Mostrando entradas con la etiqueta mascaradas de invierno. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mascaradas de invierno. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de febrero de 2026

Do Antroido ó teatro: a polixénese do xénero dramático

Nunha conferencia de Eva Tobalina sobre a orixe do teatro grego ("La tragedia griega I. El nacimiento del teatro y la tragedia", Raíces de Europa, 2022) pódese escoitar resumidamente, para quen non a coñeza, a tese xeralmente aceptada da xénese do teatro grego no século VI a.C. a partires dos ditirambos dionisíacos, nun contexto, polo tanto, relixioso (mn. 11 a 18:30): unha comparsa encabezada polo corifeo, seguido dun coro duns corenta paisanos disfrazados como zamarróns, con peles de cabra e ovella (os sátiros), que se adicaban a perseguir ás mulleres, ía contando e escenificando os mitos relacionados co deus Dioniso. A profesora Tobalina por suposto que non fala en ningún momento de zamarróns no coro dionisiaco, pero resulta evidente a semellanza entre estes e os sátiros, tanto no vestiario como na fustigación e persecución das mulleres, e tamén é relevante no asunto da orixe do teatro o feito de se representar ou escenificar nas mascaradas invernais peninsulares as chamadas comedias, oficios, sátiras, nas que destacaba como tema central o asunto político (críticas sociais), do mesmo xeito que no teatro grego.

Xa cara o final desta conferencia hai unha pregunta que chega ó chat e é cecais máis interesante que toda a conferencia xunta (mn. 1:10:37), lamentablemente non se identifica ó emisor:

Pregunta: "¿Fue el teatro una creación de los antiguos griegos o hubo creaciones similares en otras partes del mundo como en China o la India?".

Eva Tobalina: "La representación escenificada de mitos religiosos la vemos en muchas culturas; que esa representación escenificada de mitos dé el salto a convertirse en una obra de teatro donde se tratan temas de política, de religión, con dos personajes [que dialogan]..., de esta manera, eso sólo sucedió en Grecia".

A profesora Tobalina ou ben esaxera ou ben ten idealizada a cultura grega como precursora ou iniciadora da totalidade da cultura occidental e ata mundial! Imos ver que o mesmo que sucedeu en Grecia, onde no contexto relixioso dos ditirambos dionisiacos dos sátiros acabouse por crear o teatro grego, ocorreu no noroeste peninsular co Antroido, cuxas perfomances de zamarróns e guirrios crearon as comedias do teatro dos Séculos de Ouro, ou, cando menos, xéneros dramáticos como o dos testamentos, os momos, o entremés, a moxiganga e o baile da zarabanda inseridos nel, procedentes, polo tanto, do antigo Carnaval.

Ó mesmo tempo poderemos respostar a unha pregunta que formulara Julio Caro Baroja cando estudou as mascaradas de Tracia en relación co ritual dionisíaco (cap. 12 da súa obra El Carnaval):

"¿En qué relación están los sátiros y otros personajes que se asocian a aquellas representaciones teatrales en su origen, con las máscaras invernales de Europa?". A pregunta formúlaa o ilustre etnógrafo tras comprobar que nas modernas mascaradas tracias participaban dous kalogheroi semellantes ós nosos zamarróns (e ós sátiros), vestidos con pelexos e portando chocas, e máis unha vella chamada Babo, que levaba unha peneira que contiña un trozo de madeira que representaba un neno e era chamado liknites, sobrenome do deus Dioniso, o que tamén, segundo o mito, fora colocado nunha peneira ó nacer. Pero Caro Baroja descarta a afinidade evidente: "toda esta mitología y este ritual quedan muy lejos de nuestros rituales europeos folklóricos [das mascaradas da invernía]. En primer término, corresponden a religiones misteriosóficas que suponían iniciaciones y "pasos" muy complejos y aún secretos. En segundo término, parecen haber estado bastante circunscritas, limitadas, desde el punto de vista geográfico". E é así, cun quítame alá estas pallas misteriosóficas e xeográficas, que Caro Baroja non pode chegar a establecer a ligazón evidente entre o noso Don Carnal e Dioniso como manifestacións, ámbalas dúas, dun mesmo culto arcaico á abundancia e fertilidade cíclicas, no que, por exemplo, o pantagruélico deus Dagda podería ter sido unha variante máis que encarnase aquela vella divindade.

Do Antroido á formación do teatro peninsular


Disto xa temos falado no blog, como o teatro español toma prestado do Antroido (antigo Carnaval ou Carnestolendas) varios motivos, bromas, personaxes e bailes ata crear xéneros dramáticos específicos. Concretamente para o da moxiganga recomendáramos os estudos de Catalina Buezo no noso post "Partir a Vella - A Serração da Vella" (Arqueotoponimia 2021), e comentáramos algúns casos.

Agora para o subxénero do entremés, recomendamos o traballo de Javier Huerta Calvo ("Entremés del Carnaval. Edición y estudio", Dicenda, 1987); nel o autor indica que "se ha dicho repetidamente que el entremés, al igual que en Europa la farsa, es un género que hunde sus raíces en la cultura carnavalesca de la Edad Media". Entre outras pezas sinala como exemplos: a precursora Égloga de Antruejo, de Juan del Encina, Entremés del Antruejo y Miércoles Corvillo, de Uztarroz, ou o entremés de Las Carnestolendas, de Calderón.

Nós, por poñer algún exemplo entremesado do que estamos a sinalar, atopamos no entremés de La Dama Presumida (ms. BNE) que o día de Carnestolendas saen pasear unhas damas e se atopan cuns mozos que estaban "jugando Carnestolendas, y les echan harina". Chamamos a atención sobre a acepción, inédita ata o de agora, de que as bromas propias destas datas reciben tamén o nome de "Carnestolendas":

-Muchacho 1º: Juanillo agarra a la Chata.
-2º: Periquillo, y tú a Teresa.
-3º: Empolvad a Mariquita.
-Teresita: Jesús y qué desvergüenza! / el venir a unas señoras / a hacerles Carnestolendas! / Detente grosero indigno.
-1º: Juanillo apreta con ella / que yo ya tengo a la Chata / que parece molinera.


Mais non só toma prestado. No caso portugués, que nos atinxe directamente, o nacemento do teatro cortesán, do teatro como xénero literario, foi debido ó dramaturgo Gil Vicente, e xurdiu das representacións populares coñecidas como momos e arremedilhos - de arremedar ou imitar). O primeiro documento que confirma a existencia da teatralidade no occidente da Península é de 1193, data na que o rei don Sancho I de Portugal doa unhas terras a dous irmáns mimos a cambio da execución dun arremedilho: "Nos mimi supranominati debemus Domino nostro Regi pro roboratione unum arremedillum" (Pilar Lorenzo Gradín, "Teatralidad y teatro medieval en el occidente peninsular", Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca, 1995).

Na nosa opinión, os momos e arremedilhos non foron representacións de orixe cortesá, como argumenta Gradín, senón popular, e unha confirmación disto a teriamos no nome que aínda levan as mascaradas de Cotobade chamadas Momadas, nas que se facían "representacións dos oficios, sinxelas imitacións burlescas dos traballos alleos ás tarefas agrícolas e gandeiras que teñen relación coa vida da aldea. As parodias de afiadores, ferreiros, boticarios, barbeiros, etc., facían as delicias dos paisanos. Os oficios aparecían en mascaradas de moitos puntos de Galicia, do mesmo modo que eran frecuentes en mascaradas rurais asturianas, cántabras, vascas ou catalanas" (Federico Cocho, O Carnaval en Galicia, 1992). Pode lerse tamén a CANTIGA CCXCIII de Santa María "Como un jograr quis remedar como siia a omagen de Santa Maria, e torçeu-se-lle a boca e o braço".

Comedia ou oficio de striptis no pole dance titulada "Striptis O Moredo" no Antroido de Santiago de Arriba - Chantada.
(C) Dolores González de la Peña, 2025.

Á importantísima e masiva presenza destas pezas teatrais no Antroido, en forma de "comedias", "entremeses" ou "oficios", adícalle Federico Cocho só unha páxina do seu estudo sobre o Carnaval en Galicia. As comedias foron unha parte esencial do Antroido, xa case que esquecida, desprazada pola vistosidade que teñen as máscaras e as súas danzas e evolucións. Foron tan esenciais que ata é moi probable que o teatro cortesán peninsular dos Séculos de Ouro nacese delas (e non que pasasen do teatro cortesán ó Antroido), do mesmo xeito que o teatro grego, a traxedia, xurdiu dos ditirambos que na mesma época do ano executaban os sátiros (zamarróns) dos cortellos dionisiacos.

domingo, 1 de febrero de 2026

Avutardas e Cigarróns: indagacións etimolóxicas nos nomes das máscaras do Antroido

Antroidos / Entruideiros


As máscaras dos Vixigueiros de Samede (Paderne - A Coruña), que tamén se denominan Antroidos, mailos Entruideiros de Arcos (Mazaricos), remiten directamente ó termo latino introitum, do que saíron múltiples derivacións para o nome xenérico que recibe a festa das mascaradas da invernía nas distintas linguas peninsulares: Antroido, Entroido, Antruejo, Antruexu, Entrudo, etc. Disque a orixe neste termo latino viría por cadrar nas datas previas ó "introitum Quadragesima", é dicir, as datas que preceden ó inicio da Coresma do ano litúrxico cristián. Polo tanto, o nome xenérico da festa pasou a usarse como nome dalgunhas máscaras, e tamén empregouse como nome do boneco (Meco) que adoita queimarse ou destruírse ó final destas celebracións; por exemplo o boneco chamado Entrudo (Portugal).

Boneco do Antroido fotografado en 1970 por José Antonio Gómez Vázquez en Barcia (Quins - Ourense).

A extraordinaria importancia que tivo esta antiquísima festa ou ritual invernal compróbase ó ver que foi a orixe das representacións teatrais na Península. As comedias do dramaturgo extremeño Torres Naharro (s. XV) ían precedidas dun "Introito" interpretado por un pastor. Estas dúas características non proveñen do teatro clásico greco-romano e a súa orixe é obxecto de debate entre os especialistas. Na nosa opinión, é moi  probable que Torres as sacase das representacións populares que se desenvolvían nas datas do Antroido. Por exemplo, no Antroxu de Valdesoto (Siero - Asturias) os Sidros, vestidos de pelellos (como pastores), preceden a comitiva e encárganse de formar e gardar a contorna do círculo onde se vai representar unha comedia.

As máscaras que usaban os primeiros actores teatrais viríanlles, pois, de seren os actores parte destas comparsas de enmascarados do Antroido. A máscara tense vencellado, doutra banda, nalgúns estudos especializados, co mundo dos mortos; segundo varios investigadores no Antroido a máscara podería representar, polo tanto, a seres que retornaron do Alén. O termo galego Antaruxada, que designa á Santa Compaña ou Estadea = procesión de ánimas, proba indirectamente a hipótese precedente, a equivalencia entre enmascarado e defunto, pois o termo Antaruxada deriva de Antruxo (< latín introitum) mediante unha vogal epentética. O que dá idea de que tanto as comparsas do Antroido como as Antaruxadas eran vistas como integradas por seres semellantes, que non eran deste mundo, de aí a designación común.

Aparicio


O Aparicio segúndo o DRAG é unha "personaxe do Entroido que leva colgadas do cinto chocas e un saco con cinsa ou farelo". Trátase dun caso semellante ó comentado no epígrafe Antroido / Entruideiros, nos que o nome das máscaras están sacados do nome da festividade. Concretamente, cremos que o nome da máscara Aparicio podería provir da frase latina Apparitio Domini, isto é, a Epifanía na que se celebra o nacemento de Xesús (6 de xaneiro). As celebracións pagás das Kalendas Ianuarias (1 de xaneiro) foron neutralizadas polo cristianismo ó situar moi preto a Epifanía ou a Apparitio Domini (v. Vijanera) no 6 de xaneiro, data sobreposta á da celebración da Epifanía do deus Dioniso.

Avutardas e Botargas

Nunha conferencia que impartiron Mónica Vázquez e Antonio Sousa sobre o Entroido de Sande (Sociedade Antropolóxica Galega - 2024) coméntase que o nome dunha das máscaras deste Antroido ourensán, a Avutarda, podería ter algunha relación co da ave chamada avetarda, "porque ese paxaro é de Castela, e é un paxaro que se queda mirando fixamente, e as Avutardas [máscaras] cando saían de noite, ademais de zouparlle á xente, tamén se quedaban a mirar fixamente... O nome algunha relación tiña que ter coa xente que ía á sega a Castela". O conferenciante indica, pois, que o nome da ave foi traído dende Castela polos segadores galegos, que o aplicaron á máscara por ter un comportamento semellante ó da avetarda.

Nada máis lonxe da realidade, pois na máscara non hai vestixio algún de que teña sido un ave. No nome de Avutarda da máscara do Antroido de Sande intégrase o artigo feminino "a" nunha deturpación do termo carnavalesco botarga = *a botarga > abotarga > abutarda / avutarda, de onde logo se formou o plural analóxico Avutardas. Como máscara do Antroido, as Botargas foron propias da comarca do Ribeiro.

Dona Coresma, por Pieter Bruegel, vai nun carriño levando como arma ofensiva unha pa de forno cunhas sardiñas e un cubo de mexillóns como munición. Sobre ela, un posto de venda de salmóns.

Botarga fora o nome dunha delicia gastronómica a base de ovas secas de muxe, que se comía sobre todo na Coresma cun chorriño de aceite e limón. Como pasou o seu nome a designar unha máscara do Antroido? Nós apostamos pola seguinte posibilidade: no tradicional combate entre don Carnal e dona Coresma que se representaba nos carnavais, as máscaras, segundo o bando ó que pertencesen, levaban colgando do seu vestido e do corpo "diferentes animales de carne para comer, representando el tiempo del Carnal, como fueron muchos conexos, perdisses y gallinas y otras aves colgadas por el cuello y cintura de su cuerpo" e a outra máscara "llevava colgados de su vestido muchas especies de pescados, como aquel que representaba la Cuaresma que entraba al otro día de Carnestoliendas siguiente, iendo cargado de abadechos, merlussas y concrios secos y otros remoxados [...] langostas, lissas y llobarros y sardinetas de Calpe y en la cabessa traía esta máscara Cuaresma a modo de turbante, con unos círculos de madera delgada, y por ellos colgando muchas anguilas frescas y sardinas saladas y de otros pescados comunes" (Teresa Ferrer Valls: Nobleza y espectáculo teatral (1535-1622), 1993). Supomos, pois, que as botargas (ovas de muxe), que eran prato exquisito especial da Coresma, pasaron a designar primeiramente as máscaras que levaban colgados os alimentos propios destas datas (entreles as ovas secas de muxe), e con posterioridade xeneralizouse o nome para calquera máscara do Antroido. Mais aínda existe unha outra posibilidade ben coñecida, que o alcume do comediógrafo italiano Stephanello Bottarga, tamén tirado do nome da preparación culinaria das ovas de muxe, fose a orixe do nome das máscaras chamadas Botargas, por levar estas o calzón creado polo dramaturgo Bottarga para algunha das personaxes da súa Comedia dell'arte. En calquera caso, o nome da máscara da Avutarda de Sande non ten nada que ver con ave algunha.

As ovas de muxe chamadas botargas lembran no seu aspecto as calzas vermellas (bombachas ou botargas) cuxa creación como vestiario das comedias atribúese ó dramaturgo italiano Stephanello Bottarga.


Carantoñas, Carautas, Caretos


Son nomes xenéricos das máscaras coas que se cubren a face os personaxes do Antroido, mais tamén son nomes dalgunhas mascaradas e personaxes concretos das mesmas, como as famosas Carantoñas do pobo extremeño de Acehuche (Cáceres), os Caretos de Lazarim (Portugal), ou o personaxe do Carantoña de Coterces (Pedrafita do Cebreiro): "acompaña a los Reyes o Carantoña. Viste con zapatos, polainas, pieles de cabra, y oculta el rostro tras una máscara. Se pone dientes largos y cuernos de cabra. Lleva en la mano un palo largo que termina en un ramo de xardón" (Lisón Tolosana: Antropología cultural de Galicia, 2004).

Antigo Careto de madeira de Vilar de Perdizes, na colección do Padre Fontes. (C) Dolores González de la Peña, 2009.

Na opinión de Mª Concepción Fernández López esta serie de termos virían do grego character, que nun primeiro momento significou "marca, impronta", mais co tempo adquiriu as acepcións de "faccións" e "carácter" ou xeito de ser unha persona ("Cara: chère: carácter: clave gallega para otro helenismo común", Moenia, 2003). Do acusativo grego caráctera proviría nunha primeira fase carátu(l)a, que experimentou a perda do -l- intervocálico propia do galego, e logo carauta (con metátese do wau), posteriormente formaríanse derivados como carantoña.

Careto de Lazarim. (C) Dolores González de la Peña, 2019.

A nós parécenos unha etimoloxía superlativa, mellor que derivar estes termos de cara. A proposta de Fernández López permítenos albiscar unha vez máis que no Antroido se atopa a xénese do teatro; xénero literario performativo no que as máscaras que levaban sempre os actores da antigüidade eran o seu character, o personaxe que interpretaban.

Centulo


Centulo é unha máscara desaparecida que saía no Corpus de Redondela tirando da Coca e parece ser que tamén saía no Corpus e no Voto de San Roque de Santiago Compostela, segundo a base de datos de Julio I. González Montañés (Máscaras en Galicia). O cultísimo Padre Sarmiento, polímata excepcional do seu tempo, xa notou que o nome de Centulo coincidía co da máscara Centunculus, unha das personaxes fixas das farsas atellanas, que primeiramente se desenvolveron entre os oscos antes de pasar ó teatro romano e finalmente culminar nas da Comedia dell'arte. O nome de Centunculus viríalle de levar unhas roupas de varias cores, semellantes ás que logo levaría o personaxe de Arlequín. O de Centulo é o nome de máscara máis antigo que conservamos, dos que teñen etimoloxía coñecida. Remite á romanización da Gallaecia, e liga estreitamente o teatro ós rituais relixiosos.

Máscara romana atopada en Lugo - Museo de Porta Miñá.

Charrúa


Esta máscara de Allariz leva un nome que na nosa lingua tamén significa "arado de ferro", termo que probablemente sexa un préstamo do francés charrue, "arado". No estudo de Julio I. González Montañés, "Parodias de sementeiras", rexístranse varias destas parodias en Galicia durante o Antroido e, aínda que parezan parodias, son consideradas polos especialistas como ritos que fomentan a fertilidade da terra, as boas colleitas. Parécenos altamente probable que o nome da máscara de Allariz, o Charrúa, lle veña de ter sido a personaxe encargada destas aradas rituais, hoxe esquecidas.

No Indiculus Superstitionum (s. IX) menciónase o ritual escuetamente para condenalo como práctica pagá, referíndose a el como "de sulcis circa villas" = sobre os sucos ó redor das vilas. Na nosa opinión, tamén podería tratarse dunha forma máxica de protexer os asentamentos formando un suco ou círculo perimetral, como un pomerium. Estes sucos máxicos estiveron presentes urbanísticamente xa dende a fundación de Roma, no mito de Rómulo e Remo, no que Rómulo arrastra o arado para crear a contorna da cidade. E Caro Baroja mencionaba que "en Rusia igualmente se estima que el hacer un surco alrededor de una aldea con el arado sirve para evitar el hambre a personas y bestias. En el gobierno de Grodno deben llevar a cabo acto semejante dos hermanos gemelos. En Rumanía son los niños los que llevan un pequeño arado por el pueblo, y en Croacia hay localidades, como Bregi, en la que lo debía conducir una mujer, lo cual acaece o acaecía también en otras extensas áreas de Eslavonia y Rusia" (El Carnaval).


Arada ritual en Santiago de Arriba (Chantada). (C) Julio I. González Montañés.

Chincheiro


No Antroido da parroquia da Moura (Nogueira de Ramuín) saía a personaxe do Chincheiro. A pesares de que a palabra soa a un derivado de chinche (insecto), a nosa proposta é interpretalo como un derivado de cinza, termo que na Idade Media se pronunciaba co son africado ç (ts) [tsintseiro] antes de que evoluíse ó fricativo interdental (z) na pronuncia moderna (cinceiro ou cinseiro, con disimilación de sons).

Aldea de Cinseiro pertencente á parroquia da Moura - Nogueira de Ramuín.

Nós vencellabamos, polo tanto, o nome da máscara do Chincheiro co doutras que esparexen cinzas durante a celebración do Antroido (Borralleiros), mais segundo Eliseo Alonso ("Viejas ceremonias del Carnaval", Pontevedra Arqueológica I, 1984) o Meco Chincheiro era "un mozo disfrazado de prendas viejas, que durante el baile de entruido quita la pareja a otro muñeco que se quema por la noche"; descrición na que non aparecen as cinzas por ningures..., pola contra, a personaxe compórtase como corresponde ó Meco (v. Meco).

O misterio do vencello do Chincheiro coas cinzas veu resolvelo a nosa amiga de Facebook Gloria Sánchez Soto, veciña de Nogueira, ó explicarnos que na parroquia da Moura existe un lugar chamado Cinseiro, de onde procedía o personaxe do Antroido. Así pois, o nome da máscara venlle de ser orixinaria da aldea de Cinseiro, e no nome que recibía, Chincheiro, consérvouse o arcaísmo fónico xa comentado de preservar os sons africados medievais. Ata o de agora é o único caso que temos visto de se nomear unha máscara polo xentilicio do seu lugar de orixe. Á inversa, segundo nos indica Gloria Sánchez, o nome de Peliqueiros (máscara) utilízase tamén como xentilicio ou alcume dos habitantes da parroquia da Moura. O que tamén resulta pouco habitual.

Como topónimo, Cinseiro semella indicar un terreo lixeiro, de pouca consistencia e non moi boa calidade (Franco Grande; Aníbal Otero).

Choqueiros


O Choqueiro é unha máscara ourensá que aparentemente non presenta problemas etimolóxicos na análise do seu nome, pois se caracteriza por levar chocas, "cencerros". Así Eladio Rodríguez infórmanos de que "é o nome que dan en Allariz, Lobeira e outras comarcas ourensás ó Cigarrón ou Irrio que leva chocas". Nesta acepción, o étimo é o latín clocca, "campá", termo cecais de orixe xermana (cfr. inglés clock, "reloxo"; francés cloche, "campá"). As chocas ou chocallos son un elemento moi común nas mascaradas de inverno de toda Europa, pois estes antigos rituais consolidáronse en sociedades de pastores do Neolítico. As pequenas campaíñas que levan as figuras bufonescas da Comedia dell'arte cecais teñan a mesma orixe. Outras máscaras que levan nomes baseados neste elemento son, por exemplo, os Campaneiros ou Campanones da Cabrera (León).

Mamuthones da Cerdeña cos pesados chocallos que portan ("sa carriga"), dos meirandes que se poden ver nas mascaradas da invernía europeas. Son tan descomunais que deben parar a miudo e flexionar o lombo para descansar do peso, uns 30 kg. (C) Dolores González de la Peña, 2019.

Mais se un sae da zona de Ourense e pasa á da Coruña, comprobará que os nosos Choqueiros non se parecen nada ós ourensáns, nin portan chocas, nin saben o que é unha choca, seguramente... O Choqueiro coruñés caracterízase por un disfraz do máis estrafalario, feito coa roupa que atopa na casa: pode saír en bata, zapatillas, gafas de sol e perruca, ou cunha colcha e un gorriño de plástico para a ducha, etc. O Choqueiro coruñés choca, isto é "chama a atención, causa extrañeza polo estrafalario" (cfr. Eladio Rodríguez sub chocar). Neste sentido o verbo chocar está moi relacionado co inglés to shock, "conmocionar", puidendo tratarse dun termo de orixe xermana.

Cigarróns e Zamarróns

Respecto do nome da máscara dos Cigarróns do Antroido de Verín (Ourense) tense vencellado a súa orixe ó etnónimo prerromano dos Gigurros. Xa que o Padre Sarmiento relacionaba cos Gigurros o nome da Ponte da Cigarrosa, Risco tamén expresou unha opinión idéntica para o nome da máscara dos Cigarróns: "Guirrios e Cigarrós semellan derivación dobre de Gigurros ou Guigurros" ("Archivo Filolóxico e Etnográfico de Galicia", Nós, nº 35, 1926). Ó pai do galeguismo non se lle escapou a relación entre os termos Cigarróns e Zamarrones, mais varrendo sempre para casa: "o nome de zamarrones [en Ḷḷena] pódelles vir da vestimenta de pel ou felpudos, ou pode ser o mesmo de cigarrós alterado por contaminación fonética e infruencia semántica da verba zamarra".

Non obstante, a prensenza masiva e máis antiga* de formas con a, como çagarrones, çaharrones, zagarrón, zamarrón, zangarrón, etc. no norte e oeste da Península Ibérica impiden tomar partido pola proposta de Risco de derivar todas elas do etnónimo prerromano dos Gigurros. O máis probable é que Cigarróns sexa unha variante máis, influenciada polo aumentativo de cigarro,-a (insecto), dun orixinal con a máis unha aspirada H/G çaharrones / çagarrones, de etimoloxía moi incerta (cfr. Coromines sub zaharrón): tense pensado no étimo euskera zahar, "vello" (Pidal) ou no árabe súȟra, "figura ridícula" (Dozy). No mapa de distribución das variantes que estamos a comentar, realizado polo etnomusicólogo Dani García de la Cuesta, vese perfectamente que coincide coa zona do noroeste peninsular, núcleo orixinario das arcaicas mascaradas invernais.

Mapa coa distribución do termo zamarrón e afíns realizado por Dani García de la Cuesta ("Averamientu a los zamarrones n'Asturies", 2025).

Farramplás e Jarramplas


A máscara de Antroido do Farramplás (Pantón - Lugo) e a personxe do Jarramplas extremeño (Piornal - Cáceres) comparten etimoloxía dende o termo galego farrapo, "galdrapo, fita de tea desfeita". En asturiano escóitase a variante zarrapu, coa característica equivalencia entre sons fricativos f /z. O étimo, de orixe moi discutida, é farpar, e un dos seus derivados xa se atopa nun documento de Montederramo do ano 1252 como alcume: "Petrus Uelasci Farpinnas" = "o Farrapiñas".

Máscara do Jarramplas no Museo de Cáceres. (C) Dolores González de la Peña, 2007.

Sostemos, en virtude da equivalencia dos nomes destas máscaras (Farramplás - Jarramplas) que a personaxe do Antroido galego chegou ó Piornal coa expansión do Reino de Galicia e León cara o sur peninsular a partires do século XII; a pesares da caer Piornal ó leste da Vía da Plata ou da Calzada de Guinea (fronteira que teóricamente sinalaba os límites entre a Extremadura Leonesa e a Castelá) non deixa de estar moi preto da raia.
 

Felipeiros ou Fulipeiros


O curioso nome destas máscaras de Montalegre, por aparecer algo deturpado, non ten que ver con ninguén chamado Felipe (que amais en portugués sería Filipe). Ó noso xuízo é un derivado de felpa no sentido antigo de "peluche, forro de pel animal" ou de "tecido desfeito" (cfr. francés antigo feupe, "mauvais vêtements" = vestidos vellos e pobres). Os Felipeiros poderían ter ido, polo tanto, enmascarados dun xeito semellante ós nosos Peliqueiros, cubertos cunha pelica. Peliqueiros é un termo de orixe románico provinte do latín pellem, "pel". Á etimoloxía da variante Fulipeiros, que indicaría aparentemente unha orixe no termo fulipa / folipa, "floco de neve", non lle atopamos moita aplicación á hora de xerar o nome dunha máscara de Antroido.

Unha outra posibilidade etimolóxica sería a de que Felipeiros proveña do oficio medieval dos pelliparios, "peleteiros, curtidores", mediante unha disimilación dos sons p-p en f-p, o que daría efectivamente Felipeiro, en alusión de novo as peles animais (latín pellem). O oficio atópase documentado dende o ano 1190 no Tombo de Toxos Outos: "Pelagius Froyle, pelliparius".

Felos ou Fenos


Amais de aplicarse ós protagonistas das mascaradas de Maceda (Ourense) o termo felo ten a acepción xeral de "máscara", que é a que aparece mormente en tódolos dicionarios. O dicionario da Real Academia fornece un exemplo clarísimo neste sentido: "Na festa de disfraces levaba un felo para que ninguén o recoñecese". Como equivalente, pois, de máscara ou carauta, pensamos que o seu étimo podería provir do latín celare, "ocultar, esconder, encubrir", de onde saeu a palabra castelá celada, "elmo cunha parte frontal abatible que oculta e protexe a face". Tendo en conta que a confusión entre os sons fricativo interdental (z) e labiodental (f) produciuse nalgunha outra ocasión (cfr. asturiano zarrapu - farrapo), cabe a posibilidade de que se teña empregado *celo (celada) > felo para se referir á máscara propia das personaxes do Antroido.

Unha outra posibilidade etimolóxica aparece no Glosario de Du Cange: fello ou felo "perfidus, rebellis", isto é "malvado, rebelde, criminal", cualidades moi acaídas para unhas personaxes, as dos Felos, que, como os Peliqueiros, pertencen ó conxunto das máscaras fustigadoras estabelecido por Caro Baroja.

Se damos como orixinal a variante Fenos, e tendo en conta a devandita equivalencia de sons fricativos f/z, poderiamos pensar nun étimo cenos < latín cinnus, "sinal que se fai cos ollos, aceno, xesto", en alusión á xestualidade das personaxes e ás expresións faciais das máscaras.

Irrio / Guirrio


Nun amplo traballo de Antón Reigosa publicado nas Actas das II Xornadas sobre o Entroido de Galiza (SAGA 2015) comenta o investigador a hipótese de Domingos Prieto (As origens trácias do cigarrón): os nomes de Irrio, que recibe a máscara de Castro Caldelas que sae en setembro nas festas da Virxe dos Remedios, así como o de Guirrio (mascaradas de inverno do ámbito astur-leonés), poderían provir do nome que teñen as máscaras Kukeri búlgaras (zona da antiga Tracia). A pesares da semellanza entre as máscaras peninsulares e as búlgaras, por pertenceren ámbalas dúas a un mesmo fenómeno ritual e cultural, non comparten etimoloxía. A etimoloxía de Kukeri alude á súa condición de encarapuchados, pois o étimo é o latín cuculla, "carapucha". Non parece posible que Irrio / Guirrio proveña directamente da palabra Kukeri, nin tampouco do étimo latino cuculla, pois segundo as reglas fonéticas diacrónicas no paso do latín ó galego tería dado *cogula ou *cugula, como se rexistra no léxico da nosa documentación medieval.

Outra posibilidade etimolóxica fora exposta por Risco (v. Cigarróns), que ligaba o nome de Irrio / Guirrio ó etnónimo prerromano dos Gigurros, étnico que se mantivo no topónimo Valdeorras pasando pola forma medieval Iorres, incompatible co vocalismo e a acentuación de Irrio.

A nós parécenos unha voz de orixe onomatopeica, que amais se conserva no nome do paxariño Apus apus na Galicia e León: cirrio, birrio, irrio (Galicia) e guirrio, guirri, guirre (León - existen tamén as formas guirle e guirlo: v. Le Men Loyer sub guirle). Cabe a posibilidade de que a mesma onomatopea servise para designar o paxariño e apupar as máscaras. Segundo se desprende do comentario de Eladio Rodríguez, a voz podería entenderse só como un berro para chamar a atención da máscara de xeito provocativo: "lleva un zurriago con el que hace huir a los chiquillos, que lo apupan gritándole: ¡irrio, irrio!".

Non obstante non descartamos que a identidade entre o nome do irrio (paxariño Apus apus) e o da máscara se deba a que o paxaro fose unha especie de animal totémico ou espíritu guía da personaxe. Chegamos a formular esta extraordinaria posibilidade ó ler que ó investigador Gausón Fernande Gutierre lle contaran que o guirriu de Campumanes levaba "na picalina 'l cucurucho un páxaru disecáu coles ales abiertes" (apud Dani García de la Cuesta "Averamientu a los zamarrones n'Asturies", 2025, px. 39).

Labardeiro


Máscara do Antroido de Mugares (Toén) cuxa etimoloxía podería entroncar co hispanoárabe albardán, "personaxe bufonesco, pallaso", característico do ámbito da xograría medieval. Suxerimos polo tanto unha derivación *albardán > alabardeiro > labardeiro, por cruce co termo alabarda e posterior caída do a- átono inicial. Non é a primeira vez que o hispanoárabe ten fornecido nomes de máscaras: os Morraches de Malpica de Tajo e os Moharraches de Pelahustán (Toledo) reciben o seu nome de muharriǧ, "bufón" (v. primeira nota ó pé).

Labardeiros de Mugares co burro e o chimpín que porta a parella de novios, o Mazaruco e a Mazaruca. (C) Dolores González de la Peña, 2026.

Maragato


Tense elucubrado bastante sobre a presenza dos maragatos leoneses como personaxes do Antroido. A comunidade pechada dos maragatos fora moi coñecida por desenvolveren a súa actividade económica como arrieiros, mormente en rutas cara Galicia. Está comprobado que o tipo característico do arrieiro coa súa mula se incorporou ás comparsas como un dos oficios que adoitaban imitarse nas parodias (v. Momadas). A certeza da nosa afirmación proven da descrición que nos achega o xuíz Tenorio a principios do século pasado: a personaxe do Maragato que saía coa Mula no Antroido de Viana do Bolo formaba parte dunha parodia na que se imitaba o oficio de arrieiro, e a Mula ata chegaba a enfermar tirándose ó chan, momento no que aparecía un albéitar que lle preparaba unhas sopas de cabalo canso, isto é, viño quente con miga de pan e azucre (apud Julio Caro Baroja, El Carnaval).

Maragato do Antroido de Santiago de Arriba (Chantada) cos seus garfos. (C) Dolores González de la Peña, 2025.

Mais que ocorre cando nos atopamos con Maragatos como os do Antroido de Santiago de Arriba (Chantada), sen mula e cunha vestimenta de pelellos e máscara animal cornuda? Nestes outros casos pensamos que se produciu un cruce co termo garabato**, garfo que habitualmente levaba o demo para capturar as súas presas dentre os mortais. Os garabatos / garfos cruzaron á outra beira do Atlántico na forma da "Danza do Garabato" (Barranquilla - Colombia) que ven sendo unha versión caribeña das "Danzas da Morte" medievais europeas. Neste caso a figura do Maragato (Garabato) do Antroido de Chantada representaría ó demo co seu garabato / garfo, termos que poderían compartir etimoloxía dende a raíz indoeuropea *gerbh, "rascar, rañar".

A Morte agarra co seu garabato unha das súas víctimas na "Danza do Garabato" de Barranquilla.
(C) Captura do vídeo en TikTok de Natalya Ruíz B, 2023. 

Meco


Personaxe fundamental do Antroido, o Meco funciona como una víctima vicaria, unha especie de chivo expiatorio que adoita queimarse ou destruírse ó final da festa. A súa etimoloxía remite para o latín maechus ou moechus, "fornicador, adúltero", termo tomado directamente do grego. A devandita etimoloxía explica satisfactoriamente a indignación do Padre Sarmiento, que ata se viu obrigado ou impelido a escribir unha das súas famosas disertacións: "Discurso sobre el chasco que injustamente se da a los gallegos diciéndoles que perdonen a Meco". Enténdese que o chasco insinuaba que o Meco tiña fornicado coas mulleres do país e que os galegos eran, polo tanto, uns cornudos, e nós as mulleres... (afórrome a palabra).

Na nosa opinión o Meco podería ser a lembranza dun ser mítico lascivo, dun deus semellante ó Dioniso grego. Os thíasoi ou cortexos dionisiacos formados polos libidinosos sátiros do deus Dioniso téñense barallado como a orixe máis probable das mascaradas de inverno europeas (Frazer), e os ditirambos que entoaban, segundo Aristóteles, foran a orixe do teatro grego (das traxedias), tal e como supomos que se produciu na Penísula Ibérica coa orixe do teatro cortesán, xurdido a partires das funcións populares que se desenvolvían nas mascaradas da invernía.

Meco das Teixugueiras (Cartelle), publicado na revista Auria no 27/2/2011, cun enorme falo dionisiaco e as súas características orellas de lata.

O Meco das Teixugueiras, lembranza dun deus de tipo dionisiaco, é bautizado con viño, como lle corresponde a un deus destas características. Recorte do vídeo gravado por La Región co bautizo do Meco, 27/2/2017: "O entroido máis enxebre, nas Teixugueiras (Cartelle)" - dispoñible no Youtube.

Momadas


O nacemento do teatro cortesán en Portugal, do teatro como xénero literario, debeuse ó dramaturgo Gil Vicente, e xurdiu das representacións populares coñecidas como momos e arremedilhos (de arremedar ou imitar). O primeiro documento que confirma a existencia da teatralidade no occidente da Península é de 1193, data na que o rei don Sancho I de Portugal doa unhas terras a dous irmáns mimos a cambio da execución dun arremedilho: "Nos mimi supranominati debemus Domino nostro Regi pro roboratione unum arremedillum" (Pilar Lorenzo Gradín, "Teatralidad y teatro medieval en el occidente peninsular", Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca, 1995).

Na nosa opinión, os momos e arremedilhos foron dramatizacións populares xurdidas no Antroido, e unha confirmación disto a teriamos no nome que aínda levan as mascaradas de Cotobade chamadas Momadas, recentemente recuperadas, nas que se facían "representacións dos oficios, sinxelas imitacións burlescas dos traballos alleos ás tarefas agrícolas e gandeiras que teñen relación coa vida da aldea. As parodias de afiadores, ferreiros, boticarios, barbeiros, etc., facían as delicias dos paisanos. Os oficios aparecían en mascaradas de moitos puntos de Galicia, do mesmo modo que eran frecuentes en mascaradas rurais asturianas, cántabras, vascas ou catalanas" (Federico Cocho, O Carnaval en Galicia, 1992).

Troteiros


Non temos reparos en aceptar a etimoloxía do nome Troteiros que levan as máscaras de Bande (Ourense): de trotar, préstamo xermánico do antigo alemán trottôn, "camiñar cun ritmo intenso". Mais convén puntualizar que no Glosario de Du Cange trotarius ven específicamente como apelativo dos oficiais que tiñan a encomenda de correr dun lado para outro levando as mensaxes dos seus amos, recibindo por elo o nome de correos ou trotarios. Este matiz indicaría cecais que os Troteiros tiveron un antigo rol de seren unha especie de heraldos ou pregoeiros que anunciaban o tempo do Antroido. Neste sentido, lémbranos a figura dos Correos das mascaradas dos Xenerais da Ulla.

Panfarrón e Parra(n)fón


O nome desta máscara que acompaña os Peliqueiros de Campobecerros (Castrelo de Val) é variante do termo máis extendido fanfarrón, "persoa presumida e arrogante que fai ostentación no seu aspecto e modo de se comportar". O termo semella unha creación expresiva, segundo Coromines (sub fanfarrón). A disimilación p-f ou a asimilación f-f, ámbalas dúas posibles, non permite estabelecer cal foi a forma orixinaria, se fanfarrón ou panfarrón. Tampouco as datas máis temperás nas que se documenta (panfarrón no ano 1514 no ámbito castelán, e fanfarrão cara o ano 1537 en Portugal) aclaran moito, pola súa proximidade, a orixe xeográfica da palabra. Na variante Parra(n)fón obsérvase metátese silábica, moi común nos nomes das máscaras do Antroido. A personaxe do Fanfarrón foi habitual nas comedias dos Século de Ouro do teatro hispánico sobre todo para caracterizar ó tipo do "soldado fanfarrón". Na nosa opinión o personaxe do Panfarrón do Antroido puido xurdir como parodia do oficio do militar (cfr. a comedia de Plauto Miles Gloriosus = O Soldado Fanfarrón).

Pantallas


Dicía Risco que o nome de Pantalla para a Santa Compaña era raro, e semellaba "contamiñación de «pantasma» (pola maneira de se presentaren as ánimas) e «espantallo» (polo medo que meten)". Non sería extraño, como xa vimos no epígrafe dos Antroidos, que se tivese producido un deslizamento de nomes dende as mascaradas ás procesións das ánimas en pena. O uso do termo pantalla na acepción de "aspecto" ou "aparencia", ás veces conseguida mediante a colocación dunha máscara ou disfrace, xa está rexistrado nunha poesía de Francisco Añón (1878): "Ancho sombreiro de palla / Con tres buratos na copa / Por onde o pelo s'espalla, / Brancas cirolas d'estopa; / Tal era a súa pantalla. / Na man traguía ademais / Gordo fungueiro dun carro / Que era furtado quizais, / Na boca aceso cigarro / Cuspindo a uso de Cais". A etimoloxía do termo pantalla polo momento non está moi clara. Nós inclinámonos a pensar que a palabra pasou do eido do Antroido, co seu sentido orixinario de "aspecto que se proxecta cara fóra; indumentaria que contribúe a xerar unha aparencia; máscara", a aplicarse tanto ás pantallas das lámparas, que proxectan a luz, como ás do cine, nas que se proxectan imaxes.

Pantalla de Xinzo de Limia. (C) Dolores González de la Peña, 2019.

Doutra banda, cremos que non se pode desbotar que o termo Pantalla para a personaxe do Antroido de Xinzo de Limia lle veña do nome dunha das máscaras da Comedia dell'arte, concretamente a de Pantaleone > Pantallón, que pasou ó teatro español como don Pantalón (Entremés de don Pantalón de Mondapoços, s. XVI). Desta forma *Pantallón, que semella un aumentativo despectivo, crearíase de forma regresiva Pantalla.

Peliqueiros


A mitra da máscara dos Peliqueiros de Laza e os de Campobecerros (Castrelo de Val) ía forrada por detrás cunha pelica de gato ou lince europeo (Lynx linx), que agora, convén suliñar, se fai de pel sintética. Os termos románicos pelica e peliqueiro proveñen do latín pellem, "pelello", conectando de novo o Antroido co enmascaramento animal, como no caso dos Zamarróns (v. Cigarróns) e cecais no dos Felipeiros (v. Felipeiros). Indicamos tamén que en latín tanto pellicarius como pelliparius designaban ó peleteiro ou curtidor, oficio que afunde as súas raíces na prehistoria. A elección da pelica de gato ou lince europeo podería gardar relación cos cultos dionisiacos cos que se ten vencellado a orixe das mascaradas da invernía: a figura mitolóxica de Pan, que integraba xunto cos sátiros, faunos e silenos os cortexos do deus Dioniso, cubría o seu lombo cunha pelica de lince.

Pelicas de gato na parte traseira das mitras dos Peliqueiros. (C) Dolores González de la Peña, 2025.

Vijanera ou Bejanera


A Vijanera, Viejanera ou Bejanera de Cantabria é unha mascarada que sae no primeiro domingo de xaneiro, é dicir, nunha data moi próxima á das celebracións pagás das Kalendas Ianuarias*** (1 de xaneiro). O cristianismo aproveitou a festividade das Kalendas Ianuarias para situar moi preto a súa celebración da Epifanía (adoración dos Reis ó neno Xesusiño), co obxectivo de neutralizar ou cristianizar os rituais pagáns que se desenvolvían neses días. Nós relacionamos a etimoloxía de Vijanera ou Bejanera co nome da festividade cristiana da Epifanía: o termo *(e)pifaneros > bifaneros > bijaneros ou bejaneros (con aspiración regular do son f en h aspirado > j) primeiramente aplicaríase os enmascarados que saían nestas datas, e logo se tería deducido que o nome da festividade era a Bejanera. Trátase, pois, da mesma evolución fonética que se atopa en Italia no nome da festividade da Befana < Epifanía. A forma Viejanera na nosa opinión non sería máis que unha deturpación por etimoloxía popular debida a un cruce coa palabra vieja, "vella". Esta proposta etimolóxica, que prescinde da devandita etimoloxía popular (Vieja de Enero), permite por vez primeira albiscar unha relación directa entre o nome dunha das mascaradas de invernía peninsulares e a festa pagá das Kalendas Ianuarias, a través da Epifanía que a cristianizou (v. tamén Aparicio) e que tamén anulou a Epifanía do deus Dioniso celebrada nas mesmas datas.

Vijaneros na Vijanera de Silió (Cantabria). (C) Dolores González de la Peña, 2019.

Visparros


En Samartín de Castañeda (Zamora) celébranse as mascaradas chamadas Visparras na véspera de Reis. Pola data, o termo, aínda que deturpado ás veces como Obisparras (cruce con bispo ou obispo), semella proceder do latín vespera, "día que precede ó dunha festividade". As formas que se rexistran no dicionario de Le Men Loyer son: güíspera | víspora | víspura | viéspera | vispra (sub víspera). Son moi habituais na denominación das mascaradas invernais termos que aluden dunha ou outra forma ás datas do calendario relixioso cristián ou pagán: o propio termo de Antroido (< latín Introitum Quadragesima), Koliada (Rusia, do latín Kalendas Ianuarias), Vejanera e Befana (do latín Epifania), Carnaval (latín Carnes Tollendas = Carne Levare),  etc.

Talanqueira, unha das personaxes animais (en forma de vaca) característica das Visparras. (C) Dolores González de la Peña, 2019.

Vixigueiros e Boxiganga


Vixigueiro do Antroido de Samede coas sús vexigas inchadas. (C) Dolores González de la Peña, 2019.

Moitas máscaras do Antroido caracterízanse por levar vexigas inchadas, que son o precedente dos actuais globos das festas infantís, pero só as de Samede (Paderne - A Coruña) se coñecen cun nome que alude a elas, o de Vixigueiros. Trátase dunha palabra románica derivada de vexiga < latín vesica. Vincheiro alude á mesma idea (cruce coa palabra inchar). A relevancia das máscaras que portan vexigas no Antroido, como as Pantallas de Xinzo, foi determinante para o paso destas ó teatro, ben como nome da máscara chamada Boxiganga, que se atopaba nas compañías de teatro ambulante, ben como nome dun subxénero teatral menor, o da Moxiganga (termos nos que se percibe a típica confusión entre sons bilabiais B e M). Estes trasvases amosan a estreita relación xenética entre o Antroido (o antigo Carnaval) e o teatro.

A descrición cervantina do comportamento do Boxiganga co que se atopa Don Quixote no encontro co carro da compañía teatral itinerante lembra o das Pantallas de Xinzo:

"Estando en estas pláticas, quiso la suerte que llegase uno de la compañía, que venía vestido de bojiganga, con muchos cascabeles, y en la punta de un palo traía tres vejigas de vaca hinchadas; el cual moharracho, llegándose a don Quijote, comenzó a esgrimir el palo y a sacudir el suelo con las vejigas y a dar grandes saltos, sonando los cascabeles, cuya mala visión así alborotó a Rocinante que, sin ser poderoso a detenerle don Quijote, tomando el freno entre los dientes, dio a correr por el campo con más ligereza que jamás prometieron los huesos de su notomía".

O Boxiganga escorrentando a Rocinante - gravado de Gustave Doré.

Volantes


Os Volantes de Santiago de Arriba (Chantada) caracterízanse por levar uns puchos descomunais dos que penden cintas de cores que arrastran polo chan. Nestes tocados adoitan aparecer unhas bonecas que son clave para explicar o nome da máscara. Os volatines = acróbatas, equilibristas, funambulistas, etc. formaban parte das representacións parateatrais das festas do Corpus, por exemplo nas decoracións que se deseñaban para os carros da Tarasca ou da Coca. Por motivos de abaratamento de costes e de seguridade, normalmente eran figuras móviles (bonecos), pero outras veces eran profesionais (en xeral rapaciños moi xovens) que executaban castelos humáns ou distintos e vistosos equilibrios e contorsións. As bonecas do Volante de Chantada son lembranza dun exercicio de equilibrio implementado con figuras no curuto do pucho, o que nos indica que probablemente o nome da máscara sexa unha variante do termo máis corrente volatín ou vola(n)tinero, termo que tería penetrado dende o castelán. En Galicia aínda se conserva unha destas representacións parateatrais de volatines no Corpus de Redondela, no que nenas duns cinco anos, ben suxeitas por fortes cintas, son portadas en equilibrio sobre os ombreiros de fortísimas mulleres. Son as chamadas Penlas (ou Pellas < latín pilae, "bonecas").

Pucho do Volante de Chantada coa boneca en equilibrio sobre o curuto. (C) Dolores González de la Peña, 2025.

_____________________________________________________________

* Do ano 1446 é a primeira ocorrencia que atopamos: "conviene que nos esforcemos a provar que non tema la muerte como aquéllos que temen las carátulas de los çaharrones o buharrachos". Esta última palabra, buharracho, é a orixe do actual mamarracho; disque provén do árabe muharriǧ, "bufón".
** No diario El pueblo gallego (24/2/1974) atopamos un artigo firmado por Lalo, "El Entroido. Tradicional fiesta gallega", no que se afirma que "también había los maragatos o "garabatos", vestidos con un traje de soldado viejo y máscara".
*** Convén a cita do bispo Faustino (século V) no seu sermón nas Kalendas Ianuarias:
"Quis enim sapiens credere poterit inveniri aliquos sanæ mentis, qui Cervulum facientes, in ferarum se velint habitus commutari? Alii vestiuntur pellibus pecudum, alii assumunt capita bestiarum, gaudentes et exultantes, si taliter se in ferinas species transformaverint, ut homines non esse videantur = Quen pode crer que haxa xente no seu san xuízo que, facendo de cervos, se vista con pelellos de animais? Algúns visten pelellos de gando, outros póñense cabezas de bestas, e van exultantes se, deste xeito transformados en feras, xa non parecen homes.

miércoles, 28 de enero de 2026

Xamanismo euroasiático nas Kalendas Ianuarias: nota a Ginzburg

O italiano Carlo Ginzburg (Historia Nocturna, 1989) insire no caixón do xamanismo euroasiático os combates extáticos que os Benandanti friulanos executaban nos séculos XVI-XVII contra as forzas do mal en determinadas épocas do ano (as témporas), co fin de obter boas colleitas para a súa comunidade. Mais non só; Ginzburg tamén introduce no mesmo caixón do xamanismo rituais semellantes, ou idénticos, que se executaban polos mesmos motivos e nas mesmas épocas do ano, pero non eran extáticos, a alma non abandonaba o corpo para saír a loitar, senón que se executaban realmente, en corpo. Neste subgrupo inclúe, pois, as características mascaradas de invernía que teñen lugar durante os doce días que van dende Nadal a Reis, ou nas kalendas ianuarias. Así, considera ligados ó fenómeno do xamanismo euroasiático tanto os Benandanti friulanos (rito extático) como os grupos de xovens enmascarados como animais que saen combater nos doce días, e selecciona os seguintes: regös (Hungría), eskari (Bulgaria macedónica), surovaskari (Bulgaria oriental), călușari  (Romanía), e koljadanti (Ucraína). É moi significativo que no nome dos koljiadanti ucraínos se atope o termo koljada = Kalenda.


O curioso do mapa de Ginzburg, sacado do seu libro Historia Nocturna, é que detén a dispersión das mascaradas de invernía na liña dos Pirineos. O noroeste da Península Ibérica, determinante e fundamental na expresión e conservación de centos destes rituais pagáns dende a prehistoria, queda á marxe no estudo do italiano. Tamén deixa de lado os mummers irlandeses (wren boys) que nos doce días saen caracterizados de personaxes fixados representando unha comedia na que interveñen o demo (Beelzebub ou Bilsy Bob), o doutor, San Patricio, o home de palla... na que o doctor remata por resucitar un deles que morre nun combate figurado. Esgota ter que replicar esta arteira eliminación que, estamos seguras, non se debe á ignorancia do estudoso italiano. E non imos perder o tempo nin en respostala nin en elucubrar sobre os motivos que tiña Ginzburg para propor este mapa incompleto.

Volantes de Santiago de Arriba (Chantada) percorrendo os campos. Chamamos a atención sobre o nome da máscara, Volante podería aludir ó voo ou transo, como o que realizaban os Benandanti friulanos. (C) Dolores González de la Peña, 2025.

Só indicamos que no achegamento ás mascaradas da invernía peninsulares como permanencia dun ritual de orixe xamánico, hipótese que levamos sostendo con continuidade dende fai xa vinte anos ("Los bigotes del peliqueiro" 2007) cabe, polo tanto, aproximarse a elas dende a mesma perspectiva que emprega Ginzburg para estudar as mascaradas de invernía do leste de Europa como manifestación dun antigo rito xamánico que podía ser extático ou non. Non son distintos os peliqueiros e os zamarróns dos călușari e os koljadanti por moito que o italiano finxa ignoralos. Trátase en tódolos casos de combates rituais contra as forzas do mal (xamanismo), cos que se persigue un beneficio para a comunidade no cambio de estación ou comezo dun novo ciclo anual: ben sexa caza abundante ou fertilidade dos campos e abondosas colleitas.

domingo, 23 de marzo de 2025

Antroidar, antroyar, antroxar: o combate de don Carnal e dona Coresma e o Ludus Troiae na orixe do Carnaval

Τρῶας καὶ πάντας ̓Αχαιούς (referencia ós troianos e ós aqueos na Iliada)

John Scheid, na súa obra The Craft of Zeus (2001), que versa sobre os mitos vencellados ó tecido, chega a dicir que o nome do Ludus Troiae, xogo no que se representaba unha coreografía guerreira dacabalo executada por xovens patricios na Roma imperial, non tiña nada que ver en principio coa mítica guerra de Troia, senón que recibiu o seu nome orixinal a partires dun termo homónimo que o investigador atopou perdido nunha esquiniña dun glosario graeco-latino: troa = subtemen, isto é, troa = trama dun tecido. A hipótese xa fora exposta polo mesmo Scheid máis Svenbro ("Conférence de M. John Scheid", Annuaire de l'École pratique des hautes études, 1987), e posta hábilmente en conexión coa decoración do oinochoe de Traglietella, no que a palabra truia lese no interior dun labirinto ligado a uns guerreiros dacabalo. Para Scheid e Svenbro o xogo tería sido inicialmente unha coreografía de entrelazos (troia = trama), logo resemantizado o seu sentido orixinario vencellado ó tecido, polo cruce co termo homónimo Troia, o lugar de Asia Menor famoso na antigüidade polo asedio e os combates librados entre a confederación dos aqueos e os troianos.

Discrepamos completamente desta proposta, xa que non se pode prescindir do feito de que o Ludus Troia foi un tipo de danza pírrica (guerreira), e nin moito menos podemos substituír por un entramado de fíos a sona mítica que acadou a guerra de Troia na antigüidade, que orixinou un ciclo épico de dimensións estratosféricas no que se insiren obras literarias do calibre da Iliada e da Odisea (Homero - s. VIII a.C.), a produción de miles de vasos cerámicos decorados con motivos provintes deste acontecemento histórico lexendarizado, e lendas de fundación por parte dos heroes troianos no exilio trala toma da cidade (Eneas - Roma; Teucro - Pontevedra e Ourense; Ulises - Lisboa).

O Ludus Troiae recibiu o seu nome pola guerra de Troia, é totalmente imposible que non fose así. O mesmo Virxilio explica a súa orixe na Eneida: xovens troianos celebraron estes xogos ecuestres no primeiro cabodano da morte de Anquises, marchando nun dobre círculo, uns xiraban á dereita, outros á esquerda, o que lembraba o trazado dun labirinto. Evidentemente o nome da mítica guerra de Troia aplicouse ó ludus, á súa coreografía e á figura labiríntica que trazaban os xinetes, que é o que parece representarse no vaso de Traglietella. Tamén probablemente orixinou os termos antruare e redantruare, que coñecemos por terse usado para describir as evolucións (coreografías) da danza dos salios, e que poden considerarse tecnicismos vencellados ó eido da equitación, concretamente ó xiro ou caracoleo do cabalo, segundo vimos en "Antruare e redantruare: a danza dos Salios e o Ludus Troiae" (Arqueotoponimia, 2025).

Antruare vs. introire. O curioso combate de don Carnal e dona Coresma


1. Resemantizacións


Pero non quedaramos en que estaba meridianamente claro que o nome da festa do Antroido viña do latín litúrxico "introitum [quadragesimae]" = "entrada [na Coresma]"? O certo é que hay algunha non pequena obxección fonética que veremos a continuación, pero antes imos tratar do significado que tiña o latín introire, cuxo participio é introitum; o seu significado vai ligado ó feito prodixioso de que na Península Ibérica o ciclo literario do Antroido se inaugurou coa invención (disque alegórica) dun combate entre as tropas de don Carnal (o Carnaval) e as de dona Coresma. Por que un combate? É unha mera figura retórica producto da imaxinación portentosa do arcipestre de Hita, Juan Ruiz? Pois non; aínda que o arcipreste dese mostras de non carecer dela, este punto do combate non é creación súa, xa viña de serie na palabra introire.

A batalla entre don Carnal e dona Coresma, de Pieter Brueghel o Vello (1559).

Introire tiña en latín un sentido bélico, "invadir, penetrar violentamente nun sitio", de onde pasou ás linguas romances peninsulares con estes significados: "entróse luego la villa, y fue saqueada" - en xeral significou "asaltar, invadir, correr" (Diccionario Militar de José Almirante, 1869). Así pois, todo indica que primeiro a Igrexa cristianizou os combates rituais paganos que se celebraban na primavera como xogos (ludus), recreando o ludus como loita litúrxica entre forzas opostas, liderando a Coresma o bando da parte da Igrexa, para logo prescindir da esencial batalla e quedarse só co sema da "entrada [no periodo da Coresma]", desprovisto o étimo xa de toda connotación bélica. Produciuse polo tanto unha resemantización.

No Antroido está, pois, moi presente a idea do combate entre faccións contrarias: amais do significado bélico do verbo introire ou da idea (non orixinal) de Juan Ruiz de facer unha batalla entre don Carnal e dona Coresma, hai que lembrar que a data principal do Antroido é o martes (adicado ó deus da guerra, Marte). Mais aínda hai evidencias no Antroido galego deste combate iniciático ritual, das danzas pírricas, nas máscaras dos Xenerais da Ulla, no Exército dos Panos (Arcos - Mazaricos), ou na Batalla de Mouros e Cristiáns da Saínza (Rairiz da Veiga). Segundo Federico Cocho (O Carnaval en Galicia, 1992, px. 158) esta última tipoloxía, que é a mesma que a "Morris Dance" e a "Danza de Matachíns", é necesario estudala en conexión coas representacións de loitas dacabalo dos Xenerais da Ulla. Nesta liña, resulta moi acaído o estudo de Caro Baroja "La significación de algunas danzas vasco-navarras" (1945), no que se ofrece un paralelismo entre aquelas e as danzas pírricas saliares.


Xenerais da Ulla dacabalo no encontro de máscaras Vibo Mask 2020 - Vilariño de Conso. 
(C) Dolores González de la Peña.


2. Reetimoloxizacións


Entre os nomes que o Antroido recibe no noroeste peninsular, como sinalara Krüger ("En torno a dos palabras salmantinas: bica y antruejo", NRFH, 1953), existe un bo número de formas que fonéticamente non manifestan unha estreita relación co latín introitus. Entre elas: antrochu (Serra Cantábrica), antruejo (Salamanca), antruecho (Babia), antroyu, antroxu, antrueyu, antruechu... (Asturias - DGLA). Ás que hai que engadir os verbos correspondentes, como antruejar, antroxar, antroyar, etc. Son varios os filólogos que se ocuparon desta cuestión que parece irresoluble, pois é que do -t- de introitum non poden saír os fonemas fricativo palatal xordo, africado palatal, e fricativo velar xordo que presentan estas variantes.

Para Krüger a solución estriba nunha metátese dende entroido cara a *entrodio, o que xera un grupo d+iode que si pode evoluír a estes fonemas problemáticos, os sons palatais e velar xa mencionados. No extremo noroeste e "zonas arcaizantes de las provincias colindantes", di Krüger, non se terían experimentado estas evolucións, manténdose as formas tipo antroido / entrudio. O investigador parece que atribúe este feito, ou polo menos deixa no ar, a idea de que o extremo noroeste é un área lingüísticamente conservadora ("arcaizante"). Pola súa parte, García Arias propón partir da 1ª persoa do singular do presente do verbo introire (do que, lembremos, introitum é o participio) máis isto resulta totalmente imposible: nunca unha forma persoal dun verbo orixina un substantivo.

O problema, polo tanto, pode reducirse á necesidade dunha iode (ou dun grupo d+iode), que é a que xustamente temos no latín arcaico antru(i)are: "truare, antruare, redantruare are variations of a term meaning: "to perform a 'tru(i)a'-dance" (Versnel, 1994). Como xa adiantamos, na nosa opinión ese ludus ou danza pírrica (guerreira) chamada tru(i)a, tería recibido o seu nome do sitio de Troia. Semella que nas linguas románicas do noroeste peninsular o termo antru(i)are, "entroiar ou antroiar = danzar unha Troia, un combate pírrico simulando o sitio de Troia", cruzouse co verbo introire, "asaltar, tomar unha fortificación", de significado semellante. Trátase dun proceso de reetimoloxización que no extremo noroeste (Galicia e norte de Portugal) completouse totalmente cecais pola presión culta eclesiástica. Pola contra, nas formas comentadas por Krüger, como antruejo (antruejar), antroyu (antroyar), etc., non se tería efectuado a reetimoloxización, polo que proveñen directamente do outro étimo, do latín arcaico antruiare

Os uniformes da guerra de Cuba entre mazás reinetas nos pazos da Ulla


Tras inaugurar o estudo dunha parte do Antroido como pervivencia dun Ludus Troiae ou danza pírrica efectuada na primavera por confrarías de xovens guerreiros (o que se ven chamando Männerbund), non é a nosa pretensión esgotar xa mesmo o asunto analizando as compoñentes bélicas que presenta esta tipoloxía de máscaras: estrutura das confrarías (semellanza coas antigas confrarías salias formadas por 12 persoeiros mailo praesul?), análise e evolución das roupas, armas e elementos defensivos (escudos, cascos), danzas pírricas - combates simulados (semellanzas coreográficas e musicais), a súa posible orixe no ver sacrum (rito iniciático masculino), examen da coincidencia da festa do Antroido co inicio no calendario romano da tempada das campañas bélicas no mes de marzo (Quinquatrus, coa lustratio das armas e danza saliar), comprobar se subxace a escenificación dunha batalla real ou mítica, verificar se se trata dunha performance na que se representa a expulsión do mal da comunidade por parte dun grupo de guerreiros, etc.

Neste sentido, resulta pioneiro e modélico o estudo de Pedro R. Moya Maleno sobre as "Fratrías y ritos de paso en la Hispania céltica: a propósito de los tunos de Segóbriga" (2007), non tan centrado no carácter guerreiro das confrarías masculinas (si máis nos grupos de idade e os ritos de paso), mais cunha análise moi pertinente das compoñentes, poñendo de manifesto a súa aparición nas datas do Antroido.

O estudo de antigas máscaras de Laza e Viana hoxe desaparecidas, que presentan aspecto de mitra arzobispal coa súa cruz, pode aclarar a orixe da denominación das pantallas como "mitras". (C) Fotografía da revista Chan: la revista de los gallegos, nº 23, 1970 (Arquivo Galiciana).

Agora ábrense interesantes liñas de investigación, sendo a primeira, determinar se a práctica nos chegou na súa totalidade coa romanización (cremos que non - a romanización aportaría o léxico que vimos de comentar e sistematizaríaa á romana). Pero antes de rematar, facemos a escolla duns detalliños moi significativos que chamaron a nosa atención.

Os Xenerais da Ulla, segundo un artigo firmado por Julio Sierra en La Noche (28/2/1949), ían vestidos con "viejas galas de brigadier, que abundan en los pazos de la Ulla, donde se guardan, desde las guerras carlistas o la de Cuba, entre manzanas reinetas. Hay muchas familias de abolengo castrense en la comarca, y están dispuestas siempre las amables solteronas que dan brillo a las casas solariegas a buscar en las cómodas el uniforme del abuelo, para que lo luzca el "general" de la aldea". Non hai que pensar, pois, que no combate dos Xenerais da Ulla se representen retallos das guerras napoleónicas, de Cuba ou carlistas, ou que nas de Mouros e Cristiáns, unha loita entre estas faccións da chamada Reconquista, senón que os uniformes e as denominacións dos bandos son os que inmediatamente estaban a disposición na arca da avoa (ou das "amables solteronas") e na memoria dos conflitos bélicos do pasado recente dunha determinada colectividade. 

Mesmamente a confraría dos salios, como os Xenerais da Ulla, xa lucía roupas ben extrañas para a época, "an archaic warrior's uniform and carried shields and spears" (Bonfante, apud Olson, "Dress and Religious Ritual in Roman Antiquity", 2021), cun gorriño picudo semellante a unha monteira (apex) tomado cecais do tocado frixio dos troianos. E moi malamente lembraban a orixe do ritual no que percorrían a cidade portando as armas (disque lles caera un escudo do ceo?), nin o significado exacto dos himnos que entoaban.

Nunha reportaxe da revista Chan (1970) sobre o Antroido en Laza e Viana indicábase que as correrías das máscaras chegaban en tempos pretéritos ata Zamora. Non serán estas incursións retallos da memoria dos asaltos que os galaicos e lusitanos realizaban, segundo Estrabón?: "esta rexión é naturalmente rica en froitos e gando, así como en ouro, prata e moitos outros metais, nembargantes a meirande parte destas tribos renunciaron a vivir da terra para medrar co bandidaxe, en loitas continuas entre elas mesmas ou contra as tribos veciñas" (Xeografía, III, 3, 5). Temos evidencias doutros asaltos semellantes no pobo de Alija del Infantado, comarca da Bañeza, no que se representa no Carnaval a loita dos Jurrus e os Castrones; segundo o presidente da asociación cultural que escenifica este Antruejo recuperado nos anos oitenta, Victoriano Villar, os jurrus corresponderíanse coa tribo celta dos gigurros ou egurros, asentados na zona do Barco de Valdeorras, o que tamén resulta posible dende o punto de vista fonético.

O festín final co que remataba a xuntanza e desfiles pírricos dos salios era tan copioso que pasou ós textos literarios: "epulati essemus saliare in modum" = démonos un festín ó modo dos salios (Cicerón), e Festo indicara que os salios "amplae ponuntur cenae: si quae aliae magnae fiunt, Saliares appellantur" = dan banquetes pantagruélicos, e por iso os festíns semellantes chámanse banquetes saliares. Non é o banquete saliar o mesmo festín desproporcionado que caracteriza o noso Antroido?

Característico banquete de Antroido en Ribadeo (aínda van comezando pola sopa do cocido).
Fotografía por cortesía de Aquí Diario, 4/3/25.