Xa nos parecía que si, mais agora que atopamos o traballo de Cornelius Joseph Crowley (New linguistic data for Hispano-Celtic: an evaluation, 1981) está claro que o céltico arepennis dá alpendre, "alboio ou pendello". A evolución fonética está suxeita a novas leis, pouco ou nada exploradas, da evolución do céltico ó galego: vemos que o grupo nn ás veces evolúe a ndr (Spinno > Espindro).
Desta etimoloxía e dos sinónimos dedúcese que are-penn ou are-pend (con disimilación do grupo nn) ten que ver có cognado latino pendere ou colgar, pois é que o teito destas construcións propias do agro está sostido ou suspenso por uns postes. Are pode ser a preposición "ante" que se explica no Glosario de Endlicher ou, máis ben neste caso, forma do artigo ou presentador (v. bretón: Argoad, "o interior", e Arvôr, "a costa").
No Dicionário Estraviz fornécese a etimoloxía latina appendere (que segundo nós non sería máis que o cognado romano do céltico arepennis), e recóllense as seguintes definicións:
(1) Teito saliente por cima de uma porta, ou ao lado de uma parede, sustentado por pilastras ou colunas. alpendrada, cabanote, pendelho, palhota, alboio
(2) Lugar coberto rusticamente e pegado à casa, onde se guarda o carro e demais apeiros de lavrança.
Topónimo portugués
Alpendurada (equivalente ó galego alpendrada).
Na deriva semántica da palabra dende o céltico galaico ó galo é posible que adquirise a acepción de "medida agraria" que tivo nesta última lingua: alboio ou pendello -> patio no que se ergue o alboio -> extensión agraria determinada vencellada ó seu pendello.
Evidentemente o núcleo da palabra, penn, é o mesmo penn que tamén significou cabeza (teito, o que cubre, o que pende). Esta forma, como é ben coñecido, coexistiu coas variantes cenn / ceann (goidélico irlandés). Ámbalas dúas, con p- ou k- iniciais, proveñen da forma indoeuropea *kʷennos.
Ter en conta a alternancia de formas habilítanos para considerar os topónimos
Pintia e
Quintá como descendentes desta base *
kʷennos (non do numeral indoeuropeo
penkwe), cecais coa acepción agraria que estamos a ver, referida ás construcións dos alpendres e ós terreos ou patios anexos ó asentamento principal nos que se erguían estes. No artigo de Salvador Repiso Cobo, "
Pinza y Las Pinzas. Historia de un topónimo" (2017), atopamos un resumo do estado da cuestión, aínda que no seu corpus conta con topónimos como os Pinzás galegos, derivados de paínzo.
Elementos do conxunto castrexo de A Pinza (Sarria). Trátase seguramente da Pintia dentre os galaicos lucenses mencionada por Ptolomeo.
Vela (croa fortificada no Ferro, latín vigilare, "vixiar")
Pacio (vello núcleo gandeiro orixe do asentamento, indoeuropeo *palatiom, "peche gandeiro neolítico coa vivenda do pastor")
Castro (fundo ou territorio adscrito a un asentamento, indoeuropeo *k̂es-, "cortar, parcelar, dividir")
A Pinza (alpendre ou construción auxiliar das tarefas agrícolas).
No hay comentarios:
Publicar un comentario