domingo, 8 de noviembre de 2026

Coto de Outor (Monterroso)

 

No concello de Monterroso, entre A Lucencia e Cumbraos, elévase un pequeno coto chamado na cartografía antiga Coto d'Outor, que é un orónimo derivado do latín altus, -a, -um mediante o sufixo masculino -or, hoxe obsoleto e que servía para formar sustantivos a partir de adxectivos (grosor, dulzor...). Equivale ó máis corrente Outeiro < altarium, formado co sufixo -arius, -aria, -arium aplicado ó mesmo adxectivo.

Nos primeiros dicionarios de galego recóllese, de feito, o termo outor coa definición de "altura, altitude, altor, elevación" (Filgueira Valverde, Tobío, Magariños e Cordal 1926; Carré Alvarellos 1928-1931; Ibáñez Fernández 1950).

A tendencia neste sintagma preposicional Couto d'Outor é, como se ve, a formar unha soa palabra *Coto Doutor; desta contracción procede o microtopónimo Sitio Doutor / Sitio de Doutor, recollido no vaciado da toponimia do Libro Real de Leigos da Coruña polo usuario "Giannini" na web Celtiberia.net ("Microtoponimia gallega: un ejemplo coruñés", 2008).

A confluencia por semellanza co termo doctor, procedente do latín doctorem, "mestre" > "médico", é inevitable, polo que é moi posible que algún topónimo como Segovia del Doctor (Membribe de la Sierra - Salamanca) teña sido en realidade un lugar chamado *Segovia de Outor.

De mesma familia son os topónimos asturianos Outur / Otur (Valdés) e El Valle Otura (Monsacro), co sufixo feminino -ura. Mailo diminutivo Outurela (Oeiras - Lisboa), que me indica Francisco Santos, do grupo de Facebook Toponímia / Toponymy.

martes, 3 de noviembre de 2026

Avelaíñas, bruxas e vampiros: a inmortalidade da alma animal

"Os Sete Dormentes" son sete bechiños ou animaliños que no folclore dalgúns países, como Irlanda, se agrupan neste conxunto por ter en común unha característica peculiar que non é que sexa moi científica: o pobo considéraos como resucitados, renacidos ou aparecidos. Dunha análise dos animais considerados Seven Sleepers deducimos que ou ben pertencen ó tipo dos que hibernan e desaparecen durante uns meses ó ano, ou son animais que migran (e tamén desaparecen uns meses, para logo voltar), ou son dos que se transforman, metamorfoseándose aparentemente noutro bechiño (en realidade é o mesmo becho pero adquire unha forma moi distinta). Tamén algún dos Sete Dormentes, como a curuxa, é de costumes nocturnos.

A aparente resurrección / reaparición ou a transformación destes bechiños xerou no pensamento popular a crenza de que probaban a inmortalidade: a morte-resurrección ou a morte-reencarnación. De feito a lenda haxiográfica medieval de "Os Sete Dormentes de Éfeso" parte desta premisa; nace seguramente a partir do folklore animal, xa que logo os sete santos dormentes hibernan nunha cova durmindo durante douscentos ou trescentos anos, como se fosen osos. Sen que se soubese explicar ata o de agora, na introdución dunha variante da lenda atribuída a Gregorio de Tours, menciónanse as abellas como punto de comparación cos sete santos.

Na Irlanda as listas de animais que integran a categoría dos Sete Dormentes poden variar bastante, pero hai algúns que se repiten en todas. Na base de datos do folklore de Irlanda (dúchas.ie) atopamos entre os Seven Sleepers: a abella, o morcego, a bolboreta, o escaravello (1), o porco espiño, o cuco, a anduriña, a curuxa... No Ulster un Seven Sleeper é a avelaíña, á que tamén chaman bat (termo que en inglés se aplica só ó morcego) - cfr. The Hamely Tongue, de James Fenton. Esta indiferenciación entre avelaíña e morcego (bats) autoriza a supoñer que no resto de Irlanda tamén tería sido deste xeito. E quen non vexa semellanzas entrámbolos dous, que pase polo meu balcón a ver se distingue que bechiño habita entre os seus ferros... Eu non me atrevo a mirar!



En Galicia non usamos a etiqueta de "Os Sete Dormentes", pero está claro que a abella, a avelaíña, o escornabois e a curuxa comparten cos Seven Sleepers irlandeses esas características especiais que fan que estes animais aparezan arrodeados de varias crenzas supersticiosas, comúns a ámbolos dous pobos. Concretamente a avelaíña (moth ou bat irlandesa) considérase unha alma reencarnada que ven do Alén a traer noticias ou a pedir axuda para saír do Purgatorio, ou que trae un agoiro de morte, se é de cor preta. No fío sobre a avelaíña (Facebook de "Orgullo Galego") indícase nalgúns comentarios que outro dos  nomes que recibe no país é o de bruxa (Eo-Navia e Baiona). Quedémonos con este importantísimo dato.

No conxunto do folklore dos eslavos do sur a avelaíña é a forma que poden adoptar seres sobrenaturais como o krsnik, as moras e as bruxas. Os termos vještica (bruxa) e vukodlak (lobishome) son tamén os nomes que recibe a Acherontia atropos, a avelaíña caracterizada por ter no seu tórax un deseño como de caveira humana (v. Susana Marjanic, "Croatian folklore notions of the post-mortal and cataleptic soul", 2019). Na opinión de Marjanic, trátase dun caso de zoometempsicose, aínda que nós destacamos pola nosa parte que a avelaíña, o bechiño elixido para a transformación da bruxa, é precisamente un dos que experimentan procesos completos de metamorfose (holometabolismo), como a abella, a formiga, a mosca ou o escaravello (todos eles considerados da familia dos Seven Sleepers). A avelaíña especialmente é símbolo do renacemento e transformación, e a súa simboloxía cobrou especial relevancia no famoso filme O silencio dos cordeiros (Demme 1991).

Acherontia atropos na carátula do DVD do filme O silencio dos cordeiros. O debuxo da caveira no tórax da avelaíña presenta a particularidade de que reproduce a obra "In Voluptas Mors" (na voluptuosidade atópase a morte), de Salvador Dalí e o fotógrafo Philippe Halsman (1951): unha fotografía de corpos de mulleres espidas dispostos formando unha caveira.

En Galicia, como en Croacia, certos tipos de avelaíñas de grandes dimensións e cores escuras son consideradas a metamorfose dunha bruxa: o nome de bruxa que aínda recibe nalgunhas partes do país, máis a súa calidade de seren almas reencarnadas, sosteñen esta idea.

Tamén chamamos a atención sobre o nome eslavo da bruxa, vještica, que lembra ó de huéstiga / güestia, un dos nomes da Compaña ou Santa Compaña. Normalmente a etimoloxía de güestia vencéllase ó latín hostis, "enimigo, exército", mais a posibilidade de que a Compaña fose unha xuntanza de bruxas, antes que unha simple comitiva de defuntos, como sinalaramos hai dous anos ("Voo nocturno", Arqueotoponimia 2024), obriga a repensar a etimoloxía de güestia a partir da base indoeuropea *weyd-, "ver, coñecer", á que remite a trazabilidade da raíz croata e serbia vješt / vešt, "experimentado, experto, sabio". A vještica e a güestia ou huéstiga serían, ámbalas dúas, bruxas no sentido de mulleres sabias ou videntes.

Todas estas notas condúcennos de novo á personaxe de Drácula, do escritor irlandés Bram Stoker. Como xa adiantamos nunha entrada anterior ("Van Helsing contra Romasanta", Arqueotoponimia 2026), o conde foi deseñado por Stoker como lobishome (vrkolak), utilizando probablemente (entre outros elementos) o material do relato do doutor Durand de Gros sobre o caso do serial killer galego Manuel Blanco Romasanta. O feito de que popularmente se pense que a natureza primaria de Drácula era a de ser un vampiro (morcego) é resultado dunha mistificación moderna, na que non se ten en conta a transformación ou metamorfose que bruxas e homes lobo podían operar nos seus corpos á vontade, adoptando a forma de avelaíñas / morcegos (bats,  vještica): animais máxicos pertencentes á categoría dos Sete Dormentes, por elo supostamente inmortais ou "non mortos", como o conde Drácula e as nosas avelaíñas / bruxas.

__________________________________________________

(1) É ben coñecido que o escaravello tamén é entre os exipcios símbolo do renacemento.


jueves, 29 de octubre de 2026

Ciempozuelos, un topónimo "campaniforme"

A necrópole de Ciempozuelos (Madrid) é referente na Península polo achádego de numerosa cerámica campaniforme (Idade do Bronce, terceiro milenio a.C.), polo que pensamos que o mesmo topónimo Ciempozuelos podería aludir, dun xeito indeterminado, ós numerosos foxos funerarios (pozos - pozuelos) que caracterizaron estas necrópoles, ou ben, ós poboados de silos / fosos, como os do Camino de las Yeseras (San Fernando de Henares), tamén característicos desta cultura material.

Ola campaniforme do Guidoiro Areoso (Museo de Campo Lameiro). (C) Dolores González de la Peña.

Poboado de foxos do Camino de las Yeseras. (C) Liesau, Vega e Blasco.

viernes, 16 de octubre de 2026

San Coral - Illas de San Pedro


Illa de San Coral, do Medio ou do Pé. (C) Andregoto  Galíndez.

No Derrotero de las costas de España y Portugal, de Pedro Riudavets y Tudury (1867) indicábase que o nome de San Coral que leva unha das illas de San Pedro (O Portiño - Bens), tamén coñecida como Illa do Pé, lle viña de que "en época remota, en que dicho islote formaba parte del continente, había en su cumbre una ermita bajo aquella advocacion, que con el trascurso del tiempo ha desaparecido".

E, xa que logo, non hai santo algún chamado Coral, temos que supoñer unha evolución a partires do latín medieval curialis, relativo á curia, nalgún dos significados que recolle o glosario de Du Cange. A que nos parece máis axeitada é a acepción que vencellaría o sentido do topónimo á curia ou parroquia, "un curato", pola capela existente na illa. Na Auvernia (Francia) tamén existe un lugar chamado  Saint-Curial (Vic-sur-Cère - Cantal) no que houbo unha antiga capela e eremitorio, hoxe en ruínas.

sábado, 10 de octubre de 2026

Van Helsing contra Romasanta. Baseado en feitos reais

O psicólogo criminalista Vicente Garrido e máis Virgilio Latorre no seu libro El monstruo y el asesino en serie: de Frankenstein a Hannibal Lecter (Ariel 2023) estudan a relación entre os monstros literarios deseñados na nóvela gótica victoriana (Frankenstein 1818, O doutor Jekyll e Mr. Hyde 1886, O retrato de Dorian Grey 1891, e Drácula 1897) e os riscos de personalidade dos asasinos en serie tal e como os concibe a criminoloxía actual, chegando á conclusión de que os escritores victorianos afondaron nas características psicolóxicas e morais dos serial killers nos seus protagonistas literarios, e nalgún caso indagaron nos posibles traumas que orixinarían as personalidades dos perturbados. Mary Shelley, Robert Louis Stevenson, Oscar Wilde e Bram Stoker adiantáronse, pois, á ciencia médica e á criminalística, as que configuraron máis tarde os perfís psicopáticos dos serial killers.

A hipótese de Garrido e Latorre, que conecta os monstros literarios victorianos cos serial killer, de feito é a base do Drácula de Bram Stoker. Vese moi claramente no prólogo que o propio autor B.S. fai dende Londres no ano 1898 para a edición islandesa do seu Drácula, a que, máis que simple tradución ó islandés, é unha adaptación bastante libre da novela orixinal, feita por Valdimar Ásmundsson e titulada Makt Myrkranna (1901): "Esta serie de crímenes [os de Drácula] no se ha borrado de nuestra memoria; crímenes que parecen tener el mismo origen y que también causaron tanta repugnancia entre las gentes como los asesinatos de Jack el Destripador, que tuvieron lugar poco después" (cito pola edición do texto que se inclúe no Drácula anotado de Leslie S. Klinger, Akal 2008).

Prólogo que B.S. redacta en Londres no ano 1898
para o Makt Myrkranna de Ásmundsson.

Polo tanto, o mesmo Stoker xa propón dende o principio da súa novela o vencello entre os crimes reais do Destripador e os ficticios de Drácula, atribuíndolles unha mesma orixe, ben propoñendo unha mesma identidade entre os criminais responsables, ben pola patoloxía psiquiátrica común a ámbolos dous: "los continuos avances en psicología y en ciencias naturales podrán proporcionar, en los años por venir, explicaciones lógicas de tan extraños acontecimientos" (prólogo á edición islandesa, cito polo Drácula anotado, Kingler, 2008).

A estrutura da novela Drácula de Bram Stoker inaugura o subxénero policial dos docu-crimes, formato novidoso na época, que imita na ficción o dun dosier de investigación criminal dun crime real. Os docu-crimes nárranse dun xeito especial incluíndo notas, misivas, telegramas (modernamente correos electrónicos, WhatApps, etc.), diarios da investigación, informes sobre probas forenses, artigos de prensa, fotografías, entrevistas, mapas, planos... no que semella un rebumbio de datos e pistas. No caso de Drácula os acontecementos narrados son ficticios; mais hai narracións de docu-crimes que parten de casos reais, como O crime de Pardesoa (Calros Solla, Morgante 2013).

DRÁCULA: UN LOBISHOME?


O dominio que o conde Drácula exerce sobre os lobos, concretamente sobre o lobo chamado Bersicker na novela (nome que Stoker toma do libro de Sabine Baring-Gould sobre os lobishomes, o cal define así o termo Berserk(e)r: "home posuído por poderes sobrehumanos, suxeito a accesos de furia diabólica"), a capacidade do conde de se transformar en lobo, advertida polo doutor Van Helsing (o seu antagonista principal na novela), e os termos cos que os campesiños eslavos, cos que se atopa o mozo Harker en Transilvania, designan a Drácula, vrolok e vlkoslak, que se refiren ós lobishomes, non ofrecen moita dúbida de que o conde Drácula foi concebido orixinalmente como lobishome (1).

Nas notas do propio Stoker indícase que "entre os búlgaros e eslovacos o home-lobo chámase vrkolak como no grego moderno, brykolakas. O home-lobo grego está vencellado estreitamente ós vampiros (despois de morrer os licántropos convértense en vampiros) e os serbios conectan os vampiros cos homes-lobo chamándolles a ámbolos dous vlkoslak" (Bram Stoker's Notes for Dracula, Eighteen-Bisang e Miller, 2008). É máis, na nota precedente Stoker tiña recollido que no este de Frisia, segundo as crenzas populares, se unha familia tiña sete fillas, unha delas sería lobis-muller. É unha crenza semellante ás que existen en Galicia sobre os lobishomes e as peeiras dos lobos, que acadan este estado se son o sétimo fillo dunha proxenie de sete varóns ou de sete mulleres, respectivamente.

Resumindo moito, semella un motivo secundario e derivado a cualidade de se identificar modernamente a Drácula exclusivamente cun vampiro (morcego) máis que cun lobishome, o que queda ben patente na novela de Stoker e nas súas notas sobre a licantropía. O que nos dá pé a presentar o caso do licántropo galego Manuel Blanco Romasanta como precursor real da novela Drácula de Bram Stoker. A licantropía ven sendo o termo médico antigo para a enfermidade mental que padecían os persoeiros que o pobo chamaba lobishomes ou lobos da xente, isto é actualmente: depredadores ou serial killers.

O DOUTOR PHILIPS E VAN HELSING


Débese a David Simón Lorda a resolución no noso ámbito da identidade do doutor Philips, o electro-biólogo ou hipnotista que no ano 1853 tentara someter a unhas probas científicas, utilizando a hipnose ou magnetismo, ó serial killer galego Manuel Blanco Romasanta. Segundo indica Simón Lorda no seu artigo "El Dr. Joseph Durand de Gros y el caso del hombre lobo Blanco Romasanta (1853): ¿un "braidista" en la corte de Isabel II?" (VI Jornadas Internacionais de História da Psiquiatria e Saúde Mental, Coimbra - 2016), o doutor Philips non sería outro que o médico francés Joseph Durand de Gros (1826-1900).

O doutor Philips / Durand de Gros.

O dato non era descoñecido en Francia, de feito na necrolóxica que se publica nos Annales du Midi en 1901 indícase que o médico Joseph-Pierre Durand de Gros era coñecido tamén co pseudónimo de Philips, e que por motivos políticos tivera que se exiliar en Londres onde asistira ás primeiras sesións experimentais de suxestión hipnótica, técnica que viña dos Estados Unidos co nome de electro-bioloxía. A continuación, na mesma necrolóxica, cítase a súa obra Électro-dynamisme vital, publicada simultaneamente en París, Londres, Nova Iorque e Madrid en 1855.


Nesta obra de 1855 sobre o Électro-dynamisme vital o doutor e hipnotista Philips (Durand de Gros) expón o caso de Manuel Blanco Romasanta como un docu-crime real no que el é participante principal, pois pretendía estudar de preto mediante a electro-bioloxía ó criminal (na súa opinión, enfermo mental). No seu mini docu-crime, que vai relatado no prefacio da obra, recorre á narración en primeira persoa, cuns episodios ou peripecias preliminares que logo pronto o sitúan en Arxel. Alí recibe unhas cartas do seu corresponsal en España, que lle achega o caso criminal de "l'anthropophage Blanco", que ven de ser condenado á pena de morte. Na súa narración mestura recortes de prensa (dun xornal de Arxel, e mencións ós xornais Clamor Público, e Gaceta de Madrid), alude a partes do proceso xudicial (da defensa) que ten estudado, e ás cartas que lle escribe ó Ministro español. Teméndose o peor, pois non é avisado polo Ministro para acudir ó exame médico de Romasanta, como lle prometeran, finalmente Philips deixa Marsella (a onde se trasladara para entrar en España) coa esperanza, polo menos, de que a súa intervención epistolar "salvase a vida dun infortunado que non merecía a morte, senón o internamento nun hospital".

Fragmento do prefacio do Électro-dynamisme vital do doutor e hipnotista Philips
cos párrafos que fan referencia á enfermidade mental de Manuel Blanco suliñados.
O exemplar que manexamos ten o selo do British Museum, biblioteca na que se documentaba Stoker.

Ó que se ve, tanto o estilo de docu-crime que articula o prefacio do Électro-dynamisme vital (1855), como o perfil de serial killer de Romasanta que traza Durand de Gros (antropofaxia, licantropía, monomanía teriantrópica, crenzas populares nas maldicións responsables desta "fada"), e a cualidade de ser o propio doutor Philips / Durand de Gros un médico especializado na hipnose, magnetismo ou electro-bioloxía (como se coñecía na época), anticípanse notablemente á novela de Drácula (1893) de Bram Stoker. De feito Durand de Gros fora considerado "el fundador indiscutible del hipnotismo en cuanto ciencia" (Revista Contemporánea, 1893).

É moi probable, para nós seguro, que Stoker coñecese a edición inglesa do Électro-dynamisme vital, de onde tomaría o mesmo estilo de docu-crime empregado por Philips / Durand de Gros, e que tamén deseñase o personaxe ficticio do conde Drácula cos mesmos riscos de licantropía do serial killer real Manuel Blanco Romasanta (o Destripador londiniense nunca foi considerado un licántropo). E que, finalmente, o propio doutor Philips lle servese para caracterizar ó seu Van Helsing como doutor que practicaba a hipnose e era capaz de se enfrontar ós licántropos: "el muy respetado científico que aparece aquí con pseudónimo [Van Helsing], es también famoso en todo el mundo culto con su verdadero nombre" (prólogo á edición islandesa, cito polo Drácula anotado, Kingler, 2008).

Deste xeito, a liña de Vicente Garrido e máis Virgilio Latorre, que nos conducía dos monstros victorianos ós psicópatas e serial killers, aínda sendo un estudo comparativo ben interesante, non tería fundamento, pois en última instancia habería que partir do caso real do lobishome galego Manuel Blanco Romasanta, estudado polo doutor francés Joseph-Pierre Durand de Gros.

NIN ALLOS, NIN CRUCIFIXOS, NIN AUGA BENDITA, NIN FARRAPOS DE GAITAS


O doutor Philips (Van Helsing) enfrontaríase a Romasanta, se finalmente se lle tivese concedido a oportunidade de lle practicar o exame médico, mediante a electro-bioloxía (hipnose). Quen gañaría nesta loita singular?


Van Helsing, cun disco de hipnose, tenta deter a transformación de Romasanta en licántropo.
(C) Dolores González de la Peña.

______________________________________________

(1) Unha análise máis detallada da concepción orixinal de Drácula como licántropo por parte de Stoker, pode lerse en "Re-visiting Dracula: the symbolic wolf and wilderness", de Kaja Frank, en The Ecogothic Werewolf in Literature, 2025.

miércoles, 7 de octubre de 2026

Covas das Putas: a arqueotoponimia na perfilaxe do locus operandi dos depredadores sexuais

A finais dos anos setenta, na vila de Aiora (Valencia), os exploradores do Grupo Arqueológico de la Vall de Aiora acompañaron ó técnico do Servizo de Investigación Prehistórica da Deputación, o señor Aparicio Pérez, na exploración da "Cueva de las Putas". O técnico deixounos estas notas sobre o sitio: "la zona en que esta se halla fue motivo de una visita hace ya tiempo, a consecuencia del hallazgo de unos restos humanos que resultaron no ser antiguos". Na opinión do técnico "por los resultados de la exploración y por los materiales recuperados, se puede afirmar que se trata de una cueva santuario de época ibérica" (La labor del Servicio de Investigación Prehistórica y su museo en el pasado año, Deputación de Valencia, 1978). A cova, hoxe coñecida como "Cueva de la Noguera", está incluída no estudo de Teresa Moneo sobre os santuarios ibéricos: Religio ibérica, 2003.

"Cueva de las Putas" de Aiora, no extremo inferior dereito da imaxe, sobre a "Cueva Llana", na cartografía do IGN.

Moi preto da Romana (Tous - Valencia), onde apareceran en 1993 os corpos torturados e asasinados das nenas de Alcásser nunha das casillas ou casetas de labor da paraxe, localízase outra cova chamada "Cueva de las Putas" na cartografía do IGN, á veira da antiga Vereda ou Cordal de Ganados que supoñemos orixinou o topónimo viario de La Romana.

Na esquina inferior esquerda, a "Cueva de las Putas" de Tous; na zona superior dereita, La Romana e Corral de la Romana; en diagonal e dende o lateral esquerdo ó borde inferior, Caballón de la Romana, por cuxa base discorría o cordal para gando.

Outra cavidade chamada "Cueva de la Puta", no Cuaderno de Campo da delimitación entre Montealegre del Castillo (Albacete) e Yecla (Murcia), 1875 (IGN).

A cavidade da "Cueva de la Puta" entre Montealegre del Castillo (Albacete) e Yecla (Murcia) xa aparecía mencionada nunha delimitación do ano 1338: "Et pusieron otro mojón en vn portiello que está cabo una senda que salle de la Fuente del Pino e va fazia el Pozuelo de la Figuera. Et pusieron otro mojón en vna loma que está sobrel villareio cabo la senda que va a la Cueva de la Puta" (Losa Serrano, El señorío de Montealegre, 1995).

Pola rexión de Albacete e Murcia tamén se extendeu a cultura ibérica, sobreposta ó arte rupestre levantino, o que nos dá pé a facer algunha consideración sobre o nome da "Cova de les Dones" / "Cova Dones" de Miralles (Valencia), municipio situado entre Aiora e Tous. Na devandita cova crese que no século I practicouse un culto ou ritual no que as mulleres tiñan un papel moi relevante, pois se atoparon inscricións con numerosos nomes femininos, así como o que poderían ser ofrendas votivas a unha posible deusa, DOMINA ( = "señora"), que en varias inscricións aparece ligada á palabra MALACI.

Sendo MALACUS un termo latino do eido sexual, que fai referencia a mozos moi seductores e atractivos (metrosexuais) que tanto mantiñan relacións cos homes como coas mulleres (Lawson Brawley, Biblical Ethics & Homosexuality, 1996), cremos que efectivamente na Cova de les Dones de Miralles se practicaron ritos sexuais iniciáticos ou de tipo orxiástico nos que as mulleres eran as protagonistas. Co devir cultural, ou mellor, coa degradación cultural implementada polo patriarcado, que implicou a degradación da muller e o seu sometemento ó home, estes santuarios onde se practicarían certos cultos mistéricos nos que as relacións sexuais e peticións puideron estar investidas de ritualidade e connotacións sacras, pasaron de ser centros de culto femininos (Covas das Mulleres) a se considerar prostíbulos (Covas das Putas). 

Por suposto que o feito lingüístico de nomear ou renomear as covas co nome de "Cueva de las Putas" permite achegarse e completar o perfil psicolóxico do depredador sexual, que en realidade sería un puteiro asasino e futuro serial killer. No nome desvergoñado de "Cueva de las Putas" queda patente o desprezo e odio que sente polas mulleres, o seu retraso socio-cultural, baixo cociente intelectual e analfabetismo moral, o que conduce ó seu ensañamento coas vítimas (obxectos). Un experto criminólogo poderá sacar conclusións mellores que as miñas neste campo do perfilado psicolóxico. Nós só pretendemos centrarnos, non no famoso modus operandi nin no perfilado dos puteiros asasinos, senón no asunto menos traballado do locus operandi ou territorio no que este tipo de criminal executa os seus crimes ou elixe as súas víctimas, máis aló da tipoloxía ó uso (rúa escura, bosque tenebroso, interiores de vivendas, etc.) e dos mapas con chinchetas de cores que se ven nos taboeiros de investigación criminal.

Non nos parece casual que no medio rural abrupto que enxendrou a antiga cultura ibérica, percorrido por cordais gandeiros, sementado de casetas agrícolas e sendas descoñecidas que só se poden identificar grazas á cartografía antiga, apareza o espeleotopónimo "Cueva de las Putas", en paraxes onde se produxeron alomenos catro crimes (restos de ósos modernos na cova xa referida de Aiora, e mailo triple crime das nenas de Alcásser na Romana, preto da outra cova de Tous). A cribaxe toponímica permite completar, polo tanto, o locus operandi dos depredadores sexuais do rural levantino, e contribúe a afinar o perfilado psicolóxico destes.

En Galicia non temos este espeleotopónimo, que é exclusivo do Levante, mais desgrazadamente iso non nos librou da lacra de empregar o mesmo sistema de explotación sexual das mulleres máis pobres. Existe polo menos un abrigo rupestre que foi vivenda dunhas mulleres que exercían a prostitución. No monte Xalo, nunha casarula tal que así, se non era esta mesma, viviron unha nai e maila filliña. A nai, degradada moralmente pola pobreza e a prostitución, non puña impedimento a que os puteiros se deitasen coa filla, e para facilitarlles o coito dicíalles: "bótalle aceite!".
 
Abrigo no Xalo. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

lunes, 28 de septiembre de 2026

El gramaje de la lluvia / Maribel Molina - Editorial Almuzara 2026

Primeira páxina do manuscrito Hortus Borealis. (C) Imaxe tirada da novela El gramaje de la lluvia, de Maribel Molina.

A primeira novela de Maribel Molina, El gramaje de la lluvia (Editorial Almuzara 2026) aparentemente, na superficie, é unha novela histórica que abrangue varias épocas en dúas localizacións: principalmente o final da 2ª Guerra Mundial na cidade de Bergen, fronte norueguesa ocupada pola Alemania nazi, e a vida na cidade de Córdoba durante a dictadura franquista trala Guerra Civil. As protagonistas son varias mulleres pertencentes a unha mesma familia, as que se transmiten de xeneración en xeneración un taller de encadernación que herdan en 1702: Astrid, Solveig, Mara e Svea. Por Astrid coñecemos á súa tía Solveig, por Solveig achegámonos á tía Mara..., dun xeito que Maribel Molina define nunha entrevista recente como unha estrutura de matrioskas, de bonecas que conteñen no seu interior a outras. A recursividade está moi presente nesta obra, doutros xeitos.

A novela pode lerse así, como unha narración que permite achegarse en clave feminina (e feminista) ás vivencias e peripecias destas mulleres e ós espazos e épocas que habitaron. Podemos disfrutar das descricións arquitectónicas da cidade de Córdoba, case que degustar os seus "flamenquines", o guiso de rabo de toro ou os "jeringos" con chocolate, e visitar a escola de artes e oficios cordobesa, onde se ensina a traballar o cordobán para as encadernacións; coñecer a vida na cidade costeira de Bergen, no século XVIII e durante a ocupación alemana; así como seguir a trama das microhistorias personais, na que se tece o escuro segredo da familia. A lectura non defrauda, cúmprense por demais tódalas espectativas ata culminar nun final completamente arrepiante ("neogótico" segundo a contra). E ata aquí podo ler sen destripar a novela.

Pero se quitamos esta primeira capa á cebola narrativa podemos ver que a novela de Maribel Molina é unha declaración de amor ós libros, ós libros antigos, de pel, ós que unha se achega por medio do tacto valorando o traballo artesán das técnicas de repuxado da pel, e das pulcras encadernacións. A novela en realidade é a historia dun libro inexistente, que só existe no interior da ficción creada en El gramaje de la lluvia. É a historia do Hortus Borealis, Sive Observationes in Regno Norvegiae, que segue a estela doutros libros que só existen nos universos literarios que os crearon, como o Necronomicón (H.P. Lovecraft), ou a Segunda parte da poética de Aristóteles (Umberto Eco: O nome da rosa). Do Hortus Borealis coñecemos a súa portada, o que xa é moito, e sabemos que foi un tratado de botánica sobre a flora circumpolar, escrito polo xeógrafo siciliano Antonio Columnae Romani. Trátase dun libro en certo modo máxico, que contiña información sobre a beladona e o acónito, así como unha sección dedicada a pócimas, e outra ás plantas das que se podían extraer velenos. O libro aparece dende o principio da novela e acompaña a tódalas mulleres da saga familiar ó longo da súa vida.

Por se isto fose pouco para a nosa lectura desta capa da cebola narrativa, vemos que a segunda parte, titulada "El verjurado del sol", como oposto ó título principal da obra, está narrada por Solveig en forma de dezaseis caderniños. Esta orixinal presentación non é produto dunha elección motivada polo desexo de ser orixinal sen máis, débese a que as encadernadoras traballaban os libros elaborando caderniños (sempre en múltiplos de catro) pregando grandes follas de papel, para logo coselos entre si. Esta especie de diario que Solveig escribe dirixido á súa sobriña Astrid é en realidade un outro libro que atopamos dentro de El gramaje de la lluvia; un libro dentro dun libro, cuxos capítulos coinciden exactamente cos caderniños dos libros cosidos. Nesta fantasía estrutural, a narración literaria en capítulos (o contido), adáptase ós caderniños que integraban os libros cosidos: a forma modula o contido.

A novela achega unha morea de referencias ó eido da encadernación tradicional, dende as ferramentas, materiais e produtos químicos utilizados, ós traballos e técnicas precisas. Termos técnicos que nalgunhas ocasións, se unha non é profesional da encadernación, é preciso buscar no diccionario, tarefa que cecais podería facilitarse en futuras edicións engadindo un glosario de termos. O campo léxico do eido da encadernación sérvelle á autora para elaborar metáforas moi sofisticadas ó longo da narración, nas que se chega a establecer unha relación de identidade entre as persoas e os libros, o que é, na miña opinión, o fondo absoluto e tema central da novela.

Dende agora, o Hortus Borealis pasa a integrar a miña lista de libros inexistentes favoritos, ocupando o segundo lugar tralo Necronomicón. Tan perfecto me resulta, que non descarto a súa existencia real: cecais algún día alguén o atope remexendo nos arquivos esquecidos dunha biblioteca perdida.

jueves, 24 de septiembre de 2026

Chave e Chavella na toponimia

Máis aló do topónimo Chaves (Portugal), que ten unha etimoloxía distinta e ben coñecida no latín Aquis Flaviis, "dos Flavios" (en relación co estatuto concedido polo emperador Tito Flavio Vespasiano á cidade), de cando en vez unha se atopa co enigmático topónimo Chave, que aínda que se coñeza o seu étimo (latín clavis, "chave") non está claro en que sentido se aplicou ó territorio.


A existencia do microtopónimo Chave da Regada, preto de Couso (Sarreaus), con ese determinante ("da Regada"), esclarece o uso do topónimo Chave nomeando unha parte dos sistemas hidráulicos de canalizacións construídas para regar os pasteiros. Estes sistemas estaban formados por varias canles (regas ou regadas) e un sinxelo mecanismo que abría ou pechaba as regas. Normalmente, ou polo menos o que vin eu, facíase botando terra nunha canle principal para obturala e desviar a auga a outra rega. O enxeñeiro agrónomo e comuneiro de Celas, Juan Castro, indícame que "nos prados de rega ou lameiros, empréganse non só terróns, senón tamén pedras para desviar a auga dende a canle principal, situada na parte alta en paralelo ás curvas de nivel".

No caso do topónimo Chavella (Dormeá - Boimorto) observamos que existía preto un sistema de canalizacións para rego, o que se deduce do microtopónimo Torna da Auga. É probable, polo tanto, que ese Chavella gardase relación cunha antiga regada que ata podería datar da Idade do Ferro, pois na paisaxe do entorno destacan os dous castros das Penas de Golán e do Coto da Roda, que se terían servido dela para regar os pasteiros do gando castrexo.


Segundo o estudo de Juan Castro, en xeral a rega dos lameiros utilizábase para protexer os pasteiros das xeadas invernais mediante a enerxía calorífica xerada pola auga en movemento a través das canles que percorrían os pastos; son reliquias ancestrais cun alto valor etnográfico, que están a ser valoradas e protexidas no norte de Portugal (rega de lima). No seu traballo atopamos o léxico que designaba os elementos que integraban estes sistemas, entre eles o termo xanza, "comporta de madeira ou de pedra que desvía parte do caudal da presa para os regos", e vanzao (banzado), que nos dicionarios de galego defínese como "represa que se hace en el río, de la cual arrancan las acequias de riego" ("Os lameiros de rega. Sistemas agrarios ancestrais de alto valor cultural, natural e paisaxístico", J. Castro Insua, J.E. López Díaz e V. Álvarez Valín, Agroexprés 2, 2016). Supoñemos que o topónimo Chave (Chave da Regada) sería equivalente do termo xanza recollido neste traballo.

Sistema de rega en Tras-os-Montes tomado do estudo de Pôças, Cunha e Pereira ("Pastagens seminaturais de montanha: lameiros, sistemas ancestrais no século XXI", Taller 2009).

miércoles, 16 de septiembre de 2026

Do Cuco ou Coco ó Púca: sobre bogeymen, cocóns e homes do saco

"Dúrmete, meniño, que aí vén o cocón;
a comer os nenos que non dormen, non".


"Que viene el Coco", Francisco de Goya 1797.

Fai un tempiño que lin a novela do Visitante (2018), de Stephen King. Costa moito pasar do comezo pois o seu autor, na súa liña habitual, é demasiado explícito e sádico na descrición das sinais que se observan no cadáver do neno asasinado. Mais ten de interese que o personaxe criminal é o mítico Cuco / Coco, ser sobrenatural que pode adoptar varios aspectos e que King xa incluíra no conto de 1973 "The Boogeyman". Tamén é salientable a personaxe da detective do paranormal, Holly Gibney, que aparece noutras obras do autor.

Ninguén pensaría a simple vista que o asustanenos ibérico e latinoamericano, o Cuco / Coco / Coca / Cucuy tivese algo que ver co Puck de Shakespeare (Soño dunha noite de verán, 1595), é dicir, coa criatura chamada Púca ou Pooka do folkore céltico, xermano e nórdico: o Púca atopámolo tamén en islandés e faroés como Púki, "trasno; demo", en noruegués e sueco como Puke, "demo, espírito maligno", en danés como Puge, en galés como Pwca, en Córnico, Bucca, nas Illas do Canal como Pouque, "espíritos que habitan preto das antigas construcións megalíticas", etc. (cfr. Púca na Wikipedia). Algunhas das formas permiten vencellar etimoloxicamente ó Púca co Bogeyman / Boogie = Home do Saco, Coco.

Así pois, amais de seren a mesma criatura mitolóxica que cambia de forma e rapta nenos, pensamos que o Cuco / Coco (e a Coca / Cuca en Galicia e Portugal), o Púca irlandés e o Bogeyman teñen a mesma etimoloxía. A relación etimolóxica establecémola supoñendo que as formas que se conservaron na Península Ibérica (e que logo pasaron a América) experimentaron unha asimilación do tipo p-k > k-k, ou unha disimilación céltica kw-kw > p-k cando o termo pasou dende a Península Ibérica ás Illas Británicas. Co cal pódese remitir a cronoloxía deste ser sobrenatural ó fondo común paleoeuropeo.

Na base de datos do folklore da Irlanda (dúchas.ie) o Pooka aparece nunha historia talmente como asustanenos: "On this night [Halloween] the Pooka, a fabulous animal, is supposed to roam about the country and carry away any late traveller he would meet. The young children are afraid to go out doors after dark, as they  believe in the ghost stories which the old people tell them".

A liña evolutiva trazada dende o Púca céltico ó Visitante de Stephen King, pasando por filmes como Cucuy: The Boogeyman (Peter Sullivan 2018), garante que moitas lendas do foklore urbano actual se remontan a mitos do pasado céltico indoeuropeo.

lunes, 14 de septiembre de 2026

Digañe

 

O cartel, bastante recente, amosa a neglixencia coa que se recolle a toponimia do país. O topónimo Raposeira foi grafado por erro castelanizante como *Raposería, e o cartel, no canto de desbotarse ou corrixirse, mantense como indicador viario.

Digañe (Santa Locaia de Parga - Guitiriz) é variante evolutiva do latín decanea, da que normalmente sae toponimia como Degaña (Asturias). Unha decania era unha granxa ou propiedade rural dun mosteiro a cargo dun decanus ou degano (castelán: "quintero o administrador de una hacienda de campo") / deán (galicismo). O substantivo degaña defínese como "casa de campo, heredade, granxa, anexa a un mosteiro" (dicionarios de Cuveiro Piñol, 1876 e Francisco Porto Rey, 1900). A base da derivación é o latín DECEM, "dez", pero non está claro se o substantivo se formou por estar o deán a cargo de dez monxes, ou por ser a degaña a décima parte dun territorio determinado. Neste último sentido parece que apuntan as case dez decanias (concretamente 9) que se lle doan ó mosteiro de San Felices de Oca na Bureba e nos Montes de Oca no ano 863.

Sésigas do muíño de Carral - Begonte

 

Ubicación do muíño de Carral (Begonte) coa súa represa á beira do río Ladra, na área recreativa que ven estando á altura da aldea de Os Currás - Buíde. (C) Voo Americano de 1956-1957.

O muíño de Carral non aparece inventariado no Visor PBA da Xunta de Galicia. Era un muíño cunha represa (caneiro) que aínda se conserva en bastante mal estado, e cuxa estrutura percíbese moito mellor na fotografía aérea do Voo Americano de 1956-1957. A microtoponimia da folla catastral amosa tamén o nome Tenza do Caneiro en referencia á represa do muíño.


O muíño de Carral foi descrito por Ignacio Cañas Guerrero, Pedro Arias Sánchez e Ignacio Vicente Álvarez, nun traballo conxunto no que se estudan os 21 muíños do concello de Begonte, como o muíño meirande do concello, sendo un muíño de tipo "profesional" (que moe para os de fóra cobrando unha tasa), de río, con represa, dúas plantas de altura e cinco moas (cfr. "Riqueza y variedad de las construcciones agrarias gallegas: los molinos de agua en el municipio de Begonte, Lugo/España", Informes de la Construcción - CSIC, 1997).

No Catastro de Ensenada (Coto de Carral e Buíde - Begonte) non se fala máis que dun muíño fariñeiro no Rego da Picha, dunha soa moa que moía tres meses ó ano, polo que consideramos que este muíño de 5 moas e os restantes da parroquia son posteriores ó ano 1752. Nembargantes hai que ter en conta que o caneiro vencellado hoxe ó muíño puido ter sido antes unha pesqueira para anguías: "en dicho Coto de Buíde y sitio de Porto Buíde en el río Ladra hay un cañal o pesquera de anguilas que poseen por foro Andrés da Veiga el mayor, Andrés da Veiga el mozo y Antonio Redondo, vecinos de dicho Coto, cuyo dominio es de Dª Marta Marchán, vecina de la Ciudad de Lugo".


Estado do muíño de Carral na actualidade, do lado dos aliviadoiros.


O caneiro do muíño de Carral na actualidade.

AS SÉSIGAS DE MUÍÑO


Grazas á meticulosidade coa que Mariana Roura, a garda forestal da Terra Cha, desempeña o seu traballo, atopouse recentemente unha inscrición nunha das zapatas dos aliviadoiros do muíño de Carral.


A inscrición aparece revirada (nos amosámola xirada para facilitar a lectura). A letra é de finais do século XVIII, o texto emprega abreviaturas e letras inscritas noutras, e está en castelán: "ESTAS DOS / S~ SON DEL / LO IC[...]II / N~ SNR CON / SUS PADRES". A lousa ó que parece fóra reutilizada antes de colocala de zapata no aliviadoiro, e ten un burato no centro xusto onde iría a data, da que só temos os dous últimos díxitos "II" seguidos da expresión "N~ SNR", en referencia a tal ano de "Nuestro Señor" (ano do Señor ou A.D.). Tamén é posible, dada a envergadura do muíño, que fose unha obra real, en cuxo caso no oco cecais podería restituírse o nome do rei como "[CARLOS I]II N~SNR". A inscrición, polo tanto, fai referencia á fundación do muíño (data e mención ós construtores), e daría conta da existencia de dúas "S~" (abreviatura) vencelladas á construción hidráulica.

Mais a que elemento dun muíño pode referirse a expresión "ESTAS DOS S~"? Xusto a carón da zapata coa inscrición, no aliviadoiro veciño, hai unha lousa moi parecida, escura, que podería ser a outra "S~" xemelga que nos faltaba, xa sen inscrición, pois non sería necesaria ó levar a primeira lousa o texto fundacional.



Aquí comezamos a análise filolóxica. O único substantivo ligado constantemente ós muíños na documentación medieval do noroeste da Península Ibérica, que comeza por S- e é de xénero feminino é a palabra SESSICAS, escrita de moitas formas dende o ano 712 ata finais do século XIII, mais prácticamente sempre vencellada ós muíños ("sessigas molinarum"): SESSICAS, SESSIGAS, SESICAS, SESIGAS, SESSECAS, SESSEGAS, SEGICAS, SEGIGAS. Exactamente non se sabe o que era unha sésiga ou as sésigas dun muíño, o dicionario do Léxico Hispánico Primitivo defíne o termo entre interrogantes como: "¿Terreno donde está asentado un molino?"

Na nosa opinión o substantivo non designaba sen máis o terreo ou o chan onde estaba construído o muíño. O uso tardío do termo SESSEGO aplicado a unha parte dun torcular (lagar rupestre) "parte mea torcularis quod ibi est cum suo sessego" (1272 - Ourense) e a palabra do astur-leonés SIÉSEGA "piedra plana o solera sobre la cual se asienta la colmena", non ofrecen moitas dúbidas de que o termo SESSICA aludía a unha gran lousa de pedra que era a base ou fundación sobre a que se asentaban (fundaban) ben os muíños, os lagares ou as colmeas. Así o confirman os dicionarios máis antigos do galego (Aguirre del Río e seguintes): as sésigas eran as "pedras ou lousas que formaban o asento no que se colocaba o pé do muíño". Polo tanto cabe consideralas pedras fundacionais que, debido á súa importancia, podían estar inscritas, como esta primeira sésiga gravada (e a súa xemelga) que ven de atopar Mariana Roura, e que puidemos visitar grazas á súa teimosía e xenerosidade en compañía de Pancho Gallego, que tamén soubo apreciar e valorar a importancia do achádego.

A etimoloxía do termo habería que vencellala ó latin sedes, sedis, "asento", e ó verbo SEDERE, "sentar", en relación coa expresión homóloga "sedilia molinaria". 

É un achádego de carácter etnográfico que completa unha lagoa filolóxica: o problema non resolto ata o de agora de que eran exactamente as "sessicas molinarum". Pois xa temos as primeiras, e unha delas con inscrición fundacional! Conviría que Patrimonio inventariase o muíño e  que se estudase a inscrición máis polo miudo en relación coa data de construción (despois do ano 1752) por se fose unha construción real, como aventuramos nunha das dúas lecturas provisionais que fornecemos, ámbalas dúas con problemiñas de sentido aínda non esclarecidos.

miércoles, 9 de septiembre de 2026

O reel "Willafjord" e a xeografía de Groenlandia

Mirade como aparece Groenlandia nos mapamundis de ata ben entrado o século XVI, como o de Pierre Desceliers (1546): non como illa, senón unida á Península Escandinava e a Asia, limitando con Siberia e Rusia.



Na miña opinión a representación viña de tempos recuados, nos que se descoñeceía a existencia do continente americano. Do mesmo xeito que Colón creu chegar ás Indias no canto de descubrir América, os baleeiros noruegueses que no século XIX partían a Groenlandia, ó estreito de Davis e á bahía de Baffin, á caza das baleas, crían estar na Laponia; na súa concepción do mundo a illa de Groenlandia non sería tal senón que daría a volta circumpolar uníndose a Asia. Ignoraban, pois, que Groenlandia era unha illa e que había polo medio un outro continente. É por iso que na Groenlandia representada no mapa de Desceliers se atopan os topónimos Lapia (Laponia) e Vuillapia (Wild Lapia ou Laponia Salvaxe) na súa parte máis extrema que mira ó norte (cfr. último mapa cos topónimos suliñados en cor amarela).

O interesante do topónimo Vuillapia (Wild Lapia) é que se mantivo durante varios séculos. Témolo atopado, ou iso pensamos, no nome dun reel escocés das Shetland que se cantaba cando os baleeiros ían a Groenlandia no século XIX, ó estreito de Davis. É dos máis coñecidos: "Willafjord". A súa pronuncia semella compatible coa de Vuilla(p) Fjord , ou sexa, Fiordo ou Porto dos Lapóns Salvaxes.

O reel tocado co fiddle pode escoitarse nalgunhas grabacións do Tobar an Dualchais - Kist o Riches, como a de 1958 que contén dous, Oliver Jack e Willafjord. O seu intérprete Tom Anderson clasifícaos como yacky tunes, é dicir, tonadas esquimais, da Groenlandia.

Esta representación xeográfica que hoxe nos parece tan tola, debida á suposición da articulación de Groenlandia coas terras continentais euroasiáticas (polo descoñecemento do seu carácter insular e da existencia de América) é a razón que explica a presenza dun topónimo aquí e acolá, como é o de Vuillapia e Vuilla-fjord. Polo mesmo Adam de Bremen estaba seguro de que a Vinlandia citada nas sagas nórdicas non era outro lugar que Finlandia, que en todo caso sería unha parte desta Groenlandia supostamente continental (unida circumpolarmente a Asia).

Na representación de Groenlandia de Claudius Clavus (Europa Tabula XI - 1427) xa aparecían os topónimos e etnónimos mencionados, como Wildhlappelandi, Findhlappi e Finlandi, así como os seres mitolóxicos dos confíns, os "Unipedes maritimi", que na Saga de Eric o Roxo se mencionan como se fosen habitantes moi reais (non imaxinarios) do país de Einfötinga-land. A verosimilitude literaria non ten que ter necesariamente correspondencia coa realidade; os unipedes / habitantes de Einfötinga-land foron seres imaxinarios, identificables cos esciápodos descritos por Aristófanes ou Plinio o Vello. Xunto ós "Unipedes maritimi" no mapa de Clavus aparecen os "Pigmei maritimi", que nas sagas nórdicas son os célebres skraelingjiar (Kirsten Seaver, "Pygmies of the Far North", 2008). Polo demais, a partir destes datos semella que os autores das sagas (a de Erik o Roxo e A saga dos groenlandeses) compartiron esta mesma concepción xeográfica do Atlántico Norte entre Groenladia e a Península Escandinava, e se serviron dela para narrar as súas viaxes (en parte imaxinadas). Dentro desta concepción xeográfica non resulta doado soster que Vinlandia fose América.

viernes, 4 de septiembre de 2026

Abruciños - Amoeiro (Ourense)

Na documentación medieval o topónimo nas súas formas máis antigas aparece como Ablocinos (ano 923), Ablutinos (986), Abrocinos (1175), Abrucinos (1227), Abrutinos (1250).

Ben podería provir do participio do verbo latino abluo, abluere, "lavar, mollar", ou de abrumpo, abrumpere, "romper", no sentido de desbrozar o terreo para cultivalo. As terras abruptas (desbrozadas) menciónanse constantemente na documentación medieval como opostas ás terras non preparadas para o cultivo: "terras abrubtas et barbaras" (Celanova 989). Parécenos que esta última é a opción etimolóxica máis probable, pois o verbo abluo aplícase mellor ó lavado do corpo (mans) nas ablucións rituais das comunidades relixiosas e non xerou toponimia.

Abruciños podería, pois, aludir a terreos desbrozados para dedicalos a labores agrícolas, e tería a mesma etimoloxía que se propón para os Abruzos italianos, do latín abruptos, aínda que neste caso se pensa na acepción de "terreo quebrado, escarpado", que non convén ós Abruciños de Amoeiro.

martes, 1 de septiembre de 2026

Foncebadón

 

Amilladoiro da Cruz de Ferro de Foncebadón. (C) Andregoto Galíndez 2008.

O nome da aldea de Foncebadón (Santa Colomba de Somoza - Maragatería - León), á beira do Camiño de Santiago, non ten que ver evidentemente coa cebada, e tampouco con ningún sabat ou aquelarre, como sostiña Antonio Justel, para o que viría de "fuente sabat".

Na Idade Media documéntase o topónimo como "Sancti Saluatoris, quae est fundata in monte Irago, cum ipsa sua aluergueria, in loco praedicto qui dicitur Fonte Sabbadon" (1103), "hospitale de Fonte Sabaton" (1162), "ecclesie Sancti Salvatoris, que sita est in monte Irago, cum sua albergaria, que ab hominibus Fonsabadon est nominata" (1180), "Fonte Sabbaton" (1209), "de abbatia que vocatur Fonssabatonis" (1228).

Na nosa opinión o topónimo estaría formado polo nominativo do substantivo latino fons, fontis mais un adxectivo derivado de abbatia, *abbatione. A abadía menciónase na documentación medieval e formaba o complexo que prestaba servizo os peregrinos (igrexa e abadía + alberguería ou hospital). O -s final de fons na frase *Fons abbatione, por fonética sintáctica pasaría a unirse á palabra seguinte, xerando logo o falso corte Fon Sabatione, de onde xurde a documentación medieval coas formas do tipo "Fonte Sabbaton", interpretadas como procedentes do nome personal Sabbatonis (Sábado), do que non atopamos proba algunha da súa existencia (cfr. Foncebadón na Xacopedia).

Foncebadón < Fons abbatione = fonte da abadía.

miércoles, 26 de agosto de 2026

Tumbiadoiro

Os topónimos O Tumbiadoiro (Sarria), A Tumbiadoira (A Fonsagrada) e O Tumbadoiro (Frades, Irixoa, Xermade e Sada) son derivados do latín tumulum, "montículo de terra". Do verbo tumulare, "formar un montículo de terra; enterrar baixo un túmulo", creouse o derivado *tumulatorio, "lugar caracterizado pola existencia de túmulos", ben nun sentido orográfico ou aludindo a unha necrópole ou campo de mámoas (tombas / tumbas). De feito tombo < tumulum, ten o sentido de "vallado, montón de tierra, loma pequeña" (Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández, 1932), "loma" (Aníbal Otero, 1956), "túmulo" (Constantino García, 1985), "talud" (Eligio Rivas, 2001).

No lugar do Tumbiadoiro de Sarria atópase un campo de mámoas que semella ter motivado o topónimo.


Así como na Tumbiadoira da Fonsagrada, onde está inventariada por Patrimonio a Medorra das Laxas ou do Coto.



martes, 25 de agosto de 2026

Os Pazos de Ulloa contra Wüthering Heights: o falso naturalismo da Pardo Bazán

As dúas Emilias, Brönte e Pardo Bazán, son recoñecidas por ter escrito dúas obras espléndidas que destacan na literatura inglesa do romanticismo e na literatura española do naturalismo. Calquera que teña lido os Cumios borrascosos (1847) de Emily Brönte e Los Pazos de Ulloa (1886) maila súa continuación La madre naturaleza (1887) da Pardo Bazán, darase de conta de que as dúas últimas son un traslado a Galicia da obra da novelista británica. Case un calco, pero con outra intención.

O argumento do díptico da Pardo Bazán está máis que baseado no argumento dos Cumios borrascosos, tamén os personaxes principais, que pertencen a dúas familias (unha caracterizada polos seus costumes rurais e máis bastos e a outra máis refinada, de cidade). As agrestes paisaxes aparecen na obra de dona Emilia como reflexo dos estados de ánimo e condicionan e determinan os caracteres, o humor e a personalidade dos seus protagonistas, como en Wüthering Heights, da que toma tamén a estrutura elemental da narración, que se articula como unha saga familiar que abrangue dúas xeracións. Outro punto en común é o observador externo, Mr. Lockwood / don Julián: caracterizados como insulsos e apoucados, o seu achegamento como hóspedes ó entorno hostil e rural dos Cumios / Pazos é o pretexto que dá pé a coñecer a través deles a historia que se nos conta dende a súa perspectiva. Neste sentido o narrador en terceira persona non é exactamente omnisciente, pois semella adoptar o punto de vista dos personaxes.

Dona Emilia coñecía a novela de Emily Brönte; quen non! Non sabemos se a puido ler na lingua orixinal ou nalgunha tradución ou resumo en francés, como o que publicara na Revue Contemporaine en 1861 o barón Ernouf (Collines Tempétueuses). Na resposta de dona Emilia a unha carta do Marqués de Premio Real, que lle escribiu por ler unha crítica bastante negativa sobre as escritoras inglesas fillas de cregos (exposta na obra La cuestión palpitante), menciona a Ellis Bell (seudónimo de Emily Brönte). Di que estas escritoras estaban pouco máis ou menos ó servizo da Igrexa: "Acúsame V. de ser demasiado severa con mis compañeras las novelistas británicas. Lo sentiría si fuese verdad, porque me parecen del peor gusto las envidillas entre señoras [...] Las novelistas más conocidas [...] deben el ser a ministros, rectores y vicarios [...] como las tres nombradísimas Currer, Ellis y Acton Bell [as irmás Brönte] No por eso es menos cierto lo que digo del carácter predicador que estas diaconisas imprimen a las letras, y de lo que se esmeran [...] en usar su pluma in aid of religion". Mais a pesares desta lixeireza e cordialidade aparentes, o único que queda claro trala lectura das obras é que a que usou a súa pluma a favor da Igrexa foi a propia Pardo Bazán, e non Emily Brönte, no desenlace de La madre naturaleza.

Árbore xenealóxica coas dúas ramas e as dúas xeracións do díptico Los Pazos de Ulloa - La madre naturaleza.

As principais equivalencias entre os personaxes de Cumios borrascosos e Los Pazos de Ulloa - La madre naturaleza


1. Mr. Lockwood / o crego don Julián. No rol de observadores externos, apoucados e dotados dunha moralidade católica estreita e ríxida, se achegan ó rural salvaxe das manor houses de "Wüthering Heights" e de "Los Pazos" (situada na vila imaxinada de Cebre). As descricións dos Pazos e os seus habitantes ben poderían estar baseadas no ambiente da vella Granxa de Meirás (demolida para construír o Pazo de Meirás).

Partida de cazadores na Granxa de Meirás, fotografada en 1870 por José Quiroga, marido de Emilia Pardo Bazán.
Entre eles aparecen varios candidatos a ser os futuros Primitivo e don Pedro de Ulloa.

2. Joseph / Primitivo. Criados túzaros dos seus respectivos señoritos.

3. Catherine Earnsaw / Sabel. As dúas mulleres resultan incomparables pola súa condición social, mais teñen en común encarnar o amor de Heathcliff e a paixón sexual descontrolada de don Pedro de Ulloa.

3. Heathcliff / don Pedro de Ulloa. Protagonistas principais das novelas: homes huraños, retorcidos, de humor melancólico e violento, rencorosos, primarios, movidos por baixas paixóns.

4. Isabella Linton / Nucha. Delicadas e refinadas esposas dos protagonistas; maltratadas por estes, que chegan a exercer violencia física contra elas.

5. Hareton / Perucho. Protagonistas da segunda xeración das sagas familiares. Nas novelas preséntanse respectivamente como fillo adoptivo de Heathcliff (adoptado por este trala morte do seu pai, co que Heathcliff se criara de pequeno), e fillo natural de don Pedro e Sabel, a perversa e bela criada (definida como "un pedazo de lozanísima carne").

6. Cathy / Manolita. Cathy ó ser só prima de Hareton pode casar con el, pechando felizmente de xeito vicario o vello asunto do amor imposible entre a súa nai Catherine e Heathcliff. Manolita, ó ser irmá de Perucho non pode casar con él: dona Emilia simplifica a árbore xenealóxica da novela británica para facer a Manolita e a Perucho irmáns, e decide meter á Igrexa polo medio para impoñer orde, como un deus ex machina, así evita a relación incestuosa enviando a Manolita a un convento, e a Perucho á emigración americana.

Estatua de Emilia Pardo Bazán nos Cantóns da Coruña.

A escritora é inflexible e corrixe os desvaríos da novela romántica de Emily Brönte poñendo coto as paixóns e instintos naturais mediante a relixión. Ó final fai decir ó crego don Julián: "lo que la naturaleza yerra, lo enmienda la gracia; y el advenimiento de Cristo y los méritos de su sangre preciosa fueron cabalmente para eso; para remediar la falta de nuestros primeros padres y sanar a la naturaleza enferma. La ley de naturaleza, aislada, sola, invóquenla las bestias: nosotros invocamos otra más alta... Para eso somos hombres, hijos de Dios y redimidos por él". A natureza é unha enfermidade que ten que ser corrixida e controlada non pola cultura, senón pola relixión. O intervencionismo da Pardo Bazán, a súa estricta moralidade (para con os demáis), impide que a súa obra sexa considerada naturalista, meramente descritiva do devir natural e predeterminado polo medio dos personaxes e acontecementos, sendo máis ben unha novela que reacciona contra o romanticismo cun final moralizante e aleccionador. É normal, pois, que a segunda parte non gustase ós seus lectores, que preferiron as relacións morbosas narradas en Wüthering Heights.