Mostrando entradas con la etiqueta fitotoponimia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fitotoponimia. Mostrar todas las entradas

miércoles, 10 de diciembre de 2025

Cereixo e Toroño (Gondomar)

Partindo destes dous documentos nos que se acoutaba ou se doaba Santa Baia de Donas (Morgadáns - Pontevedra) pode afirmarse que o topónimo histórico Toroño (Toronio / Turonio nos documentos medievais) fora un hidrónimo paleoeuropeo, da coñecida base hidronímica *TUR- (cfr. por exemplo o nome do río Turia), procedente da raíz *TER-, "frotar, romper por fricción, perforar".

1. "Cauto uobis ipsam uillam predictam Sanctam Eulaliam per ipsos terminos suos ex una parte per montem de Gereiso et inde quomodo descenditur ad riuum de Torno et exinde per riuum de Minor (Santa Baia de Donas, 1149).
2. "in Tornio Sancta Eolalia cum Sisnandi et Gerasio medio" (Celanova, 942).

Semella que dende o Alto do Cereixo o límite de Santa Baia de Donas continuaba polo río de Torno [mormente escrito como Toronio nos documentos medievais], actual río Folón, ata a súa confluencia co río Miñor. Aínda na folla catastral perviven os microtopónimos Torno e Camiño de Torno no punto no que o Folón se incorpora ó Miñor.


No galego o substantivo torno mantivo as seguintes acepcións hidronímicas: "golpe de agua que sale con fuerza por alguna parte estrecha", "chorro fino de agua", "agujero para que salga ese chorro", "espita, caño", "lugar donde se divide el agua para diferentes fincas" (cfr. dicionarios de Carré Alvarellos, Eladio Rodríguez, Franco Grande, ou Eligio Rivas).

Pola súa parte, o actual topónimo Cereixo, que se espalla dende o Alto do Cereixo á Chan do Cereixo, e que tamén nomea un río (do Cereixo ou da Briña) da vertente sur do monte, que vai dar ó Miño, non tería que ver con cerdeira algunha xa que as formas medievais Gereiso / Gerasio apuntan a unha base hidro-oronímica *GER- "frotar, machacar, triturar", que se aplica "tanto a corrientes de agua fuertes que ‘frotan, trituran, desgastan’ como a lugares en que se aprecian signos de desgaste en el terreno o en las rocas" (M. Cortés Valenciano: "La naturaleza lingüística de la terminación -be en la toponimia del Alto Aragón", Alazet, 2023), ou á base hidronímica paleoeuropea *GAR- estudada por Francisco Villar (cfr. o nome do río Garona ou o topónimo Xerona: "El Garona y sus iguales", Paleohispánica, 2011).

miércoles, 25 de septiembre de 2024

Os Xarotos

 

Portela e Coto dos Jarotos. (C) Minutas cartográficas do IGN.

Entre Fornelos de Montes, A Lama e Avión sitúase o Coto dos Xarotos, moi preto do foxo do lobo de Pigarzos, nun entorno de gandeiría tradicional de alta montaña, marcado pola presenza de vellos currais para o gando, chozos de pastores, mámoas e algunha "Pedra da Letra". No Dicionario de dicionarios o termo xaroto vai aplicado a persoas hurañas, de carácter áspero, insociables. Algo semellante ocorre co asturiano xarotu ou xarouto, "torpón, atolondrado".

Pois que existe como termo específico, pódese descartar a hipótese de Paula Ballesteros, que indica que Xarotos é un fitotopónimo, derivado de xaro: "aro, planta arácea de raíz tuberculosa e feculenta ou tamén Saramal, que se podería identificar co nome común da Diploxatis catholica L., planta crucífera de flor amarela moi común entre os cascallos" ("A paisaxe gandeira na Serra do Suído", El Museo de Pontevedra, 62, 2008).

Nunha ruta de Wikiloc, Tralos pasos do lobo (2023), os seus autores, Eri e Edu, consideran que o topónimo indicaría que alí se gardaban os animais máis bravos. Aínda tendo en conta que revisaron o dicionario para cadrar bastante ben a súa explicación, temos que desbotar a proposta dos animais salvaxes, pois no Dicionario de dicionarios vese que o sustantivo aplícase exclusivamente a persoas, como en asturiano.

Polo tanto na nosa opinión o topónimo Os Xarotos máis ben contén unha micro-lenda relativa á existencia no lugar dunha pequena comunidade de homes salvaxes (huraños, esquivos, insociables); lembranza de antigas poboacións de pastores neolíticos, sempre en conflito coas novas sociedades agrarias, que se consideraban a si mesmas máis civilizadas. Estes xarotos serían como o ieti do Himalaia, críptidos lendarios, cecais vestixio de razas do pasado, cecais simples criaturas mitolóxicas, como os mouros.

domingo, 18 de febrero de 2024

Arcillá e Campo da Matanza

Sobor da recente presentación dos novos campamentos romanos descobertos polo colectivo Roman Army na provincia de Lugo ("Entre valados e piñeirais. Achegas arqueolóxicas ao coñecemento da presenza militar romana na Galicia nororiental", Boletín do Museo do Castro de Viladonga, 2024) chamamos a atención sobre a metodoloxía empregada, baseada exclusivamente na análise de imaxes do terreo ("diversas técnicas de detección remota" como "conxuntos de datos xeoespaciais en Sistemas de Información Xeográfica": imaxes aéreas e de satélite, e xeración de modelos dixitais a partir dos datos LiDAR).

Estamos en condicións de afirmar que toda a información obtida deste xeito debe contrastarse sempre, cando menos, coa que se obtén da análise da toponimia da contorna e da consulta da documentación antiga dispoñible. Como exemplo do que poden aportar á investigación os devanditos factores imos centrarnos no caso do posible campamento romano que o colectivo localizou na Costa (Arcillá - Cospeito). Segundo os autores, o recinto identificado é, case con completa seguridade, un campamento romano ("fiabilidade alta" segundo a escala que empregan). Mais entre seguridade absoluta e "fiabilidade alta" hai unha diferenza que pode despexarse coa metodoloxía multidisciplinar que convén utilizar sempre.

Unha consulta sobre a folla catastral na contorna oeste do campamento da Costa - Coto de Montoucido (Arcillá) revela o microtopónimo Porto Romao no vao do Támoga, un claro indicador da filiación da vía de comunicación que daba servizo ó asentamento romano, que quedou fosilizado na toponimia.

Outra consulta a unha fonte documental primaria, como pode ser o Catastro de Ensenada, amosa a existencia do que se vían / interpretaban como Castelos, na zona do Coto de Montoucido, entre a necrópole tumular: "de hallí sigue al [marco] da Modorra Grande, de allí a la Modorra de Mama, Castelos, de allí al Carvalliño, de allí al río Támoga, y por el agua avajo hasta el sitio de Bico Aguillón" (CE - Parroquia de Arcillá, século XVIII).


Temos, polo tanto, máis base para afirmar que o de Arcillá é un asentamento romano (campamento, segundo o colectivo) non estacional, pois desenvolveu na súa contorna unha vía de comunicación estable, no vao do Támoga, así como un topónimo, Castelos, que indica tamén a existencia dun recinto fortificado murado (doble muro, cecais) máis que provisional.

Pola súa parte, o topónimo Arcillá (documentado como "Arciliana" no 1038 - CODOLGA) neste contexto colonial romano, podería provir do latín arx, arcis, "fortaleza, cidadela", en referencia ó campamento, ou ben do latín arca, que en latín tardío tería designado un recinto delimitado, pechado por unha empalizada. Arca tamén aparece vencellado ás terras coloniais centuriadas ou ben ó ager arcifinius, unha remodelación do parcelario de orixe romana.

Respecto do ager arcifinius son moi interesantes as consideracións que resume Castillo Pascual, pois o termo tivo importantes connotacións militares: algúns autores consideran que o ager arcifinius "es un territorio situado fuera de los muros, limitando con los pueblos vecinos y sirviendo de baluarte defensivo contra éstos en caso de una eventual invasión; [otros] a relacionarlo con arx, baluarte guerrero en la frontera; o a definirlo como la frontera de un territorio". Estas precisións terminolóxicas encaixarían coa estratexia militar de penetración y control dos territorios fronteirizos que se lles presupón ás instalacións do exército romano ("Ager arcifinius: significado etimológico y naturaleza real", Gerión, 1993).

Noutro dos casos dos posibles campamentos romanos que presenta o colectivo Roman Army, no Campo da Matanza (O Cávado - Baleira), limitámonos a sinalar que a lenda que indican, "relatos sobre unha antiga batalla neste campo, que se sitúa durante o reinado de Alfonso II", ven motivada seguramente por unha reinterpretación popular do topónimo, que non ten que ver con matanza algunha, senón cun derivado en -ANTIA do sustantivo prerromano MATA, "monte baixo", tal e como amosa a existencia de uceiras no lugar, sendo porén un fitotopónimo.

sábado, 30 de septiembre de 2023

Buxán, un derivado de buxo

O estudo e preservación dos peches ou sebes vexetais da paisaxe galega aínda é un tema pendente. Na Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (Xunta de Galiza, 2017) o espazo que se lles adica non é moito, sendo, pola contra, a súa importancia para a paisaxe galega, máxima, como destacara o xeógrafo francés Abel Bouhier na súa tese doutoramento (La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire, 1979).

Os peches vexetais conforman a chamada paisaxe de bocage, propia da Europa atlántica, segundo a nomenclatura empregada polo francés. A súa extensión ocupa grande parte da provincia da Coruña (zona rosa e verde auga clariño do mapa, na que se mestura coa paisaxe de agras). Trátase dunha tipoloxía tan peculiar e chamativa como a da paisaxe de socalcos para o cultivo da vide da Ribeira Sacra, pero completamente descoñecida. A xente non a coñece porque, polo uso de sebes vexetais, a confunde coa paisaxe natural galega. E en certa forma teñen razón: grande parte de Galicia é (ou foi) así, dende tempos tan recuados que semellaría que a súa paisaxe natural ab origine foi a dos recintos pechados con sebes vexetais. 


A abordaxe do estudo da Galicia de bocage tería que incluír evidentemente as especies vexetais seleccionadas para facer os peches tradicionais, o modo de dispoñelas, os modelos de dispersión xeográfica (se hai tendencia a usar unhas ou outras especies segundo a zona), clasificación funcional dos recintos valados con sebes vexetais, outros aproveitamentos das especies vexetais seleccionadas (usos alimentarios, madeira para combustible, etc.). No estudo tería que se destacar a importante contribución á biodiversidade da paisaxe de bocage. Complementariamente, un estudo da toponimia podería reforzar o de dispersión xeográfica e ata descubrir que no pasado a paisaxe de sebes vexetais, tivo unha extensión maior tal e como supoñía Bouhier.

Para o caso do topónimo Buxán, que normalmente se considera un derivado do antropónimo Busianus, nós pensamos que é un derivado de buxo (Buxus sempervirens). As formas femininas en -án, como amosara Constantino García ("Resultados del sufijo -ANA en gallego", Verba, 1975), son propias do galego do bloque occidental: así do latín medium > meán (Vilameán, vila que está no medio). Un destes femininos en -ÁN sería por exemplo o Buxán de Coristanco (Seavia), próximo precisamente doutros feminos en -ÁN como Vilameán (Seavia) e Silván (Erbecedo). O fitotopónimo Buxán aludiría a unha vila pechada por sebes de buxo, como Silván a unha vila na silva (latín silva = bosque, mato).

Máis difícil é o Buxán de San Pedro de Bande (Ourense), lixeiramente fora do bloque do galego occidental (femininos en -ÁN), pero que no pasado puido ser parte del. Mais este non é o único inconveniente, xa que Ourense queda hoxe completamente á marxe da xeografía do bocage galego que deseñara Bouhier. Tería a paisaxe de bocage unha dispersión case que absoluta pola nosa xeografía?

Castro de Buxán (San Pedro de Bande). O microtopónimo Castro do parcelario garante que a orixe de Buxán é un antigo recinto habitacional da Idade do Ferro.

martes, 17 de enero de 2023

A Fieira

Dino tódolos dicionarios, fieira é un cordel ou liña (derivado do latín filum, "fío"), así que non ten nin tivo nunca nada que ver co feo (foenum), que é a hipótese que manexaran Piel e Gonzalo Navaza na súa tese de doutoramento sobre a fitotoponimia de Galicia. Como cordel ou liña, na toponimia, poderá estar vencellado a antigas delimitacións territoriais, o mesmo que o liniolo (de liña, non de liño) que aparece na documentación de deslindes de Celanova e na de Coimbra:

  • ano 950 (Celanova): " inuenimus aliam sic lapideam archam, et gradientes pro liniolo et muliones fictos inuenimus in lapidem sculbtos burgarios" = vimos a unha arca feita tamén de pedra, e seguindo polo liñó e unhas pedrafitas atopamos nunha pedra uns petróglifos de coviñas ou círculos concéntricos...
  • ano 982 (Celanova): "et feret in cima de uilla ad alio laco maior per suo liniolo ubi iacit efigiem hominis sculpta in petra que testificat de laco in laco. et inde per suos moliones firmissimos" = e leva a *Cimadevila a outro lacus maior polo seu liñó onde está chantada unha pedra labrada coa figura dun home, que fai de testigo dende un lacus ó seguinte, e de alí, polas súas pedrafitas ben chantadas...
  • ano 1092 (Coimbra): "vadit ad illas petras, super Porto Manso, et transit illum rivulum Sur et vadit per illud fundamentum quod vocant Liniolum" = vai as pedras de sobre Porto Manso e pasa o río Sur, e vai polo fundamento que se chama Liñó...
  • ano 1181: "et per Patronum, per Rauoyra uedra et per Lignoo per castrum de Portas quomodo diuidit per Iuncariam".

O fundamento dunha delimitación territorial é pois a liña ou trincheira que a demarca (como os ditch británicos: cfr. o Offa's Ditch que separa Gales de Inglaterra). Este mesmo sentido terá o topónimo Fieira ou A Fieira, como liña de demarcación territorial formada por unha trincheira e os distintos elementos mencionados na documentación medieval aportada, xeralmente arcas (dólmenes), pedrafitas, pedras con gravados, lacus (lagoíñas de montaña, ou cecais outro tipo de petróglifos, como pías cadradas), e estelas antropomorfas.

Ó topónimo tamén podería aludir a unha estrutura enfiada do parcelario, ou a unha cadea de cumios (v. Cordal, Cordón, Cordeiro) como no orónimo Sierra de la Filera (León).

Diferente orixe ten o topónimo Frieira, do latín frigidaria, "lugar onde vai moito frío".

domingo, 25 de diciembre de 2022

San Breixo

O topónimo céltico Berísamo, documentado na epigrafía da Gallaecia, é un superlativo formado coa base preposicional UPER, "sobre, enriba", mailo sufixo de superlativo celta -ísamo. Significaba "o que está máis enriba, o superior". Na Idade Media foi latinizado como Veríssimus, o que lle proporcionou de paso unha falsa etimoloxía ou vencello co latín verus, -a, -um, "verdadeiro, veraz; - o máis sincero". Logo de latinizarse, completou a súa transformación coa conseguinte cristianización como Sanctus Veríssimus > Sambreixo (Láncara) ou San Breixo (varios lugares e advocacións inspiradas polo topónimo: na Fonsagrada, Monterroso, etc.), desprovistos en xeral do marcador de grao superlativo. Aínda que se conservan algúns casos nos que o seu carácter de falso haxiotopónimo resulta máis evidente, como no Beresmo de Avión, e os Bréixome de Rairiz da Veiga e Cuntis - Pontevedra, ó ir sen o adxectivo San.

Normalmente atoparémolo asociado ós recintos fortificados en altura da Idade do Ferro; estruturas habitacionais características dos celtas galaicos. A súa grande dispersión por toda Galicia dá conta do carácter céltico da antiga toponimia do país, e porén da lingua nativa, o que é aínda discutido a pesares das evidencias lingüísticas. Neste sentido, resulta moi relevante o feito de explicarse a evolución do *UPER- cara *VER- pola perda do p característica das linguas célticas: segundo Curchin está moi ben "documentada la perdida de la oclusiva labial indoeuropea /p/ en las lenguas célticas. En el caso del celtibérico se citan generalmente, como muestras de este fenómeno, *pari > are-, *uper- > uer-" (Curchin: "P indoeuropeo en celtibérico: nuevos ejemplos", Habis, 2002).

 Castro de Sambreixo en Láncara.

En xeral pode descartarse que estes topónimos Breixo sexan fitotopónimos, pois de aludir ó arbusto chamado breixo, "uz", terían forma abundancial, tipo Breixoeira ou Breixal, como Uceira e Uzal.

domingo, 18 de diciembre de 2022

Ourego

Entre as parroquias carballesas de Artes, Rus e Ardaña sitúase o Castro da Forca ou de Antelo (por existir nel un marco de límite parroquial). Agora vimos de atopar no Catastro de Ensenada (de meados do século XVIII) un outro nome do mesmo recinto: Castro de Ourego (v. delimitación da parroquia de Ardaña). Ten un considerable valo dobre que o circunvala, que ó noso xuicio é o que orixina o topónimo Ourego; nome que en principio non tería que ver coa pranta comestible chamada ourego, que adoita botárselle ó tomate da pizza.


Trataríase dun derivado do latín auris, que o glosario de Du Cange define como ansa, "asa", e esta, á súa vez, como circulus, "aro". Semella máis apropiado considerar o topónimo Ourego, xunto con Ourela, derivados de auris, non de ora, "borde, límite", pois este novo étimo xustifica o diptongo ou, procedente do grupo latino au.

martes, 15 de noviembre de 2022

Congo e Abeleiras (A Garrida, Verís - Irixoa)


Moi preto da Garrida e a igrexa de Santa Marta de Verís (Irixoa) localizamos vestixios, na microtoponimia, de ter existido un castro. O correspondente terrádego adicado á gandeiría descúbrese nos microtopónimos Abeleiras e Revoltas. Do primeiro aínda non temos falado: vense considerando dentro dos fitotopónimos, mais no contexto castrexo, que require a existencia de peches adicados ó gando nas inmediacións dos asentamentos, ben podería ter sido un derivado do latín avillus, "año, cordeiro" (de Vaan: Etymological Dictionary of Latin and the other Italic Languages, 2018). Polo tanto, o topónimo non proviría do latín abellanaria, "árbore que produce abelás", e si do latín avillaria, "predio onde pastan e se gorecen as ovellas".

Neste sentido, partir de documentación como "uiam qua itur ad Abellariam et ad Sar" (s. XII) para suxerir que a caída do -n- intervocálico foi previa á simplificación da xeminada -ll-, non sería procedente, posto que o máis probable é que a microtoponimia do tipo Abeleira proveña de avillaria, non de abella(n)aria.

O topónimo Congo (tamén Os Congos en Piúgos - Lugo), pola súa parte, fornece información importante para sustentar esta hipótese. O máis probable é que proceda do latín colonicum (1) derivado de colonia, "granxa, establecemento rural agropecuario ocupado por un colono". Nestas colonias de orixe castrexo, pois que prolongan a estrutura do terrádego e o sistema económico de aproveitamento desenvolto na Idade do Ferro, criábanse ovellas, coma sinala Parcero Ouviña no seu estudo sobre as paisaxes castrexas: as cabanas máis representadas no mundo castrexo eran a vacuna, a ovicaprina e a porcina, sendo a ovicaprina a que fornecía principalmente carne e lácteos para a alimentación, así como un abono de gran calidade para os cultivos; o consumo de carne e lácteos de vacún seguramente fora un luxo antes do fin da Idade Media ("Elementos para el estudio del paisaje castreño del noroeste peninsular", Trabajos de Prehistoria, 1995). Notamos que Parcero Oubiña esquécese de mencionar a importancia da la das ovellas para confeccionar roupa de abrigo. O romano Plinio falaba incluso dun tipo de ovellas chamado "genus colonicum", ás que diferenciaba das que pola noite se gardaban na corte (genus tectum).

Seguramente o Conxo de Santiago de Compostela teña sido tamén un *Colonicum > Congo / Congho, hipergaleguizado como Conxo, mellor que un *Canonicum vencellado ós coengos.

(1) V. p. ex. Pere Caner: "L'origen del nom de Calonge", 1981.

jueves, 1 de septiembre de 2022

Feal, Feais, Feáns... fitotopónimos?

Ó menos dous casos recollidos por Navaza na súa Fitotoponimia Galega, na entrada adicada ós topónimos derivados de feo (latín fenum), dan para pensar que non se trata de fitotopónimos:

  • O Marco do Fial - paraxe non habitada en Sarreaus e Vilar de Barrio
  • Serra do Fial das Corzas, que serve de límite ós concellos de Vilariño de Conso e Laza

Doutra banda, na documentación medieval o termo fenales aparece en contextos de delimitación nos que se mencionan marcos e petróglifos:

  • "est ipsa hereditate conclusa in omnique giro per suos terminos antiquos id est per fenales iusta domus Catoni et inde ad Causelio et inde per Fouea Uentuosa" (ano 947)
  • "per illos padrozelos de fenales super portum lagenoso, et inde per petras scultas, et scriptas" (ano 988)
  • "deinde ad summum uallis ex alia parte dos Lagarelos ac postea per fenale de Cabreira, deinde in directum ad cabezam de Foioo" (ano 1134)
Estes últimos exemplos dan para pensar, sobre todo, que uns termos antigos ou uns padrocelos (marquiños) non poden estar constituídos por feo.

Baixada das greas dende o Marco do Fial (Sabucedo). (C) Teima, 1977.

Nun vello artigo sobre a rapa das bestas de Sabucedo descríbese o camiño de baixada das greas de cabalos (griñóns) cara ó curro tras pasar, de novo, un marco chamado do Fial (Teima. Revista galega de información xeral, nº 32, 1977). O escritor e profesor Calros Solla infórmanos amablemente de que no Marco do Fial ou do Feal atópase unha necrópole tumular composta por varias mámoas; o lugar é límite entre as parroquias de Quireza (Cerdedo) e Codeseda e Sabucedo (A Estrada) e forma unha "tripla e inmemorial estrema" ("A destrución da necrópole do Marco do Feal", Faro de Vigo, 28-03-19).

Como explicar estas ocurrencias atípicas? Na nosa opinión estariamos ante un novo caso de homonimia ou confusión, moi frecuente na toponimia, desta vez entre o latín fenale (derivado de fenum, "feo") e o latín finale (derivado de finem, "fin"). É coñecido o uso por parte dos agrimensores romanos das lapides finales, ou de termo, para demarcar o territorio segundo a gromática; disciplina á que se supón unha orixe etrusca mais que debeu ser común na Europa, como amosa a dispersión dos megálitos de termo.

Tal e como podemos ver na fotografía, semella probable que dende tempos recuados se tiña desenvolvido nestes territorios liminais (finales) unha actividade cinexética, ou ben ligada ó aproveitamento do gando e bestas semisalvaxes que tiñan o seu hábitat neles. Así pois, ata resulta axeitado considerar que a homonimia se teña producido entre fenale (de fenum) e algún termo indoeuropeo previo (prehistórico) proveniente da base *wei-, "hunting ground", de onde xurden tamén os termos latinos venatio ou venare, relacionados coa caza. Desta mesma raíz indoeuropea con alargamento en nasal é de onde tira Matasovic a etimoloxía dos Fianna, as bandas de xovens cazadores irlandeses da Idade do Ferro (Etymological Dictionary of Proto-Celtic, 2009).

Resulta interesante que o Feá de Toén, ó que Navaza non atopa cabida no conxunto de topónimos derivados de fenum, se teña documentado, segundo atopamos, como "Fiana Ripa Minei" (ano 918), suxerindo unha etimoloxía semellante: o indoeuropeo *wei-, "terreo de caza", mais tamén, en estreita conexión semántica, "límite".


domingo, 21 de agosto de 2022

Pé de Mende / Pena de Mende: un orónimo e un hidrónimo paleoeuropeo

Edelmiro Bascuas remitía os topónimos estreitamente relacionados co amieiro á base hidronímica *AM-, "cauce", e entreles citaba Mindelo en Vila do Conde (Portugal) documentado como "Minitelo" (964) e "Aminitello" (1025). O a- inicial de Mindelo teríase perdido nun proceso de fonética sintáctica, ou simplemente pola súa atonicidade, xa que aquí non é posible aducir que se considerou artigo, como ocurreu no caso do río chamado "aqua de Ameneta" (1130) que evoluíu a A Meda (Castroverde - Lugo), ó non coincidir o xénero feminino do suposto artigo (a) co do sustantivo (Mindelo). A forma "Minitelo" é relevante para entender as primeiras mencións do río Mendo como "Minuete".

Pouco despois o profesor Juan José Moralejo, talvez suxeito ó xuramento hipocrático tácito de seguir á raia a hipótese dos nomina possessoris contra toda evidencia, considerou que o nome do río coñecido nas primeiras documentacións como "Minuete", teríase substituído polo nome dun posuidor chamado Mendo: "en la margen derecha del río Mendo tenemos un Mende con todas las trazas de remontarse al genitivo Menendi para aludir al possessor del territorio, también aludido, quizá, en el orónimo A Pena de Mende, cercana a Bandoxa". Aparece entón o Hermenegildus, de onde xurde Menendus e Mendo (como amosara Pidal), o suposto propietario das terras que daría nome a Pé de Mende ou Pena de Mende, e ó río Mendo segundo Moralejo. Mais non todo o que remata en -e é un nome persoal en caso xenitivo, pois hai usos do xenitivo que implican relación e non posesión.

Voltando á hipótese hidronímica, desta vez baseada nun étimo latino, mais congruente co exposto por Bascuas, o profesor Porto Dapena explicaba que o topónimo Neda podería provir de *Am(e)neda, un derivado del latín amnis, "río". Neda sería, polo tanto, unha *ameneda ou "terra ribeireña situada ó longo dun río".

Navaza, aínda que dende un punto de vista fitotoponímico, di que a etimoloxía de amieiro pode ter parentesco co latín amnis, "río", que Rivas Quintas remonta á raíz *am- / *ab-, "auga".

Así pois, non hai que teimar nos nomina possessoris se hai evidencias, e neste caso hainas, que apuntan noutra dirección. Nesta selección de documentos vese a evolución dos hidrónimos dende as formas plenas Ameneta e Ameneda cara a forma Mende. O xenitivo de relación nunha secuencia como *aqua Amenete, tería  favorecido a perda do a- inicial de Ameneta por fonética sintáctica, ó ser absorbido polo -a final de aqua.
  1. Ameneda rivulo 787
  2. aqua de Ameneta 1005
  3. ribulo Ameneda 1016
  4. aquam de Menede 1061
  5. aquam de fluuio de Meende 1218
Pé de Mende, e non como aparece na cartografía, Pena de Mende, coa expresión "pé de" = "a carón de" (v. dicionario de Carré Alvarellos), é a variante que lle escoitamos ó noso informante, Santiago, e cadra coa situación de Pé de Mende preto da ribeira, non nela exactamente; atópase no límite das parroquias de Bandoxa e Regueira, ambas pertencentes ó concello de Oza dos Ríos. No Catastro de Ensenada aparecen marcados os límites con nomes tan suxerentes como "Pena Escripta" e "Pena da Cerva", indicativos da existencia de petróglifos.

A primeira parte do topónimo Pé de Mende tambén podería ter a súa orixe na palabra prerromana alpe, "monte", cuxa evolución en galego *aupe, favorecería a segmentación da primeira sílaba considerada como contracción da preposición "a" máis o artigo "o": *Aope de Mende - O Pé de Mende - Pé de Mende. O mesmo tería pasado con Pé de Meda ("Alpe de Meta") e outros orónimos semellantes do país.

Bibliografía

- Edelmiro Bascuas: Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002.
- Juan José Moralejo: "Mandeo, Mendo y Miodelo", Anuario Brigantino, 2002.
- Álvaro Porto Dapena: "Principios de toponimia: os casos de Neda e Xubia", Revista de Neda, 2006.
- Gonzalo Navaza: Fitotoponimia galega, 2006.

viernes, 15 de julio de 2022

Punxeiras e Carboeiras


Negativos da extracción da turba en O Castro (Bermui - As Pontes de García Rodríguez) sobre o letreiro có nome do terreo, As Carboeiras. (C) Visor PBA, capa do Voo Americano de 1956-57.

Sospeitamos que o microtopónimo Punxeiro, como As Punxeiras, non ten que ver coa planta chamada poexo, de escaso ou nulo aproveitamente no noso país, nen sequera para botarlle ó gazpacho, ó que lle dá, por certo, un gusto moi fresquiño. Esta proposta do poexo é a que se atopa en xeral na bibliografía, por exemplo: "o topónimo contén probablemente o resultado galego do latín pulegiaria, derivado de pulegiu ‘poexo, poexos’ (planta herbácea recendente de flores azuis ou moradas, propia de lugares húmidos). O significado de Punxeira sería ‘lugar onde abundan os poexos’ (Toponimia de Ames, de López Boullón).

En relación coa actividade extractiva de aproveitamento forestal que tivo lugar nas Carboeiras, a carón do Castro de Bermui, máis ben supomos que Punxeiro e As Punxeiras poderían ser derivados de punxa, "leña do monte" (nos dicionarios de Eladio Rodríguez e Franco Grande). Un Punxeiro ou unha Punxeira sería entón un terreo destinado a coller a leña do monte, porén comunal para uso dos veciños.

viernes, 1 de julio de 2022

Grises Vellas: os megálitos como templos


O amigo Manuel Ruibal ven de informarme de tres curiosos topónimos preto do miradoiro de O Cotro, no punto no que se dividen as parroquias de Campolongo (Negreira), Chacín (Mazaricos) e Matasueiro (Outes). Son Grises Vellas, ó redor dun campo de mámoas, Campo das Corres e Figueira Longa, este último seguindo o límite parroquial entre Campolongo e Matasueiro (marcado no Visor PBA coas liñas marelas).

Na nosa opinión é evidente que o microtopónimo Grises Vellas provén do latín ecclesias vetulas (igrexas vellas), en alusión ós dólmenes que se agochaban baixo os túmulos próximos do campo de mámoas de Banzás. O adxectivo "vellas" aplicado ás igrexas (dólmenes) remarca que as construcións daquela xa se vían moi antigas.

Unha das Grises Vellas. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Trátase dunha forma con despalatalización do son fricativo palatal xordo (x > s) e cunha terminación feminina plural en -es, tendencia na zona que ven corroborada pola existencia do topónimo veciño As Corres (tamén un feminino en -es). O feito de terse considerado popularmente os dólmenes como igrexas foi frecuente noutros países do noso ámbito; de feito algúns foron reutilizados como capeliñas, como o caso das antas-capelas portuguesas. Así, na Francia o topónimo Monstoir / Moustoir* (en bretón ten a acepción de "chapelle" = capela) aparece ligado ás veces a dólmenes. En Galicia non tiñamos ata o de agora evidencias de que se tiveran usado estas denominacións para os megálitos, como se fosen edificios relixiosos ou templos; había suposicións, máis non podiamos aseguralo. 

Respecto a Corres, neste contexto arqueolóxico podemos propor como hipótese que se trata do feminino de corro, forma que indicaría un maior tamaño. Corro é definido por Eladio Rodríguez como:
  • Corro, círculo que forma la gente para hablar, cantar o bailar, o para ver algún espectáculo
  • Juego de niñas, que comúnmente se llama RODA.
Volveriamos, entón, a acepcións que vencellarían o lugar á existencia de megálitos, corros ou rodas formados por pedras, é dicir, cromlechs, chamados por exemplo Chorea gigantum (corro dos xigantes: nome dado a Stonehenge na Topographia Hibernica do Giraldus Cambrensis).

Seguindo có contexto arqueolóxico megalítico, frecuentemente asociado ós límites territoriais, como é o caso, revélase que o topónimo Figueira Longa, tal e como sospeitaba o xeógrafo Pedro J. Ripoll Vivancos (2014, Higueruela: cuando la Higuera puede no ser un árbol, 2014), remite ó verbo latino figo, figis, figere, fixi, fixum, "atravesar", vencellado semánticamente ós límites territoriais, e de cuxo participio, nas dúas variantes coñecidas, proveñen os nomes que reciben os marcos nas linguas románicas: finsu en asturiano, fito en galego. Unha Figueira toponímica aludiría, nalgún caso como o que tratamos, a unha liña de fitos de demarcación, a un aliñamento de marcos ou menhires, e non á árbore (latín ficaria), o que explicaría a presenza do adxectivo "longa".

Temos pois nun mesmo lugar un completo conxunto de arqueotopónimos do eido do megalitismo: Grises Vellas (dólmenes), Corres (cromlechs) e unha Figueira (aliñamento).

domingo, 20 de marzo de 2022

Freixo dos Avogados (Gadamil - Oroso)

Coñécese o costume celta de ter os brehons, os homes de leis da Irlanda, as súas asambleas ó ar libre nun tipo especial de recintos chamados raths, situados nos outeiros. No estudo de FitzPatrick trátase deste punto, e tamén da simboloxía do freixo como árbore sagrada, bile, que adoitaba plantarse nestes recintos de función xurídica nos que tiñan lugar as cerimonias de entronización dos chefes dos clans (v. Royal Inauguration in Gaelic Ireland C. 1100-1600: A Cultural Landscape Study, 2004). O bile, xa o temos visto no blog, era un símbolo da xenealoxía ou da estirpe do clan.

Freixo dos Avogados, xunto do castro da Revolta do Castrexo (Gadamil - Oroso).

Parécenos ter atopado a pegada toponímica que deixaron os nosos brehons no microtopónimo Freixo dos Avogados, xunto ó castro da Revolta do Castrexo, en Gadamil (Oroso). Segundo pensamos, non se trataría dunha motivación banal do topónimo, é dicir, dunha leira chamada Freixo, propiedade dun bufete de avogados, que sei eu... de Santiago, por exemplo, ou dunha familia alcumada así. Temos que analizar o nome no seu contexto, tendo en conta a súa situación preto do castro e que o freixo foi unha das árbores sagradas da cultura céltica que adoitaba vencellarse ós brehons (ós avogados, se queremos actualizar o termo) e ós emprazamentos dos parlamentos e dos recintos asamblearios onde tiñan lugar as eleccións dos chefes.

martes, 22 de febrero de 2022

Espiñeira

 

Fotografía do Voo Americán de 1956-57.

Parcelario disposto en forma de espiña; feito que motiva o nome do lugar de Espiñeira (Sistallo - Cospeito). Neste caso non se trataría, pois, dun fitotopónimo.

O mesmo sector no Voo Americán de 1945-46.

Nota do 27/2/22:
Nos comentarios á entrada un lector anónimo apunta que no Voo Americán de 1945-46 o parcelario non ten ese aspecto, como ben pode observarse na segunda imaxe, capturada da fonte indicada. Dita forma en espiña de peixe foi, polo tanto, resultado da concentración parcelaria do franquismo (iniciada na Terra Chá en 1950) tal e como sinalan dous lectores. O topónimo Espiñeira, entón, semella ter valor fitotoponímico, ou cecais aludir á certa vertebración das parcelas entre sí, que na fotografía de 1945-46 van percorridas por un camiño central en zig-zag que podería actuar como dorsal.

viernes, 3 de diciembre de 2021

A Toxa, Gatañal, Pebidal: a toponimia do toxo

O Atlas Lingüístico Galego recolle entre os nomes e tipos de toxo: pebidal, mulario, mular, molar, molairo, melgo, manso, macho, gato, gatés, gateño, gateiro, gatañal, femio, femia, fema, de pebida, de gato, da Mariña, carapuchudo, can, cachal, bravo, brañío, brañego, blanco, besteiro, aznar, arnello, arnaz, arnau, arnal, albeiro, albariño e albar. A ter moi en conta para explicar topónimos como Pebidal, Pebideira, Gatañal ou Gatañeira como fitotopónimos.

O toxo gateño segundo Francisco Mª de la Iglesia é o mesmo que o carrasco ou besteiro ("Modismos", px. 19, Arquivo Galiciana).

Gatañeira xunto á Chousa da Toxa, no límite das parroquias de Santa María Madanela de Montemaior e San Pedro de Soandres, preto dos núcleos de poboación de O Pazo, Trixezo e A Orraca. 

Os topónimos se explican mutuamente: A Toxa é un colectivo de toxo, por estar destinada a chousa ó cultivo deste gamallo, e Gatañeira recibe este nome por estar sementada de toxo molar ou gateño (ulex minor), tal e como sinala Xosé Vidal Pérez (Catalogación toponímica do Concello de Laxe); porén non ten que ver cós gatos (animal), salvo no que atinxe ás espiñas, que poden arañar como un destes felinos.

Ó mesmo tempo, a identificación da toponimia do toxo fornece un testigo ou fósil director da existencia dos montes veciñais en man común, ó mostrar un dos aproveitamentos máis característicos destes.

Nesta familia fitonímica poderían entrar topónimos como Gateira, Gaiteira (por metátese), Gaiteiriños, etc. 

viernes, 20 de agosto de 2021

Sobreira: un falso fitotopónimo

 

Sobreira (Zas - Santa María de Gándara).

No medio dunha paisaxe agraria sinalada por toponimia redundante (Agra de Arriba, Agra de Abaixo), aparece nunha pequena elevación do terreo o lugar de Sobreira, que non pode ser un auténtico fitotopónimo, senón un composto da frase preposicional latina super agram, con evolución normal ó galego: sobre eira > Sobreira, que quedou fosilizado como nome de lugar propiciando a confusión có termo homónimo referido á árbore. A estrutura latina do étimo (non romance: Sobre da Eira), vencellado semánticamente á existencia de agras de cultivo, sitúa a agrarización masiva da paisaxe galega durante a romanización. A primeira documentación escrita "ad fogium de sobreira uentosa" (ano 1106 - Tui. Fonte: CODOLGA) amosa o topónimo xa formado como na actualidade, aínda que polo contexto podemos supor que designa un lugar situado no alto, super agram.

Castro de Gabenlle no lugar da Portela (Torás - Laracha).

En torno ó Castro de Gabenlle vemos variacións da frase latina sub illam agramSobaleira (1), que logo formará un plural gramaticalmente románico (Sobaleiras) para concordar có conxunto de terras denominadas así pola súa situación embaixo das agras, así como a forma Sueira < sub agram -- Sueiras. A morfoloxía latina da frase sub illam agram non deixa lugar a dúbida algunha sobre a existencia de agras na paisaxe que motivou o nome durante a romanización inicial.

(1) Rivas Quintas interpreta Sobaleira como provinte do latín sub (embaixo) + illa larea (Toponimia de Marín, 1982, px. 284).

sábado, 19 de septiembre de 2020

A propiedade sobre o territorio na Idade do Ferro: O Piñeiro

 

Complexo habitacional e gandeiro da Idade do Bronce - Ferro: Pazo e Castro de Meirás (O Piñeiro - Sada). VISOR PBA da Xunta de Galicia, Capa do Vóo Americán de 1956-57.

Notamos que moitos dos antigos pazos de Galicia, aqueles palatios neolíticos nos que na súa contorna se desenvolveu o seu complemento principal (o castro), levan o nome de Piñeiro / Piñeiros, ou ben se sitúan nun lugar chamado así no que non existen case nunca piñeiros (pinus sylvestris). Outros casos poderían ser o do Pazo - Castro de Piñeiro en Caamouco (Ares) e o complexo Pazo - Castro de Brates (Boimorto). Mesmamente, é tambén o caso do Pazo de Meirás (Miraflores - Sada), construído a finais do século XIX sobre unha antiga torre paciega do século XIV (microtopónimo Torrón).

Vella Torre de Meirás ou Granxa de Meirás, como adoitaba chamala Emilia Pardo Bazán, fotografada en 1870 por José Quiroga, o seu marido, antes de que ela decidise arramplar con todo para facer un pazo máis do seu gusto. Unha escea e unha ambientación que soubo reflictir moi ben a escritora na súa novela Los Pazos de Ulloa.

Isto é así porque o topónimo Piñeiro viría nestes casos do latín pignerarium, termo que pode aplicarse ó suxeito ("persona que ten en prenda un ben ou territorio"), ou ó obxecto ("ben ou territorio que se posúe en prenda"). Por descontado, o ben tido en prenda non é propiedade absoluta do seu posuidor e a súa utilización podería estar suxeita a algún tipo de contraprestación ó verdadeiro propietario: á comunidade castrexa, a un suposto señor feudal (se facemos recuar a institución da pignoratio á colonización sueva), ó estamento eclesiástico medieval, etc. Fáltannos datos para establecer o momento en que xurde a institución da pignoratio, mais era xa coñecida e practicada polos románs.

Trátase dunha forma moi primitiva de propiedade, case que natural, porque se dexerga que o territorio é un ben que non se pode posuir nun senso absoluto, de forma personal e privada para sempre. É por isto que lle supoñemos á institución da pignoratio unha datación no final do Neolítico, cando xurden os primeiros palatios ou apriscos gandeiros feitos polos pastores prehistóricos.

Unha outra característica dos bens tidos en prenda é que non se poden vender nin prestar nin doar. Voltando ó dereito consuetudinario prehistórico a venda, por enriba falsa, do Pazo de Meirás ós Franco é nula de pleno dereito.

sábado, 5 de septiembre de 2020

Fitas, figas e figueiras

"et inde ad petram Scriptam que est ad Figeiram de Sudres, et inde ad fontem de pomerio de Sudres, et inde ad unum marcum qui stat in cima de Bauza iusta unum carualum" (CODOLGA: Sobrado, s.d.). Xudres, A Cabana - Ferrol.

O xeógrafo Pedro J. Ripoll Vivancos, que temos xa citado no blog ó respecto do seu estudo sobre a falsa fitototoponimia do tipo Membrilleja (derivado en realidade do latín mamulilla, "pequeno túmulo, mámoa" > *mambrilla -> Membrilla, etc.), que non ten que ver cos marmelos (membrillos en castelán), sostén e amosa nun outro estudo de 2014, Higueruela: cuando la Higuera puede no ser un árbol, que este tipo de topónimos poderían remitir ó verbo latino figo, figis, figere, fixi, fixum, "atravesar", vencellado semánticamente ós límites territoriais, e de cuxo participio, nas dúas variantes coñecidas, proveñen os nomes que reciben os marcos nas linguas románicas: finsu en asturiano, fito en galego. Unha Figueira toponímica sería, entón, unha liña de fitos de demarcación. Neste senso a documentación galega aporta o uso sistemático das formas personais do verbo nos documentos de deslinde medievais. 

No documento de Sobrado que citamos ó principio, o contexto de deslinde pasaría, logo, por dous lugares denominados con falsos fitotopónimos: Figueira e Pomerio, este último tambén estudado no blog (Pomerium: paraíso y jardín) como falso fitotopónimo que non ten que ver coas maceiras (árbore). Nada máis lóxico, porén, que o deslinde percorra unha liña de marcos e se achegue ata o pomerio (área que circunda un asentamento) de Xudres sen traspasalo. Convén notar que o tratamento sintáctico de Figueira e Pomerio, xa topónimos, é distinto do que recibe o carballo que se menciona ó final, verdadeira árbore apresentada como nome común indeterminado.

Ó examinar os dous participios que coexisten no baixolatín fixum / fictum, poderiamos supoñer tambén unha forma bárbara *ficum, de onde *figo / figa e o seu derivado *figueira, "liña de marcos que percorre ou atravesa pola linde". A suposta forma *figo / figa recuperámola como real refacendo a etimoloxía do xesto coñecido polo nome de figa, que non tería que ver cos figos (froito), senón co feito de que nesta figura a mao pechada móstrase perforada (verbo figere), atravesada polo polgar, dunha forma que indica o que se desexa que lle dean ó interlocutor a quen se dirixe tal obscenidade.

Nun artigo de Eduardo Lence Santar publicado no diaro El Compostelano (30-3-1938) descríbese o campo de bolos, no que una pedra chamada fita ou fingueira marcaba o punto de saída dende o que se tiraba a bola.


No Catastro de Ensenada (parroquia de Sésamo - Culleredo) fálase dunha pedrafita de límite no monte de Figueiras.



jueves, 11 de junio de 2020

Hedrada / Edrada

HEDRADA: intercambio de posición de r-d desde el latín HEREDATA > hederata > hed(e)rada > Hedrada. Se trata de un adjetivo que califica a un término que se elide, como vila, terra, terreo “hedrado” (heredado). En el Tumbo de Celanova aparece un topónimo Hedrada ourensano registrado todavía como Heredata: “Sancto Iohanne de Heredata, territorio Caldellas” (año 995). Asimismo aparecen casos inequívocos de intercambio en la base de datos del CODOLGA: hederitario (1192). De forma sorprendente en portugués la hiedra, “hedra” en galego-portugués, del latín HEDERA, tiene también denominaciones con metátesis d-r > r-d, y se transforma en aradeira y heradeira (con sufijo derivativo -eira).

En gallego el verbo EDRAR también podría explicarse por esta metátesis r-d partiendo del latín HEREDARE, pues según el Dicionário Estraviz tiene semas compatibles con repartos y herencias:

(1) Igualar duas cousas de tamanho ou grosso.
(2) Compensar nas repartições o mau com o bom. Repartir com essa compensação.
(3) Falando de cancelas ou sebes da aldeia, repartir a fabricação ou conservação delas entre os vizinhos.

La especialización de la tercera acepción será responsable de numerosos topónimos (H)edrados y variantes. De ser cierto que EDRAR proviene del latín HEREDARE entonces habría que escribir en gallego *hedrar, pero este detalle es “pataca miuda”.

Roza do Mouro y Penadrada en Manide (Verís - Irixoa). Se muestra la relación entre las rozas (estibadas) y el sistema de reparto (edrada) del mantenimiento de sus cierres. 

En García Arias, Toponimia asturiana, figura el otro étimo que habitualmente se baraja para Hedrada, un derivado del latín HEDERA, “hiedra”. Este autor supone que el adjetivo HEDERATUS / HEDERATA, "coronado de hiedra", es el étimo de topónimos como Adráu, L’Hedráu, Los Hedraos, Adraos. Un documento medieval alude a un topónimo de Siero en estos términos: “in ualle Serio ecclesias Sancti Ioannis in Edratos” (ca. s. XII). El gallego conserva la -d- intervocálica, Hedrada, y el asturiano la pierde Hedra(d)os.

Para Bascuas, tanto Hedrada como el equivalente de ese Adraos asturiano, Adrados, también provendrían del latín HEDERA, “hiedra”.

Aún siendo posible esta alternativa, mi opinión es que la presencia de hiedra es un elemento menos motivador a la hora de crear un topónimo, frente al hecho, más relevante, de que la posesión haya provenido de una herencia, o de que los terrenos estén cercados y repartido el mantenimiento de los cierres entre los vecinos.

Otros autores echan mano de étimos todavía menos realistas, aunque fonéticamente viables. Para Adrados y Adraos se han propuesto el latín ATRATUS, de ATER, “negro”, o el latín ADORATUS, “adorado”; en este último sentido, Rodríguez Adrados señala que en toponimia los Adrados indicarían lugares sagrados.

En cambio, Hedra, Hedrosa y Hedreira, podrían explicarse por el latín HEDERA, “hiedra”, los dos últimos como abundanciales, lugares cubiertos de hiedra o donde hay hiedra.

También tenemos el topónimo Édramo con sufijo superlativo prerromano. Supongo que será una variante del adjetivo gallego ídramo que se usa para calificar a la vegetación exuberante de aspecto lozano y muy verde. Como simple sugerencia: de una posible base prerromana *ÍDR-, “verde”, saldrían Edra, Edrosa, Edreira (en este caso se escribirían sin h).

Texto publicado por mí en Celtiberia.net en febrero de 2008.

domingo, 17 de mayo de 2020

Nogueira

Planteamos la posibilidad de que tras la microtoponimia correspondiente a esta serie pueda esconderse el mismo étimo que origina el inglés nook (of land): "angular piece of land; a nook of land projecting into another district, parish or field". En la obra de Wilson (Interpreting Land Records) se define INHOC (con i- protética) como "nook or corner of a commom or fallow field, enclosed and cultivated"; asimismo se recoge en Du Cange como noca o nocha terrae.

Así pues, en el topónimo Nogueira y relacionados (Nogueiroa, Nogueirosa, Noceda) podría existir homonimia, con dos etimologías diferentes. La primera es la fitotoponímica, que remite al estrato latino: nucariam, "nogal", un derivado de nucem, "nuez". La segunda podría provenir del superestrato germano, un derivado de noca (terrae), "ángulo, predio que se proyecta en forma de cuña sobre otro territorio". Sería el caso, por ejemplo, de A Nogueira que localizamos en el extremo este del Castro de Bardaos (Tordoia), o As Nogueiras al este del Castro de Montouto (Abegondo).

De confirmarse esta propuesta estudiando mayor número de evidencias, el microtopónimo serviría para identificar nuevos yacimientos al designar cada uno de los remates cuneiformes del perímetro viario que rodea los asentamientos del Hierro.

La base que comentamos podría ser el étimo del gallego nocelo y noca do dedo (Franco Grande), "nudillo", un pequeño ángulo que forma la articulación de los dedos de la mano cuya principal acepción pudo haber sido de aplicación a la estructura del paisaje: articulaciones viarias, extremos del parcelario, etc. Prueba de ello, el topónimo Anuqueira / Anoqueira junto al Castro da Lagoa (Sobrado), con conservación de la oclusiva sorda. Por otra parte, la existencia de noz, "prominencia na gorxa, óso hioide", noca / nuca, "cerviz", y noca do dedo, "nudillo", nos obligan a considerar si todos los significados que estamos analizando relacionados con las articulaciones del cuerpo humano, así como los topográficos (ángulo, extremo, protuberancia), no podrían remitir al latín nucem, "fruto, nuez". En este caso, cabría añadir la serie Nogueira a la toponimia anatómica que estudia Xaverio Ballester ("Toponimia anatómica. ¡Cuerpo a tierra!", Liburna, nº2, 2009).

Castro de Santaia de Probaos (As Galanas - Oza-Cesuras). As Nogueiras nombra una parcela que forma un pico que se proyecta en el extremo noreste.

Castro de Chouso (Ortigueira). Al norte, donde se juntan los bordes del ámbito perimetral castreño, Nogueirido.