No ano 419 o exército de Hermerico, primeiro rei suevo da Gallaecia Lucense e Bracaranse, nunha campaña militar de expansión territorial contra os vándalos asdingos, dirixidos polo seu rei Gunderico, que ocupaban a Gallaecia Asturicense, foi sitiado por estes e obrigado a replegarse cara ós montes Nervasos.
Como ata o de agora o topónimo semellaba desaparecido, o lugar onde se desenvolveu este episodio histórico fora reducido, xa que logo ocurríu nunha fronteira territorial, a Arbás del Puerto (na fronteira entre Asturias e León). Mais di Vicetto que non se comprende esta retirada na que os suevos, en lugar de replegarse cara ó seu territorio, "metíanse máis e máis no corazón da madrigueira enimiga". A redución Nervasos - Arbás supón ademáis que o topónimo chegaría con erros de copia, sendo a forma correta Ervasos, o que é moito supoñer. O certo é que non houbo tal erro, pois consta de Hidacio "Narbasis montibus" (montes Narbases). Tamén Ptolomeo mencionara un foro ou feira do pobo dos Narbasos, na Gallaecia Lucense.

Microtopónimo
Fontes dos Narvases en Deva (Cervantes). Citado por Hubschmidt como
Fonte dos Narvasoes segundo as minutas cartográficas do IGN
(1).
Microtopónimo Narvasio (Donín - Becerreá).
Microtopónimo Nervaso (A Borquería - Becerreá).
A proliferación do topónimo Narvases / Narvasio / Nervaso na zona dos Ancares lucenses (concellos de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá) obriga a resituar a lexendaria batalla dos montes Nervasos nesta zona fronteiriza entre a Gallaecia Lucense e a Asturicence (León). A retirada do exército de Hermerico sería, como é lóxico, dende o territorio ocupado polos vándalos cara ó seu, replegándose nos Ancares.
No dicionario de Aníbal Otero (1967) rexístrase o sustantivo nervaso como nome da caña do maíz, e dise que a súa etimoloxía é o latín nervium, "nervio, tendón". Nós pensamos que os topónimos derivan dunha antiga raíz indoeuropea *sneu, "fluír", a mesma que dá o latín nervium ou o grego νεῦρον (neuron -> neurona). Podería terse aplicado tardiamente ó tallo fibroso dalgúns cereais, como a caña do maíz, máis en orixe aplicaríase a paisaxes fluviais formadas por numerosos regos que van tributando uns noutros ata acadar o cauce principal, formando como un sistema nervioso fluvial (2); ou ben, ás aristas montañosas, que forman as nervaduras dunha bóveda. Considerámolo, pois, un hidro-orónimo paleoeuropeo que podería ter sido o nome primitivo dos Ancares.
(1) "Substratprobleme: eine neue iberoromanisch-alpinlombardische Wortgleichung vorindogermanischen Ursprungs und die
vorindogermanischen Suffixe -ano- und -s(s)-", Vox Romanica, 1969.
(2) Monteagudo no traballo "Hidronimia gallega" (Anuario Brigantino, 1999) recolle un "fluvium de Nervia".
No hay comentarios:
Publicar un comentario