jueves, 25 de diciembre de 2025

Gaia

Como ten sinalado Almeida Fernandes na súa obra Toponímia Portuguesa. Exame a un dicionário, o topónimo Gaia, mormente o de Vilanova de Gaia fronte a Porto, pero tamén outros Gaia que existen en Portugal, non é compatible coa etimoloxía que o fai derivar do topónimo histórico Cale (Itinerario de Antonino, Anónimo de Rávena, Crónica de Hidacio) nin do nome propio Gadila que propuxera Piel, que nin sequera está documentado, segundo apunta o investigador.

A outra proposta de Piel, Cale - Cala > con caída do -l- intervocálico *Gaa > con epéntese de -i- entre vogais idénticas Gaia, é desmontada por Almeida Fernandes indicando que o suposto *Gaa resolveríase mediante crase en *Ga, como Sa(l)a o fai en Sa. Máis o principal argumento do autor para investigar a etimoloxía de Gaia a partires dalgún nome común evoluído é a súa ampla presenza como topónimo.

Nós propoñemos o substantivo latino cavea na súa acepción menos coñecida de "foxo, excavación, soto", que ten aplicacións como orotopónimo e amais é a orixe do termo que designa as caves ou bodegas de Gaia (e tamén os sotos e semisotos onde habitan moitos portuenses - eu téñome aloxado nunha destas caves).

Do latín cavea provén o galego-portugés gabia ou gaiva, "abertura subterránea, foxo, cuneta", conservando a estrutura fónica do étimo con pequenísimas variacións, como pode ser a bilabialización do wau, o peche máximo do ditongo latino ea > ia, ou a sonorización da oclusiva velar xorda K- > G-, que xa presentaba alternancia en latín Callecia / Gallaecia, Caius / Gaius.

Caves de viño de Porto en Vilanova de Gaia.

Mais outra evolución do étimo cavea, con perda do wau intervocálico, sería Gaia. Na nosa opinión Vilanova de Gaia tería sido parte dun importante complexo portuario romano na foz do Douro, cunha estrutura dupla: o porto principal (Porto) e a súa cavea ou zona de almacéns na outra beira (Gaia). A devandita estrutura mantense na actualidade, pois as caves de viño de Porto semellan ocupar a mesma zona de almacéns portuaria que históricamente se tería desenvolto alí mesmo para dar servizo as actividades comerciais romanas. Na nosa proposta non negamos a ubicación da cidade de Cale en Porto-Gaia; unicamente estudamos a etimoloxía do topónimo Gaia, que non vemos compatible co étimo Cale. Porén, Cale podería ter sido o nome da cidade a ámbalas dúas beiras da foz do Douro, e logo os nomes dos seus barrios principais, Porto e Cavea > Gaia.

No hay comentarios: