Magnorum fluminum capita veneramur
veneramos as nascentes dos grandes ríos (Séneca).
Neste mapiña hidrográfico da nosa autoría identificamos as bacías do río Mandeo e Mendo, e parte da do Tambre, coas divisorias de augas respectivas (rutas naturais de tránsito que formaron os vellos camiños reais marcados por túmulos). Coas estreliñas verdes sinalamos, por exemplo e de esquerda a dereita e de arriba a abaixo, as necrópoles de Mántaras (Irixoa), O Galiñeiro (Aranga), Monte do Gato (Oza e Aranga), e a do Bocelo (Toques).
Observamos que tanto nas divisorias como nos camiños secundarios que conducen a elas se producen grandes concentracións destes monumentos funerarios do neolítico. É o caso do campo de mámoas de Mántaras, xunto á hermida de San Cosme e San Damián no monte de Santo Antón, que se desprega ata alcanzar o camiño real da divisoria, anunciándoo e levándonos ata el.
Outra relación básica que se pode inferir é que a ubicación dos asentamentos prehistóricos (dos palatios do profesor Moralejo, "apriscos neolíticos para recoller o gando" > pazos - castros) prodúcese nos recháns ou cóbados dos principais tributarios que escorrentan dende a divisoria principal e permiten adentrarse no territorio da bacía ou cunca fluvial. É dicir, a hipótese diacrónica de Felipe Criado que fala dunha paisaxe convexa (nas cordas das divisorias) propia do Neolítico, e unha paisaxe cóncava (nos vales) propia da Idade do Ferro, non é correcta. Ámbalas dúas paisaxe culturais foron coetáneas, aínda que destinadas a diferentes funcións: a paisaxe convexa é a vía de comunicación polas divisorias de augas, e a cóncava, o hábitat poboado dende a prehistoria. O val non é apto para grandes travesías, o mesmo que as cordas das divisorias non son aptas para os asentamentos. Así pois, dase unha distribución complementaria de funcións na paisaxe.
Doutra banda, parécenos posible soster que, dada a grande importancia que na prehistoria tiveron estas rutas naturais de tránsito conformadas polos límites das bacías hidrográficas, os ríos posuíron fortísimas connotacións sacras no pasado, xa que, logo, artellaron o hábitat e as vías de comunicación dun territorio: é unha sacralidade que vai moito máis aló do aparentemente simple culto ás fontes que practicaban os pagáns segundo San Martiño de Dumio. É neste contexto que situamos as nascentes dos ríos como lugar sacro por excelencia.
Á hora de identificar o punto exacto onde xurde a nascente dun río (a fonte), no caso de que teña unha cabeceira múltiple como a do Mandeo hai que ter en conta factores como a altitude, a pendente e a profundidade do cauce: unha fonte algo máis curta pero máis excavada no terreo e que xurde nun punto elevado, será máis antiga que outra algo máis longa pero que case non tivo tempo de excavar o cauce en profundidade. Por isto, e por haber no santuario de Santa Columba das Pías unha fonte santa na que nace o rego de Portacornias, actualmente considerado un tributario do Mandeo, sospeitamos que foi aquí onde nacía o río antes de que se tivera formado o rego que hoxe se ven considerando o nacemento do Mandeo. Foi por este motivo que a Fonte das Tres Pías foi sacra, e non o foi a outra (actual nacemento), que por entón non sería máis que unha lomba.
Fonte das Tres Pías (Santa Columba das Pías): vello nacemento do Mandeo que corre pola estreita canle ata formar o rego de Portacornias / Portacórneas. (C) Andregoto Galíndez, 2021.
Unha vez atopadas As Pías (latín pilam, "concavidade") onde nacía o Mandeo, é doado entón localizar o Marco das Pías na entrada ó recinto sacro ou temenos do santuario de Santa Columba, parece que anunciando o nacemento do río, a chegada á súa cabeceira; lugar crítico onde se podía dar a volta pola divisoria do Camiño Real de Arzúa a Lugo (segundo o Catastro de Ensenada, fegresía de Codesoso). Se unha non se para moito, o menhir podería confundirse có vello tronco dunha árbore. A súa altura é duns 2,10 metros, a base ten sección cadrangular, e o seu extremo distal é máis ben apuntado. A superficie presenta moito desgaste, como se tivese perdido volume pola erosión, ó estar exposto á intemperie cecais dende fai varios milenios. Preto sitúase o núcleo de poboación do Marco das Pías, que leva este nombre pola proximidade ó santuario onde nacía o Mandeo.
Marco das Pías. (C) Andregoto Galíndez, 2021.
Marco das Pías. (C) Pancho Gallego, 2021.
Vertedoiro de residuos industriais de Gestán Medioambiental ó pé do Camiño de Santiago entre as dúas nascentes do Mandeo, nas Pías. A posibilidade de que os lixiviados escorrenten cara ás augas é alta, e o Camiño ten o título de Patrimonio da Humanidade. (C) Xunta de Galicia's Design / Galicia Calidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario