O topónimo non ten que ver coa onomatopea da risa, senón, na miña opinión, coas exclamacións que os exploradores franceses escoitaban nas súas navegacións polo Golfo de San Lourenzo: os esquimais seguían os barcos dos franceses nas súas canoas, levando peles para intercambiar, chamándoos "ahé! ahé!". Así o conta Joliet a finais do século XVII nas súas cartas e apuntes, en varias ocasións: "ó mesmo tempo apareceron os esquimais coas súas dúas bizcaínas con mástil a moita velocidade [...] gritando como os outros [esquimais vistos noutras ocasións] ahé! ahé! e mostrando lobos mariños como pabellóns" ("Le fr. Joliet envoye une carte du Canada. Parle des Esquimaux, dit quelque chose fas ces peuples", 1698 - Carte du Canada, en sept feuilles, BNF, fol. 192r).
Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
martes, 11 de agosto de 2026
Baie des Ha! Ha! - Canadá
sábado, 8 de agosto de 2026
Lubre
Os que esteades interesados en coñecer a milenaria historia do substantivo e topónimo Lubre (Ares e Bergondo) teredes que consultar a miña contribución publicada no libro-disco que ven de editar o grupo de música folk galega, "Luar na Lubre. 40 aniversario" (Baía Edicións, 2026). As pistas musicais poden escoitarse de balde no Youtube Lubre. 40 aniversario grazas á xenerosidade do grupo, pero os interesantísimos traballos de varios autores que se inclúen no libro, comezando pola resolución do misterio da orixe da palabra lubre, só están ó alcance dos afortunados que se fagan co libro. Así de dura é a vida ás veces! Ogallá que todo o mal do mundo fose este...
Na fotografía vai un anaco do meu estudo, "Dous mil anos da historia do substantivo lubre", pxs. 29-33.
Gustáranme especialmente as pistas dedicadas a "Maeloc", que mestura en tres movementos música bretoa, e a do "Heicho de dar", coa colaboración das voces das pandereteiras "Airiños de Fene". Un gran traballo dos nosos Chieftains.
viernes, 7 de agosto de 2026
A Basanta - Cariño
Topónimo galego provinte da frase latina "ambas antas", da que logo se xera unha forma singular por deconstrución, na que participan fenómenos de fonética sintáctica e falsa segmentación do artigo: abas santas (plural) - aba santa (singular deconstruído) - abasanta (fusión) - a basanta (segmentación que crea o falso artigo).
A frase aparece na documentación medieval do ano 1132: "et inde ad archas. et inde per illum lumbum inter ambas antas. et inde ferit ad illos ueneiros". Designa un punto situado entre dúas elevacións orográficas ou entre dous túmulos funerarios ou marcos territoriais (antas).
Como apelido rexístrase cen anos máis tarde, xa coa forma definitiva: "Petro Basanta" (ano 1240).
O nome do monte veciño ó lugar da Basanta de Cariño, o Mazanteo, Masanteo ou Basanteo, tería entón a mesma etimoloxía.
Armadixo de Piroche - Monte do Seixo
A lenda da moura Pirocha do Monte do Seixo foi recollida por Calros Solla. O escritor defínea como unha bela lamia que, espida e deitada no seu leito de pedra (o penedo chamado Almadraque de Pirocha), esperaba ós incautos que transitaban polo Camiño da Vereda para convertilos nos seus amantes e, finalmente, devoralos nunha especie de relación sexual caníbal (Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas, Morgante 2021). Solla engade: "O nome Pirocha deriva con certeza da voz latina petram, pedra".
Non nos cabe ningunha dúbida de que a moura Pirocha foi bautizada así polo nome da pedra que lle servía de leito, pois a continuación do Almadraque, atópase un cortello para lobos (Trampa do Lobo, no Visor PBA) que no deslinde entre os concellos da Lama e Forcarei (IGN - 1938) tamén recibía o nome de Armadixo de Piroche, é dicir, trampa formada de pedra (cfr. topónimo cinexético Armada).
miércoles, 5 de agosto de 2026
O verdadeiro monte Sinaí
Non hai acordo na situación do verdadeiro monte Sinaí, onde disque Deus se lle apareceu a Moisés para lle entregar as táboas da lei (coas que se fixeron os tabots ou arquiñas da alianza - cfr. "Na procura da arca perdida de Ildura Eriz", Arqueotoponimia 2023). É dicir, o feito de que o Sinaí actual, tanto o monte como a península que leva o nome do monte, se veña considerando o auténtico Sinaí débese a que uns monxes no século III informaron de que tiñan atopado alí a zarza ardente, o que resulta materialmente imposible despois de 1.500 anos ardendo! Pero estas inventios brindan pingües beneficios dos peregrinos ás comunidades relixiosas, xa dende a época da viaxeira galaica Exeria, así que agora a ver quen é o valente que desmonta esta falcatruada.
Na nosa opinión, o verdadeiro monte Sinaí está na fronteira entre Irák e Kuwait. É o Jabal Sanam ou Jebel Sinam, o que se pode traducir como o "Monte do Ídolo"; haxiotopónimo que é unha posible alusión ó ídolo que adoraron alí os israelitas (Éxodo 32-4). É un domo salino non moi elevado pero que destaca no terreo chan da antiga Mesopotamia. O Jabal Sanam está a uns 150 km de Basora, preto de Nasiriya, onde se localizan as ruínas de Ur, a cidade de onde era orixinario o profeta Abraham. Co nome de Safwan Hill foi unha importante base de operacións na Guerra de Irak (2003).
