Mostrando entradas con la etiqueta límites. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta límites. Mostrar todas las entradas

jueves, 14 de mayo de 2026

Bordei

Bordei aparece como topónimo na delimitación dos concellos da Rúa e Quiroga (IGN 1934) nomeando un grupo de seis modorras de terra  e pedras situadas en liña (Primeira Modorra de Bordei, Segunda Modorra de Bordei, etc.), todas elas de dimensións semellantes: duns 10 metros de diámetro ata 0,50 metros de altura e forma tronco-cónica, esboroadas na parte superior e cubertas de matorral. As modorras segundo a acta do IGN separaban os montes de pasto e urces propiedade do común dos veciños dos pobos de Cereixido (Quiroga), ó oeste das modorras, e Fontei (A Rúa), ó leste. Hoxe amósanse inventariadas no Visor PBA mais sen identificar polo nome que tiñan.

Un pouco máis ó noroeste o topónimo Bordei volta aparecer na cartografía como nome dunha depresión do terreo, Pozo de Bordei, xa no límite entre os concellos de Quiroga e Vilamartín de Valdeorras.

Do topónimo Bordei chama a atención en primeiro lugar a súa terminación en -ei, que non vemos posible explicar pola perda dun son intervocálico, como nos topónimos RecareiGondrei, Guimarei procedentes dos nomes propios en caso xenitivo Recaredi, Gonderedi e Vimaredi. Mais ben pensamos en que terá que estar relacionada coa terminación do próximo Fontei, estudado por Moralejo Lasso como un posible derivado do substantivo latino fons, fontis. Respecto desta proposta, podería pensarse en formacións analóxicas motivadas polo xenitivo latino dos nomes da quinta declinación, que teñen a desinencia -ei: dies, diei. O que tamén explicaría o desprazamento acentual: de fonte a Fontéi, e de borde a Bordéi.

Sobre a etimoloxía de Bordei xurden dúas ideas principais, que finalmente poderían ser unha soa: relación co termo pirenaico borda, "chozo, aprisco, cabana de pastor", ou co temo de orixe xermánica bord, "límite, borde, fronteira". Para Martín Sevilla o topónimo asturiano da braña de La Bordinga "sería un derivado de bord, voz presente en los dialectos del bajo alemán antiguo con diversos significados, entre ellos pendiente que sirve de límite" ("El topónimo asturiano La Bordinga: un límite de los suevos", RFA, 2011-12).

Na lingua romanesa existe tamén o substantivo bordei cun sentido semellante ó da borda pirenaica: "vivenda ou refuxio semisubterráneo construído con terra e vexetación"; sería un tipo de construción de orixe prehistórica que se mantivo en uso ata despois da II Guerra Mundial, cando certos grupos raciais e activistas políticos tiveron que buscar refuxio nelas ("Romanian bordei: pit-house", Georgeta Raţă, Ioan Petroman e Cornelia Petroman, 2014), o que lembra ós nosos maquis que se tiraron ó monte durante a Guerra Civil, buscando refuxio en chozos semellantes ós bordeis romaneses.

Bordei no Muzeul Satului de Bucarest.

Ó se situar estes refuxios de orixe prehistórica, cabanas, chozos, apriscos ou bordas / bordeis nas zonas de pastos dos montes comunais, que amais eran fronteiras territoriais (bordes, límites), parece semanticamente posible a deriva dunha a outra acepción, polo que o termo puido evoluír dende o significado de "fronteira" ó de "vivenda ou refuxio (situado na periferia territorial)". No caso dos topónimos Modorras de Bordei e Pozo de Bordei no límite entre Quiroga - A Rúa e Quiroga - Vilamartín de Valdeorras non ofrece moita dúbida o seu sentido primario de "límite territorial".

Os lugares de Bordel e Bordelle (Abegondo), preto do límite co concello de Carral, o lugar de Bordelle (Vilalba), preto do límite co concello de Xermade, e as aldeas do Bordo (Cerdido) e Os Bordos (Ourol e As Somozas) terán a mesma etimoloxía.

domingo, 15 de febrero de 2026

Calzada de la Guinea / Quinea

As estructuras viarias da calzada romana de Quinea, que se cita no Poema do Cid, e da calzada de Guinea (hoxe Vía de la Plata), que formaba a fronteira entre o reino de Galicia e León e o de Castela na Extremadura leonesa, utilizáronse como fronteiras entre reinos. Seguramente o motivo da elección das calzadas como marcas territoriais foi por estar construídas sobre plataformas sobreelevadas na paisaxe, moi visibles por acadaren unha certa altura e anchura. Amais daquela terían perdido prácticamente a súa función de vías de comunicación militar.

No Poema do Cid vese nos versos do desterro cando este se vai achegando ó límite de Castela: "passo por Alcobiella, que de Castiella fin es ya. La calçada de Quinea yvala tras passar". O protagonista adéntrase en terra de mouros, chega ós confins de Castela e vai pasar a calzada de Quinea, a última fronteira, un punto de non retorno. O mesmo sucede no caso extremeño: "terminus qui concluditur inter flumen Xerit [Jerte] et riuum Vernelium et calciatam de Guinea qui est in regno Legionis, populari non debet sed remaneat in regno Legionis" (ano 1194).

Con este feito de se utilizar como fronteiras ámbalas dúas antigas vías romanas chamadas na Idade Media de Quinea ou Guinea imos propor un novo étimo para explicar o odónimo, que ata o de agora se remitía a un posible *Via Equinea, ou camiño para cabalos; proposta un tanto extraña pois polas calzadas romanas circulaban carros, bestas e peóns, e tiñan un ancho maior que os camiños de ferradura (para bestas).

A nosa proposta parte do latín lacinia, "cenefa que percorre e decora o borde da roupa", mormente das togas romanas, mais metafóricamente puido aplicarse ó borde ou fronteira dun territorio. Na forma lacinia = "borde, fronteira, limes, raia territorial", se tería interpretado o segmento inicial la- como artigo feminino, orixinando as formas La Guinea ou La Quinea, con sonorización ou conservación do son oclusivo velar xordo.

Temos en conta tamén que na Lex Salica e na Lex Ripuaria se atopa a expresión "Via Lacina" ou "Via Lacinia", como unha vía de comunicación que foi cortada ou obstaculizada dalgún xeito para impedir o desprazamento por ela. No Glosario de Du Cange neste sentido é considerado un xermanismo: v. lacina. Cecais fora unha técnica militar empregada para impedir o desprazamento das tropas polo territorio en tempos de guerra. Mais ó noso xuízo esta posibilidade non aclara por que as dúas calzadas de Quinea / Guinea peninsulares foron tamén fronteiras territoriais.

Mapa da Transierra coa situación da Vía de la Guinea feito por Gervasio Velo y Nieto, en Coria y los Templarios.

domingo, 20 de julio de 2025

Merza: unha Marca Suevorum na Gallaecia

Resumo de parte da miña comunicación presentada onte no simposio "In extrema parte Gallaeciae. Os suevos da beira atlántica", organizado pola Asociación Cultural Reino de Galiza e desenvolto na sede de Espiral Maior Foro de Carballo.

De esquerda a dereita: eu, Guillermo Baños (Asociación Cultural Reino de Galiza), Xavier Canosa (organización e ponente), Miguel Anxo Fernán Vello (Espiral Maior Foro).

________________________________

O topónimo Merza nomea unha parroquia do concello de Vila de Cruces (A Coruña). A súa primeira mención atópase no Parrochiale Suevum (ano 569) ben como xentilicio, Mercienses, ou como Mercia. Ó norte de Mercia o Parrochiale Suevum, na súa versión primitiva ou orixinal, desprega un territorio baleiro no que non existían máis parroquias suevas dende Iria á sede dos britóns (Mosteiro de Máximo). 

Situación marxinal de Mercia (Mercienses) entre as distintas parroquias do Parrochiale Suevum: Sánchez Pardo, “Organización eclesiástica y social en la Galicia tardoantigua. Una perspectiva geográfico-arqueológica del Parroquial Suevo”, Hispania Sacra, 2014.

Neste territorio baleiro de parroquias suevas do N.O. de Galicia atopamos ademais outras características toponímicas e de índole diversa (p. ex. numismática) que van permitirnos expor a existencia dunha marca sueva na Galicia interior, isto é, un limes ou fronteira territorial entre os galaicos e os suevos, que posteriormente puido ser reutilizado nos conflictos entre suevos e visigodos.

1. Podemos comezar polo propio topónimo Mercia > Merza (Vila de Cruces), que provén do xermano *marka = limes, fronteira. Protoindoeuropeo *mereg, "borde, límite", que orixina o latín margo (marxe), o irlandés antigo mruig (fronteira), o persa e armenio marz (fronteira), o protoxermánico *marko > inglés antigo mearc, franco marka, nórdico antigo mörk.

Mercia > Merza é cognado do topónimo que nomeaba ó Reino de Mercia (en inglés antigo Mierce ou Myrce), reino medieval anglo-saxón lindante (fronteirizo) polo oeste cos britano-romanos ou celtas de Gales.

No control territorial romano no momento final da desintegración do imperio, época das invasións dos pobos xermánicos, tiveron moitísima importancia estratéxica os limes ou fronteiras imperiais, así como as tropas dos limitanei ("homes do limes") que controlaban os distritos fronteirizos. O feito de que o termo marcomanos (literalmente "homes da fronteira") fose un dos nomes que recibían os pobos xermanos dos suevos indicaría na nosa opinión que estes terían sido limitanei ó servizo do imperio romano. Marcomanos (xermánico Marckmänner latinizado) = limitanei (latín).

2. No N.O. de Galicia, no territorio trala marca ou limes de Mercia, non se atopa moeda de acuñación sueva, nin polo tanto visigoda, xa que logo cando os visigodos incorporaron o Reino dos Suevos á súa administración pasan a acuñar moeda nos mesmos lugares nos que previamente os suevos acuñaran a súa, cunha intención clara de reafirmación política ó incluír en moitas ocasións a lenda "VICTOR". As cecas visigodas acuñadas máis ó norte do Reino Suevo son as de Catoira (CATORA), Cuntis (CONTENO) e Merza (MERTIA), ó sur do Ulla, e cecais a de Valga ou Vea (VALLEGIA), amáis da de Lugo ó leste - v. Ruth Pliego: "Gallaecia en tiempos del Reino Visigodo de Toledo: sus emisiones monetarias", 2012.

3. No N.O. de Galicia está prácticamente ausente o topónimo SAA / SA / SAS provinte do suevo SALA, "corte, casa grande, pazo", que designaba os primitivos núcleos de poboación de orixe sueva que formaban a unidade menor de poboamento de base económica agrícola-gandeira que se espallaba polo rural da Gallaecia. A aparente excepción de Zas (Negreira) explicaríase porque non proviría de SALAS, senón do latín salice, "salgueiro", que daría salce > saz, como ulice > uz, logo correxido a Zas por supoñer que Saz era pronuncia seseante (Paulo Martínez Lema: A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (s. XII-XIV), tese de doutoramento, 2010).

Distribución do topónimo Saa segundo a base de datos xeolocalizada Toponimia de Galicia.

4. E é nesta zona da provincia da Coruña e na parte contigua do noreste da costa lucense, onde precisamente se ubican cinco dos seis topónimos Suevos / Suegos de Galicia: concellos do Vicedo, Arteixo, Mazaricos, Ames e A Baña. O feito diferencial de utilizar o etnónimo suevos como topónimo indica a presenza de enclaves de poboación foránea nun territorio poboado mormente por poboación autóctona que era moi consciente de pertencer á etnia local fronte ós extranxeiros (os suevos). Estes cinco lugares poderían ter sido enclaves coloniais en lugares estratéxicos (portos e control dos accesos ás vías de comunicación comerciais) que as poboacións locais lles terían concedido ós suevos unha vez pacificada a totalidade da Gallaecia.

Distribución do topónimo Suevos / Suegos: Pol, O Vicedo, Arteixo, Mazaricos, Ames e A Baña.

5. A toponimia CUMBRAOS / CUMBRÁNS, que indica migrantes procedentes de Coimbra, límitase ós concellos de Mazaricos, Vedra, Silleda, Monterroso, Taboada e Lugo; moi preto da marca, ou tras ela. Supoñemos que a destrución de Coimbra (Conimbriga / Colimbria > xentilicio Colimbrianos > Cumbraos / Cumbráns) levada a cabo polos suevos no ano 468 provocou unha migración masiva das xentes da cidade que buscaron refuxio no norte da Gallaecia, a zona máis afastada do núcleo de asentamento primeiro dos pobos dos suevos (a Gallaecia Bracaranse). Segundo o bispo Hidacio de Chaves os habitantes de Coimbra foran dispersados, e a rexión e a cidade, asoladas polos suevos.

CONCLUSIÓNS


O propio topónimo Merza < xermánico *marka (fronteira), mailo feito de que no noroeste de Galicia non apareza ningunha parroquia mencionada no Parrochiale Suevum, nin salas ou sas como forma básica de ocupación do territorio por parte dos suevos, a ausencia de cecas suevas e visigodas, maila presenza dos cinco topónimos Suevos circunscritos a este sector como indicadores da procedencia foránea dos seus habitantes, fan do limes do Ulla - Merza unha marca xermánica, un limes interior no Reino Suevo da Gallaecia, que separaba os suevos do último reduto galaico. Cecais a fronteira estivese protexida funcionalmente polos castella tutiora que retiñan os galaicos, que lles serviron para facer fronte ás primeiras invasións suevas que depredaron "medias partes Gallaeciae" (Hidacio).

No paso do río Ulla, onde Mercia tivo unha ubicación estratéxica pola súa proximidade a Ponte Ledesma, ubícanse varios castelos cunha cronoloxía tardorromana e altomedieval que puideron integrar este limes fortificado e servir de control ós desprazamentos polas principais vías de comunicación: Castro Valente, Pico Sacro, Castro Lupario, Portomeiro... 

Limes romano fortificado de Isauria na Notitia Dignitatum.

viernes, 7 de marzo de 2025

Os petróglifos podomorfos como marcas da propiedade territorial

"Omnis locus, quem calcaverit pes vester, vester erit" (Deuteronomio 11)


Nun artigo de 2014 José Carlos Bermejo Barrera e Miguel Romaní Martínez barallaban a posibilidade de que os petróglifos podomorfos fosen signos de "cojuración" (xuramento conxunto) dos participantes ou testigos nos procesos de deslinde territorial, feita no sitio ante xuíz ou notario seguindo o procedemento visigodo especificado no Liber Iudiciourum ou Foro Xuzgo ("Et per ubi posuerintis vestros pedes iurare. La cojuración y el posible uso de los signos podomorfos en la Galicia medieval y moderna", Madrider Mitteilungen).

O texto principal do que parten, do que se extrae o inicio do título do seu artigo, é un litixio de demarcación entre Vigo e Canedelo (ano 1097), publicado previamente por Ferro Couselo: "et devenerunt ante sagionem Ramiro Toeriquiz et derunt inter se fiadores; et devenerunt ad iudicium ante Sandino Sagadiz et iudicou de istos de Vigo que de sursum resonat, qui ipsa hereditate que clamam, que ponant suos pedes per ipsa hereditate et strement illa de Canedelo de ipsa, e per ubi posuerintis vestros pedes iurade". O xuíz Sandino Sagadiz indica os litigantes de Vigo que poñan os seus pés pola herdade, e que [deste xeito] separen a de Canedelo da outra, e que por onde poñan os pés, que xuren.

Bermejo e Romaní pensan que é probable que este tipo de xuramentos "que tendrían lugar antes de iniciar el apeo, se realizasen ante o sobre unas rocas perfectamente definidas e identificables, que podrían haberse marcado con los podomorfos como signos de que allí se realizó el acuerdo", e citan bibliografía de Frazer para traer a colación que "en contextos históricos similares tenemos documentado el gesto de jurar poniendo los pies sobre una piedra". Finalmente conclúen ou se decantan por esta idea de que os petróglifos podomorfos indican o punto onde se fixo o xuramento ("cojuración") inicial previo ó percorrido da comitiva que ía examinando os límites territoriais: "en los [casos de petroglifos podomorfos] que estamos estudiando no podemos afirmar que se jurase tocando las piedras, aunque el texto del litigio entre Vigo y Canedelo dice explícitamente et per ubi posueirintis vestros pedes iurare". E conceden que "no obstante sería muy difícil identificar las rocas concretas en las que pueda haber signos podomorfos con procesos concretos de apeos y deslindes, mientras no apareciese una prueba documental explícita".

Fotogrametría dos podomorfos do Cabeço - Oliveira de Frades. (C) Álex Negreira.

A planta de çapato de Beiro (Carballeda de Avia - Ourense)


A proba documental explícita (en contra) atopámola nun deslinde de 1664 dos coutos de Beiro (Carballeda de Avia) e Saa de Pena Corneira (San Tomé de Serantes - Leiro) realizado a petición do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela (fol. 350 r.  a 367 v. do libro de apeos titulado San Martiño: Libro 17 de apeos de varios escribanos (1632 / 1671), Arquivo Histórico Universitario de Santiago, signatura ES.GA.15078.AHUS/2.3.10.11.//571).

O xuramento que se realizou antes do percorrido dos marcos por parte dos testigos, veciños do lugar de Beiro, non foi sobre ningunha pedra, senón "en forma, sobre una señal de cruz que cada uno de ellos hiço como se requiere con su mano derecha" (fol. 355 v.).


O percorrido iniciouse saíndo dentre os dous castros que había entre Beiro e Berán (hoxe só hai un castro inventariado no Visor PBA) cara ó oeste, ata As Cortes, pasando por varios penedos sinalados con cruces de termo; máis adiante menciónanse tamén penedos onde hai gravadas sinais de ferradura, descritas nalgún caso como se delas saísen sulcos semellantes a "actiones de estribos" (acción dun estribo = fita de coiro que une o estribo á montura). No punto denominado Porto dos Asnos, que non logramos identificar, describen dúas sinais nunha pena, unha "a modo de herradura o estribo, con sus cintas a modo de actiones" e outra "a modo de planta de çapato, y esta peña está debajo de la levada que sale de los Campos do Coto hacia el lugar de Beiro" (fol. 359 v.). A visita levou dous días, supoño que pola avanzada idade dalgúns testigos, que tiñan máis de oitenta anos, e ó día seguinte partiron da fonte de Noveledo ou Novelendo, que localizamos ó sur do castro do Coto da Cidá (no límite coa parroquia de Abelenda). Por non prolongar máis o meu resumo, foron pasando por distintos marcos, penas e penedos con varias sinais (a modo de armas, con pías e cruces) ata dar de novo nos dous castros entre Beiro e Berán onde comenzara o acto xurídico de demarcación.


Como vemos, a hipótese da "cojuración" sobre un penedo gravado cun petróglifo podomorfo non se sostén, xa que logo os testigos que participan na delimitación xuran antes de comezala, si, mais xuran sobre unha cruz, como manda a tradición ("en forma" e "como se requiere", di o meiriño), ademais de que o penedo co gravado da planta do zapato ou petróglifo podomorfo non se atopa no punto no que inician o percorrido, tal e como supuñan Bermejo e Romaní, senón na mitade do camiño máis ou menos.

Pola nosa parte, pensamos que efectivamente os petróglifos podomorfos, polo menos estes que se atopan en antigos deslindes, foron feitos coa intención de sinalar a apropiación territorial, diso non hai moita dúbida, mais non co obxecto de executar sobre eles a cerimonia da "cojuración", senón como símbolo de aprensión do territorio, símbolo que partiría dunha antiga idea ou asociación como a que se expresa no Deuteronomio 11: "Todo lugar que pisen os vosos pés, será voso". Por iso o xuíz Sandino do documento de 1097 indícalles os litigantes que poñan os seus pés pola herdade, que camiñen polos seus límites para aprehendela, e que xuren tamén, dando fe de que son certos eses límites percorridos a pé.

Non descartamos, doutra banda, que noutros contextos os petróglifos podomorfos puidesen ter outras funcións, como exvotos (en santuarios), ou funcións que nós consideramos derivadas de ter sido os petróglifos podomorfos símbolos da propiedade sobre un territorio, como a estudada por Marco Virgilio Quintela e Manuel Santos Estévez relativa ás investiduras reais célticas, cerimoniais que puideron celebrarse sobre as pegadas que previamente marcaron a propiedade sobre o territorio dos devanceiros.

As lendas asociadas ós podomorfos de límite, como a que me achega Pablo Sanmartín do colectivo "A Rula", tamén aportan probas, tanto da súa funcionalidade como sinais de termo, como cecais indicios (aínda por demostrar) de terse desenvolto sobre estes penedos algún tipo de cerimonia vencellada ó acto fundacional do territorio. É o caso dunha das lendas ligada ós podomorfos de Requián (San Simón de Ons -Teo), coñecidos como Os Pasos de San Simón. Na web do colectivo recóllese a tradición que o párroco do lugar remitira nos anos oitenta ó concello: "unas huellas parecidas a pasos humanos, de la que existe unha tradición-leyenda de que al venir los patronos de las parroquias de Cacheiras y Recesende, San Simón y San Juan Bautista, se separaron en ese lugar, cada uno a su lugar, dejando allí las huellas de su separación" ("As pegadas de San Simón de Ons", web do Colectivo A Rula, 2018). Vese como os dous territorios están representados polos seus padroeiros (Simón e Xoán Bautista), que deixan as pegadas como sinal de demarcación.

