lunes, 28 de diciembre de 2020

Immram desde Estrela Escura - Navigatio ab Stella Obscura

Entre 1465 e 1467 o barón Leo de Rozmithal viaxou por Europa e chegou a Santiago de Compostela e a Fisterra (ó santuario da Nosa Señora da Barca), deixándonos como testemuña as curiosas anotacións da súa viaxe, escritas en latín. Impresiona a forma en que conclúe a visita ó fin do mundo: "baixo o templo exténdese un longo pago que se chama Finis Terrae, xa que a partir de alí só existe a auga do océano, cuxos límites non coñece ninguén máis que Deus".

E sen embargo... nos anais portugueses -continúa Rozmithal- gárdase a memoria dunha viaxe extraordinaria. Paso a ofrecer un dixesto desta viaxe por mar que nos detallou Rozmithal; é unha aventura case que descoñecida (non hai estudos sobre ela), o que me resulta increíble, xa que forma parte do escaso conxunto dos interesantísimos immrama célticos ou navigationes cara ás illas do Paraíso, como a de San Brandán ou a de Mael Dúin.

Navigatio ab Stella Obscura (Leo de Rozmithal)*

Non se precisa cando, máis do Reino de Portugal saen tres naves abastecidas con todo o necesario para un gran periplo de catro anos, cada unha cunha tripulación na que había doce notarios ou escribas, encargados de apuntar calquera dato relevante das exploracións que se ían efectuar sobre as rexións incógnitas. Tras navegar dous anos, chegan a unha paraxe mariña de tebras na que se perden dúas semanas. Ó saíren da néboa topan cunha illa, e toman terra nela. Alí ven construcións subterráneas cheas de ouro e prata, e sobre as casas, hortas e viñas, como na Galia. O tempo que pasan na illa é dunhas tres horas. Logo deciden partir sen levar nada da illa, porque non saben que podería pasar se collesen algunha cousa... A navegación pronto vese interrumpida por un gran fluxo mariño que se eleva ata o ceo, e que deixa ver rochas e montañas [cecáis unha catarata que verte ó mar?]; dúas naves deciden explorar o fenómeno para dar conta ó Rei, e a outra agárdaos, máis ó ver que nuns días non dan aparecido, danos por mortos e voltan a Lisboa. Alí non son recoñecidos polos seus familiares e achegados, están moi envellecidos, co cabelo branco; é un feito miragroso, pois só fai dous anos que saíron do porto como mozos de vintaseis anos, e agora teñen o cabelo cano como as árbores no inverno, xeadas as súas copas.

Entón son interrogados polo Rei, que desconfía deles por se fosen uns piratas que lle roubaran as naves. Pero danlle tantos detalles da expedición e das instrucións que tiñan encomendadas (como a de facer as anotacións relativas á expedición) que o Rei xa non ten dúbida, ó escoitalos, de que son os mariños que partiron desde Stella Obscura. O relato que lle fan ó Rei é básicamente igual ó que vimos de resumir, máis aparece algún dato novo, como a lonxitude da illa (tres millas de longo), o feito de que a illa estaba deshabitada, que ó regreso, antes de chegar ó gran fluxo mariño, teñen que pasar de novo pola rexión das tebras, e que o ruído que se escoitaba ante a grande columna de auga do fluxo mariño era similar a un bramido ou muxido.

[Da edición das Viaxes de Leo Rozmithal publicada en Stuttgart, 1843, pxs. 88-91]

Deixo para os expertos nas navigationes cara ás illas do Paraíso o desenrolo dos ítems propios deste xénero: o feito de que o tempo no Paraíso transcorre de forma distinta que no mundo (apenas tres horas na illa son moitísimos anos no mundo, tantos que os mariños son uns vellos cando voltan), que os obxectos que se poidan traer do Paraíso son inestables no mundo (no immram de Trezenzonio apodrecen, e neste, os mariños non ousan coller nada pola mesma razón), a columna de auga (A Viaxe de Mael Dúin), as viñas (como na mítica Vinland das sagas nórdicas), etc.

Só vou determe no nome de Stella Obscura, que é o que Rozmithal emprega para referirse a Fisterra. No traballo de Serafín Moralejo sobre o mapa do Beato de Osma e a súa relación có immram de Trezenzonio indícase que a Isla do Solsticio do mapa de Osma é a Insula Magna Solistitionis de Trezenzonio,  e non é outra cousa que un punto de referencia na Terra para o percorrido solar, un punto que no mapa vai arrodeado dunha cartela (confundida logo cunha illa).

"Solitio Magna" na cartela fronte a Gallaecia.
Mapa do Beato de Osma. (C) Wikipedia.

Estes puntos cósmicos ou astronómicos (ortos, ocasos, solsticios, equinocios) foron coñecidos como ianuae caeli ou portas solares. Nesta liña, parécenos ver na denominación Stella Obscura unha motivación orixinada tambén pola observación do percurso solar. Entón, segundo a hipótese de Moralejo, ó Paraíso nas creencias da antigüedade accederiase por unha destas portas cósmicas, logo non era unha illa (Serafín Moralejo, "El mundo y el tiempo en el mapa del Beato de Osma", 1992).

Recreación das portas solares coas entradas ó Paraíso onde o sol se poñe e sae nos solsticios e equinocios; no centro, o fluxo mariño que chega ó ceo; abaixo, vivendas subterráneas e viñas. (C) Andregoto Galíndez, 2020.

*Xosé María Ferro Formoso atopounos unha tradución completa ó castelán nos Viajes por España, traducidos, anotados e cunha introdución de Antonio María Fabié (1879, pxs. 104-109). O editor engade a única observación que teño visto sobre a lenda: "Esta leyenda es curiosa, pues da cuenta del espíritu que reinaba en la época en que Rosmital visitó a Portugal, espíritu que fue causa de las expediciones a la India, y luego del descubrimiento de América".

No hay comentarios: