Mostrando entradas con la etiqueta religión. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta religión. Mostrar todas las entradas

miércoles, 5 de agosto de 2026

O verdadeiro monte Sinaí

Non hai acordo na situación do verdadeiro monte Sinaí, onde disque Deus se lle apareceu a Moisés para lle entregar as táboas da lei (coas que se fixeron os tabots ou arquiñas da alianza - cfr. "Na procura da arca perdida de Ildura Eriz", Arqueotoponimia 2023). É dicir, o feito de que o Sinaí actual, tanto o monte como a península que leva o nome do monte, se veña considerando o auténtico Sinaí débese a que uns monxes no século III informaron de que tiñan atopado alí a zarza ardente, o que resulta materialmente imposible despois de 1.500 anos ardendo! Pero estas inventios brindan pingües beneficios dos peregrinos ás comunidades relixiosas, xa dende a época da viaxeira galaica Exeria, así que agora a ver quen é o valente que desmonta esta falcatruada.

Na nosa opinión, o verdadeiro monte Sinaí está na fronteira entre Irák e Kuwait. É o Jabal Sanam ou Jebel Sinam, o que se pode traducir como o "Monte do Ídolo"; haxiotopónimo que é unha posible alusión ó ídolo que adoraron alí os israelitas (Éxodo 32-4). É un domo salino non moi elevado pero que destaca no terreo chan da antiga Mesopotamia. O Jabal Sanam está a uns 150 km de Basora, preto de Nasiriya, onde se localizan as ruínas de Ur, a cidade de onde era orixinario o profeta Abraham. Co nome de Safwan Hill foi unha importante base de operacións na Guerra de Irak (2003).

Monte Sinaí na Arabia, arrodeada polo Mar Vermello. (C) Ranulp Higden, século XIV.

Moisés cornudo no "Mons Sinay"; sobre el, as "tabule testamenti". O monte sitúase tamén na península arábiga - Mapamundi da Catedral de Hereford, ano c. 1300. 

O monte é mencionado polo portugués Pedro Teixeira como lugar de paso para as caravanas que ían de Basora á Meca. Teixeira indica que "dizen que es abundante en fuentes", polo que coidamos que tería sido un lugar adecuado para erguer o campamento dos xudeus que se menciona na Biblia (Éxodo 19-2). Doutra banda, incluso Teixeira podería estar a informarnos de que o Gibel Sinam é o propio monte Sinai, aínda que tamén podería estar simplemente traducindo o substantivo árabe gibel / jabal / jebel: "llamado de los Arabes Gibel Sinam, que es el monte Sinam, a do antiguamente fue la primera Basora" (Relaciones de Pedro Teixeira, 1610).

domingo, 26 de julio de 2026

Paradise Lost

 Gravuras prehistóricas no Tadrart Rouge (Arxelia).

Baixo as patas das xirafas vese unha inscrición en alfabeto tifinag, utilizado polos tuareg. É un sistema ancestral de escritura no que a dirección de lectura en principio é calquera (de arriba a abaixo, de abaixo a arriba, de esquerda a dereita, de dereita a esquerda), e case non se marcan as vogais, o que complica moito a interpretación dos textos unha vez transliterados. Pero grazas a que en posición final de palabra adoita sinalarse algunha vogal, como o puntiño ".", que se le como "a", sabemos que este texto lese de esquerda a dereita. Tamén aplicamos o principio xeral de que cada palabra ocupa unha liña, criterio que polo menos neste caso semella moi probable pola brevidade das liñas.


Transliteración e tentativa de adscrición ó léxico bereber:

1ª liña: ll a = Ialla / Allah = "Deus".

2ª liña: gh n h = gheenah [ > Yanna] = "Xardín, Paraíso".

3ª liña: r d = ard = "meseta, penichaira".

4ª liña: n = năy = "mirar, ver, observar".

A oración podería traducirse como "Deus (ad)mira a penichaira do Xardín do Paraíso" / "Contempla a penicharia do Xardín de Deus". A sintaxe da frase é VOS (verbo - obxecto - suxeito) comezando polo tanto a lectura dende a parte inferior da inscrición, pois o verbo nas linguas tamazig adoita ir ó principio da oración. Podemos consideralo un texto relixioso de carácter mitolóxico no que se expresa a admiración que suscita a creación do mundo, acontecemento que se produciu, segundo o autor do texto, neste preciso lugar do plateau do Tadrart, que enlaza co de Tassili n'Ajjer, e que estaría a se representar nas gravuras do panel. O que non sabemos é se o autor anónimo do texto consideraría á figura masculina coa lanza como o mesmo Deus, ou se cecais crería que era Adán?

Como os textos en tifinag son bastante posteriores ás pinturas, non podemos asegurar que sexa certa a idea exposta polo seu autor, de que o Paraíso ou Xardín do Edén estivese no Tadrart-Tassili. É probable que o autor do texto se deixase impresionar pola beleza da escena representada miles de anos antes e a asociase ós versículos correspondentes da Xénese (ou ás suras da creación do Corán). Se temos en conta que toda esta zona do Sáhara, antes da súa desertización, foi no Holoceno un auténtico verxel, regado por numerosos ríos que nacían nesta área montañosa, a dúbida da identificación do lugar co Xardín do Edén minimízase. Aí están as gravuras das xirafas, as vacas de grandes cornos, hipopótamos, rinocerontes e crocodilos, que dan fe da fauna que habitaba esta paisaxe, que precisaba dun medio abundante en auga.

A idea de Jean-Loic Le Quellec de que na arte rupestre do Sáhara se representaron mitos da creación e a orixe do mundo coincide tamén coa nosa lectura do breve texto. Non resultaría extraño que neste afastado lugar se conservase a tradición oral dos temas representados no seu arte rupestre, polo menos ata o momento no que un tuareg anónimo gravou o texto fai uns dous mil anos. Hoxe xa non sería posible, pois os tuareg esqueceron o significado das gravuras e consideran que as representacións antropomorfas dos paneis son jinn (xenios).

Resulta paradóxico que o lugar mítico no que se situou o Xardín do Edén, o Paraíso, sexa hoxe, máis ben, un Inferno, unha paisaxe desértica e de temperaturas extremas onde non é posible a vida.

jueves, 9 de julio de 2026

Experiencias preto da morte, ou preto da vida?: revisión da hipótese de Carl Sagan (1979)

Dende os anos setenta falar das ECMs ou experiencias cerca da morte supón case que obligatoriamente cinguirse en exclusiva ás hipóteses trascendentais sobre a vida no Alén que nos espera a tódolos mortais, onde nos reencontraremos cos nosos seres queridos e viviremos felices por sempre xamais. Ogallá! A xente rexeita de plano as escasas tentativas científicas que quixeron explicar as ECMs como posibles mecanismos adaptativos (evolutivos) que nos axudan a enfrontar o transo da morte sen sufrimento ou angustia, ou como alucinacións produto da anoxia cerebral. E ata prevalecen novas hipóteses pseudocientíficas que camuflan as vellas ideas sobre a trascendencia da vida humana engadindo conceptos da Física de Partículas que non son aplicables ó problema das ECMs, como o invento dunha inexistente supraconsciencia cuántica, da que todos formaríamos parte; novidade heterodoxa que o físico Javier Santaolalla xa se encargou de rebater ("La supraconciencia cuántica no existe", Date un Vlog 2025).

Como filóloga da vella escola recibín formación en Neurolingüística, polo que estou familiarizada co concepto da emerxencia da mente a partires da estrutura do noso cerebro, e como docente que fun de Lingüística Xeneral coñezo bastante ben a debatida cuestión de se a linguaxe configura ou determina o pensamento (hipóteses de Sapir-Whorf, Witgenstein, etc.). Eu considero que o pensamento é previo á linguaxe, e a linguaxe é unha imperfectísima ferramenta de comunicación, sempre evoluíndo pero nunca achegándose á complexidade mental.

Amais dos coñecementos básicos que acabo de enumerar, como suxeito que experimentou tres ECMs ó longo da súa vida creo que me atopo nunha posición privilexiada para aportar o meu graíño de area ó problema da interpretación destas extraordinarias impresións ou sensacións universais que se repiten de xeito case idéntico en tódalas persoas que as puideron experimentar. Se non o fixen antes foi, simplemente, porque a única explicación das ECMs que coñecía, a de que probaban a existencia dun Alén marabilloso, nunca me satisfixo totalmente. Víaa moi manipulada e acaparada pola relixión: implicaba sempre a crenza nun deus creador e premisas kármicas, de expiacións e reencarnacións. De feito as ECMs, interpretadas maioritariamente ó longo da historia da humanidade como viaxes ó Alén e proba da existencia dun paraíso, son a orixe das crenzas relixiosas. Disto xa temos tratado no blog na entrada "A pel do xaguar" (Arqueotoponimia 2024).

A hipótese de Carl Sagan, exposta no seu artigo "The Amniotic Universe" (1979), é completamente diferente, e a súa interpretación coincide case por completo coa memoria que gardo da miña terceira ECM. Por ser moi breve neste punto, como dixen tiven tres ECMs típicas, as dúas primeiras por lipotimias leves e a última por unha lipotimia máis severa, con parada cardiorrespiratoria durante algo menos dun minuto: a primeira ós 15 anos (saín do meu corpo e eu mesma víame dende fóra caída no chan), a segunda ós 19 anos (viaxe polo túnel escuro), e a terceira ós 35 anos (experiencia inefable nun paraíso marabilloso).

O UNIVERSO AMNIÓTICO


Di Sagan que cando unha persoa que experimentou unha ECM relata a vivencia indicando que se sentía unha co universo, como eu mesma me sentía no meu paraíso, en paz, arrodeada de amor, flotando nun líquido quentiño e alumbrada por unha tenue luz dourada, en realidade está lembrando o tempo que pasou no útero materno, o universo amniótico. É posible defender a memoria e, polo tanto, a consciencia intrauterina do feto? Na época de Sagan non era posible soster isto, críase que os bebés desenvolvían a consciencia ó redor do ano de vida extrauterina.

O máis sorprendente da hipótese de Sagan é que coincide coa conclusión á que chegou a miña consciencia adulta, conservada no interior da ECM mentras a experimentaba, sobre que era o que me estaba a acontecer, sobre o que sentía e vía: de repente dinme de conta de que eramos como embrións esperando nacer e esa idea fíxome moi feliz. Entón sentín que tiña que voltar deste lado, moi ó meu pesar (nos relatos das ECMs a reticencia do suxeito que as experimenta a non querer saír dese marabilloso lugar é un feito recorrente).

Hoxe sábese que as conexións tálamo-corticais que permiten que o córtex integre os estímulos sensoriais establécense no feto ás 24 semanas de xestación. As redes neurais necesarias para que exista consciencia están formadas antes do nacemento. A partir da semana 35 (último mes de vida intrauterina), e sometidos a un experimento con sons, os fetos son capaces de memorizar e lembrar unha pauta sinxela que se repite constantemente; cando a pauta se modifica, os fetos emiten unha onda cerebral (evento P300) de resposta cortical asociada á sorpresa e á reorientación da atención, que é captada por magnetoencefalografía (procedimento non invasivo). Esta particularidade considérase un indicio inequívoco de consciencia, e confirma a existencia de consciencia antes do nacemento (1, 2).

O feto no útero materno está exposto a neuromoduladores sedantes como adenosina, pregnenolona  e prostaglandina D2, así como a niveis baixos de osíxeno (2). O que na nosa opinión xustifica as sensacións de paz, amor e felicidade que se sinten nas ECMs ó lembrar a nosa vida no universo amniótico materno (retrocédese ata ese momento, o que moitos suxeitos vivencian como se toda a vida transcorrese ante os seus ollos ata chegar ó principio).

A hipótese que manexamos ven sendo unha modificación da de Carl Sagan, co que non coincidimos totalmente, xa que logo o físico considerou, amais, que a visión do túnel e a saída cara unha luz eran un recordo do momento do parto, no que o bebé se atoparía á saída co doctor, personal de enfermería, o seu pai... e posteriormente lembraría na súa futura ECM esas presencias na luz da sala de partos. Nesta parte non estamos de acordo con Sagan, pois a luz / escuridade e as presencias son parte do universo amniótico descrito anteriormente por el mesmo. As presencias son os sons atenuados da linguaxe humana que percibe o feto no útero e dalgún xeito identifica como os seus semellantes, a súa familia (por exemplo a voz da nai, que xa recoñece ó final da xestación), e a luminosidade é a luz tenue que se filtra dende o exterior a través da pel do ventre materno, o endometrio e a membrana amniótica; o feto é capaz de percibir a luz e reaccionar ante ela nas poucas horas nas que está esperto durante a súa vida intrauterina, permanecendo a maior parte do tempo durmindo ou na escuridade.

Parécenos que a nosa hipótese, que podemos chamar hipótese ampliada e modificada de Sagan, pode amosarse cientificamente coas modernas técnicas de estudo da consciencia fetal. Os recordos que podería gardar un adulto da súa longa vida intrauterina ou estadio I de Sagan (cando o feto habita no apacible universo amniótico) son totalmente compatibles coas observacións facilitadas por tódolos suxeitos que experimentaron ECMs nas que se sentían "no ceo" ou nunha especie de paraíso, flotando, felices xunto ós seus. O noso primeiro recordo formado no último mes de estancia no reducido universo amniótico, fixado na memoria máis profunda, podería activarse involuntariamente cando o suxeito se atopa a punto de morrer, nunha situación que inconscientemente identifica coa súa vida anterior (intrauterina), co recordo de cando habitaba no seo materno: fáltalle osíxeno, non se pode mover...

O neurociruxán Ajmal Zemmar e o seu equipo do hospital de Toronto puideron realizar un electroencefalograma completo dun paciente que lamentablemente faleceu mentras lle realizaban a proba. O rexistro do EEG comprende, pois, a actividade cerebral previa e posterior ó paro cardiaco. Na opinión de Zemmar a actividade acoplada das ondas alfa e gamma que se amosa no EEG tralo paro cardiaco do paciente, que en suxeitos sans vai ligada a procesos cognitivos e á recuperación de eventos da memoria, podería corresponderse cos últimos recordos da vida que estarían a experimentar os suxeitos no transo da morte, idénticos ás "revisións da vida" que narran os que experimentaron ECMs (3).

A nosa proposta non só ten aplicacións na investigación e coñecemento da formación da consciencia fetal (capacidade de memorizar e interpretar a un nivel básico o entorno), tamén explica por que algúns suxeitos experimentan ECMs e outros non: na nosa opinión depende da precocidade do bebé, se se trata dun bebé moi activo e esperto terá formada a memoria da súa vida intrauterina con maior probabilidade que un bebé máis pegrizoso e dormilón. Ou por que hai algunhas ECMs que se vivencian como negativas ou terroríficas, cecais se durante o embarazo o feto estivo sometido a algún tipo de estrés ou dor (embarazo de risco) a memoria formada desa vivencia non será, como acontece xeralmente, un recordo de felicidade e benestar. Polo que respecta á existencia do pensamento e memoria fetais, previos á adquisición da linguaxe, cumpre relacionalos coas seguintes características típicas das ECMs:

  • os suxeitos que viviron ECMs insisten en que son experiencias inefables, que con moita dificultade poden traducirse ou narrarse con palabras
  • reiteradamente relatan como unha consciencia ou entidade se comunica con eles sen palabras, e adquiren un determinado coñecemento global sen que medie a linguaxe, o que adoitan explicar como se fose unha comunicación telepática (esa consciencia ou entidade da ECM podería ser a propia consciencia do feto)

Soñan os fetos con embrións de ovelliñas?

___________________________________________________________

(1) Moser et al. "Magnetoencephalographic signatures of conscious processing before birth", Dev Cogn Neurosci. 2021 Jun:49:100964.

(2) Bayne et al. "Consciousness in the cradle: on the emergence of infant experience", Trends Cogn Sci 2023 Dec;27(12):1135-1149.

(3) Vicente et al. "Enhanced Interplay of Neuronal Coherence and Coupling in the Dying Human Brain", Front. Aging Neurosci., 22 February 2022.

martes, 16 de diciembre de 2025

Proto sanandresiños de miga de pan: a orixe

A primeira mención a obxectos profilácticos ou amuletos feitos co que chamamos "miga de pan" (aínda que non sexa exactamente miga, senón unha masa de fariña e auga) é do ano 1541, e por suposto foi nunha das características prohibicións da Igrexa de facer rituais pagáns, ás que nos ten acostumados (grazas Igrexa!). Atopámola en documentación de Mondoñedo (Corpus Xelmírez):

"Muchas personas tienen costumbre de hazer unas cruces de massa del primero pan nuevo que cogen y ponerlas encima de la ucha a do ponen el pan cozido, teniendo por cierto que aquella supersticion y ceremonia les aprobechara para que el pan se multiplique y no se estrague; y como esto sea rito gentilico, anatematizamos, maldezimos y descomulgamos a todas las personas que lo hizieren y consintieren y los condenamos en pena de cada dos mill maravedis y en una penitencia publica un dia de fiesta en la missa maior".

Naquela altura o termo pan aínda non designaba só ó pan cocido, como agora, senón tamén ó cereal cru co que se facía o pan. Daquela, enténdense que cunha masa formada coa fariña do cereal cru e moído (e un pouquiño de auga) se facían cruces que logo se puñan sobra a arca na que se gardaba o pan cocido para que non se estragase e houbese sempre abundancia del. Temos pois unha primeira mención de meados do século XVI ó modelado con pasta de fariña para facer cruces protectoras, como as cruces dos sanandresiños de Santo André de Teixido, o que foi considerado pola Igrexa un rito xentílico ou pagán: non sabemos moi ben en que residía o paganismo para estes persoeiros, se no feito de facer figuras protectoras con pasta de fariña, ou facer cruces desta masa (non de madeira) e usalas logo como obxectos protectores que gardaban a ucha do pan. Non é doado sabelo, con esta xentiña tan maniática!

Un dos dous sanandresiños de "miga de pan" que pintara Bello Piñeiro nos murais do Casino Ferrolano entre 1925 e 1936; polo que se ve aínda non se coloreaban con anilinas de vibrantes cores.

A técnica do modelado con "miga de pan" para facer cruces protectoras, como as dos sanandresiños de Santo André de Teixido, é ben antiga, sobre todo se temos en conta que á data de 1541 habería que botarlle varios séculos máis para achegarnos á xentilidade que lle atufa ó visitador, que non é outro que o mesmo que reprobara tamén o costume de botar a queimar na lareira o 24 de decembro o famoso "tizón de Nadal".

A mesma prohibición de facer bonecas ou figuriñas de "miga de pan" atopámola no Concilio Liptinense celebrado na Galia no ano 743, onde se mencionaba a práctica supersticiosa e pagana, para a Igrexa, dos "simulacris de pannis factis" = figuriñas feitas de pan; aínda que a frase adoite traducirse como "figuriñas ou ídolos feitos de farrapos (panos)". Supomos, pois, que a prohibición debeuse a que a Igrexa reservaba o uso sacro do pan para a Eucaristía, polo que non tiñan cabida no seu código outros usos máxicos do pan.

lunes, 8 de diciembre de 2025

A Casa da Serea de Mugardos e o proceso da Inquisición contra o alcalde Ramón Mariño

 

Emblema dos Mariño de la Barrera na "Casa da Serea" de Mugardos. (C) Luís Torres, 2025. 

É moi coñecida a lenda da muller mariña, serea, Melusina ou mermaid que aparece como explicación da orixe do apelido Mariño que levan moitas familias, aínda que non estean emparentadas entre si: todos eles serían descendentes dunha muller mariña que casou cun home. É o caso da familia dos Mariño de la Barrera, con solar na vila de Mugardos. No paseo do porto consérvase en bastante mal estado o antigo pazo dos Mariño de la Barrera, agora utilizado como almacén de barcos. No seu brasón a figura da serea entre as ondas dá conta da mítica orixe familiar.

Nesta casa viviu Ramón Mariño de la Barrera, dacabalo entre os séculos XVIII e XIX. O que fora alcalde de Mugardos tivera que enfrontarse a un xuízo no Tribunal da Inquisición de Santiago por mor dun preito que levaba contra a comunidade relixiosa de Montefaro, dona e despótica señora da vila de Mugardos, que impuña pesadas cargas ós veciños. Ramón Mariño loitou, primeiro como xuíz da vila (logo como alcalde), pola súa independencia "sostendo a libertade e dereitos do pobo"; deseguida a vila pasou a depender da Coroa, perdendo en 1805 o mosteiro de Montefaro todo dereito sobre ela.

Evidentemente o preito presentado por Mariño, en representación do pobo, contra o mosteiro de Montefaro foi a causa de que a Igrexa comezase a atacalo para quitalo do medio coa denuncia ante o Tribunal da Inquisición. Na conxura urdida polos frades e os seus parceiros vertíronse calumnias e verdades que debuxan a un home cunha educación avanzada, mais na época só serviron para cuestionar a súa moralidade. Segundo os testigos Mariño dicía que a simple fornicación non era pecado, que o home debía vivir segundo o seu libre albedrío, non cría no Inferno nin no Purgatorio, e defendía que a morte dos seres humáns era igual que a dos brutos (animais) - isto é, que non tiñamos alma eterna. Parece ser que tamén viviría amancebado cunha súa criada que tiña na casa como doncela, feito que, de ser certo, lle daría moi mala vida á súa virtuosa muller.

Nesta lista dos pecados de Ramón Mariño saen datos moi interesantes respecto da súa formación cultural e os seus gustos. É da salientar que na súa biblioteca tivese obras do ilustrado Voltaire e "El Gerundio", o Fray Gerundio de Campazas (1758), obra que fora prohibida pola Inquisición debido á sátira que se facía nela da charlatanaría dos predicadores. Tamén un testigo comentaba que tiña un opúsculo manuscrito sobre a vida secreta (sexual) de María Luísa de Parma, sobre a cal corrían algunhas publicacións na época, distribuídas silandeiramente en círculos pechados ó tratarse do asunto da libido exacerbada da raíña. María Luísa tivera varios amantes; o máis famoso disque fora o ministro Godoy. E chegamos finalmente á colección artística que Ramón Mariño exhibía na súa casa do Pazo da Serea: "efigies de Venus, Júpiter y otras desonestas y enteramente desnudas", "en sus salas tenía a la vista a la Diosa Venus en cueros y otras figuras desonestas", "en su casa tenía varias pinturas que eran algo desonestas". Preguntámonos se a propia serea núa no escudo do pazo non tería sido considerada unha destas efixies deshonestas que alimentou a suposta depravación do home.

O interese deste proceso inquisitorial reside en que amosa o atraso cultural que no 1800 imperaba nun país completamente sometido ó dominio da Igrexa, no que ler a Voltaire ou ter esculturas neoclásicas en mármore con figuras núas da mitoloxía grecorromana eran considerados motivos suficientes para tentar excomungar a unha persoa e impedirlle continuar a súa carreira política. O expediente, de 1804, pode consultarse no Arquivo Histórico Nacional no titulo Mariño, Ramón, signatura INQUISICIÓN,3734,Exp.107.

jueves, 27 de noviembre de 2025

As árbores de cruces funerarias en Europa

Árbores de cruces funerarias en Galicia


Segundo ten recollido o historiador Xabier Moure, amais do famoso castiñeiro das cruces (Rao - Navia de Suarna), fotografado polo etnógrafo alemán Walter Ebeling entre 1928 e 1933, habería outros dous castiñeiros nos que se cravaban cruces polos defuntos que eran conducidos ó cementerio: un entre Murias e Robledo de Rao, e outro entre Meda e Rao (información fornecida a Moure polo etnógrafo Clodio González Pérez - cfr. "Historias, tradicións e lendas do concello de Navia de Suarna", blog Arqueoloxía dos Ancares - Colectivo Patrimonio dos Ancares).

Castiñeiro das cruces, fotografado por Walter Ebeling en Rao (Navia de Suarna).

Moure tamén engadiu á súa recompilación o costume funerario de Piornedo e Donís, do veciño concello de Cervantes. A tradición, segundo atopou nun estudo de A. García Ramos (1912), consistía en espetar no chan, no punto no que se detiñan as comitivas fúnebres de camiño ó cementerio, unha pequena cruz de madeira en lembranza do defunto, mentras o cura lía o responso.

E finalmente, o propio Moure encontrou cruces de madeira cravadas nuns carballos xunto á ermida de San Roque, na Brañela (Ouviaño - Negueira de Muñiz, concello moi próximo a Navia de Suarna). No mesmo lugar da Brañela Walter Ebeling fixera unha foto dunhas pequenas cruces inseridas no saínte dunha rocha, que lembra os nichos de Ibias, alí denominados cruceiros (segundo Clodio Rodríguez Pérez tamén era habitual en Rao chamarlles cruceiros ás árbores das cruces: "Os cruceiros dos Ancares", Irimia, 2004).

Cruces nun saínte dunha rocha. Fotografía de Walter Ebeling (Negueira de Muñiz).

Os cruceiros de Ibias - Asturias


Segundo Ramón de Cangas Fontariz, en Ibias, concello asturiano lindante co de Navia de Suarna, á volta do cemiterio adoitábase depositar a cruz que ía sobre o cadaleito do defunto nun nicho feito de pedra denominado "o cruceiro". O cruceiro situábase no camiño que comunicaba o pobo do finado coa cabeza parroquial, e nel gardábanse tódalas cruces de xeracións familiares. Ás veces o cruceiro, di Ramón de Cangas, era un enorme castiñeiro no que se cravaban as cruces co mesmo cravo que as suxeitara ó cadaleito ("Un día de fiesta y otro de dolor en Ibias", Boletín del Real Instituto de Estudios Asturianos, 1961).

No blog Ibias, el lejano oeste, María del Roxo preséntanos fotografías do cruceiro de Taladrid coas antigas cruces dos cadaleitos agochadas no nicho de pedra.

Cruceiro de Taladrid (Ibias). (C) María del Roxo, 2008: "El cruceiro de Taladrid", blog Ibias, el lejano oeste.
 

Árbores de cruces funerarias en Irlanda


Na Irlanda existira o mesmo costume de cravar ou deitar cruces funerarias nas árbores, mormente nos espiños ou nos freixos. Nunha das tradicións recollidas na School Collection (dúchas.ie) indícase que era un vello costume que se practicaba localmente, en certas aldeas preto das vellas igrexas de Kilturk, Tomhaggard, Kilmore e tamén Barrow (condado de Wexford). Nestes lugares as táboas que sobraban de facer o cadaleito traballábanse en forma de cruces e pintábanse de varias cores, logo as carpideiras portaban as cruces na comitiva fúnebre, e colocábanas nas árbores ou ben ós seus pés. As árbores tiñan que estar situadas nun cruce de camiños próximo ó cementerio ó que se dirixía a comitiva ("Ancient Funeral Customs in Kilmore Parish", informante Mr. Thomas Doyle - Wexford)

Cruces funerarias diante dun espiño no concello de Kilmore. (C) School Collection - dúchas.ie.

Noutra redacción da School Collection a informante, Mrs. Walsh (do condado de Wexford e 73 anos de idade), describía unha árbore con 80 cruces en Brandy Cross [polo tanto nun cruce de camiños] e dicía que tamén había unhas 80 cruces en Grange Hill: "cando un funeral vai a Grange, os parentes do defunto levan dúas cruces e deixan unha na árbore, e levan a outra para colocar na cabeceira da tomba. Se o funeral vai por Kilmore, a cruz colócase en Brandy Cross e se vai por Sarshill, deixan a cruz na parte de abaixo de Grange Hill. Este costume é moi antigo, pero non lembro cal é a súa orixe" ("An Old Custom"). Segundo outro informante a árbore de Brandy Cross era un espiño, e o costume viña dos tempos de San Fursa - século VI ("Funeral Customs").

Espiño das cruces de Kilmore. (C) "Keeping -but Adapting- Customs" (2023), blog Reading the Signs.

Recentemente o autor do blog Reading the Signs atopouse co espiño das cruces de Kilmore Quay. As cruces foran levadas dende o vello espiño de Brandy Cross ó novo, que se plantara no camiño de Kilmore ó novo cementerio cando pechou o de Grange en 1950. Existe tamén un vídeo previo, "Kilmore wooden crosses", de Racontour Productions (2017).

Funeral custom, Cong. (C) Margaret Stokes - 1894.

Margaret Stokes recolleu a tradición en Cong (condado de Mayo) no ano 1894 indicando que as cruces se elevaban ata as ramas dun freixo deixándoas alí, e que se nalgures a árbore morría de vella pero quedaban as raíces ou a memoria do lugar, a práctica continuaba, amoreándose no mesmo sitio as cruces nun montón de ata tres metros de altura (Three Months in the Forest of France, 1895).

Cruces funerarias nos cruceiros de Gamaches - Picardía (Francia)


Segundo M.F.I. Darsy na súa "Description archéologique et historique du Canton de Gamaches" sempre había gran cantidade de cruces de madeira chantadas na terra ó pé dos cruceiros erixidos na entrada das vilas ou nos cruces de camiños; eran depositadas alí cando se levaba a un defunto ó cemiterio.


Árbores de cruces funerarias en Letonia e Estonia


Árbore de cruces funerarias en Madona (Latvia). (C) Sandis Laime.

No traballo de Sandis Laime ("Rock Carvings as a New Kind of Cultural and Historical Resource in Latvia", Cosmos. The Journal of the Traditional Cosmology Society, 2006) o investigador propoñíase estudar o vencello entre as cruces funerarias gravadas nas árbores, e certas estacións de petróglifos que conteñen cruciformes e signos semellantes, ós que o autor denomina marcas de propiedade: "as estacións con petróglifos cruciformes teñen unha semellanza tipolóxica coa tradición das árbores das cruces, que se mantén ata hoxe e aínda se atopa en Gulbene e Madona. As árbores das cruces aparecen nunha zona máis ampla que a dos petróglifos das cruces. Lábrase unha cruz na cortiza da árbore no momento do funeral, cando o corpo é trasladado ó cementerio, para evitar que a alma, se quixer regresar do cementerio, non sexa capaz de traspasar o limiar da cruz gravada na árbore". Esta tradición existe, ademais de en Letonia e Estonia, en Finlandia e na parte adxacente de Rusia.

Para Laime nas estacións de petróglifos cruciformes podería estarse reproducindo esta mesma tradición funeraría na súa versión máis antiga, que el establece ó redor do século XIV baseándose na semellanza entre os petróglifos e as marcas de propiedade dos livonios que aparecen nos libros de rendas de Riga. As marcas de propiedade indicarían a identificación do defunto, e irían acompañadas de signos de protección.

Takiainem, no seu estudo sobre as árbores de cruces de Estonia, expón que tanto as árbores de límite utilizadas nos deslindes territoriais, como as árbores de cruces, de función máxico-funeraria, teñen en común que a cruz gravada nelas denota o paso dun límite: no primeiro caso, límites territoriais, e no segundo, o límite simbólico (aínda que físico) entre o mundo dos vivos e dos mortos. O investigador pregúntase se o costume das árbores de cruces funerarias non virá do uso das árbores con cruces para marcar os límites territoriais, introducido cando a conquista danesa e xermana de Estonia, dende o século XIII en adiante ("Trees  for  marking  boundaries  of  landed  property  in  premodern  Estonia", Estonian Journal of Ecology, 2012).

Karsikkos de Finlandia e Totenbretter alemáns


O termo finés karsikko provén dunha raíz que significa descortizar ou despoxar de ramas unha árbore, mormente, un piñeiro ou abeto, e aplícase ós pequenos memoriais funerarios feitos no oco que queda tras quitarlle unha pequena parte da cortiza á árbore, onde se graba ás veces unha cruz, mailo nome e a data de falecemento do defunto; o nome de karsikko designa tamén á propia árbore que alberga o memorial.

Karsikko no bosque de Pyhäkangas. (C) Taivaannaula: "Karsikko, vainajien puu", 2015.

O mellor estudo sobre os karsikkos fineses é o de Vilkuna, "Karsikko and Cross-tree tradition in Finland" (1993), do que extraemos as seguintes notas. Como é norma en tódolos casos que estamos a ver, a árbore elixida para karsikko ten que estar nunha floresta situada no medio do camiño que conduce a comitiva fúnebre ó cementerio. O karsikko faise á volta do cemiterio co obxectivo de fixar o defunto á árbore con encantamentos e rituais máxicos. Tanto os karsikkos como as árbores de cruces foron orixinariamente fronteiras entre este mundo e o Alén, límites que os defuntos non podían traspasar e que protexían á comunidade daqueles mortos que quixesen regresar: "o defunto reina agora na súa árbore, ningún machado pode ferilo" é a oración máxica coa que se remata a elaboración dos karsikkos dos homes en Rautalampi, e que da conta do animismo (o espíritu habita a árbore) e da constitución dunha árbore sagrada que non se pode cortar (tampouco se fose un bosque sagrado de karsikkos). Co paso do tempo e cos cambios nas crenzas populares, o costume deveu nunha simple lembranza dos defuntos, perdendo a compoñente máxica de protección contra eles. Para Vilkuna, a utilización das rochas da paisaxe ou dos muros das construcións anexas ás granxas para gravar os memoriais funerarios neles, chamados tamén karsikkos, sería unha variante tardía do costume orixinal de facelos nas árbores; pois a etimoloxía do termo indica claramente que a súa orixe se atopa vencellada ó ámbito vexetal das florestas. Linneo no ano 1734 dera conta do mesmo costume en Suecia, na provincia de Dalecarlia: a xente colocaba nos piñeiros de camiño ó cementerio taboíñas con estes memoriais, nun había 56, noutro 35... No dicionario de finés de Ganander (1937) detállanse algunhas observacións interesantes, como que os karsikkos eran árbores as que se lles cortaba a copa para logo cubrilas cunha cortiza de bidueiro e facer debaixo o memorial; tamén eran árbores utilizadas polos agrimensores como marca de límite territorial. Nihls Lithberg foi o primeiro investigador que amosou a conexión entre os karsikkos e os Totenbretter alemáns de Bavaria e Alto Palatinado.

Melodi Parga Otero, historiadora da arte especializada no patrimonio funerario, púxome sobre aviso dunha posible conexión entre os Totenbretter e as árbores das cruces, que se amosa certa tralo estudo de Lithberg citado por Vilkuna. Aínda quedou o costume nalgúns lugares de cravar as taboíñas dos mortos nas árbores. 

Táboas de defuntos (Totenbretter) en Ruhpolding. (C) Nicola Neubauer, "Holzbrett zwischen Tod und ewigem Leben. Der uralte Brauch der Totenbretter", 2022.

Árbores de límite entre o mundo dos vivos e os mortos


Como se ve en todos estes casos o costume funerario articulouse ó redor dunha árbore sagrada (ou do seu recordo en forma de cruceiro ou nicho no mesmo lugar) na que se aloxaba o espíritu dos antepasados, situada aproximadamente no medio do percorrido que conducía ó cemiterio. A situación nun limes sostén a hipótese, confirmada pola etnografía báltica (Finlandia, Letonia, Estonia), de que primeiro fora unha práctica profiláctica para evitar que os mortos retornasen do Alén, un Alén que aínda que agora o consideremos simbólico, na antigüidade se concibía como un Alén físico e real, contiguo ó noso Aquén. O defunto era expulsado da comunidade, da aldea, e pasaba polo tanto os confíns territoriais, do outro lado (rito de paso). A idea de que as árbores de cruces fosen só simples puntos nos que se recollía a memoria dos defuntos é recente.

A situación dun dos castiñeiros de Rao coincide cos límites territoriais das aldeas orixe e fin do itinerario da comitiva fúnebre, e amais nese punto hai que atravesar o río Balouta (Rodríguez Pérez, op. cit.). Os ríos foron para os celtas un limes territorial que marcaba a entrada ó Alén, precisamente pola dificultade ou imposibilidade que terían os mortos de atravesalos se quixer retornar.

O uso da árbore como punto para fixar o defunto mediante signos e rituais máxicos (cristianizados en forma da "lectura do responso"), como lugar no que efectuar a súa marca, que este non podería traspasar, rexístrase nos escritos dos agrimensores romanos. Sen dúbida as arbores notatae, signatae (con signos), decussatae (con cruces), clavicatae... das que nos falan, árbores sagradas que lles servían para deslindar os territorios, eran referencias a estas árbores dos mortos, que xa viñan marcando a separación entre o Aquén e o Alén territorial das comunidades protohistóricas europeas do Báltico ó Atlántico. É dicir, pensamos de xeito inverso a Takiainem para o caso das árbores de cruces de Estonia: as árbores sagradas dos mortos, signatae ou decussatae, terían indicado as fronteiras territoriais entre o Aquén e o Alén, e logo pasaría a se utilizar o mesmo sistema en novas delimitacións catastrais.

Un exemplo da grande antigüidade do costume, que aporta información sobre o carácter sacro das florestas onde se fixaba ás árbores o espíritu dos antepasados é o bosque sagrado céltico de Massalia que o mesmo César cortou cun machado, e que aparece descrito na Farsalia de Lucano (século I): "os rostros informes dos deuses emerxían toscamente labrados dos troncos podres". Na nosa opinión estes rostros informes que os romanos consideraban deuses dos celtas, serían os antepasados fixados as árbores dun bosque de karsikkos.

Propostas explicativas que é necesario desbotar son as que vencellan as árbores de cruces cunha moda importada posiblemente polos conquistadores normandos (Kilmore), á colonización danesa e xermana (Estonia), ou ó luteranismo en xeral, pois non satisfai a dispersión do costume, que aparece en lugares nos que nin estiveron os normandos nin os daneses nin os alemáns, nin se produciu reforma luterana algunha.

Na interpretación de González Reboredo das árbores de cruces funerarias de Rao estas virían substituír os cruceiros tradicionais de Galicia, case que descoñecidos nesta zona, os cruceiros de pedra sobre columna. Na nosa opinión sería ó contrario, os cruceiros tradicionais terían substituído árbores sacras funerarias de función liminal, as que se mantiveron en uso ata non moito nos Ancares lucenses. O mesmo investigador sinala que co feito de colocar as cruces nestas árbores "se marcaba simbólicamente a saída do defunto da súa comunidade, camino do universo máis extenso da parroquia"; respecto desta observación xa dixeramos que máis ben se trataba dunha expulsión do defunto da comunidade cara a súa nova comunidade, a parroquia do Alén (cfr. González Reboredo: "A identidade local en terras do oriente de Galicia", 1990).

Os cruceiros das encrucilladas: árbores de pedra


No texto de Lady Stokes do ano 1895 aparece un debuxo de M. du Noyer, sen data, do mesmo costume funerario rexistrado en Bannow (Wexford). Depositábanse as cruces dos defuntos nun lugar no que a árbore xa tiña desaparecido, pero aínda así a xente continuaba a deixalas alí mesmo, xunto a tres pequenas cruces de pedra que aínda quedan como único vestixio do culto á árbore dos antepasados.



Cruces de Bannow. (C) Bannow Historical Society.

Cremos que a enigmática orixe dos cruceiros galegos de pedra é esta mesma; substituíron o culto pagán ás árbores dos antepasados erguéndose nos mesmos lugares que tiñan ocupado estas: nas encrucilladas dos camiños, nos límites co Alén ó que era conducido o defunto. Ó seu pé continuaron a desenvolverse as mesmas cerimonias de separación do defunto da comunidade, xa case que completamente cristianizadas (salvo polo lugar liminal pagán da encrucillada) mediante a equiparación da árbore coa cruz da crucifixión de Cristo, imaxe empregada polo cristianismo co fin de inserir os vellos cultos dendrolátricos na nova relixión.

domingo, 26 de octubre de 2025

A cabana de patas de galiña de Baba Yaga

Agradezo a María Alonso Echanove e a Luís Torres varias suxestións
respecto das construcións que imos estudar.

O folklorista ruso Vladimir Propp explicara o elemento arquitectónico das patas de galiña que sostiñan a cabana da bruxa Baba Yaga do folklore eslavo, como residuo da forma animal que tiñan as cabanas de iniciación dos xovens, mais lamentablemente neste punto o admirado mestre equivocouse.

Lennart Meri (en Silverwhite: the Journal to the Fallen Sun, 2025) conta que nos anos 70 mentras filmaban o seu documental "The Waterfowl People" (completo no enlace precedente), na zona dos Khanti ou Ostiakos de Siberia (pobos finoúgrios), atoparan e filmaran un hlõnhot, unha cabana de finalidade ritual escondida no profundo do bosque. A cabana estaba sostida por catro troncos de bidueiro cuxas raíces se espallaban pola terra semellando patas de galiña. No seu interior encontraron varios obxectos xamanísticos. Estas cabanas sobre postes, segundo Meri, logo influíron na imaxinación dos eslavos e cristalizaron no folklore ruso como "a cabana de patas de galiña onde habitaba a bruxa" (Baba Yaga). As "patas de galiña" non foron, polo tanto, o recordo da forma animal das casas de iniciación, senón o nome que recibían os postes de madeira que sostiñan os hlõnhot, que ó conservaren as raíces das árbores semellaban as patas dunha galiña.

A cabana da Morte (1910). N. Roerich. (C) N. K. Roerich Catalogue.

Solovey Razboynik (o salteador Solovey), monstruo teriomorfo que aparece nunha bylina rusa, é ferido nun ollo polo heroe Ilya Muromets. O lenzo do ruso N. Roerich (1910) amósao na súa casiña, debuxada polo pintor como unha domovina ou casa dos mortos arrodeada de caveiras, igual que a cabana de Baba Yaga. (C) N. K. Roerich Catalogue.

Domovinas ou cabanas dos mortos, de N. Roerich (1914). Esbozo para unha ópera de Rimsky Korsakov. (C) N. K. Roerich Catalogue.

O pintor ruso Nicolai Roerich pintara varias destas cabanas chamadas domovinas (casas dos mortos). Segundo Lidia Kovalchuk "unha domovina era unha cabana onde se enterraban os mortos; elevábase no chan sobre altos troncos que conservaban as súas prominentes raíces e parecían patas de galiña, así é como a expresión pasou ós contos marabillosos. Estaba prohibido entrar nunha domovina dende o lado do poboado, só se podía entrar dende o lado do bosque" ("Formation of Female Blends in Russian Folktales", Mediterranean Journal of Social Sciences, 2015). A forma de entrar nas domovinas adoita aparecer nos contos de Baba Yaga como que a casiña da maga ten que xirar e amosar a entrada, que está oculta do outro lado.

Tanto os datos fornecidos por Meri (o mundo xamánico vencellado ós hlõnhot) como os datos fornecidos indirectamente pola obra de Roerich, mailo estudo de Kovalchuk, indican que a cabana de Baba Yaga era unha casa de iniciación (a iniciación do xoven figurada como morte e renacimento), e que a bruxa era, ela mesma, ben un morto (un espíritu, a dona dos animais) ou unha xamán que vixiaba a entrada ó Alén e guiaba a iniciación, tal e como sostiña Propp aínda que non atinase coa explicación das patas da cabana. Pero na cabana de Baba Yaga sucedía sempre outro feito extraordinario e fundamental, estaba sempre ateigada de comida. Era a casiña de chocolate ou de mazapán dos contos marabillosos, o que tamén ten unha explicación que parte da realidade pois os mesmos pobos finoúgrios, mais da parte de Finlandia, adoitaban construír celeiros deste xeito, elevados sobre un poste, dunha forma semellante ós nosos hórreos. Por iso na cabana de Baba Yaga hai tanta comida: é un celeiro, amais de tumba dos devanceiros. Que extraño vínculo relaciona á comida cos defuntos? Propp intentara explicalo como requisito ritual para a viaxe do defunto ó Alén (cfr. a cerimonia da apertura da boca do Libro dos Mortos exipcio), na súa obra As raíces históricas do conto, mais a constatación do costume da inhumación baixo o celeiro dos Kapsiki de Camerún fai necesario procurar outras explicacións non tan evidentes ("Ritualidade e simbolismo do hórreo: o caso dos kapsiki de Camerún", Arqueotoponimia 2020).

domingo, 21 de septiembre de 2025

Nacementos míticos polo costado

O deus da tormenta do panteón anatolio Tarhunna ou Tarhunta (hittita) formouse no ventre do seu pai Kumarbi, e saiu del "polo mellor lugar", que non podía ser nin pola cabeza, nin pola boca, etc.; saiu por un lugar que no texto non queda claro cal foi, pero a vía supuxo que o corpo de Kumarbi rebentase, e logo tivese que ser suturado nunha especie de cesárea. E no Rigveda o deus Indra, que levaba máis de mil meses no ventre da súa nai, foi conminado a saír. El negouse a facelo da forma natural, pola vaxina, pois era unha forma ruín e impura; sairía polo costado, polo bo lugar. E así o fixo. (M.L. West, Indo European Poetry and Myth, 2008).

Buda saíndo do costado da súa nai, a raíña Maia. Maia represéntase suxeitándose a unha árbore (sala) que tiña reclinado unha póla para axudala no labor do parto.

Siddharta Gautama (Buda) tamén veu ó mundo a través do costado dereito da súa nai, a raíña Maia Devi.

No nacemento de Eva representado no recinto parroquial de Guimiliau (Bretaña) vese como a muller sae xa formada dun costado de Adán, non dunha costela; se fose deste derradeiro xeito non existen paralelismos míticos. Está sostida por Deus, que tira dela para sacala do Adán durmido. A palabra hebrea tsela ten os dous significados de "costela" e "costado". Dada a gran cantidade de divindades, heroes e persoeiros (Lao Tsze, Krishna, Xesús, César) que se presentan ante nós caracterizados por ter nacido de forma extraordinaria, como é o xeito de nacer polo costado, o máis probable é que o relato do nacemento de Eva contido no libro bíblico da Xénese sexa un máis deles, influído por antigos mitos asiáticos.

A nai da humanidade das relixións do Libro non podía nacer da forma normal, neste caso entre outros motivos, polo impedimento físico de ser Adán un varón. Foi nacer do costado do seu marido, que ó mesmo tempo era, entón, o seu pai. De feito Adán recoñecera o estreito grao de parentesco, incestuoso por necesidades do guión, ó exclamar "esta si é carne da miña carne e óso dos meus ósos!".
  
A creación de Eva nun  dos relevos do recinto parroquial de Guimiliau.

domingo, 3 de agosto de 2025

O cadrado máxico SATOR do tombo de Caaveiro: un esconxuro ou exorcismo medieval

Nun documento de venda de 1248 do Tombo do Mosteiro de Caaveiro (manuscrito 1439 do Arquivo Histórico Nacional - px. 211 do visor) atópase un signo rodado validatorio ó final do mesmo que contén o famoso palíndromo SATOR AREPO TENET OPERA ROTAS*. A súa utilización na antigüidade ven constatada pola aparición dunha destas inscricións, chamadas cadrados SATOR, en Pompeia, selada pola erupción do Vesubio do ano 79.

SATOR
AREPO
TENET
OPERA
ROTAS

O de Caaveiro presenta varias particularidades. A máis salientable é que o palíndromo aparece disposto de forma circular, non, como é habitual, en forma de cadrado que se pode ler en tódalas direccións horizontais e verticais. Amais, no selo de Caaveiro faltaría a palabra ROTAS; pensamos que non se escribe expresamente ó estar xa a frase inscrita entre as dúas rodas do signo validatorio. O contexto é claramente cristián ó presentar a cruz no centro do deseño.

Para Ana Suárez González, a súa descubridora, o palíndromo SATOR do tombo de Caaveiro, maila lenda que aparece entre as rodas do signo validatorio doutro documento de doación do mesmo tombo, do ano 1153, "XRS VINCIT, XRS REGNAT, XRS IMPERAT", tiveron gran difusión ó longo da Idade Media como fórmula de protección contra o lume, as tormentas, a enfermidade e o demo ( "Invocar, validar, perpetuar (un círculo de círculos)", Revista de poética medieval, 2013).

"Christus vincit, Christus regnat, Christus imperat" - Tombo de Caaveiro
(manuscrito 1439 do Arquivo Histórico Nacional - px. 176 do visor).

As dúas lendas, polo tanto, son esconxuros ou exorcismos contra o mal ou o demo. No caso dos documentos de Caaveiro, ó que parece, fixéronse co obxectivo de protexer o acto xurídico de venda / doación que os precede.

O seu uso atópase en amuletos e esconxuros medievais de, por exemplo, Alemania e Dinamarca. A taboiña de plomo de Schleswig (Alemania) contén o comezo do Evanxeo de San Xoán e un esconxuro contra os demos e a enfermidade, e vai rematada cunha invocación ó poder da cruz: "Crux benedicat me nomen amen, Crux Christi protegat, Crux Christi eruat me nomen a diabolo ac omnibus malis, amen"; á súa vez, a taboíña de plomo vai dobrada sobre si mesma formando un paquetiño ou sobre, e na cara exterior grabouse o palíndromo SATOR deste xeito:

Amuleto de Schleswig co palíndromo SATOR. (C) Rudolf Simek, "Elves and exorcism. Runic and Other Lead Amulets in Medieval Popular Religion", en Myths, Legends and Heroes. Essays on Old Norse and Old English Literature in Honour of John McKinell, ed. Daniel Anzelark, 2011).

Segundo indica Ana Suárez, o signum validatorio SATOR de Caaveiro con disposición de xeito circular non sería un caso excepcional, pois se ten encontrado algún semellante, como o que arrodea un mosaico medieval coa escea de Daniel no foso dos leóns, na igrexa de Sant'Orso de Aosta (Italia). Pensamos, polo tanto, que é posible que nas nosas igrexas poida aparecer algún gravado deste tipo, que ata o de agora teña pasado desapercibido.

Roda SATOR en Sant'Orso de Aosta. (C) Samuel e Daniela, blog Indagini e Misteri: "The Sator square, an enigma that crosses history", 2020.


__________________________________________________________________

* Non nos pronunciamos sobre o significado do palíndromo, habendo gran cantidade de información sobre este quebracabezas, polo de agora irresoluble, na Internet. As súas palabras son latinas: SATOR = sembrador, creador, AREPO = ?, TENET = sostén, OPERA = obra, ROTAS = rodas.

jueves, 31 de julio de 2025

Trezenzonio e os immrama: observacións astronómicas do movemento solsticial

 

Miniatura cunha observación astronómica no códice 18 da Biblioteca de St. Gallen (ano 1000).

Grazas a Vila Botanes sabemos que o monxe Trezenzonio, protagonista da narración Viaxe á Gran Illa de Solstición (s. XI), foi o mesmiño San Xoán Tersón, santo ó que se lle tiña gran devoción en Tui e Portugal (Joel Varela, "Trezenzonio revisitado. Noticias históricas de su culto, estudio, edición y traducción del relato De Solistitionis Insula Magna", Hispania Sacra, 2022), e que ata aparecera mencionado nunha cantiga do xograr Golparro:

Mal faç’eu velida, que ora nom vou
veer meu amigo, pois que me mandou
que foss’eu con el ena sagraçom
fazer oraçon a san Treeçom
d’ir ei coraçom
a San Treeçom.
E non me devedes, mha madr’, a guardar,
ca, se lá non for, morrerei con pesar.

A súa festa era o 24 de xuño, xunto coa de San Xoán Bautista, como podemos ver no Gaiteiro de Lugo. Calendario gallego pro ano santo de 1935, data que vencella ós dous santos (o Bautista e Tersón ou Tresón) co solsticio de verán, e ata suxire que sexan un só santo solsticial: de feito, no século XVI a ermida anexa ó convento de Santo Domingo de Tui tiña a dobre advocación, adicada ós santos San Xoán e San Tersón (cfr. Varela, artículo citado).

Calendario do Gaiteiro de Lugo para 1937 coa data da festa de "Xohan Tresón, ermidao".

A data solsticial da festa de San Xoán Tersón, ou a característica de ser San Tersón unha antiga divindade solar, cristianizada como o seu dobre Xoán o Bautista, non se ten vencellado ata o de agora coa viaxe de Trezenzonio á Illa do Solsticio. Ó noso xuízo sería unha proba máis da equivalencia entre Trezenzonio e San Tersón: amais da semellanza entre os seus nomes, teriamos unha outra analoxía na viaxe que emprenden os dous cara o solsticio de verán, o momento no que o sol morre, pois os días comezan a ser máis curtos.

Seguindo unha idea suxerida por Serafín Moralejo, en realidade a "Illa do Solsticio" que visita Trezenzonio non tería sido orixinalmente unha illa, senón un punto astronómico do percurso solar. No mapa do Beato de Osma, de onde se tería sacado o nome da illa da viaxe de Trezenzonio, lese enmarcado nun cartel "Solitio Magna", o que indicaba o punto onde se producía o solsticio estival ("El mundo y el tiempo en el mapa del Beato de Osma", 1992).

"Solitio Magna" no Beato de Osma.

Letreiros ou indicacións deste tipo, como "hic ortus solis in aequinoctio", "occasus solis in natale Iohannis" (vencellando xa o solsticio con San Xoán) ou "hic ortus est sol" aparecen nos orbes astronómicos medievais e nos mapas como o do Beato de Osma, e é doado para alguén inexperto confundilos con illas.

Orbe astronómico medieval cos solsticios e equinoccios e disco solar central.
(C) Códice Bodmer 188 (ca. 1230).

Orbe medieval cos ortos e ocasos do sol no verán e no inverno. As distintas lonxitudes dos arcos marcan os percorridos solares máis ou menos longos segundo a estación.
(C) Manuscrito F III 15a do mosteiro de Fulda coas táboas astronómicas de San Isidoro (s. VIII-IX).

Semella que no relato de Trezenzonio e na figura de San Tersón se agochan mitos que  xurdiron de antigos coñecementos astronómicos relativos ó ciclo solar anual, que tiña carácter sacro por se concibir o astro como divindade. Na viaxe de Trezenzonio o sol personificado no monxe percorre o seu camiño cara o solsticio estival nunha barca, do mesmo xeito que se representaba na mitoloxía indoeuropea da Idade do Bronce (Valent, Jelinek e Lábaj: "The Death-Sun and the Misidentified Bird-Barge: A Reappraisal of Bronze Age Solar Iconography and Indo-European Mythology", Archeológia 31, 2021).

A interpretación astronómica como percurso solar anual cara o solsticio que estamos a propoñer para os immrama, xénero ó que pertence a viaxe de Trezenzonio, ven suliñada amais neste caso pola funcionalidade de observatorio coa que se amosa o faro Brecantium ó que ascende o monxe co obxectivo de utilizar o seu speculum (telescopio primitivo de lente metálica puída) para observar as zonas máis afastadas do océano que arrodeaba a Terra, tal e como era imaxinada na Idade Antiga.

Outra variante desta temática son as lendas dos santos chegados en barcas de pedra ás costas galegas, que nalgún caso, como na de San Xoán da Misarela (A Pobra do Caramiñal), conservan no nome do santo a súa cualidade solar. O Padre Sarmiento refería que "del rio Barbanza, que es mayor que el Folgoso, cuentan mil cosas, v.g.: que había allí un pozo sin fondo, en que se veían encantadores, etc., y que con truenos se cegó del todo. A la orilla del rio se ve una piedra que llaman el Barco, y dicen que en el vino San Juan y otras pataratas semejantes" (Fernando Alonso Romero: "La barca de piedra de San Juan de la Misarela", Cuadernos de Estudios Galegos, 1991). Hoxe a chegada de San Xoán en barca de pedra á Misarela atribúese a San Amaro, outro navegante solsticial na procura do Paraíso.

Doutra banda, a relación da viaxe solar coa morte, que Valente, Jelinek e Lábaj no artigo citado remiten á mitoloxía indoeuropea, pódese rastrexar con comodidade ata os coñecementos astronómicos que nos chegaron da Idade Media: as portas do sol (portas solis) eran as liñas imaxinarias dos trópicos de Cáncer e Capricornio, así chamadas polos físicos (astrónomos e xeógrafos); por elas se cría que transitaban as ánimas do Ceo á Terra, e voltaban ó Ceo dende a Terra (Macrobio: Comentarios ó Soño de Escipión, s. V).