Corpus medieval galego


Completamos o corpus con outras referencias nas que expresión ponere pedes ( = camiñar deixando as pegadas) aparece nas circumambulacións dos deslindes. Fonte: CODOLGA.
  1. Samos (1082): "[...] Garsia Eriz cum multis sapientibus et precesserunt ad illum episcopum et ad Eita Gosendiz et posuerunt pedes ad illam arcam super Montan, et inde ad illam arcam super Zaon que dicitur samanega [...]".
  2. Coímbra (1087): "[...] cum Pelagio Cartimiriz qui erat judex Colimbrie et cum aliis testibus idoneis ut coram eis poneret domnus Ramirus pedes per illas divisiones et monstraret que petebat et juraret cum IIII.or habitatoribus Vaccaricie [...]".
  3. Melón (1097): "[...] Sando Cidiz, Teofreo, Osevo Petriz et poserunt suos pedes per terminum de ipsa cumbrada de Vessada, et vay ad illo carbalio et vai ad illa mammona [...]".
  4. Ribas de Sil (1172): "[...] vocavit sapientes adque idoneos viros et hostendit illi hereditatem. et posuerunt illos homines sapientes pedes suos per terminos sicut sciebant et sicut audierant ab antiquis, huiusmodi. quomodo incipit per cauctum de Ualle Marcellu [...]".

Comparativa con outros antigos rituais de apropiación do territorio pola circumambulación


A Circunvalación do Recinto (Exipto - Reino Antigo): a circunvalación dun espazo por parte do monarca como forma de apropiación simbólica documéntase na chamada Circunvalación do Recinto, que formaba parte da cerimonia de coroación como un dos actos finais da mesma. Considérase unha forma de apropiación do espazo por parte do rei, e máis un acto fundacional, cecais vencellado á idea de que cada reinado supuña unha nova creación do mundo (Andrés Diego Espinel, Etnicidad y territorio en el Egipto del Reino Antiguo, 2006).

A Circunvalación do Reino (Europa - Alta Idade Media): no estudo de Marcial Tenreiro Bermúdez ("Sobre ciertos sacrificios fundacionales y de delimitación y sus paralelos históricos y etnográficos", Anuario Brigantino, 2007) menciónase o ritual de la chevauchée le roy estudado por Michelet (Origines du droit français, 1837, px. 164), segundo a cal o rei percorría os límites dacabalo para tomar posesión do territorio. Nun dos textos traídos por Michelet (px. 79) cóntase como o rei Clovis prometera ó abade de Réomans [Reims] toda a terra que puidese arrodear cabalgando no seu asno durante un día (documento do ano 496); noutro texto que desenvolve a mesma historia engádese que o abade (agora convertido en San Remy) fora deixando sinais ó seu paso, aínda visibles.

A posibilidade de percorrer o territorio demarcado tanto a pé como dacabalo, segundo pensamos, pode ser a orixe tanto dos gravados de podormorfos, como das frecuentes ferraduras que se atopan como sinais nos deslindes, significando en ámbolos dous casos o mesmo: territorio percorrido, delimitado mediante circumambulación, ben por apeamento (derivado de pé) ben por circumequitatio.

martes, 25 de febrero de 2025

O topónimo Mogo / Mogos e mailo antropónimo Meogo

A toponimia do tipo Mogo ou Mogos provén da frase latina "(in) medio loco", que non ten como referente a un paisano que estivese medio tolo (como o primum locum que tiña César en Cospeito), senón que indica o espazo central dun territorio.

Cromeleque da Portela dos Mogos (Évora - Portugal). (C) A. Galíndez, 2007.

Facendo unha pesquisa na base de datos Toponimia de Galicia saen por exemplo: Val de Mogo en Portocamba (Castrelo do Val - Ourense),  A Portela dos Mogos en Casdenodres (A Veiga - Ourense), Camiño e Fonte dos Mogos en Paredes (Montederramo - Ourense, xa mencionada nun documento do ano 1240 como "Fonte de Moogos" - CODOLGA), Fondemogos en Pedrafita (A Teixeira - Ourense), Mogos en Pradocabalos (Viana do Bolo - Ourense), Casal de Mogos en Catoira (Pontevedra), Monte de Mogos en Moaña (Pontevedra), Montemogos en Beluso (Bueu - Pontevedra), Val de Mogos en Estraxiz (Samos - Lugo), Fonte do Mogo en Romelle (Samos - Lugo), Mogos en San Xurxo de Lourenzá (Lugo), Mogos en Lemaio (A Laracha - Coruña), Mogos en Brión (A Coruña), Mogos en Sorribas (Rois - A Coruña) ou Mogos en Arca (O Pino - A Coruña).

A forma etimolóxica atópase nun documento de Camanzo do ano 1203 "nostram hereditatem de Ligoa que iacet in monte Cusanka sub heremite de Medio Loco".

No Dicionario de dicionarios do galego medieval vemos que en 1977 Ramón Lorenzo xa recollera as formas medievais meyogoo, meogo e meogoo, resultantes da caída do -l- intervocálico de medioloco, sonorización do son [k] intervocálico e evolución do grupo d+iode > iode e posterior caída deste son en posición intervocálica.

O seu senso como locución adverbial operativa no léxico común medieval ven garantido por frases como: "in meogum de agros" (1240); "no meogo da carta envyou ensarrada essa carta del Rey" (1261); "en meogo do ſſeelo, ṽua figura de frol" (1302); "enmeogo da herdade de Oya" (1306); "no Meogo entre anbas estas leiras" (1365) - cfr. Corpus Xelmírez e base de datos do CODOLGA.

Dona Carolina de Michaëlis (Fragmentos etymologicos colligidos, 1894) tiña estudado a etimoloxía destas formas comparándoas co francés milieu, provenzal miec luoc, italiano miluogo, rumano mijloc, que lle serven para acreditar no étimo IN MEDIO LOCO que propuxera Julius Cornu (Grammatica portugueza), aínda que ela o modifica lixeiramente, *MEDIO LOCULO, preferindo a innecesaria forma en diminutivo.

Nós atopamos en Cerdeña o topónimo Meilogu, cuxa etimoloxía remite tamén a medium locum, e parécenos que estes lugares centrais, situados no medio dun territorio, ou entre dúas entidades territoriais, son susceptibles de se considerar puntos sacros da xeografía, capaces de albergar no seu espazo construcións tipo santuario (o cromeleque da Portela de Mogos, ou a "heremita de Medio Loco"). Na nosa opinión a toponimia céltica do tipo Mélec (Nomélec e Plumélec en Morbihan e Lanvellec en Côtes-du-Nord) podería analizarse baixo esta perspectiva de seren lugares centrais, latín medium locum, non formados a partires do nome dun santo (Coromines fornece a forma meiloc < medium locum para o occitano arcaico, tan semellante ó antropónimo de orixe celta Mailoc).

O dito ata aquí respecto da palabra medieval meogo, que orixina a toponimia Mogo / Mogos, afecta á etimoloxía do antropónimo masculino Meogo, bastante frecuente na Idade Media, e que sempre se considerou provinte do latín monachum, "monxe" (Boullón Agrelo, Antroponimia medieval galega, 2014). Só Souto Cabo atopara reparos na etimoloxía consensuada: "do nosso ponto de vista, trata-se de uma forma conservadora derivada de MEDIO + LOCO > Meoógo > Meógo / Moógo, "o que está no meio", que observamos ocasionalmente na documentação do período" ("En Santiago, seend’ albergado en mia pousada. Nótulas trovadorescas compostelanas", Verba, 2012). Mais, en que senso chega a aplicarse a un home esta designación? Souto Cabo non o explica. Senón foi por ser un apelido de orixe toponímica, cecais orixinariamente os irmáns medianos poderían ter recibido o nome como alcume, ou ben cecais se trataría de persoeiros que ocupaban unha posición destacada e central na comunidade, ou liminal e marxinal (nin aquí nin acolá), o que achegaría o nome á categoría de título ou marcador categorial?

domingo, 8 de diciembre de 2024

Necrópole do Vao de Alconétar - dólmenes do Guadancil

Se existe un conxunto de megálitos asombroso, non tanto pola grande concentración ou pola magnitude (son máis ben dun tamaño discreto), senón pola súa situación, é o conxunto dos dólmenes espallados no entorno do Vao de Alconétar - Cerro Garrote - Río Guadancil, na provincia de Cáceres. Non é só que estean á beira de dúas antigas vías de comunicación, o Cordel de Gandos e a Calzada Romana da Vía da Plata (trazada probablemente sobre unha vía previa de orixe natural), que descorren moi xuntas nas inmediacións do vao do río Teixo; a súa peculiaridade ven dada pola situación dos dólmenes ocupando tamén os cumios de tódolos pequenos outeiros que asoman na paisaxe, sen que quede ningún sen o seu megálito no curuto.

No amplo estudo que Enrique Cerrillo Cuenca ten adicado á necrópole (Una biografía de la necrópolis megalítica del área de Alconétar, 2018) encontramos unha primeira referencia a esta distribución dos megálitos nos outeiros nos datos que aportara Felipe León Guerra (1883):

“En la misma vega vió D. Jerónimo además de otros tres dólmenes a que sólo faltaba el techo y algo del terraplén, y restos de otros cinco, y en el cerro de la Horca, y otro en el del Cantador, y en los demás cerros inmediatos le dijeron los labradores y pastores que también los había, pareciendo aquello una población de tan remotas gentes”.

Un dos dólmenes do Cerro Garrote (Garrote II - clasificación dos Leisner). (C) A. Galíndez, 2007.

Pasamos a ofrecer máis datos, inéditos, respecto á existencia de dólmenes nos outeiros (cerros) do entorno do Guadancil - Cerro Garrote. Aparecen na acta de deslinde do IGN entre os termos municipais de Garrovillas de Alconétar e Cañaveral, datada en 1899, é dicir, no mesmo ano en que Vicente Paredes aínda estaba a explorar e informar os seus corresponsais da situación dos túmulos (v. cronoloxía da actividade arqueolóxica na zona do Guadancil na obra citada de Cerrillo Cuenca, 2018, px. 31). É improbable, porén, que os membros da comisión de deslinde, perito topógrafo incluído, soubesen que os mollóns de termo que describían como "montóns de terra e pedras, de forma cónica, dun metro de diámetro na base por medio metro de altura" fosen monumentos megalíticos. Existen máis datos noutros deslindes sobre posibles túmulos nos cerros situados ó longo deste tramo da Vía da Plata, pero non imos incluílos aquí.

Velaí os seguintes dólmenes-mollón no deslinde entre Garrovillas e Cañaveral:

No Cerro Cabeza Rubia: "un montón de tierra y piedras de forma cónica de ochenta centímetros de diámetro en su base por cincuenta centímetros de altura. Está colocado en el cerro denominado Cabeza Rubia".


Na beira dereita do Guadancil: "un montón de piedras de forma cónica de un metro de diámetro en su base por medio metro de altura. Está colocado en la márgen derecha del arroyo de Guadancil y en la linde de la dehesa Las Minas [...]. El sitio se donomina La Raya".


No Cerro da Biga: "un montón de piedras de forma cónica de medio metro de diámetro en su base por cuarenta centímetros de altura. Está colocado en el centro de la Calzada Romana y sitio llamado Cerro de la Biga".


Nos Novillos (baixo Cerro Garrote): "un montón de piedras de forma cónica de medio metro de diámetro en su base por medio metro de altura. Está colocado en el centro de la Calzada Romana y sitio llamado Los Novillos".


No Cerro da Biga: "una piedra empotrada en el suelo, de figura irregular cuyas mayores dimensiones son treinta y cinco centímetros de longitud, treinta centímetros de latitud y medio metro de altura. Está colocada en la falda S.L del Cerro de la Biga". Posible estela, ou ortostato illado?




Esquemas de José Mena y Fernández (1899) tomados do correspondente Caderno de Campo do deslinde entre Garrovillas e Cañaveral - IGN.

Respecto da extraña mención de moreas de pedra cónicas no centro da Calzada Romana pensabamos que podería tratarse dunha ubicación aproximada dos fitos por parte do perito, mais nos esquemas de José Mena vese que sitúa algúns mollóns mesmamente no centro da vía. Neste sentido temos visto fai anos unha morea de pedras, que podería ter sido a cámara dun pequeno dolmen, xusto no borde da Calzada Romana ó seu paso tralo Cerro Garrote, o que sería indicio de que na construción desta procurouse respectar ó máximo a integridade dos moimentos funerarios dos antergos.

Amoreamento de pedras no borde da Calzada de Romanos tralo Cerro Garrote. (C) A. Galíndez, 2007.

Chamamos agora a atención sobre un microtopónimo lusitano no Vao do Alconétar, a Aceña del Congeito, hoxe desaparecido co asolagamento do lugar polo encoro. Segundo a opinión de Leite de Vasconcelos a toponimia deste tipo proviría do latín coniectus lapidum, "montón de pedras" ("Etimologias", Revista Lusitana, 1920); así pois, o nome primeiramente tería designado un destes túmulos funerarios formados amoreando pedras, semellante ó enorme cairn do dolmen Guadancil I (asolagado polo encoro). O próximo topónimo, La Raya, lugar mencionado aínda na acta de deslinde como ubicación do mollón 2º, tamén é de tipo lusitano (cfr. o uso de raia co significado de fronteira); da outra beira do Teixo, o hidrónimo Ribera de Araya podería ter a mesma etimoloxía. Tanto Congeito como La Raya / Araia suxiren que o límite da antiga Lusitania polo leste podería ter chegado ata aquí.

A Aceña del Congeito no Vao do Alconétar - planimetrías do IGN.

A situación da raia da Lusitania neste punto vai indicada tamén no mapa de distribución dos megálitos de Cerrillo Cuenca, no que se ve como a dispersión leva o seu límite nordés precisamente ata a grande concentración de megálitos do Vao de Alconétar - río Guadancil.

Dispersión dos megálitos da Lusitania e área de influencia segundo Cerrillo Cuenca (2018). Os do Vao de Alconétar - Guadancil van encerrados nun recadro.

Para que facer un túmulo se a orografía do terreo xa cho dá feito? Semella que a situación de pequenas cámaras megalíticas en tódolos cerros do Vao de Alconétar - río Guadancil (Cabeza Rubia, Cerro da Horca, Cantador, Cerro da Biga e Cerro Garrote) ven imposta pola forma e dimensión destes pequenos outeiros de pouca elevación e contorno redondeado, que gardan parecido cos grandes túmulos artificiais (mámoas) construídos para albergar os dólmenes. Trataríase polo tanto de construcións megalíticas que aproveitarían estes outeiriños como túmulos naturais.

jueves, 21 de noviembre de 2024

O bosque xordo: límites entre a civilización e o territorio máxico

O territorio máxico existe; aínda está aquí. Non é unha ficción do imaxinario lendario do folklore e os mitos. Cada vez é máis exiguo, cada vez redúcese máis, pero aínda resiste. Identifícase fundamentalmente por unha cualidade relacionada co sentido do ouvido: non escoitarse nel ruídos ou sons da civilización, ruídos de orixe antrópica, vencellados ás actividades económicas que realizan os seres humáns na natureza. E diredes, "boh! iso é simplemente un territorio alonxado de núcleos de poboación". Pois non, ou non só.

Descubrimos o territorio máxico de casualidade, unindo tres datos que fomos coñecendo ó longo do tempo.

1. Os conxuros contra as tormentas, nos que o oficiante adoita increpar ó nubeiro para que marche cara un lugar "donde galo non cantaba, nin páxaro chiava nin boi brullaba" (A Lama - Pontevedra), "donde nu oigas el gallo cantar, ni el buey manso reburdiar, ni las campanas tocar" (1). O conxuro contra a tormenta máis antigo que conservamos é a formula incantamenti da pizarra de Carrio (Asturias) do século IX, escrita en latín con caracteres visigóticos, da que fornecemos a parte que nos interesa agora, dirixida a afunguentar as nubes para que "per montes uada et reuertam ubi neque galus canta neque galina cacena, ubi neque arator est neque seminator semina, ubi neque nula nomina resona" (ed. de Isabel Velázquez Soriano, Las pizarras visigodas, 2004, pizarra nº 104). O conxuro de Carrio ven sendo en liñas xerais como os demáis que imos ver por exemplo en Rumanía, pero contén unha frase ben impactante, case bíblica, "onde ningunha palabra soa", relativa á cualidade humana máis distintiva, que é a nosa capacidade de falar, e nomear o mundo. Nese territorio mítico e máxico nunca se escoita falar, ou é un espazo-tempo no que as cousas aínda non teñen nome?

2. Nos "Procesos de fe de brujas" (Archivo Histórico Nacional, INQUISICIÓN,1679,Exp.2) de principios do século XVII a primeira pregunta que se lles facía os encausados era se "estando allá [nas xuntas ou aquelarres] o yendo o viniendo [deles] oían reloj, campanas, perros o gallos del lugar más cercano". Se a xuntanza de bruxas fora certa as respostas serían negativas, non se terían escoitado eses sons durante a celebración do sabbat.


3. No "bosque xordo" (M. Eliade, "Il culto della mandragora in Romania", 1975), onde non se escoitaba o galo cantar, era onde as mulleres de Rumanía recollían a planta chamada mătrăguna (cecais a beladona) para facer os seus esconxuros amorosos. Vasile Bogrea ten estudado as fórmulas dos exorcismos en Rumanía, tan semellantes ás nosas, e nas que se conservan datos que indican a realización de tarefas gandeiras, agrícolas e a existencia de fogares ("O străveche formulă de exorcism în descântecele noastre", Dacoromania, 1926). Os conxuros rumanos afunguentaban o mal cara lugares

unde cocoșii negri nu cântă
vaca neagră nu rage
rădăcină nu se trage
foc nu se face

(onde o galo negro non canta, a vaca negra non muxe, a raíz non prende, e non se fai lume)

unde câne nu latră

(onde can non ladra)

As xuntas de bruxas e a recollida da beladona tiñan que se facer no territorio máxico do bosque xordo, marcado e delimitado polo feito de non se escoitar nel sons vencellados á actividade humana. Nesta distinción entre territorio humanizado - non humanizado percíbese a cualidade máxica do territorio non antropizado, que xurde ó considerar as actividades que tiñan lugar nel (celebración do sabbat ou aquelarre, recollida de plantas para esconxuros). Tamén a tormenta ou o nubeiro botábanse fora, mediante os recitados, ó lugar de onde procedían, a ese mundo máxico (non humano) dos espíritus e demos, que segundo a crenza popular creaban os temporais.

________________________________

*Agradezo a María Alonso Echanove a referencia ó artigo de Mircea Eliade, e a Ana Piñeiro a posible identificación da planta chamada mătrăguna en Rumanía coa beladona, que nas versións española e italiana do traballo de Eliade traducen como mandrágora.

(1) Conxuro asturiano tomado do estudo de Jesús Suárez López, Fórmulas mágicas de la tradición oral asturiana. Invocaciones, ensalmos y conjuros, 2016, px. 187 e ss. "Conjuros meteorológicos".

lunes, 28 de octubre de 2024

Paradanta e A Antiga


A finais do século XVIII os límites da parroquia de Lueda (A Cañiza) aínda pasaban por Pedra Dante (actual Paradanta). Non é ningunha novidade que para- en composición sexa unha forma sincopada de pedra, así aparece no topónimo Parafita (Chandexa de Queixa), composto provinte do latín petra ficta, ou no orónimo Monte da Paralonga (Valeixe - A Cañiza) e A Paravedra (Covelo), do latín petra vetula. A forma Pedra Dante do Catastro de Ensenada proba o que xa se sabía. É curiosa por levar incorporada a preposición de ó sustantivo anta, que ás veces tamén aparece coa -s final do artigo feminino plural engadida: As Santas atópase de cando en vez nomeando necrópoles megalíticas, e por suposto non debe considerarse unha variante lingüisticamente correcta.

O sustantivo anta provén do latín anta, "ucheira, xamba dunha porta". O galego mantivo esa acepción no derivado anteira = "cada unha das pedras que forman os laterais da boca do forno", mais tamén desenvolveu, como outras linguas peninsulares, dúas acepcións especializadas relativas ós megálitos, anta = "chanto, mollón de termo, marco" e "dolmen". No texto que seleccionamos do Catastro de Ensenada (parroquia de Lueda - A Cañiza) fálase precisamente dos límites territoriais que pasaban polo "marco de Pedra Dante".

Temos falado xa de que na toponimia as formas Antón, Antões ou Antoinha, etc. e mailos aparentes hipocorísticos alpinos de Antoine (Togne, Tougne, Tognet), idénticos ó nome personal, son en realidade derivados da forma anta, e designan dólmenes ou megálitos doutro tipo (cfr. Forno dos Mouros, Toques - Serra do Bocelo, Arqueotoponimia 2015).

Posto que anta ten xerado derivados, imos valorar se o topónimo A Antiga / A Antigua, ligado ós primitivos camiños reais que ían polas cordas das serras, inzados de megálitos e marcos, podería ser un derivado dela, concretamente da forma *ántiga, que tería experimentado desprazamento do acento, e non, como se cre, do adxectivo latino antiquus, -a, -um "antigo".

Na documentación medieval aparece antiqua xunto dos termos carrale, karraria, via, vereda, semita. Os escribáns dos documentos medievais adoitaban expresarse no rexistro culto da lingua, ó que pertence sen dúbida o adxectivo latino antiquus, -a, -um; o pobo, pola súa parte, prefiriu os termos provintes de vetulus, -a, -um, "vello" > vello / vedro, para expresar esta mesma idea.

A proposta de JL Pensado ("Sobre el gallego "Antiga", "Antigua" y su paralelo italiano", Verba 1978) é que o topónimo A Antig(u)a, en xeral, proviría da elisión do sustantivo ou núcleo dunha destas frases, "illa (vereda) antiqua" > A Antiga / A Antigua: adxectivo substantivado que acabaría por quedar na fala como sinónimo de vía ou camiño. Nós consideramos improbable a súa etimoloxía, pois é que, como dicimos, o pobo non usou este adxectivo, senón vetulus, -a, -um, "vello", e amais o termo Antiga pode provir, mellor, do latín anticus, -a, -um, "dianteiro, na franxa do limes ou borde situado diante do territorio, á súa entrada ou saída". Este termo pertence ó eido dos agrimensores, foi usado nas centuriacións (repartos das terras) e tiña xa en latín unha acepción próxima á de vía ou camiño (como sucede co termo decumanus, que é un dos eixes das centuriacións e tamén forma unha vía principal - cfr. via decumana). A nosa proposta encaixa co feito de que o galego conserva, recollido no dicionario, o termo antiga como "servidume de paso a través de fincas alleas", conservando a dobre noción de camiño e límite, propia das centuriacións territoriais.

Tal e como se formou a frase via decumana, por trazarse o camiño sobre o decumano territorial, semella que puideron formarse expresións como via antica ou carrale antica, por trazarse estes camiños sobre os límites territoriais dianteiros (limes anticus = via anterior), xerando a impresión de que se trataba do adxectivo homófono antiquus, -a, -um, "vello". E así interpretamos un documento dun apeo de Sobrado do século XIV, no que  a colisión dos case homófonos antica / antiqua semella provocar a glosa do escribán, que non acaba de entender a expresión: "a pena de Spino e ende a o o marco que esta contra o Pedrouco e ende a a antigua vella e ende fonte de Soo Lodeyro e ende iusa pelo rego".

Non é extraño, porén, que o topónimo A Antiga ou A Antigua (xa con wau pola confusión mencionada) apareza con moita frecuencia nos deslindes. Nos límites entre Samos e Oincio (IGN 1944) descríbense varios mollóns de termo na Pena Dantigua e na Petada Dantigua.


Neste documento de Samos (ano 1277 - Corpus Xelmírez) obsérvase reiteradamente a expresión "fer no antigo" en relación cos límites das leiras: "Conosuda couſſa ſſeya a quantoſ eſta carta viren, como noſ, don Julao, abade de Sſamooſ, τ o conuento de eſſe mííſmo logar, damoſ a uoſ, don Pedro Rodericj́ τ a uoſſo ermao, Nuno Rodericj́, o noſſo herdamento que auemoſ ena uila de Fferreyroſ ſſu ſſino de Sſan Sſadurnino, τ de San Martin de Loſſeyro, o qual erdamento teuo de noſ uoſſo padre τ uoſſa madre, saluo ende a erdade, que ffoy de don Fferreyro τ a que ffoy de don Pedro Sſobrino, conuen a ſſaber [...]: τ una leyra marcada na cortina do Sſouto nouo, que jas entre laſ do caſſal de Ffernan Paes, τ autra leyra ias en Sſindjn aſſi como ſſe determina de la de Ffernan Paes ate ña de Vermon Paes τ ffer no antigo; τ outra leyra en Eyrella aſſi como determina per la de Martin Paes τ per outra do caſſal de Johan Lobo e ffer no antigo; τ autra leyra aa ffonte dEyrella como ſſe determina per la de Sſeſinas τ per la de Sſaa, τ ffer no antigo; τ outra leyra aa caſtineyra de Barreyro, como ſſe parte per la leyra do caſſal de don Payo, τ dautra parte per lo ageyro τ ffer no rrio; τ outra leyra ao poso que jas entre laſ do caſſal de don Nuno, τ ffer na leyra de Gontina τ per lo antigo; τ outra leyra ao Pumarino ante o paso que ffoy de don Payo, como jas marcada entre laſ doſ Ffreyres τ ffer no antiguo; τ autra aa ponte aſſi como jas marcada entre laſ do caſſal de don Nuno τ ffer no antiguo; outra leyra cabo a cortina do caſſal que jas ſſu a daſ Quintaſ aſſi como ſſe uay per la do caſſal de Nuno Peres; outra leyra en Pomar de Dono, que jas ſſu a de Farra eyro τ do outro cabo ſſu a Regãẽga τ fer na de Eglleſia τ no antiguo; outra leyra en Pomarino como vay do antiguo que vay pra Eglleia τ do outro cabo co ſſe uay per la de Vermon Paes no valle de Sſautan, como ſſe uay per lo ualado, a derreyto pra o ualado de Golan, entre la de Pay Ffernandes τ de Ff......do como ffer toda ena de Eccleſia τ vay ao antigo per meo τ da una parte τ dautra, τ toda de Sſamooſ; outra leyra do Mero como jas entranbas las de Sſaa, como ffer no antiguo do Mouro; outra leyra do Baso como jas cabo a da Chaue; outra leyra aa Sſeyta que jas en braso con na lama τ ffer na de Ffernan Paes; outra leyra na cortina de Fformarigo ſſu antiguo que vay p..g.ada τ ffer no Fformarigo; outra leyra ſſu a cortina d ' Ayra que ffoy de don Pedro Sſobrino τ ffer no antiguo da Pedreyra, τ ſſi y mayſ ouuer, que a tendeſ pra o moeſteyro. τ eſteſ herdamentoſ de ſſuſſo ditoſ vos damoſ per atal condison [...]".

Sostemos, polo tanto, que a toponimia A Antiga / A Antigua provén do termo latino anticus, -a, -um, relacionado cos límites da configuración territorial, coas fronteiras e os camiños trazados sobre elas (ou á inversa: fronteiras trazadas sobre camiños previos), á súa vez vencellado ó termo anta, "ucheira, xamba da porta de entrada", que nun senso amplo pódese considerar como a entrada do territorio.

sábado, 12 de octubre de 2024

Megálitos entre Vimianzo e Zas

Nas Actas de Deslinde entre os concellos de Vimianzo e Zas (1940 IGN) aparecen varios megálitos que se van recoñecendo pola comisión como fitos ou mollóns que establecían os límites territoriais. Nesta visita a pé dos marcos (apeo), fóronse gravando sobre eles cruces de termo como confirmación do acto. 

Os megálitos, ó que parece non identificados como antigas sepulturas ou construcións por ningún dos membros da comitiva, foron definidos pola forma das grandes laxes cobertoiras utilizándose constantemente a frase "de forma aproximada a un casquete esférico". Así pois, é moi doado identificalos no documento, pois a devandita frase aplícase con regularidade ós dólmenes, e non a outros fitos.

