lunes, 28 de diciembre de 2020

Immram desde Estrela Escura - Navigatio ab Stella Obscura

Entre 1465 e 1467 o barón Leo de Rozmithal viaxou por Europa e chegou a Santiago de Compostela e a Fisterra (ó santuario da Nosa Señora da Barca), deixándonos como testemuña as curiosas anotacións da súa viaxe, escritas en latín. Impresiona a forma en que conclúe a visita ó fin do mundo: "baixo o templo exténdese un longo pago que se chama Finis Terrae, xa que a partir de alí só existe a auga do océano, cuxos límites non coñece ninguén máis que Deus".

E sen embargo... nos anais portugueses -continúa Rozmithal- gárdase a memoria dunha viaxe extraordinaria. Paso a ofrecer un dixesto desta viaxe por mar que nos detallou Rozmithal; é unha aventura case que descoñecida (non hai estudos sobre ela), o que me resulta increíble, xa que forma parte do escaso conxunto dos interesantísimos immrama célticos ou navigationes cara ás illas do Paraíso, como a de San Brandán ou a de Mael Dúin.

Navigatio ab Stella Obscura (Leo de Rozmithal)*

Non se precisa cando, máis do Reino de Portugal saen tres naves abastecidas con todo o necesario para un gran periplo de catro anos, cada unha cunha tripulación na que había doce notarios ou escribas, encargados de apuntar calquera dato relevante das exploracións que se ían efectuar sobre as rexións incógnitas. Tras navegar dous anos, chegan a unha paraxe mariña de tebras na que se perden dúas semanas. Ó saíren da néboa topan cunha illa, e toman terra nela. Alí ven construcións subterráneas cheas de ouro e prata, e sobre as casas, hortas e viñas, como na Galia. O tempo que pasan na illa é dunhas tres horas. Logo deciden partir sen levar nada da illa, porque non saben que podería pasar se collesen algunha cousa... A navegación pronto vese interrumpida por un gran fluxo mariño que se eleva ata o ceo, e que deixa ver rochas e montañas [cecáis unha catarata que verte ó mar?]; dúas naves deciden explorar o fenómeno para dar conta ó Rei, e a outra agárdaos, máis ó ver que nuns días non dan aparecido, danos por mortos e voltan a Lisboa. Alí non son recoñecidos polos seus familiares e achegados, están moi envellecidos, co cabelo branco; é un feito miragroso, pois só fai dous anos que saíron do porto como mozos de vintaseis anos, e agora teñen o cabelo cano como as árbores no inverno, xeadas as súas copas.

Entón son interrogados polo Rei, que desconfía deles por se fosen uns piratas que lle roubaran as naves. Pero danlle tantos detalles da expedición e das instrucións que tiñan encomendadas (como a de facer as anotacións relativas á expedición) que o Rei xa non ten dúbida, ó escoitalos, de que son os mariños que partiron desde Stella Obscura. O relato que lle fan ó Rei é básicamente igual ó que vimos de resumir, máis aparece algún dato novo, como a lonxitude da illa (tres millas de longo), o feito de que a illa estaba deshabitada, que ó regreso, antes de chegar ó gran fluxo mariño, teñen que pasar de novo pola rexión das tebras, e que o ruído que se escoitaba ante a grande columna de auga do fluxo mariño era similar a un bramido ou muxido.

[Da edición das Viaxes de Leo Rozmithal publicada en Stuttgart, 1843, pxs. 88-91]

Deixo para os expertos nas navigationes cara ás illas do Paraíso o desenrolo dos ítems propios deste xénero: o feito de que o tempo no Paraíso transcorre de forma distinta que no mundo (apenas tres horas na illa son moitísimos anos no mundo, tantos que os mariños son uns vellos cando voltan), que os obxectos que se poidan traer do Paraíso son inestables no mundo (no immram de Trezenzonio apodrecen, e neste, os mariños non ousan coller nada pola mesma razón), a columna de auga (A Viaxe de Mael Dúin), as viñas (como na mítica Vinland das sagas nórdicas), etc.

Só vou determe no nome de Stella Obscura, que é o que Rozmithal emprega para referirse a Fisterra. No traballo de Serafín Moralejo sobre o mapa do Beato de Osma e a súa relación có immram de Trezenzonio indícase que a Isla do Solsticio do mapa de Osma é a Insula Magna Solistitionis de Trezenzonio,  e non é outra cousa que un punto de referencia na Terra para o percorrido solar, un punto que no mapa vai arrodeado dunha cartela (confundida logo cunha illa). Estes puntos cósmicos ou astronómicos (ortos, ocasos, solsticios, equinocios) foron coñecidos como ianuae caeli ou portas solares. Nesta liña, parécenos ver na denominación Stella Obscura unha motivación orixinada tambén pola observación do percurso solar. Entón, segundo a hipótese de Moralejo, ó Paraíso nas creencias da antigüedade accederiase por unha destas portas cósmicas, logo non era unha illa (Serafín Moralejo, "El mundo y el tiempo en el mapa del Beato de Osma", 1992).

Recreación das portas solares coas entradas ó Paraíso onde o sol se poñe e sae nos solsticios e equinocios; no centro, o fluxo mariño que chega ó ceo; abaixo, vivendas subterráneas e viñas. (C) Andregoto Galíndez, 2020.

*Xosé María Ferro Formoso atopounos unha tradución completa ó castelán nos Viajes por España, traducidos, anotados e cunha introdución de Antonio María Fabié, 1879, pxs. 104-109. O editor engade a única observación que teño visto sobre a lenda: "Esta leyenda es curiosa, pues da cuenta del espíritu que reinaba en la época en que Rosmital visitó a Portugal, espíritu que fue causa de las expediciones a la India, y luego del descubrimiento de América".

jueves, 24 de diciembre de 2020

O Tizón de Nadal

Que é o que realmente celebramos nestas datas? O culto romano ó Sol Invictus? O nacemento dun neno xestado por unha virxe, que non coñeceu varón? Penso que o motivo da virxe e o neno é unha alegoría da creación do mundo / universo, a súa encarnación, facerse real a través dunha singularidade cósmica (a virxe) que hoxe os científicos chaman, por exemplo, Big Bang. A creación a partires da Nada, que é miragrosa no estado actual dos nosos coñecementos, aínda que pretendamos explicala con fórmulas matemáticas. De feito, o pai da teoría aparentemente científica do Big Bang foi, faltaba máis, un físico sacerdote, o francés George Lemaître. Bibliografía complementaria: "Cristo y el Cosmos. La relación entre Cristo y la creación en la teología de Karl Rahner", Ana Isabel González Díez, 2015.

Feliz Big Bang!


De Aetatibus Mundi Imagines, de Francisco de Holanda. Foto tirada na expo Galicia, un relato no mundo, Santiago de Compostela, 2020.

Logo desta profunda reflexión cósmica, podemos ir pensando en preparar os ingredentes para a tortiña irlandesa dos 12 xuncos, que se elabora na Twelfth Night (Véspera de Reis), e constitúe unha variante moito máis complexa do noso Tizón do Nadal. Vaivos a receita orixinal: bosta de vaca amasada en forma de torta ou cake, mesturada a masa con cinzas; as candeas sonche 12 xuncos recollidos dúas semanas antes (máis ou menos o día de Nadal), ós que se lles quita a pel e se poñen a secar, logo pásanse por graxa para que prenda ben o lume neles. A Véspera de Reis préndense as candeas chantadas na torta, dispostas en círculo ou en forma de cruz, e cando sumiron, a torta coas cinzas gárdase tras unha trabe ou na lareira coma unha bola (1), para traer boa sorte todo o ano, ou ben, fréganse os marcos das portas e fiestras con ela, para afunguentar os espíritus e que as colleitas e o gando estean protexidos. Por suposto non se consume, aínda que hai supersticións populares nas que unha pequenísima cantidade dela forma parte de remedios caseiros para curar as queimaduras (2) ou outros males. A torta así feita presentábase sobre unha táboa, que se gardaba para o ano seguinte (3). As candeas podían nomearse cos nomes dos membros da familia, ou dos doce apóstolos.


Tortiña de bosta de vaca e 12 candeas de xuncos para a Véspera de Reis.
(C) Base da datos do Folklore de Irlanda, duchas.ie: Rush Candles for Twelfth Night, Thomas Brennan (Galway, idade: 91 anos).

Aínda que a bosta despiste bastante, o costume, a pouco que se indague nel, ven sendo o mesmo que o do noso Tizón de Nadal: o emprego da bosta como combustible e as cualidades fertilizantes e máxico- profilácticas que se lle atribúen, son correntes entre os pobos gandeiros indoeuropeos e parece que están na base destas tradicións. Que aquí ou alá se fixera de forma distinta non impide ver as semellanzas do ritualpois segundo Frazer "en Alemaña central, Albania e outras rexións a borralla do Tizón de Nadal era esparexida polos campos durante as doce noites que van desde Nadal ata a festa de Epifanía" (apud Cabada Castro: "Da anterga sacralización do lume ó actual ritual da queimada", Grial, 1996), no mesmo momento e có mesmo obxectivo que o rito da tortiña de bosta. Agora xa sabemos por que o Tió catalán caga: Caga Tió, ametlles i torró!

(1) "When the candle die down the ashes are gathered and put in the chimney along with the cake in the chimney. It is said that will preserve the house from all dangers during the year" (Mr. Owen Coughlan, Offaly).

(2) "This mixture boiled in new milk is a great cure if spread on a burn" (Mrs. L. English, Roscommon).

(3) "They used to leave up the board until the next year" (Mrs. Moran, Galway).

viernes, 18 de diciembre de 2020

António Correia de Sá, autor do relevo conmemorativo da Defensa do Parque de Monteleón (12 de maio de 1814)

Placa có relevo de Sargadelos da Defensa do Parque de Monteleón, que tivo lugar o 2 de maio de 1808. (C) Blog 1000 Lugares en Galicia: "Museo de Pontevedra. Colección Sargadelos. Parte 1. Introducción y Primera Etapa (1806-1832)", 2019.

Xusto seis anos despois de que o pobo de Madrid e algúns militares como o Daoiz e o Velarde loitaran contra os franceses en defensa da súa (e da nosa) libertade, na Real Fábrica de Sargadelos fundéronse dous relevos en bronce e, co mesmo molde, catro placas de cerámica cremiña, cream ware, onde pode lerse: "A la inmortal memoria de los capitanes del Real Cuerpo de Artillería Daoiz y Velarde muertos gloriosamente por la libertad de su rey y patria en Madrid el día 2 de mayo de 1808. A expensas de D. José Ibáñez en sus Fábricas de Sargadelos que la dedica el 2 de mayo de 1814 a nuestro Augusto Soberano el Señor D. Fernando VII". Isto foi en 1814, un pouco antes de que Goya terminase Os Fusilamentos do 3 de Maio.

Na composición eu destacaría o gran papel que se lle otorga á muller, que ocupa o espazo central anticipándose 22 anos á composición da obra da Libertade guiando ó pobo, de Delacroix. A muller do centro vai armada cun corto coitelo e participa activamente na loita, levando un golpe de baioneta nas costas. Isto foi así, e non é que fose un invento para empoderar ás femias, que xa estabamos bastante empoderadas daquela. É unha composición crúa: os corpos dos feridos latexan no chan, nunha esquina vese un cadáver emborcado. A loita é corpo a corpo, non á distancia de tiro de fusil.

A obra tivo certa fama na súa época: unha copia adornaba, por exemplo, o despacho do Presidente do Consello de Ministros, e foi reproducida na Ilustración Española y Americana (nº XVI, 30 de abril de 1899).

Reproducción da placa na Ilustración Española y Americana en 1899. (C) BNE.

Quen foi o autor desta composición? É ben raro que non teña atribuida autoría, sendo tan doado a pouco que se investigue. Na época da fundición do molde o director técnico da Fábrica de Sargadelos era o mestre portugués António Correia de Sá, ou Correa de Saa, cuxas iniciais aparecen na esquina da parte de abaixo, á dereita, na reprodución que atopamos na Ilustración Española y Americana. O mestre portugués viña da fábrica de louza de Santo António de Vale de Piedade (Vila Nova de Gaia).


Nabia Albione (San Cibrao de Las)


Recomendo a recente conferencia do profesor Abascal sobre as "Prácticas Epigráficas Urbanas y Extraurbanas en el Conventus Lucensis (Hispania Citerior)", dentro das XX Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía. Trátase dun moi bo resumo cunha gran calidade gráfica na reprodución fotográfica; tanta, que no chamado cipo de NABIA (San Cibrao de Las), que vimos este ano en Santiago na exposición comisariada por Manuel Gago Galicia, un relato no mundo, lese perfectamente a cara que na expo quedaba moi mal iluminada. Sospeitamos que a leitura ABIONE será, mellor, ALBIONE, o nome completo da deusa río que, segundo Plinio, separaba o Conventus Lucensis dos Astures: "et deinde Conventus Lucensis a flumine Navia Albione".

Desta forma, na primeira palabra teríanse escrito dúas letras no B (BI), estando representado o I no trazo vertical do B, que sobresae un pouquiño por enriba, e na segunda palabra, tres letras no B (LBI), quedando o trazo do L solapado con parte da contorna do B (feito bastante extraordinario na epigrafía).

O que xa non sei é que facía o cipo do limes do conventus nunha zona tan afastada do río Navia. Espolio ou cipo votivo do fin das guerras cántabras?

Ós que cheguedes ás preguntas do final da conferencia: non quededes pasmados có asunto do óso escrito có signario ibérico do "Bancal da Coruña". Esa peza non foi atopada na Coruña, senón no Bancal de la Corona (Mas D'Is, Penàguila - Alicante), e probablemente, aínda por enriba, sexa falsa, xa que na excavación dos silos do Calcolítico do Bancal introduxéronse abundantes pezas que veñen considerándose falsificacións (I. Ballester Tormo, La labor del Servicio de Investigación Prehistórica y su Museo en los años 1940 a 1948, Diputación Provincial de Valencia, 1949, px. 115 e ss.).

A peza do Bancal de la Corona (Alicante), falsa ou non, foi obxecto dunha deturpación máis, xa que foi presentada por un atlantólogo esotérico, de cuxo nome non quero lembrarme, como se se tivese atopado na Coruña, citando referencia bibliográfica tambén apócrifa: a obra do pobre Michel Bouvier, L'art de l'ecriture, que non é outra cousa que un catálogo de 40 páxinas dun libreiro (Librairie Michel Bouvier - París), non unha obra adicada ó estudo da historia da escritura, como pode ser a de Haarman, Historia Universal de la Escritura, de máis de 600 páxinas. Como remate desta patraña, o óso coa referencia ó atlantólogo e ó santiño de Bouvier, que esperemos que non se teña enterado de nada, aparecen na Schøyen Collection, o que non deixa en bo lugar á devandita collection, precisamente. E xa basta de perder o tempo explicando isto, que preguiza!

Disfrutade da conferencia de Abascal e mellor olvidade o óso.

jueves, 17 de diciembre de 2020

Fairy Forts ou ring forts (castros de terraplén) e os seus pazos

1. FAIRY FORTS AND GENTRY BUSHES: "They are all circular in shape - having a high green bank with bushes chiefly hawthorn and blackthorn growing in it around the edge. The trees and earth in these forts are regarded as sacred and belonging to the fairies, good people or gentry".

2. RELATIONSHIP BETWEEN FAIRY FORTS AND MANOR HOUSES: "In olden times the gentry used to build big mansions, and about eight hundred yards from the mansions they used to built a big fort in the middle of a field. They use to plant trees around it and they used to have an underground passage going from the mansion to the fort".

(Vellas historias que recollo na base de datos duchas.ie, adicada ó folklore de Irlanda, porque aquí non temos nada comparable).

Non nos sorprende atopar agochado nunha historia irlandesa o soporte que precisamos para refrendar a nosa hipótese, continuación da de Moralejo-Best (pazo < i.e. palatiom, "aprisco e habitación dos pastores neolíticos"), respecto á estreita relación entre os castros e os pazos, o complexo que forman ámbolos dous: é que os xentís gostaban de facer diante dos seus pazos unha construción circular de terraplén, todo elo bordeado dun seto vexetal de espiño e arandeira, que era considerada un espazo sacro, cecais un lucus (gentry bush) precursor da paisaxe de bocage. O pazo e o ring fort estaban comunicados por unha pasaxe subterránea.

Vella Granxa de Meirás (Sada) fotografada en 1870 por José Quiroga, o marido de Emilia Pardo Bazán, antes de que a súa muller a convertira nas Torres de Meirás. Tras ela está o ring fort do Castro de Meirás ou da Pedreira da Mescara. (C) Biblioteca Galiciana - Arquivo da Real Academia Galega.

Ringfortexos?

sábado, 12 de diciembre de 2020

Mescara: un orónimo pirenaico non indoeuropeo na Coruña

Castro de Meirás (Sada). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, capa do Vóo Americán de 1945-46.

"Doscientos cincuenta ferrados al sitio de Castros, de 3ª calidad: lindan al L. con montes comunes de la feligresía de Mondego, P. con montes comunes das Fragas y con los del Venerable Cabildo de Santiago, N. con los de la de Veigue y Pedreira da Mescara, S. con los Castros de esta y Agra das Cacheiras, y su figura es la del margen" (Relación do Mordomo de San Martiño de Meirás, px. 12, 1752).

Notamos como se conservan os topónimos case trescentos anos despois, e o seu valor histórico, por exemplo á hora de determiñar as antigas posesións do Cabildo de Santiago (microtopónimo Cabildos). É tambén relevante a relación entre o termo castro e a agrarización da paisaxe, que ven reflictida no field name Agra das Cacheiras, ambos dunha raíz indoeuropea k̂es-, "cortar [o territorio], parcelar". E sorpréndenos o rarísimo orónimo Mescara, que aínda se mantén no rexistro catastral. O seu referente é unha elevación do terreo, emporiso non albiscamos máis solución etimolóxica que vencellalo coa familia dos orónimos pirenaicos non indoeuropeos biscar / bizkar, "dorso ou espalda dunha montaña", mediante troco de sons bilabiais.

domingo, 6 de diciembre de 2020

Christmas coloring card: ramo da regueifa ou ramo de mazapán e froitas doces


Imprime e corea este proto-roscón de 1888. Podes envialo como tarxeta de Nadal. Ven sendo un ramo de mazapán e froitas escarchadas, arrodeado de queixo e zucre; vai sobre unha base formada por unha regueifa ou bolo, cortado pola mitade, e adornado con dalias e froitas naturais. Este ramo usábase nas procesións, romeirías e celebracións relixiosas. Foi debuxado por Francisco María de la Iglesia en Cecebre, e atópase na Biblioteca Galiciana, na carpetiña do seu autor titulada "Folk-lore" (ES.GA.15030.ARAG/2.10.2.2.2.//Caixa 103-75).

jueves, 3 de diciembre de 2020

Hundimiento de un barco de la Armada Invencible en Mullaghderg

Sobre el casco se lee perfectamente t-Armada 1588, fecha del hundimiento, y bun na farraige o fairrge = en el fondo del mar.

En la bahía formada entre Mullaghderg y Mullaghduff (condado de Donegal) y dejando al noreste las islas de Gola y Tory, figura dibujado el casco del barco de la Armada Invencible, quizá el Santa María de la Rosa, en el momento de recibir un cañonazo. Si era posible en la época, sería la línea de lápiz que va de la tierra firme al barco; aunque tal vez la línea pretenda representar la nave desarbolada con el mástil caído.

El dibujo, realizado en 1937 por Pádraig Mac Ailin, se encuentra en uno de los cuadernos de la base de datos dúchas.ie (An Trá - Mullach Dearg) y localiza con bastante exactitud el hundimiento de uno de los barcos de la Armada Invencible frente a la costa donde hoy se sitúa el aeropuerto de Donegal.

Sospechamos que el barco en cuestión era el Santa María de la Rosa porque en el texto en goidélico antiguo se utiliza la palabra Rosuibh que podría ser un spelling de Rosaibh, "rosa". Asimismo, el texto, que apenas comprendemos, parece aportar datos interesantes como la participación del clan O'Donnell en el rescate, por lo que conseguiría un caballo español.

La vecina bahía de Kinnagoe, donde naufragó otro de los barcos de la Armada Invencible, la Trinidad Valencera. (C) Dolores González de la Peña, 2017.

"And right on that spot in the brave days of yore.
The Alonza De Leva was wrecked on that shore"

En Spanish Point se produjeron más bajas en la flota de la Armada Invencible, de ahí el nombre del cabo irlandés, donde por cierto se recuerda la memoria de uno de sus más famosos capitanes, Alonso Martínez de Leyva, en la rima que encuentro en la misma base de datos dúchas.ie (Rinn na Spáinneach - Spanish Point). Alonza de Leva, el nombre del comandante, pierde su significado personal y se usa metonímicamente para referirse a su nave o a la totalidad de la flotilla que dirigía.
 

NOTA

El amable e instruido lector del primer comentario se ha molestado en hacer la traducción del texto: "dase a entender que o barco é español e que houbo supervivintes que quedaron a vivir alí. De feito falan da cor escura da súa pel e que os O'Donell teñen esa cor. Tamén falan de que había unha raza de cabalos e cervos que non era propia, dando a entender tamén que viñan nos barcos".

Gracias a él podemos encuadrar este relato dentro del grupo que trata del mito de los Black Irish, uno de cuyos testimonios tuvimos la oportunidad de recoger personalmente en Moville en 2017 (Una Black Irish en Moville). Como entonces, seguimos pensando que este mito se va renovando sobre uno anterior, el de los Hijos de Míl Spáine.

Lamentablemente, nuestra primera hipótesis de trabajo sobre el nombre Rosuibh no era correcta, cae al comprobar que alude a esta región geográfica denominada Rosses, no al barco. Precisamente, los veloces ponies de Rosses, según tradición, descenderían de los caballos árabes que se salvaron del naufragio del barco de la Spanish Armada que se hundió en Mullaghderg.

sábado, 28 de noviembre de 2020

Listaxe de palabras... de Francisco María de la Iglesia

 

(C) Arquivo da Real Academia Galega (ES.GA.15030.ARAG/2.10.2.2.2.//Caixa 103-81). Biblioteca Galiciana.


Anello - becerro anellado, sacado da teta.

Anellar - muxir dun día a outro.

Fornela - gateira.

Medoña o modoña - terreno en medio do labradío que non se pode labrar.

Agro - contío - tarreo en que hai varias heredás.

Freiría - terreno [?] de terrenos. Nota: semella unha agrupación de terreos de varios posuidores, coma o termo anterior.

Abrolido - [?] de terreno. Nota: v. Du Cange, BROLIUM, "silva muris aut sepibus cincta", é dicir, unha forma de bocage.

Azonge - id. cerca de la iglesia. Nota: v. azougue no Diccionario de Diccionarios. E no Padre Sarmiento: arabismo, "foro / mercado" ("Sobre el origen de la voz Azovejo").

Gurita - camino estrechísimo entre dos montañas o magarróns [mugarróns?].

Escano - tomba - cadaleito.

Os Castros de Oxén (Sobreira - Vilamarín)


Límites do Couto de Vilaseco (San Cristovo de Cea) segundo unha carta do século XVIII feita por Juan Antonio de Otero. (C) Arquivo do Reino de Galicia (ES.GA.15030.ARG/1.1.1.2.3.1.2.10.Caixa 1478-17//RA 201) - Biblioteca Galiciana.

Chamamos a atención sobre a importancia deste manuscrito onde se detallan as características dalgúns petróglifos de termo, así como a existencia de dous castros aínda sen inventariar (sinalados cos números 12 e 13 dentro de dous circuliños próximos e unidos por unha calzada ou congostra - nº 14). Dase conta, tambén, dun posible megálito descrito como "orca" e que se debuxa cuns trazos de cor vermella  na interseción viaria dos camiños, un deles procedente da Ponte Mandrás (tambén debuxada). O documento é un pleito sobre o dereito a ter insignia de jurisdición ou forca, para a que se podería ter aproveitado un megálito existente no lugar.

Detalle dos dous castros coa congostra entreles e, ó leste, os Penedos dos Fíos có petróglifo da cruz de termo.

Respecto ós petróglifos de termo, destacamos que nos debuxos vense laxes con cruces inscritas, nalgún caso cun burato ou cazoleta no medio, e, noutras ocasións, acumulacións de penedos coas cruces grabadas. No texto manuscrito infórmasenos de que ás veces as insculturas van acompañadas de letras iniciais, o que na nosa opinión achega estas cruces ás cruces que aparecen grabadas nas pedras centrais dos seles gandeiros, que non son cruces cristiás, senón indicadoras dos puntos cardinais.


A toponimia mencionada no manuscrito, e que temos identificada polas fichas catastrais, sinalámola sobre o mapa do Visor PBA da Xunta de Galicia (Capa do Vóo Americán): A Martinga, Cova de Atán, Cecín, Fíos, Castro, Castriños, Castros.

miércoles, 25 de noviembre de 2020

Aterrazamentos e camiño do castro de Subiña (Dexo - Oleiros)

Primer aterrazamento castrexo na croa, con muro de contención no seu límite, do recinto fortificado de Subiña ou Castro da Vixía ou da Atalaia (Dexo - Oleiros). (C) Dolores González de la Peña, 2020.

 


Camiño perimetral do Castro de Subiña, que no seu percorrido acada ás veces gran profundidade. 
(C) Dolores González de la Peña, 2020.

Subiña < Sub pinna, en alusión á vixía, atalaia ou castelo, xa que viñas non hai. Nesta proposta, restaríanos explicar a palatalización da xeminada nn, que non simplifica, como é norma no paso do latín ó galego. Atopamos nos corpora habituais unha grafía que podería sustentar a hipótese da palatalización: "illa pinea de Frankaria" (1025, Celanova. Fonte: CODOLGA)

Partes de la casa rural / Francisco María de la Iglesia

     Antecasa

Quinteiro

Curral e curraleira


    Cociña ó nacente

Lareira

Unllar

Borralleira

Gramalleira có seu pau ou burro

Banco de respaldo

Caixón do leite e

Caínzo para curar castañas

Leito en forma de cubículo

Rilleira, cabeceira e teiteira

Selleiro

Alzadeiro

Caneiro das farramentas o tabique del andamio al cual se adosa el selleiro y alzadeiro

Lacena có cravo do candil


    O poente

As cortes ou cuadrias coa barrela de caínzos con uchas e algunha cama

Arrimos ou alpendre, alpendrón

Alboyo, bodega, palloza


Hórreo

Cabazo, cabanas


(Francisco María de la Iglesia: ms. s. XIX, Modismos, Biblioteca Galiciana).


sábado, 21 de noviembre de 2020

A fada da fonte da Selva Negra (Santiago de Compostela)

Atopamos e recuperamos un conto olvidado que explica o misterio que arrodea a fonte do parque da Selva Negra de Santiago. De paso tambén descubrimos o posible nome da fonte.

O conto podería titularse de moitas formas: A encantada da Fonte Formiga, A tendiña da moura da Selva Negra, etc. pois nel aparecen xuntos varios dos motivos que se desenvolven no folklore das mouras, e ata do Ciprianillo. O máis salientable, na miña opinión, é o da fada encantada no cano dunha fonte, xa coñecido dende polo menos o século XIII na alusión no Poema do Cid a Elpha, encantada nos caños dunha fonte; todos eles entroncan có folklore eslavo das rusalski e o grego das nereidas.

A miña transcrición non é perfecta pois o conto, de finais do século XIX, ven nun dos manuscritos de don Antonio de la Iglesia (Folk-Lore gallego : os aparecidos - Biblioteca Galiciana), e o autor tiña o costume de facer abondosas anotacións marxinais, interlineais, rectificacións... Aínda así, penso que o resultado é bastante respetuoso có orixinal.

Fonte Formiga no parque da Selva Negra (Santiago de Compostela).
(C) Compostela24horas.com

A encantada da fonte Formiga - Selva Negra

Antonio de la Iglesia

No monte Pedroso, arriba do Xesto, Selva Negra ou Carme do Monte, hai unha fonte encantada que lle chaman a Fonte Formiga. Alí apareceulle moitas veces ós meus pegureiros unha madama formosísema sentada na campiña [?] do manantial cunha tenda de arrastro ante sí, de relumeantes e bonitas cousas: tixeiras, canivetes, navalliñas, alfergas, agullas, agulleiros, cañoteiros [nunha marxe: brazaletes, arracadas, pendentes, sortellas, botonaduras...]; todo de prata, ouro, marfil e diamantes, enriba duns grans tapices de ouro e sedas brocados de brilantes e de pelras de enfinito valore.

A tendeira formosísema perguntou millóns de veces ós meniños que era o que máis lles gustaba daquela tenda, para regalárllelo. Todos  [...] arregalaban ben os ollos para escoller, e todos salían [?] coa pata de galo decindo, verbi gratia:

-¡A min as tixeiras!

-¡Pois que che quiten os ollos con elas!

E enseguida desaparecía a tenda e maila tendeira como se fora un relámpago.

Os bobalicóns non coñecían que sendo a tendeira máis garrida e preciosa que todo aquel riquísimo telderete, á tendeira debían invocar, e non a ningún dos chismes, por bonitos e caros que fosen os que na tenda tiña apresentados.

Se escollesen a tendeira, quedábana desencantada a aquela dama formosísema, con todas as riquezas que posuía, que eran moitas máis que as presentadas, facendo a esta dichosa, e a un home poderoso e feliz, pois que todo aquel aparauto era solo unha mostra dos tesouros encantados que a fonte Formiga enzarraba, propiedade da formosísema dama, que non era outra que unha das boas fadas de Galicia que no encanto da fonte se aprisionaba.

[...] nas inmediacións desta fonte, un colosal e resprandecente carneiro de ouro macizo.

¡Dios te críe para ás boas fadas!

viernes, 20 de noviembre de 2020

Ramo da fin da sega, rabo da raposa ou cruz das nove frebas

 





















Supersticiones en la Mariña de Betanzos

"Comiénzase la siega por el primer surco que se comenzó a sembrar. Al llegar al último surco se cuentan las últimas nueve cañas llamadas frebas, y con sus nueve espigas se forma una cruz entrenzando sus pajas en esta forma; y esta cruz se coloca con las de los años anteriores colgando por la parte interior de la puerta como amuleto para que no entren las meigas con el grano. A esta cruz de espigas de trigo por Melide se le llama unha raposaEstas nueve cañas de trigo deben ser cortadas con la mano izquierda y son la señal o ramo del gesto o fin de la siega" (Francisco María de la Iglesia, "Costumbres", ms. en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia).

Este ramo é coñecido en Miranda do Douro como ramo da segada, ramo da raposa, raposo ou rabo da raposa (Museu da Terra de Miranda), e ten unha forma diferente, ó se facer con moitas máis espigas.

Rabo de raposa. (C) Museu da Terra de Miranda.

Fonteculler, Chafariz da Colher

O cullerón da fonte do mosteiro de San Lourenzo (Carballeira de San Lourenzo - Santiago) por don Antonio de la Iglesia:

"[...] as armonías do caer das augas da copiosa fonte, daquela fonte fresquísima que tiña no marco da súa porta, preso por unha cadea, o cullerón de ferro para vervizo do sedento visitante [...]" (A rejuba* de San Lourenzo : costumes folklórecos d'o país, 1888. En Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia).

Do que se deduce que os hidrónimos tipo Fonteculler (Culleredo) virían motivados tambén pola existencia en tempos pasados dun destes culleróns comunitarios para beber, tan pouco hixiénicos e que deberon ser bastante correntes nas fontes públicas. Non terían que ver, polo tanto, coa acepción de culher coma "cágado ou cría da rá"; hipótese que se ten barallado ó respecto da motivación destes hidrónimos.

Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia) atopa dous casos máis nos que se documenta o cullerón nas fontes:

  • Na Gran Enciclopedia Galega, Antón Fraguas (sub "fontes") testemuña o feito de que na romaría de Augasantas (Cotobade) os romeiros servíanse da gran culler de ferro da fonte santa, para beber e se lavar.
  • El mesmo chegou a ver na romaría bergantiñá de San Fins de Castro (Cesullas) as dúas culleres de ferro penduradas ó carón do cano da fonte santa.

Chafariz da Colher - Porto. (C) Wikipedia.

O Chafariz da Colher de Porto ven verquido ó castelán como "Fuente de la Cosecha" na Wikipedia, baixo a presunción de que colher era o nome que tiña o imposto colectivo có que se fixo a fonte. Notamos o perigo da moda de facer traducións dos topónimos seguindo unha ou outra proposta etimolóxica, que a maioría das veces non son outra cousa que hipóteses sen contrastar: *Fuente de los Renacuajos? *Fuente de la Cosecha? É necesario respetar o nome na súa lingua orixinal ata onde sexa posible fixar a forma, xa que é a base para aproximarse ó seu significado e, dende el, á historia. O significado poderá fornecerse con máis ou menos seguridade, mais non se pode constituir en variante do topónimo verquido a unha outra lingua, sobre todo cando non exista tradición que avale o dobre nome.

* O autor emprega sempre esta grafía, que agora se ven considerando reintegracionista.

lunes, 16 de noviembre de 2020

A legua do frade: a demarcación territorial cunha pel de boi

A Legua do Frade é unha variante do conto cuxa versión máis antiga coñecida é a alusión na Eneida ó mito da fundación de Cartago pola raíña Elisa (Dido). Na variante galega, segundo lemos na obra de Vítor Vaqueiro (Guía da Galiza Máxica), un frade procedente de Armenteira quixo fundar unha igrexa no lugar da Barcia do Seixo (A Lama) e o arcebispo deulle unha pel de touro, para que escollese un terreo igual ó tamaño do coiro. Bastante pequeniña ía ser a igrexa fundada nunha superficie equivalente á do coiro... Pero entón, o frade colleu a pel e cortouna en finísimas fitas que uniu con nós ata formar unha correa dunha legua de lonxitude, coa que atinxiu un territorio moito maior para a súa fundación. A tradición sinala que foron os mesmos frades os que fixeron as mámoas da Portela da Cruz, como marcos de delimitación do territorio da Legua do Frade.

Coma no caso da lenda da fundación de Cartago, o espazo limitado polo frade coa súa correa de coiro de boi foi seguramente circular, xa que para unha mesma lonxitude perimetral a área abarcada é a máxima posible se a figura é circular, tanto como aproximadamente 1/4 máis da superficie contida nun cadrado de igual lonxitude de contorno. Isto é evidente e non fai falla ser matemático para sabelo.

Nun traballo de Rosario Soto Arias ("Da raíña Lupa e da tradición xacobea", Garoza, nº 3, 2003) refírese outra lenda semellante. Unha das informantes da autora, María Xesús Fernández Lopo, "sempre oíra dicir que esta Lupa foi a que collera unha pel de touro, e facendo estreitísimas tiras con ela, marcara os límites iniciais de Compostela". Na variante que recolleu Bouza Brey (1928) e que atopamos no estudio de Quintela e Santos-Estevez (Santuarios de la Galicia céltica, 2008, pg. 127) cóntase que cando Santiago quixo erguer unha catedral "escolleu unha grande carballeira e foi arrincando os carballos de ela, un por un con unha man sómente. Dempois estendeu unha pelica non chan, marcou os lindeiros onde se tiña que levantar a catedral e foi pondo as pedras todas".

O procedemento é o mesmo que se seguiu para formar os seles gandeiros do norte da Península Ibérica, de formar circular e cuxo perímetro foi medido nalgún caso con "un cuero de vaca o buey cortado en tiras a modo de cuerda" (Los seles de Busturialdea - Urdaibai. Paisaje, cultura y etnografía, Rementería Arruza e Quintana Peña, 2010). De forma que, frente á pértega ou á cadea, ou ó lanzamento dunha machada, aínda conservamos documentado o vello sistema de medida cun coiro de boi nas fundacións dos curros gandeiros (sáas ou seles).

O motivo do conto, "The Ground is Measured with a horse's skin (ox-hide)" (AT2400), atópase espallado por moitas partes. Na Irlanda, na lenda de Lady Dubhdath: "Lady Dubhdath's tomb is still to be seen in the centre of Lagg Castle. She lived in Cahiramee and got a grand of land from her father, as much land as her pony's skin would cover" (The National Folklore Collection, University College Dublin). Na India "la peau de la vache (gocarman) est, dans le Mahabharata, le vêtement du dieu Vishnu. Le gocarman, divisé en lanières renouées les unes aux autres, servit primitivement dans l'Inde à mesurer le contour des pièces de terre" (Gubernatis, Mithologie zoologique: Les legendes animales).

Boi fundacional na igrexa parroquial de Porzomillos.
(C) Onnega, 2006.

O coiro pode modernizarse nas versións máis recentes, transformándose nun pañuelo ou capa (Irlanda: A capa de Santa Bríxida), ou nuns calzóns ou polainiñas (Nova Iorque). Con 10 polainiñas valoradas en 60 moedas conseguiuse arrebatar a illa de Manhattan ós nativos americáns: a propósito do caso, Washington Irving conta a lenda da pel de búfalo, mais logo considéraa unha vella fábula. A realidade, segundo el, foi que os holandeses pediron tanta terra coma a que puidesen abranguer coa roupa interior dun home; os indios non contaban con que o home levaba postas 10 polainiñas, unha sobre outra coma capas de cebola.

No estudo de Andrew Newman, "The Dido Story in Accounts of Early Modern European Imperialism: An Antology" (Itinerario, V. 41, Special Issuee 1, 2017) temos algunhas das versións que se conservan do conto en América do Norte, África e Asia, entre elas, a adquisición da illa de Manhattan por 10 calzóns. Newman é partidario de considerar o conto pertencente ó tipo AT2400 coma un motivo cuxa dispersión vai ligada ó colonialismo europeo, principalmente español, portugués e holandés. Literalmente, terían sido os colonos os que lles "deron o pao" ós indíxenas seguindo o método da raíña Dido, que coñecerían pola vía culta (Virgilio, Eneida I, 368: "taurino quantum possent circumdare tergo").

Pola nosa parte, e aplicando algúns dos oito criterios establecidos na metodoloxía do profesor Xaverio Ballester para identificar os mitos de cronoloxía prehistórica ("Paradigma de la Continuidad Paleolítica", Liburna, nº 16-17, 2020, px. 19-48) pensamos que, en canto á motivación do mito, estamos ante unha lenda cuxa cronoloxía pode fixarse nun momento moi recuado do Paleolítico, cando o espazo que ocupaba un ser humano na súa comunidade limitábase únicamente ó que marcaba o seu coiro de durmir (de bóvido, preferentemente) extendido na cova, abrigo, cabana ou tenda. Nunha sociedade de cazadores - recolectores non fai falla máis. Coas novas formas económicas baseadas na gandeiría e a agricultura é necesario abranguer un territorio privado maior que ten que se delimitar. Este momento de cambio cultural é o tema central do conto AT2400. Nel relátase un choque cultural entre dúas concepcións que reflicten diferentes necesidades espaciais: a minimal dos cazadores-recolectores (que lles basta un coiro de boi como espazo persoal privado) e a territorial dos pastores e agricultores (que precisan máis espazo, teñen que estirar o coiro), entón xurde o malentendido que é a motivación do conto.

Outros dos criterios do profesor Ballester cadran coa enorme antigüidade do AT2400: a súa gran dispersión ("ya que un mito en condiciones normales y puramente orales ha necesitado de un gran lapso de tiempo para poder extenderse"), e, sen intención de esgotar os criterios, a súa variabilidade, ("como sucede en la genética y en la lengua, a mayor variabilidad interna tendremos mayor antigüedad"), que se manifesta no cambio que lle acontece á pel de boi - capa - calzóns, e ós actores, raíña Dido e rei mouro - frade e bispo - lady Dubhdath e o seu pai, etc.

Doutra banda, e seguindo as indicacións do profesor Ballester, que neste punto retoma as notas de D'Huy, observamos que o noso mito, ó espallarse tambén por América, tivo que formarse no momento en que "un antiguo puente terrestre conectaba la actual Alasca y Siberia oriental durante la edad del Hielo del Pleistoceno" (ib. px. 24). 

O vigor e vixencia da vella fábula paleolítica na Laurasia (nos estudos mitolóxicos paleolíticos: América e Eurasia) débese ós continuos movementos poboacionais. A fábula é probable indicador de movementos migratorios na prehistoria que aportan novas formas económicas e cambios culturais. É por elo que chegou case ata noso tempo, conservada viva na oralidade, e puido aplicárselle ó modo de establecemento dos colonos portugueses e españois nas súas expedicións ás Indias occidentais e orientais.

domingo, 8 de noviembre de 2020

A raposiña de Morás: a arpía galega

Veño de ler o interesante resumo que tivo a amabilidade de enviarme o músico e investigador asturianista Daniel García de la Cuesta sobre a etimoloxía da palabra harpa, parte da monografía que ten adicada a este instrumento musical (Harpa y la so presencia n'Asturies, 2004). Nel saen as arpías, e as raposas. Como podería eu concretar e visualizar máis claramente a relación entre elas? Entón, dándolle voltas ó asunto, non me quedou máis remedio que lembrar a historia da raposiña de Morás que conta don Antonio de la Iglesia nun dos seus papeis manuscritos, case que ilexibles, polo costume que tiña o erudito de escribir os seus apuntes a xeito de palimpsestos, sobre vellos impresos, cun feixe de incisos intercalados e chamadas.

A raposiña de Morás é unha figura da mitoloxía galega prácticamente descoñecida, antiquísima e en perigo de extinción. Ten moitos outros nomes: raposiña do Morrazo, raposiña das Mordazas, raposa dos Morganzos, etc. O único estudo longo que se lle ten adicado é o de Aitor Freán Campo, onde a equipara có Cancerbeiro: "El Urco en Galicia y Asturias: análisis y caracterización", Boletín de Literatura Oral, 14/07/20.

Pasamos entón á ler a miña transcrición, lixeiramente modernizada nas grafías e certamente incompleta aínda que respetuosa co orixinal, da historia da raposiña de Morás, contada por don Antonio de la Iglesia a finais do século XIX. Veremos que as características da raposiña son as mesmas dunha arpía grega (cfr.): un ave de rapiña hibridada morfolóxica e etimolóxicamente coa raposa, que, como as arpías, secuestra e conduce as almas ó Alén. Aplicamos, entón, a proposta de García de la Cuesta ó noso ámbito territorial e comprobamos que nel existiu o mito prehistórico dos secuestradores de almas que veñen polo aire. O mito tería xurdido, segundo pensamos, nos albores da humanidade da observación do comportamento das aves rapaces e carroñeiras.

Aparición da raposiña de Morás na carballeira de San Lourenzo (Santiago de Compostela)

No medio do campo e carballeira de San Lourenzo hai unha peneda disforme que era moitismo máis grande noutro tempo, mais fóronlle metendo barrenos e barrenos nas entrañas e sacando anaquiños para a obra do convento, e quedou así esmornada e redocida segundo se ve. Extendíase ademáis a citada peneda polo que agora lle chaman a Poza dos Cans [...]. Frente ó lado norte da Poza corre a liña de casas chamadas do Penal, construídas en alto enriba da peneda [...]. Tómase alí ben o sol no inverno, e queda a costume de sempre sentarse a parolar alí a xente, aunque sea de noite.

Sucedeu nunha delas que vellos e mozos tantos contos e casos alí contaron, que se foi pasando sin sentir gran parte dunha noite oscura, aunque temperada e serena; e tan distraídos estaban que, ou fose por esto, ou polo vento contrario, non sentiron hora ninguna do reló da catedral, e pasaba xa da media noite cando ouviron un grito, un ¡ai! no ceo, encima deles, que os obrigou a calar e mirar para riba. E viron que viña do norte a raposiña de Morás polo aire, botando llamas pola boca, e, que sin deterse, foi a dar o segundo grito ó pasar por encima da torre do convento, e o terceiro ¡ai! aló por encima do Pinal e montes da Curitaina e do Agrasán.

Habíanse levantado todos os circunstantes có asombro, e o máis ancián deles, que se chamaba D. Roque, a petición dos outros [...] dirixen uns Pater Nósteres, Ave Marías e Gloria Patries, que rezaron por todas as benditas almas do Purgatorio, marchándose seguidamente cada un para súa casa, preocupados e conmovidos, que apenas poideron dormir en todo o resto da noite. A alma tan delorosamente en pena, simbolizada na raposiña de Morás, foi un motivo máis que suficiente e poderoso para traer, como trouxo, por uns días, tristes, macilentos, abatidos e meditabundos ós da tertulia do Penal de San Lourenzo [...] (Folk-Lore gallego : os aparecidos. III-IV, 1890).

Baixorrelevo asirio dun voitre psicopompo levando os intestinos dun morto ó Alén - British Museum, século VIII a.C. (C) Dolores González de la Peña, 2013.

Estes espíritus que veñen polo aire, precursores da morte, aparecen indirectamente no céltico insular na denominación dos espanta-bruxas coñecidos como sheela-na-gigs. Lembramos o complicado que é achegarse ó spelling das linguas goidélicas, nas que para o caso que nos ocupa o aire / vento é  geay en manés e gaoth en irlandés, e que a pronunciación é [ɡiː]. Suxerimos por elo que nun dos spellings populares da figura, Síle na Ghaoth (Tipperary), consérvase o significado verdadeiro que a vencella cos espíritus que veñen polo aire anunciadores da viaxe ó Alen, ós que ela pretende afunguentar amosando a súa vulva: a vida frente á morte.

sábado, 7 de noviembre de 2020

Modorras da Braña de Ernes (Negueira de Muñiz)


Situación da Braña de Ernes segundo as minutas cartográficas do IGN: ó sur de Ernes e ó leste de Escanlar, na aba sur do serrón das Penas de Libria.

Cabaniñas da Braña de Ernes cos seus corrais. Nos arredores, o microtopónimo Lagoas ou Laguas Braña conserva o nome do vello poboado, hoxe desaparecido dos mapas.

Escanlar de Ernes "está entre dos arroyos que se unen y forman el río del Guadramil. El de la derecha tiene principio en la Braña de Ernes o Sierra de Busbeirón, que fue lugar de vecinos hoy despoblado y está en letigio si es de Burón o de Asturias. En esta Sierra de Busbeirón o Braña de Ernes se halla una laguna que llaman de Correlos y en la circunferencia de ella, tres o cuatro modorras o sepulcros antiguos" (Antonio María Queipo y Ron: "Descripción topográfica del concejo de Allande", 1798, en Diccionario Geográfico de España (Asturias), Tomás López, MSS/7295 da BNE, f. 367r).

Imaxe capturada có Google Earth que amosa o anel dun dos currais (cecais lagoa) da Braña de Ernes. No perímetro parecen intuirse os tres ou catro túmulos dos que fala Queipo.

E como coidamos que chegar a Ernes ven sendo como adentrarse no Amazonas, e superaría as nosas posibilidades (xa foi moito chegar a Pesoz), abandoamos a idea de investigar in situ arqueotoponímicamente a correlación entre as brañas o pastoreo neolítico e os túmulos, non sen antes anotar a descrición de Queipo das medorras de Foxo (Barcela), tambén en Negueira de Muñiz, estas xa inventariadas por Patrimonio: "en este número 14 [Foxo] a orillas del Navia se hallan cuatro modorras muy grandes que son unos cúmulos de tierra artificiales de figura de media naranja que habrán sido sepulcros gentílicos" (ib. f. 365v). No Visor PBA da Xunta, a parcela que ocupan as medorras chámase Santos.

miércoles, 4 de noviembre de 2020

Cendadella e a vía natural entre Asturias e Galicia polo Porto do Acevo

Segundo Jovellanos, o señor Antonio María Queipo y Ron foi autor dunha "Descripción topográfica del concejo de Allande", que ven sendo a que se atopa no Diccionario Geográfico de España (Asturias), de Tomás López (MSS/7295 da BNE, f. 362r-380v), xunto cun mapa do concello, datado todo elo no mes de xullo de 1798. Esta aclaración ven ó caso porque na tese de doutoramento de Pedro Pisa Menéndez a descrición do concello de Allande atribúese a Matías Menéndez de Luarca. Non é así, aínda que ignoramos cómo se chegou a errónea atribución do texto (Red viaria en Asturias: de las vías romanas del oro a los caminos medievales, 2015), que cecáis fora copia do orixinal.

Todo o manuscrito de Queipo y Ron é interesantísimo, no que atinxe á etnografía, á política da época, á arqueoloxía, á xeografía e incluso á lingüística, chegando a recoller o autor diversas acepcións de palabras faladas na zona, cuxa lingua é considerada por el como un amestao de galego e castelán antigo.

En canto á rede viaria, vou transcribir o párrafo que nos permitirá seguir o trazado da vía pecuaria ou camiño francés que viña de Salime e subía ata o Porto do Acevo. Verase entón a orientación do trazado, cara Hospital de Cuía, non cara Grandas de Salime e o castro de Chao Samartín, como pretende Pisa Menéndez no seu traballo de doutoramento.

"A la izquierda del Navia el despoblado Eirado, en el que antiguamente (según consta por tradición) se celebraba un mercado, y había en el Navia en aquel sitio una puente magnífica por la que pasaba una carretera que subía por las Lamas a Fulgueiras y a la Mesa&a: cuyos vestigios se reconocen bien en el día, y se dice que era esta el camino francés, hasta que llevó el río aquel puente, que por ser muy costoso [de reconstruir] en aquel sitio se pasó a Salime; no hay duda que está bien fundada esta tradición, por ser mucho más cómodo este camino (que bajaba diagonalmente con muy poco declive al dicho Eirado, y subía del mismo modo al Hospital de la (Cuya) digo Cuhia) que el que baja perpendicularmente a Salime y sube del mismo modo a Grandas" (f. 370r).

Mapa de Allande por Queipo y Ron, 1778. (C) BNE.

En laranxa, a carreteira á que se refire Queipo, a cal, tras pasar a vella ponte de Eirado sobre o Navia (destruída nunha chea do río), en diagonal ía cara Hospital de Cuía e cara Galicia polo Porto do Acevo, saída natural dende Cuía.

A milenaria vía pecuaria natural, logo reaproveitada como calzada romana ou camiño francés, e Camiño de Santiago, chega entón ás próximas medorras da Cabreira, de onde pode tirar por Fonfría ou pasar por diante da Cendadella. E ata aquí queriamos chegar para presentar outro topónimo derivado do latín civitaticulam, que probablemente marque una statio ou mutatio viaria, campamento militar nun cruce de estradas. Variantes do topónimo: Ceadella (campamento romano - Sobrado), Xiradella / Siradella (castro - O Grove).

A Cendadella. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Vóo Americán de 1956-57.

Chao do Arco, microtopónimo que designou algún elemento arquitectónico que arrodeaba a Cendadella polo oeste. Vense uns caminiños que se achegan ó interior do recinto, o cal aproveita as rochas naturais como defensa. (C) Minutas Cartográficas do IGN.

domingo, 1 de noviembre de 2020

O rosario de castañas

Eu tiven a sorte de levar rosario de zonchos (castañas cocidas coa pel) no Día de Defuntos. A miña aboa paterna facíanolos á miña irmá e máis a min: eran uns rosarios enormes que chegaban pola cintura, e penso que dobres ou triples. Aínda que non lembro ben a cousa, só que logo o fío víase moito para o meu gusto, unha vez que comías dúas ou tres castañas.

O rosario non era un simple colar, como adoita pensarse; era un rosario cristián que tiña a función de liberar almas do Purgatorio a medida que se rezaba ou se comía. Recuperamos a súa condición de rosario co conto gótico de Bermúdez Jambrina publicado na Revista Gallega (1895-1907, nº 503):

O rosario de castañas (Conto do día de Difuntos)

-¡Miña abolita! Pasadomañán é o día dos difuntiños. ¿Háme facer un rosario de castañas tan grande coma o do ano derradeiro?

-Sí, miña xoyina, sí, hei mercar un ferrado de zonchos é heiche facer un, moito mais grande qu'o que ten pendurado da cintura o frade franciscano que che dou onte as mazás tabardillas. Pero dinantes tes que ser bó, adeprendel-as leuciós, obedecer cando eu te chamo é sobre todo facer ó que che dixen, rezar todal-as noites pol-os teus pais.

-¿E quen son os meus pais, aboliña? ¿Por qué non veñen a verme y-a darme bicos coma mos dás tí e como llos dan á Xiliño, o do lado, os seus pais?

-Cala, neniño, cala: non poden vir porqu'están no ceo. Reza, reza por eles. Quero que te acostumes á rezar pra que cando eu morra pidas tamén á Dios pol-a miña alma.

[Mais tristemente, e non sen antes facerlle o rosario de zonchos ó netiño, a aboíña morre tras sufrir un accidente, atropelada polo imprudente señor do Pazo da Sal. O seu corpo é trasladado ó Pazo:]

O salón do Pazo da Sal vístese de colgarellos mouros. No medio, colocada n-unha caixa, moura tamén, descansa o corpo da tía Antona. De rodillas diante d'ela está o pobre pequeno: ten pendorado ao pescozo un rosario longo de castañas e chora esconsolado salayando con angustia que parte á y-alma.

Aquel día era o de difuntos. As doce da noite daban na campá do Pazo, cando a xente que estaba no salón mouro quedouse suspensa e ademirada. A tia Antona ergueuse na caixa e dirinxíndose ao neto díxolle: "Xorxiño, reza pol-os teus pais e por min, reza".

O pequeno, sonrinte e contento, comezou a marmular un rezo docísimo como o rezo d'un anxel: as xentes maquinalmente caeron de xionllos é acompañaron nas suas oraciós ao neno, que caeu morto cando terminou de repasar entre os seus dedos as castañas do rosario que lle fixera a aboliña.




O ciclo do toxo: un exemplo de sustentabilidade

 

Pisando toxo na Irlanda. (C) Ulster Folk & Transport Museum Collections.

Verea y Aguiar na súa Historia de Galicia esmilagrábase de como valorabamos os nosos costumes cando viñan sancionados polos de fóra: "Una prueba de la crasa ignorancia que hay sobre las cosas de Galicia es lo que he visto en una de las Gacetas de Madrid hacia el año de 18: en ella se dio la interesante noticia de que en Irlanda sirve de excelente alimento para el ganado vacuno en el invierno el tojo pisado. En Galicia es muy común esto desde tiempo inmemorial: se pisan las ramas de este arbusto, y mezclado con hierba se forma una especie de pasta que nutre perfectamente y cría la delicada carne del buey cebón. Pero esta noticia nada valía, si no viniese de Irlanda" (Historia de Galicia, 1ª ed. 1838*, Imprenta de Nicasio Taxonera, Ferrol, px. 86-87).

Agora atopamos outra referencia ó toxo como penso, na descripción dos Montes de Brión (Ferrol): "los montes están poblados en tojos, que es un arbusto de corto tamaño y duración, imitante a la ulaga, los que sirven para leña y a propósito para cocer pan; cuando son tiernos los cortan para pisarlos y mantiene el ganado vacuno, cabruno y mular en el invierno, cuando los campos no tienen hierbas" ("Montes de Brión y la Villa de la Graña", por José Castroviejo Barreiro, 1798 - Diccionario Geográfico de España: La Coruña y Lugo, Tomás López, f. 400).

Mazadoiro de toxo en Cabreiros (Xermade - Lugo). (C) Fotografía por cortesía de Miguel Losada.

Por que non saiu adiante a máquina trituradora de toxo para penso que presentou Rof Codina no seu artigo "Interesante máquina trituradora de tojo" (El Progreso Agrícola y Pecuario, 15-03-1913)? Pois porque o ciclo do toxo non remata inmediatamente nos billetes do ciclo do eucalipto ós que nos teñen acostumados; o ciclo do toxo é longo e sustentable: cómese (como penso fai unha carne de calidade), cágase (fai o estrume que fertiliza os campos), é un combustible barato, fai un mel boísimo... Demasiado bó e respetuoso coa natureza como para servir ós intereses do capitalismo depredador. Poderán facerse kleenex da celulosa do toxo? A cousa cambiaría entón.

Nestes tempos de reciclaxes mal entendidos nos que se confunde a simple reutilización co reciclado, coa  participación da materia nun sistema produtivo que abrangue varias utilidades económicas para voltar sobre se mesma, teriamos que recuperar o vello ciclo do toxo, e tambén estudalo e propoñelo como modelo a imitar para reverter a insostible situación produtiva actual. Velaí un dos estudos dos que estamos a falar: "Aprovechamiento del matorral como combustible en calderas de biomasa", Irene Mediavilla", 2017 (7º Congreso Forestal Español - Plasencia).


*O meu exemplar foi atopado a piques de ser tirado nun contedor de reciclado de papel.


sábado, 31 de octubre de 2020

O Ceao / O Xián / O Ceán

 

Alto do Ceán ou do Xián en San Cremenzo de Pazos (Zas). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia - capa do Vóo Americán de 1956-57.

A chave da etimoloxía que imos propoñer baséase na orografía do terreo; adaptámola á elevación que recibe o nome. Descartamos entón que os topónimos Ceao / Ceán / Xián / Xiao sexan derivados do latín planum, "chao", en alusión as penichairas de montaña, con variadas solucións da africada palatal provinte do grupo pl- inicial. Segundo pensamos, serían derivados patrimoniais dun termo indoeuropeo *SIL-, "colina, túmulo", do que sae o inglés hill, con aspiración do s- inicial. Deducímolo do nome Selbarrowe Hill (século XVI, actual Silbury Hill), que podería conter de forma tautolóxica as dúas formas da base proposta, sen e con aspiración do s- inicial respectivamente: Sel / Sil - Hill.

Silbury Hill - Montaña do Túmulo Montaña.

No noso territorio cabe nesta proposta a pseusolatinización como Iulianus > Xián e a reinterpretación como chan < latín planum. Así a medoña de Xan Rei no Alto do Xestoso cecáis sexa unha "montaña do rei".

Non satisface o étimo *SIL-? Aínda temos algún máis: a toponimia deste tipo podería ter derivado, mediante sufixación, do céltico *OKELO, "altura, elevación".

viernes, 30 de octubre de 2020

Hallstatt, o cloruro sódico e os seles (sáas)

 


Xunto ó Castro da Redonda (O Enxeito - Friol) desprégase o que foi unha antiga sala para o gando. A toponimia das fichas catastrais do parcelario amosa unha oscilación no xénero do sustantivo (Monte da Sel / Monte do Sal), así como a alternancia no vocalismo Sel / Sal. O topónimo Monte do Sal lémbranos ó de Costa do Sal (Coirós) do que xa tratamos nunha entrada anterior, vencellando o nome de lugar coa práctica de botarlle sal ó gando en determinados lugares como complemento da súa nutrición, xa dende a prehistoria.

O nome que recibe a que se pensa que foi a cultura céltica por excelencia, a que reflicten os achádegos de Hallstatt, ven cecáis da palabra do indoeuropeo do oeste que designaba o cloruro sódico, cunha aspiración do s- inicial: sal > hal (Hallstat = o lugar do sal, estación do sal). Segundo pensamos agora, esta mesma base rematou por dar nome tambén ás salas > sáas (seles) onde se recollía o gando para tomar o nutriente esencial para o seu crecemento e pasar a noite. Deiquí xurdirían despois o hall do inglés, ou o salón do español, con significados moito máis modernos.

O sal das minas de Hallstatt extraíase dende a prehistoria como complemento nutricional das explotacións gandeiras do seu entorno. Polo tanto hai unha relación moi estreita entre o sal e a gandeiría. É por elo que propoñemos a deriva semántica do termo, da súa acepción primeira de mineral (Na Cl) ata chegar á de lugar onde se garda e se distribúe o cloruro sódico entre o gando, que tería formado un primitivo asentamento pastoril.

Vilasal (Tordoia) cun novo castriño marxinal no borde da vella sá (sel gandeiro). Chama a atención o microtopónimo dunha das fichas catastrais, Resío do Castro.

Seguindo a Gamkrelidze, a palabra para o sal chegou ás linguas fino-úgricas cecáis dende o tocario (tocario B: salyiye) ou "otherwise from western Indo-European, cf. OLat. sale 'salt'"; xa que non é unha palabra común das linguas indoiranias, onde só se atopa como reliquia en sánscrito, sal-ilá, "mar".

Antiga fotografía dos dous vasos campaniformes (bell-beaker) de Vilavella - As Pontes de García de García Rodríguez, unidos polo seu descubridor, Santiago de la Iglesia, como se foran parte dun só exemplar.

Segundo Elisa Guerra Doce et al. ("Bell beaker pottery as a symbolic marker of property rights: the case of salt production center of Molino Sanchón II, Zamora, Spain", 2015) a cerámica campaniforme aparece ligada non só á metalurxia, senón a centros productores de sal. Doutra banda, a análise do vaso campaniforme de Vilavella realizado por Carmelo Fernández Ibáñez deu positivo no test de cloruros, cousa que sorprendeu moito ó técnico, aínda que tentou explicalo por cristalización do sal ambiental sobre a superficie cerámica (a pesares de aparecer os fragmentos dos cacharros na base do túmulo), como sucede sobre a pedra exposta ó ar libre.

Un dos túmulos de Vilavella (As Pontes), segundo Santiago de la Iglesia.

A palabra sá non sería, entón, de orixe xermánica, senón céltica (Celtic from the West), xurdida  no ámbito da cultura gandeira celto-atlántica da produción e comercio do sal, caracterizada polos enterramentos tumulares, a cerámica campaniforme e os peches gandeiros e habitacionais que levaron o nome do mineral (sáas ou seles, chalets, etc.). Os castrexos, ó que parece, virían despois dominar a sá, non dende o seu centro, senón dende a periferia, nunha posición separada e cunhas construcións defensivas e de coacción sobre os seus (1) que semella indicar o xurdimento de dúas castas: os da sá / os do castro; aldeáns / urbanitas; proletarios / señores. É por elo que as notas definitorias dos mouros habitantes dos castros no folkore galego, vistos polo paisano, son a riqueza, a avaricia, a malignidade e a crueldade características dos déspotes. No folklore da Basse Navarre acontece o mesmo cos mairiak: "les Mairiak sont des hommes durs et avaricieux. Ces deux derniers adjectifs reviennent fréquemment dans les réponses. Partout les Mairiak, répétons-le, sont tenus pour riches, avares et égoïstes" (Reicher e Lafon, "Des personnages mal connus du folklore basque: les Mairiak", Revue de l'histoire des religions, 1940).

(1) Neste senso pronúncianse Delgado Borrajo e Grande Rodríguez sobre as defensas dos castros e o militarismo crecente desta sociedade: "militarismo creciente como medio de protección pero sobre todo, de coacción al resto de la comunidad que lleva a cabo el trabajo productivo" ("La Gallaecia antigua: diversidad, paisaje rural, estructura social y poblamiento", Herakleion 2, 2009, pxs. 61-92).

lunes, 26 de octubre de 2020

Percibindo os nosos ancestros nuha paisaxe sacra. O hórreo como tumba e templo.

Texto: Dolores González de la Peña
Fotografías: Anxo Martínez-de Alegría

O ollar non acostumado, nidio e limpo de preconceitos dos estranxeiros que visitan ó noso país é capaz de ver a paisaxe de Galicia inzada de hórreos como o que realmente é: unha paisaxe monumental sacralizada. “Sonche capeliñas, non si?”. Nós, con certa suficiencia, respostámoslles: “son graneiros para curar o maínzo”. E quedamos satisfeitos. Castelao tambén contaba a mesma anécdota que lle acontecera cos turistas; foi el quen forneceu a primeira explicación etnográfica sobre o aspecto dos hórreos, que semellan pequenos templos ás veces agrupados, coas cruces nos seus testeiros. Dicía o mestre que a feitura relixiosa dos hórreos viña do respeto que os galegos sentiamos polo pan. Bicabámolo se tiñamos que tiralo, pois o pan non é outra cousa que o Corpo do Noso Señor. É por iso que os hórreos terían forma de relicarios ou uchas sagras, xa que gardan o pan de todo o ano. Pola nosa conta engadimos que sen dúbida foron tambén tumbas, ó agocharen un Corpo Santo.

O enigmático uso funerario do hórreo através dos tempos e da xeografía, en varias culturas lonxanas afastadas do cristianismo, ven sinalando unha hipótese ben máis fascinante: non sería o hórreo o que ten feitura relixiosa, pola contra son as tumbas, os templos e as igrexas as que adoptan feitura de graneiros. Antes de acadar a súa categoría singular, as tumbas e os templos foron primeiro hórreos elevados sobre esteos para evitar a humidade do chan. Neste artigo imos ver como é que o hórreo (despensa-graneiro) chegou a ter unha función funeraria que deu paso á súa conversión en relicario (contedor sagro) e logo templo.

Hórreo de San Paio de Navia (Vigo) cun rosetón de ventilación sobre a porta, calado cunha flor hexapétala. O prototipo acadará maior esplendor nos rosetóns das igrexas. Fotografía: Anxo Martínez-de Alegría.

Cumpre, entón, fornecer unha pequena mostra da práctica funeraria antiga da deposición das reliquias dos defuntos en hórreos ou urnas funerarias en forma de graneiros. No territorio ocupado pola antiga Gallaecia este costume practicouse, aínda que nos pareza increíble, ata mediados do século pasado nos Ancares leoneses. Antes de ser enterrado, o corpo do defunto era gardado cinco días no hórreo, cun podón de mango curto sobre o peito, segundo refire o etnólogo Clodio González. Poderiamos preguntarnos se a deposición no hórreo viña da necesidade meramente práctica de preservar o corpo ata o momento do enterro. Mais o detalle da ferramenta sobre o peito do defunto suxire que se trata dun ritual funerario moi lonxano, xa incompresible.

Na Idade do Bronce en Centroeuropa, na zona da Pomerania, tiñan o costume de depositar as cinzas dos defuntos en urnas cinerarias en forma de hórreo. Hórreos idénticos ós nosos, que lles serviron a Jorge Dias e á súa equipa para soster a idea de que os hórreos galegos e os espigueiros portugueses foran de orixe sueva. Mais os horrea prerrománs que están a atoparse nos castros galaicos (Outeiro do Castro, entre Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía), ou as testemuñas dos historiadores románs, Varrón e Plinio, que documentaron abraiados o feito de que na Hispania Citerior se construían graneiros de madeira sobre soportes que permitían a ventilación dende abaixo, non serven para alicerzar a tese da orixe sueva do hórreo no noroeste peninsular. O hórreo galego ven de moito antes. E onde nos referimos ó galego, pode entenderse o do noroeste en xeral.

Hórreo en Abelleira (Muros). Fotografía: Anxo Martínez-de Alegría.

Outro exemplo do uso funerario dos graneiros son as coñecidas como urnas ou estelas oikomorfas de La Bureba (Burgos), de época romá aínda que seguindo tradicións funerarias autóctonas anteriores á romanización. Máis que forma de casiña, para nós teñen forma de hórreo elevado sobre piares, cunha decoración como a que aínda levan os hórreos asturiáns máis antigos, a base de símboloxía solar protectora: hexapétalas, radiais, hexasqueis, etc. 

Urna oikomorfa de Poza de la Sal segundo a base de datos Hispania Epigraphica, exemplar 31412.

A imaxe da urna funeraria en forma de hórreo de Poza de la Sal serve para achegármonos polo miúdo á estructura arquitectónica do templo grego e comprobar que se calca sobre a dun hórreo: os paneis laterais dos hórreos prefiguran as metopas decoradas dos templos; os esteos dos hórreos avanzan o que serán os fustes das columnas nos templos; os tornarratos desenvolveranse nos capiteis das distintas ordes; e a propia cámara do hórreo petrificarase como frontón dos templos. O arquitecto Luis Moya xa establecera un paralelismo formal, aínda que non funcional, entre os hórreos galegos a dúas augas e as tumbas licias, as urnas cinceiro etruscas e a arquitectura do templo clásico grego. Mais dende o noso punto de vista non se trataría só do uso da mesma técnica construtiva nos hórreos, nas urnas funerarias e nos templos, senón que na antigüidade os tres non se diferenciaban, foron unha mesma construción: unha cámara sagrada elevada sobre piares. Sagrada polo seu contido. Doutra banda, o estudo filolóxico apórtanos información insospeitada: do termo cella xurden tanto celeiro (graneiro) como cella (o sancta sanctorum dos templos, o sagrario).

Exclusivas da Gallaecia tardoantiga son as tampas sepulcrais chamadas laudas de estola, como a de Modesa ou Modesta atopada en Rebordáns. Reciben este nome porque a forma en aspa coa que van decoradas lembra a estola dos diáconos. Coidamos que o motivo da chamada estola podería tentar reflictir a forma do teito a catro augas dun hórreo. Vese na feitura de hórreo arcaico do belísimo sepulcro do Conde Santo de Vilanova de Lourenzá.

Sepulcro do Conde Santo en Vilanova de Lourenza. Fotografía: Dolores González de la Peña.

O teito a catro augas (con perfís en forma de estola) vai cuberto coa tella de lousa dos hórreos galaicos lucenses disposta como escama de peixe. Leva nos laterais a trama vexetal dos hórreos, como cinguida no medio pola faixa; e nos frontais, os penais como dúas columniñas. A arca exhíbese na actualidade como un hórreo, sobre uns pés de feitura máis recente, aínda que probablemente seguindo unha tradición moi antiga. É de salientar que a decoración protectora de flores hexapétalas dobres e sinxelas que luce no teito e nos frontais é a mesma que levan os antigos hórreos asturiáns ou o hórreo fotografado por nós en San Paio de Navia (Vigo). O interese da peza vese incrementado polo feito de que se trata dunha arca marmorica, é dicir, un hórreo de alabastro, que chegou navegando polo océano segundo a tradición lendaria conservada na vila de Lourenzá. Repítese aquí, logo, o vello motivo folclórico que conta a chegada ás nosas costas do corpo do patrón Santiago Apóstolo.

Asemade, a comparación etnográfica apórtanos datos moi interesantes e esclarecedores sobre o simbolismo do hórreo como tumba e, logo, templo. En África para os nativos kapsiki de Camerún e Nixeria ter un hórreo reflictía habitar o mundo, ser unha persona real, con fogar, labradíos e bens. Como en Galicia, onde se adoita grabar a data da súa construcción e o nome do clan familiar no testeiro, o hórreo dos kapsiki viña a ser un alter ego do seu propietario. A identidade ía aínda máis aló pois as tumbas que estes excavaban lembraban na súa forma a graneiros (Van Beek e Avontuur). Os kapsiki chegan a dicir que “un chefe nunca deixa o seu fogar senón que é inhumado baixo o seu graneiro”. A súa máxima acércanos á sacralidade do hórreo como símbolo territorial dun clan, fundado polos ancestros da familia. O hórreo é, pois, alicerce sobre o cal se estabelece a ancestralidade, un edificio místico-relixioso: graneiro, tumba dos antergos, templo da comunidade. O antepasado fundador, case que divinizado na arca familiar, protexe coa súa presenza a comunidade e os seus bens máis prezados.

Hórreo en Aldán. Fotografía: Anxo Martínez-de Alegría.

Sobre a apaixoante cuestión da orixe dos hórreos téñense pronunciado moitos investigadores. Ademáis da hipótese da orixe sueva, temos a da orixe palafítica, con moita máis sona, que propuxera o polaco Frankowski. Este estudoso foi o primeiro que adicou unha monografía ós hórreos do noroeste da Península Ibérica (1918), cuxa orixe remontaba ás técnicas construtivas das vivendas das aldeas lacustres da prehistoria europea, sostidas sobre paus. Pola súa parte, na tese de doutoramento do francés Abel Bouhier (1979), adicada ó estudo do complexo agrario galego, concluíase que a área de distribución dos hórreos en Galicia superpoñíase á área de distribución das cámaras funerarias megalíticas. De novo a filoloxía ven aportar outro dato que liga ámbolos dous, pois o nome de arcas en galego aplicouse tanto ós dolmens como ós celeiros. Máis aló da semellanza formal entre uns e outros, nós aventuramos unha identidade funcional entre as cámaras dos megálitos e os horrea tras o repaso transcultural fornecido a prol do motivo dos graneiros como contedores funerarios (e logo templos) na antigüidade e na actualidade, con vestixios deste costume que chegan ata os nosos días nos Ancares leoneses. Cecais por esta razón Jovellanos no seu primeiro testamento deixou por escrito a súa vontade, xa non tan extravagante, de ser enterrado nun solhorru, baixo un hórreo. É seguramente o carácter místico e trascendental do hórreo o que pode explicar o feito sorprendente de que a igrexa onde oficiou por primeira vez San Patricio en Irlanda foi... un graneiro!