miércoles, 12 de julio de 2023

San Amedio ou San Mamede: vestixios dos nemetons na toponimia galega

 

Capela de San Mamede de Atios (Valdoviño) co tenderete do "Bar Suso" a carón, no campo da festa.

Os autores romanos glosaron o termo céltico nemeton como fanum, isto é "santuario". Neste sentido por exemplo Venancio Fortunato explicou o nome galo Vernemetis como "fanum ingens" ou "gran templo". 

Semella bastante probable que o termo nemeton teña evoluído cara as formas cristianizadas San Amedio ou San Mamede (e variantes), advocación de numerosos templos galegos, como o de San Mamede de Atios (Valdoviño). A homofonía co nome do santo da Capadocia e o nome Mamede provinte de Mahometus fai difícil aseguralo para tódolos casos. 

Para a parte fónica da evolución supoñemos o paso *San(cto) Nemedio > San Amedio, cunha vacilación no timbre da vogal pretónica, precisamente polo seu carácter átono, e cun falso corte que leva ó n- inicial do sustantivo a se fundir co -n final da partícula San.

A forma da que proviría o noso falso santo San Amedio, *Nimedio, variante de nemeton, está case que documentada na epigrafía astur como NIMMEDO na inscrición de Ujo: NIMMEDO ASSEDIAGO (Mieres, século II). Interprétase ben como unha divindade, ben como un santuario, posibilidade esta última que nos parece a mellor por cadrar co significado de "templo" do termo celta nemeton, aínda que ser o deus do santuario tamén se axusta á advocación. O desprazamento acentual dende [németon] a [*nimédjo] ou [*nemédjo] prodúcese polo cambio á terminación -io.

Logo o resto da evolución é doada: Nimmedo > Nimedio > San Nemedio > San Amedio > San Amede / Mamede.

A toponimia do tipo San Amedio ou San Mamede é, semella, a cristianización de antigos nemeta; espazos sagrados onde había un templo cecais natural e se celebrarían ó seu carón as festividades propias do calendario céltico en forma, tal vez, de oenachs (reunións). A sacralidade do espazo perviviu, o mesmo que o seu nome, mais cristianizados, así como a tendenza a celebrar xunto ós novos templos que sustituíron ós vellos, as xuntanzas veciñais nas datas marcadas agora polo calendario cristián.

No caso do nemeton de San Mamede de Atios (Valdoviño), a localización de restos de tumbas da Alta Idade Media nun espazo incerto entre as inmediacións do castro de Piñeiros e a actual capela de San Mamede, dota dunha nova función sacra ó recinto destes santuarios, a funeraria.


Inscrición funeraria en pizarra dunha muller, Odrozia, atopada en San Mamede de Atios, no lugar de Chousa, preto da capela de San Mamede, ou cecais nas chousas de Poulo (1), preto do castro de Piñeiros. "+ OB[it] FAMVLA DEI ODROZIA DE" (Eugenio Carré Aldao, Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de La Coruña, ca. 1928).

O topónimo Atios, tanto o de Valdoviño como o do Porriño, documentábase na Idade Media como Athenos ou Athenis (con ou sen h). Descoñecemos a etimoloxía deste nome, mais o parecido co topónimo grego Ἀθῆναι Atenas semella que puido dar orixe á suposición de que os seus poboadores eran de orixe heleno (grego); dunha interpretación erudita deste topónimo xurdiría tal vez o nome clásico da cidade de Helenes, que Estrabón e Plinio situaron na Gallaecia, e a súa suposta orixe grega.

(1) Arturo Souto Vizoso, "Hallazgo arqueológico en Valdoviño", El Ideal Gallego, 27/12/1945.

6 comentarios:

JMBello dijo...

Tendo en conta a abondanza de "San Mamés" dentro e fóra de Galicia, na que nas terras do Sor se documenta un San Mamés de "curru de Eguas" (1225) que deu lugar ao actual lugar de Curro de Eguas na parroquia de San Mamede das Grañas do Sor, non parece demasiado probable a etimoloxía proposta, sendo moito máis "económico" (e asumido por todo o mundo, polo que a demostración de que non é así ten que ser máis forte que un simple "seméllame que") entender que o San Mamede é San Mamés de Cesarea de Capadocia, martirizado no século III, ben coñecido na alta idade media e redifundido desde Francia, onde o seu culto está tamén moi expandido, polo camiño de Santiago. Moito me temo que o nemetón, nin está en San Mamede, nin nel se agarda.

Andregoto Galíndez dijo...

Os San Mamede poden ser auténticas advocacións tomadas do santo da Capadocia, como dis, pero tamén por exemplo resultado de cristianizar o nome propio Mahometus, que en galego dá tamén Mamede, e ata ser (como digo) resultado de cristianizar o Nemeton / Nimedo / *Nemedio, "santuario celta", do que falo na entrada. Faise difícil ser máis precisa, debido ós estratos celta, cristián e musulmán que se acumularon na Península. Pero eu non descartaría a idea: primeiro pola existencia aquí deses németons, e logo que a fonética evolutiva fai posible soster esta etimoloxía.

Andregoto Galíndez dijo...

De tódolos xeitos, xa deixei constancia na entrada desta complicación. Moitas grazas!

Arqueoferrado dijo...

Concordo com o artigo na relação com os nemetons. Há que acrescentar que também existe São Nomedio, em Tebra, bem como que a maioria destas capelas estão em lugares arredados e montesios.

Arqueoferrado dijo...

Correcção: é em Malvas (no mapa aparece como São Mamede). Outro Nomedio existe nas Neves.

Andregoto Galíndez dijo...

Pois moitas grazas por ese novo caso do Nomedio, que ven acrescentar o corpus.