sábado, 10 de octubre de 2026

Van Helsing contra Romasanta: baseado en feitos reais

O psicólogo criminalista Vicente Garrido e máis Virgilio Latorre no seu libro El monstruo y el asesino en serie: de Frankenstein a Hannibal Lecter (Ariel 2023) estudan a relación entre os monstros literarios deseñados na nóvela gótica victoriana (Frankenstein 1818, O doctor Jekyll e Mr. Hyde 1886, O retrato de Dorian Grey 1891, e Drácula 1897) e os riscos de personalidade dos asasinos en serie tal e como os concibe a criminoloxía actual, chegando á conclusión de que os escritores victorianos afondaron nas características psicolóxicas e morais dos serial killers nos seus protagonistas literarios, e nalgún caso indagaron nos posibles traumas que orixinarían as personalidades dos perturbados. Mary Shelley, Robert Louis Stevenson, Oscar Wilde e Bram Stoker adiantáronse, pois, á ciencia médica e á criminalística, as que configuraron máis tarde os perfís psicopáticos dos serial killers.

A hipótese de Garrido e Latorre, que conecta os monstros literarios victorianos cos serial killer, de feito é a base do Drácula de Bram Stoker. Vese moi claramente no prólogo que o propio autor B.S. fai dende Londres no ano 1898 para a edición islandesa do seu Drácula, a que, máis que simple tradución ó islandés, é unha adaptación bastante libre da novela orixinal, feita por Valdimar Ásmundsson e titulada Makt Myrkranna (1901): "Esta serie de crímenes [os de Drácula] no se ha borrado de nuestra memoria; crímenes que parecen tener el mismo origen y que también causaron tanta repugnancia entre las gentes como los asesinatos de Jack el Destripador, que tuvieron lugar poco después" (cito pola edición do texto que se inclúe no Drácula anotado de Leslie S. Klinger, Akal 2008).

Prólogo que B.S. redacta en Londres no ano 1898
para o Makt Myrkranna de Ásmundsson.

Polo tanto, o mesmo Stoker xa propón dende o principio da súa novela o vencello entre os crimes reais do Destripador e os ficticios de Drácula, atribuíndolles unha mesma orixe, ben propoñendo unha mesma identidade entre os criminais responsables, ben pola patoloxía psiquiátrica común a ámbolos dous: "los continuos avances en psicología y en ciencias naturales podrán proporcionar, en los años por venir, explicaciones lógicas de tan extraños acontecimientos" (prólogo á edición islandesa, cito polo Drácula anotado, Kingler, 2008).

A estrutura da novela Drácula de Bram Stoker inaugura o subxénero policial dos docu-crimes, formato novidoso na época, que imita na ficción o dun dosier de investigación criminal dun crime real. Os docu-crimes nárranse dun xeito especial incluíndo notas, misivas, telegramas (modernamente correos electrónicos, WhatApps, etc.), diarios da investigación, informes sobre probas forenses, artigos de prensa, fotografías, entrevistas, mapas, planos... no que semella un rebumbio de datos e pistas. No caso de Drácula os acontecementos narrados son ficticios; mais hai narracións de docu-crimes que parten de casos reais, como O crime de Pardesoa (Calros Solla, Morgante 2013).

DRÁCULA: UN LOBISHOME?


O dominio que o conde Drácula exerce sobre os lobos, concretamente sobre o lobo chamado Bersicker na novela (nome que Stoker toma do libro de Sabine Baring-Gould sobre os lobishomes, o cal define así o termo Berserk(e)r: "home posuído por poderes sobrehumanos, suxeito a accesos de furia diabólica"), a capacidade do conde de se transformar en lobo, advertida polo doctor Van Helsing (o seu antagonista principal na novela), e os termos cos que os campesiños eslavos, cos que se atopa o mozo Harker en Transilvania, designan a Drácula, vrolok e vlkoslak, que se refiren ós lobishomes, non ofrecen moita dúbida de que o conde Drácula foi concebido orixinalmente como lobishome.

Nas notas do propio Stoker indícase que "entre os búlgaros e eslovacos o home-lobo chámase vrkolak como no grego moderno, brykolakas. O home-lobo grego está vencellado estreitamente ós vampiros (despois de morrer os licántropos convértense en vampiros) e os serbios conectan os vampiros cos homes-lobo chamándolles a ámbolos dous vlkoslak" (Bram Stoker's Notes for Dracula, Eighteen-Bisang e Miller, 2008). É máis, na nota precedente Stoker tiña recollido que no este de Frisia, segundo as crenzas populares, se unha familia tiña sete fillas, unha delas sería lobis-muller. É unha crenza semellante ás que existen en Galicia sobre os lobishomes e as peeiras dos lobos, que acadan este estado se son o sétimo fillo dunha proxenie de sete varóns ou de sete mulleres, respectivamente.

Resumindo moito, semella un motivo secundario e derivado a cualidade de se identificar modernamente a Drácula exclusivamente cun vampiro (morcego) máis que cun lobishome, o que queda ben patente na novela de Stoker e nas súas notas sobre a licantropía. O que nos dá pé a presentar o caso do licántropo galego Manuel Blanco Romasanta como precursor real da novela Drácula de Bram Stoker. A licantropía ven sendo o termo médico antigo para a enfermidade mental que padecían os persoeiros que o pobo chamaba lobishomes ou lobos da xente, isto é actualmente: depredadores ou serial killers.

O DOCTOR PHILIPS E VAN HELSING


Débese a David Simón Lorda a resolución no noso ámbito da identidade do doctor Philips, o electro-biólogo ou hipnotista que no ano 1853 tentara someter a unhas probas científicas, utilizando a hipnose ou magnetismo, ó serial killer galego Manuel Blanco Romasanta. Segundo indica Simón Lorda no seu artigo "El Dr. Joseph Durand de Gros y el caso del hombre lobo Blanco Romasanta (1853): ¿un "braidista" en la corte de Isabel II?" (VI Jornadas Internacionais de História da Psiquiatria e Saúde Mental, Coimbra - 2016), o doctor Philips non sería outro que o médico francés Joseph Durand de Gros (1826-1900).

O doctor Philips / Durand de Gros.

O dato non era descoñecido en Francia, de feito na necrolóxica que se publica nos Annales du Midi en 1901 indícase que o médico Joseph-Pierre Durand de Gros era coñecido tamén co pseudónimo de Philips, e que por motivos políticos tivera que se exiliar en Londres onde asistira ás primeiras sesións experimentais de suxestión hipnótica, técnica que viña dos Estados Unidos co nome de electro-bioloxía. A continuación, na mesma necrolóxica, cítase a súa obra Électro-dynamisme vital, publicada simultaneamente en París, Londres, Nova Iorque e Madrid en 1855.


Nesta obra de 1855 sobre o Électro-dynamisme vital o doctor e hipnotista Philips (Durand de Gros) expón o caso de Manuel Blanco Romasanta como un docu-crime real no que el é participante principal, pois pretendía estudar de preto mediante a electro-bioloxía ó criminal (na súa opinión, enfermo mental). No seu mini docu-crime, que vai relatado no prefacio da obra, recorre á narración en primeira persoa, cuns episodios ou peripecias preliminares que logo pronto o sitúan en Arxel. Alí recibe unhas cartas do seu corresponsal en España, que lle achega o caso criminal de "l'anthropophage Blanco", que ven de ser condenado á pena de morte. Na súa narración mestura recortes de prensa (dun xornal de Arxel, e mencións ós xornais Clamor Público, e Gaceta de Madrid), alude a partes do proceso xudicial (da defensa) que ten estudado, e ás cartas que lle escribe ó Ministro español. Teméndose o peor, pois non é avisado polo Ministro para acudir ó exame médico de Romasanta, como lle prometeran, finalmente Philips deixa Marsella coa esperanza, polo menos, de que a súa intervención epistolar "salvase a vida dun infortunado que non merecía a morte, senón o internamento nun hospital".

Fragmento do prefacio do Électro-dynamisme vital do doctor e hipnotista Philips
cos párrafos que fan referencia á enfermidade mental de Manuel Blanco suliñados.
O exemplar que manexamos ten o selo do British Museum.

Ó que se ve, tanto o estilo de docu-crime que articula o prefacio do Électro-dynamisme vital (1855), como o perfil de serial killer de Romasanta que traza Durand de Gros (antropofaxia, licantropía, monomanía teriantrópica, crenzas populares nas maldicións responsables desta "fada"), e a cualidade de ser o propio doctor Philips / Durand de Gros un médico especializado na hipnose, magnetismo ou electro-bioloxía (como se coñecía na época), anticípanse notablemente á novela de Drácula (1893) de Bram Stoker. De feito Durand de Gros fora considerado "el fundador indiscutible del hipnotismo en cuanto ciencia" (Revista Contemporánea, 1893).

É moi probable, para nós seguro, que Stoker coñecese a edición inglesa do Électro-dynamisme vital, de onde tomaría o mesmo estilo de docu-crime empregado por Philips / Durand de Gros, e que tamén deseñase o personaxe ficticio do conde Drácula cos mesmos riscos de licantropía do serial killer real Manuel Blanco Romasanta (o Destripador londiniense nunca foi considerado un licántropo). E que, finalmente, o propio doctor Philips lle servese para caracterizar ó seu Van Helsing como doctor que practicaba a hipnose e era capaz de se enfrontar ós licántropos: "el muy respetado científico que aparece aquí con pseudónimo [Van Helsing], es también famoso en todo el mundo culto con su verdadero nombre" (prólogo á edición islandesa, cito polo Drácula anotado, Kingler, 2008).

Deste xeito, a liña de Vicente Garrido e máis Virgilio Latorre, que nos conducía dos monstros victorianos ós psicópatas e serial killers, aínda sendo un estudo comparativo ben interesante, non tería fundamento, pois en última instancia habería que partir do caso real do lobishome galego Manuel Blanco Romasanta, estudado polo doctor francés Joseph-Pierre Durand de Gros.

NIN ALLOS, NIN CRUCIFIXOS, NIN AUGA BENDITA, NIN FARRAPOS DE GAITAS



O doctor Philips (Van Helsing) enfrontaríase a Romasanta, se finalmente se lle tivese concedido a oportunidade de lle practicar o exame médico, mediante a electro-bioloxía (hipnose). Quen gañaría nesta loita singular? (C) Debuxo creado coa IA CANVA.

miércoles, 7 de octubre de 2026

Covas das Putas: a arqueotoponimia na perfilaxe do locus operandi dos depredadores sexuais

A finais dos anos setenta, na vila de Aiora (Valencia), os exploradores do Grupo Arqueológico de la Vall de Aiora acompañaron ó técnico do Servizo de Investigación Prehistórica da Deputación, o señor Aparicio Pérez, na exploración da "Cueva de las Putas". O técnico deixounos estas notas sobre o sitio: "la zona en que esta se halla fue motivo de una visita hace ya tiempo, a consecuencia del hallazgo de unos restos humanos que resultaron no ser antiguos". Na opinión do técnico "por los resultados de la exploración y por los materiales recuperados, se puede afirmar que se trata de una cueva santuario de época ibérica" (La labor del Servicio de Investigación Prehistórica y su museo en el pasado año, Deputación de Valencia, 1978). A cova, hoxe coñecida como "Cueva de la Noguera", está incluída no estudo de Teresa Moneo sobre os santuarios ibéricos: Religio ibérica, 2003.

"Cueva de las Putas" de Aiora, no extremo inferior dereito da imaxe, sobre a "Cueva Llana", na cartografía do IGN.

Moi preto da Romana (Tous - Valencia), onde apareceran en 1993 os corpos torturados e asasinados das nenas de Alcásser nunha das casillas ou casetas de labor da paraxe, localízase outra cova chamada "Cueva de las Putas" na cartografía do IGN, á veira da antiga Vereda ou Cordal de Ganados que supoñemos orixinou o topónimo viario de La Romana.

Na esquina inferior esquerda, a "Cueva de las Putas" de Tous; na zona superior dereita, La Romana e Corral de la Romana; en diagonal e dende o lateral esquerdo ó borde inferior, Caballón de la Romana, por cuxa base discorría o cordal para gando.

Outra cavidade chamada "Cueva de la Puta", no Cuaderno de Campo da delimitación entre Montealegre del Castillo (Albacete) e Yecla (Murcia), 1875 (IGN).

A cavidade da "Cueva de la Puta" entre Montealegre del Castillo (Albacete) e Yecla (Murcia) xa aparecía mencionada nunha delimitación do ano 1338: "Et pusieron otro mojón en vn portiello que está cabo una senda que salle de la Fuente del Pino e va fazia el Pozuelo de la Figuera. Et pusieron otro mojón en vna loma que está sobrel villareio cabo la senda que va a la Cueva de la Puta" (Losa Serrano, El señorío de Montealegre, 1995).

Pola rexión de Albacete e Murcia tamén se extendeu a cultura ibérica, sobreposta ó arte rupestre levantino, o que nos dá pé a facer algunha consideración sobre o nome da "Cova de les Dones" / "Cova Dones" de Miralles (Valencia), municipio situado entre Aiora e Tous. Na devandita cova crese que no século I practicouse un culto ou ritual no que as mulleres tiñan un papel moi relevante, pois se atoparon inscricións con numerosos nomes femininos, así como o que poderían ser ofrendas votivas a unha posible deusa, DOMINA ( = "señora"), que en varias inscricións aparece ligada á palabra MALACI.

Sendo MALACUS un termo latino do eido sexual, que fai referencia a mozos moi seductores e atractivos (metrosexuais) que tanto mantiñan relacións cos homes como coas mulleres (Lawson Brawley, Biblical Ethics & Homosexuality, 1996), cremos que efectivamente na Cova de les Dones de Miralles se practicaron ritos sexuais iniciáticos ou de tipo orxiástico nos que as mulleres eran as protagonistas. Co devir cultural, ou mellor, coa degradación cultural implementada polo patriarcado, que implicou a degradación da muller e o seu sometemento ó home, estes santuarios onde se practicarían certos cultos mistéricos nos que as relacións sexuais e peticións puideron estar investidas de ritualidade e connotacións sacras, pasaron de ser centros de culto femininos (Covas das Mulleres) a se considerar prostíbulos (Covas das Putas). 

Por suposto que o feito lingüístico de nomear ou renomear as covas co nome de "Cueva de las Putas" permite achegarse e completar o perfil psicolóxico do depredador sexual, que en realidade sería un puteiro asasino e futuro serial killer. No nome desvergoñado de "Cueva de las Putas" queda patente o desprezo e odio que sente polas mulleres, o seu retraso socio-cultural, baixo cociente intelectual e analfabetismo moral, o que conduce ó seu ensañamento coas vítimas (obxectos). Un experto criminólogo poderá sacar conclusións mellores que as miñas neste campo do perfilado psicolóxico. Nós só pretendemos centrarnos, non no famoso modus operandi nin no perfilado dos puteiros asasinos, senón no asunto menos traballado do locus operandi ou territorio no que este tipo de criminal executa os seus crimes ou elixe as súas víctimas, máis aló da tipoloxía ó uso (rúa escura, bosque tenebroso, interiores de vivendas, etc.) e dos mapas con chinchetas de cores que se ven nos taboeiros de investigación criminal.

Non nos parece casual que no medio rural abrupto que enxendrou a antiga cultura ibérica, percorrido por cordais gandeiros, sementado de casetas agrícolas e sendas descoñecidas que só se poden identificar grazas á cartografía antiga, apareza o espeleotopónimo "Cueva de las Putas", en paraxes onde se produxeron alomenos catro crimes (restos de ósos modernos na cova xa referida de Aiora, e mailo triple crime das nenas de Alcásser na Romana, preto da outra cova de Tous). A cribaxe toponímica permite completar, polo tanto, o locus operandi dos depredadores sexuais do rural levantino, e contribúe a afinar o perfilado psicolóxico destes.

En Galicia non temos este espeleotopónimo, que é exclusivo do Levante, mais desgrazadamente iso non nos librou da lacra de empregar o mesmo sistema de explotación sexual das mulleres máis pobres. Existe polo menos un abrigo rupestre que foi vivenda dunhas mulleres que exercían a prostitución. No monte Xalo, nunha casarula tal que así, se non era esta mesma, viviron unha nai e maila filliña. A nai, degradada moralmente pola pobreza e a prostitución, non puña impedimento a que os puteiros se deitasen coa filla, e para facilitarlles o coito dicíalles: "bótalle aceite!".
 
Abrigo no Xalo. (C) Dolores González de la Peña, 2022.