Tiñamos esta carta do ano 1499 (Carta de Pedro de Ayala ós Reis Católicos), conservada no Arquivo Xeral de Simancas, pendente de publicar no blog por non saber con seguridade, ata o de agora, como interpretar a referencia ós adiviños galegos que cataban as espaldas tal e como facían os adiviños galeses. Dubidabamos de se sería unha mención temperá á técnica de "levantar a paletilla caída", ou se sería algún tipo de mancia esquecido do que non tiñamos máis noticia que esta.
Na carta, que orixinalmente era un documento cifrado, logo trasladado polo arquiveiro de Simancas, exponse claramente que no País de Gales e na Galicia se practicaba un sistema de adiviñación ou prognóstico baseado no exame da espalda: "otras veces he escrito cómo aquí se guían por profecía, afírmolo por cosa cierta: sabrán Vuestras Majestades que hay muchos en la provincia de Guales que adevinan como en Galicia catando en espaldas, acá en otras diversas cosas y pláticas que tienen. Esto digo porque ha pocos días que el rey apremió mucho a un clérigo que dijo lo que sucedido al rey Aduardo y la fin del rey Ricardo, que le dixiese qué había de ser de él, porque siempre le había dicho mucho bien. Ahora dícenle dixo cómo su vida tenía grandísimo peligro [...] y otras cosas no buenas, afirmole que su reino se haría dos partes, mandole que con nadie lo comunicase".
A técnica de adiviñar polo exame da espalda ten que ser unha referencia á escapulomancia (scapulimancy) ou espatulomancia, que consistía na observación do óso chamado spatula, espádoa, escápula, omoplata ou paleta (paletilla) dun animal, co obxectivo de tirar do seu exame algún prognóstico ou predición. A nosa conclusión definitiva sobre o asunto da carta de Pedro de Ayala ten que ser correcta porque con anterioridade Xerardo de Gales no século XII xa tiña falado, precisamente, de que os habitantes de Pembrokeshire (Gales) practicaban a inspección da omoplata dereita dos carneiros. Aínda que Xerardo de Gales indicara que os que facían os augurios eran emigrantes de orixe flamenca, a práctica do mesmo sistema de adiviñación rexistrouse tamén en Escocia, o que non deixa lugar á dúbidas de que era unha técnica coñecida nas Illas Británicas (Ch. Burnett, "Arabic Divinatory Texts and Celtic Folklore: A Comment on the Theory and Practice of Scapulimancy in Western Europe", 2024). No gaélico escocés esta mancia recibía o nome de slinneanachd (Dictionary of the Gaelic Language, 1828): "un tipo de augurio obtido pola inspección da omoplata dun animal".
O animal en cuestión, seguindo a Burnett, non podía asarse (someterse directamente á acción do lume), senón que debía ser cocido, e a carne retirada da espalda sen coitelo, procurando non deixar marcas artificiais no óso para así ler só as marquiñas naturais (liñas, buratiños, irregularidades, relevo, manchas...) que presentaba a súa supeficie. Non obstante, outras técnicas de escapulomancia, como a empregada na antiga China ou na Península do Labrador, baseábanse sobre todo na interpretación dos sinais que o lume deixaba nos ósos.
Lecturas de escapulomancia practicadas polos indíxenas da Península do Labrador mediante lume aplicado ós ósos. (C) Frank G. Speck, Naskapi: The Savage Hunters of the Labrador Peninsula, 1977.
Para Manuel Alberro, cuxo traballo "La difusión de la escapulomancia desde el reino de Aragón hacia el resto de Europa durante el siglo XII" (2003) segue moi de preto o de Burnett e pode lerse para ampliar coñecementos en profundidade sobre a historia desta técnica adiviñatoria, a escapulomancia difundiuse por Europa dende España grazas ás traducións que se fixeron no país dos tratados árabes sobre esta disciplina. Non obstante, a dispersión da escapulomancia por case todo o mundo maila súa utilización nos paises célticos, poderían indicar tamén, segundo a nosa opinión, que a técnica adiviñatoria da lectura da omoplata animal xa era coñecida antes da chegada dos árabes á Península Ibérica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario