viernes, 11 de junio de 2021

Divisoria do Belelle e o proxecto do parque eólico "Caaveiro"


Divisoria de augas do río Belelle. Fonte: elaboración propia a partir do mapa hidrográfico do Visor PBA da Xunta de Galicia. Fotografías: mámoa do Coto do Rei nos montes de Marraxón - Fene; marco do Salto en Cabanas; cabaliños asturcones no Curro Vello - Forgoselo.
  • Estreliñas laranxa: campos de mámoas.
  • Cruces en preto: castros catalogados (Castro de Piñeiros - Regoela, e Castro do Cruceiro de Porta - San Boulo de Caaveiro).
  • Cruces en vermello: novos castros atopados en Fiunte e na Bouza (microtoponimia "Castelo").
  • Liña verde: divisoria de augas do Belelle - camiño real.

O río Belelle nace no pico do Fontardión e desemboca en Neda, na ría de Ferrol. A súa divisoria de augas, como estamos a ver nesta última serie de entradas no blog, ven sinalada dende tempos recuados por campos de túmulos funerarios en liña coa mesma. Na figura, e comezando pola marxe esquerda do río, na beiramar: mámoas do monte Marraxón; mámoas do Punxeiro e do Coto dos Golpes; mámoas do Alto da Serra e da Pena Grande; mámoas dos Chaos. Na marxe dereita e comezando pola cabeceira do río: mámoas de Castro Pepín, Pico Ventoso, Pena da Escaleira e do Forgoselo; mámoas da Grúa e das Louseiras; mámoa do Inglés.

No interior do territorio delimitado pola divisoria de augas, e agochados nos cóbados dos tributarios do Belelle, dous castros inventariados, e máis outros dous que acabamos de atopar có auxilio da toponimia catastral (microtoponimia Castelo), as imaxes dixitais do terreo, e por suposto a vantaxe que nos dá saber de antemán onde se situaban con respecto ós  camiños reais das divisorias e o complexo hidrográfico das bacías. 

Imaxe do relevo do Castelo de Fiunte. O castelo cítase no Catastro de Ensenada (límites da fegresía de San Boulo de Caaveiro): "de allí a la fuente de los Enxertados, de esta a la fuente del Rozo, de allí sigue por el camino adelante hasta el Cal do Penedo, de allí, al sitio del Castelo de Fiunte, de allí al Cal de las Covachas...".

O Castelo, preto de Vilar de Mouros e A Bouza.

Na Memoria de Evaluación de Impacto sobre el Patrimonio Cultural del Parque Eólico Caaveiro (Lorena Vidal Caeiro para ENEL Green Power España SL) exponse na metodoloxía que se tiveron en conta á hora de preparar a memoria as fontes seguintes: "Revisión de toda la bibliografía existente, así como trabajos de investigación anteriores, documentación municipal, entre otros. Revisión del catálogo y planos del Plan Básico Autonómico. Estudio de la cartografía de la zona de obra en diferentes escalas. Análisis y estudio de la fotografía aérea existente, incluido el vuelo americano de 1956. Análisis del MDT Iberpix. Estudio de la toponimia mayor y menor de la zona de estudio".

Pola nosa parte botamos de menos que non se tivera consultado o Catastro de Ensenada no que atinxe ás parroquias afectadas (Sillobre - Fene, Viladonelle - Neda, Regoela - Cabanas, Cabalar e San Boulo de Caaveiro - A Capela); que non se tiveran consultado os mapas do relevo; e que o único lugar nomeado cun arqueotopónimo, e afectado polas instalacións do proxecto, recollido pola autora fose Cruz da Cortella, lugar para o que se propoñen especiais medidas de protección de cara ó repranteo das obras, por se fose indicativo da existencia dun ben de carácter patrimonial aínda non identificado (un cruceiro, marco, etc.).

Nunha das zonas identificadas na memoria como máis afectadas polas futuras instalacións, as mámoas das Louseiras, atopamos na capa catastral do Visor PBA (ó que se ve, non consultada) os arqueotopónimos Os Castelos e Armada / Cal de Armada, o que prácticamente imposibilita calquera obra pola presenza dos túmulos e, agora, do que podería ser unha vella estrutura cinexética e un castro ou castelo. A existencia doutros dous castelos, en Fiunte e na Bouza, obrigará cecais a reprantexar o trazado da infraestrutura complementaria (zanxas, vías de acceso, torretas...), ou mellor, a desbotala na súa totalidade por afectar á divisoria natural das augas que forman a bacía do Belelle, de gran riqueza patrimonial e natural.

Arqueotopónimos Os Castelos e Armada / Cal de Armada xunto ás mámoas da Louseira, entre os termos municipais de A Capela, San Sadurniño e Neda. No Catastro de Ensenada cítanse estes Castelos na delimitación da fegresía de Cabalar: "al marco del Pion, de él al Cal de los Castellos, de allí al hoyo de Covelo, de este a la pena de Monteiro...".

miércoles, 9 de junio de 2021

Nacemento do río Mandeo (Santa Columba das Pías)


Magnorum fluminum capita veneramur
veneramos as nascentes dos grandes ríos (Séneca).


Neste mapiña hidrográfico da nosa autoría identificamos as bacías do río Mandeo e Mendo, e parte da do Tambre, coas divisorias de augas respectivas (rutas naturais de tránsito que formaron os vellos camiños reais marcados por túmulos). Coas estreliñas verdes sinalamos, por exemplo e de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, as necrópoles de Mántaras (Irixoa), O Galiñeiro (Aranga), Monte do Gato (Oza e Aranga), e a do Bocelo (Toques).

Observamos que tanto nas divisorias como nos camiños secundarios que conducen a elas se producen grandes concentracións destes monumentos funerarios do neolítico. É o caso do campo de mámoas de Mántaras, xunto á hermida de San Cosme e San Damián no monte de Santo Antón, que se desprega ata alcanzar o camiño real da divisoria, anunciándoo e levándonos ata el.

Outra relación básica que se pode inferir é que a ubicación dos asentamentos prehistóricos (dos palatios do profesor Moralejo, "apriscos neolíticos para recoller o gando" > pazos - castros) prodúcese nos recháns ou cóbados dos principais tributarios que escorrentan dende a divisoria principal e permiten adentrarse no territorio da bacía ou cunca fluvial. É dicir, a hipótese diacrónica de Felipe Criado que fala dunha paisaxe convexa (nas cordas das divisorias) propia do Neolítico, e unha paisaxe cóncava (nos vales) propia da Idade do Ferro, non é correcta. Ámbalas dúas paisaxe culturais foron coetáneas, aínda que destinadas a diferentes funcións: a paisaxe convexa é a vía de comunicación polas divisorias de augas, e a cóncava, o hábitat poboado dende a prehistoria. O val non é apto para grandes travesías, o mesmo que as cordas das divisorias non son aptas para os asentamentos. Así pois, dase unha distribución complementaria de funcións na paisaxe.

Doutra banda, parécenos posible soster que, dada a grande importancia que na prehistoria tiveron estas rutas naturais de tránsito conformadas polos límites das bacías hidrográficas, os ríos posuíron fortísimas connotacións sacras no pasado, xa que, logo, artellaron o hábitat e as vías de comunicación dun territorio: é unha sacralidade que vai moito máis aló do aparentemente simple culto ás fontes que practicaban os pagáns segundo San Martiño de Dumio. É neste contexto que situamos as nascentes dos ríos como lugar sacro por excelencia.


Á hora de identificar o punto exacto onde xurde a nascente dun río (a fonte), no caso de que teña unha cabeceira múltiple como a do Mandeo hai que ter en conta factores como a altitude, a pendente e a profundidade do cauce: unha fonte algo máis curta pero máis excavada no terreo e que xurde nun punto elevado, será máis antiga que outra algo máis longa pero que case non tivo tempo de excavar o cauce en profundidade. Por isto, e por haber no santuario de Santa Columba das Pías unha fonte santa na que nace o rego de Portacornias, actualmente considerado un tributario do Mandeo, sospeitamos que foi aquí onde nacía o río antes de que se tivera formado o rego que hoxe se ven considerando o nacemento do Mandeo. Foi por este motivo que a Fonte das Tres Pías foi sacra, e non o foi a outra (actual nacemento), que por entón non sería máis que unha lomba.

Fonte das Tres Pías (Santa Columba das Pías): vello nacemento do Mandeo que corre pola estreita canle ata formar o rego de Portacornias / Portacórneas. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Unha vez atopadas As Pías (latín pilam, "concavidade") onde nacía o Mandeo, é doado entón localizar o Marco das Pías na entrada ó recinto sacro ou temenos do santuario de Santa Columba, parece que anunciando o nacemento do río, a chegada á súa cabeceira; lugar crítico onde se podía dar a volta pola divisoria do Camiño Real de Arzúa a Lugo (segundo o Catastro de Ensenada, fegresía de Codesoso). Se unha non se para moito, o menhir podería confundirse có vello tronco dunha árbore. A súa altura é duns 2,30 metros, a base ten sección cadrangular, e o seu extremo distal é máis ben apuntado. A superficie presenta moito desgaste, como se tivese perdido volume pola erosión, ó estar exposto á intemperie cecais dende fai varios milenios. Preto sitúase o núcleo de poboación do Marco das Pías, que leva este nombre pola proximidade ó santuario onde nacía o Mandeo.

Marco das Pías. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Marco das Pías. (C) Pancho Gallego, 2021.


Vertedoiro de residuos industriais de Gestán Medioambiental ó pé do Camiño de Santiago entre as dúas nascentes do Mandeo, nas Pías. A posibilidade de que os lixiviados escorrenten cara ás augas é alta, e o Camiño ten o título de Patrimonio da Humanidade. (C) Xunta de Galicia's Design / Galicia Calidade.

sábado, 5 de junio de 2021

Cando Galicia se chamaba O Cebreiro

 

Divisorias das principais cuncas fluviais de Galicia. (C) Dolores González de la Peña, coa ferramenta do GeoPortal do Gobierno de España.
Cunha estreliña azul, o xacemento prehistórico do Chan do Lindeiro; cunha estreliña vermella o xacemento paleolítico de Quiroga.

Na prehistoria evidentemente non existían as pontes, e para desprazarse había que seguir as vías de tránsito natural que coinciden coas divisorias das augas, as nascentes dos tributarios a ámbalas dúas vertentes do cauce que acaban formando a canle fluvial principal. No caso dos ríos non vadeables, que son a grande maioría dos ríos galegos, é preciso percorrer as liñas verdes das divisorias para avanzar no territorio sen mollar os pés ou afogar. Os grandes herbívoros (bóvidos) usaron estes camiños, e tamén, na súa procura, as xentes que viviron no pasado remoto.

O sistema fluvial Miño-Sil configurou entón unha enorme barreira infranqueable para adentrarse na Galicia do oeste do Miño, que quedaba, así, completamente illada salvo polo paso do Cebreiro (estreliña azul), única entrada natural que permitía salvar a cunca do Navia, do Eo e do Miño polas súas cabeceiras, para logo coller na especie de rotonda natural da cabeceira do Miño a dirección que se desexaba, sempre camiñando polas divisorias do resto dos ríos do oeste e do norte de Galicia (marcadas cunha liña azul moi finiña). O illamento natural podería explicar a extraordinaria dobre separación e variabilidade xenética a pequeña escala da poboación galega destas zonas, exposta por Carracedo e outros nun célebre artigo do 2019 do que xa tiñamos falado (Galicia: o berce atlántico).

Chama a atención que un lugar afastado da única vía de entrada natural como é o caso de Quiroga (estreliña vermella) se teña proposto como un importante nó de comunicacións na prehistoria ó nivel do Cebreiro, xogando coa posibilidade de vadear o Sil dende o sur nese punto, o que na nosa opinión non a lexitima como vía de tránsito natural ó non ser un camiño de divisoria de cuncas fluviais (De Lombera et al.: "Evolución de los patrones de asentamiento de los yacimientos paleolíticos de la Depresión de Monforte de Lemos (Lugo, Galicia)", en Sistemas de Información Geográfica, gestión del territorio y conocimiento histórico, 2015).

Xa tiñamos atopada documentación que amosaba que o enigmático cebro foi un bóvido extinto (O Cebreiro); logo apareceran tres uros fósiles no entorno do Cebreiro, xunto cos restos dunha muller, no Chan do Lindeiro (Vidal Romaní, Grandal D'Anglade e Vaqueiro Rodríguez: "El mundo de una mujer llamada Elba hace 9.300 años", 2017); e agora sumamos o feito de ser O Cebreiro o único paso natural de entrada ó territorio illado da Galicia do norte do Sil e do oeste do Miño.

Preguntámonos se o topónimo indicaría só o paso natural conformado polas divisorias das augas empregado polos uros na prehistoria, e seguido logo polo home como Camiño Real, ou ben indicaba a porta de entrada a un vasto territorio denominado así pola súa abundancia en uros.

Paisaxes agrarias de Galicia segundo A. Bouhier. Observamos que a tipoloxía de paisaxes superponse sobre as bacías hidrográficas de Galicia, que seguen a exercer de límites naturais.