sábado, 24 de septiembre de 2022

Riquiño, dígovolo eu

"Y a presença d'un probe alí estorbaba; por eso entre suspiros repetía:
¡Ai, quen fora riquiño un soyo día!". (Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, ed. 1872).


Na recollida do léxico para formar un dicionario, para o asunto que nos vai ocupar, teñen que terse en conta tres normas e unha excepción:
  1. Existe a convención de que os diminutivos non se recollen, porque, do contrario, o dicionario aumentaría considerablemente o volumen de entradas innecesarias. Xa que, logo, estes derivados teñen o mesmo significado (mais en pequeno) que o termo en positivo, sería un desperdicio de tempo e espazo. Neste caso, o "riquiño" do exemplo dos versos de Rosalía, ó ser claramente un diminutivo de "rico" como oposto a "pobre", non ten entrada nos dicionarios.
    1. Excepción: recóllense aqueles diminutivos lexicalizados, é dicir, diminutivos que, procedentes dun positivo, acadaron acepcións especiais moi específicas que non se atopan exactamente no termo do que proveñen.
  2. Para rexistrar nun dicionario un termo, neste caso, un nome, ten que darse ou tivo que darse o seu uso na lingua falada ou escrita. Isto é unha regra de Perogrullo, pero é así: non se poden incluír entradas (palabras) cuxo uso non estea difundido nunha lingua.
  3. Pódense rexistrar préstamos doutras linguas se o seu uso está normalizado na lingua que o recibe, e con máis razón se o termo adaptouse á lingua receptora.
Con respecto á polémica resposta, negativa, do 7 de setembro por parte da RAG a un usuario que preguntaba sobre a pertinencia da inclusión do diminutivo "riquiño" no seu Dicionario, vemos que os académicos encargados de levar as redes sociais (Twitter), descoñecen as tres regras anteditas, maila excepción da primeira. 


Se atendemos á parte en que din que non se pode meter "riquiño" no Dicionario porque é un diminutivo galeguizado do castelán "rico", coa acepción de "niño bonito y a la vez gracioso, encantador", respostamos que podería entrar no Dicionario, como préstamo galeguizado procedente do castelán. Non hai obstáculo algún para admitiren préstamos nos dicionarios, calquera que sexa a súa morfoloxía (non están prohibidos os diminutivos) e lingua de procedencia.

Se atendemos á parte en que din que non se atopa esa acepción de "neno bonito, gracioso e encantador" no galego "rico", respostamos que é certo: non se atopa. Mais que esperaban atopar se "riquiño" é un diminutivo lexicalizado, con acepcións especiais que non ten o seu positivo? Neste sentido, como exemplo, podemos fornecer o caso de "cova", "cavidade natural ou artificial no terreo", e o seu diminutivo "coviña", que se se trata dunha cova pequena non tería entrada no Dicionario, mais se con esta palabra designamos un "petróglifo en forma de pequeno oco hemiesférico gravado nunha rocha", sí debería de ter entrada no Dicionario (por certo, tampouco a ten). Se, por descoñecemento, os académicos fosen buscar na entrada "cova" algunha acepción relacionada cós petróglifos non a atoparían, como non atoparon en "rico" nada relacionado cos nenos ou persoas encantadoras: xa estamos a dicir que os diminutivos lexicalizados crean novos significados que non teñen os seus correspondentes positivos.

Mais... é riquiño un préstamo galeguizado procedente do castelán? Outra labor que hai que desenvolver antes de respostar inmediatamente, sen pensar, ós usuarios das redes sociais, ou antes de tomar unha decisión ó respecto da inclusión ou non dun termo no Dicionario, é investigar o uso da palabra. Pola nosa conta, aínda que non nos paguen por elo, molestámonos en procurar o uso de "riquiño" na nosa lingua, que xa ven dende 1879, e non só era aplicable ós nenos ou persoas "riquiñas", senón a calquera cousa que resultase especialmente entrañable ou curriña. Como unha paisaxe:



"Nobres varóns das Mariñas,
daquela terra sin par,
daqueles prados de ouro,
daquel tan longo froital,
daquelas fontes correntes
bálsamo do ceo e o chan,
daquel xardín tan frourido,
daquel sempre verde val
máis vello que o mesmo Brigo
e máis riquiño que o pan"
(José Rumbo Otero: "Os mariñáns de Betanzos", composición publicada íntegramente no xornal El Gallego, 24-8-1879).

Na autoridade* de José Rumbo Otero temos a xénese da acepción especial do diminutivo "riquiño": un verde val é "máis riquiño que o pan". De onde se desprende que foi un dos semas da palabra galega "rico", ligado ó sabor agradable dos alimentos, o que serviu para formar a deriva semántica gastronómica que levou á creación do diminutivo lexicalizado propio do galego "riquiño"; que debería de ter entrada no Dicionario da RAG, xunto con "coviña".

*Autoridade = autor que afianza o uso. O recurso ás autoridades é fundamental para constituír o léxico e formar as acepcións que integran os dicionarios.

sábado, 17 de septiembre de 2022

Corvelle (O Cadramón)

 

Aldeas de Bustomeao e Corvelle no Cadramón (O Valadouro). Coas estreliñas laranxas indicamos a situación das diversas arcas, mámoas e fornos dos mouros catalogados na contorna.

Nun contexto de paisaxe gandeira que afunde as súas raíces na prehistoria como é a da Serra do Xistral, a toponimia fai con moita frecuencia alusión ós peches gandeiros. Bustomeao é un topónimo composto cun primeiro elemento de orixe prerromana, busto, "terras de pasto para o gando". Doutra banda, a microtoponimia de Corvelle sinala outros dous recintos gandeiros, Ameixón e Revolta. Pensamos, polo tanto, que o topónimo Corvelle non pode provir, como se ten dito, dun nome persoal non documentado no noso territorio, *Corvilius, en caso xenitivo de posesión. Máis ben cadra cunha contracción da frase substantiva *Currum Vetulum > Corvello / Corvelle, en caso xenitivo de relación, e supoñendo unha elisión: (aldea) Corvelle = "aldea de Corvelle".

A chamada ruína da declinación latina, pola que se deixa de usar o sistema de casos ó preferirse a utilización das preposicións para indicar as funcións sintácticas, comeza no século III e resulta moi abrupta; ó redor do século V non se declinaban os nomes. O feito de estar Corvelle en caso xenitivo indica, pois, que o topónimo se creou como moi tarde no século V para designar o que entón xa se consideraba un "curro vello", como mínimo da Idade do Ferro.


O reparto das moscas no cromlech do Prado das Chantas

A Manolo Camba, o meu sherpa do Xistral
  1. Segundo as tradicións, no cromlech da Eira das Meigas ou Circo dos Xogos do Monte Neme "la víspera de San Juan se reunen las brujas en la fuente de Santa Cristina, allí próxima y donde hay ruinas de una capilla, y después de bailoteos y otras ceremonias ascienden a la Eira, en la que, acomodada cada una en un sentadoiro (las piedras que forman el círculo) toman sus acuerdos para dañar a los humanos" (El Ideal Gallego, 2-8-1928).
  2. No ano 1938 o cronista de Mondoñedo, Eduardo Lence Santar, narraba unha tradición idéntica que se desenvolvía nun lugar indeterminado do Xistral: as meigas de Mondoñedo, as de Vilanova, as do Val e as da Mariña ata Ribadeo quedaban pola noite na véspera de San Xoan no Mongadal, na respaldeira do monte Padornelo, e untadas con touciño e subidas a vasoiras de xibarda, collidas da man de dúas en dúas, saían polo ar ata guindarse no Xistral, xuntándose coas meigas do Valadouro, do Viveiró, de Vilalba, de Meira e doutras partes, para facer o reparto das moscas e das pulgas. Son moitos os que teñen sentido pasar as meigas para O Xistral (El Compostelano, 26-10-1938).
  3. Nunha outra versión recompilada por Pisón, Lourenzo e Ferreira (Contos do Valadouro, Edicións do Castro, 2005) onde tiña lugar o reparto das moscas era nos montes do Buio nas inmediacións doutro megálito: "na noite de San Xoán ían dous homes de cada parroquia ao Pau da Vella para o reparto das moscas, e todos os anos había reña cos de Budián pois estes só querían tabaos".
  4. Polo San Xoán, "na Eira das Neghras (Abelaíndo), as bruxas reciben o demo con danzas de roda; coféanlle a pelica toda, afágano sexualmente. Tras a recepción, sentados á mesa presidida polo diabólico castrón, os comensais dan boa conta dun menú ateigado de manxares, entre os que sobrancea a carne tenra dun meniño aínda sen cristianar, subtraído dalgún berce ao descoido. Na sobremesa, o demo distribúe entre as súas serventes as encomendas para o ano: fai o reparto das moscas que, durante o verán, cribarán o lombo dos rabaños e dos seus pegureiros (Calros Solla: "Cerdedo e o solsticio de verán", Faro de Vigo, 21-7-2013).
Temos, pois, catro lendas inspiradas polos antigos rituais pagáns que se desenvolvían nos enclaves megalíticos, segundo o calendario solar, no solsticio de verán. Supomos que, dentre tódolos megálitos do Xistral, foi o cromlech do Prado das Chantas (O Valadouro), cos seus máis de douscentos "sentadoiros" para as bruxas, o monumento que deu orixe a lenda da máxica xuntanza para facer o reparto das moscas e as pulgas. Co cristianismo, os tradicionais festivais solsticiais que puideron celebrarse na prehistoria, cecais xuntanzas nas que tamén se acordaba para o ano entrante o aproveitamento dos pastos e dos bens da comunidade, consideráronse rituais pagáns e, por elo, diabólicos, tal e como amosan as lendas que chegaron ata os nosos días.

Parte do cromlech do Prado das Chantas (O Valadouro). (C) Dolores González de la Peña, 2022.

A adscrición do xacemento do Prado das Chantas á tipoloxía dos cromlechs non está clara aínda, pois podería ser parte dunha paisaxe habitacional neolítica para os pastores e o seu gando, integrada tamén polos peches situados na aba do outeiro, e máis os túmulos dolménicos do veciño curro de San Tomé. Mais o feito de existir unha lenda específica moi posiblemente vencellada a esta estrutura, como é a do reparto das moscas e as pulgas, ilustra a forza coa que perviven o folklore e as tradicións no noso país, e outórgalle ó enclave a consideración de ser un conxunto de pedras sacras, con lenda ou ritual asociado. Segundo veñen de amosar Almagro Gorbea e Alonso Romero na súa obra Peñas Sacras de Galicia (Fundación Luis Monteagudo, 2022) "una peña es sacra cuando los mitos y/o ritos conservados evidencian su carácter sacro".

Aba do outeiro cos peches neolíticos para o gando. (C) Dolores González de la Peña, 2022.


No Diccionario Geográfico de Tomás López (provincias de A Coruña e Lugo, fol. 562) o informante do xeógrafo a finais do século XVIII indicaba que existía o pastoreo de alzada nestas montañas: "al norte de esta parroquia de Mor hai un monte, que llaman El Buio, famoso por sus buenos pastos, y al noroeste, otro monte de considerable altura y de tan buenos pastos que vienen muchos ganados del Principado de Asturias a pastar todos los veranos". É posible, polo tanto, que estes peches gandeiros inmediatos ó Prado das Chantas sexan ruínas de antigas construccións propias do pastoreo estacional, unha braña de alzada, patrimonio etnográfico.

martes, 6 de septiembre de 2022

A Cabirta, Alcoberta e Arca Aberta

 

Construción tipo "Portalén" no lugar da Pedra da Cabirta, Montemaore (A Laracha).
(C) Manuel Ruibal, 2021.

Na entrada "Unha "Portalén" entre Montaos e Bergantiños" falaramos da "Portalén" megalítica da Pedra da Cabirta, descoberta por Manuel Ruibal no pasado ano. Clasifícase, como as Comhla Bhreac irlandesas, dentro da tipoloxía de portais megalíticos de comunicación có Alén, que creara Calros Solla tras estudar etnográficamente o Portalén de Lama e Forcarei, o primeiro dado a coñecer.

Daquela non reparamos en que o nome de Pedra da Cabirta podería designala; pensabamos que era o nome da pena de abalar que está xusto ó lado. Chamounos a atención o nome, mais desbotada inmediatamente calquera etimoloxía vencellada ás cabriñas, e sen ter moito máis corpus que facilitase a análise, pasamos a tarefa etimolóxica ó caixón de "pendentes".

Logo, examinando a toponimia dos límites parroquiais entre Rus e Sofán (Carballo), topamos cos microtopónimos A Toca e Alcoberta / Alcaberta, xusto na liña dos lindes. Como é ben coñecido, os megálitos serviron de lindes, ben porque xa foron marcos dende tempos recuados, amáis de estruturas funerarias, ou porque a súa visibilidade favoreceu que logo se utilizasen con esta finalidade. Así pois, pola situación nos lindes parroquiais, e pola súa estrutura fónica, Alcoberta ou Alcaberta ten necesariamente que provir da frase Arca Aberta, topónimo indicativo da existencia de estruturas megalíticas de tipo dolménico.

Unha outra proba de que "arca aberta" deu Alcoberta ou Alcaberta nalgúns casos é o topónimo portugués das Alcobertas, aldea na que destaca a famosa anta-capela anexada á igrexa de Santa María Madalena, que lle daría o nome o lugar.

Anta-capela das Alcobertas. (C) Tripadvisor.es.

Polo mesmo, no contexto da porta megalítica sita na Pedra da Cabirta, supomos a orixe do topónimo na frase Pedra da(ɹ) Caberta > Pedra da Cabirta. Así pois, o nome do lugar viría motivado pola estrutura megalítica do trilito; non pola pedra abaladoira próxima. O trilito vese como unha arca aberta ó non ter fondo, ó ser un portal.

A microtoponimia ven de confirmar que o trilito de Montemaore é un megálito pertencente á tipoloxía das arcas, segundo a clasificación dos antergos. É destacable que nunha distanza duns 20 kms teñamos tres das formas provintes da frase Arca Aberta: Arca Aberta entre Quembre e As Encrobas ("Os petróglifos de coviñas como marcas de trifinios"), Alcoberta / Alcaberta entre Rus e Sofán, e A Cabirta entre Soandres e Montemaore.

lunes, 5 de septiembre de 2022

Tarrío e Tarrulo

Como amosara don Edelmiro Bascuas na súa segunda monografía adicada á hidronimia paleoeuropea galega, o topónimo Tarrío vai ser xeralmente unha evolución da frase preposicional latina "trans rivum", "tralo río" (Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, 2006, punto 112.6). Aínda que ás veces, como destacaba o autor, Tarrío non sexa máis que unha variante de pronuncia da palabra terreo.

Máis tarde, Paulo Martínez Lema atopou unha nova evidencia da pervivencia desta mesma frase respecto do topónimo Trarigo (Bande - Ourense) no cartulario de Fiães, no que se documenta como "Transriuulo", o que desbota calquera aproximación dende o punto de vista da onomástica de orixe xermana como podería ser *Traharicus ("O Cartulário de Fiães enquanto corpus toponímico: acerca dalgúns nomes de lugar na fronteira galego-portuguesa", Zeitschrift für romanische Philologie, 2018).

Pola nosa parte, temos a certeza de que o microtopónimo Tarrulo ven tendo a mesma orixe, mais có núcleo da frase preposicional en diminutivo, como nas secuencias que se documentan no CODOLGA:

  • Petrus Petri de Transriuulo (1187)
  • vineam Iohannis de Amaia que iacet trans rivulum de Pontone (1218)
  • vestram directuram quam habetis trans rivulum Avie (1235)
Tarrulo xunto ó río Lengüelle ó seu paso por Vilar de Queixas e O Uval (Cerceda). Na parte superior da imaxe o microtopónimo Castro indica a existencia pretérita dun asentamento do Ferro, hoxe completamente imperceptible.

Tarrulo como proveniente de "trans rivulum" presenta a particularidade de manter o -l- intervocálico, fenómeno que non é tan extraño se temos en conta que este sufixo diminutivo amosa algunhas irregularidades na súa evolución tendentes a conservalo: Rinlo (de rivulum), parrulo (de paruulum).

O sustantivo tarrulo existe como nome dun tipo de muíño, o muíño tarrulo, que é o máis simple. Pensamos que o nome venlle de estar os muíños construídos na beira dos ríos.

domingo, 4 de septiembre de 2022

Lendas recollidas por Bello Piñeiro no Xistral e na Serra da Loba

Nun artigo firmado por Tomás Barros publicado na Voz de Galicia do 11/5/69 con motivo da edición do libro de José Leyra Domínguez, Bello Piñeiro y su tiempo, podemos ver que o pintor mugardés (1886-1952) tiña traballado no eido da literatura oral recollendo tradicións e lendas no Xistral e na Serra da Loba a principios do século pasado. Ditas lendas conservábanse nalgunha das libretas que atestaban o estudio do pintor, e o seu biógrafo Leyra anunciáballe a Barros que tiña previsto publicalas próximamente. É o que podemos adiviñar do recorte que pegamos a continuación, tomado do Arquivo Galiciana.


Perdemos a pista destes manuscritos inéditos sobre as lendas do Xistral e a Serra da Loba ata que nunha entrevista que lle fai Ramón Loureiro a Guillermo Escrigas, publicada tamén na Voz de Galicia (11/5/20), atopamos novos datos sobre o traballo de recollida do folklore patrimonial levado a cabo por Bello Piñeiro na súa xuventude: "A mí me llama mucho la atención la intensidad con la que trabajó [Bello Piñeiro], con la ayuda de Manuel Fernández Barreiro, que para él fue un auténtico mecenas, en la búsqueda de la esencia de la literatura oral gallega, con un magnífico trabajo de campo que tomó como referencia Val Xestoso. Por fortuna, el manuscrito en el que se recogen los frutos de ese trabajo lo conservo yo. Es un patrimonio de Galicia que no debería perderse nunca. Y estoy empeñado en darlo a conocer para las generaciones futuras".

Lamentablemente, ó ano seguinte de ter concedido esta entrevista, Escrigas faleceu inesperadamente, sen que saibamos do paradeiro do manuscrito de Bello Piñeiro sobre o folklore de Val Xestoso.

Dende aquí pretendemos chamar a atención sobre a importancia de non acaparar manuscritos de altísimo valor patrimonial sen darlles saída; estes tesouros, Patrimonio Inmaterial da Humanidade, teñen que estar depositados nunha institución cultural, arquivo ou museo e dende aí traballar na edición inmediata dos textos, non andar a voltas con eles anos e anos (máis de 50 anos) pasando dunhas mans a outras sen trazabilidade. Aínda que a familia cesora confíe no depositario, logo poden sobrevir circunstancias, como é neste caso o triste pasamento de Escrigas, que dificultan a localización das obras. Preocupámonos anticipando o peor; non é a primeira vez que vemos carpetas con escritos variados, e ata libros, nun contedor de papel porque a familia do difunto non lle presta moita atención ás notas e papeis cando se ocupa de pór orde nas súas cousas.

viernes, 2 de septiembre de 2022

O problema da hidronimia Asno

 

Toponimia Chaudarna e Chao do Asno en Quintela de Leirado, preto da Mourisca.

Contaba don Edelmiro Bascuas un problemiña que o traía frito. No tema da hidronimia paleoeuropea *APS- con alargamento en -n metía por exemplo "Asnois" (ano 914) e xustificaba o actual Arnois por cambio s-r, é dicir, por rotacismo.

Dicía que "aunque Asnois no tenga nada que ver con asno, se plantea un problema de hominimia prácticamente insoluble entre la raíz hidronímica y esta palabra en un buen grupo de nombres de ríos y de lugares, frecuentes sobre todo en Galicia y Portugal. Entre ellos: Regueiro do Asno (l. de Alpariz, Lalín, Pont.); Asneiro, afl. del Deza (Lalín, Pont.); Asneiros, afl. del Arenteiro (Carballiño, Our.; se llama también Asneiros un lugar de Hermedelo, Rois, Cor., y otro de Desterro, Rois, Our.); diminutivo Asnela (l. de Meilán, Riotorto, Lu. y l. de Riofrío, Mondariz, Pont.) [...]. En todos estos casos parece vano cualquier intento de buscar otra cosa que ríos o valles de Asnos; lo más probable es que sea lo que parece; sin embargo, es también muy posible que los asnos que corren por los valles de Asna o que van a beber al río Asneiro hayan nacido del agua de algún viejo *Aps-na o *Aps-narium. Pero, evidentemente, no es posible ir más allá de una mera posibilidad, y si en algún caso el origen fuera perromano, la confusión con el lat. asinus lo haría indetectable" (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, punto 103).

Filolóxicamente non hai nada indetectable, é máis que nada cuestión de paciencia e sorte. O doblete toponímico Chaudarna e Chao do Asno que atopamos en Quintela de Leirado ven alumear a solución do problema da hidronimia Asno, que se resolve eliminando este tipo de hidrónimos. A hidronimia Asno pertence á prolífica raíz *ER-, "moverse", tema *Ar- con alargamento en -n, que da nome a ríos como o Arno (Etruria), Arneuse (Francia), Arnoia (afluente do Miño), Suarna (afluente do Navia), etc.

O rotacismo debeu ser un fenómeno antergo e moi extendido en Galicia e Portugal que levou a ultracorreccións como a que se documenta en "Asnois" (ano 914), sendo o termo orixinario Arnois, que é o que chega á actualidade. Ditas ultracorreccións estarían motivadas pola etimoloxía popular, que levaba a pensar que Arnois, xa que non significaba nada, tiña que ser unha mala pronuncia de Asnois (relacionado cos asnos). É a mesma ultracorrección que se observa no caso de Chao do Asno fronte ó orixinal Chaudarna, que produce a transformación dun hidrónimo paleoeuropeo nun burro.

jueves, 1 de septiembre de 2022

Feal, Feais, Feáns... fitotopónimos ou oriónimos?

Ó menos dous casos recollidos por Navaza na súa Fitotoponimia Galega, na entrada adicada ós topónimos derivados de feo (latín fenum), dan para pensar que non se trata de fitotopónimos:

  • O Marco do Fial - paraxe non habitada en Sarreaus e Vilar de Barrio
  • Serra do Fial das Corzas, que serve de límite ós concellos de Vilariño de Conso e Laza

Doutra banda, na documentación medieval o termo fenales aparece en contextos de delimitación nos que se mencionan marcos e petróglifos:

  • "est ipsa hereditate conclusa in omnique giro per suos terminos antiquos id est per fenales iusta domus Catoni et inde ad Causelio et inde per Fouea Uentuosa" (ano 947)
  • "per illos padrozelos de fenales super portum lagenoso, et inde per petras scultas, et scriptas" (ano 988)
  • "deinde ad summum uallis ex alia parte dos Lagarelos ac postea per fenale de Cabreira, deinde in directum ad cabezam de Foioo" (ano 1134)
Estes últimos exemplos dan para pensar, sobre todo, que uns termos antigos ou uns padrocelos (marquiños) non poden estar constituídos por feo.

Baixada das greas dende o Marco do Fial (Sabucedo). (C) Teima, 1977.

Nun vello artigo sobre a rapa das bestas de Sabucedo descríbese o camiño de baixada das greas de cabalos (griñóns) cara ó curro tras pasar, de novo, un marco chamado do Fial (Teima. Revista galega de información xeral, nº 32, 1977). O escritor e profesor Calros Solla infórmanos amablemente de que no Marco do Fial ou do Feal atópase unha necrópole tumular composta por varias mámoas; o lugar é límite entre as parroquias de Quireza (Cerdedo) e Codeseda e Sabucedo (A Estrada) e forma unha "tripla e inmemorial estrema" ("A destrución da necrópole do Marco do Feal", Faro de Vigo, 28-03-19).

Como explicar estas ocurrencias atípicas? Na nosa opinión estariamos ante un novo caso de homonimia ou confusión, moi frecuente na toponimia, desta vez entre o latín fenale (derivado de fenum, "feo") e o latín finale (derivado de finem, "fin"). É coñecido o uso por parte dos agrimensores romanos das lapides finales, ou de termo, para demarcar o territorio segundo a gromática; disciplina á que se supón unha orixe etrusca mais que debeu ser común na Europa, como amosa a dispersión dos megálitos de termo.

Tal e como podemos ver na fotografía, semella probable que dende tempos recuados se tiña desenvolvido nestes territorios liminais (finales) unha actividade cinexética, ou ben ligada ó aproveitamento do gando e bestas semisalvaxes que tiñan o seu hábitat neles. Así pois, ata resulta axeitado considerar que a homonimia se teña producido entre fenale (de fenum) e algún termo indoeuropeo previo (prehistórico) proveniente da base *wei-, "hunting ground", de onde xurden tamén os termos latinos venatio ou venare, relacionados coa caza. Desta mesma raíz indoeuropea con alargamento en nasal é de onde tira Matasovic a etimoloxía dos Fianna, as bandas de xovens cazadores irlandeses da Idade do Ferro (Etymological Dictionary of Proto-Celtic, 2009).

Resulta interesante que o Feá de Toén, ó que Navaza non atopa cabida no conxunto de topónimos derivados de fenum, se teña documentado, segundo atopamos, como "Fiana Ripa Minei" (ano 918), suxerindo unha etimoloxía semellante: o indoeuropeo *wei-, "terreo de caza", mais tamén, en estreita conexión semántica, "límite".