viernes, 3 de diciembre de 2021

A Toxa, Gatañal, Pebidal: a toponimia do toxo

O Atlas Lingüístico Galego recolle entre os nomes e tipos de toxo: pebidal, mulario, mular, molar, molairo, melgo, manso, macho, gato, gatés, gateño, gateiro, gatañal, femio, femia, fema, de pebida, de gato, da Mariña, carapuchudo, can, cachal, bravo, brañío, brañego, blanco, besteiro, aznar, arnello, arnaz, arnau, arnal, albeiro, albariño e albar. A ter moi en conta para explicar topónimos como Pebidal, Pebideira, Gatañal ou Gatañeira como fitotopónimos.

O toxo gateño segundo Francisco Mª de la Iglesia é o mesmo que o carrasco ou besteiro ("Modismos", px. 19, Arquivo Galiciana).

Gatañeira xunto á Chousa da Toxa, no límite das parroquias de Santa María Madanela de Montemaior e San Pedro de Soandres, preto dos núcleos de poboación de O Pazo, Trixezo e A Orraca. 

Os topónimos se explican mutuamente: A Toxa é un colectivo de toxo, por estar destinada a chousa ó cultivo deste gamallo, e Gatañeira recibe este nome por estar sementada de toxo molar ou gateño (ulex minor), tal e como sinala Xosé Vidal Pérez (Catalogación toponímica do Concello de Laxe); porén non ten que ver cós gatos (animal), salvo no que atinxe ás espiñas, que poden arañar como un destes felinos.

Ó mesmo tempo, a identificación da toponimia do toxo fornece un testigo ou fósil director da existencia dos montes veciñais en man común, ó mostrar un dos aproveitamentos máis característicos destes.

Nesta familia fitonímica poderían entrar topónimos como Gateira, Gaiteira (por metátese), Gaiteiriños, etc. 

4 comentarios:

Carlos dijo...

A Toxa da Arousa non é certamente un niño de toxos. Caetano Veloso en Manhatã describe como a Estatua da Liberdade ten 'uma tocha na mão' (léase á portuguesa, ch>sh=x, toxa). A illa da Toxa é a illa da antorcha. Como fachos, faros e lumes hai en moitos montes, con toxos ou sen eles.

Andregoto Galíndez dijo...

Certo, por iso falo de ter en conta a toponimia do entorno, no caso desta Toxa que comento paréceme claro que é un toxal, ó estar xunto doutra parcela adicada ó toxo gateño. Non vexo ningún inconvinte en considerar outros casos de Toxas como "tochas" (antorchas), de feito teño no blog unha entrada sobre o tema Atocha (A Tocha), máis sen identificar coas Toxas. Ben visto!

L. Masús dijo...

https://aldeiasdeordes.wordpress.com/2018/04/16/toponimia-gatuna/
Por se vos serve.
Un saúdo

Andregoto Galíndez dijo...

Moitas grazas! Pois se no lugar non hai toxo e temos un río preto, xa sabemos que será polas lontras.