Mostrando entradas con la etiqueta defensas castrexas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta defensas castrexas. Mostrar todas las entradas

domingo, 11 de mayo de 2025

Coto dos Castros - O Burgo (Muras)

 


Novo castro no Coto dos Castros, preto do límite municipal entre As Pontes de García Rodríguez, Roupar (Xermade) e O Burgo (Muras). Toponimia relacionada: Castroia. Segundo me indica o filólogo Paulo Martínez Lema o topónimo Castroia podería ser un derivado de Castro, como pensamos nós, ou ben unha evolución dende o substantivo latino custodia, "atalaia, posto de vixiancia", o que habitualmente xerou toponimia como Costoira ou Costoia.

domingo, 16 de febrero de 2025

Castrosoiro e Oroso. Recintos castrexos destinados ó gando

No concello de Oroso e próximo ó límite entre os tres termos municipais do Pino, Oroso e Santiago de Compostela localízase o castro inventariado no PBA chamado A Medorra do Castro, poboado fortificado que se extendía en forma de antecastro ata o punto denominado Castrosoiro, sector que ía delimitado por un foxo aínda perceptible denominado Barreiras (cfr. microtopónimo na folla catastral).

O topónimo Castrosoiro non pode explicarse como un derivado de castro mediante a improbable secuencia de morfemas derivativos *-osorio, senón como unha forma composta de castro máis o antropónimo Osoiro, variante de Osorio, á súa vez, variante por metátese r-s > s-r do nome propio Orosio (ou viceversa). Ó que parece, temos atopado a orixe do nome do concello de Oroso no microtopónimo castrexo Castrosoiro, sendo unha destas dúas formas variante por metátese respecto da outra. Pode desbotarse, polo tanto, a proposta que considera Oroso un fitotopónimo provinte do latín he(d)erosus, derivado de hedera, "hedra".

A documentación máis antiga do topónimo Oroso presenta formas como "eroso" ou "heeroso", que aparentemente cadran coa etimoloxía hederosus, mais se explican polo carácter átono do primeiro o de *Orosio < Osorio, en contacto coa preposición de, e o h- inicial pola recorrente intención etimoloxizante dos escribáns medievais.

"feliglisia sancti martini de eroso" (ano 1214)

"sancti Martini de Heeroso" (ano 1291)

"Herosso de Çima e de Fondo na frigresía de san Martino de Herosso" (ano 1402)


Límite entre os concellos de Santiago, O Pino e Oroso. Ubicación de Castrosoiro.

Edelmiro Bascuas apuntara que as formas como a que atopamos no topónimo Castrosoiro, con metátese do i (Osoirio, ano 960) e Osoyro (ano 1009) tiñan unha certa presenza no galego antigo, e amais engadía que á vista da enorme difusión do nome Osorio en Galicia e Portugal podía darse por segura a súa orixe autóctona (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, punto 186). Pola súa parte Leite de Vasconcellos  xa sinalara a máis que posible relación entre os antropónimos Orosius e Osorius, considerando a este segundo como provinte do primeiro (Boullón Agrelo, Antroponimia medieval galega, 2014). Nós pensamos que é xustamente ó revés, posto que o antropónimo Osorio é abundantísimo na nosa documentación, mentras que o nome de Orosio apenas aparece dúas veces. Así, o nome do famoso historiador galaico do século IV, Paulo Orosio, ben podía ser un temprano caso de metátese dende a forma Osorio.

Respecto da discutida etimoloxía do antropónimo Osorio, Bascuas propón o tema ukwsō, da raíz hidronímica *wegw, "húmido", co que estarían ligados os substantivos indoeuropeos *ukwsen, "touro, semental", avéstico uxan, "touro / boi", *ukwsōr, "a mollada, a rosada" > latín uxor, "esposa". Entre os termos derivados deste tema que significan touro ou boi: galés ych, bretón ouhen, antigo islandés oxi, uxi, antigo inglés oxa, inglés ox, tocario B okso, etc. (Gamkrelidze e Ivanov: Indo-European and the Indo-Europeans. A Reconstruction and Historical Analysis of a Proto-Language and a Proto-Culture, 1995).

Seguindo a proposta etimolóxica de Bascuas, na nosa opinión o nome de Osoiro como segundo formante do microtopónimo Castrosoiro non sería aínda o antropónimo, senón un adxectivo que estaría a indicar que o antecastro do castro da Medorra estaba destinado a recinto gandeiro (Castrosoiro = "castro dos bois"). Como antropónimo xurdiría do vencello coa posesión e coidado do gando, significando probablemente "torero, boyero", e non "forte como un touro" (Bascuas, op. cit, punto 188.4).

lunes, 23 de octubre de 2023

A Cerca: castro do Castrillón / Os Castros - A Coruña

O castro coruñés situado no barrio dos Castros - O Castrillón fora obviado nunha revisión municipal do PXOM (2016) xa que, segundo o informe, non existían datos ou evidencias arqueográficas que amosaran a súa existencia, aínda a pesares da significativa toponimia Os Castros e Castrillón.




A continuación amosamos dúas fotografías aéreas nas que se percibe unha grande parte do valo ou parapeito exterior do castro ocupando a parte superior do Monte das Moas. As fotografías pertencen ós voos chamado Americano de 1945 e Interministerial de 1973 e pódense consultar na fototeca do IGN: https://fototeca.cnig.es/fototeca/

Voo Americano de 1945.

Voo Interministerial de 1973.

Da comparación entre as fotografías derívase que o sector noroeste do parapeito do castro conservouse case íntegro ata os anos 70, momento no que se comezaría o seu desmonte para convertilo na futura Rúa Antonio Rivas, que mantén na actualidade a forma elíptica característica do antigo valo do recinto prehistórico. Albíscase tamén que a zona da croa do castro foi aproveitada para unha incipiente praciña, na que logo se desenvolvería arquitectónicamente a moderna Praza da Concordia, baixo cuxa fonte, aproximadamente, estaría a croa do castro.

Amáis destes dous testemuños gráficos do pasado século, que proban sen dúbida a existencia dun gran recinto prehistórico no lugar, de foma elíptica, da Idade do Ferro ou cecais anterior, e de carácter habitacional ou gandeiro, tiñamos tamén indicios toponímicos fornecidos pola microtoponimia conservada no rueiro.

Segundo pensa o arqueólogo José María Bello Diéguez, ó que agradezo a comunicación persoal, o nome da Rúa da Cerca e o da Travesía da Cerca poderían ser vestixios onomásticos nos que se estivese a aludir ó parapeito (cerca) do castro / castrillón.

Nós dámoslle totalmente a razón. Nas fotografías vese que o parapeito conservado ata os anos 70 do pasado século estaba na liña que viña da Rúa da Cerca, que logo terminaría por se unir coa futura Rúa Antonio Ríos unha vez desmontado totalmente o valo. Logo, é moi posible que o topónimo Cerca que sobrevive no rueiro proveña da existencia no pasado, nese sector, da continuación do valo do recinto prehistórico, que se prolongaría ó longo da Rúa da Cerca, motivando dito odónimo.

O amigo Pancho Gallego, outrora habitante do antigo recinto castrexo do Castrillón / Os Castros, indícanos que a forma elíptica da rúa Hernansáez onde vivira algúns anos seguiría a forma do valo no seu sector suroeste, o que ten moito sentido. De feito, nunha inspección preliminar da volta da rúa Hernansáez vese perfectamente un testigo do valo no punto no que se incorpora á rúa do Xeneral Salcedo Molinuevo, cun desnivel que é salvado por unhas escaleiras, o que dá idea da altura que tivo que ter.




sábado, 30 de septiembre de 2023

Castro de Beleicón (Ferrol)

Na nosa opinión, o topónimo seguramente sexa un nomen possessoris, máis exactamente, un antropónimo derivado de Vellicus (cfr. o composto Endovellicus, formado polo céltico vailos, "lobo") mediante sufixo -oni (en caso xenitivo de posesión). Segundo Bascuas, o Beleicón de Ferrol xa se documenta na Idade Media como "Vileicon" (ano 1087). Dita terminación ás veces evolúe cara -ón, e outras a -oi ("Ulla, Veleia y otros derivados de la raíz céltica *wel- "hacer girar", Veleia, nº 17, 2000).


O poboado fortificado da Idade do Ferro ubícase preto da estrada de Catabois e a continuación do castro de Santa Mariña, no lugar de Beleicón. Non está aínda inventariado no Visor PBA, pero sí aparece marcado no de aproveitamentos forestais. O relevo e a configuración da croa, que aínda se conserva íntegramente, e a toponimia do lugar, indican claramente a súa condición de castro: a vía que conduce á croa aínda ten o nome de Camiño dos Castros, e as outras dúas que o arrodean gardan a memoria das defensas e da súa situación prominente sobre o terreo (Camiño do Paredón e O Petouto).

A estrada de Catabois amósase, pois, como unha antiga vía de comunicación natural en torno a que se ubicaron os poboados prehistóricos para se aproveitar dos beneficios económicos e comerciais que conlevaba a situación inmediata a unha vía de tránsito.

miércoles, 23 de agosto de 2023

Segureiras: os castros como recintos inexpugnables

 

Castro de Oleiros, Toques. Microtoponimia Segureiras e Turruxeira.

Nesta análise amosamos dous nomes patrimoniais de orixe céltico relativos a elementos estructurais dos recintos fortificados da Idade do Ferro, a croa (Segureira) e o parapeito (Turruxeira).

Nomeando a croa do recinto fortificado do castro de Oleiros en Toques aparece o microtopónimo Segureiras, que procede da base céltica *SEGH-, "forte", que orixinou numerosa toponimia vencellada ás fortificacións da Idade do Ferro (Segobriga > Segovia, Segorbe; Segontia > Sigüenza; Segisamo > Sísamo, Sasamón; etc.).

Na nosa proposta interpretativa pensamos nunha equivalencia entre esta base celta e o latín securus, "certo, firme, inmune, salvo", pola relación entre o sema principal relativo á fortaleza, apropiado para un recinto fortificado, e as connotacións de seguridade e protección que se derivan desta característica construtiva.

Aproveitamos para expor que non concordamos coa redución da raíz indoeuropea *SEGH- ó concepto de "victoria" que se fornece no IEW, deducido do senso do alemán sieg, "victoria". O alemán sieg provén do latín obsidio (cfr. francés assiéger, castelán asediar, galego-portugés asexar). Neste último punto coincidimos coa etimoloxía que Roque Barcia propuxera para o castelán asediar (Diccionario etimológico general de la lengua española, 1887). Así pois, o -g do alemán seig non remite a ningún -g indoeuropeo, senón a un grupo d+iode latino. Amais, o significado da base *SEGH- do IEW (base nº 1657) non é correcto: pensamos que se deducíu erroneamente polo peso que o filoxermanismo tivo na reconstrución da lingua común indoeuropea.

En parecidos termos exprésase Xaverio Ballester: "está el problema de la más extendida y pancéltica documentación de la acepción de 'vigor' que la más dudosa, desde luego de 'victoria' para dicha raíz, así en antiguo irlandés seg 'fuerza, vigor', galés hy 'audaz, osado' (Delamarre, 2003: 269). La presencia del segmento en numerosos antropónimos gálicos [...] no garantiza totalmente que en el céltico histórico la raíz poseyera ese valor, probablemente nuevo, de 'victoria' " ("De Segia a Ejea", 2021).

Así pois, parécenos ter resolto o problema combinando os coñecementos da lingüística indoeuropea e da románica, e establecendo dúas raíces:
  1. O indoeuropeo *SEGH-, 'forza, forte', é responsable da toponimia do tipo Segisamo ( > Sísamo) e da antroponimia gala e xermana que contén este segmento.
  2. Do latín obsidio, "asedio, asediar", ou do celta assedi-ago (v. nota **) sairían termos como o alemán seig, o galego-portugués asexo, ou o francés assiége.

A toponimia provinte de *SEGH- alude porén a asentamentos fortificados, seguros e inexpugnables polas súas defensas. Neste caso do castro de Oleiros a existencia das mesmas, ben visibles aínda, ven refrendada polo microtopónimo Turruxeiras: base prerromana *TUR-, "elevación, montículo, túmulo de terra", que ten orixinado topónimos como Turreiro / Torreiro / Churruchao (v. Currachao / Churruchao. A Pobra, Bascoi - Mesía), os que convén diferenciar polas súas características referenciais doutros Turreiro / Torreiro / Tarroeiro (derivados de terra). Dita base *TUR- é responsable da formación de léxico vivo como turrueiro, "cembo, terramonteiro, noiro" (Dicionario de dicionarios).

__________

** Cecais o aseddi-ago da ara votiva de Mieres (Nimmedo Aseddiago) sexa cognado céltico do latín obsidio, e podería traducirse como "[adicada] ó santuario da victoria ou do asedio", sendo porén un depósito votivo nun lugar consagrado a unha victoria bélica.

sábado, 12 de agosto de 2023

Arxeriz (O Saviñao) e outra toponimia en -eriz

 

O castro de Arxeriz. (C) Ecomuseo do Saviñao.

Se retomamos aquela pregunta que fixera Nicandro Ares sobre a cantidade de toponimia aparentemente de orixe xermana que aparece xunto dos castros, imos ver que a resposta vai ser que a súa orixe non é sempre, precisamente, o corpus dos nomes de posesores xermanos.

Podería ser o caso do castro de Arxeriz, no Saviñao, que cadra cun nome composto híbrido, formado pola base latina arx, "fortificación en altura" máis o nome de orixe celta Eriti ou Erite, coñecido pola forma sufixada ERITAECO da inscrición funeraria de Astorga, a cal sitúa nun castelo dos Lemavos chamado Eriti / Erite a origo da defunta Fabia, filla de Eburo.

Segundo Blanca Prósper o nome Erit-aeco pode ser equivalente do irlandés iriud, "fronteira, límite", ou pode estar relacionado co sánscrito parita, "amurallado, rodeado", xa que o celta logo perde o p- inicial (Lusitanian, a Non-Celtic Indo-European Language of Western Hispania, 2014). Nesta segunda posibilidade o topónimo Eriti / Erite podería aludir á cerca ou muralla do castro, defensa que adoita xerar, pola súa monumentalidade, toponimia como A Cerca, A Roda, etc (v. A Cerca ou Muro de Búbal en Oímbra). Así, Prósper indica  a caída do p- inicial que tería o étimo indoeuropeo, mantida no Old Indic parita, fronte ó hispano-céltico Eriti ou Erite. Dita caída do p- inicial é exclusiva das linguas célticas.

A nosa toponimia en -eriz provinte de Eriti / Erite ( ≃ Old Indic parita, "amurallado, arrodeado") sería, porén, moi antiga. A monumentalidade das cercas das fortificacións sería suficiente, na nosa opinión, para xustificar a motivación destes topónimos, mais tamén pódese ter en conta que a antigüidade do nome de lugar podería remontarse á primeira Idade do Ferro na que se produce a construción dos primeiros recintos fortificados arrodeados de muros perimetrais, feito que determinaría o nome relativo ó parapeito que pechaba o asentamento, nun momento no que a maioría deles eran aínda construcións en aberto, sen peches perimetrais.

As defensas do novo castriño que atopamos sobre Ariz (Láncara) puideron orixinar o topónimo: *(p)arita > *arite > Ariz.


Descartamos, porén, a etimoloxía de Arxeriz a partires do nome propio de orixe xermana Argericus. E suxerimos a conveniencia de analizar en termos semellantes outros topónimos con dita terminación, susceptibles de ser remitidos a bases célticas: Xeriz < sego, "victoria" + erit(i), "fortificación amurallada".

Agradezo a Xabier Moure a oportunidade de reflexionar sobre o antigo topónimo ERITAECO da estela de Astorga, a Rosa Brañas a orientación bibliográfica e a José María Bello a súa atenta lectura do párrafo de Blanca Prósper, quen está a falar neste punto do topónimo ERITAECO da lingua hispano-céltica, non do lusitano, lingua esta última que, segundo os coñecementos actuais, non perde o p-inicial indoeuropeo, o que impide a súa calificación como lingua celta.

martes, 13 de junio de 2023

O Medulio, o monte que non era un monte


 Meditolium = "in medio campo eminet" = punto que se eleva no medio do chan.

Nos inicios da conquista do que hoxe é Galicia, que idea poderían ter os romanos dos castros? Coñecían o hábitat castrexo da Idade do Ferro propio de Galicia? Tendo en conta a primeira acepción do vocábulo meditolium que atopamos nun antigo glosario, sospeitamos que os romanos non tiñan nin idea do que era un castro galego, nin do que implicaba ser, en definitiva, un celta castrexo.

Durante o fin das guerras cántabras, nas partes máis lonxanas da Gallaecia os romanos cercaron ós guerreiros do noroeste peninsular cun foso de quince mil pasos no "Medullium montem Minio fluminem imminentem, in quo se magna multitudo hominum tuebatur". Lonxe de supor, como ata agora, que Medullium fose un topónimo, o nome dun monte, sospeitamos que está a funcionar como adxectivo cualificativo co sentido antedito de "punto que se eleva no medio do chan". É dicir, que medullium montem indicaría que os guerreiros se protexían nun monte elevado no medio do chan, non nun monte chamado Medulio. Meditolium / Meditullium > Meidulium > Medulium.

E que é un monte levantado no medio do chan, senón un castro? O que amosaría que os romanos, daquela, non coñecían o hábitat defensivo propio dos habitantes da Galicia da Idade do Ferro, pois aínda non penetraran nela o suficiente. Cecais fose o primeiro castro que vían. Os castros pareceríanlles montes elevados ou levantados no medio dun campo, cousa de bárbaros. De feito, aseméllanse moito a montes, e ata se confunden e camuflan voluntariamente con eles. Unhas veces construíronse reformando defensivamente unha elevación orográfica natural mediante fosos, e outras levantando completamente as defensas de terra sobre o nivel do chan, erixindo o que podería parecer un simple monte a alguén que non estivese familiarizado con eles.

Esta posibilidade interpretativa do termo medullium reforza a ubicación na Galicia castrexa desta campaña militar que rematou co suicidio colectivo dos galaicos. Dita ubicación xa viña manifestada, doutra banda, pola indicación do texto de Lucio Anneo Floro: "Minio fluminem imminentem" = xunto do río Miño.

Tamén proba que os castros foron concebidos como bastións ou fortalezas, con carácter defensivo. O último refuxio dos guerreiros galaicos, onde se replegaron, foi un castro, non un monte; onde non terían nin posibilidade de facerse fortes nin de sobrevivir a un asedio.

lunes, 29 de mayo de 2023

Castro da Barrumbeira - Vilarello (Láncara)

Fai agora catro anos que o colectivo Patrimonio dos Ancares solicitou a Patrimonio a catalogación dun castro moi evidente preto de Vilarello (Láncara), que non aparecía inventariado nos visores PBA e de Aproveitamentos Forestais. A estas alturas, aínda que xa catalogado, o castro continúa sen integrarse nos visores de Patrimonio.

O castro segundo Xabier Moure "está defendido en todo o seu perímetro por unha potente muralla precedida por pronunciados terrapléns que polo exterior conserva tramos que acadan máis de 4 metros de altura" ("Solicitan a Patrimonio que catalogue un castro oculto en Láncara", artigo de Suso Varela en La Voz de Galicia, 29/5/2019).



Nas imaxes de relevo pode apreciarse a grande altura acadada polo recinto da croa, así como a forma ovalada do recinto exterior, identificado pola toponimia que sinalamos: Barrumbeira, Armadas, Portecelos. Microtoponimia que designa elementos defensivos e de acceso ó asentamento da Idade do Ferro. Armadas e Portecelos aludirían ás defensas e accesos do castro polo norte, mentres que o topónimo Barrumbeira, único en Galicia, debe ligarse ó adxectivo barrumbeiro, "fachendoso, ostentoso, que se da moita importancia" (v. barrumbada nos dicionarios de Sobreira e Eligio Rivas). O nome aludiría sen dúbida ó aspecto imponente da fortificación amurallada da croa do castro, que aínda que pequena, gasta moita fachenda.

O topónimo aparece por primeira vez citado no BOP de Lugo do 17/7/1913.


miércoles, 8 de marzo de 2023

Mazarelos

 

Arco de Mazarelos nun dos accesos da antiga muralla de Santiago de Compostela.

Do latín maceria, "muro", xurdera moita toponimia do tipo Maceira, da que xa temos tratado ("Maceira, Mazaira y Maciñeira", Arqueotoponimia, 2015), a que normalmente, e erróneamente, considérase sempre dentro da fitotoponimia (arbre que dá as mazás).

Dicía Du Cange no seu glosario que as maceiras eran "grandes paredes que pechaban viñas ou calquera outro espazo" (Du Cange, sub maceria 3). Evidentemente, en Mazarelos temos un derivado de maceira neste sentido que vimos de recuperar. Macerella (Italia) e similares, como derivado do latín maceria é topónimo espallado pola Romania. Precisamente Gonzalo Hermo no seu estudo sobre os nomes do rueiro compostelán recolle Maçerellas como antigo nome, logo "masculinizado" en Mazarelos (Os nomes das rúas, 2019). Supomos que a motivación do nome non ven polas mazás, senón polas murallas ou paredóns que pechaban a cidade deste lado.

Pola Porta de Mazarelos ou Mazarellas entrábase á Praza do Mercado Vello (actual Praza de Mazarelos), polo que tamén era coñecida como Porta do Mercado.

Plano de Santiago de 1796 (Biblioteca Virtual do Ministerio de Defensa). Co número 13 xunto dunhas anotacións en tinta vermella sinálase a Porta de Mazarelos, e co número 7 a Praza do Mercado Vello (hoxe Praza de Mazarelos, onde estiveron sucesivamente as Facultades de Filoloxía, Periodismo e Filosofía). No número 48 estaba o antigo hospicio para orfas.

As catro portas principais de Santiago, cos catro camiños, no Dicionario Xeográfico de Tomás López, polo capellán de Santo Estevo de Abellá, D. Pedro Antonio de Mendoza y Ozores. De esquerda a dereita: Porta de San Roque, Porta do Camiño, Porta do Mercado e Porta Faxeira.

A especificidade do termo latino maceria para facer referencia ás defensas dos castros ponse de manifesto nos textos de Varrón, que describe as maceriae hispanas como muros de peche que protexían un dominio, formando bancais de terra apisonada mesturada con pedras, dispostos en grandes moles (Architectures de terre et de bois, J. Lasfargues ed., 2021); caracterizábanse pola súa grande solidez e longa duración, de séculos.

Sospeitamos, porén, que no rueiro compostelán, no nome e na configuración da Porta de Mazarelos, teríanse conservado as trazas das defensas castrexas do antigo recinto fortificado do Ferro de Santiago de Compostela, que continuarían cara "o Acynto ou Çinto Vello [...] situado cara á actual praza da Pescadería Vella [...] nome que podería facer referencia ao muro máis oriental do antigo castro" (Alsina, apud Gonzalo Hermo). O nome de Callobre que recibía a rúa do Preguntoiro non faría referencia ó castro da cidade vella, como sinala Búa (na ponencia "Toponimia de Callobre", Congreso Internacional de Toponimia do Camiño de Santiago, outubro de 2022). Otero Pedrayo clasificouno como "nombre itinerario", é dicir, relativo á súa cualidade de ser unha vía de comunicación; polo que seguramente foi creado como un derivado de calle máis un sufixo derivativo que se entendeu como despectivo.

martes, 21 de febrero de 2023

Frádegas / Frádigas e Fraguas

 

Castro de Frádegas (Curtis).

O latín fabrica, significou "oficina ou casa aonde trabalha um oficial mecânico, como carpinteiro, ferreiro, canteiro, etc. e também a arte dêsse oficial e a obra feita por êle"; "em português o sucessor primordial foi fravega, que depois se tornou fragoa" (J. da Silveira: "O latim 'fabrica' na língua e na toponímia portuguesas", 1935).

Resulta, pois, que o termo en calquera das súas evolucións non só tiña o sentido de obradoiro metalúrxico (fragua / forxa), senón o xenérico de obra, e tamén o de construción, en referencia a estruturas arquitectónicas, tal e como se pode ver no documento de 1077 no que se alude ás edificacións da cidade de Lugo, cecais á muralla: "per ipsius flubidos qui ibidem discurrunt Aliola et fonte Frigida inter duos alpes summeo, et fabricas sub urbis Lucense sedis".

O paso do latín fabrica a fravega, e logo a frádega nalgúns casos, documéntase na diacronía do topónimo Frádegas de Curtis: a que supón unha metátese da vibrante, que pasa á primeira sílaba, amáis da pertinente sonorización da oclusiva velar sorda (-c- > -g-) e da creación dun e pechado a partires do i longo latino. A transformación definitiva en Frádegas terá que xustificarse por un cruce ou reetimoloxización popular por influencia dos derivados do latín fratrem, "frade, irmao". Pero no ano 1157 aínda podemos ver que o topónimo era Frávegas:

"suas hereditates que iacent iuxta Sanctam Eulaliam [de Curtis], nominatin casalem de Frauegas cum sua hereditate et habeant fratres Superaddi semper illam hereditatem" (ano 1157 - Sobrado).

Na nosa opinión, o topónimo Frádegas (antigo Frávegas) tivo a súa motivación non na existencia dun obradoiro adicado á actividade metalúrxica no lugar, senón nos enormes parapeitos do castro, as fabricas do recinto fortificado; o que daría conta da relevancia da obra arquitectónica construída. Neste sentido de obra arquitectónica consérvase na documentación medieval: "mando pro fabrica ecclesie cathedralis lucensis xxti mor." (ano 1373 - Mondoñedo).

Cabeço das Fráguas. (C) Dolores González de la Peña, 2010.

O resultado toponímico Fraguas, provinte da forma Frauegas con metátese do wau trala caída do e átono (Frau(e)gas > Fraguas) podería ter tamén este mesmo sentido: ben aludir a algunha construción senlleira, como as murallas dun castro, ou, por semellanza, ós montes que arrodean un territorio, de onde se tirarían orónimos como o portugués Cabeço das Fráguas (cfr. Las Frádigas, monte de La Rioja). Símil que se ligaría á consideración popular de certos elementos da paisaxe natural como construídos polos xigantes ou titáns.

No caso do Castro de Frádigas (Pantín - Valdoviño), que me indica amablemente Eloi Saavedra, a súa proximidade ó Rego das Ferrerías leva a pensar nun caso de redundacia, polo que estas fabricas > Frádigas terían sido obradoiros metalúrxicos ou forxas.

miércoles, 1 de febrero de 2023

O recinto das Torres de Cillobre (A Laracha)

 

As Torres de Cillobre no Voo Americano de 1956-57.

As Torres de Cillobre: relevo. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Segundo Cabeza Quiles, no lugar das Torres de Cillobre (A Laracha) percíbense, aínda que non estea catalogado, "os restos dun castro, sobre o que, despois, aproveitando as vantaxes orográficas que ofrece o lugar, se construíu a fortaleza medieval, hoxe desaparecida" (Andando por Bergantiños, nº 17, 2016: Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño). O investigador baseábase, amáis da orografía do terreo, no propio topónimo Cillobre, pertencente ó conxunto dos topónimos rematados en -bre que se retrotraen ó céltico bris < briga, "recinto fortificado en altura". Comentaba tamén, no traballo citado, a relación de tautoloxía ou redundancia que se produce entre ambas partes do topónimo, pois é que torre ven significando o mesmo que briga.

A conxectura de Cabeza Quiles convértese en certeza ó examinar a fotografía do Voo Americano de 1956-57 e o mapa de relevo do lugar, no que se identifican claramente a croa e os aterrezamentos dun pequeno castro, logo reutilizado para a construción da torre medieval. Aínda que esta última fose prácticamente desmantelada, o recinto circular consérvase completo na súa forma, reforzado polo muro perimetral elevado seguramente na Idade Media coas pedras do antigo castro. Revisten especial interese a continuidade funcional do recinto fortificado (perceptible tamén na redundancia do topónimo) e a circularidade como modelo de ocupación territorial ó longo de 1500 anos.

No interior do recinto queda un só corpo da construción medieval, único resto das chamadas Torres de Cillobre. (C) Andregoto Galíndez, 2023.


Portalón das Torres de Cillobre co escudo e varios corpos de edificios. Fotografía na Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de La Coruña (ed. Carreras y Candi) - ca. 1928. O escudo pasou ó Pazo de Oca, segundo indican no folleto da visita ó pazo.

domingo, 25 de diciembre de 2022

San Breixo

O topónimo céltico Berísamo, documentado na epigrafía da Gallaecia, é un superlativo formado coa base preposicional UPER, "sobre, enriba", mailo sufixo de superlativo celta -ísamo. Significaba "o que está máis enriba, o superior". Na Idade Media foi latinizado como Veríssimus, o que lle proporcionou de paso unha falsa etimoloxía ou vencello co latín verus, -a, -um, "verdadeiro, veraz; - o máis sincero". Logo de latinizarse, completou a súa transformación coa conseguinte cristianización como Sanctus Veríssimus > Sambreixo (Láncara) ou San Breixo (varios lugares e advocacións inspiradas polo topónimo: na Fonsagrada, Monterroso, etc.), desprovistos en xeral do marcador de grao superlativo. Aínda que se conservan algúns casos nos que o seu carácter de falso haxiotopónimo resulta máis evidente, como no Beresmo de Avión, e os Bréixome de Rairiz da Veiga e Cuntis - Pontevedra, ó ir sen o adxectivo San.

Normalmente atoparémolo asociado ós recintos fortificados en altura da Idade do Ferro; estruturas habitacionais características dos celtas galaicos. A súa grande dispersión por toda Galicia dá conta do carácter céltico da antiga toponimia do país, e porén da lingua nativa, o que é aínda discutido a pesares das evidencias lingüísticas. Neste sentido, resulta moi relevante o feito de explicarse a evolución do *UPER- cara *VER- pola perda do p característica das linguas célticas: segundo Curchin está moi ben "documentada la perdida de la oclusiva labial indoeuropea /p/ en las lenguas célticas. En el caso del celtibérico se citan generalmente, como muestras de este fenómeno, *pari > are-, *uper- > uer-" (Curchin: "P indoeuropeo en celtibérico: nuevos ejemplos", Habis, 2002).

 Castro de Sambreixo en Láncara.

En xeral pode descartarse que estes topónimos Breixo sexan fitotopónimos, pois de aludir ó arbusto chamado breixo, "uz", terían forma abundancial, tipo Breixoeira ou Breixal, como Uceira e Uzal.

miércoles, 21 de diciembre de 2022

Chandrexa: igrexas, griegas e brigas

Ó me xurdir nunha búsqueda na base de datos do CODOLGA o topónimo Penna Egregia, cun claro valor oronímico (latín egregius, -a, -um = noble, principal, insigne, elevado) nun contexto que descarta calquera relación co latín ecclesia, "igrexa", xunto coa ocurrencia Chian d' Egregia, que é o Chandrexa actual de Parada de Sil ("Johannes Petri de Sequer de Boys, Adam de Chian d’Egregia", ano 1249: CODOLGA), lévame a reconsiderar a etimoloxía tradicional deste último, a que, como é ben coñecido, se fai derivar do latín ecclesia, como o nome de Chandrexa de Queixa. Máis que nada, porque en Chandrexa hai unha igrexa, si, pero tamén un outeiriño cun castro, O Castelo.


Entón temos que recuperar o excelente traballo "Griegos y griegas en la toponimia peninsular", de José Manuel González, xa do ano 1960, que amosaba como nos numerosos casos de topónimos peninsulares tipo Griego / Griega existe un castro ou poboado fortificado prerromano no lugar, o que lle levara a propor que estas formas Griego / Griega eran deturparcións do céltico BRIG-, "briga, castro, oppidum".

Posto que a pronuncia clásica de egregio / egregia era con g (egreguia) antes de pasar a x (egrexa) vese fácilmente o nexo coa toponimia Griego / Griega de González. Nós inclinámonos a pensar que Egregia, "a elevada, a insigne", foi o étimo orixinal, sinónimo en todos os seus valores semánticos do céltico briga. A anteposición da preposición de fixo que perdera, por un proceso chamado de fonética sintáctica, o e- inicial (*de Gregia) o que motivou fora de Galicia a súa conversión, por etimoloxía popular, na forma Griega. En Galicia, pola contra, non se produxo este paso pola repugnacia natural dos falantes ó diptongo ie: o Egregia seguiu o seu curso evolutivo pasando a Egrexa, Grexa ou Erexa.

Egregia  briga > Griega - na zona estudada por González.
Egregia   briga > Egrexa / Grexa / Erexa - en Galicia.

Cumpre, pois, ter moito coidado coa toponimia do tipo Igrexa, Grixalba, Chanderexa, Irixoa, etc. xa que non sempre remite a templos (ecclesia), senón a recintos fortificados en altura (egregia  briga). A sistemática cristianización dos nosos recintos castreños aproveitouse, sen dúbida, desta paronimia.

domingo, 18 de diciembre de 2022

Ourego

Entre as parroquias carballesas de Artes, Rus e Ardaña sitúase o Castro da Forca ou de Antelo (por existir nel un marco de límite parroquial). Agora vimos de atopar no Catastro de Ensenada (de meados do século XVIII) un outro nome do mesmo recinto: Castro de Ourego (v. delimitación da parroquia de Ardaña). Ten un considerable valo dobre que o circunvala, que ó noso xuicio é o que orixina o topónimo Ourego; nome que en principio non tería que ver coa pranta comestible chamada ourego, que adoita botárselle ó tomate da pizza.


Trataríase dun derivado do latín auris, que o glosario de Du Cange define como ansa, "asa", e esta, á súa vez, como circulus, "aro". Semella máis apropiado considerar o topónimo Ourego, xunto con Ourela, derivados de auris, non de ora, "borde, límite", pois este novo étimo xustifica o diptongo ou, procedente do grupo latino au.

jueves, 8 de diciembre de 2022

Sésamo e Sesmonde

 

Catastro de Ensenada, parroquia de San Martín de Sésamo: o nome de Sésamo (primeira pregunta).

O nome de Sésamo, din os que respostan as preguntas do Catastro de Ensenada, de meados do século XVIII, "deriva de hallarse en su término una montaña en cuya cima se haya la iglesia parroquial". Non sospeitabamos que se atoparía na memoria popular do século XVIII a lembranza etimolóxica deste topónimo céltico que ten estudado Cabeza Quiles na súa obra A toponimia celta de Galicia (2014). Aínda que a lembranza é escura, non deixa de facer referencia á montaña onde se ubica o recinto fortificado da Idade do Ferro de Sésamo, maila capela de San Cosme, antiga parroquial.

Relevo das defensas do castro de Sésamo (Segisamo) no outeiro do monte do mesmo nome (Culleredo).

Resumimos polo capítulo que Cabeza Quiles adica ó topónimo: do celta Segisamo derivan Sésamo (Culleredo) e Sísamo (Carballo), mentres que da variante casual (pola declinación do nome) Segisamone provirían Sasamón (Burgos) e Sisamón (Zaragoza). Todos eles formados pola base celta SEG-, "vitoria, forza, poder" mailo sufixo de superlativo, tamén céltico, -ISAMO.

Á vista do significado como orónimo conservado aínda na memoria popular dos habitantes de Sésamo (Culleredo) no século XVIII, podemos reconstruír un valor semántico do topónimo ligado ás elevacións orográficas onde se emprazaban preferentemente moitos dos asentamentos fortificados da primeira Idade do Ferro: "a fortaleza, o lugar máis forte e inexpugnable".

As fontes clásicas e epigráficas mencionan para o actual Sasamón de Burgos indistintamente as formas Segísamo (caso nominativo) ou Segisamóne (caso acusativo) - uso o til para indicar o desprazamento acentual que conleva o aumento silábico; dito acento consérvase fixo e inmutable nos resultados evolutivos modernos.

Dado que Sésamo e Sísamo proveñen do nominativo Se(g)ísamo, semella que en Galicia non quedarían formas provintes do acusativo Se(g)isamóne > Sasamón (Burgos) / Sisamón (Zaragoza), o que resulta bastante extraño, pois tanto o nominativo como o acusativo son os casos típicos que orixinan a toponimia (son case inexistentes topónimos provintes doutros casos).

Castro de Sesmonde (Armental - Vilasantar).

Da forma Se(g)isamóne esperariamos un resultado como *Sesmón, que non se atopa no noso corpus de topónimos, mais hai que ter en conta o condicionamento que a antroponimia de orixe xermano exerceu sobre a nosa toponimia. Nalgún caso temos detectado enmascaramentos de nomes de lugar prerromanos que chegan a adoptar aspecto de nome de posuidor de orixe xermano (Osorici - O Xurés); deste xeito un topónimo prerromano como Se(g)isamone podería agocharse baixo os nomes de lugar Sesmonde / Sismundi, pola presión que a antroponimia xermana, amplamente difundida na onomástica medieval, exerceu sobre os falantes da lingua, que chegan a deturpala pola súa influencia. Neste caso terían sido os antropónimos xermanos en caso xenitivo Sisemundi ou Sesmundi os responsables da transformación de Se(g)isamone > *Sesmón en Sesmonde / Sismundi.

lunes, 21 de noviembre de 2022

Freón, Mirón, Brión e os topónimos en -dunum

Na documentación antiga da Gallaecia só temos reflictidos tres topónimos formados co termo céltico dunum, "fortaleza, cidade": o Caladunum mencionado por Ptolomeo, o Castellum Meidunium do documento epigráfico atopado en Rubiás - Ourense e Morodon, topónimo histórico mencionado polo Anónimo de Rávena no século VII, que viría sendo equivalente ó galés Moridunum (Curchin).

A escasez de datos fixo que Curchin negase incluso que fosen topónimos en dunum, propoñendo un derivado do celta *calet-, "duro, forte", co engadido dun sufixo -uno, para Caladunum, e directamente non incluíndo a Meidunium neste tipo ("Los topónimos de la Galicia romana", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2008).

Mais se temos en conta que Asturias formou parte do antigo territorio da provincia da Gallaecia podemos engadir o caso do actual topónimo Valduno (Les Regueres), que Martín Sevilla estudou como de orixe céltico: *Valodunum, isto é, "a fortaleza ou cidade do valo ou dos valos". Dita hipótese, segundo o investigador, non pasaría de ser unha probabilidade, pois é que dunha forma *Valodunum pode esperarse unha evolución Valduno; mais non sería segura a non ser porque nas inmediacións de Valduno "existe un castro denominado El Castillo de los Vallaos", en alusión ás súas defensas ou valos (Toponimia de origen indoeuropeo prelatino en Asturias, 1980).

Pola súa parte, Xosé Lluis García Arias tamén inclúe na serie os topónimos asturianos Lliberdón e Gordón (v. resumo en JV García Trabazo, "Toponimia prelatina en Asturias: una revisión crítica en perspectiva histórico-comparativa", Lletres Asturianes, 2016).

Se ben de Caladúnum ou de *Valodúnum poden esperarse solucións con caída da vogal pretónica como *Calduno / *Caldón, Valduno / *Valdón, existe unha outra evolución posible que comprende a caída da consoante oclusiva dental sonora -d- ó ir en posición intervocálica. Dito fenómeno coñécese como lenición celta, e vai encadeado a outros feitos no paradigma das consoanes oclusivas, como a sonorización da sorda correspondente (t) e a simplificación da xeminada correspondente (tt). Porén, de Caladunum esperariamos en Galicia unha forma como *Caaón, pois o antigo -l- intervocálico tamén cae, como é ben coñecido. De dita forma *Caaón poderiamos esperar *Caión, pola epéntese dunha i antihiática. Mais sen documentación ou traballo de campo que refrende a evolución dunha forma como Caladunum a Caión movémonos neste caso no ámbito da incerteza.

Como asegurarse de que determinado topónimo en -ón procede dun composto con -dunum como segundo elemento, é un simple aumentativo en -ón, ou procede dun antropónimo en acusativo pertencente á declinación tipo Silus (nominativo) - Silonem (acusativo con tema en nasal)?

1. Recorrendo á documentación: o topónimo Freón.

Sempre que a documentación medieval acredite un -d- na forma etimolóxica. Temos documentado no ano 922 un "Castrum Fredoni" na Colección Diplomática de Lugo (Fonte: CODOLGA), cun -doni que podería ser a forma romanceada inicial do céltico dunum, en caso xenitivo de relación (non de posesión). O documento é relevante tamén pola referencia a un castro chamado de Fredoni > Freón, o que indicaría a repetición ou redundancia do referente "asentamento fortificado" nos termos "Castro" e no "-doni" procedente de dunum. Intrepretamos o primeiro elemento do composto Freón < Fredoni polo xermánico fra, "diante de", co que resultaría un topónimo recurrente no que se amosan restos de tres linguas e que podería traducirse como "Castro de Diante do Castro".

Castro de Freón na parroquia de San Tomé de Monteagudo (Arteixo), co lugar de Freón (*Fra + dunum = diante do castro) situado xusto ante o asentamento castrexo.

2. Ampla dispersión do topónimo ó longo do territorio: Mirón.

Castro de Mirón en Santo Estevo de Larín (Arteixo).
Obsérvase que a aldea sitúase no punto en que se cruzan os camiños perimetrais que arrodean o castro; ubicación preferente das aldeas de orixe castrexo.

A ampla dispersión dun topónimo en -ón cadraría cunha formación provinte do céltico dunum como segundo elemento se é que o primeiro formante alude ou pode aludir ás defensas características do recinto fortificado (como os valos do caso de Valduno exposto por Martín Sevilla) ou ás características do enclave castrexo (altura, posición destacada no territorio), que son as principais motivacións na creación dos nomes de lugar dos asentamentos fortificados do Ferro. Por iso Mirón, amplamente espallado polo noso territorio, cadra cun *Mirodunum equivalente ó topónimo prerromano Mirobriga, nos que "Miro" tería semas semellantes ó latín admirare ou ó xermano *mereis, "famoso, destacado".

3. Comparativa con outros topónimos idénticos interpretados como provintes de -dunum no ámbito europeo: Brión.


O topónimo italiano Brione (Trento) / Briona (Piamonte) explícase normalmente como provinte de Brigodunum, ou de Eburodunum (menos probable). Neste sentido os nosos Brión, situados en moitas ocasións en enclaves xunto dun castro (Brión de Arriba no concello de Brión, A Coruña; Brión de Arriba no concello de Outes - A Coruña; Brión no concello de Malpica - A Coruña) poderían remitir, como os italianos, a Bri(g)o(d)unum (evolución con dous casos de lenición céltica que afectan ás series oclusiva velar e dental).

Temos tamén o documento medieval "Castro Brione" (ano 818) no concello de Trazo, que, como no caso do "Castrum Fredoni", reforza a posibilidade de que no nome de lugar Brión se atopen agochados os dous termos célticos que designaron os asentamentos fortificados do Ferro: o primeiro provinte da base *briga, e o segundo da base *duno.

Castro de Brión de Arriba (Outes).

Estes topónimos teñen o interese engadido de amosar redundancia nos significados dos dous formantes; porén son indicativos de superposición de linguas. Xa que logo o briga vai anteposto ó dunum, a camada céltica da serie dunum será máis antiga no tempo que a serie briga, remitindo a un primeiro estadío de celtización, e non, como se ten dito, á segunda camada de celtización da Península Ibérica que se atribúe ós galos.

jueves, 14 de julio de 2022

Os Galgos (Cervás - Ares)

 

Odonimia dos camiños de orixe castrexa na contorna dos castros de Santa Mariña e Cervás (Ares): Camiño do Padrón, Camiño do Castro e Camiño dos Galgos.

Na nosa última visita ó Castro de Santa Mariña, e xa preto do camiño que baixa directamente ó xacemento, un veciño do lugar de Casa Vella comentounos que por alí pasaba o Camiño Real. Seguramente sexa o que aínda é ben perceptible no relevo e na toponimia da folla catastral: Camiño do Padrón, en alusión a algún fito viario, pedrón / padrón ou pedrafita.

Máis curioso resulta o nome do Camiño dos Galgos, que enlaza có Camiño do Castro e nomea ó núcleo de Os Galgos. Como dixera Piel ("Nomes de possessores latino-cristãos na toponímia asturo-galego-portuguesa”, Biblos, 1947) o topónimo Galgao (Someiro - Lugo) ven de GALLICĀNUM, e seguramente Galgáns (Sumio - Carral), porén Galgos virá de GÁLLICOS. Resta por ver se o galicano de Piel e os nosos gálicos son galos (da Francia), galaicos / galegos, ou nin unha cousa nin outra.

Normalmente asóciase o termo galicano coa Galia, polo que Galgao, preto de Abadín e ó pé do Camiño Francés do Norte a Santiago, amosaría que as formas francés e galicano > Galgao sentíanse equivalentes, aínda que o adxectivo "francés" na odonimia non teña moito que ver cós francos como pobo, senón có significado de franchus, "libre de cargas, gratuito, sen peaxe" (v. Du Cange).

Neste sentido, o Camiño dos Galgos puido ser orixinariamente un camiño francés (camiño real), logo reinterpretado como "dos franceses" = gálicos > Galgos. Tamén a proximidade ó Castro de Cervás do núcleo de Os Galgos lévanos a propor un etnónimo antigo, gálicos, "galaicos", có que se poderían ter denominado os últimos poboadores do entorno do castro por parte dos cidadáns romanizados que habitaban nas vilas.

Castro de Santa Mariña coa batería comezada no ano 1794. Coa letra D vai indicado un dos parapeitos do castro, que no mapa se describe como "espaldón antiguo que se halló en este paraje". (C) Biblioteca Virtual do Ministerio de Defensa: Plano de la Batería del Castro de Santa Mariña, ano 1798.

miércoles, 27 de abril de 2022

O bocage galego: unha paisaxe cultural propia da Idade do Ferro

Imos extrapolar as características do bocage camerunés de Bamileke (África) á nosa paisaxe cultural de bocage, estudada polo xeógrafo francés Abel Bouhier, o cal consideraba que podería ser a paisaxe antropizada máis antiga do noso país, probablemente de orixe prehistórica. Farémolo a partires da caracterización que Denis Gautier, Dirk Verboven e David Andrew Wardell realizaron no artigo The origins of the Bamiléké hedgescape “bocage”. Development from 1900 to 1960 (European Journal of Geography, 2017), traducindo aqueles parráfos que consideramos relevantes.

O obxectivo é observar a idoneidade deste modelo de terraformación para sociedades gandeiras de xefatura, con altísima dispersión poboacional e que ocupan territorios de clima semellante (atlántico - húmido e temperado), aínda que estean separadas cronolóxicamente por milenios. Do que se desprende a perfección e o grande valor ecolóxico do modelo de ocupación e asentamento.

  • A paisaxe do bocage de Camerún está modelada por sebes vexetais que se espallan nunha pauta entrecruzada, dende o fondo dos vales polas abas dos outeiros. As divisións de sebes, valos vexetais vivos ou árbores teñen varias funcións, como controlar o movemento do gando, demarcar as propiedades, fornecer produtos (madeira, forraxe ou froita), preservar a biodiversidade nun medio antropizado, ou como abrigo dos ventos.

Característica paisaxe de bocage na Laracha, dende o Coto de Santa Marta.
(C) Dolores González de la Peña, 2022.

  • As primeiras descripcións desta paisaxe por parte dos europeos datan de principios do século XX aínda que amosan que o bocage é previo, non xurde a partires da colonización do país levada a cabo por Alemania e Francia: "Unha densa rede de sebes rodean os asentamentos pertencentes a un distrito (chiefdom = dominio dun xefe tribal). As vivendas, salpicadas entre a vexetación, localízanse no fondo dos vales, preto dos ríos. As casas xunto coas leiras están arrodeadas por divisións vexetais de setos vivos". O botánico Ledermann notou no 1908 sebes de determinadas especies nativas (Dracaena arborea), de fortes raíces, conformando os peches dos cultivos: téñense como indicadores das propiedades, que evitaban as disputas polas lindes pola dificultade que entrañaba quitalas do chan.

Paisaxe de bocage camerunés en Ndé. (C) Google Maps, coordenadas 5.147746, 10.568414.

  • Pola investigación etnográfica levada a cabo por Den Ouden sábese que antes da chegada dos europeos o espazo adicado ó asentamento e ós cultivos estaba no fondo dos vales, era un poboamento invisible dende as estradas que percorrían as crestas das elevacións. As terras de cultivo estaban valadas [con sebes vexetais], aínda que non había un sistema para separar os pastos dos campos de cultivo, pois o gando compartíaas estacionalmente ou en rotación, durante a seca. Trátase do mesmo sistema que existe na Galicia de bocage, na que, doutra banda, os castros tenden a ocupar o val e os camiños prehistóricos (divisorias de augas ou camiños naturais) van polo cumio das serras.
Peche mixto con salgueiros e algunha froiteira no bocage de Silvalonga (San Sadurniño - A Coruña).
(C) Dolores González de la Peña, 2019.

  • Os elementos vexetais vivos que forman os peches dos bamileke foron coidadosamente seleccionados para a obtención de produtos forestais (ej. froita, madeira para combustible ou construción). En Galicia sucede o mesmo: as especies vexetais que forman as sebes tiveron ou teñen aínda moitas utilidades. Nas zonas onde se plantan viñas as sebes adoitan ser de vimbio (pola súa utilidade no atado tradicional das viñas). Úsanse tamén outras especies que fornecen froitos, como o castiñeiro, as silveiras (moras), ou arbustos aromáticos como o loureiro (v. Paisaxe Galega: Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, Xunta de Galicia, 2017).
  • A hipótese principal que se baralla para o aspecto do bocage camerunés antes da chegada dos europeos é que o territorio estaba estruturado en grupos dispersos de vivendas que gravitaban ó redor dos centros políticos (os chiefdoms). Un labirinto de sebes arrodeaba a residencia principal do xefe. Os espazos baleiros entre os chiefdoms eran zonas polas que loitaban os reinos rivais. A descrición semella idéntica á paisaxe de bocage en torno ós castros galegos, que aínda pervive na súa forma agrarizada, e, nalgunhas ocasións, no rexistro arqueolóxico baixo a forma primitiva da que deriva, a revolta (v. As revoltas dos castros: o caso das Quenllas do Forno). Tamén a alta densidade e grande dispersión polo territorio dos nosos poboados do Ferro pode equipararse ó factor densidade / dispersión do poboamento bamileke.
  • Para os investigadores, os clústers illados dos asentamentos bamileke, invisibles no fondo dos vales, xustifican a facilidade coa que os colonos xermanos penetraron no territorio a pesares de estar densamente poboado, xa que eles movíanse polos camiños das crestas, vías naturais de tránsito. Cecais este punto poida poñerse en relación coa colonización romana de Galicia.
  • A pacificación dos diferentes reinos á chegada dos colonos franceses acelerou o crecemento da poboación. A presión demográfica favoreceu o desprazamento da mesma cara ás abas dos montes manténdose o sistema de apropiación e delimitación das terras mediante sebes: o bocage xeneralízase.
  • Un punto moi interesante é o das consecuencias da colonización, que leva a un aumento da presión poboacional sobre o territorio, ó meu modo de ver debido á súper explotación do mesmo por parte dos colonos (plantacións de café, reforestacións con eucalipto - o "white man tree"), o que conduce á emigración. Sen dúbida o caso pode equipararse ó ocurrido en Galicia en dúas ocasións (romanización e explotación territorial moderna e contemporánea), aínda que pola miña parte non teño coñecementos suficientes no ámbito da xeografía de poboacións para analizar o desencadenante último, se é que o equilibrio poboacional se mantiña na era precolonial bamileke grazas as loitas tribais, que deixaron de producirse coa pacificación colonial (como afirman os autores), ou é que os procesos coloniais, invasivos, levan o xermolo da destrución.
  • O papel da Igrexa na reagrupación territorial foi determinante. Na súa tarefa evanxelizadora atoparon o mesmo problema que en Galicia: as vivendas estaban tan diseminadas que era imposible instalar tantas capelas e promoveron ante as autoridades unha nova forma de división territorial (cfr. o proceso de formación da división parroquial propia de Galicia).
  • O entramado de sebes que conforma a paisaxe de bocage é moito máis denso nos poboados (centros políticos e relixiosos), e vai perdendo forza a medida que se alonxa deles cara á periferia. Os xefes ordenaban ós granxeiros a construción da rede labiríntica de valos vexetais e sebes có obxecto de conducir ó gando ós pastos comunais dos montes, dende os poboados sitos na parte baixa dos vales.
  • A colonización tivo como efecto un incremento da poboación, coas consecuencias seguintes: reducción dos pastos, ocupación das terras baleiras entre os chiefdoms, fragmentación da propiedade (minifundio), agotamento do sistema tradicional que combinaba agricultura e gandeiría. Segundo os autores, facíase necesario promover o éxodo do rural e novos sistemas de produción "máis avanzados" [sic].
  • Aínda que dun modo difuso, os autores semellan atribuír un novo incremento da conflictividade social a algún factor alleo ó proceso colonial: tras a II Guerra Mundial a conflictividade aumenta, o cultivo a gran escala do café e as súas compañeiras (as árbores de sombra) nesta zona de Camerún, ocupando preto do 50% das terras, acaba có sistema económico tradicional. Procúranse beneficios económicos inmediatos (cash) coas plantacións de café: a cabana gandeira diminúe e aparecen enfermidades epizoóticas, diminúen as terras adicadas ás colleitas e ós pastos. Desaparece a paisaxe de bocage tradicional que delimitaba cultivos e pastos. O mecanismo é o seguinte: nas terras dispoñibles para os cultivos priorízase ó café e redúcense os terreos adicados ós cultivos alimentarios, os cales entran en produción intensiva mediante rotacións nas poucas terras adicadas a eles, có que o gando queda excluído do ciclo de aproveitamento da terra.

Conclusións


Vese como o bocage ou compartimentación do territorio mediante sebes ou valos vexetais xurde naquelas sociedades tribais atlánticas (de clima temperado) e base económica gandeira, artelladas políticamente en torno a asentamentos principais, que amosan grande dispersión entre eles, e dende os cales se exercía o poder político e relixioso. No caso de Galicia temos que retroceder, para atopar este contexto, á Idade do Ferro e á cultura castrexa. Martín Fernández Calo fornece evidencias de ter sido unha sociedade de xefaturas sen Estado, procedente do substrato da Idade do Bronce (Xenealoxía do poder local galaico na Antigüidade, tese de doutoramento, Santiago de Compostela, 2020, px. 559).

Rede de revoltas no entorno do Castro de Meitufe (Ordes), con gran parte delas agrarizadas no sector leste.

O sistema das revoltas (do que procede o bocage), se seguimos as pautas do artigo estudado foi non só un medio de acubillar o gando, senón tamén de conducilo a determinados enclaves (pastos, bebedoiros), dato que se conserva no noso folklore dos mouros nas innumerables mencións a galerías polas que os mouros levaban o gando a beber ó río (Mar Llinares García en Mouros, ánimas y demonios, px. 72, menciona os tuneis no Castro de Beres - Cabana de Bergantiños, Castro de Viladonga - Outeiro de Rei, Castro de Francos - Brión, Castro de Visantoña - Melide e Castro de Suevos - A Baña).

O proceso de formación desta característica paisaxe galega iníciase, pois, na Idade do Ferro ligada ó entorno dos castros, á proliferación de castros que leva á castración do territorio (CASTRO < raíz paleoeuropea k̂es, "cortar, parcelar o territorio"). A posterior transformación da paisaxe de bocage, ou a súa reutilización como agras, non notada ata ó de agora, foi o que levou a Bouhier a establecer como certo xustamente o contrario, que as agras foran a paisaxe fundamental de Galicia, propoñendo que cecais o sistema de agras tivo a súa orixe nos aterrazamentos castrexos. Bouhier, porén, limitou na súa análise da paisaxe o bocage á zona das Montañas Setentrionais con intrusións na zona da Galicia de agras, e aínda que o consideraba unha tipoloxía ben antiga non chegou máis que a intuír que a súa extensión puido ser maior no pasado.


Mapa unificado (a partir do mapa das paisaxes agrarias de Galicia, de Bouhier): en cor rosa sinálase o territorio de bocage tras unificar a zona das Montañas Septentrionais e a de agras mesturadas con peches.

martes, 1 de marzo de 2022

As revoltas dos castros: o caso das Quenllas do Forno

 Revoltas dos Casaliños e da Leira Vaca, Casaslongos (A Laracha).
(C) Manuel Ruibal R, Voo do 21/2/22.

Situación con respecto ós cursos fluviais do aparentemente dobre castro das Quenllas do Forno e do castro da Maseira (O Buriz). Recóllese a microtoponimia relativa ós recintos (Revolta, Curro) e ás vías de tránsito (Camiño Real, Porto Bois). (C) Capa de relevo do Visor PBA da Xunta de Galicia.

Dobre castro das Quenllas do Forno (O Buriz).
(C) Voo Americán de 1945-46, IGN.

Toda vez que nunha entrada anterior (Revolta) presentamos unha nova tipoloxía de paisaxe agrogandeira galega, baseada nos recintos pecuarios chamados revoltas, dos que nos falara o señor José Rodríguez Coto, "Pepe do Curro", veciño de Carral, quedamos coa impresión de que esta paisaxe coincidía có tipo que Bouhier denomeaba como paisaxe de cerrados ou de bocage, propio do extremo noroeste.

O bocage é un tipo de paisaxe antropizada que na bibliografía vense considerando específicamente gandeira, mais con peches vexetais, mentres que os das revoltas son de terra ou pedra. O bocage, segundo a bibliografía sobre o tema que temos manexado, e concretamente na obra de Bouhier sobre a paisaxe agraria galega, podería ser o modelo máis antigo de xestión da paisaxe para uso gandeiro, probablemente de orixe neolítica.

No dobre castro das Quenllas do Forno do Buriz a microtoponimia infórmanos do carácter pecuario dos dous recintos (Curro e Revolta). Por outra parte, o entramado que se visualiza na imaxe do relevo como unha zona de trincheiras de pouca profundidade entre as dúas croas e arrodeando á do sur, que podería parecer en principio un elemento defensivo máis entre os dous recintos, revélase na fotografía aérea de 1945-46 como un conxunto de revoltas ou peches gandeiros de terra, é dicir, formados mediante a mesma técnica coa que se construíron as croas e os parapeitos defensivos dos nosos castros, da que só se diferenza por acadar unha menor altura / profundidade nos valos. Temos, porén, nas revoltas, a pervivencia dunha técnica construtiva milenaria, que ven sendo a mesma que usaban os nosos paisanos castrexos.

O que nos dá a chave para considerar estas revoltas do castro das Quenllas do Forno coetáneas do recinto habitacional da Idade do Ferro é, non só o emprego da mesma técnica construtiva para facer os peches gandeiros, senón tamén a restante microtoponimia, Camiño Real e Porto Bois, que indican o carácter pecuario do asentamento dende tempos recuados.

No noso folkore a funcionalidade gandeira destas trincheiras semisubterráneas ou excavadas na terra permaneceu nas lendas que recolleu Mar Llinares García (Mouros, ánimas y demonios, 1990, px. 72): eran como tuneis polos que iba o gando dos mouros (cabalos, sobre todo) dende o castro a beber á fonte ou ó río. Efectivamente, entón, o gando podería ter estado dentro do complexo do recinto menor e desprazarse polo entramado de valos das revoltas periféricas. 

Con este sentido de "subterráneo" ligaremos a etimoloxía de revolta. No Du Cange ven un significativo texto do Roman d'Abladane onde se fala dunhas galeirías subterráneas chamadas vaultes: "Et dit que li Messagiers y entreroit par Vaultes, qui estoient faites dessous terre de long temps". Mais tamén no Du Cange temos a entrada bolbitum, "esterco dos bois", que ligaría as voltas e revoltas ós lugares onde se estabulaba o gando.

Enorme valo da Revolta das Quenllas do Forno. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Marco nunha das esquinas (vai sinalada coa frecha vermella no mapa do relevo) da Revolta das Quenllas do Forno. Era preceptivo indicar con marcos as catro esquinas das revoltas, segundo declaracións do noso informante o señor Pepe do Curro.
(C) Dolores González de la Peña, 2022.

Concluíndo:
  1. Temos entón unha técnica construtiva milenaria de peches gandeiros de terra (ou pedra), que pode aínda conservarse asociada ós castros (caso da Revolta das Quenllas do Forno no Buriz, ou do castro da Revolta en Narón), ou ben atoparse desligada deles (Revoltas dos Casaliños en Casaslongos - A Laracha), o que podería indicar que son de recente construción.
  2. A partires dela configurouse a primitiva paisaxe neolítica galega a base de cerrados gandeiros de terra (ou pedra). O bocage vexetal da tipoloxía de Bouhier derivaría das revoltas e teríase espallado posteriormente polo noso territorio.
  3. O complexo formado polo castro gandeiro (croa + revolta) amplía considerablemente o espazo dos asentamentos do Ferro, que xa non se limita só as croas e ós seus parapeitos.