Repasando unha vez máis a última bibliografía sobre a controvertida etimoloxía de mundus, "mundo", concretamente o estudo de Simona Georgescu ("The world as a yawning gap", en Words and Sounds, 2019), có obxecto de aclarar o significado último da nosa toponimia en -monde / -mundi, que non consideramos derivada de antropónimos xermáns, topamos con que no relato da fundación de Roma mediante o rito etrusco do trazado por parte de Rómulo dunha trincheira circular, foi este valado o que recibiu o nome de mundus, segundo o relato de Plutarco.
Semella que na inscrición de Talaván (Cáceres), Munidi Eberobrigae, podería aludirse a unha destas trincheiras circulares excavadas no chan, un oco sacro ou mundus, que constituiría o pomerium dunha cidade, do asentamento de Eberobre. A forma feminina munidi condúcenos entón a outra etimoloxía que ten que ver có cognado latino munire, "protexer, fortificar". Ó tempo, a testemuña epigráfica amosa o carácter prerromano do termo; antigüidade máis que suficiente para garantir unha base que explica a toponimia en -monde / -mundi como prerromana, e considerala sen dúbida de carácter fundacional.
A explicación que fornece Georgescu, que tenta fiar todas as acepcións de mundus a partires dunha única base etimolóxica, por deriva semántica, dende a que considera máis antiga (o sentido de "abertura, pasaxe" que existe nas linguas xermánicas: munda, mouth) non nos parece apropiada, pois a máis antiga terá que ver coa raíz indoeuropea MEI(3)-, que é da que xurde o latín munire, "protexer, construír un valado ou defensa, fundar).
Parécenos máis probable, entón, que do primeiro sentido, "trincheira circular, defensa, fundación", se teña pasado ó de "subterráneo, abertura no chan, galería, pasaxe", e que ó mesmo tempo se teña chegado a unha acepción de "sacro, limpo, puro" pois orixinalmente a trincheira delimitaba un espazo de carácter sagrado, e finalmente, á idea de "mundo, cosmos", que viría dada por ser o lugar de habitación por antonomasia dun grupo humán determinado, pequeno ó principio, e que vai aumentando ata englobar toda a Terra como fundación circular.
No hay comentarios:
Publicar un comentario