Edelmiro Bascuas remitía os topónimos estreitamente relacionados co amieiro á base hidronímica *AM-, "cauce", e entreles citaba Mindelo en Vila do Conde (Portugal) documentado como "Minitelo" (964) e "Aminitello" (1025). O a- inicial de Mindelo teríase perdido nun proceso de fonética sintáctica, ou simplemente pola súa atonicidade, xa que aquí non é posible aducir que se considerou artigo, como ocurreu no caso do río chamado "aqua de Ameneta" (1130) que evoluíu a A Meda (Castroverde - Lugo), ó non coincidir o xénero feminino do suposto artigo (a) co do sustantivo (Mindelo). A forma "Minitelo" é relevante para entender as primeiras mencións do río Mendo como "Minuete".
Pouco despois o profesor Juan José Moralejo, talvez suxeito ó xuramento hipocrático tácito de seguir á raia a hipótese dos nomina possessoris contra toda evidencia, considerou que o nome do río coñecido nas primeiras documentacións como "Minuete", teríase substituído polo nome dun posuidor chamado Mendo: "en la margen derecha del río Mendo tenemos un Mende con todas las trazas de remontarse al genitivo Menendi para aludir al possessor del territorio, también aludido, quizá, en el orónimo A Pena de Mende, cercana a Bandoxa". Aparece entón o Hermenegildus, de onde xurde Menendus e Mendo (como amosara Pidal), o suposto propietario das terras que daría nome a Pé de Mende ou Pena de Mende, e ó río Mendo segundo Moralejo. Mais non todo o que remata en -e é un nome persoal en caso xenitivo, pois hai usos do xenitivo que implican relación e non posesión.
Voltando á hipótese hidronímica, desta vez baseada nun étimo latino, mais congruente co exposto por Bascuas, o profesor Porto Dapena explicaba que o topónimo Neda podería provir de *Am(e)neda, un derivado del latín amnis, "río". Neda sería, polo tanto, unha *ameneda ou "terra ribeireña situada ó longo dun río".
Navaza, aínda que dende un punto de vista fitotoponímico, di que a etimoloxía de amieiro pode ter parentesco co latín amnis, "río", que Rivas Quintas remonta á raíz *am- / *ab-, "auga".
Así pois, non hai que teimar nos nomina possessoris se hai evidencias, e neste caso hainas, que apuntan noutra dirección. Nesta selección de documentos vese a evolución dos hidrónimos dende as formas plenas Ameneta e Ameneda cara a forma Mende. O xenitivo de relación nunha secuencia como *aqua Amenete, tería favorecido a perda do a- inicial de Ameneta por fonética sintáctica, ó ser absorbido polo -a final de aqua.
- Ameneda rivulo 787
- aqua de Ameneta 1005
- ribulo Ameneda 1016
- aquam de Menede 1061
- aquam de fluuio de Meende 1218
Pé de Mende, e non como aparece na cartografía, Pena de Mende, coa expresión "pé de" = "a carón de" (v. dicionario de Carré Alvarellos), é a variante que lle escoitamos ó noso informante, Santiago, e cadra coa situación de Pé de Mende preto da ribeira, non nela exactamente; atópase no límite das parroquias de Bandoxa e Regueira, ambas pertencentes ó concello de Oza dos Ríos. No Catastro de Ensenada aparecen marcados os límites con nomes tan suxerentes como "Pena Escripta" e "Pena da Cerva", indicativos da existencia de petróglifos.
A primeira parte do topónimo Pé de Mende tambén podería ter a súa orixe na palabra prerromana alpe, "monte", cuxa evolución en galego *aupe, favorecería a segmentación da primeira sílaba considerada como contracción da preposición "a" máis o artigo "o": *Aope de Mende - O Pé de Mende - Pé de Mende. O mesmo tería pasado con Pé de Meda ("Alpe de Meta") e outros orónimos semellantes do país.
Bibliografía
- Edelmiro Bascuas: Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002.
- Juan José Moralejo: "Mandeo, Mendo y Miodelo", Anuario Brigantino, 2002.
- Álvaro Porto Dapena: "Principios de toponimia: os casos de Neda e Xubia", Revista de Neda, 2006.
- Gonzalo Navaza: Fitotoponimia galega, 2006.
No hay comentarios:
Publicar un comentario