Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
jueves, 31 de julio de 2025
Trezenzonio e os immrama: observacións astronómicas do movemento solsticial
miércoles, 17 de julio de 2024
Os petróglifos de Freás da Canda (Piñor - O Carballiño)
A liña de demarcación dos oitos penedos corría, pois, de norte a sur, e o mapa de 1735 habería que xiralo 90 graos á dereita para velo co norte arriba. Chámanos moito a atención que na mesma liña aparezan penedos con soliformes, espirais, espirais e coviñas, como nunha gradación astronómica. Cecais podería ser un indicio, como se ten dito, do seu significado astral, e que servesen como delimitacións territoriais tomadas respecto de referencias celestes. A liña de penedos con gravados de orixe prehistórica suxire unha función de delimitación territorial mantida durante milenios.
miércoles, 30 de agosto de 2023
A iconografía do Beato de Liébana na configuración do Septemsiderus do Códice de Roda
* * * * * * *
Os distintos beatos miniados conservados na península, vintaseis segundo información na web da Biblioteca Nacional, que copian os Comentarios á Apocalipse do Beato de Liébana (século VIII), teñen todos un ciclo fixo de ilustracións. Nas miniaturas relativas ó personaxe sen nome da visión de Patmos, definido como "semellante ó fillo do home" (Apocalipse 1, 12-16) séguese, pois, un mesmo deseño.
- O personaxe ten á súa destra sete estrelas, ou sostenas na destra (no caso do beato de Lorvão).
- Da súa boca sae unha espada de dous fíos.
- Hai sete candelabros sobre o personaxe ou xunto del, aínda que na Apocalipse dise que o personaxe está entre os candelabros.
- Na franxa inferior debúxanse as sete igrexas do primitivo cristianismo indicando os seus nomes: Éfeso, Esmirna, Pérgamo, Tiatira, Sardis, Filadelfia e Laodicea.
* * * * * * *
Tradución da lenda de Septemsiderus do Códice de Roda
A cidade de Toledo foi a primeira que se fundou en Hispania, e tódalas cidades hispanas estaban suxeitas a ela.
Houbo un rei en Toledo cuxo nome era Octaviano; daquela as cidades de Lugo, Astorga, León, Zamora, Braga, Chaves, Porto e Tui aínda non existían.
E Octaviano mandou chamar a Septemsídero, marido de Iheria, e pai de Brácaro, e de Flavio, e de Teuderico, e de Galaa e de Xémulo, e de Sequario, e de Cesario, o que fixera Cesárea e Faro. Mais Septemsídero non quixo ir xunto de Octaviano.
Entón Octaviano construíu un grande foxo de asedio e achegouse onde Septemsídero, pousando o seu exército no lugar que chaman Sumio. Septemsídero achegouse, pousou as súas hostes e pregoulle a Deus, e os exércitos de Octaviano sumíronse. Por iso ese lugar é chamado Sumio.
Logo veu Septemsídero coa muller e mailos fillos á cidade de Lugo, e entregou ós seus fillos cadansúa cidade. A Brácaro, Braga; a Flavio, Chaves; a Teuderico, Tui que está xunto ó mar; a Galaa, Porto. Sequario morrera no Tambre, no lugar que chaman Porto Sigüeiro. Xémulo era fortísimo, en cadansúa man levaba dúas columnas; el construíra a bóveda de Sancti Petri, e Celbas xunto ás Aquas Caldas, e unha ponte no Miño. De Cesáreo xa falamos arriba. E poderiamos falar moito doutras cidades.
* * * * * * *
CORRESPONDENCIAS ESTRUTURAIS
* * * * * * *
CORRESPONDENCIAS ICONOGRÁFICAS
AS SETE ESTRELAS - SETESTRELO
Profundizando na orixe culta da lenda e o seu vencello cos beatos, ó noso parecer o creador da lenda de Septemsiderus contida no Códice de Roda viu nun beato indeterminado, que lle serviu de inspiración para a composición do seu texto, as sete estrelas á destra do personaxe "semellante ó fillo do home", o que inmediatamente asociou ó nome dunha constelación ben coñecida para el, composta por sete estrelas, o Setestrelo. Logo procedeu a bautizar ó seu personaxe con ese mesmo nome latinizándoo, Septemsiderus, por ser o portador das sete estrelas.
- o nome do protagonista
- a súa marcada relixiosidade
- o número dos seus fillos (identificados por esta coincidencia numérica coas estrelas)
- o rol de emisarios dos fillos, idéntico ó dos anxos (emisarios, en grego) representados como estrelas na visión de Patmos.
A ESPADA - O GUERREIRO
AS SETE IGREXAS - AS SETE FUNDACIÓNS EPÓNIMAS
* * * * * * *
CONCLUSIÓNS
* * * * * * *
O SETESTRELO NO ESCUDO DE GALICIA
* * * * * * *
martes, 8 de agosto de 2023
Fontes arcaicas da lenda de Setestrelo
Procederes improcedentes
Fai oito anos publicara neste blog unha interesante novidade sobre o mito fundacional máis antigo da Gallaecia (v. Hijos de las estrellas) conservado nun folio do chamado Códice de Roda do século X. Ata entón (2016), ninguén reparara en quen era realmente o protagonista masculino da Lenda de Septemsiderus.
- Para o seu primeiro editor, Juan Gil (1971), o texto non era máis que unha composición enigmática e disparatada, e a única aclaración que facía sobre o nome do protagonista era que tiña "resabios astrológicos evidentes". Traducíao como "Siete planetas", ligando o númeral 7 ás sete cabezas de Xerión. Engadía que o nome podería "encubrir alguna denominación popular". E así é, como se verá.
- Por su parte, Díaz y Díaz (Visiones del Más Allá en Galicia durante la Alta Edad Media, 1984) tras explicar o nome de Septemsiderus cecais en relación co de Septa (Ceuta) nos seus primeiros traballos, voltara neste a fornecer unha nova tradución, "siete estrellas", cuxo número aludiría ós fillos do personaxe; sen máis consecuencias.
- Patrik Lesbre ("Mythes d'origine préhispanique et historiographie médievale - Mexique central, XVIe siècle", en Les Généalogies imaginaires, ed. P. Ragon, 2007) repite as observacións de Gil no que atinxe á tradución ("7 planètes"), ás connotacións astrolóxicas, e ás sete cabezas da hidra morta por Hércules.
Como se ve, había unha completa desorientación e atasco epistemolóxico que non pasaba de ver no nome, como moito, resabios astrolóxicos (planetas e estrelas). Ningún investigador foi quen de averigüar, ata que publiquei eu no meu blog a entrada "Hijos de las estrellas" no 2016, que a tradución directa ó galego do nome Septemsiderus era Setestrelo. Unha vez dito semella doado e ata evidente, si, pero hai que velo primeiro.
Dita tradución latín-galego, da miña autoría, abriu un novo horizonte na eséxese do texto, no que atinxe as seguintes liñas de investigación que esbocei entón:
1. A relación do nome coa constelación das Pléiades, chamadas Setestrelo en galego-portugués. E tanxencialmente a relación coa lenda da Pita cos pitiños de ouro.
2. A relación deste mito fundacional de Gallaecia co nome que lle damos ó escudo de Galicia (Setestrelo), por levar tamén as sete cruces (estrelas) que representan as sete antigas provincias.
3. A posible orixe priscialianista (gnóstica, neoplatónica) da Lenda de Septemsiderus, que me levara a establecer a nosa orixe mítica, como pobo, nas estrelas; o que se anuncia xa dende o título do meu traballo ("Hijos de las estrellas").
4. A valoración positiva do noso primeiro mito fundacional, que deixou de ser un "disparate" típico dos cronicóns para se converter nun mito astral ou cosmogónico.
Anos despois publiquei un resumo do achádego no artigo "Dindshenchas, lendas etiolóxicas toponímicas ou A1617 (“Origin of Place Name”). Da etimoloxía toponímica á mitoloxía da paisaxe" (SAGA. Revista Dixital de Investigación, 2022, px. 32-41).
Na Internet non hai, a data de hoxe, ningún outro traballo que amose que a tradución de Septemsiderus é Setestrelo. Se un procura estes dous termos non atopará máis que a entrada do meu blog.
Pois ben, con motivo do pasado día do patrón Santiago Apóstolo, publicouse un avance dixital, e de distribución limitada, dunha edición crítica da Lenda de Septemsiderus, verquida ó galego e ilustrada: Setestrelo. Fundador das primeiras cidades galegas. Pode verse aquí https://t.co/fjptDjCs5f
Tanto nos contidos que acompañan á tradución, como no desenvolvemento do aparato crítico (observacións e notas), os dous autores manifestan que a tradución de Septemsiderus como Setestrelo é descubrimento seu, amáis desenvolven pola súa conta as catro liñas de investigación (v. puntos 1 a 4) que esbozara eu no 2016, parafraseando ou glosando os meus contidos sen citarme.
Neste seu avance dixital referéncianse investigadores que teñen un peso específico nos estudos da lenda, como Juan Gil ou Díaz y Díaz, e investigadores que veñen un pouco a rechear a lonxitude do texto, como podería ser Lesbre. Isto é, cítase ata ó que asou a manteiga menos a min, a investigadora que deu co quid da "composición enigmática", grazas á cal foi posible comprender o alcance da lenda de Septemsiderus, xa bautizado dende aquela e para sempre como Setestrelo.
Exeria a estreleira. Fontes arcaicas da lenda
O conto folklórico como base das crónicas medievais
viernes, 23 de diciembre de 2022
O baile do Sol - cursus Solis
Nos tratados de astronomía medievais representábanse os tres soles con estes semircírculos de cores, o Sol de inverno ou hiemalis, cun corto percorrido ou cursus, o Sol equinoccial, cun percorrido maior, e o Sol de verán ou aestiuus, o que percorría a maior distanza.
Coas estreliñas estamos a marcar os ortos e ocasos do Sol na súa respectiva época do ano. Coa liña grosa de lápiz que une os tres semicírculos tomámonos a licencia de trazar a viaxe completa do Sol, que xa adopta a forma gráfica dun labirinto, motivo amplamente representado nos nosos petróglifos da Idade do Bronce, e que, seguramente, estea a plasmar o movemento do Sol tal e como se concebía na antigüidade. Este movemento ou danza solar circular que dá volta sobre se mesma para logo cambiar a dirección de xiro pervive no mito do baile do Sol do noso folklore da mañá de San Xoan - solsticio de verán, outra data importante do curso do astro.
Segundo os agrimensores romanos, existían pedras de límite que seguían o curso do Sol "qui Solis cursum sequuntur"; con elo poderían referirse á orientación solar dalgunhas pedras de término, ou cecais a debuxos grabados nelas, que ben poderían ser os grabados de labirintos.
Felices festas solsticiais!
sábado, 23 de abril de 2022
A trabe de ouro e a trabe de alquitrán
Os límites do mundo na xeografía mítica de Galicia
Case cincuenta anos despois de que Antonio Blanco Freijeiro formulase o reto que moveu ó profesor Fernando Alonso Romero á escritura do seu artigo "El folklore gallego sobre la viga de oro: su origen y significado" (Anuario Brigantino, 2009), o enigma segue, ó meu ver, sen se resolver totalmente.
A escueta análise de Blanco Freijeiro fora a seguinte: na "leyenda que habla de dos trabes o vigas enterradas, la una de oro y la otra de azufre, carbón o asfalto [...] tenemos ya nítidas alusiones al Infierno y al eventual fin del mundo que esas vigas sostienen. Las dos vigas, como sugiere Isidoro Millán, pueden tener relación con el mitologema céltico de las dos columnas que soportan el cielo" ("Petróglifos de Pontevedra", Bellas Artes, 1975, nº 42).
O profesor Alonso Romero, nesta única exégese ampla sobre o mito galego, quédase curto (xa o di el mesmo, que o seu traballo naceu antes de tempo):
- Fornece moita información sobre o mito, mais limitada ó tema da trabe ou viga de ouro, desligándoo do da grade de ouro, có obxecto, semella, de reducir o mito da trabe exclusivamente a Galicia para cadrala coa súa hipótese da orixe sueva da lenda: "la gran mayoría de las leyendas sobre la viga de oro se encuentran en la zona norte de Galicia [...] y que sepamos ninguna en Portugal [...]; tampoco encontramos estas leyendas en el folklore salmantino, ni en el extremeño". "Es una leyenda que se encuentra exclusivamente en una zona del Noroeste de España en un territorio en el que se establecieron pueblos germánicos; sobre todo los suevos en el siglo V d.C.".
- Entre as posibles explicacións á orixe do mito que enumera, adica o máximo espazo argumental á que filia o mito dentro do mitoloxema da árbore como pilar do mundo, axis mundi ou pilar cósmico, coñecido como Irminsul entre os saxones ou Yggdrasil (o freixo) na mitoloxía nórdica. "Aquí se rindió culto al árbol Iggdrasil, probablemente debido a los suevos que ocuparon el extremo noroeste de España".
- Non adica nin unha soa mención ás famosas Columnas de Hércules no seu estudo, no que, no apartado referente ós pilares cósmicos, rexistra: as Columnas de Roldán (Alemania), as Columnas de Thor (Suecia), as Columnas de Athelstan (entre os saxóns), o monte Atlas (entre gregos e libios), o monte Teide (na mitoloxía guanche é sustentador do ceo), as Columnas de Xúpiter (na Galia e Inglaterra), o pilar Skambha (na India). Evidentemente, a ausencia podería xustificarse por non seren as Columnas de Hércules propiamente pilares sustentadores do ceo, senón límites do mundo: os marcos de Hércules.
A nós parécenos que a orixe da lenda galega da trabe / grade de ouro, limitada á fachada atlántica da Península Ibérica, con epicentro no seu extremo noroeste, ten que ver precisamente có milenario mito das Columnas de Hércules, situadas segundo as fontes históricas máis antigas no lonxano occidente da ecumene, nun punto indeterminado do Atlántico que ben puido ser o Finisterrae galego, o que explicaría o arraigamento do mito nesta zona e, por suposto, o propio topónimo Fisterra. Pero... que eran as Columnas de Hércules na antigüidade?
Grades ou trabes?
Fernando Alonso Romero non inclúe as lendas da grade de ouro no seu estudo por ter a palabra distinto significado, e atopar que os contos sobre as grades e as trabes van asociados a lugares diferentes: mentras que trabe significa "viga" e as súas lendas vencéllanse sobre todo ós outeiros e castros (seguindo a Taboada Chivite), grade (e aquí fornezo a definición do diccionario da RAG, porque a do profesor está errada) alude a unha "ferramenta de labranza, con forma de grella (cadrada) de madera ou ferro, e con dentes na súa parte inferior, para desfacer os terróns", e as lendas das grades de ouro aparecen ligadas sobre todo, segundo o profesor, a simas, pozos e ríos.
Nós consideramos que ámbolos dous son termos equivalentes dentro da topografía da xeografía mítica. Trabe gardaría o significado de viga, marco ou columna; mentras que grade conservaría mellor a cara significante, ó ser presuntamente corrupción ou adaptación do vello nome que tiveron as Columnas de Hércules na antigüidade: Cades Herculis ou Gades Herculis. Obxectos ou elementos míticos que, como veremos, non se sabía moi ben que eran nin onde estaban, mesmo na máis remota antigüidade.
Tendo esta prevención en conta, podemos ver que a lenda máis antiga sobre a trabe de ouro non é a que recollera George Borrow nos Ánxeles de Brión (segundo Alonso Romero); é, en realidade, a do achádego dunha grade de ouro nun outeiro (non na esperable sima ou pozo). Fora no Outeiro da Nossa Senhora dos Milagres de Pedrogão Grande (preto de Coimbra) segundo indicou Miguel Leitão de Andrada no século XVII: "Como o gago da torre, que dizia achara naquelle outeiro de nossa Senhora dos Milagres huma grade de ouro mociço" (Miscellanea do sitio de N.Sa. da Luz do Pedrogão Grande, Miguel Leitão de Andrada, 1629).
As Gades de Hércules en Galicia
Ranulph Hidgen no século XIV explicara como o nome de Gades / Cades aplicárase a moitos dos pilares que sinalaban os límites do mundo que non se podían ultrapasar, en lembranza dos primeiros que puxo Hércules en Gades. O cal pode ser certo ou non. Chama moito a atención a proliferación de Gades / Cades nos mapas medievais: nun deles marcáronse ata os catro puntos cardinais como Gades Herculis, Gades Alexandri, Gades Varacis e Gades Gamel (Conquest Landmarks and the Medieval Word Image, Stephen McKenzie, 2000); noutro mapa figura Gades Liberi Patris (Gautier Dalché, "Mappae mundi antérieures au XIIIe siècle dans les manuscrits latins de la Bibliothèque nationale de France", 1998).
As Columnas de Hércules xa eran lenda ou mito en tempos de Platón (s. IV a.C.). Segundo o filósofo, foran creadas por Hércules cando separara Europa de África, no mesmo terremoto que provocara o tsunami que asolagou a Atlándida. Vese que o mitoloxema e antíquisimo pois intégrase na mitoloxía ctónica da formación do mundo, na que Hércules asumía o papel de creador da forma do mundo, como os Titáns ou os nosos Mouros (xigantes). A lenda de Platón enlaza tamén coas das nosas cidades asolagadas, situando o nacemento do mito da Atlántida na nosa costa.
Máis tarde, Estrabón, respecto da localización das Columnas, indicaba que algúns pensaban que eran os promontorios que forman o Estreito, mentres que outros crían que estaban en Gadeira, e outros, que estaban máis aló de Gadeira ("está claro, polo pasaxe de Estrabón, que a ubicación orixinal das Columnas nunca se coñeceu" - McKenzie, px. 127).
Ben sexa porque na Idade Media chegou a usarse o termo Gades / Cades para nomear xenéricamente todos os límites do mundo, como indicaba Hidgen, ou ben porque se perdeu case totalmente o coñecemento da ubicación da Gades Herculis en Galicia, o caso é que algunhas poucas fontes sitúana no noso país.
- Iohannes Ganivetus no século XVI fala de que Hércules en Hispania formóu un consello de expertos astrónomos a carón do mar, e que baixo a liña eclíptica solar mandou erixir una alta torre, á que chamou Gades; esta torre aínda permanece, e é chamada polos habitantes Le Castel Pharaont, ou a Torre de Hércules (Amicus Medicorum, 1614).
- Na chamada Crónica Pseudoisidoriana (século X) que semella versionar a Orosio, fálase dun Altum Petron situado no segundo ángulo da Península que forma Galicia; ó que os autores chaman Gades Herculis e está orientado cara Britania.
O mito da trabe / grade de ouro como mitoloxema cósmico
sábado, 17 de julio de 2021
A danza da Vella que creou o mundo
Dende que Fernando Alonso Romero nola presentara no seu traballo "Las mouras constructoras de megalitos" (Anuario Brigantino, 1998), poñendo de relevo a súa relación con outras figuras mitolóxicas europeas, como pode ser a Cailleach irlandesa, sabemos que a nosa Vella foi a deusa que creou o mundo, a natureza. Polo folklore conservado no país tambén coñecemos as súas facetas de fiandeira (como as Parcas ou Moiras tecen o destino humán), construtora das primeiras obras arquitectónicas conservadas na historia da humanidade (os megálitos galaico-portugueses) e nai nutricia. Segundo os testemuños recollidos polo profesor, este ente nos seus avatares de Vella, Moura ou Virxe, leva as pedras cobertoiras dos dólmenes na cabeza ó tempo que fía na roca e da o peito a un meniño. Dun xeito semellante, a Vella irlandesa tambén transporta pedras para construir os cairns, aínda que o fai no mandil ("Tailtiu, la constructora de megalitos", Arqueotoponimia, 2018). Estas vellas tiñan que ter unha forza tremenda!
Podería parecer que o retrato desta deusa nai esgotouse aquí. Pouco máis sabiamos dela, senón pequenos trazos que incidían no devandito: por exemplo que tambén é a dona do tempo ("Partir a Velha", Arqueotoponimia, 2021) e os fenómenos atmosféricos (Cristobo de Milio Carrín: La creación del mundo y otros mitos asturianos, 2008), de aí o nome tradicional de "arco da Vella" que recibe o arcoiris. Aínda que tiñamos moita información, sempre incidía nos mesmos aspectos.
Máis nun manuscrito da BNE (Voces gallegas, de Usoz y Río, Mss/7208) atopamos unha cobriña sobre ela que a singulariza como deidad danzante, como a Kali hindú (Kali, "a oscura" = Cailleach). Observamos que ten que ser ela, pois a máis de ser moi vella, continúa facendo varias tarefas a un tempo, dúas xa ben coñecidas: preparación da materia que vai ser tecida (fiar - ensarillar - nobelar), amamantar ó meniño:
"Unha vella vella bailaba,
ensarillaba e vendía viño,
e co pé pechaba a porta,
e daba a teta ó pequerrechiño"
Das novas tarefas, é a da danza (cun pé levantado, movemento que agora se reinterpreta como impulso para pechar unha porta) a que reviste unha relevancia extraordinaria para comprender quen foi a Vella.
Vásista, un dos sabios máis importantes do mundo védico, na súa obra Yogavásista describe a Kali como unha divindade celeste que mentras baila crea o mundo, que vai emerxendo do seu corpo coa danza. Aínda na narración de Vásista a deusa Kali non ten as connotacións negativas que lle imporá o cambio de paradigma por outro no que o seu paredros masculino (Shiva) acapara a función creadora. É ela, segundo Vásista, o inmenso corpo do cosmos; coa súa enorme forza sostén a Terra cos seus océanos, illas, bosques, desertos e montañas. Ela crea e mantén o mundo co seu baile (Living landscapes, de C. Key Chapple, px. 58-60).
Unha vez que Shiva desbancou á Vella, o estudo do mitema da danza cósmica creadora e mantedora do mundo acadou o seu máximo esplendor ó vencellala Carl Sagan coa teoría do Big Bang: a danza de Shiva reproduce o ciclo de creación, evolución e destrucción do universo, "gústame imaxinar que estas imaxes profundas e esclarecedoras son unha anticipación das teorías astronómicas modernas" (Cosmos).
Evidentemente o da nosa Vella (Kali, Cailleach) é un mito moi elaborado sobre a creación do mundo, do universo, do cosmos, e da súa posta en funcionamento polo movemento. O movento ou danza cósmica terá un ritmo musical, un latexo que escoitar coa tecnoloxía moderna, aínda que non o percibamos totalmente.
Tamén o cosmos (o fillo da Vella) terá unha estrutura, cecais aproximada á que tece a súa vella nai cos fíos que vai preparando.
Cando o cosmos pare de moverse quedará inerte, morto: "é moi probable que o universo se estea expandendo dende o Big Bang, máis non está totalmente claro se continuará facéndoo para sempre" (Carl Sagan, op. cit.). Non é de extrañar, polo tanto, que un mito sobre a creación do universo anticipe modernas teorías astronómicas, que ó final non son tan modernas como parecen.
Pola nosa parte, desexamos que a Vella siga a bailar por sempre, tecendo, destecendo e voltando a tecer novos mundos, como as nosas avoas, que nos facían un xersei distinto con la doutro vello. A materia non se crea nin se destrúe, só se transforma.
Falta da habelencia de Fernando Alonso Romero, tedes que conformarvos con este debuxo da Vella bailando, ensarillando, pechando a porta co pé e dando de mamar ó meniño. Faltábame un brazo máis para que vendese o viño, e por iso tivo que quedar simbólicamente reflictido nun tonel. Alonso Romero deixaba tan tranquilo ó recén nacido agarrado el mesmo ó colo, e así quedaba a moura cunha man libre para soster a pedra, máis iso é inverosímil, non pode ser! Tampouco podemos dotala de máis brazos, como ás divindades hindús.
Cronoloxía
Fernando Alonso Romero establece unha cronoloxía aproximada para o ente mitolóxico da Vella ó facela descender das deusas nai neolíticas do Mediterráneo. A Vella, para o autor, é precéltica e cecais preindoeuropea. Nós, pola contra, ó amosar que a Vella e Kali son a mesma divindade, sostemos que ámbalas dúas proveñen dunha divindade feminina anterior (a Deusa Nai paleolítica) que evoluíu en zonas tan afastadas adquirindo progresivamente distintos atributos propios do xénero feminino ó longo das épocas. Kali non ten fuso nin roca o que implica que a Deusa Nai da que parten ámbalas dúas tampouco os tiña, logo semella que estamos ante unha divindade preneolítica que descoñece o fiado e os tecidos.
A cronoloxía do Rigveda, que reflicte crenzas transmitidas oralmente moi anteriores ó momento en que se puxo por escrito (sendo Vásista un dos seus autores), fíxase en torno ó 5.000 a.C. (segundo Harmatta, apud S.S. Misra en "The Indo-Aryan Controversy: Evidence and Inference in Indian History", ed. Bryan e Patton, 2005).
Movémonos, pois, nun momento (en torno a fai uns 7.000 anos) post quem produciuse un cambio de paradigma, co neolítico, cecais debido a acumulación de produtos e á necesidade de control dos excedentes e a poboación, mediante o cal a divindade feminina preagraria dotouse das connotacións negativas que se engaden ós símbolos arcaicos que xa non se consideran útiles. Xurde, pois, o patriarcado (Shiva asumirá os roles de Kali). Máis no testemuño de Vásista perduraba aínda a importancia das deusas nai antes de se producir o cambio paradigmático; nel cómprobamos que efectivamente non só existiron as tan discutidas deusas nai prehistóricas, senón que tambén foron desbancadas polos seus paredros masculinos.
O viño
Aínda que non sabemos que significa o motivo do viño (simbólicamente, o sangue dun sacrificio ou bebida ritual para achegarse a un estado de conciencia alterada?), é importante suliñar que non é unha casualidade atopalo nas dúas. Tanto a nosa Vella como Kali manipulan dalgunha forma a bebida alcohólica; Kali a sostén nunha das súas mans e a Vella a expende.









