lunes, 25 de agosto de 2025

Gallaecia no mapamundi da raíña dona Sancha do ano 1047

 

Manuscrito da Real Biblioteca do Mosteiro do Escorial, "Ascarici e Tuseredi Epistolae", fol. 177r, ano 1047.

Segundo a investigadora Sandra Sáenz-López, a raíña dona Sancha tería, pouco máis ou menos, pensado e participado no deseño deste mapa T-O tan orixinal. Foma parte do códice do devandito manuscrito escurialense, que contén unha copia das Etimoloxías de Santo Isidoro. O obxectivo deste deseño tería unha intencionalidade política ("El mundo para una reina. Los mappaemundi de Sancha de León (1013-1067)", Anales de Historia del Arte, 2010. Para esta autora:

  1. No mapa silénciase a presenza islámica na Península, pois Sáenz-López non cre que baixo o corónimo "SPANIA" se agoche a Hispania musulmana, como pensan a maioría dos historiadores, senón que se aplicaría ó territorio peninsular ó completo, cristianizado e unificado durante o dominio visigodo.
  2. "Asturias" aparecería porque foi o territorio onde se recluíu o cristianismo durante a invasión musulmana, dende o que se emprendeu a progresiva Reconquista.
  3. E a presenza de "Gallecia" xustifícaa porque aquí se atopou o corpo do Apóstolo no 813, e dende entón Galicia despertou unha gran devoción.
Debemos indicar, antes de someter a crítica esta proposta de xustificación dos topónimos ou corónimos do mapa de 1046, que a raíña dona Sancha, aínda que ordenou a copia do manuscrito para o seu uso personal e do seu fillo Sancho, como se indica nun labirinto de letras no ex-libris, non participou absolutamente no deseño do mapa, que é copia máis ou menos fiel doutro modelo que xa viña debuxándose nas copias das Etimoloxías de Santo Isidoro polo menos dende un século antes.

O mesmo mapamundi noutra copia das Etimoloxías de Santo Isidoro, manuscrito Etymologiarum libri XX, da Real Academia da Historia, páx. 204v, ano 946.

O manuscrito do ano 946 foi copiado en San Millán (A Rioxa), e finaliza indicando a data e que foi rematado cando reinaban o "rege Ranimiro in Legione et Garsea Sanctio in Pampilona". Mais isto non implica, de ningún xeito, ó contrario que o manuscrito encargado por dona Sancha, que estoutro fose un encargo dos reis Ramiro ou García Sánchez de Pamplona.

O mapa do ano 946 distínguese do mapamundi da raíña dona Sancha en pequenísimos detalles. Aparece sinalada a provincia das Gallias ó norte dos Pirineos, cuxo rótulo suprímese no mapa de dona Sancha. O macizo pirenaico-cantábrico vai pintado de xeito diferenciado no mapa do 946, cunha cor distinta á do río "Iberus", mentras que no mapa de dona Sancha os Pirineos e a súa continuación na Cordilleira Cantábrica van pintados en azul, como se fosen outro río inexistente, que deixa a Asturias illada nunha especie de pequena illa triangular.

No que atinxe á realidade territorial peninsular representada no mapa máis antigo, copiada cos erros ou supresións voluntarias xa sinalados no da raíña dona Sancha, pensamos que hai que remitila ó reino visigodo do século VII. Segundo Pablo Cruz Díaz Martínez "la condición de Gallaecia como provincia visigoda debió implicar una administración específica; aunque resulta difícil de rastrear fuera del ámbito religioso, la idiosincrasia de Gallaecia permaneció y las fuentes religiosas y legislativas del siglo VII reconocerán que el reino visigodo estaba compuesto por Spania, Gallia y Gallaecia" (Hispania tardo-antigua y visigoda, 2007).

Polo tanto, os corónimos dos mapas que estamos a analizar, SPANIA, Gallias e Gallecia, responderían á estrutura tripartita provincial do reino visigodo de Toledo, sendo Gallecia a provincia que fora o antigo reino suevo, incorporado ó visigodo no ano 585, SPANIA, o reino visigodo propiamente dito (sen Gallecia), e Gallias, parte da provincia Narbonenese que aínda permaneceu formando parte do reino visigodo de Toledo tralo final do reino visigodo de Tolosa. A devandita estrutura provincial tripartita aínda estaría vixente no momento da composición das Etimoloxías de Santo Isidoro (627-630), sendo a orixe destes mapamundis T-O complexos, con toponimia. Finalmente cara o século VIII, acabaría por se destacar "Asturias" nestes mapas, mais dentro da provincia de Gallecia (1), por establecerse nela efectivamente a sé primeira do reino trala invasión musulmana.

"Nomina civitatum Ispanie sedes episcopalium" do Codex ovetensis da Biblioteca do Mosteiro do Escorial.

Restos desta división tripartita da época isidoriana aparecen na "Nomina civitatum Ispanie sedes episcopalium" do Codex ovetensis da Biblioteca do Mosteiro do Escorial, datado entre os séculos VII-IX. Na estrutura do documento sepáranse claramente as sedes da provincia Gallie e as de de Galletiae, das que se mencionan en primeiro lugar na zona superior e baixo o rótulo do encabezamento "Ispaniae": Cartaginiensis Spartarie, Betica, Lusitania e Celtiberia. 

Destacamos nesta pequena contribución, que mesmamente podería estar errada, a idea de que o corónimo SPANIA non designaba primeiramente o territorio conquerido polos musulmáns cando arrasaron co reino visigodo de Toledo, senón o territorio nuclear do reino visigodo de Toledo, sendo o resto da Península Ibérica, Gallecia. Spania (visigoda) vs. Gallecia (sueva). Con posterioridade á conquista musulmana do territorio nuclear visigodo (Spania) só quedou como reino cristiano a provincia da Gallecia sueva: Bracara, Dumio, Portucale, Tude, Auriense, Lucu, Britania, Asturica, Iria e Beteke (sede sen identificación clara).

_______________________________________________________

(1) Lembremos a explicación do mesmo Santo Isidoro: "regiones parte sunt provinciarum quas vulgus conventus vocat, sicut in Galicia: Cantabria et Asturia" = as rexións, chamadas conventos polo vulgo, son parte das provincias; como en la provincia de Galicia [Gallaecia] son Cantabria e Asturias.

No hay comentarios: