jueves, 24 de septiembre de 2026

Chave e Chavella na toponimia

Máis aló do topónimo Chaves (Portugal), que ten unha etimoloxía distinta e ben coñecida no latín Aquis Flaviis, "dos Flavios" (en relación co estatuto concedido polo emperador Tito Flavio Vespasiano á cidade), de cando en vez unha se atopa co enigmático topónimo Chave, que aínda que se coñeza o seu étimo (latín clavis, "chave") non está claro en que sentido se aplicou ó territorio.


A existencia do microtopónimo Chave da Regada, preto de Couso (Sarreaus), con ese determinante ("da Regada") esclarece o uso do topónimo Chave nomeando unha parte dos sistemas hidráulicos de canalizacións construídas para regar os pasteiros. Estes sistemas estaban formados por varias canles (regas ou regadas) e un sinxelo mecanismo que abría ou pechaba as regas. Normalmente, ou polo menos o que vin eu, facíase botando terra nunha canle principal para obturala e desviar a auga a outra rega. O enxeñeiro agrónomo e comuneiro de Celas, Juan Castro, indícame que "nos prados de rega ou lameiros, empréganse non só terróns, senón tamén pedras para desviar a auga dende a canle principal, situada na parte alta en paralelo ás curvas de nivel".

No caso do topónimo Chavella (Dormeá - Boimorto) observamos que existía preto un sistema de canalizacións para rego, o que se deduce do microtopónimo Torna da Auga. É probable, polo tanto, que ese Chavella gardase relación cunha antiga regada que ata podería datar da Idade do Ferro, pois na paisaxe do entorno destacan os dous castros das Penas de Golán e do Coto da Roda, que se terían servido dela para regar os pasteiros do gando castrexo.


No hay comentarios: