martes, 30 de agosto de 2022

Sofandónigo (Sofán - Carballo)

Composto da preposición so (1), "xunto de", máis o núcleo *fan < fanum, "templo", e o adxectivo dónigo < dominicum, "do señor".

Segundo X. Ll. García Arias "los lugares de culto pagano fueron aquellos donde se erigió algún FANUM ‘lugar sagrado’, ‘pequeño templo’, que frecuentemente solía situarse a la orilla de los caminos un poco al estilo de los actuales oratorios o capillas". En Asturias é probable que, por exemplo, os topónimos Fano (Xixón), Fanu (Colunga), e Fanón (Valdés) teñan orixe no latín fanum.

A mesma etimoloxía é a que fornece Ernest Nègre na Francia para toponimia como Fa ou Fain, documentada como Fanum ou Fano na Idade Media, Feneu (Fanum Novum), Famars (Fano Martis), Fanjau (Fanum Jovis), Montfa (Montefano), etc.

Supomos que o antigo santuario que deu orixe ó topónimo Sofandónigo estaría situado na vecindade do castro de Sofán, na aldea de A Casanova, onde a igrexa parroquial adicada ó Santo Salvador. A primitiva advocación "do señor" faría alusión ó deus Xúpiter, a máxima divindade do panteón romano, ou cecais, se o templo xa pertencía ó primitivo cristianismo, ó deus cristiano. A ubicación do templo xunto do castro suxire tamén a posible articulación da paisaxe castrexa cun espazo sagrado contiguo ó asentamento habitacional e pecuario, sobre o que se terían construído templos posteriores, ó perdurar a función sacra do lugar ó longo do tempo.

Se cabía algunha dúbida da pervivencia da palabra fanum fosilizada como topónimo, o caso de Sofandónigo, ó levar como adxectivo un termo que neste contexto alude á divindade, proba a adecuación da proposta etimolóxica.

(1) Jairo Javier García Sánchez, "El elemento prefijal sub (> so) en toponimia. Reconsideración de su valor", Archivum, 2002.

2 comentarios:

Carlos dijo...

Eu en terreo de Deuses non quero meterme, porque penso que homes libres e un pouquiño descridos hóuboos en todas as épocas.

Tenme chamado a atención na (Illa) Terceira dos Açores a existencia de Fanal nun monte dominando a entrada á baía do mesmo nome, que dá acceso á Angra (áncora) do Heroísmo.

Se ben pode existir unha relación entre fanal e lanterna ou facho usados para a navegción, nun altiplano interior da Madeira que nada a ver ten coa navegación temos a paraxe protexida do bosque de laurisilva do Fanal, caracterizada por unha lagoa, braña ou pantano.

Teño lido [1] que existe a voz xermánica fani, antigo alto alemán fenna e inglés fen para desginar estes terreos húmidos, e non podo deixar de pensar que é unha posibilidade para a orixe do escuro topónimo Fene.

[1] http://etimologias.dechile.net/?fango

Andregoto Galíndez dijo...

Pois hay moito topónimo Fana en Asturias e León, Pascual Riesco Chueca ten un artigo sobre eles "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas", e di que son terreos con desprendementos de terra. Se non gusta da hipótese do "dónigo" = "do señor (deus)", témoslle tamén a idea de ser o "dónigo" un dungeon, desenvolta aquí: http://arqueotoponimia.blogspot.com/2022/02/viladonga-viladoniga-os-nosos-dungeons.html
En canto a Fene, paréceme ben a proposta de Dacosta, pero habería que ter máis datos, ata onde sei Fene é un caso único, e sempre son máis difíciles.