sábado, 24 de septiembre de 2022

Riquiño, dígovolo eu

"Y a presença d'un probe alí estorbaba; por eso entre suspiros repetía:
¡Ai, quen fora riquiño un soyo día!". (Rosalía de Castro, Cantares Gallegos, ed. 1872).


Na recollida do léxico para formar un dicionario, para o asunto que nos vai ocupar, teñen que terse en conta tres normas e unha excepción:
  1. Existe a convención de que os diminutivos non se recollen, porque, do contrario, o dicionario aumentaría considerablemente o volumen de entradas innecesarias. Xa que, logo, estes derivados teñen o mesmo significado (mais en pequeno) que o termo en positivo, sería un desperdicio de tempo e espazo. Neste caso, o "riquiño" do exemplo dos versos de Rosalía, ó ser claramente un diminutivo de "rico" como oposto a "pobre", non ten entrada nos dicionarios.
    1. Excepción: recóllense aqueles diminutivos lexicalizados, é dicir, diminutivos que, procedentes dun positivo, acadaron acepcións especiais moi específicas que non se atopan exactamente no termo do que proveñen.
  2. Para rexistrar nun dicionario un termo, neste caso, un nome, ten que darse ou tivo que darse o seu uso na lingua falada ou escrita. Isto é unha regra de Perogrullo, pero é así: non se poden incluír entradas (palabras) cuxo uso non estea difundido nunha lingua.
  3. Pódense rexistrar préstamos doutras linguas se o seu uso está normalizado na lingua que o recibe, e con máis razón se o termo adaptouse á lingua receptora.
Con respecto á polémica resposta, negativa, do 7 de setembro por parte da RAG a un usuario que preguntaba sobre a pertinencia da inclusión do diminutivo "riquiño" no seu Dicionario, vemos que os académicos encargados de levar as redes sociais (Twitter), descoñecen as tres regras anteditas, maila excepción da primeira. 


Se atendemos á parte en que din que non se pode meter "riquiño" no Dicionario porque é un diminutivo galeguizado do castelán "rico", coa acepción de "niño bonito y a la vez gracioso, encantador", respostamos que podería entrar no Dicionario, como préstamo galeguizado procedente do castelán. Non hai obstáculo algún para admitiren préstamos nos dicionarios, calquera que sexa a súa morfoloxía (non están prohibidos os diminutivos) e lingua de procedencia.

Se atendemos á parte en que din que non se atopa esa acepción de "neno bonito, gracioso e encantador" no galego "rico", respostamos que é certo: non se atopa. Mais que esperaban atopar se "riquiño" é un diminutivo lexicalizado, con acepcións especiais que non ten o seu positivo? Neste sentido, como exemplo, podemos fornecer o caso de "cova", "cavidade natural ou artificial no terreo", e o seu diminutivo "coviña", que se se trata dunha cova pequena non tería entrada no Dicionario, mais se con esta palabra designamos un "petróglifo en forma de pequeno oco hemiesférico gravado nunha rocha", sí debería de ter entrada no Dicionario (por certo, tampouco a ten). Se, por descoñecemento, os académicos fosen buscar na entrada "cova" algunha acepción relacionada cós petróglifos non a atoparían, como non atoparon en "rico" nada relacionado cos nenos ou persoas encantadoras: xa estamos a dicir que os diminutivos lexicalizados crean novos significados que non teñen os seus correspondentes positivos.

Mais... é riquiño un préstamo galeguizado procedente do castelán? Outra labor que hai que desenvolver antes de respostar inmediatamente, sen pensar, ós usuarios das redes sociais, ou antes de tomar unha decisión ó respecto da inclusión ou non dun termo no Dicionario, é investigar o uso da palabra. Pola nosa conta, aínda que non nos paguen por elo, molestámonos en procurar o uso de "riquiño" na nosa lingua, que xa ven dende 1879, e non só era aplicable ós nenos ou persoas "riquiñas", senón a calquera cousa que resultase especialmente entrañable ou curriña. Como unha paisaxe:



"Nobres varóns das Mariñas,
daquela terra sin par,
daqueles prados de ouro,
daquel tan longo froital,
daquelas fontes correntes
bálsamo do ceo e o chan,
daquel xardín tan frourido,
daquel sempre verde val
máis vello que o mesmo Brigo
e máis riquiño que o pan"
(José Rumbo Otero: "Os mariñáns de Betanzos", composición publicada íntegramente no xornal El Gallego, 24-8-1879).

Na autoridade* de José Rumbo Otero temos a xénese da acepción especial do diminutivo "riquiño": un verde val é "máis riquiño que o pan". De onde se desprende que foi un dos semas da palabra galega "rico", ligado ó sabor agradable dos alimentos, o que serviu para formar a deriva semántica gastronómica que levou á creación do diminutivo lexicalizado propio do galego "riquiño"; que debería de ter entrada no Dicionario da RAG, xunto con "coviña".

*Autoridade = autor que afianza o uso. O recurso ás autoridades é fundamental para constituír o léxico e formar as acepcións que integran os dicionarios.

No hay comentarios: