miércoles, 5 de agosto de 2026

O verdadeiro monte Sinaí

Non hai acordo na situación do verdadeiro monte Sinaí, onde disque Deus se lle apareceu a Moisés para lle entregar as táboas da lei (coas que se fixeron os tabots ou arquiñas da alianza - cfr. "Na procura da arca perdida de Ildura Eriz", Arqueotoponimia 2023). É dicir, o feito de que o Sinaí actual, tanto o monte como a península que leva o nome do monte, se veña considerando o auténtico Sinaí débese a que uns monxes no século III informaron de que tiñan atopado alí a zarza ardente, o que resulta materialmente imposible despois de 1.500 anos ardendo! Pero estas inventios brindan pingües beneficios dos peregrinos ás comunidades relixiosas, xa dende a época da viaxeira galaica Exeria, así que agora a ver quen é o valente que desmonta esta falcatruada.

Na nosa opinión, o verdadeiro monte Sinaí está na fronteira entre Irán e Kuwait. É o Jabal Sanam ou Jebel Sinam, o que se pode traducir como o "Monte do Ídolo"; haxiotopónimo que é unha posible alusión ó ídolo que adoraron alí os israelitas (Éxodo 32-4). É un domo salino non moi elevado pero que destaca no terreo chan da antiga Mesopotamia. O Jabal Sanam está a uns 150 km de Basora, preto de Nasiriya, onde se localizan as ruínas de Ur, a cidade de onde era orixinario o profeta Abraham.

Monte Sinaí na Arabia, arrodeada polo Mar Vermello. (C) Ranulp Higden, século XIV.

Moisés cornudo no "Mons Sinay"; sobre el, as "tabule testamenti". O monte sitúase tamén na península arábiga - Mapamundi da Catedral de Hereford, ano c. 1300. 

O monte é mencionado polo portugués Pedro Teixeira como lugar de paso para as caravanas que ían de Basora á Meca. Teixeira indica que "dizen que es abundante en fuentes", polo que coidamos que tería sido un lugar adecuado para erguer o campamento dos xudeus que se menciona na Biblia (Éxodo 19-2). Doutra banda, incluso Teixeira podería estar a informarnos de que o Gibel Sinam é o propio monte Sinai, aínda que tamén podería estar simplemente traducindo o substantivo árabe gibel / jabal / jebel: "llamado de los Arabes Gibel Sinam, que es el monte Sinam, a do antiguamente fue la primera Basora" (Relaciones de Pedro Teixeira, 1610).

No hay comentarios: