"Dúrmete, meniño, que aí vén o cocón;
a comer os nenos que non dormen, non".
"Que viene el Coco", Francisco de Goya 1797.
Fai un tempiño que lin a novela do Visitante, de Stephen King. Costa moito pasar do comezo pois o seu autor, na súa liña habitual, é demasiado explícito e sádico na descrición das sinais que se observan no cadáver do neno asasinado. Mais ten de interese que o personaxe criminal é o mítico Cuco / Coco, ser sobrenatural que pode adoptar varios aspectos e que King xa incluíra no conto de 1973 "The Boogeyman". Tamén é salientable a personaxe da detective do paranormal, Holly Gibney, que aparece noutras obras do autor.
Ninguén pensaría a simple vista que o asustanenos ibérico e latinoamericano, o Cuco / Coco / Cucuy tivese algo que ver co Puck de Shakespeare (Soño dunha noite de verán, 1595), é dicir, coa criatura chamada Púca ou Pooka do folkore céltico, xermano e nórdico: o Púca atopámolo tamén en islandés e faroés como Púki, "trasno; demo", en noruegués e sueco como Puke, "demo, espírito maligno", en danés como Puge, en galés como Pwca, en Córnico, Bucca, nas Illas do Canal como Pouque, "espíritos que habitan preto das antigas construcións megalíticas", etc. (cfr. Púca na Wikipedia). Algunhas das formas permiten vencellar etimoloxicamente ó Púca co Bogeyman / Boogie = Home do Saco, Coco.
Así pois, amais de seren a mesma criatura mitolóxica que cambia de forma e rapta nenos, pensamos que o Cuco / Coco, o Púca irlandés e o Bogeyman teñen a mesma etimoloxía. A relación etimolóxica establecémola supoñendo que as formas que se conservaron na Península Ibérica (e que logo pasaron a América) experimentaron unha asimilación céltica do tipo p-k > k-k. Co cal pódese remitir a cronoloxía deste ser sobrenatural ó fondo común paleoeuropeo.
Na base de datos do folklore da Irlanda (dúchas.ie) o Pooka aparece nunha historia talmente como asustanenos: "On this night [Halloween] the Pooka, a fabulous animal, is supposed to roam about the country and carry away any late traveller he would meet. The young children are afraid to go out doors after dark, as they believe in the ghost stories which the old people tell them".
No hay comentarios:
Publicar un comentario