lunes, 8 de diciembre de 2025

Mougá e Malucanes

O topónimo Mougá da nome a dous lugares contiguos das parroquias de Doniños e Esmelle (Ferrol) e ten correspondencias cos de Mougán (Guntín) e Mougás (Oia). Para Elixio Rivas e Fernando Cabeza Quiles estes topónimos, xunto cos de Mogor, Mugardos e outros de empezo semellante, provirían da base preindoeuropea *mok / muk, "prominencia" (Toponimia de Galicia, 2008). 

Nós xa temos presentado etimoloxías diferentes, tanto para Mogor < xenitivo plural latino monacorum, "dos monxes", como para Mugardos < morgados, con metátese do r. Polo que respecta a Mougá, Mougán e Mougás pensamos que moi posiblemente proveñan do nome propio feminino Malucca ou Maluca documentado na Idade Media no Tombo de Sobrado como orixe do topónimo zamorano Malucanes, forma que semella un xenitivo en -anis tomado da casuística xermánica; aínda que como nome propio xermánico Maluca sexa descoñecido, o caso xenitivo singular en -anis da declinación xermánica dos rematados en -a no nominativo aplicouse por analoxía a varios nomes que non tiñan esta orixe.

Así pois, do xenitivo analóxico de Maluca - Malucanis formouse o nome do actual despoboado zamorano de Malucanes (Benavente). Na opinión de Riesco Chueca sería un antropónimo de orixe árabe: "Elías Terés interpreta Maluca como hipocorístico femenino derivado de mâlik, con el significado de poseedor" ("Nuevas conjeturas de toponimia zamorana", Instituto de Estudios Zamoranos Florián de Ocampo - Anuario 2008). Independentemente de cal sexa a orixe do nome propio feminino Maluca, e sendo posible que houbese xentes procedentes da zona musulmana da Península, na evolución fonética da lingua galega na Idade Media un termo como Malucanis dá perfectamente Mougás ó perder o -l- e o -n- intervocálicos sobre o século IX, sonorizar o -c- > -g- e evoluír o ditongo resultante au a ou.

Polo que respecta a Mougá (Doniños e Esmelle) e Mougán (Guntín), cremos que serían topónimos procedentes da forma masculina Malucanus, formada a partires do nome femenino Maluca. Do xenitivo latino de Malucanus - Malucani sairía Mougani, que perfectamente tería evoluído a Mougán e Mougá.

No hay comentarios: