Mostrando entradas con la etiqueta antroponimia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta antroponimia. Mostrar todas las entradas

sábado, 11 de julio de 2026

Fragunde e Freigonde

Fragunde (A Laracha) e Freigonde (Carral) son topónimos de orixe xermánica, provintes do nome feminino Fradegundia, que tería sido a dona das terras. O antropónimo aparece con bastante frecuencia no noso corpus medieval, dende o "Fradegunda deouota" ("a devota Fradegunda", ano 898 - Cuntis) ata o "uxor mea Fradegundia" ("a miña muller Fradegundia", ano 1126 - Lourenzá). Segundo Ana Boullón Agrelo o nome está formado polas raíces xermánicas FRAD, "intelixencia, espíritu", mais GUND, "loita". O significado literal do nome propio sería aproximadamente "a do espíritu combativo" ou "a intelixente na loita". Pode deducirse que o nome sería moi acaído para unha muller guerreira ou pertencente a unha sociedade moi militarizada como a xermánica.

O lugar de Fragunde da Laracha sitúase moi preto do castro pequeno de Montes Claros, A Mota, na parroquia de Vilaño. O Freigonde de Carral coñecémolo grazas ó avó de Manuel Ruibal, o señor Pepe do Curro, que garda na súa centenaria memoria o nome do Rego de Freigonde, que pasa moi preto do castro de Herves (parroquia de Beira), e nace nunha leira chamada Freigonde (na folla catastral aínda consérvase o microtopónimo). A forma Freigonde esta moito máis próxima ó etimo, máis conservada: tras perderse o -d- intervocálico por lenición, o diptongo de *Fraegonde pecha o seu segundo formante e a iode resultante inflexiona a vogal precedente - Freigonde.

Na esquina inferior dereita, a leira de Freigonde na folla catastral do Visor PBA.

A proximidade ós castros de toponimia formada con nomes de posuidores de orixe xermánica é unha constante que chamara a atención de Nicandro Ares. Tanto Manuel Ruibal coma eu mesma preguntámonos se os primeiros asentamentos suevos en Galicia non se terían formado en torno ós castros, ben co obxectivo de dotar de continuidade ós antigos centros de poder territorial pola relevancia que tiñan para a poboación, ou ben coa intención de manter baixo control os puntos estratéxicos, como asentamentos, mananciais, recursos (lugares onde se localiza a gran maioría da toponimia formada cos nomes dos posuidores xermánicos), o que probaría que á chegada dos colonos suevos (século V) a poboación autóctona vivía aínda mormente no ámbito dos recintos fortificados da Idade do Ferro.

lunes, 8 de diciembre de 2025

Mougá e Malucanes

O topónimo Mougá dá nome a dous lugares contiguos das parroquias de Doniños e Esmelle (Ferrol) e ten correspondencias cos de Mougán (Guntín) e Mougás (Oia). Para Elixio Rivas e Fernando Cabeza Quiles estes topónimos, xunto cos de Mogor, Mugardos e outros de empezo semellante, provirían da base preindoeuropea *mok / muk, "prominencia" (Toponimia de Galicia, 2008). 

Nós xa temos presentado etimoloxías diferentes, tanto para Mogor < xenitivo plural latino monacorum, "dos monxes", como para Mugardos < morgados, con metátese do r. Polo que respecta a Mougá, Mougán e Mougás pensamos que moi posiblemente proveñan do nome propio feminino Malucca ou Maluca documentado na Idade Media no Tombo de Sobrado como orixe do topónimo zamorano Malucanes, forma que semella un xenitivo en -anis tomado da casuística xermánica; aínda que como nome propio xermánico Maluca sexa descoñecido, o caso xenitivo singular en -anis da declinación xermánica dos rematados en -a no nominativo aplicouse por analoxía a varios nomes que non tiñan esta orixe.

Así pois, do xenitivo analóxico de Maluca - Malucanis formouse o nome do actual despoboado zamorano de Malucanes (Benavente). Na opinión de Riesco Chueca, Maluca sería un antropónimo de orixe árabe: "Elías Terés interpreta Maluca como hipocorístico femenino derivado de mâlik, con el significado de poseedor" ("Nuevas conjeturas de toponimia zamorana", Instituto de Estudios Zamoranos Florián de Ocampo - Anuario 2008). Independentemente de cal sexa a orixe do nome propio feminino Maluca, e sendo posible que houbese xentes procedentes da zona musulmana da Península, na evolución fonética da lingua galega na Idade Media un termo como Malucanis dá perfectamente Mougás ó perder o -l- e o -n- intervocálicos sobre o século IX, evoluír o ditongo resultante au a ou e sonorizar -c- > -g-. 

Polo que respecta a Mougán (Guntín) e Mougá (Doniños e Esmelle), cremos que serían topónimos procedentes da forma masculina Malucanus, formada a partires do nome femenino Maluca. Do xenitivo latino de Malucanus - Malucani sairía Mougáni, que perfectamente tería evoluído a Mougán / Mougá.

viernes, 7 de noviembre de 2025

Abenzá e A Valenzá

Como indicara Xosé Ramón López Boullón no seu traballo sobre a Toponimia de Ames, o topónimo Ventín (varios en Galicia) procede do nome propio romano Valentinus en caso xenitivo de posesión (Valentini); o tal Valentín tería sido o propietario primeiro dos terreos, os que, como adoita suceder noutras ocasións, levaban o nome do seu posuidor. Nun documento de Toxos Outos do ano 1156 aportado por López Boullón vese aínda sen monoptongar o ditongo xurdido trala caída do [l] intervocálico: "Vaintim".

Máis doada de identificar é a forma do ditongo que aparece nun documento do ano 1197 (Santiago - Tumbo C: CODOLGA): "tam de abolentia quam de ganantiam in Vaentim et in Aderei".

Interésanos destacar, polo tanto, que os casos con conservación do [l] intervocálico desta familia léxica (Valentinus, Valentia, etc.) son cultismos, sendo a evolución patrimonial a que presenta caída do son lateral [l] e monoptongación do ditongo ae resultante. Así:

  • "per Petram Curuam recto itinere ad Uilar Ualenti" = Vilarvente (Lugo). Ano 897 (Lugo - fonte: CODOLGA)
  • "in uilla que uocitant Cella Valenti flumen Viuei" = Celavente (Ourense). Ano 912 (Astorga - fonte: CODOLGA).

Por este motivo introducimos como posibilidade a ter en conta que a etimoloxía do topónimo oxítono Abenzá (Celanova) haxa que remitila a unha frase *illa villa Valentiana , termo formado dende Valentia ou Valentius máis sufixo derivativo -ana. O artigo feminino, que nun primeiro momento facilitaría a elisión do substantivo "villa" núcleo da frase, A (vila) Venzá, rematou por se entender como parte do topónimo: Avenzá / Abenzá, do que A Valenzá (Lugo) sería o cultismo correspondente. O topónimo español Valencia, de feito, atópase nalgún caso na documentación medieval galega como Baenzia ou Baentia: "in Gallecia et Castella, in Naiara et Saragocia, in Baentia et Almaria" (ano 1151 - Sobrado: CODOLGA). Non sería extraño, polo tanto, que o topónimo Abenza paroxítono fose evolución patrimonial de *Illa Valentia: "Afonso da Abenza" (ano 1467 - Amoeiro: CORPUS XELMÍREZ).

Isto ven a conta porque para o Abenza deducido do nome do río Portabenza (tributario do Mandeo) e o topónimo Abenzá de Celanova, o profesor Juan José Moralejo non descartaba que provisen de antropónimos latinos, ben de Aduentus, ben de Aventius ("Hidrónimos galaicos con sufijo -ANTIA", Acta Paleohispánica, 2005), mais parécenos improbable pois estes dous nomes propios non están documentados como tales no corpus galego.

O nome de "Castro do Valente" aparece na parcela 164 baixo o círculo lítico de Ventosiños (Coeses).

O perigo de interpretar algúns destes resultados como derivados do latín ventum > vento é un risco claro (cfr. Ventín ou, por exemplo, o "Villare Valentum" (ano 572) do que esperariamos un resultado *Vilar Vento). Esta confluencia cecais explique por que o círculo lítico de Castro do Valente (Coeses - Lugo) estea moi preto da aldea de Ventosiños, nome que cecais non sexa, como parece, un derivado do latín ventum, senón unha reinterpretación sufixada do resultado *Vent- procedente do Valente que se conserva como nome do castro.

Dende o século IX o verbo de orixe latino valere, "ser forte", pasa a ter un significado económico, e non pode descartarse que na toponimia os nomes de lugar desta serie, se é que non proveñen dun posuidor chamado Valentinus ou Valentius, fagan referencia ó valor económico que tiñan as terras designadas como Valentia, no senso de "valiosas, prezadas".

martes, 25 de febrero de 2025

O topónimo Mogo / Mogos e mailo antropónimo Meogo

A toponimia do tipo Mogo ou Mogos provén da frase latina "(in) medio loco", que non ten como referente a un paisano que estivese medio tolo (como o primum locum que tiña César en Cospeito), senón que indica o espazo central dun territorio.

Cromeleque da Portela dos Mogos (Évora - Portugal). (C) A. Galíndez, 2007.

Facendo unha pesquisa na base de datos Toponimia de Galicia saen por exemplo: Val de Mogo en Portocamba (Castrelo do Val - Ourense),  A Portela dos Mogos en Casdenodres (A Veiga - Ourense), Camiño e Fonte dos Mogos en Paredes (Montederramo - Ourense, xa mencionada nun documento do ano 1240 como "Fonte de Moogos" - CODOLGA), Fondemogos en Pedrafita (A Teixeira - Ourense), Mogos en Pradocabalos (Viana do Bolo - Ourense), Casal de Mogos en Catoira (Pontevedra), Monte de Mogos en Moaña (Pontevedra), Montemogos en Beluso (Bueu - Pontevedra), Val de Mogos en Estraxiz (Samos - Lugo), Fonte do Mogo en Romelle (Samos - Lugo), Mogos en San Xurxo de Lourenzá (Lugo), Mogos en Lemaio (A Laracha - Coruña), Mogos en Brión (A Coruña), Mogos en Sorribas (Rois - A Coruña) ou Mogos en Arca (O Pino - A Coruña).

A forma etimolóxica atópase nun documento de Camanzo do ano 1203 "nostram hereditatem de Ligoa que iacet in monte Cusanka sub heremite de Medio Loco".

No Dicionario de dicionarios do galego medieval vemos que en 1977 Ramón Lorenzo xa recollera as formas medievais meyogoo, meogo e meogoo, resultantes da caída do -l- intervocálico de medioloco, sonorización do son [k] intervocálico e evolución do grupo d+iode > iode e posterior caída deste son en posición intervocálica.

O seu senso como locución adverbial operativa no léxico común medieval ven garantido por frases como: "in meogum de agros" (1240); "no meogo da carta envyou ensarrada essa carta del Rey" (1261); "en meogo do ſſeelo, ṽua figura de frol" (1302); "enmeogo da herdade de Oya" (1306); "no Meogo entre anbas estas leiras" (1365) - cfr. Corpus Xelmírez e base de datos do CODOLGA.

Dona Carolina de Michaëlis (Fragmentos etymologicos colligidos, 1894) tiña estudado a etimoloxía destas formas comparándoas co francés milieu, provenzal miec luoc, italiano miluogo, rumano mijloc, que lle serven para acreditar no étimo IN MEDIO LOCO que propuxera Julius Cornu (Grammatica portugueza), aínda que ela o modifica lixeiramente, *MEDIO LOCULO, preferindo a innecesaria forma en diminutivo.

Nós atopamos en Cerdeña o topónimo Meilogu, cuxa etimoloxía remite tamén a medium locum, e parécenos que estes lugares centrais, situados no medio dun territorio, ou entre dúas entidades territoriais, son susceptibles de se considerar puntos sacros da xeografía, capaces de albergar no seu espazo construcións tipo santuario (o cromeleque da Portela de Mogos, ou a "heremita de Medio Loco"). Na nosa opinión a toponimia céltica do tipo Mélec (Nomélec e Plumélec en Morbihan e Lanvellec en Côtes-du-Nord) podería analizarse baixo esta perspectiva de seren lugares centrais, latín medium locum, non formados a partires do nome dun santo (Coromines fornece a forma meiloc < medium locum para o occitano arcaico, tan semellante ó antropónimo de orixe celta Mailoc).

O dito ata aquí respecto da palabra medieval meogo, que orixina a toponimia Mogo / Mogos, afecta á etimoloxía do antropónimo masculino Meogo, bastante frecuente na Idade Media, e que sempre se considerou provinte do latín monachum, "monxe" (Boullón Agrelo, Antroponimia medieval galega, 2014). Só Souto Cabo atopara reparos na etimoloxía consensuada: "do nosso ponto de vista, trata-se de uma forma conservadora derivada de MEDIO + LOCO > Meoógo > Meógo / Moógo, "o que está no meio", que observamos ocasionalmente na documentação do período" ("En Santiago, seend’ albergado en mia pousada. Nótulas trovadorescas compostelanas", Verba, 2012). Mais, en que senso chega a aplicarse a un home esta designación? Souto Cabo non o explica. Senón foi por ser un apelido de orixe toponímica, cecais orixinariamente os irmáns medianos poderían ter recibido o nome como alcume, ou ben cecais se trataría de persoeiros que ocupaban unha posición destacada e central na comunidade, ou liminal e marxinal (nin aquí nin acolá), o que achegaría o nome á categoría de título ou marcador categorial?

lunes, 19 de febrero de 2024

Larín - O Castreliño

 

Larín (Láncara), co microtopónimo O Castreliño nomeando unha parcela limitada por unha grande trincheira que podería ser o foso defensivo do antigo recinto da Idade do Ferro.

Abaixo á esquerda, segundo me indica amablemente o arqueólogo Eloi Saavedra, a posible croa do Castreliño na fotografía aérea do Voo Americano de 1956-57.


O topónimo Larín de Láncara e mesmo o Larín de Arteixo, que atopamos documentado como "Elarim" no ano 969 ("Sanctum Stefanum de Elarim") proveñen do nome propio Elarinus en caso xenitivo de posesión (Elarini), o que indicaría a pertenza das vilas a un propietario deste nome.

Do mesmo xeito, existen mencións ó Larín de Láncara como "territorio Sarrie subtus muro de Mahamuth, propre villa regis que vocitant Elarin" (Samos, ano 962), ou "per terminum de Sarria et inde per termino de Elarin et per termino de sancto Vincentio de Lancara" (Samos, ano 1059).

Elarinus segundo Ana Isabel Boullón é un derivado do nome propio latino Hilarius / Elarius, de orixe grega, vencellado á alegría e á risa. Convén distinguilo polo momento do nome persoal Lalinus, probable orixe do topónimo Lalín de Pontevedra.

O Seminario de Onomástica no seu vídeo sobre o nome de lugar pontevedrés de Lalín (Gonzalo Navaza) indica que o Larín de Arteixo se documenta como Lalín nos textos medievais, polo que viría de Lalinus, do mesmo xeito, afirma o investigador, que o Larín de Láncara. Mais dita consideración non está a ter en conta que as ocorrencias máis antigas destes dous topónimos Larín amosan a forma "Elarini", de Elarius.

martes, 26 de diciembre de 2023

Gundar e a batalla dos montes Nervasos

Ten Pondal algún poema adicado ó "noble Gundar", nome tomado da toponimia galega, rica en estratos pertencentes a diversas linguas. Dubidamos de que o poeta soubese a etimoloxía certa deste antropotopónimo, e supomos que foi escollido por razóns estéticas e pola súa mítica resonancia.

A etimoloxía de Gundar (Laxe) ou Gondar (Lugo), en contra das aproximacións que se teñen feito a partires do sonsonete, propoñendo directamente o antropónimo xermano Gontarius ou Guntarius, formado da raíz xermana *gunþi, "loita" (Nicandro Ares; Piel), é ben distinta:


Nos dous rexistros seleccionados da base de datos do CODOLGA (século XII) podemos ver a evolución do topónimo dende Wandalar a Gundaar, de onde saen sen dificultade os actuais Gundar e Gondar. Partimos pois, aínda que pareza incrible, do nome propio Wandalarius ou Vandalarius (1), que terían levado os posuidores ou fundadores das vilas de Gondar en Lugo, preto de Romeán ("Rimian" nos textos medievais), e da de Gundar en Laxe.

O nome Vandalarius ten significado referencial, é dicir, é máis que un nome propio (que aínda que etimolóxicamente tivesen significado se empregan só con valor denotativo). Vandalarius é un título, pois significa "o que derrotou ós vándalos". No contexto das invasión xermanas da Gallaecia dito título ten o seu completo encaixe na derrota histórica dos vándalos asdingos no 419, cando asediaron ós suevos nos montes Nervasos e acudiu o exército imperial no seu auxilio. Supomos polo tanto que foi a partires do momento da expulsión dos vándalos da Gallaecia (419) que o alcume cobrou a súa razón de ser, e que os topónimos Gundar / Gondar son lembranza directa daquela derrota, correspondendo a vilas fundadas por guerreiros que participaron naquela contenda histórica.


(1) Carlos Vázquez García na súa tese de doutoramento sobre a Toponimia do Concello de Lugo (2014) ten notado tamén o étimo, mais non acerta a expoñer o significado do antropónimo Vandalarius e limítase a dicir que está "formado a partir de WANDAL-, gót. wandjan ‘volta, volver’ ou wandus ‘ferida, puñalada’ e tamén ‘vía, camiño’".

lunes, 25 de diciembre de 2023

Licín e O Saviñao

O topónimo Licín de O Saviñao (Lugo) deu orixe ó nome do antigo territorio medieval chamado Liciniano (século IX: CODOLGA), o que autoriza a soster que Liciniano é unha forma adxectivada, mediante o sufixo -anus, derivada de Licinio, topónimo procedente do antropónimo romano Licinius, á súa vez vencellado á gens Licinia.

A mesma evolución ten que se lle aplicar ó topónimo Saviñao, que non procederá do nome propio *Sabinianus, como se ten dito (O seminario de onomástica responde: O Saviñao), senón do antropónimo romano Sabinius ou Sabinia tamén vencellado á outra gens, a Sabinia. A derivación dende o nome Sabinius / Sabinia, mediante sufixo -anus, é para formar un adxectivo que concorda, como no caso precedente, co sustantivo territorio (territorio Sabiniano).

Porén non habería neste caso ningún posesor ou propietario chamado *Sabiniano, como non hai ningún chamado *Liciniano, senón Sabinio ou Sabinia e Licinio, ámbolos dous estreitamente relacionados con gens latinas.

O curioso deste caso é que neste lugar na actualidade consérvase o topónimo Licín, mais non o esperable *Liciñao procedente do derivado medieval documentado Liciniano, mentras que non se conserva *Sabín, e si Sabiñao < Sabiniano.

martes, 27 de junio de 2023

Rus (Carballo; Zas) e Ru (Vilasantar)

Estes dous topónimos derivan, por harmonización vocálica, do latín riuus (nominativo singular) e riu(m) (acusativo singular), "río". Cecais cabería aducir un étimo prerromano provinte do tema hidronímico paleoeuropeo *UR < base *ER, "moverse, fluír", que é o que utiliza Bascuas para explicar como compostos bitemáticos os topónimos Ruanes (Cáceres) ou Ruña (A Coruña) (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, 42.4).

O sentido hidronímico queda claro nun documento do ano 915:

  • "et inde per sepiato de pomare Ruderici, et inde in directura usque in fontano que dicimus Ruis, et per ipso fontano usque in uallo"

A harmonización documéntase, tras producirse primeiro a metátese da iode, no caso do nome da parroquia de Rus carballesa: *riuus > ruis > rus

  • ano 1272: sancto Iohanne de Tordoya, de sancta Maria de Ruis, de sancto Mamete de Andoyo, de sancto Silvestre de Veiga, de sancta Maria de Cellas
  • ano 1403: Sabeam todos que eu, Ffernã Eanes de Villariño, morador ẽna frigresía de Sancta María de Rruus

Castro baixo Ru (Vilasantar), preto de As Raposeiras, topónimo que con frecuencia aparece vencellado a asentamentos da Idade do Ferro pola semellanza entre as tobas dos raposos e os traballos de terra (terrapléns e foxos) dos castros.

No primeiro exemplo aducido vemos que un pumar cercano á mencionada fonte de "Ruis" leva o nome de "Ruderici"; resulta verosímil que o hidrónimo "Ruis" se teña interpretado nalgúns casos como se fose o hipocorístico do nome propio Rudericus (Rodrigo), isto é Roi ou Rui. A consecuencia desta etimoloxía popular prodúcese a hipercorreción do topónimo, transformándoo involuntariamente nun antropónimo de orixe xermano, que é o que nos parece que sucedeu neste caso ó chamar ó pumar "pomare Ruderici" en vez de "pomare de Ruis".

domingo, 4 de junio de 2023

Ona e Vilardoa (Portomeiro)

Clarinda de Azevedo Maia tratara a orixe de ona en "Ona um arcaísmo galego-portugués. Breve contributo para o estudo das fórmulas de tratamento na lingua medieval galego-portuguesa" (Revista de Filología Románica, 1984). En realidade fora esta investigadora a que prestara atención por vez primeira a unha palabra na que ninguén reparara ata entón.

A contribución de de Azevedo limitouse á análise da documentación do mosteiro de Ramirás, pois non atopou máis ocurrencias do uso de ona fóra deste mosteiro. Na casuística de Ramirás revélase que ona tiña o significado de abadesa, en uso dende o século XIII ó XV: "Ona Orraca Petri" (1216), "Ona Maria Fernandi" (1225), "ego Maria Fernandi, Ona de Ramiranes" (1225). A partir de 1423 as patroas de Ramirás chámanse de abadesas.

A orixe de ona segundo a investigadora hai que procurala na forma medieval galega miona (coñecida dos filólogos e historiadores), procedente da aglutinación do posesivo mea e o substantivo domina (latín domina, "señora"), tratamento honorífico destinado ás mulleres da alta nobleza. A aglutinación do posesivo ó substantivo facilita a caída do -d- ó quedar situado en posición intervocálica. Outros resultados nas linguas románicas coa conservación do -d- son ben coñecidos: madonna (italiano) ou madame (francés).

O valor posesivo da cadea fónica mi que integraba o tratamento miona aínda sería patente na Idade Media, segundo de Azevedo, pois separouse en mi - ona, quedando illado o termo ona coa posibilidade de funcionar de forma autónoma, tal e como se atopa na documentación de Ramirás. Tamén probaría que se coñecía o valor posesivo orixinario da formación o feito de existir hipercorrecións como miana e minhana en portugués, pois é que, froito dunha incorrecta segmentación, a cadea fónica mio de miona tomouse como adxectivo masculino, e sustituíse polas formas mia e minha (v. Gunnar Tilander: "Portugués antigo miona, miana", Archivo de Filología Aragonesa, 1963-64).

Pola nosa parte, comprobamos que efectivamente mea domina, de onde proviría miona, fora exclusivo das señoras da máis alta liñaxe, pois a súa primeira aparición na documentación galega vai ligada á condesa Ilduara, nai do bispo San Rosendo de Celanova: "mea domina domna Ilduara" (ano 947). Constátase xa o uso do dobre tratamento co emprego de formas cunha mesma orixe etimolóxica (latín domina).

Tamén comprobamos que o uso de ona estivo máis extendido na Galicia medieval, non estaba limitado só ó mosteiro de Ramirás. Atopamos tres casos máis, co dobre tratamento:

  1. "ego comitissa donna Ardio, de consensu viri mei comiti domno Alvito et soror mea ona dona Azenda" (ano 997 - Caaveiro). Advertimos de que o "mea" que precede a ona vai con "soror" (viri mei e soror mea).
  2. "ona domina Marina" (ano 1161 - Santiago)
  3. "Suarius Pelaiz fuit marito da ona donna Hermesenda" (Caaveiro - sen data)
Os dous primeiros exemplos son, amáis, ben máis antigos que os de Ramirás e permiten percibir o significado orixinal de ona, pois non se aplican a ningunha abadesa, senón a mulleres da alta nobleza. Non se atopa ona, "señora" (< domina) fóra de Galicia.

Semella, pois, bastante posible que o topónimo Vilardoa (Portomeiro - Val do Dubra), documentado como "Vilar d ' Õa que he ẽna frigrjsía de Sam Cosmede de Bretomeyro" (ano 1345 - Corpus Xelmírez), teña a súa orixe na fórmula de tratamento ona, propia das mulleres da alta nobleza galega. Trataríase cecais dunha noble vencellada ó veciño castelo de Portomeiro, propietaria do vilar, que tería sido nomeado a partires do tratamento honorífico da súa posuidora. A forma Õa de 1345, con til de nasalización, garante cando menos a base Ona, que seguramente sexa a mesma palabra que estamos a tratar.

martes, 30 de mayo de 2023

Portomeiro, un porto que non é un porto

Portomeiro (Val do Dubra) non é como Porto Moeiro (Aranga, no camiño antigo dende o Monte do Gato a Torre Lavandeira), non ten as características dos portos que atopamos nas vías de tránsito natural que van polas cordas ou divisorias de augas balizadas de megálitos, así pois terá outra etimoloxía, como puidemos comprobar, non sen dificultade, nas bases de datos do CODOLGA e Corpus Xelmírez.

  1. ... et exitus de uilla Bertomario, ubi ego abitaui, abeat eas Trudili in sua uita (ano 1094)
  2. ... et de Bertomario, si de Uilano quomodo de Susano. cum totas suas populationes (ano 1094)
  3. ... uidelicet: Portum Mauri, Bertumeriu, Uillarinum... (ano 1181)
  4. Didacus sacerdos de Bertumeiro (ano 1181)
  5. Johan Affonso de Bertomeyro (ano 1330)
  6. Vilar d ' Õa que he ẽna frigrjsía de Sam Cosmede de Bretomeyro (ano 1345)

Non cabe dúbida de que este "Bertumeiro" é o Portomeiro actual, que se transmutou en porto contaxiado polo topónimo contiguo Portomouro, ó ter ambos un consonantismo idéntico. Esta documentación serve para coñecer algúns habitantes da vila (a unha dona chamada Trudila, a Xoán Afonso e ó sacerdote Didaco) e comprobar a división do lugar en dúas partes: o Bertumeiro de Susano (que sería o castelo que se está a excavar na actualidade) e o Bertumeiro Vilán ou de abaixo, a actual vila de Portomeiro.

O castelo, segundo a documentación medieval, continuaba habitado ata principios do século XII pois no segundo documento fálase das poboacións dos dous barrios, incrementándose así en dous séculos (1) a cronoloxía deducida das excavacións que se están a realizar, dirixidas polo doutor Sánchez-Pardo (grupo de investigación SINCRISIS - Universidade de Santiago).

Na mesa e de esquerda a dereita, Sánchez-Pardo, Noemí Silva e Samuel Nión durante a charla sobre os resultados das excavacións efectuadas no xacemento medieval do Castelo de Veiga (Celas - Culleredo), onde se expuxo o estado dos coñecementos arqueolóxicos e históricos sobre os castelos altomedievais galegos. (C) Dolores González de la Peña, 2023.

En canto á etimoloxía de Portomeiro < Bertumeiro, este último ten aspecto de nome propio bitemático arcaico, semellante ó galo Viridomarus / Britomarus, Marcomarus, etc. e cecais cabería analizalo en relación con toponimia histórica como Corissomario (Bergantiños - s. IX), ou nomes propios medievais galegos de orixe xermana como Gualamarius, Fromarius, Emmarius, Tungemarius, Gondemarius, Arimarius, Leodemaro, etc. (v. CODOLGA) cun segundo formante *MEARH, "cabalo".

(1) Os niveis de Portomeiro pertencen os séculos IX e X, segundo datacións inéditas de Alonso Toucido (Nión-Álvarez, Sánchez-Pardo, Alonso Toucido et al.: "Definiendo cronologías cerámicas y procesos de fortificación altomedievales desde el noroeste peninsular. Una aproximación desde el Castelo da Veiga (Culleredo - A Coruña)", Lvcentvm, 2023).

miércoles, 19 de abril de 2023

Pregordo (Perogordo) e algúns Pedros toponímicos

Como masculino analóxico de pedra < latín petram, cecais con valor despectivo ou aludindo ó menor tamaño fronte ó femenino Pedra, os Pedros toponímicos indican fitos de pedra, como marcos ("et ad marcum vocitatum Pedro de Ouca maa" - Meira, 1232), croas como unha das do castro de Castro (Santa María - Narón), chamada Pregordo (< Perogordo = "pedro grande, avultado"), ou mámoas, como a de Pedro Monteiro en Xermade (sobre Castrorramil), facendo límite coa parroquia veciña de Piñeiro.

O Pregordo de Castro - Narón.

Mámoa de Pedro Monteiro ou de Mazandoi.

Este último arqueotopónimo indica ademáis que o túmulo megalítico contiña cámara, tapada cunha pedra cobertoira ven visible, de aí o de levar Pedro o calificativo Monteiro, porque dito "pedro" estaría dacabalo (encabalgado, cabaleiro) sobre os chantos da cámara funeraria.

No Catastro de Ensenada (meados do século XVIII) descríbense os límites pasando por dita mámoa: "de allí se va a una modia nombrada de Mejacán, de allí se va a un marco de seijo que se halla en una modia nombrada de Permonteiro, de allí se va a un mojón de piedras de seijos blancos nombrado A Cruz da Vella..."

martes, 14 de marzo de 2023

Teiadaulfi, Teimende, e outros topónimos en tei-: os tíos e as tías na toponimia galega

Unha vez amosado por parte de Miguel Costa que o segundo elemento dos topónimos compostos Tadoufe (medieval "Teiadaulfi"), Teibade, Teimende... son nomina possessoris (Umha de celtas: Casa e Estábulo, blog Fror na Area, 2010) imos revisar o primeiro elemento, pois consideramos que é máis apropiado ó contexto dos posesores remitilo ó latín tii - tie xenitivo de tius - tia, "tío - tía", título familiar de respecto ben documentado no noso corpus medieval: nun documento do ano 863 "et de Termino thii mei Lelibici usque in termino thie mee Fredenande" (Lugo).

O ii xeminado do caso xenitivo masculino seguramente puido experimentar alteracións do punto de articulación dos seus formantes, co obxecto de disimilalos. Mesmo o xenitivo feminino tie tamén puido alterarse en tei, pola tendenza do galego ós diptongos decrecentes. Así pois, pensamos que é máis axeitado considerar os topónimos, analizados por Costa como formados polo termo celta *tei, "vivenda" (non documentado no noso léxico), como compostos co título familiar de respecto tius - tia en caso xenitivo. Nalgún caso cambiamos a proposta etimolóxica respecto ós antropónimos fornecidos por Costa:
  1. Tadoufe < Teiadaulfi < Tii Adaulfe, propiedade "do Tío Adolfo". 
  2. Teibilide < Tie Bellite, en referencia a unha propiedade "da Tía Bellita", nome feminino documentado dende o ano 997.
  3. Teicide < Tii Cide, propiedade "do Tío Cid". Nun documento do ano 1106 aparece un "Tio Citi".
  4. Teinande < Tie Fredenande, propiedade "da Tía Fernanda" (exemplo xa citado, do ano 863).
  5. Teimende <  Tii Menendi, propiedade "do Tío Mendo" (nome propio Menendus ben documentado como hipocorístico de Hermenegildus).
  6. Teilor < Tie Gelvire / G(e)loire, propiedade "da tía Elvira / Gloria". Nun documento do ano 1146 aparece mesmamente o comunísimo antropónimo feminino Elvira / Gloria como nome da tía da que o doante herdou a propiedade: "tia mea Gelvire" (Braga).
E así poderiamos seguir, na procura da antroponimia axeitada para explicar esta serie de topónimos compostos, segundo cremos, cun primeiro elemento que semella provir do latín tius - tia. Non obstante convén ter coidado con eles, pois Tiagonce (Lourenzá), aínda que pareza un deles, provén seguramente do xenitivo do nome da posuidora Teodegonza (doc. 1016).

O moderno microtopónimo Tío Matías (Loureza - Oia), ou A Casa da Tía María de Ramón a Cagalla (Saiáns - Vigo), confirman a importancia dos tíos e tías na toponimia.

Inés, Isaura, Benita, Jesusa, Teresa, Lis, Simoa, Rosa, Manuela, Merla, Juana, Alodia, Toña, Sergia, Vicenta, Carlota, Aurora, Dominga, Marta, Generosa, Farruca, Asunción, Sacristana, Sabela, Xoana, Narcisa, Pura, Andrea, María, Culasa, Consuela, Catalina, Bernarda, Comadre, Pepa, Olaia, Antonia, Esperanza, Amalia, Luisa, Ánxela, Guillerma, Rogelia, Silvana, Helena, Xuana, Florinda, Guinibra, Felisa, Emilia, Serafina, Guinívera, Rita, Dolores, Josefa, Angustia, Soledá, Liberata, Rosalía, Ramona, Ventura, Lucía, Amparo, Piñeira, Remira, Pilar, Consuelo, Primitiva, Balbina, Nela, Margarita, Salesa, Candela, Xusta, Venancia, Pepita, Flora, Javiera, Xenoveva, Marcelina, Tomasa... son os nomes propios actuais das tías que aparecen na toponimia galega facendo unha procura por "tía" na Base de datos de Toponimia de Galicia.

Marcamos o nome de Xuana / Xoana porque témolo visto na folla castastral algunha vez como "Ti Xuana / Xoana", coa forma apocopada Ti; lamentamos que a microtoponimia non se estea a recoller respectando exactamente a pronuncia, pois é que este Ti Xuana / Ti Xoana que temos localizado corrobora a etimoloxía do Tijuana de México.

Tratáramos xa das tías na toponimia na entrada do blog Numide / Donumide (Donamide) adicada á forma latina amita, "irmá do pai".

sábado, 17 de septiembre de 2022

Corvelle (O Cadramón)

 

Aldeas de Bustomeao e Corvelle no Cadramón (O Valadouro). Coas estreliñas laranxas indicamos a situación das diversas arcas, mámoas e fornos dos mouros catalogados na contorna.

Nun contexto de paisaxe gandeira que afunde as súas raíces na prehistoria como é a da Serra do Xistral, a toponimia fai con moita frecuencia alusión ós peches gandeiros. Bustomeao é un topónimo composto cun primeiro elemento de orixe prerromana, busto, "terras de pasto para o gando". Doutra banda, a microtoponimia de Corvelle sinala outros dous recintos gandeiros, Ameixón e Revolta. Pensamos, polo tanto, que o topónimo Corvelle non pode provir, como se ten dito, dun nome persoal non documentado no noso territorio, *Corvilius, en caso xenitivo de posesión. Máis ben cadra cunha contracción da frase substantiva *Currum Vetulum > Corvello / Corvelle, en caso xenitivo de relación, e supoñendo unha elisión: (aldea) Corvelle = "aldea de Corvelle".

A chamada ruína da declinación latina, pola que se deixa de usar o sistema de casos ó preferirse a utilización das preposicións para indicar as funcións sintácticas, comeza no século III e resulta moi abrupta; ó redor do século V non se declinaban os nomes. O feito de estar Corvelle en caso xenitivo indica, pois, que o topónimo se creou como moi tarde no século V para designar o que entón xa se consideraba un "curro vello", como mínimo da Idade do Ferro.


domingo, 21 de agosto de 2022

Gontes / Ghontes ou Xontes?

 

(C) Minutas cartográficas do IGN.

Na nosa toponimia temos demasiados casos de normalizacións erróneas nas que se pretendeu regaleguizar con xe os sons da gheada, considerados como pronuncias castelanizantes, sendo sons propios do galego. É o caso de Xontes (Sumio). Se imos á cartografía antiga vemos que tanto Jontes (hoxe Xontes) como Juntís (hoxe Guntín) e Jocín (hoxe Xocín) van grafados cunha jota que sinala seguramente a pronuncia con gheada do que sería Gontes, Guntíns / Guntís e talvez Gocín. Deste último non estou moi segura, pero é que estas cousas xa lle fan dudar a unha de todo.

Guntín grafada a pronuncia con gheada utilizando a grafía castelá j, no cartel da estrada DP-2104.

Semella evidente que a etimoloxía de Ghontes e Ghuntíns ou Ghuntín podería ser a mesma, talvez un antropónimo de orixe xermánica da serie *Gunths, "loita", como en Conturiz - Lugo (doc. Gunturiz). Paulo Martínez Lema tamén ten atopado que no caso do topónimo Begonte concorre a forma Gonte, documentada como variante con aférese; é pois posible que Ghontes e Ghuntíns ou Ghuntín sexan topónimos provenientes de *BOCONTI, xenitivo dun nome de posuidor de orixe celta, UOCONTIUS ou UOCONTIA ("Nomes de posesor na toponimia do concello de Begonte", Revista galega de filoloxía, 2007). Máis tirando na liña que indicara Nicandro Ares, que consideraba Begonte un etnónimo relacionado coa tribu gala da Narbonense, os Vocontii.

Na relación establecida entre Ghontes e Ghuntíns / Ghuntís é notable o topónimo, hoxe desaparecido, que se atopa na periferia deles no Mapa Topográfico Nacional do IGN: Xontes Pequeno. Dá a impresión de que é unha glosa que explica Ghuntíns, que efectivamente ten aspecto de diminutivo, como un pequeno Ghontes separado da fundación orixinal.

sábado, 20 de agosto de 2022

Cruzul

Dicía Monteagudo (1) que o topónimo Cruzul provía dun antropónimo latino, é de supor, mais de orixe etrusca *Craeciurius, derivado de Craecius cun sufixo -urius, frecuente nesta lingua, e citaba a mención máis antiga do topónimo, do ano 1087, na documentación de Samos: "in Crezur".

Nós non estamos moi conformes coa proposta do profesor porque as influencias etruscas quedan lonxe da base que formou a nosa onomástica medieval, e de dito nome propio non hai restos no noso territorio. Aproveitando que na documentación de Penamaior do ano 1232 recóllese unha forma Creszur ("ecclesiam de Creszur, hereditatem quam habet in Valde Tortores et in Valle de Auseli") proporemos outra hipótese máis acorde có modelo onomástico galego medieval, de base latina e xermana.

Trataríase dunha vila ou dunha venda propiedade de Cresciturus (home) ou Crescitura (muller), antropónimo de orixe latina común no primitivo cristianismo (século VI). As connotacións de crecemento e mellora persoal que contén o nome terían motivado que o recibise o seu portador co fin de axudalo a achegarse ós ideais cristiáns. Así pois: *(villaCrescituri > Cruzul = a (vila) de Crescitura ou de Crescituro.

  • O nome propio "Crisciturus" aparece nunha pizarra visigótica de compra-venda, datada no ano 586 por Velázquez Soriano (Galinduste - Salamanca); na pizarriña vai grabada unha cruz monogramática.
  • "Crescitura", escrito con caracteres gregos nunha lápida datada no século VI atopada preto da Catedral Vella de Cartaxena (Murcia).
  • Un "patri nostro Creceturo" documéntase nun texto do ano 904 (Catedral de León).
  • "Creceturus" (ano 941 - Catedral de León).
  • "Cresceturo" (ano 952 - Catedral de León).

Lidia Becket no seu Hispano-romanisches Namenbuch recolle tamén como variante deles Crezuro, pois provén de Cresciduro, con perda do -d- intervocálico, e considera a onomástica personal derivada do latín crescere de orixe xudeo. Sen compartir a orixe xudea deste antropónimo, pois o feito de ir as mencións máis antigas en documentos cristiáns o impide, si suscribimos o paso de Cresciturus a Cresciduro e Crezuro, ou ás formas femininas correspondentes, de onde, en caso xenitivo, sairía o topónimo galego Crezur (1087) > Cruzul. O topónimo, porén, está baseado nun nomen possessoris de orixe latino-cristiá e denota unha fundación do asentamento ó redor do século VI.

(1) "Hidronimia galega", Anuario Brigantino, 1999.

lunes, 2 de mayo de 2022

Numide / Donumide (Donamide)

Na nova guía de toponimia da colección Terra Nomeada, adicada ós nomes de lugar do concello de Tordoia (Toponimia de Tordoia), podemos ler as dúas propostas sobre este interesante topónimo, único en Galicia:

  • A de Piel, que tira de exóticos antropónimos indiscriminadamente. Os nomes dos posesores das vilas terían quedado fosilizados nos nomes de lugar; neste caso a súa proposta é Numidius, un nome propio inexistente na nosa documentación medieval... Vese que lle adicou pouco máis dun segundo á procura do nome persoal, tirando dos repertorios e sen comprobar.
  • As autoras do estudo, Lidia Gómez e Luz Méndez, recollen as formas máis antigas do topónimo:

- Sancti Iacobi Donamidi (1215, San Martín Pinario)

- Sancti Iacobi Donimidi (1268, notario compostelán)

- Donamide (1526-31, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago)

- Variantes sen a primeira sílaba: Santiago de Nimide / Nomid / Nomide / Nemide (1500-1580, Arquivos da Catedral e da Universidade de Santiago).

Asemade, expoñen que non pode descartarse que a primeira sílaba fora interpretada como contracción da preposición de máis o artigo o, o que levaría á escrita separada. Aínda que non atopan ningún nome persoal tipo *Donnamitus para sustentar a súa hipótese, pensan tamén como alternativa dentro da onomástica persoal nunha posible formación có tratamento don < latín dominem anteposto ó nome Numidus (variante do Numidius que fornecera Piel).

Numidius aparte, as investigadoras teñen razón nas súas observacións sobre a morfoloxía do topónimo: trátase dunha formación con tratamento anteposto, e evidentemente producíuse a interpretación do segmento fónico inicial do- como contracción da preposición de máis o artigo masculino o, que levou á escrita separada.

Consideramos que traballar có tratamento domina, feminino, é a única forma de xustificar o a que contén Donamidi na primeira documentación do topónimo. Logo semella doado aportar o nome latino amita, "tía por parte de pai", que reflicte o grao de parentesco romano, ó que se lle antepón o tratamento domina, "señora". A frase có núcleo elidido [Villam]  Domina Amita > Donamide, con fusión dos dous as mediais e relaxamento do -a final (se non é desinencia do caso xenitivo de posesión). Doutra banda, o uso do termo amita có significado de tía, ou ata nodriza ("simul cum amita et nutrice mea Geloira", ano 968 - Sobrado), está moi ben representado na documentación medieval galega dende o século X, tamén en contextos que amosan a súa consolidación plena como nome propio desprovisto de significado.

Podemos aventurar, pois, a existencia en Numide dunha vila pertencente a unha cidadá galaico-romana identificada cariñosamente pola súa familia polo feito de ser a Señora Tía (tía paterna), ou ben, xa na Idade Media, da residencia dunha noble chamada Dona Amita (como nome propio, sen indicar grao de parentesco ou familiaridade). Esta mesma formación foi común nas linguas románicas, por exemplo en romanche, Duonnanda, "tía" < Domina Amita, como título de respeto e, ó tempo, cariñoso.

Viría logo dun tempo, unha vez olvidado o sentido orixinal do nome de lugar, a separación da primeira sílaba, considerada como a contracción da preposición de + o artigo masculino o, e as variacións do vocalismo átono que reflicte a selección de exemplos que recolleron as autoras do estudo da toponimia de Tordoia.

domingo, 27 de febrero de 2022

Benito da Fonte: o Bento do Mesón do Bento

Mesón do Vento ou do Bento? Sobre este curioso topónimo do Camiño Inglés tense pronunciado moitos filólogos e interesa ós paisanos coñecer se convén escribilo con uve ou con be.

Di Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia, 2008, px. 402) que "segundo algúns autores e opinións, faría alusión a un hipotético propietario ou mesoneiro de nome Bento (Benito, en castelán). Non compartimos esta opinión por crer que a expresión toponímica "do Vento" pode facer referencia ao vento, que, tendo en conta a situación elevada e desprotexida do lugar, alí ha soprar con forza e frecuencia, como ocorre cós topónimos Ventoso, Ventoseira, Ventosela [...]". Incluso, o autor descarta que no lugar houbese un establecemento hosteleiro, apuntando que o termo mesón neste caso indicaría unha elevación do terreo en forma de mesa orográfica.

A nós non nos cabe dúbida de que o termo mesón, nun camiño da relevancia que tivo na antigüidade o Camiño Inglés, facía referencia a unha venta, taberna ou establecemento hosteleiro con posibilidade de aloxamento para os peregríns e arrieiros. A existencia deste camiño real viña informada polo capelán de Crendes, que no 1775 debuxouno dende Cabeza de Lobo e Hospital de Bruma ata a ponte de Beldoña xa preto de Piadela - Betanzos (v. a entrada neste blog: O nó viario prerromán das Travesas (Carral)).

Ponte de Beldoña (Mabegondo). (C) Dolores González de la Peña, 2007.

Respecto á discusión de se é Vento (con uve) ou Bento (con be), unha lectura detida do Catastro de Ensenada (1750) deparounos a sorpresa de atopar ó futuro dono do mesón, que por entón tiña tres tabernas ó seu cargo neste tramo de camiño real que pasaba pola parroquia de Beira (Carral). Este dato disipa xa calquera posibilidade de defender unha etimoloxía a partires de vento, baseada nas inclemencias do tempo e os fenómenos atmosféricos.

Benito da Fonte, có seu nome de pila castelanizado, era natural das Travesas, concretamente do lugar da Fonte, que xusto veñen de atopar agora Manuel Ruibal e David Chas grazas á información fornecida polo veciño Manolo de Pepito (de 99 anos de idade). Viviu a mediados do século XVIII, fai uns trescentos anos, e tiña moita sona na contorna de Beira ó ter ó seu cargo as tres tabernas da parroquia, o que lle reportaba uns beneficios anuais astronómicos para a época. Del fálase nada menos que dúas veces no libro do interregatorio xeral da parroquia de Santa Mariña de Beira [Veira no Catastro de Ensenada].


"A la vigésima nona [pregunta], dixeron que en este término hay las tres tabernas que dexan depuesto, las que lleva en arrendamiento dicho Benito da Fonte, al que, por la utilidad que le contemplan en él, le regulan de ganancia mil y cien reales al año".

Dado que as catro tabernas da veciña parroquia de Ardemil (As Mamoas, Cabeza de Lobo, A Piolla e Canedo), onde se sitúa O Mesón do Bento, levábaas na época do Catastro de Ensenada o veciño Sebastián Francisco Manteiga, e só lle reportaban trescentos reais ó ano, pensamos que Benito da Fonte foi facéndose có tempo con boa parte do negocio da contorna, pois é que cuadriplicaba as ganancias da competencia. En definitiva, o taberneiro Benito da Fonte viu unha oportunidade ó non haber aínda ningún mesón en Ardemil no 1750 (v. Catastro de Ensenada - Ardemil), así que pouco despois abriu un a só tres kilómetros das Travesas (Beira), que levaría o seu nome e daría orixe ó pobo do Mesón do Bento.

Cecais, unha das tabernas do Bento nas Travesas (Carral). (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Das tres tabernas que tiña Benito da Fonte en Beira, antes da apertura do mesón coñecido polo seu nome de pila, parécenos localizar unha no lugar das Travesas, pretiño da Fonte (onde residía o hosteleiro): trátase dunha construción antiga con aspecto de ter sido taberna á beira do camiño real monumentalizado (do que tratamos na entrada citada do blog). A casiña, cecais de orixe medieval, vese moi deteriorada; cunha parte reconstruída con cemento e teitada de uralita. O negocio semella pervivir no actual estanco-bar fronte dela. Á existencia doutra taberna, xa en Montouto, ven indicado polo topónimo Taberna Nova, a só catro kilómetros. O nome proba, unha vez máis, a existencia de toponimia baseada ou motivada pola instalación de establecementos hosteleiros (v. p. ex. Hospital de Bruma) ás beiras dos antigos camiños reais.

sábado, 11 de diciembre de 2021

Dumnorix / Dubnoreix

Na nosa opinión, o nome deste chefe (rei) galo ven amosar, na súa alternancia dumno- / dubno-, que o que dixo Paulo Diácono no seu epítome a Festo, "dubenos apud antiquos dicebatur, qui nunc dominus" ( = dubenos dicíase entre os antigos o que agora se di dominus), é certo. Ou sexa, que dominus, "señor", dicíase antes dubenos (ou dubnos, se temos en conta a caída da vogal postónica).

Un estudo etimolóxico sobre o dato fornecido por Paulo Diácono: Luca Rigobianco, "Latin dubenus, 'dominus': an attempt at etymology" (Words and Sounds, 2019). O autor propón unha etimoloxía a partir da forma arcaica duenos, que no século VI a.C. indicaría a pertenza a unha elite aristocrática (Colonna).

Entendemos entón que isto mesmo se podería aplicar ó nome do chefe galo, que pode transcribirse das dúas formas (námbalas dúas con caída da vogal postónica: dum(i)no e dub(e)no). O nome Dubnoreix, ou mellor, título honorífico, viría significar literalmente "O Señor El-Rei". O feito de conservar o galo a forma máis antiga dubno, "señor", apunta cecais a que as linguas célticas foron máis conservadoras que o latín. O antropónimo non tería que ver polo tanto con dubno, "mundo", que é a etimoloxía que adoita fornecerse (*"Rei do mundo").

sábado, 11 de julio de 2020

Porto do Son ou Porto Dosón?

Viñamos onte o meu bó amigo Pancho Gallego e máis eu de comprobar in situ a articulación da paisaxe cultural prehistórica arredor dos vellos camiños da groma do Hospital de Bruma (os castros de As Travesas, Alcaiana e Vizoño (Castro Maior), e mailo campo de mámoas do Abelar), coma sempre falando dunha mestura de temas arqueolóxicos e toponímicos mentres Pancho conducía a súa furgo: que se o impresionante control territorial desde o Castro Maior, que se o último que dixen no blog sobre Sanghengho, etc. E nestas que saiu o topónimo Porto do Son.

-De onde virá o topónimo?

-Pois... -dixen eu-, así de entrada descarto que sexa un deses nomes de posuidores ós que se recorre ás veces cando non se sabe cal é o étimo (de Ausoni, ou cousa semellante). Non sei, ó mellor algo que teña que ver coas dotes...

-Doazón! -dixo Pancho. E aí sentinme morrer, por non térseme ocurrido a min antes.

-Nin Navaza o faría mellor! -resposteille con ton reverente.

Aínda que Cabeza Quiles é partidario de vincular o nome de lugar cos sons naturais procedentes da furna de Fonforrón, "que debe o seu nome onomatopeico ao ruído que fai o mar ao meterse no seu interior", nós pensamos, con Pancho, que o étimo donationem é moito máis adecuado. É un termo moi presente nos documentos medievais para explicar como é que se chegou a posuir un predio, xunto con outros do mesmo campo, como pode ser comparata (mercada). Do(n)atione > Doazón > Doozón > Dozón / Dosón (con seseo) > do Son (por falso corte). A harmonización vogálica é idéntica ca que sufre monaco > moago > moogo > mogo, "monxe".

Porto do Son grafado como Doçon, nun mapa do Reino de Galicia do século XVII. Dato e imaxe facilitados por Pancho Gallego.

Poderiamos considerar variante o topónimo Donsión*, con desprazamento da nasalización e seseo apical que desenvolve a epéntese do i. Nembargantes, o caso de Dozón da comarca de Deza non tería esta etimoloxía, ó documentarse como "monte de Deçon" no século VI; sendo un derivado do mesmo topónimo Deza, de orixe hidronímica.

* Dentro da liña dos posuidores e seguindo a P. Martínez Lema, "o nome deste barral da freguesía de Santa María de Saavedra non se rexistra nos textos medievais, mais debe ter sen dúbida a mesma orixe que o seu homónimo do concello de Lalín: un sintagma (UILLA) DE DOMINU SILONE en que se recoñece o acusativo do antropónimo SILO" ("Nomes de posesor na toponimia do concello de Begonte (Lugo)", Revista Galega de Filoloxía, 2007, 8).

domingo, 29 de diciembre de 2019

Isidros

Microtopónimo Isidros en el lugar de A Graña, Vilapedre (Moeche). (C) Visor PBA de la Xunta de Galicia.

Variante local del más común exido o enxido, proveniente del latín exitum > ejido en castellano. Paulo Martínez Lema registra la forma portuguesa con epéntesis de r, enxidro, en Marco de Canaveses, Cinfães y Torre de Moncorvo ("Toponímia e fonética histórica no domínio galego-portugués. Notas para uma linha de trabalho", Estudis Românics, V. 40, 2018, pg. 27), por lo tanto este fenómeno no se debería en principio a un cruce con el nombre propio Isidro < Isidorus. El caso que comentamos presenta, además, cierre de la vocal anterior pretónica por metafonía y despalatalización del sonido fricativo palatal sordo.


El significado exacto del sustantivo viene determinado por la situación de las tierras de labor junto a las viviendas de A Graña: "Exido ó ejido, terreno cerrado y arrimado á la casa ó á otro que ya lo esté" (Francisco Javier Rodríguez, 1863). Se trata de una acepción tardía, pues el sustantivo ha perdido el sentido del latín exitus / introitus (salida / entrada). Véase el topónimo Entroido de O Furco (Becerreá) en este mismo blog, el cual, en cambio, se aplicó al terreno en un momento en el que todavía se conservaba la acepción de "acceso a un núcleo de población".