Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
miércoles, 3 de junio de 2026
Castro de Penasgarfas - Vila de Cruces
miércoles, 20 de mayo de 2026
Sada dos Coteses
viernes, 7 de noviembre de 2025
Abenzá e A Valenzá
Máis doada de identificar é a forma do ditongo que aparece nun documento do ano 1197 (Santiago - Tumbo C: CODOLGA): "tam de abolentia quam de ganantiam in Vaentim et in Aderei".
Interésanos destacar, polo tanto, que os casos con conservación do [l] intervocálico desta familia léxica (Valentinus, Valentia, etc.) son cultismos, sendo a evolución patrimonial a que presenta caída do son lateral [l] e monoptongación do ditongo ae resultante. Así:
- "per Petram Curuam recto itinere ad Uilar Ualenti" = Vilarvente (Lugo). Ano 897 (Lugo - fonte: CODOLGA)
- "in uilla que uocitant Cella Valenti flumen Viuei" = Celavente (Ourense). Ano 912 (Astorga - fonte: CODOLGA).
martes, 28 de octubre de 2025
Agochada á vista de todos: a complexidade dos castros galegos da Idade do Ferro
Resultoume un pouquiño decepcionante o recente estudo de César Parcero Oubiña (et al.) titulado "Hiding in Plain Sight: Rethinking the Size and Complexity of Iron Age Hillforts in NW Iberia Thanks to Aerial Archaeology and Geophysics" (Archaeological Prospection, 2 de outubro de 2025). Nel utilizan as modernas técnicas de análise xeoespacial e da paisaxe (LIDAR, imaxes multiespectrais obtidas con drons) para reformular a idea do que era un castro da Idade do Ferro no noroeste, a partires do estudo de tres xacementos (Coto das Medorras - Frades; Montes Claros - A Laracha; Alobre - Vilagarcía de Arousa). O artigo enmárcase no proxecto HINTERLAND Reconociendo la actividad humana fuera de los castros de la Edad del Hierro del Noroeste ibérico mediante metodologías no invasivas, e polo que están a observar, os castros non se limitaban a ser únicamente croas, senón que adoitaban ter outras estruturas na contorna.
Non é que a investigación arqueolóxica que presentan sexa cativa, máis ben resulta moi interesante. Pero os autores non son capaces de concluír case nada sobre as estruturas agochadas que están a identificar, todo son posibilidades e case nada se concreta: hai posibles trincheiras ou gabias, ou aparecen trazas que non se poden interpretar. Realmente é tan difícil concretar algunha cousa? Ó que vou é que nalgún caso, como é o do Castro de Montes Claros, se tivesen estudado a microtoponimia que se recolle na folla catastral, atoparían nela a corroboración dos seus achádegos. Así sucede co microtopónimo Barreira, que aparece na zona onde cren ver restos dunha posible trincheira; ou cos microtopónimos Castros, Pereiro e Mota, que indican a situación doutros dous castros. Mesmamente na microtoponimia transparéntase a existencia de foxos (Foxes), do camiño de acceso (Calzada), a existencia de agras cecais de orixe protohistórica, etc.
A toponomástica sempre foi a disciplina auxiliar da arqueoloxía da paisaxe, e non se comprende por que agora se prescinde dela neste traballo, a non ser para prolongalo máis no tempo e ternos expectantes das conclusións sobre a paisaxe dos hillforts vinte anos máis, cando sexa demasiado tarde para deter o espolio da paisaxe galega que estamos a sufrir.
Mais non perdamos a esperanza: a arqueóloga Purificación Soto, responsable da excavación en Montes Claros, ven de informarme amablemente que o valeirado da toponimia da contorna do castro é un feito dende 2018. Coa súa participación no proxecto HINTERLAND mencionado esperan obter novidosa información sobre a paisaxe dos hillforts galegos, correlacionando os achádegos aportados pola investigación arqueolóxica coa información derivada do estudo da toponimia (e lendas) do enclave. Polo tanto, o que botamos en falla no estudo de Parcero Oubiña (et al.) resérvase como obxecto de estudo de futuros traballos de investigación do equipo deste proxecto HINTERLAND.
domingo, 16 de febrero de 2025
Castrosoiro e Oroso. Recintos castrexos destinados ó gando
No concello de Oroso e próximo ó límite entre os tres termos municipais do Pino, Oroso e Santiago de Compostela localízase o castro inventariado no PBA chamado A Medorra do Castro, poboado fortificado que se extendía en forma de antecastro ata o punto denominado Castrosoiro, sector que ía delimitado por un foxo aínda perceptible denominado Barreiras (cfr. microtopónimo na folla catastral).
O topónimo Castrosoiro non pode explicarse como un derivado de castro mediante a improbable secuencia de morfemas derivativos *-osorio, senón como unha forma composta de castro máis o antropónimo Osoiro, variante de Osorio, á súa vez, variante por metátese r-s > s-r do nome propio Orosio (ou viceversa). Ó que parece, temos atopado a orixe do nome do concello de Oroso no microtopónimo castrexo Castrosoiro, sendo unha destas dúas formas variante por metátese respecto da outra. Pode desbotarse, polo tanto, a proposta que considera Oroso un fitotopónimo provinte do latín he(d)erosus, derivado de hedera, "hedra".
A documentación máis antiga do topónimo Oroso presenta formas como "eroso" ou "heeroso", que aparentemente cadran coa etimoloxía hederosus, mais se explican polo carácter átono do primeiro o de *Orosio < Osorio, en contacto coa preposición de, e o h- inicial pola recorrente intención etimoloxizante dos escribáns medievais.
"feliglisia sancti martini de eroso" (ano 1214)
"sancti Martini de Heeroso" (ano 1291)
"Herosso de Çima e de Fondo na frigresía de san Martino de Herosso" (ano 1402)
Edelmiro Bascuas apuntara que as formas como a que atopamos no topónimo Castrosoiro, con metátese do i (Osoirio, ano 960) e Osoyro (ano 1009) tiñan unha certa presenza no galego antigo, e amais engadía que á vista da enorme difusión do nome Osorio en Galicia e Portugal podía darse por segura a súa orixe autóctona (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, punto 186). Pola súa parte Leite de Vasconcellos xa sinalara a máis que posible relación entre os antropónimos Orosius e Osorius, considerando a este segundo como provinte do primeiro (Boullón Agrelo, Antroponimia medieval galega, 2014). Nós pensamos que é xustamente ó revés, posto que o antropónimo Osorio é abundantísimo na nosa documentación, mentras que o nome de Orosio apenas aparece dúas veces. Así, o nome do famoso historiador galaico do século IV, Paulo Orosio, ben podía ser un temprano caso de metátese dende a forma Osorio.
Respecto da discutida etimoloxía do antropónimo Osorio, Bascuas propón o tema ukwsō, da raíz hidronímica *wegw, "húmido", co que estarían ligados os substantivos indoeuropeos *ukwsen, "touro, semental", avéstico uxan, "touro / boi", *ukwsōr, "a mollada, a rosada" > latín uxor, "esposa". Entre os termos derivados deste tema que significan touro ou boi: galés ych, bretón ouhen, antigo islandés oxi, uxi, antigo inglés oxa, inglés ox, tocario B okso, etc. (Gamkrelidze e Ivanov: Indo-European and the Indo-Europeans. A Reconstruction and Historical Analysis of a Proto-Language and a Proto-Culture, 1995).
Seguindo a proposta etimolóxica de Bascuas, na nosa opinión o nome de Osoiro como segundo formante do microtopónimo Castrosoiro non sería aínda o antropónimo, senón un adxectivo que estaría a indicar que o antecastro do castro da Medorra estaba destinado a recinto gandeiro (Castrosoiro = "castro dos bois"). Como antropónimo xurdiría do vencello coa posesión e coidado do gando, significando probablemente "torero, boyero", e non "forte como un touro" (Bascuas, op. cit, punto 188.4).
martes, 20 de febrero de 2024
Os Castros de Lobengos - San Martiño de Condes (Friol)
Como se pode ver na folla catastral, o nome deste sector é Lobengos, non Pardellas; convén ter moi presente o nome correcto, porque é o que se emprega cando se fala del no Catastro de Ensenada.
O posible campamento pertence, para ser máis precisos, ás parroquias de San Martiño de Condes e á de Guimarei. No extremo noroeste da fotografía aérea do PNOA 2020 vese a croela do Castro de Lobengos, xa inventariado e a unha distancia duns 800 metros do campamento, comunicado con este por un camiño que percorre a dorsal.
No Catastro de Ensenada (parroquia de Guldriz) hay indicios de que efectivamente existía relación entre estes dous recintos (o Castro de Lobengos e o "campamento romano") pois ámbolos dous se denominaban Os Castros de Lobengos e tiñan un acceso común. La demarcación de Guldriz comezaba "en el Foxo do Cabrito [foxo de lobo, con cabrito como reclamo], siguiendo a la Fuente dos Moimentos, a Penalba, al Pico de Pías y a la Pena do Caldeiro, dando vuelta al marco de Silva Redonda, y a la Pena do Pan, y de allí a la Pena da Perdiz, y a la Fuente dos Pitos, al marco de Mámoas, dando vuelta al marco de Leiras y a los pasos dos torrentes y de allí a la boca dos Castros de Levengos [Lobengos], sigue al marco de Gándara Tesa, y de allí al marco do Canedo, da vuelta al seixo do Campelo, al Pico de Fontes, a la Pena da Formiga hasta llegar a la primera demarcación".
miércoles, 6 de diciembre de 2023
Orixe da paisaxe de agras na castrificación de Galicia
Obxectivos
Testamos a hipótese do xeógrafo francés Abel Bouhier respecto da orixe da paisaxe de agras galega na castrisation (proliferación de castros ou asentamentos fortificados da Idade do Ferro) do noso territorio. Dita posibilidade fora exposta na súa tese de doutoramento La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire (1979), estudo aínda non superado sobre as formas agrarias da paisaxe cultural galega.
Material e métodos
Grazas ó programa Topónimos.exe deseñado por Iago Isasi Freire podemos recoller a toponimia en torno dun topónimo dado (no noso caso procuramos a forma CASTR), nun radio previamente sinalado que pode oscilar entre 1 e 750 metros.
Os resultados obtidos son susceptibles de ser tratados nun visor, deseñado polo mesmo autor, que amosa, por exemplo, que topónimos son máis frecuentes ó redor do item toponímico obxecto da procura, ou cal é a orientación e distancia dos resultados con respecto ó item procurado.
O corpus toponímico no que se realiza a procura, que é o que rastrexa o programa Topónimos.exe, é un arquivo CSV coa microtoponimia (nomes de terras, montes, regueiros, fontes, penedos, muíños, camiños…) de Galicia, extraída da base de datos Galicia Nomeada, na que se recollen tódolos concellos e inclúe a localización xeográfica. O arquivo CSV pódese descarregar nesta ligazón:
A xeolocalización dos items toponímicos permite tamén o tratamento cartográfico dos datos obtidos; Iago Isasi ten desenvolto un outro visor que xera imaxes cartográficas, isto é, mapas nos que se visualiza a dispersión dun resultado por concello, nuha escala gradual de cores segundo a cantidade por concello.
Resultados do estudo
Nós non imos traballar aínda cos visores desenvoltos por Iago Isasi, senón cos datos planos obtidos co seu programa Topónimos.exe.
Nun radio de 100 metros ó redor de tódolos topónimos Castro e variantes (Castrelo, Castronela, etc.) de Galicia hai inventariados na base de datos Galicia Nomeada, á data de hoxe, 8.235 topónimos, que na súa maioría pertencen á categoría dos microtopónimos.
Deles, 204 son topónimos que conteñen os termos Agra, Agro, Agrelo ou ben Aira, que incluímos por ser variante evolutiva da forma romance agra. Algúns exemplos: As Agras do Castro (A Laracha), O Agro do Castro (A Pastoriza), Agrelos de Galán (Arteixo), Suagra de Castro (Boqueixón), Trala Aira (San Sadurniño), A Aira do Castro (Castroverde), etc.
A estrutura toponímica máis repetida é o tipo A Agra do Castro / A Aira do Castro / O Agro do Castro, cun total de 76 ocurrencias (37 %), que sen dúbida é moi relevante ó vencellar directamente a paisaxe agraria das agras cos castros adxacentes.
Os resultados son concordantes coa tese de Bouhier relativa á castrificación da paisaxe na que se desenvolveron as agras de Galicia. A maior concentración da toponimia Agra e variantes no entorno inmediato dos topónimos Castro prodúcese nos concellos do interior da comunidade galega, sobre todo nas provincias da Coruña e Lugo, zona que previamente fora establecida polo xeógrafo francés como de paisaxe de agras, fronte ó norte das mesmas provincias e a súa costa, que conformarían outros tipos de paisaxe: paisaxe de bocage e de bancais ou aterrazamentos.
Fig. 2. Agrupación dos casos por comarcas. O contorno arrodeado de azul sinala as comarcas do interior das provincias, fundamentalmente Lugo e A Coruña, cunha maior concentración dos topónimos Agra e variantes, localizados a partires dos topónimos Castro (e variantes).
A existencia de paisaxe de agras coa súa toponimia correspondente no entorno dos castros dalgunhas comarcas limítrofes, como pode ser a de Ordes, aconsella polo momento tomar con precaución o límite comarcal que temos sinalado, pois é moi posible que este se vexa ampliado cando se remate co proxecto Galicia Nomeada, e se teña inventariada toda a (micro)toponimia de Galicia. Tamén parece aconsellable traballar cun radio de procura maior, en torno ós 200 metros, pois 100 metros implica ter as terras de cultivo ó pé dos asentamentos castrexos, o que non sempre é posible. Non obstante, estas precisións non invalidan os resultados obtidos.
Conclusións
sábado, 30 de septiembre de 2023
Buxán, un derivado de buxo
O estudo e preservación dos peches ou sebes vexetais da paisaxe galega aínda é un tema pendente. Na Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (Xunta de Galiza, 2017) o espazo que se lles adica non é moito, sendo, pola contra, a súa importancia para a paisaxe galega, máxima, como destacara o xeógrafo francés Abel Bouhier na súa tese doutoramento (La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire, 1979).
Os peches vexetais conforman a chamada paisaxe de bocage, propia da Europa atlántica, segundo a nomenclatura empregada polo francés. A súa extensión ocupa grande parte da provincia da Coruña (zona rosa e verde auga clariño do mapa, na que se mestura coa paisaxe de agras). Trátase dunha tipoloxía tan peculiar e chamativa como a da paisaxe de socalcos para o cultivo da vide da Ribeira Sacra, pero completamente descoñecida. A xente non a coñece porque, polo uso de sebes vexetais, a confunde coa paisaxe natural galega. E en certa forma teñen razón: grande parte de Galicia é (ou foi) así, dende tempos tan recuados que semellaría que a súa paisaxe natural ab origine foi a dos recintos pechados con sebes vexetais.
Para o caso do topónimo Buxán, que normalmente se considera un derivado do antropónimo Busianus, nós pensamos que é un derivado de buxo (Buxus sempervirens). As formas femininas en -án, como amosara Constantino García ("Resultados del sufijo -ANA en gallego", Verba, 1975), son propias do galego do bloque occidental: así do latín medium > meán (Vilameán, vila que está no medio). Un destes femininos en -ÁN sería por exemplo o Buxán de Coristanco (Seavia), próximo precisamente doutros feminos en -ÁN como Vilameán (Seavia) e Silván (Erbecedo). O fitotopónimo Buxán aludiría a unha vila pechada por sebes de buxo, como Silván a unha vila na silva (latín silva = bosque, mato).
Máis difícil é o Buxán de San Pedro de Bande (Ourense), lixeiramente fora do bloque do galego occidental (femininos en -ÁN), pero que no pasado puido ser parte del. Mais este non é o único inconveniente, xa que Ourense queda hoxe completamente á marxe da xeografía do bocage galego que deseñara Bouhier. Tería a paisaxe de bocage unha dispersión case que absoluta pola nosa xeografía?
martes, 26 de septiembre de 2023
Castro de Vilarello - Cereixa (A Pobra do Brollón)
lunes, 21 de agosto de 2023
Abrigo neolítico dos Pallotes (Rodís) - Cerceda
martes, 15 de agosto de 2023
O topónimo Bernadal
Ó ser un topónimo único presenta algunha dificultade para ligalo á etimoloxía que propón José Agra ("Acerca del infrecuente origen del apellido Bernadal", Estudios Mindonienses, 2022), na que o considera un fitotopónimo procedente do celta *VERN-, "amieiro", moi frecuente na toponimia francesa pero inexistente na nosa.
A única posibilidade etimolóxica que lle vemos é relacionalo coa familia da toponimia relativa ós pastos e refuxios de inverno para o gando: Invernadeiro, Invernal, Invernegas, Invernego, Invernés, Embernallas, Embernallúas. Na Idade Media rexístrase o topónimo de Navia como "hiuernalias": "offero ad hunc locum Sanctum omnem meam rem et mea hereditate prenominata, id est: in Nauia hiuernalias media" (ano 1091). E o de Ribeira de Piquín como "Iuernego" (ano 1087). Son derivados do latín hibernum, "inverno", como el topónimo occitano Uvernet (v. "Le four", no blog Vous voyez le topo - 7/2/2021).
Para o caso de Bernadal supomos a perda (aférese) da primeira sílaba átona, a partir da forma derivada invernada, recollida por Eladio Rodríguez como referida á "estación de inverno". De invernada, segundo a nosa opinión, se tería formado *(In)vernadal > Bernadal, para indicar o lugar onde se establecería o asentamento estacional para pasar a tempada máis fría. No léxico do Brasil aínda se conserva o sentido de invernada e invernagem como "ato de invernar; recolher o gado a uma invernada", quedando claro que houbo terras chamadas invernadas destinadas, pola súa especial cualidade temperada e dotacións, a acoller o gando nas épocas máis frías do ano (Enciclopedia agrícola brasileira, 1995).
O mantemento durante un milenio das Embernallas de Navia e o Invernego de Ribeira de Piquín indica que seguramente no noso territorio estes lugares foron reductos que as grandes mandas de hervíboros xa virían usando dende a prehistoria, seguindo o seu instinto: "Onde a vaca branca vaia face-la súa enfoscada, eilí iremos nós a face-la nosa mallada" (Aquilino Poncelas Abella: "Os Contos populares do Bierzo", 1993).
martes, 1 de agosto de 2023
As Júnias
miércoles, 21 de diciembre de 2022
O Sagrado de Sacardebois: santuarios naturais da paisaxe histórica
O Padre Sarmiento (1) foi o que por primeira vez viu a relación etimolóxica entre o topónimo Sacardebois e a súa versión medieval latinizada Rouoyra Sacrata: "Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo" (ano 1124). No Catastro de Ensenada (s. XVIII) a parroquia de Sacardebois aínda figuraba adscrita a Montederramo (Ourense), aínda que hoxe pertenza a Parada de Sil.
O monxe bieito partía da idea de que a forma Riboira Sacrata (dita lectura non é correcta, senón Rouoyra) que atopara na obra de Yepes era a forma orixinaria, na que logo se alteraría a posición do adxectivo, Sacrata Riboira > Sacra Riboira, de onde xurdiría o Sacardebois posterior. A proposta etimolóxica do Padre Sarmiento levaba, porén, a idea dunha ribeira dun río sagrado, o Sil.
O que resulta claro é que nas antigas terras de Montederramo, segundo veñen no Catastro de Ensenada, o único nome de lugar compatible coa latinización Rouoyra Sacrata é o da parroquia de Sacardebois. E non é doado, dende logo, darse de conta de que existe unha relación entre ambas formas; mais o Padre Sarmiento fiaba moito do latín e daquela non se coñecía aínda o que eran as falsas latinizacións da toponimia tan habituais nos textos monacais da Idade Media. É dicir, Sacardebois podería estar máis preto do étimo orixinal, e Sacra Rouoyra ou Rouoyra Sacrata podería ser unha pseudolatinización total ou parcial do orixinal.
Outras formas medievais que atopamos no CODOLGA, coas que aparece escrito o topónimo son:
- Sicario de Bobus (ano 1204).
- Seker de Bobus (ano 1238).
- Sequer de Bois (varias mencións dende o ano 1240 ó 1258, na documentación do mosteiro de Montederramo).
Vemos nelas que os bois estaban moi presentes, e que cecais podería tratarse dun sequeiro, "lugar onde se poñen a secar froitos ou pezas de cerámica, leña...; terreo non regado". Descartámolo inmediatamente pois no entorno de San Martiño de Sacardebois (O Val) atopamos o microtopónimo O Sagrado, que explica o "Sequer" medieval como provinte do nominativo latino sacer, "sagrado".
Preto de San Martiño de Sacardebois atopábase o mosteiro románico de San Adrián de Sacardebois (reconstruído no ano 925 segundo inscripción hoxe desaparecida descrita por Ferro Couselo), e o eremitorio-necrópole altomedieval de San Vítor (San Lourenzo de Barxacova). Temos, pois, un lucus, ou un nemeton, un bosque sagrado evidenciado pola advocación a San Lourenzo (2), a microtoponimia O Sagrado e a propia etimoloxía de Sacardebois, que vimos de presentar coa colaboración do Padre Sarmiento: *Sacer de Bobes = O Sagrado dos Bois.
(1) "Etymología de el nombre de lugar de San Martín de Sacar de Bois".
(2) V. "Un lucus en San Lourenzo de Niveiro".
(2) Archaic Roman Religion, I, 1996, px. 465.jueves, 8 de diciembre de 2022
Vías naturais como factor determinante dos asentamentos da Idade do Ferro
- Estreliña vermella: As Travesas (Carral).
- Aspa verde: Cruce de Sesmonde (Curtis).
- Círculos marróns: castros. De esquerda a dereita (en letra verde os inmediatos á calzada): Castro de Virís (Queixas - Cerceda); Castro de Morgade (Ardemil - Ordes), e baixo el o Castro de Leira (Ordes) e o da Torre de Moscoso (Ardemil - Ordes); preto da estreliña vermella o Castro das Travesas (Beira - Carral), o Castro da Alcaiana (Vizoño - Abegondo) e o Castro de Castromaior (Vizoño - Abegondo); Castro de Vizoño (Abegondo); Castro dos Ricos preto de A Calzada (Visantoña - Mesía); Castro da Braña (Visantoña - Mesía); Castro de Castiñeiras (Mesía); recinto-torre de Churruchao (A Pobra Mesía) e Castros de Tamarín e de Monteiro (Bascoi - Mesía), doutro lado do río Samo; Castro de Borrifáns (Oza-Cesuras); no Cruce de Sesmonde, Castros de Ril e Parrando e baixo eles, Castro Mouro ou de Viladarcas e Castro de Estremil (Barbeito - Vilasantar); voltando á divisoria de augas e preto de Porto Carros, Castro de Fisteus e A Roda de Godulfes (Curtis); Castros de Vilarullo e Frádegas (Curtis); Castro de Santaia (Curtis); Castro de Foxado (Curtis); Castro de Sante (Grixalba - Sobrado), preto de Casa Camiño; Castro de Cumbraos (Sobrado); Castro da Lagoa (Codesoso - Sobrado); Castro dos Cotos (Roade - Sobrado).
- Liña laranxa: divisoria de augas do Tambre (ó sur) e os ríos Mero, Mendo e Mandeo (ó norte).
- Liñas azuis: divisorias de augas das cuncas fluviais dos ríos Mero, Mendo e Mandeo.
- Distanza de Brea ó mosteiro de Sobrado: 50 kms.
martes, 15 de noviembre de 2022
Congo e Abeleiras (A Garrida, Verís - Irixoa)
sábado, 17 de septiembre de 2022
Corvelle (O Cadramón)
Nun contexto de paisaxe gandeira que afunde as súas raíces na prehistoria como é a da Serra do Xistral, a toponimia fai con moita frecuencia alusión ós peches gandeiros. Bustomeao é un topónimo composto cun primeiro elemento de orixe prerromana, busto, "terras de pasto para o gando". Doutra banda, a microtoponimia de Corvelle sinala outros dous recintos gandeiros, Ameixón e Revolta. Pensamos, polo tanto, que o topónimo Corvelle non pode provir, como se ten dito, dun nome persoal non documentado no noso territorio, *Corvilius, en caso xenitivo de posesión. Máis ben cadra cunha contracción da frase substantiva *Currum Vetulum > Corvello / Corvelle, en caso xenitivo de relación, e supoñendo unha elisión: (aldea) Corvelle = "aldea de Corvelle".
A chamada ruína da declinación latina, pola que se deixa de usar o sistema de casos ó preferirse a utilización das preposicións para indicar as funcións sintácticas, comeza no século III e resulta moi abrupta; ó redor do século V non se declinaban os nomes. O feito de estar Corvelle en caso xenitivo indica, pois, que o topónimo se creou como moi tarde no século V para designar o que entón xa se consideraba un "curro vello", como mínimo da Idade do Ferro.
O reparto das moscas no cromlech do Prado das Chantas
- Segundo as tradicións, no cromlech da Eira das Meigas ou Circo dos Xogos do Monte Neme "la víspera de San Juan se reunen las brujas en la fuente de Santa Cristina, allí próxima y donde hay ruinas de una capilla, y después de bailoteos y otras ceremonias ascienden a la Eira, en la que, acomodada cada una en un sentadoiro (las piedras que forman el círculo) toman sus acuerdos para dañar a los humanos" (El Ideal Gallego, 2-8-1928).
- No ano 1938 o cronista de Mondoñedo, Eduardo Lence Santar, narraba unha tradición idéntica que se desenvolvía nun lugar indeterminado do Xistral: as meigas de Mondoñedo, as de Vilanova, as do Val e as da Mariña ata Ribadeo quedaban pola noite na véspera de San Xoan no Mongadal, na respaldeira do monte Padornelo, e untadas con touciño e subidas a vasoiras de xibarda, collidas da man de dúas en dúas, saían polo ar ata guindarse no Xistral, xuntándose coas meigas do Valadouro, do Viveiró, de Vilalba, de Meira e doutras partes, para facer o reparto das moscas e das pulgas. Son moitos os que teñen sentido pasar as meigas para O Xistral (El Compostelano, 26-10-1938).
- Nunha outra versión recompilada por Pisón, Lourenzo e Ferreira (Contos do Valadouro, Edicións do Castro, 2005) onde tiña lugar o reparto das moscas era nos montes do Buio nas inmediacións doutro megálito: "na noite de San Xoán ían dous homes de cada parroquia ao Pau da Vella para o reparto das moscas, e todos os anos había reña cos de Budián pois estes só querían tabaos".
- Polo San Xoán, "na Eira das Neghras (Abelaíndo), as bruxas reciben o demo con danzas de roda; coféanlle a pelica toda, afágano sexualmente. Tras a recepción, sentados á mesa presidida polo diabólico castrón, os comensais dan boa conta dun menú ateigado de manxares, entre os que sobrancea a carne tenra dun meniño aínda sen cristianar, subtraído dalgún berce ao descoido. Na sobremesa, o demo distribúe entre as súas serventes as encomendas para o ano: fai o reparto das moscas que, durante o verán, cribarán o lombo dos rabaños e dos seus pegureiros (Calros Solla: "Cerdedo e o solsticio de verán", Faro de Vigo, 21-7-2013).
jueves, 1 de septiembre de 2022
Feal, Feais, Feáns... fitotopónimos?
Ó menos dous casos recollidos por Navaza na súa Fitotoponimia Galega, na entrada adicada ós topónimos derivados de feo (latín fenum), dan para pensar que non se trata de fitotopónimos:
- O Marco do Fial - paraxe non habitada en Sarreaus e Vilar de Barrio
- Serra do Fial das Corzas, que serve de límite ós concellos de Vilariño de Conso e Laza
Doutra banda, na documentación medieval o termo fenales aparece en contextos de delimitación nos que se mencionan marcos e petróglifos:
- "est ipsa hereditate conclusa in omnique giro per suos terminos antiquos id est per fenales iusta domus Catoni et inde ad Causelio et inde per Fouea Uentuosa" (ano 947)
- "per illos padrozelos de fenales super portum lagenoso, et inde per petras scultas, et scriptas" (ano 988)
- "deinde ad summum uallis ex alia parte dos Lagarelos ac postea per fenale de Cabreira, deinde in directum ad cabezam de Foioo" (ano 1134)
martes, 30 de agosto de 2022
Sofandónigo (Sofán - Carballo)
Composto da preposición so (1), "xunto de", máis o núcleo *fan < fanum, "templo", e o adxectivo dónigo < dominicum, "do señor".
Segundo X. Ll. García Arias "los lugares de culto pagano fueron aquellos donde se erigió algún FANUM ‘lugar sagrado’, ‘pequeño templo’, que frecuentemente solía situarse a la orilla de los caminos un poco al estilo de los actuales oratorios o capillas". En Asturias é probable que, por exemplo, os topónimos Fano (Xixón), Fanu (Colunga), e Fanón (Valdés) teñan orixe no latín fanum.
domingo, 17 de julio de 2022
Castro e pazo de Bretoña - A Pastoriza
O castro de Bretoña fora proposto por Sánchez Pardo como modelo de continuidade de ocupación dun asentamento dende a Idade do Ferro: "situado en la aldea de igual nombre y que fue excavado parcialmente en los años 70 del s. XX por M. Chamoso Lamas (1975), localizando una ocupación romana así como una iglesia primitiva y una necrópolis que podrían corresponder a un monasterio-episcopado tardoantiguo" ("Castros y aldeas galaicorromanas...", Zephyrus, 2010).
Na descrición que del fornece Villaamil e Saavedra no século XVIII (Noticias de la Santa Iglesia de Mondoñedo) vemos que cumple a característica, recurrente neste casos, de ter albergado con posterioridade a igrexa no seu interior: "[...] uno de los mayores castros o fortalezas antiguas que tuvo el Reino de Galicia; los del foso o muro principal ocupan cerca de cuatro mil y quinientas toesas en cuadro, y los del contrafoso se extienden a la mitad más. Dentro de este cerco está situada la parroquia, que es una iglesia dedicada a la Asunción de Nuestra Señora".
No folio seguinte o prior de Mondoñedo fala sobre o nome que recibía unha das casas pegada ó exterior do foxo polo sur, a Casa do Zebedeo, e explica que pode non ser unha tradición orixinal a que liga o lugar ó Apostólo Santiago, aínda que engade que "contra este argumento negativo [que autores anteriores non teñan mencionado o nome da casa] tenemos en los foros antiguos, que pasa de 200 años hizo el Cabildo de Mondoñedo a favor de los causantes del labrador que la habita, la circunstancia de nombrarse en ellos A Casa do Pazo, que quiere decir la Casa del Palacio, expresión que no se puso sin misterio; a que se agrega que este mismo labrador goza (y gozaron sus ascendientes) la exención de las cargas comunes del voto, que generalmente pagan al Apóstol Santiago en todo el Reino, y no reconoce el señorío temporal del obispo de Mondoñedo con aquella cantidad anual de maravedís que pagan sus vecinos; los que miran el uso de esta regalía sin los celos que entre personas iguales suelen ocasionar estas diferencias. No está ligada esta singularidad a la persona, sino a la misma casa, porque si el labrador pasa su habitación a otra, pierde el privilegio y se confunde con el común de los paisanos".
Topamos pois cunha primeira evidencia na que se expón a exención tributaria dun pazo castrexo, aquí interpretada por Villaamil e Saavedra como posible mostra dun vínculo da Casa do Pazo de Bretoña co Apóstolo Santiago Zebedeo.
Conxunto castrexo-pacego. (C) Dolores González de la Peña, 2019.
O pazo, como é xeral, ía situado no exterior do recinto do Ferro, inmediato a este aínda que indepedente del; inclusive anterior ó propio castro se seguimos a proposta etimolóxica do profesor Moralejo, que suxería para a etimoloxía de pazo o indoeuropeo *palatiom, "casa absidal neolítica anexada ó seu recinto pecuario" (hipótese de Moralejo-Best). Semella evidente, pois, que o que refire Villaamil dá conta dun dereito consuetudinario mantido durante uns tres milenios, motivado por ser o lugar que ocupaba a Casa do Pazo o núcleo orixinal neolítico do asentamento gandeiro, formado pola vivenda do pastor e o curro (castro). Posiblemente por iso non lle tributaba nin lle tributaría a ningunha autoridade posterior, como a eclesiástica.
Maqueta do Castro de Bretoña, da que aproveitamos as casiñas de fóra para dar idea de como se podería ter articulado o espazo castrexo-pacego. (C) Eva Seoane - CIN Bretoña, 2020.





















