Mostrando entradas con la etiqueta hagiotoponimia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta hagiotoponimia. Mostrar todas las entradas

domingo, 16 de febrero de 2025

Ouxa e As Ouxeas

Nun documento de Montederramo (Ourense) do ano 1205 aparece o zootopónimo e orónimo "Nidum de Ougia", que claramente polo contexto e a fonética ten que ser un derivado do latín aquilam, "aguia". Ter en conta esta evolución atípica ougia < aquilam, non notada ata o de agora, explica tamén por que o peixe chamado raia e aguia de mar é coñecido tamén como ouxa; é así porque tanto aguia como ouxa veñen sendo, como indicamos, resultados provintes do mesmo étimo latino aquilam, a primeira forma moito máis conservadora do vocalismo etimolóxico, e a segunda cunha evolución máis innovadora, con metátese do wau do grupo kw: awgi(l)a > ougea, etc.


Aguia de mar, manta, ouxa, jamanta (< ouja-manta).

Mesmo na obra de Carme Ríos Panisse (Nomenclatura de la fauna y flora marítimas de Galicia, 1977) a investigadora sinala que en portugués uja, con monoptongación do diptongo ou de ouxa, é non só o nome do peixe manta, senón tamén o "nome vulgar de uma ave de rapina, espécie de águia tamben conhecida como corujão". A semellanza entre a rapaz e o peixe percíbese na fotografía.

Outro dos nomes da raia que nos lembra Eloi Saavedra é o de tingo. É ben interesante ver que tamén está vencellado a unha rapaz mítica. Segúndo Carme Ríos Panisse existe gran variación nas formas: estínga, estriga, estigha, estrigha, estinga, estrinque, estrinxa, estrinxe, tinga, tingha, tingho e en asturiano tíngola. A investigadora remite a etimoloxía ó latín striga, "bruxa e curuxa", aínda que non descarte a influencia da raíz xermánica *STENGH, "aguillón" (cfr. o inglés sting).

Pensamos que o topónimo As Ouxeas (Vilamarín - Ourense), que Fernando Cabeza Quiles ten explicado como antropónimo que faría referencia "a varias mulleres alcumadas así por seren fillas dunha persoa chamada Ouxea, Oxea, Uxía, Euxea ou Euxenia" (Toponimia de Galicia, 2008), en realidade podería ser unha variante do ouxa < aquilam, "aguia", que estamos a comentar; un zootopónimo que aludiría á presenza destas aves no lugar. A confluencia entre a posible variante *ouxía < aquila, con desprazamento acentual trala perda do -l- intervocálico, cos topónimos e advocacións provintes do antropónimo Eugenia (Uxía, Ouxea, etc.) fai difícil, senón imposible, solventar a etimoloxía particular de cada caso, mais cremos probable que se teñan producido falsas advocacións por reinterpretación cristianizadora de topónimos previos *Ouxía < Ougia < Aquilam como se fosen Sancta Eugenia.

jueves, 5 de diciembre de 2024

A Pregación

A Pregación forma parte do nome de dúas parroquias de Friol, San Cibrao e Seoane. O topónimo xa fora analizado por Nicandro Ares como provinte do latín praedicatione, do verbo praedicare, "predicar". Así pois, segundo amosou o investigador, tería que escribirse da Pregación, nunca *de Apregación. A forma *Agregación que aparece na Gran Enciclopedia Gallega, é evidentemente un erro que só comprace como variante castelá ós da Wikipedia, empecinados nos seus fanáticos barbarismos, animados sempre cun desnorte formidable.

Apregación nas minutas cartográficas do IGN.

Nós tiñamos proposto unha etimoloxía alternativa para este topónimo, mais revisando a documentación medieval dos derivados de praedicare e praedicatione comprobamos que se confirma sen moito problema a proposta de Nicandro Ares.

Dende o ano 1287 en adiante atópanse documentos nos que se fala de frades pregadores / frayres preegadoresfreyras pregadoras, e da orden ou ordin dos pregadores / preegadores; datos que fornecen o contexto relixioso que precisamos para as predicacións. Amáis, agora encontramos outros tres casos, a maiores dos que citaba don Nicandro, nos que vemos o uso efectivo de pregaçón en contextos nos que se designa o feito de predicar no sentido relixioso do termo, pois noutros ámbitos usábase correntemente no senso de "pregoar" ou "proclamar". Os tres casos pertencen ó mesmo documento, datado no ano 1434 (fonte: Corpus Xelmírez):

  1. "Reçebeu Aluaro Afonso da pregaçón de Asenzón XI mrs VII diñeiros". Isto é, Álvaro Afonso, pola predicación [que fixo] na [festa] Ascensión, recibiu unha paga de once maravedís e sete diñeiros.
  2. "Reçebeu Aluaro Afonso que le dou Gomes Yanes da pregacón do Porto Vello, X mrs III diñeiros". O mesmo Álvaro Afonso, pola predicación no Porto Vello, recibiu de Gomes Yanes dez maravedís e tres diñeiros.
  3. "Iten, de Santa Oufémea, da pregaçón, III mrs IIII diñeiros". Amáis, pola predicación en Santa Eufemia, tres maravedís e catro diñeiros.
O primeiro exemplo parécenos moi relevante por verse claramente o uso de pregaçón como "sermón relixioso", concretamente este fora con motivo da festa da Ascensión. Segundo Ares, no que atinxe ás parroquias de Friol a frase "da Pregazón" / "da Pregación" puido engadirse primeiro á de Seoane, para indicar que se trataba de San Xoán Bautista, "o da Predicación", e distinguilo así do San Xoán Evanxelista.

miércoles, 12 de julio de 2023

San Amedio ou San Mamede: vestixios dos nemetons na toponimia galega

 

Capela de San Mamede de Atios (Valdoviño) co tenderete do "Bar Suso" a carón, no campo da festa.

Os autores romanos glosaron o termo céltico nemeton como fanum, isto é "santuario". Neste sentido por exemplo Venancio Fortunato explicou o nome galo Vernemetis como "fanum ingens" ou "gran templo". 

Semella bastante probable que o termo nemeton teña evoluído cara as formas cristianizadas San Amedio ou San Mamede (e variantes), advocación de numerosos templos galegos, como o de San Mamede de Atios (Valdoviño). A homofonía co nome do santo da Capadocia e o nome Mamede provinte de Mahometus fai difícil aseguralo para tódolos casos. 

Para a parte fónica da evolución supoñemos o paso *San(cto) Nemedio > San Amedio, cunha vacilación no timbre da vogal pretónica, precisamente polo seu carácter átono, e cun falso corte que leva ó n- inicial do sustantivo a se fundir co -n final da partícula San.

A forma da que proviría o noso falso santo San Amedio, *Nimedio, variante de nemeton, está case que documentada na epigrafía astur como NIMMEDO na inscrición de Ujo: NIMMEDO ASSEDIAGO (Mieres, século II). Interprétase ben como unha divindade, ben como un santuario, posibilidade esta última que nos parece a mellor por cadrar co significado de "templo" do termo celta nemeton, aínda que ser o deus do santuario tamén se axusta á advocación. O desprazamento acentual dende [németon] a [*nimédjo] ou [*nemédjo] prodúcese polo cambio á terminación -io.

Logo o resto da evolución é doada: Nimmedo > Nimedio > San Nemedio > San Amedio > San Amede / Mamede.

A toponimia do tipo San Amedio ou San Mamede é, semella, a cristianización de antigos nemeta; espazos sagrados onde había un templo cecais natural e se celebrarían ó seu carón as festividades propias do calendario céltico en forma, tal vez, de oenachs (reunións). A sacralidade do espazo perviviu, o mesmo que o seu nome, mais cristianizados, así como a tendenza a celebrar xunto ós novos templos que sustituíron ós vellos, as xuntanzas veciñais nas datas marcadas agora polo calendario cristián.

No caso do nemeton de San Mamede de Atios (Valdoviño), a localización de restos de tumbas da Alta Idade Media nun espazo incerto entre as inmediacións do castro de Piñeiros e a actual capela de San Mamede, dota dunha nova función sacra ó recinto destes santuarios, a funeraria.


Inscrición funeraria en pizarra dunha muller, Odrozia, atopada en San Mamede de Atios, no lugar de Chousa, preto da capela de San Mamede, ou cecais nas chousas de Poulo (1), preto do castro de Piñeiros. "+ OB[it] FAMVLA DEI ODROZIA DE" (Eugenio Carré Aldao, Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de La Coruña, ca. 1928).

O topónimo Atios, tanto o de Valdoviño como o do Porriño, documentábase na Idade Media como Athenos ou Athenis (con ou sen h). Descoñecemos a etimoloxía deste nome, mais o parecido co topónimo grego Ἀθῆναι Atenas semella que puido dar orixe á suposición de que os seus poboadores eran de orixe heleno (grego); dunha interpretación erudita deste topónimo xurdiría tal vez o nome clásico da cidade de Helenes, que Estrabón e Plinio situaron na Gallaecia, e a súa suposta orixe grega.

(1) Arturo Souto Vizoso, "Hallazgo arqueológico en Valdoviño", El Ideal Gallego, 27/12/1945.

viernes, 21 de abril de 2023

Moraime: un haxiotopónimo baixolatino

Unha das dúas posibilidades que expuxera o profesor Martínez Lema sobre a etimoloxía do topónimo Moraime fora a de consideralo unha formación híbrida a partires do radical prelatino *mor- / *mur-, "monte, elevación rochosa" mailo sufixo latino -amine, de carácter abundancial. Segundo o investigador, "dada a súa constitución lingüística híbrida, a forma *MORĬAMĬNE estaría a evidenciar a rendibilidade léxica desa base *mor- / *mur- en plena época latina ou protorromance" (A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do Tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV), tese de doutoramento, Universidade de Santiago, 2010).

Pese ó argumento, pode observarse que dito sufixo entrou na formación de derivados maiormente de base abstracta e sempre de orixe latina: examine, gravamine, iubamine, ligamine, inspiramine, fundamine, velamine, piscamine (CODOLGA).

Entre estes, destacamos o abstracto moderamine, "temperanza, moderación", que perfectamente podería ser a orixe do topónimo Moraime: mo(d)eramine > Moirame (doc. Moyrame no 1134), de onde se tirarían as distintas variantes (Mouramia, Moriame), ata chegar ó Moraime actual.

Friso dos anciáns no tímpano da porta occidental do mosteiro de Moraime. (C) Dolores González, 2016.

Consideramos esta proposta etimolóxica moi apropiada ó estar vencellado o topónimo ó nome do mosteiro de San Xiao, pois é que a temperanza (moderamine) como virtude cristiá ben puido motivar a designación da congregación de frades. Temos un caso semellante no de San Cibrao da Pregación (do latín praedicare), aludindo a unha das actividades principais do cristianismo, a de adoutrinar.


sábado, 11 de marzo de 2023

San Vicenzo / San Vicente: topónimos augurais

San Vicenzo ou San Vicente adoita ser a cristianización dun castro previo chamado Vincente, participio de presente do latín vincere, "vencer". Sería, pois, un nome augural semellante ó nome celta de Segobriga, "a fortificación victoriosa".

Os nomes augurais impúñanse as novas fundacións ou ás refundacións coa intención ou o desexo de propiciar a súa boa fortuna. Castro Vicente (Mogadouro - Portugal), Castro Vicente (O Pazo de Mende - Vilasantar), Castro de San Vicenzo (Cerceda). Coa chegada do cristianismo algúns deles pasaron a entenderse como formados a partires do nome homónimo do santo: San Vicente, unha das advocacións máis antigas, documentada dende o ano 747.

Un caso semellante, aínda que non fora obxecto de cristianización no noso territorio, é o dos topónimos Valente / Valença, formados, como no caso de Vicente, polo participio de presente do verbo valere, "ser forte", que explicaría o nome de Castro Valente (Padrón).

Castro de San Vicente (Vilamerelle - Guntín).

jueves, 2 de marzo de 2023

Seoane: un derivado de seixo?

Aínda que non cabe moita dúbida de que o topónimo Seoane ben remite á advocación de San Xoán, que provén de San Ioanne, ou ben provén directamente do antropónimo Ioanne < Iohannis, si que é posible aducir que nalgúns casos, como o de Seoane de Sober, poida ter ocurrido algunha reetimoloxización durante o proceso de cristianización a partires dun derivado de seixo < latín saxum, "rocha, penedo". Vémolo na microtoponimia do lugar, no nome Seixuán, que alterna co de Seoane.

Seixuán, derivado de seixo, soa semellante a Seoane (provinte de San Ioanne); dita paronomasia orixinou a crenza de que o nome de lugar baseábase no do santo.

Así podería ter sucedido tamén, no caso de San Xoán de Seoane ou San Xoán do Seixo (As Pontes de García Rodríguez), caso que amablemente me indica Xosé María Ferro Formoso, no que aínda se conservaría por inercia e tradición, no remate do topónimo, O Seixo do que tería xurdido o derivado *Seixuán / *Seixoán que levou á recreación cristiana do topónimo como San Xoán ou Seoane.

Microtopónimo Seixuán en Seoane (Sober - Lugo).


domingo, 25 de diciembre de 2022

San Breixo

O topónimo céltico Berísamo, documentado na epigrafía da Gallaecia, é un superlativo formado coa base preposicional UPER, "sobre, enriba", mailo sufixo de superlativo celta -ísamo. Significaba "o que está máis enriba, o superior". Na Idade Media foi latinizado como Veríssimus, o que lle proporcionou de paso unha falsa etimoloxía ou vencello co latín verus, -a, -um, "verdadeiro, veraz; - o máis sincero". Logo de latinizarse, completou a súa transformación coa conseguinte cristianización como Sanctus Veríssimus > Sambreixo (Láncara) ou San Breixo (varios lugares e advocacións inspiradas polo topónimo: na Fonsagrada, Monterroso, etc.), desprovistos en xeral do marcador de grao superlativo. Aínda que se conservan algúns casos nos que o seu carácter de falso haxiotopónimo resulta máis evidente, como no Beresmo de Avión, e os Bréixome de Rairiz da Veiga e Cuntis - Pontevedra, ó ir sen o adxectivo San.

