viernes, 25 de junio de 2021

As piras crematorias de ósos polo solsticio dende a etno-arqueoloxía do megalitismo

Na Irlanda as luminarias ou fogueiras de San Xoán, antigamente, estaban feitas a base de turba e ósos de animais que se recollían cun mes de anticipación. No repositorio da Dúchas.ie (National Folklore Collection) temos varias testemuñas do ano 1938 que detallan a súa execución.

A señora Kelly, de 70 anos de idade, do condado de Mayo, contaba que "collía bloques de turba e facía unha grande fogueira; entón puña un óso no medio dela. Levaba uns carbóns acesos da casa e con eles prendía o lume na pira. Logo daba voltas ó redor do lume pregando polos defuntos. Cando marchaba, recollía un carbón e botábao nos campos sementados de avea, en honor de San Xoán" (The Bonfire Night).

O señor John Mc Nichols, de 50 anos de idade, tamén de Mayo, contaba que "se puña a turba en forma de pira nunha encrucillada de camiños [...]. Deixábase un pequeno burato no medio para as brasas, e tamén se puña un óso nel. Os rapaces ían na procura dos ósos un mes antes da noite do Bone Fire" (Saint John's Night).

John Cotter, de Kerry, di que unha vez prendida a pira "levaban unha vaca e facíanna saltar o lume para que tivera moito máis leite no sucesivo. Nos tempos pasados, se a xente tiña un animal doente, queimábanno na pira, e se non o tiñan, deberían gardar o óso dun animal para queimalo no seu lugar" (St. John's Customs).

A queima de ósos de animais nestas piras veu intrigando ós historiadores. Hesiodo (s. VII a.C.) na súa Teogonía, tentaba explicar a queima como resultado do enfado dos deuses polo engano artellado por Prometeo, co cal, tras o sacrificio dun animal, o home quedaba coa mellor parte, ofrecendo ós deuses disimuladamente ósos cubertos de graxa. Xacobe da Varazze (s. XIII), na Lenda Áurea, tras contar que nalgúns lugares existía o costume de recoller na véspera de San Xoán os ósos dos animais mortos esparexidos pola contorna, para queimalos nunha fogueira, fornece logo dúas explicacións do rito: o fume afunguentaría ós dragóns que poderían orixinar grandes mortaldades contaminando as augas, ou ben, queimábanse os ósos como foron queimados os de San Xoán en Sabaste.

James F. Collins pensa que estas piras de ósos de San Xoán puideron servir para fertilizar as colleitas de cereais, concretamente para aportarlles fosfato de calcio: "ash from bonfires was applied to the growing crops" ("Geology, Soils and Cattle Production", en Cattle in Ancient and Modern Ireland, de M. O'Connell, F. Kelly e James H. McAdam, 2016).

Eu supoño que estamos ante algún tipo de ritual funerario de cremación xa que, logo, a señora Kelly pregaba polos defuntos. Ramiro Matos Mendieta (1994) conta que as comunidades de pastores andinos de Bolivia "queman los huesos del ganado beneficiado para el consumo, e inclusive de aquellos que mueren por causas naturales, con la finalidad de que «el espíritu del animal no se quede en el sitio y marche más bien al territorio de los wamani»".

Nos tempos máis antigos, a construción das densas piras de turba e ósos na Irlanda, segundo as numerosas testemuñas que se recollen no repositorio citado, levábase a cabo nos camiños, sobre os outeiros e nos seus cruces; xusto onde se sitúan as nosas mámoas, nas que se atopan ás veces ósos queimados. "Na de Frieiro, en Vila Pouca de Aguiar e na de Penacabada, entre Baralla e Meira, alcontráronse na primeira ósos queimados e na segunda restos de ósos, non sabemos se eran de homes ou de animais" (Otero Pedrayo, Historia de Galicia, 1978). Temos máis casos referenciados na nosa entrada Cementerio das Vacas.

Interior dunha mámoa-cinceiro na Mourela (As Pontes de García Rodríguez); cecais os restos dunha primitivísima luminaria de San Xoán.

Neste senso, o feito de que as cámaras funerarias (dólmenes) do noroeste peninsular teñan o seu corredor orientado cara ó solsticio de inverno ("Aplicación de la astronomía en el estudio de la orientación de sepulcros megalíticos de corredor en la zona noroccidental de la Península Ibérica", López Plaza, Alonso Romero, Cornide Castro e Álvarez Santos, 1992) enlazaría coa ereción das piras crematorias de ósos (mámoas ou fornos) tamén nun momento astronómico solsticial, que parece coincidir có solsticio de verán.

No hay comentarios: