- Becque: "a ditch or trench made upon the high way, also as beche (Norm.) = "cuneta xunto dun camiño real, como beche en normando" - Dicionario de Randle Cotgrave.
- Becque: "Fossé établi le long des terres cultivées pour favoriser l'écoulement de l'eau" = trincheira formada ó longo das terras de cultivo para escorrentar a auga - Dicionario de Hécart.
- Bec, becques: "la crête d'un fossé" = terraplén dunha trincheira - Dicionario da Academia Francesa.
Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
jueves, 4 de julio de 2024
Orixe bretoa dos topónimos O Beque (Galicia) e Becque (Normandía)
lunes, 1 de julio de 2024
A paisaxe de bocage de Trasancos no Visor de Valados de Galicia (Xunta de Galicia)
A paisaxe de bocage (denominación francesa tomada do estudo que o xeógrafo francés Abel Bouhier fixera da vella paisaxe agraria galega, aínda non superado por ningún investigador) é característica exclusiva do extremo noroeste de Galicia. As leiras, parcelas ou propiedades agrícolas, de forma cuadrangular, adoitan pecharse con sebes vexetais constituíndo unha paisaxe efímera e cambiante.
No Libro de arrendos que o mosteiro de Xuvia tiña en Trasancos (século XVIII) os colonos ás veces mencionan o feito de estar as propiedades "circundadas" con sebes vexetais; a sebe mixta que máis se menciona é a composta de salgueiros, ameneiros e loureiros, ou ben de salgueiros, ameneiros e silveiras (zarzas): "circundada sobre si con laureles, salgueiros y porción de ameneiros". Noutras descricións menciónanse peches diferentes, como muros de pizarra, ou un silveiral dunha banda máis un cómaro alto doutra. O peche vexetal sinxelo máis frecuente é o formado polas silveiras, que adoitan usarse no exterior da finca, máis tamén como división interna da mesma se é que está parcelada.
Chama porén moito a atención que o Visor de Valados da Xunta de Galicia non recolla na nosa zona nada máis que seis mostras da paisaxe de peches vexetais chamada de bocage, e que adique case o resto do corpus a peches inespecíficos formados con táboas e aramio. Destas seis mostras, dúas delas foron tomadas das imaxes aéreas do PNOA, e o que xa dá unha idea do poco esforzo adicado a esta tipoloxía paisaxística tan relevante é que nelas non se visualiza a característica parcelación cuadrangular do bocage. Nas restantes, están completamente ausentes exemplos de peches vexetais tradicionais formados polas especies arbóreas que vimos de indicar (salgueiros, ameneiros e loureiros) e toda explicación redúcese ó descritor "sebe de vexetación espontánea", identificándose só nun caso, como de casualidade, que se trata dunha silveira.
domingo, 23 de junio de 2024
O topónimo Rilleira como indicador de antigos asentamentos bretóns
Na documentación do mosteiro de Lourenzá vese como o que hoxe consideramos simples aldeas, como a de Recemil (Lourenzá), en realidade eran chamadas rilleiras ou relleiras.
Como topónimo maior, A Rilleira semella que só existe en Cabarcos (Castro da Rilleira) e en Cambás, aínda que como nome de terras (microtopónimo) é algo máis frecuente e ten unha distribución moi marcada na Mariña lucense e na área de influencia de Santiago de Compostela.
Segundo María Cando "rilleira é un topónimo derivado da palabra rella, do lat. REGŬLA ‘regra’ ‘barra de metal ou de madeira’ (DCECH), co significado de “pegada que deixa unha roda” (DRAG), pois cómpre ter en conta que o concello de Barreiros está caracterizado por terras lamentas" (María Cando Cruña, Estudo etimolóxico e semántico da toponimia maior de Barreiros, 2021).
Se ben a etimoloxía fornecida é correcta, nós non estamos de acordo coa acepción xeral que se ofrece, e vemos a necesidade de adaptala ó contexto agrario no que se atopan as rilleiras: apuntamos que ese regula > rella é unha referencia á rella ou ferro do arado. Porén a pegada que deixa a rella do arado na terra será, neste caso, unha relleira ou rilleira. Nada que ver, pois, coas pegadas das rodas do carro na lama ou as chamadas rodeiras (na pedra das calzadas).
Por extensión ou ampliación do significado, rilleira pasou a indicar un terreo de labradío que conformaba unha división territorial específica, alusiva a un tipo de asentamento en granxas dos colonos dos mosteiros, menor que a parroquia e de todo punto comparable ó plou bretón, co que comparte etimoloxía semánticamente; xa viramos que a etimoloxía dos numerosísimos topónimos bretóns do tipo Plou-, como Plougastel, remite a plough / plovum, "arado", non ó latín plebem, "pobo" (Plou y el arado, Arqueotoponimia, 2008), termo do que provén o nome da división territorial específica das comunidades bretoas, os ploue, que se teñen comparado ás parroquias galegas.
Segundo Arthur de la Borderie, o plou bretón non é únicamente unha circunscrición, é unha institución, e aínda que os escribáns medievais traduzan este termo polo latín plebs, non ten que ver coa plebs eclesiástica; o plou é unha institución civil, un grupo de habitantes establecidos por xeracións nun territorio rexido por un xefe, cuxa principal prerrogativa é exercer o poder xudicial, que é nomeado como príncipe do plou, en latín princeps plebis, e tiern en bretón, investido dunha autoridade hereditaria (Le Cartularie de Landevenec, 2022). Sucede o mesmo na nosa zona de estudo, exceptuando o carácter hereditario dos cargos de rexedor ou alcalde, que polo que sabemos eran elixidos anualmente (cfr. a elección de alcaldes e xuíz segundo o costume da caza do Rei Charlo de Lourenzá).
lunes, 1 de enero de 2024
As centuriacións de Caesar Augusta no Bronce de Botorrita I
"tirikantam berkunetakam tokoitoskue sarnikio kue" (Hispania Epigraphica, Botorrita I)
miércoles, 6 de diciembre de 2023
Orixe da paisaxe de agras na castrificación de Galicia
Obxectivos
Testamos a hipótese do xeógrafo francés Abel Bouhier respecto da orixe da paisaxe de agras galega na castrisation (proliferación de castros ou asentamentos fortificados da Idade do Ferro) do noso territorio. Dita posibilidade fora exposta na súa tese de doutoramento La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire (1979), estudo aínda non superado sobre as formas agrarias da paisaxe cultural galega.
Material e métodos
Grazas ó programa Topónimos.exe deseñado por Iago Isasi Freire podemos recoller a toponimia en torno dun topónimo dado (no noso caso procuramos a forma CASTR), nun radio previamente sinalado que pode oscilar entre 1 e 750 metros.
Os resultados obtidos son susceptibles de ser tratados nun visor, deseñado polo mesmo autor, que amosa, por exemplo, que topónimos son máis frecuentes ó redor do item toponímico obxecto da procura, ou cal é a orientación e distancia dos resultados con respecto ó item procurado.
O corpus toponímico no que se realiza a procura, que é o que rastrexa o programa Topónimos.exe, é un arquivo CSV coa microtoponimia (nomes de terras, montes, regueiros, fontes, penedos, muíños, camiños…) de Galicia, extraída da base de datos Galicia Nomeada, na que se recollen tódolos concellos e inclúe a localización xeográfica. O arquivo CSV pódese descarregar nesta ligazón:
A xeolocalización dos items toponímicos permite tamén o tratamento cartográfico dos datos obtidos; Iago Isasi ten desenvolto un outro visor que xera imaxes cartográficas, isto é, mapas nos que se visualiza a dispersión dun resultado por concello, nuha escala gradual de cores segundo a cantidade por concello.
Resultados do estudo
Nós non imos traballar aínda cos visores desenvoltos por Iago Isasi, senón cos datos planos obtidos co seu programa Topónimos.exe.
Nun radio de 100 metros ó redor de tódolos topónimos Castro e variantes (Castrelo, Castronela, etc.) de Galicia hai inventariados na base de datos Galicia Nomeada, á data de hoxe, 8.235 topónimos, que na súa maioría pertencen á categoría dos microtopónimos.
Deles, 204 son topónimos que conteñen os termos Agra, Agro, Agrelo ou ben Aira, que incluímos por ser variante evolutiva da forma romance agra. Algúns exemplos: As Agras do Castro (A Laracha), O Agro do Castro (A Pastoriza), Agrelos de Galán (Arteixo), Suagra de Castro (Boqueixón), Trala Aira (San Sadurniño), A Aira do Castro (Castroverde), etc.
A estrutura toponímica máis repetida é o tipo A Agra do Castro / A Aira do Castro / O Agro do Castro, cun total de 76 ocurrencias (37 %), que sen dúbida é moi relevante ó vencellar directamente a paisaxe agraria das agras cos castros adxacentes.
Os resultados son concordantes coa tese de Bouhier relativa á castrificación da paisaxe na que se desenvolveron as agras de Galicia. A maior concentración da toponimia Agra e variantes no entorno inmediato dos topónimos Castro prodúcese nos concellos do interior da comunidade galega, sobre todo nas provincias da Coruña e Lugo, zona que previamente fora establecida polo xeógrafo francés como de paisaxe de agras, fronte ó norte das mesmas provincias e a súa costa, que conformarían outros tipos de paisaxe: paisaxe de bocage e de bancais ou aterrazamentos.
Fig. 2. Agrupación dos casos por comarcas. O contorno arrodeado de azul sinala as comarcas do interior das provincias, fundamentalmente Lugo e A Coruña, cunha maior concentración dos topónimos Agra e variantes, localizados a partires dos topónimos Castro (e variantes).
A existencia de paisaxe de agras coa súa toponimia correspondente no entorno dos castros dalgunhas comarcas limítrofes, como pode ser a de Ordes, aconsella polo momento tomar con precaución o límite comarcal que temos sinalado, pois é moi posible que este se vexa ampliado cando se remate co proxecto Galicia Nomeada, e se teña inventariada toda a (micro)toponimia de Galicia. Tamén parece aconsellable traballar cun radio de procura maior, en torno ós 200 metros, pois 100 metros implica ter as terras de cultivo ó pé dos asentamentos castrexos, o que non sempre é posible. Non obstante, estas precisións non invalidan os resultados obtidos.
Conclusións
Tarandeira / Tarrandeira
No caso do microtopónimo Tarandeira (O Pazo, Abellá - Frades) comprobamos que outras terras próximas levan o nome de Terreo da Eira, polo que é moi posible que Tarandeira e Terreo da Eira se expliquen mutuamente. Supomos, pois, unha variante de pronunciación coa expresión consonantizada do risco nasal da primitiva vogal nasal de terrão, máis apertura da vogal e ante vibrante. Así Terrão da Eira > Tarandeira, ou ben, Terreo da Eira, por confluencia co sustantivo terreo procedente tamén do latín terra.
Os microtopónimos Tarrandeiras de Diante e Tarrandeiras de Atrás, próximos ó Pazo (Abellá) e no entorno do castro arrasado de Ameixeiras (Ordes), ocupado hoxe pola área de servizo do mesmo nome, amosa a diferente realización da vibrante como simple ou múltiple. A paisaxe agraria reforza a etimoloxía proposta, polo que estariamos ante un caso de homofonía co sustantivo tarandeira / trandeira: "vara longa ou armazón de paus longos da que se penduran certas cousas: colgou os chourizos da trandeira para afumalos" (DRAG); "cierre formado por palos verticales que son cruzados por un palo horizontal" e "colgador de ropa formado por dos palos verticales y una cuerda que los une" (Constantino García: Glosario de voces galegas de hoxe).
lunes, 13 de noviembre de 2023
Anella e Anellada
Anellada semella, pola súa situación, un derivado do latín amnicula, "ribeiriña", á súa vez derivado diminutivo de amnem, "río". O topónimo aludiría a un conxunto de terras situadas xunto da ribeira dun río. A forma Anella, procedente directamente do diminutivo latino amnicula, tamén se atopa fosilizada na toponimia.
sábado, 30 de septiembre de 2023
Buxán, un derivado de buxo
O estudo e preservación dos peches ou sebes vexetais da paisaxe galega aínda é un tema pendente. Na Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (Xunta de Galiza, 2017) o espazo que se lles adica non é moito, sendo, pola contra, a súa importancia para a paisaxe galega, máxima, como destacara o xeógrafo francés Abel Bouhier na súa tese doutoramento (La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire, 1979).
Os peches vexetais conforman a chamada paisaxe de bocage, propia da Europa atlántica, segundo a nomenclatura empregada polo francés. A súa extensión ocupa grande parte da provincia da Coruña (zona rosa e verde auga clariño do mapa, na que se mestura coa paisaxe de agras). Trátase dunha tipoloxía tan peculiar e chamativa como a da paisaxe de socalcos para o cultivo da vide da Ribeira Sacra, pero completamente descoñecida. A xente non a coñece porque, polo uso de sebes vexetais, a confunde coa paisaxe natural galega. E en certa forma teñen razón: grande parte de Galicia é (ou foi) así, dende tempos tan recuados que semellaría que a súa paisaxe natural ab origine foi a dos recintos pechados con sebes vexetais.
Para o caso do topónimo Buxán, que normalmente se considera un derivado do antropónimo Busianus, nós pensamos que é un derivado de buxo (Buxus sempervirens). As formas femininas en -án, como amosara Constantino García ("Resultados del sufijo -ANA en gallego", Verba, 1975), son propias do galego do bloque occidental: así do latín medium > meán (Vilameán, vila que está no medio). Un destes femininos en -ÁN sería por exemplo o Buxán de Coristanco (Seavia), próximo precisamente doutros feminos en -ÁN como Vilameán (Seavia) e Silván (Erbecedo). O fitotopónimo Buxán aludiría a unha vila pechada por sebes de buxo, como Silván a unha vila na silva (latín silva = bosque, mato).
Máis difícil é o Buxán de San Pedro de Bande (Ourense), lixeiramente fora do bloque do galego occidental (femininos en -ÁN), pero que no pasado puido ser parte del. Mais este non é o único inconveniente, xa que Ourense queda hoxe completamente á marxe da xeografía do bocage galego que deseñara Bouhier. Tería a paisaxe de bocage unha dispersión case que absoluta pola nosa xeografía?
sábado, 23 de julio de 2022
Prau, Praúa, Pravia, Piadela, Pravío
Do latín pratum, "prado", mediante a lenición ou suavización do son oclusivo sordo t > d > 0 chégase en asturiano a prau. Ó redor dos praos de Pravia existe o microtopónimo Praúa, hoxe conservado no rueiro como Avenida de Prahúa, cunha h intercalar que, como indica García Arias, separa a acumulación vocálica "en un intento de señalar la diferencia silábica".
miércoles, 27 de abril de 2022
O bocage galego: unha paisaxe cultural propia da Idade do Ferro
Imos extrapolar as características do bocage camerunés de Bamileke (África) á nosa paisaxe cultural de bocage, estudada polo xeógrafo francés Abel Bouhier, o cal consideraba que podería ser a paisaxe antropizada máis antiga do noso país, probablemente de orixe prehistórica. Farémolo a partires da caracterización que Denis Gautier, Dirk Verboven e David Andrew Wardell realizaron no artigo The origins of the Bamiléké hedgescape “bocage”. Development from 1900 to 1960 (European Journal of Geography, 2017), traducindo aqueles parráfos que consideramos relevantes.
O obxectivo é observar a idoneidade deste modelo de terraformación para sociedades gandeiras de xefatura, con altísima dispersión poboacional e que ocupan territorios de clima semellante (atlántico - húmido e temperado), aínda que estean separadas cronolóxicamente por milenios. Do que se desprende a perfección e o grande valor ecolóxico do modelo de ocupación e asentamento.
- A paisaxe do bocage de Camerún está modelada por sebes vexetais que se espallan nunha pauta entrecruzada, dende o fondo dos vales polas abas dos outeiros. As divisións de sebes, valos vexetais vivos ou árbores teñen varias funcións, como controlar o movemento do gando, demarcar as propiedades, fornecer produtos (madeira, forraxe ou froita), preservar a biodiversidade nun medio antropizado, ou como abrigo dos ventos.
- As primeiras descripcións desta paisaxe por parte dos europeos datan de principios do século XX aínda que amosan que o bocage é previo, non xurde a partires da colonización do país levada a cabo por Alemania e Francia: "Unha densa rede de sebes rodean os asentamentos pertencentes a un distrito (chiefdom = dominio dun xefe tribal). As vivendas, salpicadas entre a vexetación, localízanse no fondo dos vales, preto dos ríos. As casas xunto coas leiras están arrodeadas por divisións vexetais de setos vivos". O botánico Ledermann notou no 1908 sebes de determinadas especies nativas (Dracaena arborea), de fortes raíces, conformando os peches dos cultivos: téñense como indicadores das propiedades, que evitaban as disputas polas lindes pola dificultade que entrañaba quitalas do chan.
- Pola investigación etnográfica levada a cabo por Den Ouden sábese que antes da chegada dos europeos o espazo adicado ó asentamento e ós cultivos estaba no fondo dos vales, era un poboamento invisible dende as estradas que percorrían as crestas das elevacións. As terras de cultivo estaban valadas [con sebes vexetais], aínda que non había un sistema para separar os pastos dos campos de cultivo, pois o gando compartíaas estacionalmente ou en rotación, durante a seca. Trátase do mesmo sistema que existe na Galicia de bocage, na que, doutra banda, os castros tenden a ocupar o val e os camiños prehistóricos (divisorias de augas ou camiños naturais) van polo cumio das serras.
- Os elementos vexetais vivos que forman os peches dos bamileke foron coidadosamente seleccionados para a obtención de produtos forestais (ej. froita, madeira para combustible ou construción). En Galicia sucede o mesmo: as especies vexetais que forman as sebes tiveron ou teñen aínda moitas utilidades. Nas zonas onde se plantan viñas as sebes adoitan ser de vimbio (pola súa utilidade no atado tradicional das viñas). Úsanse tamén outras especies que fornecen froitos, como o castiñeiro, as silveiras (moras), ou arbustos aromáticos como o loureiro (v. Paisaxe Galega: Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, Xunta de Galicia, 2017).
- A hipótese principal que se baralla para o aspecto do bocage camerunés antes da chegada dos europeos é que o territorio estaba estruturado en grupos dispersos de vivendas que gravitaban ó redor dos centros políticos (os chiefdoms). Un labirinto de sebes arrodeaba a residencia principal do xefe. Os espazos baleiros entre os chiefdoms eran zonas polas que loitaban os reinos rivais. A descrición semella idéntica á paisaxe de bocage en torno ós castros galegos, que aínda pervive na súa forma agrarizada, e, nalgunhas ocasións, no rexistro arqueolóxico baixo a forma primitiva da que deriva, a revolta (v. As revoltas dos castros: o caso das Quenllas do Forno). Tamén a alta densidade e grande dispersión polo territorio dos nosos poboados do Ferro pode equipararse ó factor densidade / dispersión do poboamento bamileke.
- Para os investigadores, os clústers illados dos asentamentos bamileke, invisibles no fondo dos vales, xustifican a facilidade coa que os colonos xermanos penetraron no territorio a pesares de estar densamente poboado, xa que eles movíanse polos camiños das crestas, vías naturais de tránsito. Cecais este punto poida poñerse en relación coa colonización romana de Galicia.
- A pacificación dos diferentes reinos á chegada dos colonos franceses acelerou o crecemento da poboación. A presión demográfica favoreceu o desprazamento da mesma cara ás abas dos montes manténdose o sistema de apropiación e delimitación das terras mediante sebes: o bocage xeneralízase.
- Un punto moi interesante é o das consecuencias da colonización, que leva a un aumento da presión poboacional sobre o territorio, ó meu modo de ver debido á súper explotación do mesmo por parte dos colonos (plantacións de café, reforestacións con eucalipto - o "white man tree"), o que conduce á emigración. Sen dúbida o caso pode equipararse ó ocurrido en Galicia en dúas ocasións (romanización e explotación territorial moderna e contemporánea), aínda que pola miña parte non teño coñecementos suficientes no ámbito da xeografía de poboacións para analizar o desencadenante último, se é que o equilibrio poboacional se mantiña na era precolonial bamileke grazas as loitas tribais, que deixaron de producirse coa pacificación colonial (como afirman os autores), ou é que os procesos coloniais, invasivos, levan o xermolo da destrución.
- O papel da Igrexa na reagrupación territorial foi determinante. Na súa tarefa evanxelizadora atoparon o mesmo problema que en Galicia: as vivendas estaban tan diseminadas que era imposible instalar tantas capelas e promoveron ante as autoridades unha nova forma de división territorial (cfr. o proceso de formación da división parroquial propia de Galicia).
- O entramado de sebes que conforma a paisaxe de bocage é moito máis denso nos poboados (centros políticos e relixiosos), e vai perdendo forza a medida que se alonxa deles cara á periferia. Os xefes ordenaban ós granxeiros a construción da rede labiríntica de valos vexetais e sebes có obxecto de conducir ó gando ós pastos comunais dos montes, dende os poboados sitos na parte baixa dos vales.
- A colonización tivo como efecto un incremento da poboación, coas consecuencias seguintes: reducción dos pastos, ocupación das terras baleiras entre os chiefdoms, fragmentación da propiedade (minifundio), agotamento do sistema tradicional que combinaba agricultura e gandeiría. Segundo os autores, facíase necesario promover o éxodo do rural e novos sistemas de produción "máis avanzados" [sic].
- Aínda que dun modo difuso, os autores semellan atribuír un novo incremento da conflictividade social a algún factor alleo ó proceso colonial: tras a II Guerra Mundial a conflictividade aumenta, o cultivo a gran escala do café e as súas compañeiras (as árbores de sombra) nesta zona de Camerún, ocupando preto do 50% das terras, acaba có sistema económico tradicional. Procúranse beneficios económicos inmediatos (cash) coas plantacións de café: a cabana gandeira diminúe e aparecen enfermidades epizoóticas, diminúen as terras adicadas ás colleitas e ós pastos. Desaparece a paisaxe de bocage tradicional que delimitaba cultivos e pastos. O mecanismo é o seguinte: nas terras dispoñibles para os cultivos priorízase ó café e redúcense os terreos adicados ós cultivos alimentarios, os cales entran en produción intensiva mediante rotacións nas poucas terras adicadas a eles, có que o gando queda excluído do ciclo de aproveitamento da terra.
Conclusións
martes, 22 de febrero de 2022
Espiñeira
lunes, 27 de diciembre de 2021
Revolta
O avoíño de Manuel Ruibal descansando na súa saa de paredes de cachotería có lume aceso á súa beira, sentado nunha vella cadeira de vimbio có canciño durmindo confiado no seu colo, lémbranos no porte a un antigo chieftain ou a un rei escocés, daqueles primeiros reis que vivían como o pobo, sen roupas de satén ostentosas, sen pretensións, só tendo moi claro cal era o seu cometido na vida. O home ten un ollar no que se descubre unha sabiduría milenaria que cecais lle faga sorrir por algo que só el coñece..., e ós seus 96 anos aínda lle ten afición ó traballo físico propio do agro, como o de partir a leña! Del imos aprender un significado do termo revolta que se lle escapou a Bouhier, o francés que adicou parte da súa vida ó estudo da paisaxe agraria de Galicia, unha acepción que descoñecía ata o Eladio Rodríguez! Xogamos con vantaxe ó dispor dun informante de primeira, un mestre: o señor Pepe do Curro (José Rodríguez Coto), que xa colaborara có concello de Carral na recuperación dos muíños de Costa da Égoa.
"As revoltas eran os cerrados que se facían no monte aberto para acubillar as vacas, feitas de pedra ou terra. Cada familia tiña a súa, ou varias, e se se abandoaban, outro veciño podía ocupar o lugar có seu gando. Adoitaban estar xuntas e marcadas nas catro esquinas con cruces" (definición fornecida por Manuel Ruibal segundo explicacións do seu avó, nado en Carral).
Así pois, peches para gando no monte comunal, feitos de terra ou pedra. Quedaríanos perfilar en que se diferencian as revoltas das chousas, que tamén aparecen no monte aberto e están pechadas, como indica a etimoloxía (do latín clausa, participio de claudere, "cerrar"): eu, sen entrar moito en materia xa que non a coñezo ben, diría que unha gran diferencia é que a función orixinaria das chousas non tiña que ver exclusivamente có gando, pois é que nelas, por exemplo, podía sementarse toxo.
A partires dunha acepción fornecida por Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano
Revolta 4: Terreno de monte donde se planta el trigo que se siembra en la revolta (v. Revolta 1: Revuelta, segunda vuelta o repetición de la volta (v. Volta 13: labor que se le da a la tierra)).
varios investigadores do eido da toponimia teñen establecido que o topónimo Revolta podería gardar relación coas curvas dun camiño ou río, ou ben podería aludir ós terreos nos que se sementaban cereais ou outros vexetais na segunda volta ou labor que se lle daba á terra.
Grazas a importantísima achega do noso informante podemos asegurar que, de atoparse no monte aberto e presentarse varios destes cerrados xuntos, o topónimo faría referencia á existencia dun antigo sistema de acubillar o gando mediante peches de terra ou pedra. O sistema aseméllase, na forma que adoptan os recintos, á tipoloxía da paisaxe de cerrados de bocage establecida polo francés Bouhier; máis non no modo de peche, que ven sendo vexetal no bocage. A asociación por contigüidade das chousas e das revoltas é bastante recurrente na paisaxe de cerrados do interior da provincia polo que podería constituír unha tipoloxía nova (paisaxe de revoltas) a ter en conta na caracterización da paisaxe histórica do agro galego.
sábado, 4 de septiembre de 2021
Castro de Morouzóns - Atán (Mazaricos)
O castro identifícase pola súa ubicación, topografía e polo microtopónimo Morouzóns (ficha catastral), un aumentativo plural do termo de orixe prerromá morouzo / merouzo / morouço / moroiço, "montículo de pedras", que aludiría ás ruinas do poboado do Ferro. Semella que o desmonte do castro prodúxose primeiro polo uso intensivo agrícola do seu sistema de aterrazamentos, o que propiciou o paulatino achanamento do perfil ata se converter nunha agra.
viernes, 20 de agosto de 2021
Sobreira: un falso fitotopónimo
No medio dunha paisaxe agraria sinalada por toponimia redundante (Agra de Arriba, Agra de Abaixo), aparece nunha pequena elevación do terreo o lugar de Sobreira, que non pode ser un auténtico fitotopónimo, senón un composto da frase preposicional latina super agram, con evolución normal ó galego: sobre eira > Sobreira, que quedou fosilizado como nome de lugar propiciando a confusión có termo homónimo referido á árbore. A estrutura latina do étimo (non romance: Sobre da Eira), vencellado semánticamente á existencia de agras de cultivo, sitúa a agrarización masiva da paisaxe galega durante a romanización. A primeira documentación escrita "ad fogium de sobreira uentosa" (ano 1106 - Tui. Fonte: CODOLGA) amosa o topónimo xa formado como na actualidade, aínda que polo contexto podemos supor que designa un lugar situado no alto, super agram.















