Mirade como aparece Groenlandia nos mapamundis de ata ben entrado o século XVI, como o de Pierre Desceliers (1546): non como illa, senón unida á Península Escandinava e a Asia, limitando con Siberia e Rusia.
Na miña opinión a representación viña de tempos recuados, nos que se descoñeceía a existencia do continente americano. Do mesmo xeito que Colón creu chegar ás Indias no canto de descubrir América, os baleeiros noruegueses que no século XIX partían a Groenlandia, ó estreito de Davis e á bahía de Baffin, á caza das baleas, crían estar na Laponia; na súa concepción do mundo a illa de Groenlandia non sería tal senón que daría a volta circumpolar uníndose a Asia. Ignoraban, pois, que Groenlandia era unha illa e que había polo medio un outro continente. É por iso que na Groenlandia representada no mapa de Desceliers se atopan os topónimos Lapia (Laponia) e Vuillapia (Wild Lapia ou Laponia Salvaxe) na súa parte máis extrema que mira ó norte (cfr. último mapa cos topónimos suliñados en cor amarela).
O interesante do topónimo Vuillapia (Wild Lapia) é que se mantivo durante varios séculos. Témolo atopado, ou iso pensamos, no nome dun reel escocés das Shetland que se cantaba cando os baleeiros ían a Groenlandia no século XIX, ó estreito de Davis. É dos máis coñecidos: "Willafjord". A súa pronuncia semella compatible coa de Vuilla(p) Fjord , ou sexa, Fiordo ou Porto dos Lapóns Salvaxes.
O reel tocado co fiddle pode escoitarse nalgunhas grabacións do Tobar an Dualchais - Kist o Riches, como a de 1958 que contén dous, Oliver Jack e Willafjord. O seu intérprete Tom Anderson clasifícaos como yacky tunes, é dicir, tonadas esquimais, da Groenlandia.
Esta representación xeográfica que hoxe nos parece tan tola, debida á suposición da articulación de Groenlandia coas terras continentais euroasiáticas (polo descoñecemento do seu carácter insular e da existencia de América) é a razón que explica a presenza dun topónimo aquí e acolá, como é o de Vuillapia e Vuilla-fjord. Polo mesmo Adam de Bremen estaba seguro de que a Vinlandia citada nas sagas nórdicas non era outro lugar que Finlandia, que en todo caso sería unha parte desta Groenlandia supostamente continental (unida circumpolarmente a Asia).
Na representación de Groenlandia de Claudius Clavus (Europa Tabula XI - 1427) xa aparecían os topónimos e etnónimos mencionados, como Wildhlappelandi, Findhlappi e Finlandi, así como os seres mitolóxicos dos confíns, os "Unipedes maritimi", que na Saga de Eric o Roxo se mencionan como se fosen habitantes moi reais (non imaxinarios) do país de Einfötinga-land. A verosimilitude literaria non ten que ter necesariamente correspondencia coa realidade; os unipedes / habitantes de Einfötinga-land foron seres imaxinarios, identificables cos esciápodos descritos por Aristófanes ou Plinio o Vello. Xunto ós "Unipedes maritimi" no mapa de Clavus aparecen os "Pigmei maritimi", que nas sagas nórdicas son os célebres skraelingjiar (Kirsten Seaver, "Pygmies of the Far North", 2008). Polo demais, a partir destes datos semella que os autores das sagas (a de Erik o Roxo e A saga dos groenlandeses) compartiron esta mesma concepción xeográfica do Atlántico Norte entre Groenladia e a Península Escandinava, e se serviron dela para narrar as súas viaxes (en parte imaxinadas). Dentro desta concepción xeográfica non resulta doado soster que Vinlandia fose América.
No hay comentarios:
Publicar un comentario