Mostrando entradas con la etiqueta toponimia de origen germano. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta toponimia de origen germano. Mostrar todas las entradas

sábado, 11 de julio de 2026

Fragunde e Freigonde

Fragunde (A Laracha) e Freigonde (Carral) son topónimos de orixe xermánica, provintes do nome feminino Fradegundia, que tería sido a dona das terras. O antropónimo aparece con bastante frecuencia no noso corpus medieval, dende o "Fradegunda deouota" ("a devota Fradegunda", ano 898 - Cuntis) ata o "uxor mea Fradegundia" ("a miña muller Fradegundia", ano 1126 - Lourenzá). Segundo Ana Boullón Agrelo o nome está formado polas raíces xermánicas FRAD, "intelixencia, espíritu", mais GUND, "loita". O significado literal do nome propio sería aproximadamente "a do espíritu combativo" ou "a intelixente na loita". Pode deducirse que o nome sería moi acaído para unha muller guerreira ou pertencente a unha sociedade moi militarizada como a xermánica.

O lugar de Fragunde da Laracha sitúase moi preto do castro pequeno de Montes Claros, A Mota, na parroquia de Vilaño. O Freigonde de Carral coñecémolo grazas ó avó de Manuel Ruibal, o señor Pepe do Curro, que garda na súa centenaria memoria o nome do Rego de Freigonde, que pasa moi preto do castro de Herves (parroquia de Beira), e nace nunha leira chamada Freigonde (na folla catastral aínda consérvase o microtopónimo). A forma Freigonde esta moito máis próxima ó etimo, máis conservada: tras perderse o -d- intervocálico por lenición, o diptongo de *Fraegonde pecha o seu segundo formante e a iode resultante inflexiona a vogal precedente - Freigonde.

Na esquina inferior dereita, a leira de Freigonde na folla catastral do Visor PBA.

A proximidade ós castros de toponimia formada con nomes de posuidores de orixe xermánica é unha constante que chamara a atención de Nicandro Ares. Tanto Manuel Ruibal coma eu mesma preguntámonos se os primeiros asentamentos suevos en Galicia non se terían formado en torno ós castros, ben co obxectivo de dotar de continuidade ós antigos centros de poder territorial pola relevancia que tiñan para a poboación, ou ben coa intención de manter baixo control os puntos estratéxicos, como asentamentos, mananciais, recursos (lugares onde se localiza a gran maioría da toponimia formada cos nomes dos posuidores xermánicos), o que probaría que á chegada dos colonos suevos (século V) a poboación autóctona vivía aínda mormente no ámbito dos recintos fortificados da Idade do Ferro.

domingo, 26 de octubre de 2025

Lobrigo e Lovadiz

Tras atopar "Lobrico" como nome propio nun documento do ano 1002 (Lugo) "uiderunt Atane, Lobrico, Sando, alio Atane, Vilfonso, Domenco, Ebenando et alii plures qui ibi fuerunt" xa non ofrece dúbida a orixe do topónimo Lobrigo como provinte do nome de posesor de orixe xermánico Leovericus, con perda ou caída do -e- pretónico. A hipótese xa fora formulada por Piel, que tiña tratado dos topónimos portugueses Quinta do Lobrigo (Sernancelhe - Viseu) e Lobrigos (Santa Marta de Penaguião - Vila Real) remitíndoos ó nome xermánico Leuba-ricus, ó que ligaba tamén Laboriz, Loveriz e Lavariz ("Os nomes germanicos na toponimia portuguesa", Boletim de Filologia, tomo IV, 1936), estes últimos provintes do caso xenitivo deste nome de posesor.

Non é que o termo Lobrigo ou a variante con pronuncia esdrúxula Lóbrigo sexan moi frecuentes, mais polo de pronto Blanca María Prósper (2002) tiña apuntado que podería derivar do latín lubricus, "esbaradizo", hipótese que convén descartar ó se tratar o étimo dun cultismo, con escasa continuación no léxico patrimonial. A proposta de Francisco Villar é máis complexa: segundo este investigador os topónimos galegos Lóbrigo [que fornece como esdrúxulos], como a praia de Lóbrigo (San Vicenzo de Cespón - Boiro) e o monte Lóbrigo de Loimil (A Estrada), onde existen vestixios dun castro entre as parroquias de Loimil e Dornelas (Silleda), serían derivados adxectivais da base céltica brig-, "outeiro, recinto fortificado en altura", do mesmo tipo que os que se atopan na epigrafía galaico-lusitana nos epítetos Caeilóbrigoi, Tameóbrigo ou Aetóbrigo (Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana, 1995). Na hipóteses de Villar tería moito sentido soster que o acento esdrúxulo do topónimo Lóbrigo é o orixinal, mais este aspecto non acaba de estar resolto ó aparecer na cartografía preferentemente a forma paroxítona, o que cadra mellor co étimo Leov(e)rícus > Lobrígo. O profesor J. J. Moralejo comentara tamén de pasada unha posibilidade semellante proposta por Alarcão, a de ligar o topónimo galaico Aliobrio (s. VI - Parrochiale Suevorum) ó topónimo Lobrigos de Portugal ("Documentación medieval galaica: topónimos en -bre", 2010).

Deslinde entre Silleda e A Estrada (1942) indicando os mollóns de Lobrigo e Alto de Lobrigo.

Parécenos máis axeitado, mentras non se saiba con certeza en que sílaba recaía a intensidade acentual do topónimo, aternos á hipótese do nome de posesor Leovericus, que tamén se documenta en Galicia como nome de lugar en caso xenitivo: "uillam de Louerici" (897 - Lugo), "et in Louerici agro quos conparauit de Eleoua" (1073 - Lugo), "et super ipsos agros supradictos IIIes casales, per terminos Loberiz et Sandin" (1088 - Monfero). 

Propomos agora que esta forma documentada "Loberiz" seguramente sexa a orixe do topónimo ferrolán do Castro de Lobadiz ou de Lobariz, como o é do topónimo Leboriz da parroquia da Caniza (concello da Caniza - Pontevedra), Francos (Guntín - Lugo) e Bardaos (San Sadurniño - A Coruña) e máis das formas con seseo Lobarís de Torás (Laracha - A Coruña) e de Mesía e Olas (concello de Mesía - A Coruña). O topónimo Lobadiz / Lobariz tería experimentado, dende a súa orixe no étimo *Loberici > Lobariz > Lobadiz, apertura do e > a ante r, xa notada por Piel, e máis unha alternancia entre -r- e -d- en virtude da proximidade dos puntos de articulación de ámbolos dous sons (dento-alveolar).

domingo, 20 de julio de 2025

Merza: unha Marca Suevorum na Gallaecia

Resumo de parte da miña comunicación presentada onte no simposio "In extrema parte Gallaeciae. Os suevos da beira atlántica", organizado pola Asociación Cultural Reino de Galiza e desenvolto na sede de Espiral Maior Foro de Carballo.

De esquerda a dereita: eu, Guillermo Baños (Asociación Cultural Reino de Galiza), Xavier Canosa (organización e ponente), Miguel Anxo Fernán Vello (Espiral Maior Foro).

________________________________

O topónimo Merza nomea unha parroquia do concello de Vila de Cruces (A Coruña). A súa primeira mención atópase no Parrochiale Suevum (ano 569) ben como xentilicio, Mercienses, ou como Mercia. Ó norte de Mercia o Parrochiale Suevum, na súa versión primitiva ou orixinal, desprega un territorio baleiro no que non existían máis parroquias suevas dende Iria á sede dos britóns (Mosteiro de Máximo). 

Situación marxinal de Mercia (Mercienses) entre as distintas parroquias do Parrochiale Suevum: Sánchez Pardo, “Organización eclesiástica y social en la Galicia tardoantigua. Una perspectiva geográfico-arqueológica del Parroquial Suevo”, Hispania Sacra, 2014.

Neste territorio baleiro de parroquias suevas do N.O. de Galicia atopamos ademais outras características toponímicas e de índole diversa (p. ex. numismática) que van permitirnos expor a existencia dunha marca sueva na Galicia interior, isto é, un limes ou fronteira territorial entre os galaicos e os suevos, que posteriormente puido ser reutilizado nos conflictos entre suevos e visigodos.

1. Podemos comezar polo propio topónimo Mercia > Merza (Vila de Cruces), que provén do xermano *marka = limes, fronteira. Protoindoeuropeo *mereg, "borde, límite", que orixina o latín margo (marxe), o irlandés antigo mruig (fronteira), o persa e armenio marz (fronteira), o protoxermánico *marko > inglés antigo mearc, franco marka, nórdico antigo mörk.

Mercia > Merza é cognado do topónimo que nomeaba ó Reino de Mercia (en inglés antigo Mierce ou Myrce), reino medieval anglo-saxón lindante (fronteirizo) polo oeste cos britano-romanos ou celtas de Gales.

No control territorial romano no momento final da desintegración do imperio, época das invasións dos pobos xermánicos, tiveron moitísima importancia estratéxica os limes ou fronteiras imperiais, así como as tropas dos limitanei ("homes do limes") que controlaban os distritos fronteirizos. O feito de que o termo marcomanos (literalmente "homes da fronteira") fose un dos nomes que recibían os pobos xermanos dos suevos indicaría na nosa opinión que estes terían sido limitanei ó servizo do imperio romano. Marcomanos (xermánico Marckmänner latinizado) = limitanei (latín).

2. No N.O. de Galicia, no territorio trala marca ou limes de Mercia, non se atopa moeda de acuñación sueva, nin polo tanto visigoda, xa que logo cando os visigodos incorporaron o Reino dos Suevos á súa administración pasan a acuñar moeda nos mesmos lugares nos que previamente os suevos acuñaran a súa, cunha intención clara de reafirmación política ó incluír en moitas ocasións a lenda "VICTOR". As cecas visigodas acuñadas máis ó norte do Reino Suevo son as de Catoira (CATORA), Cuntis (CONTENO) e Merza (MERTIA), ó sur do Ulla, e cecais a de Valga ou Vea (VALLEGIA), amáis da de Lugo ó leste - v. Ruth Pliego: "Gallaecia en tiempos del Reino Visigodo de Toledo: sus emisiones monetarias", 2012.

3. No N.O. de Galicia está prácticamente ausente o topónimo SAA / SA / SAS provinte do suevo SALA, "corte, casa grande, pazo", que designaba os primitivos núcleos de poboación de orixe sueva que formaban a unidade menor de poboamento de base económica agrícola-gandeira que se espallaba polo rural da Gallaecia. A aparente excepción de Zas (Negreira) explicaríase porque non proviría de SALAS, senón do latín salice, "salgueiro", que daría salce > saz, como ulice > uz, logo correxido a Zas por supoñer que Saz era pronuncia seseante (Paulo Martínez Lema: A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (s. XII-XIV), tese de doutoramento, 2010).

Distribución do topónimo Saa segundo a base de datos xeolocalizada Toponimia de Galicia.

4. E é nesta zona da provincia da Coruña e na parte contigua do noreste da costa lucense, onde precisamente se ubican cinco dos seis topónimos Suevos / Suegos de Galicia: concellos do Vicedo, Arteixo, Mazaricos, Ames e A Baña. O feito diferencial de utilizar o etnónimo suevos como topónimo indica a presenza de enclaves de poboación foránea nun territorio poboado mormente por poboación autóctona que era moi consciente de pertencer á etnia local fronte ós extranxeiros (os suevos). Estes cinco lugares poderían ter sido enclaves coloniais en lugares estratéxicos (portos e control dos accesos ás vías de comunicación comerciais) que as poboacións locais lles terían concedido ós suevos unha vez pacificada a totalidade da Gallaecia.

Distribución do topónimo Suevos / Suegos: Pol, O Vicedo, Arteixo, Mazaricos, Ames e A Baña.

5. A toponimia CUMBRAOS / CUMBRÁNS, que indica migrantes procedentes de Coimbra, límitase ós concellos de Mazaricos, Vedra, Silleda, Monterroso, Taboada e Lugo; moi preto da marca, ou tras ela. Supoñemos que a destrución de Coimbra (Conimbriga / Colimbria > xentilicio Colimbrianos > Cumbraos / Cumbráns) levada a cabo polos suevos no ano 468 provocou unha migración masiva das xentes da cidade que buscaron refuxio no norte da Gallaecia, a zona máis afastada do núcleo de asentamento primeiro dos pobos dos suevos (a Gallaecia Bracaranse). Segundo o bispo Hidacio de Chaves os habitantes de Coimbra foran dispersados, e a rexión e a cidade, asoladas polos suevos.

CONCLUSIÓNS


O propio topónimo Merza < xermánico *marka (fronteira), mailo feito de que no noroeste de Galicia non apareza ningunha parroquia mencionada no Parrochiale Suevum, nin salas ou sas como forma básica de ocupación do territorio por parte dos suevos, a ausencia de cecas suevas e visigodas, maila presenza dos cinco topónimos Suevos circunscritos a este sector como indicadores da procedencia foránea dos seus habitantes, fan do limes do Ulla - Merza unha marca xermánica, un limes interior no Reino Suevo da Gallaecia, que separaba os suevos do último reduto galaico. Cecais a fronteira estivese protexida funcionalmente polos castella tutiora que retiñan os galaicos, que lles serviron para facer fronte ás primeiras invasións suevas que depredaron "medias partes Gallaeciae" (Hidacio).

No paso do río Ulla, onde Mercia tivo unha ubicación estratéxica pola súa proximidade a Ponte Ledesma, ubícanse varios castelos cunha cronoloxía tardorromana e altomedieval que puideron integrar este limes fortificado e servir de control ós desprazamentos polas principais vías de comunicación: Castro Valente, Pico Sacro, Castro Lupario, Portomeiro... 

Limes romano fortificado de Isauria na Notitia Dignitatum.

miércoles, 28 de mayo de 2025

Dispersión xeográfica do topónimo Suevos e variantes



Distribución dos topónimos tipo Suevos e variantes en Galicia. (C) Dolores González de la Peña, composición personal segundo os datos da web Toponimia de Galicia.

O topónimo Suevos aparece unha vez nomeando núcleos de pobación en cada un dos catro concellos coruñeses de Arteixo, Ames, A Baña e Mazaricos; as variantes con -g- como o Suegos do Vicedo e Vilaxuega (Meaño - Pontevedra) designan núcleos de poboación; o Suegos do concello de Pol (Lugo) é o nome dunha parroquias; mentras que A Suega (Bande - Ourense) é o nome dunhas terras.

Os dous novos casos que vimos de engadir, Vilaxuega* e A Suega, ós xa coñecidos Suevos e Suegos, garanten que a solución do wau intervocálico en -g- non foi un fenónemo illado reducido ó concello do Vicedo. Doutra banda, a dispersión que amosamos do etnotopónimo, que afectaría tamén ás provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo, ó non se limitar xa case que exclusivamente á provincia da Coruña, implica a necesidade de ser cautos á hora de presentar hipóteses baseadas na existencia dun reducto coruñés para estes pobos xermánicos, ben prantexando un establecemento orixinario de colonias no norte de Galicia, ben supoñendo que a provincia da Coruña, no limes do Ulla, tería sido refuxio de xentes suevas procedentes da Gallaecia Bracarense como consecuencia da conquista visigoda do reino suevo (ano 585). Así por exemplo: "en ella [provincia da Coruña] encontramos los únicos lugares en territorio gallego con el nombre Suevos, que indicarían la implantación de gentes de esa etnia en un ámbito ajeno" (Suárez Otero, "Santiago, entre Suevos y Visigodos. Territorio, conflicto y poder en los orígenes del enigma jacobeo", 2020).

____________________________

* Agradezo a Gustavo Arce o dato da existencia do topónimo Vilaxuega, que ata o de agora nos pasara desapercibido. Documéntase como Villajoega no ano 1272 (fonte: CODOLGA), amosando a temperá palatalización do -s-.

sábado, 4 de mayo de 2024

Toponimia de Soandres: copias de Bocixa, Boimir e Borreiros

 


No Catastro de Ensenada (ano 1750) as tres partes ou "copias" nas que se dividía Soandres aparecían nomeadas como Bocija, Guimil e Burreiros.

A escrita de Bocixa coa grafía j no século XVIII, empregada por un escriba castelán, seguramente estivese a reproducir unha pronuncia nativa con gheada, son que é moi semellante ó da jota do castelán. É un indicio máis que suficiente para propor como forma correcta Bociga, topónimo que si se atopa espallado polo noroeste peninsular: Bocigas (Soria; Valladolid), Boceguillas (Segovia) ou Buciegas (Cuenca). A forma Bocixa porén non sería máis que unha ultracorrección do nome, un hiperenxebrismo por evitación da gheada. O topónimo, se non é un derivado de bouza, podería provir do prerromano gwou, "gando vacuno", e designaría un busto, prado ou pasteiro destinado a gardar o gando.

A identificación entre Güimil (ano 1750) e Boimir (actual) ven dada porque son variantes de pronunciación, sendo Boimir resultado dunha bilabialización do wau en posición inicial, seguida da apertura do timbre vocálico do ditongo: gwi > boi. A devandita identidade desbota as hipóteses previas sobre a orixe diverxente destes topónimos. Ata o de agora remitíanse a distintos nomes de posesores de orixe xermánica: Boimir (Soandres) facíase provir do nome Bonimiro ou Bonemiro, e Güimil (Muíños) ou Goimil (Vilarmaior), de Guimiro. É preciso, pois, elixir un nome propio, e nós decantámonos polo de Guimiro, moito máis frecuente, que tería sido o fundador da vila: *vila Guimiri, en caso xenitivo de posesión > (vila) Güimil > Boimir.

Preto do Priorato de Soandres localízanse Boimir e Abeleira de Boimir. Aquí a etimoloxía revela unha outra sorpresa, pois este Abeleira seguramente non teña que ver coa froiteira que produce abelás, senón que sería un homónimo derivado do latín avillus, "cordeiriño". Os recintos chamados antigamente *aveleiras terían estado destinados a parideiros e garda das ovellas.

A Burreiros ou Borreiros non lle vemos moita relación, como topónimo, cos burros ou a borra, "cera". Nen sequera no senso que indica o dicionario de Francisco Javier Rodríguez (1863): "en la provincia de la Coruña y de Pontevedra hay varios lugares de este nombre, que supongo vendrán de haber en ellos, o haber habido comerciantes de cera en rama, que se llama borra". Cremos, pola contra, que podería tratarse dun topónimo prerromano relacionado co étimo que fornece o Glosario de Du Cange, borra, "foxo cheo de silvas onde apoza a auga"; italiano borro, "vía estreita e encaixada". Na mesma entrada do Du Cange cítase un texto medieval (Módena, s. XIV) no que se prohibía expresamente levar as bestas a abrevar a estas borras. O costume prohibido lembra o que se conta en varias lendas vencelladas ós castros, como eran conducidos os cabalos por un túnel para abrevar no río. Os borreiros, neste suposto, serían os que vivían xunto da *borra ou congostra, no posto estratéxico de vixiancia do acceso ó recinto fortificado da Idade do Ferro.

Congostra moi encaixada á beira de Borreiros (Soandres), que descende do Castro de Curros.

jueves, 25 de abril de 2024

Suevos e Sofán

O sábado pasado tivemos a oportunidade de nos achegar a Suevos (A Baña) na compañía do profesor Fernando Alonso Romero, que nos indicou que este pobo xermánico tamén deixou a súa pegada na toponimia inglesa.

O Castro de Suevos amosa a característica formación do poboamento no seu entorno. Seguindo a Sánchez-Pardo, entre os séculos I e II, durante a plena romanización de Galicia, prodúcese a "transformación paulatina [dos castros] en aldeas galaicorromanas [...]. Estas aldeas o bien mantienen plenamente el emplazamiento del antiguo castro, o bien se trasladan a su exterior, a unas pocas decenas de metros a sus pies [...] está constatado en algunos castros el progresivo deslizamiento de las casas a lo largo de la ladera, fuera de sus murallas, hasta llegar a asentarse en el lugar donde hoy se encuentra la aldea" ("Castros y aldeas galaicorromanas: sobre la evolución y transformación del poblamiento indígena en la Galicia romana", Zephyrus, 2010, 129-148).

Igrexa de San Mamede e entrada do Castro de Suevos (marcada polo poste do tendido eléctrico). Temos estudada a advocación a San Mamede / San Nomedio / San Amede e demáis variantes como cristianización do término nemeton céltico, "santuario". (C) Andregoto Galíndez, 2024. 

Mais a formación da aldea de Suevos semella ser lixeiramente diferente pois parece que a poboación galaico-romana non abandonou o recinto castrexo entre os séculos I e II, senón con posterioridade ó ano 411, á chegada do continxente xermánico que se estableceu no lugar dándolle nome. Non hai indicios toponímicos de que a aldea existise antes da chegada dos suevos, e, pola contra, o topónimo Choupana, de orixe xermana (cfr. shop, "tenda, casoupa"), infórmanos da creación de elementos habitacionais ou funcionais na periferia do recinto á chegada dos suevos.

Hórreo dobre xunto da rectoral de Suevos (A Baña). (C) Andregoto Galíndez, 2024.

Se analizamos os nomes de lugar ingleses dos que nos falara o profesor Alonso Romero, vemos que se concentran en East Anglia: son tres lugares chamados Swaffhan e un Swavesey, entre Cambridge e Norwich.

A terminación hām do Old English fai referencia a un peche, recinto ou granxa. O topónimo Swāfhām ou Swǣfhām é interpretado como "a granxa ou o recinto dos suevos": "the first element being the stem of the tribal name Swǣfe" (Survey of English Place-Names). A documentación inglesa amosa variantes evolutivas como Swof(f)ham (1272). Cremos que dita variante encaixa cos nomes de Sofán (Carnota e Carballo) e Sofandónigo (Carballo), que amosarían a mesma evolución con monoptongación do diptongo wa / we, e poderían ser topónimos compostos cun segundo termo xermano equivalente do Old English hām, "granxa".

A continuación deixamos un enlace a un vídeo de Ars Legendi onde se contan as lendas do Castro de Suevos: alí vivían os suevos, levaban os cabalos a beber ó río por un túnel, nel había un tesouro en forma dunha cabra de ouro. Son as mesmas lendas que noutros castros aparecen ligadas ós mouros.


domingo, 24 de marzo de 2024

Tuiverde / Toiverde e Teverga

A etimoloxía do topónimo pontés Tuiverde / Toiverde é doada, no senso de que están documentados os pasos evolutivos dende o antropónimo de orixe xermana Teodibertus (home) ou Teodiberta (muller).

Segundo Ana Isabel Boullón Agrelo o nome propio é un composto de dous lexemas Teod- (gótico thiuda, "pobo") máis -berta (gótico bairths, "luminoso, brillante") - Antroponimia medieval galega, 2014.

Os estadios evolutivos, con alternancia v/b na grafía, ben conservados na documentación medieval que vimos de pesquisar na base de datos do CODOLGA son:

1) Theodiberti (Sobrado, ano 922); Teodiberta (Samos, ano 961).

2) Tudivertus, Todivertus e "Tío Todiverto" (Braga, Liber Fidei, ano 1064, 1077 e 1091, respectivamente).

E xa como topónimos:

3) "Villar que vocitant [...] Tuiviride" (Caaveiro, ano 1245); "Villar que vocitant [...] Tuiverde" (Caaveiro, ano 1252).

En síntese, os procesos fónicos na evolución, na orde exposta, implican redución do ditongo [iu] / [io] > [u] ou ben a [o] (Tudivertus / Todivertus); perda da consonante oclusiva sonora intervocálica -d-, da que xurde novo ditongo [ui] / [oi] ó se xuntar coa vogal da sílaba seguinte; e reinterpretación do lexema final como se procedese do romance verde (latín viride), o que conduce á latinización "Tuiviride".

Así pois Tuiverde / Toiverde (As Pontes de García Rodríguez) é un topónimo que tería xurdido do nome de posesor ou posesora da vila, en caso xenitivo de posesión, ben Teodibertus ou Teodiberta. Ditos propietarios levarían, seguindo a moda medieval, nomes de orixe xermana.

Parécenos que o topónimo asturiano Teverga, podería proceder dun nome propio semellante, concretamente do feminino Teodeuerga (ano 883 - "La Coruña, fondo antiguo"). Os nomes propios de orixe xermana rematados en -berga / - verga proveñen da base berg, "refuxio", que ven sendo homóloga do céltico briga. Porén faise difícil decidir se, como pensa Xulio Concepción, o Teverga asturiano é un composto do celta teut, "pobo", máis briga, "asentamento estratéxico, fortificación", ou provén dun nome propio xermano, do nome da posuidora da vila, unha tal Teodeberga.

Os lexemas que integran o antropónimo xermano significan exactamente o mesmo que os lexemas celtas propostos por Concepción (Diccionario etimológico de toponimia asturiana), o que amosa o estreito parentesco entre as dúas linguas, e reflicte o que xa temos advertido en moitas ocasións respecto do erro de remitir abusivamente á antroponimia xermana as etimoloxías toponímicas, xa que pola superposicións de linguas no noroeste peninsular son frecuentes os homónimos procedentes de linguas distintas, e ata homólogos semellantes (cognados) procedentes de estratos lingüísticos diferentes.

viernes, 17 de noviembre de 2023

Troitelle

Troitelle é topónimo provinte dun nomen possessoris feminino de orixe xermano, que deixou cando menos dúas pegadas toponímicas en Galicia:

1. Unhas terras que localizamos en Sada, entre Coiro e Alborelle, tralo polígono industrial Espíritu Santo.

2. Outras terras en Santo Estevo de Covas (Ames) - segundo o buscador do proxecto Toponimia de Galicia.

O nome é un composto bitématico das bases xermanas *drauhts, "grupo militar, exército" + *(h)ilde ou (h)ildi, "batalla, combate".

Documéntase no ano 996 no Tumbo de Celanova coa forma con asimilación ld > ll, "matre mea Tructilli", así como no de Guimarães (ano 1036), "uxori mee Tructilli Uiliamiri".

Segundo Benveniste (Dictionary of Indo-European Concepts and Society, 2016, px. 80) a base *drauhts en nominativo, *druhti-, xerou sustantivos cos que se designaban ós xefes ou señores. Baixo a forma derivada en -no empregouse con este significado no Old Icel. drottinn, Old Engl. dryhten, e Old High Germ. truhtin. Ó que podemos engadir o nome propio masculino galaico Tructino, amplamente documentado na Idade Media dende o século IX.

A forma feminina drottning , "raíña", aínda se conserva nas linguas escandinavas.

Unha raíña do exército. (C) Tomiris, de Akan Satayev, 2019.

Supoñemos, pois, que a orixe do nome propio feminino foi un título nobiliario que viña significar "raíña, xefa das tropas no combate". O que non implica que Tructino ou Tructilde fosen, de feito, na plena Idade Media galega, xefes ou señores de exército algún, pois xa daquela a literalidade do sustantivo, o seu significado, se tería perdido ó se convertir en nome propio únicamente designativo; aínda que conservaría certas connotacións como a distinción de levar un nome de orixe xermana vencellado á nobreza.

As formas Trudilli (ano 879) / Trudildi (ano 883) / Trodilli (ano 976) / Truildi (ano 1042) / Truilli (ano 1062) / Troilli (ano 1056) poderían derivar do mesmo étimo *Tructildi, con caída do son oclusivo velar xordo [k] ó se situar en posición implosiva, sonorización do [t] intervocálico e posterior perda de dito son por lenición. Delas derivaría, segundo Piel ("Os nomes germanicos na toponimia portuguesa", Boletim de Filologia, v. VII, 1940, px. 357-386), o topónimo portugués Trulhe (Paredes de Coura).

sábado, 12 de agosto de 2023

Arxeriz (O Saviñao) e outra toponimia en -eriz

 

O castro de Arxeriz. (C) Ecomuseo do Saviñao.

Se retomamos aquela pregunta que fixera Nicandro Ares sobre a cantidade de toponimia aparentemente de orixe xermana que aparece xunto dos castros, imos ver que a resposta vai ser que a súa orixe non é sempre, precisamente, o corpus dos nomes de posesores xermanos.

Podería ser o caso do castro de Arxeriz, no Saviñao, que cadra cun nome composto híbrido, formado pola base latina arx, "fortificación en altura" máis o nome de orixe celta Eriti ou Erite, coñecido pola forma sufixada ERITAECO da inscrición funeraria de Astorga, a cal sitúa nun castelo dos Lemavos chamado Eriti / Erite a origo da defunta Fabia, filla de Eburo.

Segundo Blanca Prósper o nome Erit-aeco pode ser equivalente do irlandés iriud, "fronteira, límite", ou pode estar relacionado co sánscrito parita, "amurallado, rodeado", xa que o celta logo perde o p- inicial (Lusitanian, a Non-Celtic Indo-European Language of Western Hispania, 2014). Nesta segunda posibilidade o topónimo Eriti / Erite podería aludir á cerca ou muralla do castro, defensa que adoita xerar, pola súa monumentalidade, toponimia como A Cerca, A Roda, etc (v. A Cerca ou Muro de Búbal en Oímbra). Así, Prósper indica  a caída do p- inicial que tería o étimo indoeuropeo, mantida no Old Indic parita, fronte ó hispano-céltico Eriti ou Erite. Dita caída do p- inicial é exclusiva das linguas célticas.

A nosa toponimia en -eriz provinte de Eriti / Erite ( ≃ Old Indic parita, "amurallado, arrodeado") sería, porén, moi antiga. A monumentalidade das cercas das fortificacións sería suficiente, na nosa opinión, para xustificar a motivación destes topónimos, mais tamén pódese ter en conta que a antigüidade do nome de lugar podería remontarse á primeira Idade do Ferro na que se produce a construción dos primeiros recintos fortificados arrodeados de muros perimetrais, feito que determinaría o nome relativo ó parapeito que pechaba o asentamento, nun momento no que a maioría deles eran aínda construcións en aberto, sen peches perimetrais.

As defensas do novo castriño que atopamos sobre Ariz (Láncara) puideron orixinar o topónimo: *(p)arita > *arite > Ariz.


Descartamos, porén, a etimoloxía de Arxeriz a partires do nome propio de orixe xermana Argericus. E suxerimos a conveniencia de analizar en termos semellantes outros topónimos con dita terminación, susceptibles de ser remitidos a bases célticas: Xeriz < sego, "victoria" + erit(i), "fortificación amurallada".

Agradezo a Xabier Moure a oportunidade de reflexionar sobre o antigo topónimo ERITAECO da estela de Astorga, a Rosa Brañas a orientación bibliográfica e a José María Bello a súa atenta lectura do párrafo de Blanca Prósper, quen está a falar neste punto do topónimo ERITAECO da lingua hispano-céltica, non do lusitano, lingua esta última que, segundo os coñecementos actuais, non perde o p-inicial indoeuropeo, o que impide a súa calificación como lingua celta.

martes, 27 de junio de 2023

Rus (Carballo; Zas) e Ru (Vilasantar)

Estes dous topónimos derivan, por harmonización vocálica, do latín riuus (nominativo singular) e riu(m) (acusativo singular), "río". Cecais cabería aducir un étimo prerromano provinte do tema hidronímico paleoeuropeo *UR < base *ER, "moverse, fluír", que é o que utiliza Bascuas para explicar como compostos bitemáticos os topónimos Ruanes (Cáceres) ou Ruña (A Coruña) (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, 42.4).

O sentido hidronímico queda claro nun documento do ano 915:

  • "et inde per sepiato de pomare Ruderici, et inde in directura usque in fontano que dicimus Ruis, et per ipso fontano usque in uallo"

A harmonización documéntase, tras producirse primeiro a metátese da iode, no caso do nome da parroquia de Rus carballesa: *riuus > ruis > rus. 

  • ano 1272: sancto Iohanne de Tordoya, de sancta Maria de Ruis, de sancto Mamete de Andoyo, de sancto Silvestre de Veiga, de sancta Maria de Cellas
  • ano 1403: Sabeam todos que eu, Ffernã Eanes de Villariño, morador ẽna frigresía de Sancta María de Rruus

Castro baixo Ru (Vilasantar), preto de As Raposeiras, topónimo que con frecuencia aparece vencellado a asentamentos da Idade do Ferro pola semellanza entre as tobas dos raposos e os traballos de terra (terrapléns e foxos) dos castros.

No primeiro exemplo aducido vemos que un pumar cercano á mencionada fonte de "Ruis" leva o nome de "Ruderici"; resulta verosímil que o hidrónimo "Ruis" se teña interpretado nalgúns casos como se fose o hipocorístico do nome propio Rudericus (Rodrigo), isto é Roi ou Rui. A consecuencia desta etimoloxía popular prodúcese a hipercorreción do topónimo, transformándoo involuntariamente nun antropónimo de orixe xermano, que é o que nos parece que sucedeu neste caso ó chamar ó pumar "pomare Ruderici" en vez de "pomare de Ruis".

jueves, 8 de diciembre de 2022

Sésamo e Sesmonde

 

Catastro de Ensenada, parroquia de San Martín de Sésamo: o nome de Sésamo (primeira pregunta).

O nome de Sésamo, din os que respostan as preguntas do Catastro de Ensenada, de meados do século XVIII, "deriva de hallarse en su término una montaña en cuya cima se haya la iglesia parroquial". Non sospeitabamos que se atoparía na memoria popular do século XVIII a lembranza etimolóxica deste topónimo céltico que ten estudado Cabeza Quiles na súa obra A toponimia celta de Galicia (2014). Aínda que a lembranza é escura, non deixa de facer referencia á montaña onde se ubica o recinto fortificado da Idade do Ferro de Sésamo, maila capela de San Cosme, antiga parroquial.

Relevo das defensas do castro de Sésamo (Segisamo) no outeiro do monte do mesmo nome (Culleredo).

Resumimos polo capítulo que Cabeza Quiles adica ó topónimo: do celta Segisamo derivan Sésamo (Culleredo) e Sísamo (Carballo), mentres que da variante casual (pola declinación do nome) Segisamone provirían Sasamón (Burgos) e Sisamón (Zaragoza). Todos eles formados pola base celta SEG-, "vitoria, forza, poder" mailo sufixo de superlativo, tamén céltico, -ISAMO.

Á vista do significado como orónimo conservado aínda na memoria popular dos habitantes de Sésamo (Culleredo) no século XVIII, podemos reconstruír un valor semántico do topónimo ligado ás elevacións orográficas onde se emprazaban preferentemente moitos dos asentamentos fortificados da primeira Idade do Ferro: "a fortaleza, o lugar máis forte e inexpugnable".

As fontes clásicas e epigráficas mencionan para o actual Sasamón de Burgos indistintamente as formas Segísamo (caso nominativo) ou Segisamóne (caso acusativo) - uso o til para indicar o desprazamento acentual que conleva o aumento silábico; dito acento consérvase fixo e inmutable nos resultados evolutivos modernos.

Dado que Sésamo e Sísamo proveñen do nominativo Se(g)ísamo, semella que en Galicia non quedarían formas provintes do acusativo Se(g)isamóne > Sasamón (Burgos) / Sisamón (Zaragoza), o que resulta bastante extraño, pois tanto o nominativo como o acusativo son os casos típicos que orixinan a toponimia (son case inexistentes topónimos provintes doutros casos).

Castro de Sesmonde (Armental - Vilasantar).

Da forma Se(g)isamóne esperariamos un resultado como *Sesmón, que non se atopa no noso corpus de topónimos, mais hai que ter en conta o condicionamento que a antroponimia de orixe xermano exerceu sobre a nosa toponimia. Nalgún caso temos detectado enmascaramentos de nomes de lugar prerromanos que chegan a adoptar aspecto de nome de posuidor de orixe xermano (Osorici - O Xurés); deste xeito un topónimo prerromano como Se(g)isamone podería agocharse baixo os nomes de lugar Sesmonde / Sismundi, pola presión que a antroponimia xermana, amplamente difundida na onomástica medieval, exerceu sobre os falantes da lingua, que chegan a deturpala pola súa influencia. Neste caso terían sido os antropónimos xermanos en caso xenitivo Sisemundi ou Sesmundi os responsables da transformación de Se(g)isamone > *Sesmón en Sesmonde / Sismundi.

domingo, 21 de agosto de 2022

Gontes / Ghontes ou Xontes?

 

(C) Minutas cartográficas do IGN.

Na nosa toponimia temos demasiados casos de normalizacións erróneas nas que se pretendeu regaleguizar con xe os sons da gheada, considerados como pronuncias castelanizantes, sendo sons propios do galego. É o caso de Xontes (Sumio). Se imos á cartografía antiga vemos que tanto Jontes (hoxe Xontes) como Juntís (hoxe Guntín) e Jocín (hoxe Xocín) van grafados cunha jota que sinala seguramente a pronuncia con gheada do que sería Gontes, Guntíns / Guntís e talvez Gocín. Deste último non estou moi segura, pero é que estas cousas xa lle fan dudar a unha de todo.

Guntín grafada a pronuncia con gheada utilizando a grafía castelá j, no cartel da estrada DP-2104.

Semella evidente que a etimoloxía de Ghontes e Ghuntíns ou Ghuntín podería ser a mesma, talvez un antropónimo de orixe xermánica da serie *Gunths, "loita", como en Conturiz - Lugo (doc. Gunturiz). Paulo Martínez Lema tamén ten atopado que no caso do topónimo Begonte concorre a forma Gonte, documentada como variante con aférese; é pois posible que Ghontes e Ghuntíns ou Ghuntín sexan topónimos provenientes de *BOCONTI, xenitivo dun nome de posuidor de orixe celta, UOCONTIUS ou UOCONTIA ("Nomes de posesor na toponimia do concello de Begonte", Revista galega de filoloxía, 2007). Máis tirando na liña que indicara Nicandro Ares, que consideraba Begonte un etnónimo relacionado coa tribu gala da Narbonense, os Vocontii.

Na relación establecida entre Ghontes e Ghuntíns / Ghuntís é notable o topónimo, hoxe desaparecido, que se atopa na periferia deles no Mapa Topográfico Nacional do IGN: Xontes Pequeno. Dá a impresión de que é unha glosa que explica Ghuntíns, que efectivamente ten aspecto de diminutivo, como un pequeno Ghontes separado da fundación orixinal.

Pé de Mende / Pena de Mende: un orónimo e un hidrónimo paleoeuropeo

Edelmiro Bascuas remitía os topónimos estreitamente relacionados co amieiro á base hidronímica *AM-, "cauce", e entreles citaba Mindelo en Vila do Conde (Portugal) documentado como "Minitelo" (964) e "Aminitello" (1025). O a- inicial de Mindelo teríase perdido nun proceso de fonética sintáctica, ou simplemente pola súa atonicidade, xa que aquí non é posible aducir que se considerou artigo, como ocurreu no caso do río chamado "aqua de Ameneta" (1130) que evoluíu a A Meda (Castroverde - Lugo), ó non coincidir o xénero feminino do suposto artigo (a) co do sustantivo (Mindelo). A forma "Minitelo" é relevante para entender as primeiras mencións do río Mendo como "Minuete".

Pouco despois o profesor Juan José Moralejo, talvez suxeito ó xuramento hipocrático tácito de seguir á raia a hipótese dos nomina possessoris contra toda evidencia, considerou que o nome do río coñecido nas primeiras documentacións como "Minuete", teríase substituído polo nome dun posuidor chamado Mendo: "en la margen derecha del río Mendo tenemos un Mende con todas las trazas de remontarse al genitivo Menendi para aludir al possessor del territorio, también aludido, quizá, en el orónimo A Pena de Mende, cercana a Bandoxa". Aparece entón o Hermenegildus, de onde xurde Menendus e Mendo (como amosara Pidal), o suposto propietario das terras que daría nome a Pé de Mende ou Pena de Mende, e ó río Mendo segundo Moralejo. Mais non todo o que remata en -e é un nome persoal en caso xenitivo, pois hai usos do xenitivo que implican relación e non posesión.

Voltando á hipótese hidronímica, desta vez baseada nun étimo latino, mais congruente co exposto por Bascuas, o profesor Porto Dapena explicaba que o topónimo Neda podería provir de *Am(e)neda, un derivado del latín amnis, "río". Neda sería, polo tanto, unha *ameneda ou "terra ribeireña situada ó longo dun río".

Navaza, aínda que dende un punto de vista fitotoponímico, di que a etimoloxía de amieiro pode ter parentesco co latín amnis, "río", que Rivas Quintas remonta á raíz *am- / *ab-, "auga".

Así pois, non hai que teimar nos nomina possessoris se hai evidencias, e neste caso hainas, que apuntan noutra dirección. Nesta selección de documentos vese a evolución dos hidrónimos dende as formas plenas Ameneta e Ameneda cara a forma Mende. O xenitivo de relación nunha secuencia como *aqua Amenete, tería  favorecido a perda do a- inicial de Ameneta por fonética sintáctica, ó ser absorbido polo -a final de aqua.
  1. Ameneda rivulo 787
  2. aqua de Ameneta 1005
  3. ribulo Ameneda 1016
  4. aquam de Menede 1061
  5. aquam de fluuio de Meende 1218
Pé de Mende, e non como aparece na cartografía, Pena de Mende, coa expresión "pé de" = "a carón de" (v. dicionario de Carré Alvarellos), é a variante que lle escoitamos ó noso informante, Santiago, e cadra coa situación de Pé de Mende preto da ribeira, non nela exactamente; atópase no límite das parroquias de Bandoxa e Regueira, ambas pertencentes ó concello de Oza dos Ríos. No Catastro de Ensenada aparecen marcados os límites con nomes tan suxerentes como "Pena Escripta" e "Pena da Cerva", indicativos da existencia de petróglifos.

A primeira parte do topónimo Pé de Mende tambén podería ter a súa orixe na palabra prerromana alpe, "monte", cuxa evolución en galego *aupe, favorecería a segmentación da primeira sílaba considerada como contracción da preposición "a" máis o artigo "o": *Aope de Mende - O Pé de Mende - Pé de Mende. O mesmo tería pasado con Pé de Meda ("Alpe de Meta") e outros orónimos semellantes do país.

Bibliografía

- Edelmiro Bascuas: Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002.
- Juan José Moralejo: "Mandeo, Mendo y Miodelo", Anuario Brigantino, 2002.
- Álvaro Porto Dapena: "Principios de toponimia: os casos de Neda e Xubia", Revista de Neda, 2006.
- Gonzalo Navaza: Fitotoponimia galega, 2006.

miércoles, 13 de julio de 2022

Faramontaos e Monfero

Fero é adxectivo de orixe latina có significado de "salvaxe, bravo". Monfero é porén un topónimo transparente. Non tanto Faramontaos e as súas variantes, que se atopan ata Portugal baixo formas predominantemente con e como Fermentãos ou Fermentões.

Na base de datos do CODOLGA aparecen de feito algúns Feramontanis documentados no século XIII que nos levan a propor esta etimoloxía: se a discutida orixe de Faramontaos non tería sido un *feri montani, usado para nomear ós habitantes destes agrestes montes, o que poría ó topónimo e xentilicio ó mesmo nivel que o nome de lugar e xentilicio das Highlands e os highlanders, o que se aplicaba por parte dos ingleses ós bravos montañeses da Escocia. Todos asociámolo inmediatamente có film de Bravehearth. Unha motivación semántica semellante podería ter o topónimo Bravos (Ourol).

Deste valor do composto latino extendido por toda Europa dá conta a glosa ó apelido de Hieronymo Wildenbergio, traducido como Ferimontano.

O que está claro é que o topónimo sufriu un proceso de armonización vocálica, e porén calquera dos estadios documentados, fora - fara - fera, podería ser o estadio inicial ou etimolóxico. Non debe descartarse en principio ningunha das posibles etimoloxías propostas ata a data, incluída esta que vimos de formular, como a máis extendida de *fora montani (de fóra do monte, de máis aló do monte), pois hai que ter en conta que as formas máis antigas que nos chegaron puideron estar xa daquela corrompidas por falsas etimoloxías:

  1. Foramontanos - ano 921
  2. Faramontanos - ano 961
  3. Farramundanes - ano 1014 (o que suxire un nome propio xermano *Farramundus, ou ben se trata dunha falsa etimoloxía histórica, por influencia da moda dos nomes de raigame xermana na Idade Media).

miércoles, 8 de junio de 2022

Casteliño en Fonte da Vila - Souto da Regueira (Cambre)

 

Microtopónimo Castelo preto do Souto da Regueira en Santa María de Vigo (Cambre).
Visor PBA da Xunta de Galicia.

Polo topónimo, relevo e situación, nun cóbado entre regos, semella un pequeno castro. A toponimia circundante, Costado e As Parizas, vai ligada ó mesmo relevo do terreo.

O microtopónimo As Parizas, ou ben é un derivado de asperum (*asper-iceas), ben documentado na Idade Media (Asperones, Asperelo), por ser un terreo abrupto, logo con separación do segmento as- por coidaren ser o artigo feminino; ou ben sería frase formada có substantivo petra + sufixo -iceas > -izas (illas petriceas > As Pe(d)rizas > As Parizas, con abertura do e en a, frecuente ante a vibrante r: ex. Parafita < Petra Fictam).

Existe outro As Parizas en Magalofes, segundo a Base de Datos de Toponimia de Galicia, e logo xa pasariamos ás formas A Espariza, que poderían ser o singular de *aspericea, có segmento a- separado por considerarse artigo feminino; ou ben un falso singular unha vez perdido o significado do topónimo frasal illas petriceas > Asparizas (plural) / Aspariza (singular non etimolóxico) / A Pariza (singular etimolóxico existente en As Cortes - Paradela).

Os topónimos do tipo Aspariz ou Espariz, moi abundantes no noso país, na nosa opinión serían formas apocopadas destas, ou ben en referencia a terreos ásperos e abruptos, ou ben a terreos pedregosos. Non se terían formado do nome xermano Asparicus. 

miércoles, 25 de mayo de 2022

Oxuriz / Juriz / O Xurés / Gerês

Nun artigo sobre os castros ó redor de Santaia de Bóveda, Nicandro Ares comentaba ó final do mesmo un feito moi interesante: "Al finalizar este trabajo me siento sorprendido por la enorme cantidad de topónimos germánicos que figuran junto a los castros de esta zona. Se dice que estos nombres no corresponden a la primera invasión de los bárbaros en el siglo V, sino a los pobladores posteriores a la iniciación de la reconquista española, es decir, al siglo VIII y siguientes. Pero lo extraño es que se hubiese borrado el nombre romano o prerromano. ¿Cómo y por qué sucedió esto? Podría ser un tema para estudiar" ("Castros en torno a Santa Eulalia de Bóveda" (1967-68), recopilado en Estudios de toponimia galega, v. I, 2011).

Efectivamente, así é: o feito de atopar toponimia vencellada aparentemente ós nomes dos posesores (colonos) xermanos a carón dos castros repítese por todo o rural galego, non só no entorno de Santaia de Bóveda. O que aconteceu foi, segundo pensamos, que os nomes prerromanos non desapareceron arrasados pola colonización, nin os colonos atoparon territorios despoboados que renomearon, senón que se reetimoloxizaron os nomes tirando do recurso á etimoloxía popular, mediante a cal os topónimos adoitan un aspecto lixeiramente diferente para encadrarse no léxico vixente no momento, e facerse, así, comprensibles. A toponimia, porén, adoptou unha máscara xermana.

Outro posible castro, a maiores do situado ó oeste de Oxuriz (Lugo), na parcela denominada Castrespiños (segundo a folla catastral) / Castroespiño (segundo N. Ares). Mencionado polo autor sen que chegara a visitalo. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Un dos casos que comenta Nicandro Ares no entorno de Bóveda é o de Oxuriz (O Xuriz, na normalización actual). Segundo o autor, xa que logo aparece nun documento do 1108 como villa Osorici ("in villas vocitatas retorta et Osorici"), viría do nome propio xermano *Osoricus, inexistente ou non documentado (hipótese de Piel-Kremer), ou sería o patronímico do nome probablemente latino Osorius. 

Na nosa opinión ó topónimo Oxuriz non lle queda outra alternativa que ter a mesma etimoloxía prerromana que a da antiga Aldea do Juriz (Pitões das Júnias - Portugal) sita no Xurés, a cal coincide coa dos propios O Xurés / Gerês (doc. como "alpes Ugeres" no 1074): cecais a base hidronímica paleoeuropea *wegw-, "húmedo, mollar", que propuxera Edelmiro Bascuas ("Aquis Ocerensis, diosa Ocaera, monte Ugeres y O Gerês: ¿*OGER- O *UGER-?", Paleohispánica, 2007).

"Osorici" e "Ugeres" serían, pois, dúas formas medievais de grafar o mesmo topónimo prerromano; estando a primeira claramente influenciada pola moda da antroponimia xermana.

Ruínas dunha casa na Aldea Velha do Juriz (Pitões das Júnias). (C) Dolores González de la Peña, 2017.


martes, 5 de abril de 2022

Ternande - Trinanto

Ante a falla de antroponimia xermana que explique satisfactoriamente o nome do lugar da Hermida de Ternande (Celas de Peiro - Culleredo) sospeitamos que se trata dun nome céltico agochado baixo a apariencia dun xenitivo dun nomen possessoris xermano rematado en -nande (como podería ser p. ex. Sisnande).

Na nosa opinión é cognado do topónimo francés Ternant. Ernest Nègre indica que son topónimos compostos do galo [céltico] nanto, "val", máis un primeiro elemento descoñecido (Toponymie Général de la France, 1990). Nós sabemos cal é ese primeiro elemento descoñecido, xa que o topónimo ven no famoso Glosario de Endlicher como trinanto, e a glosa que se fornece é "tres valles". Supomos que por ubicarse este lugares nas cabeceiras dos ríos onde nacen varios tributarios (dous, tres ou catro regatos) que forman a bacía principal. No caso do lugar de Ternande o río principal, o Valiñas, porta de novo, noutra lingua, o significado de "val", polo que estariamos ante un exemplo de toponimia redundante, na que se reitera o referente en diversas linguas: trinanto (tres vales) - valiñas (varios vales pequenos).

Outra opción podería ser considerar o primeiro elemento *TER a base hidronímica paleoeuropea da que ten tratado Edelmiro Bascuas, có significado de "frotar, atravesar", e que da nome ó río Tera, afluente do Esla (v. Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, 2006). Neste caso o significado do topónimo Ternande sería "val do Ter".

domingo, 12 de diciembre de 2021

Munidi Eberobrigae e o "mundus"

Repasando unha vez máis a última bibliografía sobre a controvertida etimoloxía de mundus, "mundo", concretamente o estudo de Simona Georgescu ("The world as a yawning gap", en Words and Sounds, 2019), có obxecto de aclarar o significado último da nosa toponimia en -monde / -mundi, que non consideramos derivada de antropónimos xermáns, topamos con que no relato da fundación de Roma mediante o rito etrusco do trazado por parte de Rómulo dunha trincheira circular, foi este valado o que recibiu o nome de mundus, segundo o relato de Plutarco.

Semella que na inscrición de Talaván (Cáceres), Munidi Eberobrigae, podería aludirse a unha destas trincheiras circulares excavadas no chan, un oco sacro ou mundus, que constituiría o pomerium dunha cidade, do asentamento de Eberobre. A forma feminina munidi condúcenos entón a outra etimoloxía que ten que ver có cognado latino munire, "protexer, fortificar". Ó tempo, a testemuña epigráfica amosa o carácter prerromano do termo; antigüidade máis que suficiente para garantir unha base que explica a toponimia en -monde / -mundi como prerromana, e considerala sen dúbida de carácter fundacional.

A explicación que fornece Georgescu, que tenta fiar todas as acepcións de mundus a partires dunha única base etimolóxica, por deriva semántica, dende a que considera máis antiga (o sentido de "abertura, pasaxe" que existe nas linguas xermánicas: munda, mouth) non nos parece apropiada, pois a máis antiga terá que ver coa raíz indoeuropea MEI(3)-, que é da que xurde o latín munire, "protexer, construír un valado ou defensa, fundar).

Parécenos máis probable, entón, que do primeiro sentido, "trincheira circular, defensa, fundación", se teña pasado ó de "subterráneo, abertura no chan, galería, pasaxe", e que ó mesmo tempo se teña chegado a unha acepción de "sacro, limpo, puro" pois orixinalmente a trincheira delimitaba un espazo de carácter sagrado, e finalmente, á idea de "mundo, cosmos", que viría dada por ser o lugar de habitación por antonomasia dun grupo humán determinado, pequeno ó principio, e que vai aumentando ata englobar toda a Terra como fundación circular.

Castro de Aldemunde.

Documentado na Idade Media como Ardemunda (ano 1169), o nome indicaría a fundación circular dun asentamento protohistórico nun lugar elevado (cognados do primeiro formante: irlandés ard, "elevación", latín arduus, "abrupto, escarpado").


sábado, 20 de noviembre de 2021

Roda, Redonda e Rodís / Rorís

Ós amigos do Adro de San Martiño de Rodís,

a señora Celia, Sonia e Manuel Ruibal.


Para Moralejo Laso Rodís podería ser nalgúns casos (cando non se explica como variante do posible topónimo de orixe antroponímica Roríz < xermano Rodericus -ici) o plural de Rodil, o que en Asturias é Rodiles ("Sobre grafía e pronunciación dos topónimos gallegos", Verba, 1977). Logo, un derivado do latín rotam, "roda". 

No Diccionario Etimológico de Toponimia Asturiana, Julio Concepción sinala que unha rionda ou redonda é unha pequena campa con varias pedras redondas onde os pastores fan as súas cabanas aproveitando os abrigos naturais baixo as pedras, unha pequena mallada. Na mesma clase e acepción mete ó topónimo Rodil.

Henge das Portaleiras en San Martiño de Cerceda. 

A propósito dos henges que están a aparecer nas parroquias de San Martiño de Cerceda e en Santa María Madanela de Montemaior (A Laracha), notamos que todos eles están nas divisorias de augas, e que na toponimia da zona é constante o nome de Rorís e Rodís.

Ubicación dos henges de Portaleiras e da Pedra da Meda, na divisoria de augas entre Montemaior e Soandres - San Martiño de Cerceda. Toponimia Rorís na contorna. Os recintos aparecen sinalados, respectivamente, no inventario dos visores de Aproveitamentos Forestais e do PBA.

Como sinalaba Moralejo Laso é moi probable que Rodís sexa a forma plural de Rodil, derivado do latín rotam, "roda". Este Rodís, ó mesmo tempo presentaría a variante alofónica con rotacismo Rorís. O topónimo indicaría lugares onde os pastores facían as súas malladas brañegas dende épocas moi recuadas, xa que, logo, os mellores sitios para estes asentamentos estacionais gandeiros, que buscan o espazo das divisorias de augas, camiños naturais que aproveitaron os grandes herbívoros para os seus desprazamentos dende a prehistoria, non cambiaron dende que o mundo é mundo. Temos desenvolto a circularidade como modelo de ocupación territorial entre os pobos primordiais, ó redor dun poste central ou axis mundi, na entrada do blog Henges, rodas e seles (2020).

Pequena lomba arredondeada ou rodil da Pedra da Meda, co henge no cumio.
(C) Manuel Ruibal, 2021.

Outros autores que corroboran a nosa proposta (latín rota), aínda que segundo a nosa opinión sen acertar nas acepcións que propoñen para rodil, son:

  • Enciclopedia lingüística hispánica, CSIC, 1960, V. I, px. 549: "En Rodís, Rodiz, Rudís, Villarrodís tenemos posiblemente el plural *rodil ("rodezno"?) derivado de roda, que corresponde exactamente a Rodiles, que es el nombre de cinco pueblos de Asturias".
  • Edelmiro Bascuas: "Rodil, afluente del Eo, y el plural Rodiles (varios en Asturias) fácilmente explicables como derivados del latín rota, "rueda", con sufijo -ilis" (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, px. 162).
  • G. Tejada Álamo: "Rodil, diminutivo de roda, "rueda" o "curva de un río" (Topónimos e hidrónimos, 2019).

As acepcións de rodezno dun muíño ou de curva dun río non son posibles nestes casos ó acharse estes Rodís e Rorís nas divisiorias das augas (no alto), non xunto ós cauces fluviais.

sábado, 13 de noviembre de 2021

Madrosende


 Madrosende en Casaldabade (Tordoia).

Levamos un tempo defendendo unha etimoloxía paleoeuropea para estes nomes en -sende, "camiño", contra vento e marea da hipótese colonial, que sostén que son nomes orixinados a partir dos posuidores xermanos que chegaron a Galicia a establecer os seus reais (v. El topónimo Gosende como indicador de sendas pecuarias neolíticas).

Neste caso, ademáis, o requerido nome propio *Matrosindo brilla pola súa ausencia, non existiu, a pesares de que pola web circula unha forma suposta reconstruída ou inventada, e que debe ir precedida en todo caso dun asterisco. Nin aparece na base de datos do CODOLGA nin nos corpora de antropónimos específicos.

Na nosa proposta, Madrosende ten que ser evidentemente un composto do proto-céltico *sentu-, "camiño", máis o hidrónimo tambén paleoeuropeo matr-, "nai da auga" (v. por exemplo o hidrónimo Matrona). Xustifícase aquí pefectamente por nomear a zona da divisoria de augas onde nacen os tributarios que van cara o río principal. Madrosende é, entón, o camiño das nascentes.