Normalmente atoparémolo asociado ós recintos fortificados en altura da Idade do Ferro; estruturas habitacionais características dos celtas galaicos. A súa grande dispersión por toda Galicia dá conta do carácter céltico da antiga toponimia do país, e porén da lingua nativa, o que é aínda discutido a pesares das evidencias lingüísticas. Neste sentido, resulta moi relevante o feito de explicarse a evolución do *UPER- cara *VER- pola perda do p característica das linguas célticas: segundo Curchin está moi ben "documentada la perdida de la oclusiva labial indoeuropea /p/ en las lenguas célticas. En el caso del celtibérico se citan generalmente, como muestras de este fenómeno, *pari > are-, *uper- > uer-" (Curchin: "P indoeuropeo en celtibérico: nuevos ejemplos", Habis, 2002).

 Castro de Sambreixo en Láncara.

En xeral pode descartarse que estes topónimos Breixo sexan fitotopónimos, pois de aludir ó arbusto chamado breixo, "uz", terían forma abundancial, tipo Breixoeira ou Breixal, como Uceira e Uzal.

miércoles, 21 de diciembre de 2022

Chandrexa: igrexas, griegas e brigas

Ó me xurdir nunha búsqueda na base de datos do CODOLGA o topónimo Penna Egregia, cun claro valor oronímico (latín egregius, -a, -um = noble, principal, insigne, elevado) nun contexto que descarta calquera relación co latín ecclesia, "igrexa", xunto coa ocurrencia Chian d' Egregia, que é o Chandrexa actual de Parada de Sil ("Johannes Petri de Sequer de Boys, Adam de Chian d’Egregia", ano 1249: CODOLGA), lévame a reconsiderar a etimoloxía tradicional deste último, a que, como é ben coñecido, se fai derivar do latín ecclesia, como o nome de Chandrexa de Queixa. Máis que nada, porque en Chandrexa hai unha igrexa, si, pero tamén un outeiriño cun castro, O Castelo.


Entón temos que recuperar o excelente traballo "Griegos y griegas en la toponimia peninsular", de José Manuel González, xa do ano 1960, que amosaba como nos numerosos casos de topónimos peninsulares tipo Griego / Griega existe un castro ou poboado fortificado prerromano no lugar, o que lle levara a propor que estas formas Griego / Griega eran deturparcións do céltico BRIG-, "briga, castro, oppidum".

Posto que a pronuncia clásica de egregio / egregia era con g (egreguia) antes de pasar a x (egrexa) vese fácilmente o nexo coa toponimia Griego / Griega de González. Nós inclinámonos a pensar que Egregia, "a elevada, a insigne", foi o étimo orixinal, sinónimo en todos os seus valores semánticos do céltico briga. A anteposición da preposición de fixo que perdera, por un proceso chamado de fonética sintáctica, o e- inicial (*de Gregia) o que motivou fora de Galicia a súa conversión, por etimoloxía popular, na forma Griega. En Galicia, pola contra, non se produxo este paso pola repugnacia natural dos falantes ó diptongo ie: o Egregia seguiu o seu curso evolutivo pasando a Egrexa, Grexa ou Erexa.

Egregia  briga > Griega - na zona estudada por González.
Egregia   briga > Egrexa / Grexa / Erexa - en Galicia.

Cumpre, pois, ter moito coidado coa toponimia do tipo Igrexa, Grixalba, Chanderexa, Irixoa, etc. xa que non sempre remite a templos (ecclesia), senón a recintos fortificados en altura (egregia  briga). A sistemática cristianización dos nosos recintos castreños aproveitouse, sen dúbida, desta paronimia.

martes, 30 de agosto de 2022

Sofandónigo (Sofán - Carballo)

Composto da preposición so (1), "xunto de", máis o núcleo *fan < fanum, "templo", e o adxectivo dónigo < dominicum, "do señor".

Segundo X. Ll. García Arias "los lugares de culto pagano fueron aquellos donde se erigió algún FANUM ‘lugar sagrado’, ‘pequeño templo’, que frecuentemente solía situarse a la orilla de los caminos un poco al estilo de los actuales oratorios o capillas". En Asturias é probable que, por exemplo, os topónimos Fano (Xixón), Fanu (Colunga), e Fanón (Valdés) teñan orixe no latín fanum.

A mesma etimoloxía é a que fornece Ernest Nègre na Francia para toponimia como Fa ou Fain, documentada como Fanum ou Fano na Idade Media, Feneu (Fanum Novum), Famars (Fano Martis), Fanjau (Fanum Jovis), Montfa (Montefano), etc.

Supomos que o antigo santuario que deu orixe ó topónimo Sofandónigo estaría situado na vecindade do castro de Sofán, na aldea de A Casanova, onde a igrexa parroquial adicada ó Santo Salvador. A primitiva advocación "do señor" faría alusión ó deus Xúpiter, a máxima divindade do panteón romano, ou cecais, se o templo xa pertencía ó primitivo cristianismo, ó deus cristiano. A ubicación do templo xunto do castro suxire tamén a posible articulación da paisaxe castrexa cun espazo sagrado contiguo ó asentamento habitacional e pecuario, sobre o que se terían construído templos posteriores, ó perdurar a función sacra do lugar ó longo do tempo.

Se cabía algunha dúbida da pervivencia da palabra fanum fosilizada como topónimo, o caso de Sofandónigo, ó levar como adxectivo un termo que neste contexto alude á divindade, proba a adecuación da proposta etimolóxica.

(1) Jairo Javier García Sánchez, "El elemento prefijal sub (> so) en toponimia. Reconsideración de su valor", Archivum, 2002.

sábado, 20 de agosto de 2022

Cruzul

Dicía Monteagudo (1) que o topónimo Cruzul provía dun antropónimo latino, é de supor, mais de orixe etrusca *Craeciurius, derivado de Craecius cun sufixo -urius, frecuente nesta lingua, e citaba a mención máis antiga do topónimo, do ano 1087, na documentación de Samos: "in Crezur".

Nós non estamos moi conformes coa proposta do profesor porque as influencias etruscas quedan lonxe da base que formou a nosa onomástica medieval, e de dito nome propio non hai restos no noso territorio. Aproveitando que na documentación de Penamaior do ano 1232 recóllese unha forma Creszur ("ecclesiam de Creszur, hereditatem quam habet in Valde Tortores et in Valle de Auseli") proporemos outra hipótese máis acorde có modelo onomástico galego medieval, de base latina e xermana.

Trataríase dunha vila ou dunha venda propiedade de Cresciturus (home) ou Crescitura (muller), antropónimo de orixe latina común no primitivo cristianismo (século VI). As connotacións de crecemento e mellora persoal que contén o nome terían motivado que o recibise o seu portador co fin de axudalo a achegarse ós ideais cristiáns. Así pois: *(villaCrescituri > Cruzul = a (vila) de Crescitura ou de Crescituro.

  • O nome propio "Crisciturus" aparece nunha pizarra visigótica de compra-venda, datada no ano 586 por Velázquez Soriano (Galinduste - Salamanca); na pizarriña vai grabada unha cruz monogramática.
  • "Crescitura", escrito con caracteres gregos nunha lápida datada no século VI atopada preto da Catedral Vella de Cartaxena (Murcia).
  • Un "patri nostro Creceturo" documéntase nun texto do ano 904 (Catedral de León).
  • "Creceturus" (ano 941 - Catedral de León).
  • "Cresceturo" (ano 952 - Catedral de León).

Lidia Becket no seu Hispano-romanisches Namenbuch recolle tamén como variante deles Crezuro, pois provén de Cresciduro, con perda do -d- intervocálico, e considera a onomástica personal derivada do latín crescere de orixe xudeo. Sen compartir a orixe xudea deste antropónimo, pois o feito de ir as mencións máis antigas en documentos cristiáns o impide, si suscribimos o paso de Cresciturus a Cresciduro e Crezuro, ou ás formas femininas correspondentes, de onde, en caso xenitivo, sairía o topónimo galego Crezur (1087) > Cruzul. O topónimo, porén, está baseado nun nomen possessoris de orixe latino-cristiá e denota unha fundación do asentamento ó redor do século VI.

(1) "Hidronimia galega", Anuario Brigantino, 1999.

jueves, 7 de julio de 2022

Laia, Santaballa e Salaia: tres topónimos e un só verdadeiro

Aldeas de Laia, Santaballa e Salaia á beira do río Laia (Palas de Rei - Lugo).

No caso do trío toponímico de Palas de Rei, Laia - Santaballa - Salaia, o desenvolvemento do mesmo explícase a partir do probable hidrónimo paleoeuropeo que dá nome ó río Laia, o cal segundo Nicandro Ares, viría, como Laias (doc. "laginas" no ano 830), da base céltica lágena, "laxe", tratada por Corominas ("Toponimia do concello de Palas de Rei", Lvcensia, 27, 2003). Nós preguntámonos se lágina non será, mellor, unha forma céltica ou paleoeuropea derivada da base hidronímica *LAKUS, "lago".

O río dá nome ó lugar de Laia e ó de Salaia, que Ares explica pola anteposición do sustantivo de orixe xermánica sala, "hall": Sala Laia > Sa(la)laia > Salaia. Dedúcese do uso do paréntese por parte do autor que houbo perda dunha das sílabas "la" por haploloxía. O investigador, ó tempo, explica que o Seaia bergantiñán podería ter a mesma orixe, xa que o seguinte paso evolutivo desta cadea é a caída normal do -l- intervocálico: Saaia > Seaia. O certo é que o sustantivo sala ten unha evolución normal e ben coñecida con perda normativa do -l- intervocálico (sala > saa > sa), polo que recorrer á haploloxía semella un tanto rebuscado. Mais así evita ter que explicar a caída do primeiro -l- e o mantemento do segundo: Sa(l)alaia. Todo apunta a que non foi sala o termo anteposto.

No paso do latín ás linguas románicas algunhas, como o sardo, usaron outros demostrativos como presentadores do sustantivo: ipsa lingua > sa limba (a lingua) en sardo. Aquí tamén se usou ipsa e ipso, mais sen acadar un uso xeralizado como ille / illa / illud, puideron quedar fosilizados na toponimia: "pertransintque flumen per ipsas lagenas medianas" (doc. do ano 841 - fonte: CODOLGA). Supomos, pois, unha frase nominal con presentador *ipsa lagina > Salaia, tal e como pensaba Alarcos Llorach (apud García Arias) que sucedera có topónimo asturiano Salime (de *ipsa limine, "o linde"). Non deixa de sorprender que Salime teña os correspondentes galegos saimeira / seimeira, con perda do -l- intervocálico. Aínda que certamente amosan especialización para referirse ós saltos de auga, non deixan porén de indicar o linde ou desnivel orográfico que xera o propio salto.

Á terceira forma, Santaballa, chégase dende Salaia. Unha vez perdido ou olvidado o significado orixinal de Salaia, có cristianismo pasou a reinterpretarse o topónimo como haxiotopónimo, proporcionándoselle unha falsa etimoloxía cristiana ó nome de lugar, por sonsonete: Salaia < *Santa Eulalia, punto de partida do Santaballa actual.

viernes, 1 de julio de 2022

Grises Vellas: os megálitos como templos


O amigo Manuel Ruibal ven de informarme de tres curiosos topónimos preto do miradoiro de O Cotro, no punto no que se dividen as parroquias de Campolongo (Negreira), Chacín (Mazaricos) e Matasueiro (Outes). Son Grises Vellas, ó redor dun campo de mámoas, Campo das Corres e Figueira Longa, este último seguindo o límite parroquial entre Campolongo e Matasueiro (marcado no Visor PBA coas liñas marelas).

Na nosa opinión é evidente que o microtopónimo Grises Vellas provén do latín ecclesias vetulas (igrexas vellas), en alusión ós dólmenes que se agochaban baixo os túmulos próximos do campo de mámoas de Banzás. O adxectivo "vellas" aplicado ás igrexas (dólmenes) remarca que as construcións daquela xa se vían moi antigas.

Unha das Grises Vellas. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Trátase dunha forma con despalatalización do son fricativo palatal xordo (x > s) e cunha terminación feminina plural en -es, tendencia na zona que ven corroborada pola existencia do topónimo veciño As Corres (tamén un feminino en -es). O feito de terse considerado popularmente os dólmenes como igrexas foi frecuente noutros países do noso ámbito; de feito algúns foron reutilizados como capeliñas, como o caso das antas-capelas portuguesas. Así, na Francia o topónimo Monstoir / Moustoir* (en bretón ten a acepción de "chapelle" = capela) aparece ligado ás veces a dólmenes. En Galicia non tiñamos ata o de agora evidencias de que se tiveran usado estas denominacións para os megálitos, como se fosen edificios relixiosos ou templos; había suposicións, máis non podiamos aseguralo. 

Respecto a Corres, neste contexto arqueolóxico podemos propor como hipótese que se trata do feminino de corro, forma que indicaría un maior tamaño. Corro é definido por Eladio Rodríguez como:
  • Corro, círculo que forma la gente para hablar, cantar o bailar, o para ver algún espectáculo
  • Juego de niñas, que comúnmente se llama RODA.
Volveriamos, entón, a acepcións que vencellarían o lugar á existencia de megálitos, corros ou rodas formados por pedras, é dicir, cromlechs, chamados por exemplo Chorea gigantum (corro dos xigantes: nome dado a Stonehenge na Topographia Hibernica do Giraldus Cambrensis).

Seguindo có contexto arqueolóxico megalítico, frecuentemente asociado ós límites territoriais, como é o caso, revélase que o topónimo Figueira Longa, tal e como sospeitaba o xeógrafo Pedro J. Ripoll Vivancos (2014, Higueruela: cuando la Higuera puede no ser un árbol, 2014), remite ó verbo latino figo, figis, figere, fixi, fixum, "atravesar", vencellado semánticamente ós límites territoriais, e de cuxo participio, nas dúas variantes coñecidas, proveñen os nomes que reciben os marcos nas linguas románicas: finsu en asturiano, fito en galego. Unha Figueira toponímica aludiría, nalgún caso como o que tratamos, a unha liña de fitos de demarcación, a un aliñamento de marcos ou menhires, e non á árbore (latín ficaria), o que explicaría a presenza do adxectivo "longa".

Temos pois nun mesmo lugar un completo conxunto de arqueotopónimos do eido do megalitismo: Grises Vellas (dólmenes), Corres (cromlechs) e unha Figueira (aliñamento).

sábado, 18 de junio de 2022

Martulo (Armuño - Begondo)

 

Castro de Armuño (Bergondo).

As parcelas onde se atopa o castro de Armuño levan o nome de Martulo na ficha catastral. A etimoloxía que se fornece para os topónimos Martul e Martulo é o baixo-latín martyrium (1), que acadou a acepción xeral de "cementerio", sen ligar necesariamente as sepulturas á existencia de reliquias ou inhumacións de mártires cristiáns. Trataríase, pois, de sepulturas paleo-cristianas, ou alto-medievais, sitas nun castro. Cecais o castro mesmo considerado como cidade dos mortos ou tumba dos devanceiros, o que nos conduce a pensar que o espazo do asentamento do Ferro mantivo connotacións sacras ó longo do tempo.

Non sería este o único caso: temos analizado xa na entrada Castros, eiras dos mouros, cidades dos mortos o vínculo entre vellos cementerios e adros, dunha banda, e os asentamentos da Idade do Ferro (hipótese de Mingote Rodríguez). O de Martulo si tería o interese engadido de presentar un microtopónimo claramente indicador dunha necrópole moi antiga. A etimoloxía e datación alto-medieval do termo abrangue unha franxa cronolóxica que permite soster a continuidade funcional do recinto para un mesmo grupo cultural.

Di Michel Roblin que o baixo-latín martiretum (> martroy, martray, etc.) designaba o lugar destinado ás inhumacións, o cementerio [...]. En París, un martray xunto do Concello, en Saint Gervais, puxo ó descuberto varias sepulturas paleocristianas [...]. É posible tamén que a mentalidade popular aplicara este termo non só ás sepulturas, senón tamén ás ruinas ó nivel do chan, que lembraban ó aspecto das laudas funerarias" ("Histoire du peuplement et de l'habitat en France aux epoques anciennes", Annuaires de l'École pratique des hautres études, 1978).

(1) Piel: "Ramalhete de antropo-toponimia galega", en Homenaxe a Ramón Otero Pedrayo", 1958. Aquí nós prescindimos da consideración do termo como antropónimo e achegámonos a el como sustantivo común, seguindo as notas sobre a evolución diacrónica que fornece o autor.

lunes, 6 de junio de 2022

Ardeghurgho / Ardexurxo e Ardagaña: dous hidrónimos paleoeuropeos

Sospeitaba don Edelmiro Bascuas que o lugar de Ardexurxo (Sarandós) podería ter un nome xerado dende a base hidronímica paleoeuropea ARD- (v. tema Ard- no punto 20.1.1 dos seus Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51, 2002). Entre os ríos que levan este nome están o Arda (tributario do Doiro) ou o "Rivulo Ardili" (tributario do Eume, documentado no ano 714). Rebardille (Ardille) segundo o profesor sería entón un hidrónimo provinte desta base máis un sufixo diminutivo coa vogal final relaxada. Nada que ver coas ardillas (esquíos).

Concretamente respecto a Ardexurxo di que semella un composto hidronímico, cecais da base Arde- ou de Ar-de (provinte neste caso do hidrónimo *Anarem), e que lle parece menos probable que o primeiro formante veña do latín agrum pola dificultade fonética da evolución do grupo -gr-, que normalmente evolúe a -ir- (integrum > enteiro). Neste suposto o topónimo Ardexurxo sería case transparente, o "Agro de Xurxo / Eiro de Xurxo".


Unha búsqueda na toponimia da contorna de Ardexurxo, tamén na histórica, amosa que hai máis dun topónimo coa base ARD-, mesmamente un lugar chamado Ardilleiros xunto dun regato que vai cara o río Barcés. No Catastro de Ensenada (Abegondo - Sarandós) menciónase no punto que se pasa o Barcés dende Ardexurxo cara a Bordel un lugar chamado Pozo de Ardagaña, o cal nas Planimetrías das Minutas Cartográficas do IGN ven situado aproximadamente onde o pomos nós, aínda que ven cun nome errado (Pozo de Arcogaña). Asemesmo, nas ditas Planimetrías o topónimo Ardexurxo ven como Ardejurjo, o que nos fai pensar que o actual Ardexurxo é una ultracorrección dunha forma Ardegurgo con gheada (Ardeghurgho): sentida a gheada como pronuncia castelanizada foi sustituída o que lles parecía unha jota pola correspondente xe galega (*joguete - xoguete; *Jurjo - Xurxo).

E que podería ser un *gurgo no campo da hidronimia?

O Glosario de Du Cange infórmanos na entrada GURGES de que é "un divertículo nun río, profundo, unha fosa, poza ou lagoa; axeitado para construír un muíño ou para capturar peixes; gourgo en occitano".

Algunhas ocurrencias do uso deste termo ou derivados en Galicia:
  • riuulos discurrentes Mandeo et Minuete que sunt gurgites mixta alueo nominati (ano 964. Fonte: CODOLGA)
  • duas leyras vinearum quas comparavi in Gurgulione (ano 1293. Fonte: CODOLGA)

É ata probable que nalgún caso o haxiotopónimo San Xurxo teña mellor unha orixe hidronímica a partires deste *gurgo, pronunciado primeiro con gheada e logo ultracorrexido con xe.

A base Ard- explicaría, ó meu ver, toponimia que se ven considerando como xermánica (formada dos nomes dos posesores ou colonos suevos). Así o lugar de Ardemir > Ardemil, documentado no ano 1188, sería un composto desta base máis o hidrónimo prerromano MIRA tratado por Rosa María Pedrero Sancho ("El hidrónimo prerromano Mira", Emérita, 1996).

sábado, 16 de abril de 2022

Mantiñán, Coto Martíns e Santa Marta: derivados do deus romano Marte

O nome de lugar de Mantiñán (A Laracha) puido ter sido un Martiñán, como no caso do topónimo Martiñán de Lugo, que conservou as dúas pronunciacións, con -r e con -n, como evidenciou Amable Veiga Arias (Algunas calas en los orígenes del gallego, 1983). Chegamos a esta conclusión, non só pola dobre pronunciación do Martiñán de Lugo, senón tamén ó observar a proximidade do río de Mantiñán ó Coto Martíns (Castro de Santa Baia - A Laracha), onde poderían existir os restos dun campamento romano ó redor do castro. Parécenos que Mantiñán e Martíns teñen a mesma etimoloxía.

Doutra banda, como topónimo temos documentado un "Castrum Martiniani" na zona de Dorra (na Ulloa) no ano 572 (fonte: CODOLGA).

Forneceremos, pois, a etimoloxía destes nomes de lugar, e do haxiotopónimo Santa Marta, que se repite nas inmediacións: na Pedra de Santa Marta (límite dos concellos de Culleredo, A Laracha e Cerceda) e no Monte de Santa Marta, non moi lonxe do priorato de Soandres, onde existía no cumio unha antiga ermida adicada a esta santa, hoxe en ruinas.

No cumio do Monte de Santa Marta, límite parroquial entre Coiro e Soandres (A Laracha), observamos as ruinas da capela arrodeadas dun anel perimetral de grandes pelouros a modo de cromlech.

Para Xosé Lluis García Arias (Toponimia Asturiana: El porqué de los nombres de nuestros pueblos) "es posible que el cristianismo haya sustituido el culto a Marte generalizando la veneración a Santa Marta y a San Martín, de gran arraigo entre nosotros". Porén, tanto os haxiotopónimos Santa Marta como San Martiño, así como o derivado Martiñán / Mantiñán, poderían ser o resultado da cristianización de lugares de culto adicados ó deus romano Marte*; que, á súa vez, poderían agochar un culto prerromano a unha divindade de atributos semellantes.

Neste sentido, non descartamos que a divindade romana fose Silvano, chamado ás veces Mars Silvanus, deus que fora o que instaurou a forma de demarcar os lindes territoriais mediante pedras, ó que se lle ofrecían porcos en sacrificio, como a San Martiño.

Chama a atención que o culto a San Martiño reflictido pola toponimia peninsular, como amosara Francisco Marsá ("El topónimo San Martín en la Península Hispánica", v. XXXVIII, 1954), foi elevadísimo no noroeste (Galicia e Asturias). Cecais proveña dun culto previo a Marte, vencellado ás campañas militares das longuísimas guerras cántabras.

A ara romana achada no mosteiro de Soandres, hoxe no museo da Catedral de Santiago, lamentablemente non está adicada a Marte, senón a Xúpiter (IOM = Iovi Optimo Maximo), pero proba a intensa romanización da zona. No mesmo mosteiro, o costume de elevar os altares sobre tenantes ou peanas semellantes ás aras perdurou ata o século XIV, tal e como se desprende do achádego destes altariños baixo as mesas das capelas laterais da igrexa parroquial (Begoña Fernández Rodríguez: "Dos altares góticos gallegos: ejemplos del antiguo monasterio de San Pedro de Soandres", Boletín del Museo Arqueológico Nacional, nº 21-23, 2005).

Xogo de tenantes de altar do século XIV que sosteñen a mesa dunha das capelas laterais (antigo mosteiro de Soandres, hoxe igrexa parroquial).

* Adicados ó deus Marte ou á súa versión feminina Belona (Marta): neste sentido destacamos a coincidencia de se atopar un ara a Belona en Santa Marta de Magasca (Cáceres).

domingo, 27 de marzo de 2022

Sigrás - Cambre

 

Antigo hospital de peregríns xunto da igrexa de Santiago de Sigrás (Cambre).
(C) Andregoto Galíndez, 2022.

Ó pé do complexo de orixe neolítica formado polo castro e pazo de Sigrás, e á beira do camiño perimetral castrexo que acabou sendo Camiño de Santiago (como no caso do castro das Travesas: O nó viario prerromán das Travesas (Carral)), sitúase a igrexa de Santiago de Sigrás e a súa parroquial, que albergou un hospital de peregríns segundo informaba o cardenal Jerónimo del Hoyo na súa visita de 1607: "hay un hospital sin renta y con dos camas que recoge los peregrinos pobres".

As etimoloxías que se deron ata a data sobre o topónimo, que constitúe un caso único no país, non teñen en conta o contexto castrexo-pacego, viario e vencellado ás peregrinacións (hospedería) de Sigrás.

No blog Fror na Area (2014), á vista de que a primeira mención coñecida é a de "Cidriales" (ano 932) Miguel Costa decántase por facelo derivado do latín citrus, "cidro, limón salvaxe", o que motivaría o nome por ter sido un lugar onde habería cidreiras. Parécenos improbable o paso -dr- > -gr-, polo que sostemos que a ocurrencia "Cidriales" testemuña un caso máis de falsa latinización, frecuentes no medievo cando os escribas querían dotar de prestixio os nomes, recreando as súas incertas etimoloxías mediante un latín moitas veces inventado.

Nun artigo de 1994 do profesor Isaac Alonso Estraviz, publicado na revista Agália ("Sigrás, beleza e misterio") explícase tamén o nome de Sigrás como fitotopónimo, vencellando a súa terminación á dos abundanciais como trigás, orxás, etc. Sería pois, segundo o autor, unha forma derivada do latín  secale / sicale, "centeo". Aínda sendo posible a proposta, necesitaría ó meu modo de ver un maior número de ocurrencias, atopar máis Sigrás dispersos na toponimia do país. Non ía ser Sigrás o único lugar onde se cultivara centeo, ou se deran as cidreiras (se voltamos á proposta de Costa). A fitotopónimia é sempre homoxénea e reiterada nun territorio.

Chegamos así, en orde cronolóxica inversa, á primeira proposta que se fixo sobre a etimoloxía de Sigrás, a de Piel (Boletim de Filologia, nº 28, 1983), nun artigo titulado "Reminiscéncias trovadorescas na toponímia e onomástica galego-portuguesas". Evidentemente a etimoloxía que propón Piel, correcta, é fortuita, resultado de valorar se o nome de Sigrás tería que ver, como o topónimo que estuda antes (Xograis - Alfoz), cós xoglares ou trovadores medievais. A resposta é que non, para Piel viría do latín saecularis, en clara referencia a un establecemento de clérigos do segre. A proposta non ten validación contextual algunha, é dicir, non verifica a adecuación ó referente nin menciona a igrexa e hospedería de Santiago de Sigrás, ademáis de que sitúa a Sigrás nun municipio errado (Comba, supoñemos que pretendía indicar Santa Comba).

Así pois, de saecularis > segrares, "cristiáns que non forman parte do clero". Como indica Piel, o último r absórbese na pronuncia da vogal seguinte. Máis polo miúdo, a asimilación prodúcese ó ter a vogal un punto de articulación anterior, próximo ó da vibrante: segrares > segraes / segrais, que finalmente evolúe cara a Sigrás. Sigraes xa é forma que atopamos documentada no ano 1211 (CODOLGA).

Pola nosa parte comprobamos in situ a adecuación da proposta etimolóxica visitando o antigo hospital de peregríns pertencente á igrexa de Santiago de Sigrás, rexentado no pasado, ó que parece, por unha orden segrar ou laica. A ubicación da igrexa-hospital veu determinada pola existencia previa do camiño prehistórico que pasaba polo exterior do recinto castrexo inmediato, para enlazar cunha vía de comunicación de longo percorrido.

Os erros metodolóxicos que percibimos nas tres achegas dos devanditos investigadores son:
  • Fiar sempre na documentación antiga, sen saber cando desbotala (pseudolatinizacións).
  • Fiar só nos indicios filolóxicos (terminacións -ás / -ais propias dos fitotopónimos) e validar as propostas etimolóxicas somentes por ser acaída a evolución fonética a partires do étimo elixido, sen ter en conta a adecuación deste ó referente (u-los centeais, u-lo centeo ou as cidreiras de Sigrás? u-los segrares ou orden laica do *Sigrás de Santa Comba?).
  • En xeral, limitar a investigación filolóxica só á cara significante dos topónimos (evolucións fónicas), sen ter en conta a cara significado da proposta etimolóxica no que respecta á adecuación desta á fisionomía do lugar e á súa historia. Precisamos máis traballo de campo, que pode facerse in situ ou recorrendo á cartografía dispoñible.

miércoles, 12 de enero de 2022

Santos falsos (hagiotoponimia)*

*Publicado en Celtiberia.net en febrero de 2007

1. San Millán

Se documenta como “sanctos medianos”.
  • Año 906: “in territorio Coyanca villa que dicitur Sancti Emiliani que ab antiquis uocabatur Sanctos Medianos ex integro per suos terminos, et locos antiquos per terminos Sancti Vicenti et villam Mannani, et per Ssuares et per Lagunam et ex alia parte per flumen Extula cum sexigas molinarias siue et piscarias, prata, pascua”
  • Año 908: “adicimus ecclesiam que uulgus uocat Sanctos Medianos, que est e contra Coyanca, cum omnibus suis terminibus ex integro, ut filius noster Gundisaluus obtinuit. item et in Coanca ciuitate ecclesie sancti Saluatoris et ecclesiam sancte Marie”

Es el actual San Millán de los Caballeros (León), limitada por Villamañán, Zuares del Páramo, Laguna de Negrillos y el río Esla, y perteneciente al territorio de Coyanca (Valencia de Don Juan).

No existen santos pequeños, medianos o grandes, ni santos debajo, en el medio o encima, así pues, del latín saltum (soto): *saltos medianos = sotos en el medio, medianeros > *santos medianos. La evolución del grupo alt > ant ha podido ser natural ya que ambos sonidos tienen en común un punto de articulación alveolar (1). Esta evolución, que suponemos natural, es la que a continuación ocasiona la reinterpretación del nombre como si se tratase del homónimo proveniente del latín sanctum, de ahí la grafía con c de ambos documentos.

La evolución del grupo d+yod hacia ll también es la esperable, lo mismo que la inflexión o cierre de la vocal precedente en contacto con la yod: medianos > millanos; mediano > millán(o) con apócope.

La cristianización hubiese sido igualmente efectiva con el topónimo en plural pues podría justificarse una advocación a un San Millán desdoblado en dos lugares de culto próximos (es lo que creo que sucedió en el caso de San Millán de la Cogolla, con dos, de Suso y de Yuso). Pero en el caso que nos ocupa no fue ésta la solución y al fijarse como hagiotopónimo adoptó la forma en singular de los mismos.

Otro caso que ratifica lo que estamos viendo. Tumbo de San Julián de Samos (Lugo):
  • Año 997: "eiromiliani" (agrum medianum > eiromillano / eiromillán / eiromeán...). El compuesto figura con desinencia de genitivo para indicar relación con respecto a un posible núcleo elidido: [terras] Eiromiliani = tierras de un lugar llamado Eiromillán.

2. San Julián

Como diminutivo proveniente del latín saltum (soto, bosque) el gallego todavía conserva el nombre común “soutullo”, aunque a punto de extinguirse en el uso actual del idioma; quedará como apellido y topónimo frecuente. Se documenta evolutivamente en dos fases:

a) Sustitución del sonido lateral alveolar por el nasal homólogo: año 854 Samos, “et alia terra in Santulio”.
b) Vocalización secundaria de la sílaba finalizada en nasal: año 1062 Carboeiro, “et senras de Sautulio cum suo molino et cum suas aquas”.

La evolución concluye con el consabido paso au > ou: soutullo.

A esta forma diminutiva puede adjuntársele un morfema derivativo de procedencia. Partiendo de las fases evolutivas que acabamos de ver en los apartados a) y b) el resultado sería:

Santulio --> santuliano > santullano = del sotillo
Sautulio --> sautuliano > sautullano = del sotillo

La explicación convencional por la cual el topónimo asturiano, palentino, etc. Santullano / Santullán procede siempre de un lugar de culto dedicado a la memoria de San Julián (Sanctum Iulianum) habrá que reconsiderarla ya que también es explicable por reinterpretación cristianizante y latinización de sautulianum = del sotillo. Incluso podríamos pensar que esta toponimia derivada de saltum inspiró, en el momento de la repoblación mediante fundaciones de iglesias, algunas de las numerosas advocaciones a San Julián.

Así tenemos cómo un morfema derivativo se convierte en nombre propio en virtud de la reinterpretación o, tal vez, cristianización consciente del paraje y del topónimo:
-ulianum > Juliano / Julián.

En Galicia se produce un paso más en este complejo proceso: cuando el topónimo se asienta como hagiotopónimo y se asume su carácter de nombre propio, el Xulián se normaliza suponiéndolo castrapismo. La sustitución por el antropónimo Xián / Xiao es inevitable, y todo parecido con la realidad, inescrutable.

(1) Menéndez Pidal en Orígenes del Español, punto 20.3, 3ª ed. 1956, señala sin embargo que Saltus Noualis (1194) evoluciona a Sandoval "por etimología popular del adjetivo san", sin mencionar un posible cambio natural provocado por compartir ambos sonidos un mismo punto de articulación.

jueves, 23 de diciembre de 2021

Capela / Capilla

Na aldea de Parada (Cerceda) existe un lugar denominado A Capilla. Pensamos que se trata dun aparente haxiotopónimo, xa que nel non atopamos evidencias de que houbese unha capela ou edificio consagrado a ningún santo, aínda que ben podería ter desaparecido totalmente... 

Como topónimo o nome gardaría unha vella acepción fosilizada que se indica no Glosario de Du Cange (sub capella 9): "Forum, locus contectus, ubi merces venum exponuntur, idem quod Hala" = Construcción teitada que pode utilizarse como tenda nun mercado, para vender; significa o mesmo que hala > sala.

Entón, aínda que esta acepción no senso de "cuberta" non se teña conservado exactamente no léxico común (si nos termos para as prendas de vestir, capa e capelo), semella que quedou impresa na toponimia do país, ó comprobar in situ a inexistencia dun templo ou das súas ruínas neste lugar de A Capilla (Parada), e constatar, pola contra, que nel se erguen construcións tradicionais cubertas propias do agro, como o alpendre ou alboio da dereita da fotografía.

Ven isto suxerir unha estreita relación, doutra banda, entre os edificios tradicionais do agro e os relixiosos: aquelas estruturas porticadas dos alpendres foron a orixe das capelas cristiás? ou é que simplemente o templo cuberto, por oposición ó templo ó ar sen teito, tería recibido o mesmo nome que o das construcións porticadas agrarias (capelas)? Soportando a primeira idea, lembremos que o hórreo ou celeiro segundo a hipótese de Luis Moya ("La arquitectura de la lluvia", Revista Arquitectura, nº 46, 1962, pxs. 23-38) é o antecedente formal do templo grego.


Imaxe do lugar de A Capilla en Parada, capturada do Google Street View.

Esta proposta sobre o topónimo Capela / Capilla, se é que aparece illado dun contexto relixioso, insírese no ámbito da toponimia da gandeiría que tiña estudado o profesor Moralejo. Neste caso forma ademáis parte dun conxunto xunto có nome da aldea de Parada. Segundo indica Xosé Lluís García Arias para Asturias, as Paradas poderían "tratarse de auténticas majadas pues con este sentido aparece la palabra en las Actas de la Junta del Principado" (Toponimia Asturiana, sub Caballeros). Así pois, outro asentamento estacional para o gando e os seus donos.

sábado, 31 de octubre de 2020

O Ceao / O Xián / O Ceán

 

Alto do Ceán ou do Xián en San Cremenzo de Pazos (Zas). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia - capa do Vóo Americán de 1956-57.

A chave da etimoloxía que imos propoñer baséase na orografía do terreo; adaptámola á elevación que recibe o nome. Descartamos entón que os topónimos Ceao / Ceán / Xián / Xiao sexan derivados do latín planum, "chao", en alusión as penichairas de montaña, con variadas solucións da africada palatal provinte do grupo pl- inicial. Segundo pensamos, serían derivados patrimoniais dun termo indoeuropeo *SIL-, "colina, túmulo", do que sae o inglés hill, con aspiración do s- inicial. Deducímolo do nome Selbarrowe Hill (século XVI, actual Silbury Hill), que podería conter de forma tautolóxica as dúas formas da base proposta, sen e con aspiración do s- inicial respectivamente: Sel / Sil - Hill.

Silbury Hill - Montaña do Túmulo Montaña.

No noso territorio cabe nesta proposta a pseusolatinización como Iulianus > Xián e a reinterpretación como chan < latín planum. Así a medoña de Xan Rei no Alto do Xestoso cecáis sexa unha "montaña do rei".

Non satisface o étimo *SIL-? Aínda temos algún máis: a toponimia deste tipo podería ter derivado, mediante sufixación, do céltico *OKELO, "altura, elevación".

martes, 28 de julio de 2020

San Cibrao e Seoane da Pregación

Clásica representación de San Xoán o Bautista como crióforo ou pastor, coa ovella e o báculo.
Caravaggio (Catedral de Toledo).

Como xa dixeramos noutra ocasión (San Juan el Verde: Silvano) San Xoán ten que ser necesariamente a interpretatio cristiana do deus romano Silvano. A evolución fónica é consecuente coa proposta: o xenitivo Silvani > Seivane / Se(i)oane > Xoane -> (San) Xoán. Ademáis, as funcións do deus e a súa antiga iconografía avalan a equivalencia: o Silvano da Villa Albani (hoxe no Louvre) represéntase cun báculo e coidando dunha ovella entre as dobras da súa túnica; na epigrafía é chamado sanctissimus pastor, e noutro caso solicítaselle que protexa o gando (Peter F. Dorcey, The Cult of Silvanus: A Study in Roman Folk Religion, 1992, px. 21).

Outra posible evolución fonética de Silvani a Seoane pasa pola perda do -l- intervogálico, para ser máis precisos, entre vocal e wau: Si(l)wani > Sewane > Seoane / Xoane. Dita evolución, que constitúe unha nova regla da fonética histórica do galego, podería ser anterior á caída do -l- en contexto intervogálico simple, acaecida en torno ó século XII xunto coa do -n- no mesmo contexto, "no obstante, algún testimonio sí hay en los siglos anteriores" (Amable Veiga, Algunas calas en los orígenes del gallego, 193, px. 239). A forma *Sewane nalgunha ocasión amosa consonantización da wau nunha oclusiva velar sonora *Segoane, o que propicia tambén a asimilación cun San Xoán que aparentemente adoece de inexplicable gueada: "unam laream de Reboyra longa vocata, quae fuit de Casali de Pinayro in Sardineyra sub signo Sanctae Mariae de Sengoan" (ano 1289, Lugo. Fonte: CODOLGA).

Nos estudos sobre a fundación das primeiras igrexas parroquiais, que normalmente se situaron nas croas ou á beira dos castros, vense considerando que as advocacións a San Cibrao e San Xoán son das máis antigas. As primitivas advocacións puideron servir para cristianizar cultos anteriores prerromanos ("Topónimos y advocaciones: la información histórica en los nombres de las parroquias rurales gallegas", JC Sánchez-Pardo, Minius, nº 20, 2012). É de supor, entón, que os cidadáns galaico-romanos, adicados fundamentalmente a actividade económica gandeira, perpetuaron o culto a un deus-pastor baixo a figura do deus-pastor romano, Silvano, sobre o que se superpuxo á chegada do cristianismo o seu homófono San Xoán (o Bautista). Evidénciase que as primeiras advocacións cristianas non se impoñen ó azar, senón que gardan ou parecen sinalar unha relación funcional cos cultos anteriores. Así, o espallado do culto a San Xoán (Silvano), que é maioritario na Terra de Lemos e Sarria tras a de Santa María, según Sánchez-Pardo, indicaría a forte actividade gandeira dos asentamentos castrexos nestes territorios onde a gandeiría segue a ter, hoxe en día, unha importante presenza.

Respecto ós topónimos San Cibrao e Seoane da Pregación (Friol) neste contexto gandeiro, imos desenvolver a proposta ó completo: probablemente A Pregación sexa un derivado de pecurare > *pecurationem > *pegración > Pegración, "instalación para o gando, aprisco"; sobre a advocación a San Cibrao, tambén moi numerosa en Galicia, engadimos que seguramente teña que ver cos cebros (uros) que dan nome ó Cebreiro, e non co santo chamado Ciprianus (sería outra cristianización por homofonía).