entre os personaxes de Cumios borrascosos e Los Pazos de Ulloa - La madre naturaleza
lunes, 24 de agosto de 2026
Luns e martes de madrugada... tras do Outeiro da Pedra Furada
O libro do Parque, esgotado no 2023 en galego e castelán cando visitei o xacemento, propuña que a Pedra Furada era unha Portalén (usamos o termo proposto por Calros Solla), concretamente era "The gateway to the great beyond". Traduzo a continuación o que dicía a guía en inglés: "baseándonos en analoxías etnográficas sabemos que algunhas comunidades cren na existencia de dous mundos paralelos, e que as fendas das rochas e as covas son portas ó Alén. Se se quere conectar coas forzas do outro lado, cos seres que habitan ese inframundo, Pena Furada é o lugar idóneo. Dentro dela e arrodeados polas coviñas e os círculos concéntricos dos petróglifos, os crentes poderán atopar as respostas ás súas preguntas".
Nun xacemento semellante, o da Pedra Cavada (Gondomar), Ramón Fábregas atopara restos de hiosciamina (beleño), un potente enteóxeno, nun dos seus muíños naviculares (Los petroglifos y su contexto: un ejemplo de la Galicia meridional, 2001).
Outras portas ó Alén e santuarios en pedras ocas que temos tratado no blog:
Un santuario con arte rupestre en los Barruecos de Malpartida, Arqueotoponimia 2021 (Celtiberia.net 2007)
Unha portalén entre Montaos e Bergantiños, Arqueotoponimia 2021.
sábado, 22 de agosto de 2026
Coso Oenaeco e os primeiros parlamentos celtoatlánticos
Heidegger xa tiña falado da relación entre os termos que designaban as causas / cousas políticas e xurídicas, os asuntos que atinxían ó pobo e se discutían nas primeiras asambleas parlamentarias: o latín res, "cousa", na frase res publica = "cousa pública", o latín causa, sinónimo de res e orixe dos termos románicos cousa / cosa / chose, os termos þing ou thing do nórdico e do xermánico, que tamén significan "cousa" e pasaron a utilizarse para designar os lugares físicos onde se celebraban as asambleas, se recitaban as leis e se discutía a súa aplicación a litixios concretos.
Na opinión do filósofo alemán o termo þing ou thing do nórdico e do xermánico nesta acepción política ou xurídica é un calco ou tradución directa a estas linguas do latín res publica ou causa > cousa / cosa / chose, "asunto, causa, cousa, cuestión, litixio que se discute na asamblea do pobo" (M. Heidegger, Conferencias de Bremen: "Das Ding", 1949).
Polo que respecta ó deus galaico Coso, o seu epíteto Oenaeco xa fora ligado etimoloxicamente por Blanca García Fernández-Albalat ás asambleas célticas irlandesas, ás xuntanzas chamadas óenaig. Na base común destes dous termos subxace o numeral indoeuropeo ou protocéltico oinos, "unidade", que reflicte o feito de se xuntar o pobo nas reunións. Nós agora propomos que o propio nome do deus Cosus tamén estivo vencellado ás asambleas políticas e xurídicas, pois ben podería provir de *Causus coa característica monoptongación au > o do latín vulgar epigráfico (v. Carnoy), moi anterior á evolución románica do diptongo au > ou. Neste sentido, a evolución *Causus > Cosus probaría que se trataba do deus das causas, das cousas ou asuntos asamblearios que concirnen ó pobo, moitas veces casos bélicos, o que xustifica a súa equiparación co deus Marte romano.
O deus Cosus coñécese exclusivamente pola epigrafía atopada na Gallaecia atlántica, non existen aras dedicadas ó deus no interior, salvo na zona do Bierzo, o que se podería explicar pola presenza documentada dos celtas supertamáricos na zona aurífera leonesa. A ara de San Mamede de Seavia (Coristanco) dedicada a Coso Oenaeco, ó deus das causas da asamblea, apareceu na Torre de Nogueira e probablemente fora trasladada dende a igrexa de San Mamede pola familia Bermúdez de Castro cando construíu o pazo no século XV. O adro de San Mamede puido ser primeiramente o lugar onde se celebraban as asambleas políticas dos galaicos; e a construción da igrexa sobre el cristianizou o punto de reunión pagán (cfr. "San Amedio ou San Mamede: vestixios dos németons na toponimia galega", Arqueotoponimia 2023).
Na nosa opinión, pois, as aras dedicadas por distintos oferentes ó deus Coso (o deus das causas) estarían motivadas por ter sido favorable a súa tutela xurídica nos litixios ou causas / cousas levadas ante as asambleas lexislativas populares dos primeiros parlamentos galaicos e europeos.
martes, 11 de agosto de 2026
Baie des Ha! Ha! - Canadá
O topónimo non ten que ver coa onomatopea da risa, senón, na miña opinión, coas exclamacións que os exploradores franceses escoitaban nas súas navegacións polo Golfo de San Lourenzo: os esquimais seguían os barcos dos franceses nas súas canoas, levando peles para intercambiar, chamándoos "ahé! ahé!". Así o conta Joliet a finais do século XVII nas súas cartas e apuntes, en varias ocasións: "ó mesmo tempo apareceron os esquimais coas súas dúas bizcaínas con mástil a moita velocidade [...] gritando como os outros [esquimais vistos noutras ocasións] ahé! ahé! e mostrando lobos mariños como pabellóns" ("Le fr. Joliet envoye une carte du Canada. Parle des Esquimaux, dit quelque chose fas ces peuples", 1698 - Carte du Canada, en sept feuilles, BNF, fol. 192r).
sábado, 8 de agosto de 2026
Lubre
Os que esteades interesados en coñecer a milenaria historia do substantivo e topónimo Lubre (Ares e Bergondo) teredes que consultar a miña contribución publicada no libro-disco que ven de editar o grupo de música folk galega, "Luar na Lubre. 40 aniversario" (Baía Edicións, 2026). As pistas musicais poden escoitarse de balde no Youtube Lubre. 40 aniversario grazas á xenerosidade do grupo, pero os interesantísimos traballos de varios autores que se inclúen no libro, comezando pola resolución do misterio da orixe da palabra lubre, só están ó alcance dos afortunados que se fagan co libro. Así de dura é a vida ás veces! Ogallá que todo o mal do mundo fose este...
Na fotografía vai un anaco do meu estudo, "Dous mil anos da historia do substantivo lubre", pxs. 29-33.
Gustáranme especialmente as pistas dedicadas a "Maeloc", que mestura en tres movementos música bretoa, e a do "Heicho de dar", coa colaboración das voces das pandereteiras "Airiños de Fene". Un gran traballo dos nosos Chieftains.
viernes, 7 de agosto de 2026
A Basanta - Cariño
Topónimo galego provinte da frase latina "ambas antas", da que logo se xera unha forma singular por deconstrución, na que participan fenómenos de fonética sintáctica e falsa segmentación do artigo: abas santas (plural) - aba santa (singular deconstruído) - abasanta (fusión) - a basanta (segmentación que crea o falso artigo).
A frase aparece na documentación medieval do ano 1132: "et inde ad archas. et inde per illum lumbum inter ambas antas. et inde ferit ad illos ueneiros". Designa un punto situado entre dúas elevacións orográficas ou entre dous túmulos funerarios ou marcos territoriais (antas).
Como apelido rexístrase cen anos máis tarde, xa coa forma definitiva: "Petro Basanta" (ano 1240).
O nome do monte veciño ó lugar da Basanta de Cariño, o Mazanteo, Masanteo ou Basanteo, tería entón a mesma etimoloxía.
Armadixo de Piroche - Monte do Seixo
A lenda da moura Pirocha do Monte do Seixo foi recollida por Calros Solla. O escritor defínea como unha bela lamia que, espida e deitada no seu leito de pedra (o penedo chamado Almadraque de Pirocha), esperaba ós incautos que transitaban polo Camiño da Vereda para convertilos nos seus amantes e, finalmente, devoralos nunha especie de relación sexual caníbal (Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, Morgante 2021). Solla engade: "O nome Pirocha deriva con certeza da voz latina petram, pedra".
Non nos cabe ningunha dúbida de que a moura Pirocha foi bautizada así polo nome da pedra que lle servía de leito, pois a continuación do Almadraque, atópase un cortello para lobos (Trampa do Lobo, no Visor PBA) que no deslinde entre os concellos da Lama e Forcarei (IGN - 1938) tamén recibía o nome de Armadixo de Piroche, é dicir, trampa formada de pedra (cfr. topónimo cinexético Armada).
miércoles, 5 de agosto de 2026
O verdadeiro monte Sinaí
Non hai acordo na situación do verdadeiro monte Sinaí, onde disque Deus se lle apareceu a Moisés para lle entregar as táboas da lei (coas que se fixeron os tabots ou arquiñas da alianza - cfr. "Na procura da arca perdida de Ilduara Eriz", Arqueotoponimia 2023). É dicir, o feito de que o Sinaí actual, tanto o monte como a península que leva o nome do monte, se veña considerando o auténtico Sinaí débese a que uns monxes no século III informaron de que tiñan atopado alí a zarza ardente, o que resulta materialmente imposible despois de 1.500 anos ardendo! Pero estas inventios brindan pingües beneficios dos peregrinos ás comunidades relixiosas, xa dende a época da viaxeira galaica Exeria, así que agora a ver quen é o valente que desmonta esta falcatruada.
Na nosa opinión, o verdadeiro monte Sinaí está na fronteira entre Irak e Kuwait. É o Jabal Sanam ou Jebel Sinam, o que se pode traducir como o "Monte do Ídolo"; haxiotopónimo que é unha posible alusión ó ídolo que adoraron alí os israelitas (Éxodo 32-4). É un domo salino non moi elevado pero que destaca no terreo chan da antiga Mesopotamia. O Jabal Sanam está a uns 150 km de Basora, preto de Nasiriya, onde se localizan as ruínas de Ur, a cidade de onde era orixinario o profeta Abraham. Co nome de Safwan Hill foi unha importante base de operacións na Guerra de Irak (2003).
domingo, 2 de agosto de 2026
Ceuta: un topónimo da Reconquista
Nin Septem ni Saepta
viernes, 31 de julio de 2026
Tegra / Trega: a cidade fundada por Teucro
Di Helena de Carlos Villamarín que a presenza lendaria do grego-troiano Teucro en Galicia é especialmente singular porque "non vén a priori dada pola existencia dun topónimo ou dun xentilicio que favoreza a súa vinculación onomástica con ningún punto concreto da terra, menos aínda con Pontevedra". Noutros casos atópase certo parecido fónico entre o nome propio do heroe e o dalgunha cidade, e desta semellanza xurden as lendas fundacionais atribuídas ós heroes que retornan trala guerra de Troia: Ulises - Ulisipo > Lisboa.
O historiador Xustino contaba que Teucro no seu nóstos ou viaxe despois de finalizada a guerra de Troia, arribou a Gallaecia e asentándose nalgures deu o seu nome ó pobo. De Carlos volta insistir cunha pregunta retórica que responde negativamente: "o misterioso genti nomen dedisse non nos aclara moito: de que gens fala?, de que nome? Hai por algures uns Teucri?" ("O misterio do nome: etimoloxía e alegoría nas lendas de Troia", Estudos de Onomástica Galega VII, 2022).
Parécenos evidente que se Teucro deu o seu nome a un pobo da Gallaecia este chamaríase *Teugra, ou sexa, Tegra > Trega, que é o nome dun famoso poboado fortificado da Idade do Ferro na foz do Miño (Pontevedra). Nada impide consideralo así, aínda que despois o topónimo se cristianizase como Santa Tecla. A mención nalgún documento medieval, que non logramos localizar, a unha posible forma "Teurga", tampouco é obstáculo para vencellala á etimoloxía *Teugra, a cidade de Teucro, pois as metáteses dos sons vibrantes son moi frecuentes (Teurga < Teugra).
Xustino tivo que referirse á grande cidade de Trega / Teugra, que lle soaría como o nome do célebre Teucro, e, ou ben creou nese momento a lenda fundacional etiolóxica, ou limitouse a repetir unha tradición máis antiga que vencellaba a fundación do castro e o seu nome a un dos heroes da guerra de Troia que puido ter chegado ata aquí na Idade do Bronce, por que non?
domingo, 26 de julio de 2026
Paradise Lost
Baixo as patas das xirafas vese unha inscrición en alfabeto tifinag, utilizado polos tuareg. É un sistema ancestral de escritura no que a dirección de lectura en principio é calquera (de arriba a abaixo, de abaixo a arriba, de esquerda a dereita, de dereita a esquerda), e case non se marcan as vogais, o que complica moito a interpretación dos textos unha vez transliterados. Pero grazas a que en posición final de palabra adoita sinalarse algunha vogal, como o puntiño ".", que se le como "a", sabemos que este texto lese de esquerda a dereita. Tamén aplicamos o principio xeral de que cada palabra ocupa unha liña, criterio que polo menos neste caso semella moi probable pola brevidade das liñas.
Transliteración e tentativa de adscrición ó léxico bereber:
1ª liña: ll a = Ialla / Allah = "Deus".
2ª liña: gh n h = gheenah [ > Yanna] = "Xardín, Paraíso".
3ª liña: r d = ard = "meseta, penichaira".
4ª liña: n = năy = "mirar, ver, observar".
A oración podería traducirse como "Deus (ad)mira a penichaira do Xardín do Paraíso" / "Contempla a penicharia do Xardín de Deus". A sintaxe da frase é VOS (verbo - obxecto - suxeito) comezando polo tanto a lectura dende a parte inferior da inscrición, pois o verbo nas linguas tamazig adoita ir ó principio da oración. Podemos consideralo un texto relixioso de carácter mitolóxico no que se expresa a admiración que suscita a creación do mundo, acontecemento que se produciu, segundo o autor do texto, neste preciso lugar do plateau do Tadrart, que enlaza co de Tassili n'Ajjer, e que estaría a se representar nas gravuras do panel. O que non sabemos é se o autor anónimo do texto consideraría á figura masculina coa lanza como o mesmo Deus, ou se cecais crería que era Adán?
Como os textos en tifinag son bastante posteriores ás pinturas, non podemos asegurar que sexa certa a idea exposta polo seu autor, de que o Paraíso ou Xardín do Edén estivese no Tadrart-Tassili. É probable que o autor do texto se deixase impresionar pola beleza da escena representada miles de anos antes e a asociase ós versículos correspondentes da Xénese (ou ás suras da creación do Corán). Se temos en conta que toda esta zona do Sáhara, antes da súa desertización, foi no Holoceno un auténtico verxel, regado por numerosos ríos que nacían nesta área montañosa, a dúbida da identificación do lugar co Xardín do Edén minimízase. Aí están as gravuras das xirafas, as vacas de grandes cornos, hipopótamos, rinocerontes e crocodilos, que dan fe da fauna que habitaba esta paisaxe, que precisaba dun medio abundante en auga.
A idea de Jean-Loic Le Quellec de que na arte rupestre do Sáhara se representaron mitos da creación e a orixe do mundo coincide tamén coa nosa lectura do breve texto. Non resultaría extraño que neste afastado lugar se conservase a tradición oral dos temas representados no seu arte rupestre, polo menos ata o momento no que un tuareg anónimo gravou o texto fai uns dous mil anos. Hoxe xa non sería posible, pois os tuareg esqueceron o significado das gravuras e consideran que as representacións antropomorfas dos paneis son jinn (xenios).
Resulta paradóxico que o lugar mítico no que se situou o Xardín do Edén, o Paraíso, sexa hoxe, máis ben, un Inferno, unha paisaxe desértica e de temperaturas extremas onde non é posible a vida.















.jpg)
.jpg)