A continuación fornecemos a lista dos mollóns "de forma aproximada a un casquete esférico", entre os que hai algúns dólmenes ben coñecidos, e con seguridade outros sen identificar aínda, por estar destruídos ou atoparse en paraxes de moi difícil acceso. A liña de termo entre os concellos de Viamianzo e Zas séguese perfectamente no Visor PBA da Xunta, onde tamén se poden localizar os lugares mencionados no deslinde, ben na toponimia base ou activando a capa catastral. De sur a norte son os seguintes, polos nomes que aparecen no documento de deslinde.

Pedra Borreira (mollón 8), de dimensións 4,60m de diámetro e 1,30m de altura. Vese que o límite metíase máis cara a Vimianzo, na liña coa mámoa de Pedro Muíño, da que temos falado no blog - sen inventariar no PBA.

Bau de Vieira (mollón 9), de dimensións 1,80m de diámetro e 1,20m de altura. Na zona do Rego do Vao da Aveeira está sinalada no PBA a "Mámoa da Piña", pero ben podería ser outra aínda sen inventariar.

Pedras de Prado do Trinta (mollón 11), de dimensións 1,20m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA.

Pedra da Arca (mollón 12), de dimensións 3,5m de diámetro e 1,20m de altura. Trátase da célebre Arca da Piosa, cuxa descrición como "pedra nativa, caliza, de forma aproximada a un casquete esférico", da idea do descoñecemento do topógrafo sobre as construcións megalíticas do noso pasado, e da mineraloxía.

Matanza (mollón 14), de dimensións 1,80m de diámetro e 0,90m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña I (mollón 16), de dimensións 1,30m de diámetro e 1,05m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña II (mollón 17), de dimensións 2,30m de diámetro e 1,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña III (mollón 18), de dimensións 3,30m de diámetro e 2,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Costa del Molino de Santa Cecilia (mollón 19), de dimensións 2,20m de diámetro e 1,15m de altura. No lugar de Costa do Río (Santa Sía de Roma) vense varias mámoas inventariadas no PBA, chamadas "Mámoas das Valiñas".

Pedras Altas (mollón 20), de dimensións 3,20m de diámetro e 1,40 de altura - sen inventariar no PBA.

Baliñas (mollón 24), de dimensións 3,80m de diámetro e 1,40m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar, seguindo o límite entre concellos, será o da Valiña de Treviño.

Pedras Berrugas (mollón 25), de dimensións 4,20m de diámetro e 2,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Riba das Eiras (mollón 28), de dimensións 3,20m de diámetro e 1,20m de altura - sen inventariar no PBA. O microtopónimo Arriba da Eira localizámolo en Treviño.

No ángulo inferior dereito, a parcela de Arriba da Eira (Treviño).
(C) Voo Americano de 1956.

Bau de Campos (mollón 34), de dimensións 4,20m de diámetro por 1,80m de altura - sen inventariar no PBA. Vao de Campos está xa moi preto da aldea de Sandrexo.

As Brañeiras (mollón 36), de dimensións 0,85m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA. As Brañeiras localízase na mesma zona de Vao de Campos, ó leste da aldea de Sandrexo.

Pedras Mayores (mollón 37), de dimensións 2,80m de diámetro e 1,30 de altura - sen inventariar no PBA. O microtopónimo Pedras Maiores localízase na mesma zona de Vao de Campos e As Brañeiras, ó leste da aldea de Sandrexo.

Na esquina superior esquerda, a aldea de Sandrexo; na esquina inferior dereita, a leira chamada Pedras Maiores, na que se perciben traballos forestais ou agrícolas coa conseguinte destrución do megálito.

Milleira da Hierba (mollón 38), de dimensións 0,60m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA. As parcelas chamadas Milleira da Herba sitúanse na mesma zona ó leste de Sandrexo.

Na esquina inferior dereita, as parcelas de Milleira da Herba no Voo Americano de 1956.

Liña dos mollóns dende Vao de Campos a Milleira da Herba no plano do deslinde de 1940.


Cotoneira (mollón 45), de dimensións 1,80m de diámetro e 1,10 de alto - sen inventariar no PBA. Cotoeira é unha parcela pegada a Sandrexo polo norte.

Denllos da Baixo (mollón 47), de dimensións 1,10m de diámetro e 0,10m de altura - sen inventariar no PBA. Os Denllos localízanse na toponimia do PBA, entre as aldeas de Sandrexo e Vilar.

Abueiro ou Batabueiro (mollón 50), de dimensións 3,80m de diámetro e 1,90m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar de Matabueiro atópase baixo a aldea de Saconde, na zona dos megálitos da "Mina de Saconde".

Cruceiro (mollón 54), de dimensións 3,25m e 0,60m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar de Cruceiro atópase na aldea de Pazos, a continuación da aldea de Saconde.

Peñón (mollón 55), de dimensións 8,20m de diámetro e 4,10m de altura. Polas súas dimensións, e a pesares de ser descrita como os megálitos ("casquete esférico") descartamos que poida tratarse dun. O lugar do Peñón vese sobre a aldea de Pazos no Visor PBA.

Quintáns (mollón 57), de dimensións 1,30m de diámetro e 0,60m de altura - sen inventariar no PBA. Precísase que está ó oeste do río Xora (sinalado como río Torrente no PBA). Moi preto está a necrópole das Minas / Pedras Grandes.

Peñas do Canle (mollón 59), de dimensións 6,80m de diámetro e 2,25m de alto - sen inventariar no PBA. O lugar de Pena da Canle é situado polo PBA sobre as mámoas das Minas / Pedras Grandes.

Pedra Vegía (mollón 60), de dimensións 1,20m de diámetro (non se fornece a altura) - está catalogada no PBA como "Dolmen de Pedra Vixía". Suxerimos aquí que o nome orixinal ben puido ser Pedra Vexiga.

En resumo, os termos dos concellos de Vimianzo e Zas ían sinalados por 25 "pedras semellantes a un casquete esférico", das que só catro están catalogadas como dólmenes (suliñadas en cor verde). Só pode descartarse a priori que un dos restantes 21 fitos en forma de casquete esférico non sexa un dolmen, pois as súas dimensións non cadran coa información que temos dos megálitos coñecidos na zona (Pedra da Arca, Pedra Vixía); tamén se percíbe que na contorna deles existen necrópoles megalíticas, o que indicaría que a maioría dos "casquetes esféricos" deste deslinde (documento 1940) son con moi alta probabilidade dólmenes pertencentes a eses conxuntos.

miércoles, 9 de octubre de 2024

Botarlle moedas ós marcos - O marco do Lugar Vello (Miño - Vilarmaior)

Botarlle moedas ós marcos... isto que é, senón un culto ó diaño? Sería o que diría San Martiño de Dumio se coñecese este costume, que chegou ata hoxe a pesares dos seus intentos de corrixir ós rústicos, ós da aldea.

Na Acta de Deslinde dos concellos de Vilarmaior e Miño (1924 - IGN) tivemos a sorte de topar cun topógrafo ben curioso, que deixou anotado o seguinte dato etnográfico dun ritual que fai un século se desenvolvía ó redor dun antigo mollón chamado marco do Lugar Vello, que era o marco octavo do límite dos concellos: "de piedra de pizarra con forma irregular cuyas mayores dimensiones visibles son siete metros de longitud, setenta centímetros de altura y setenta y nueve centímetros de latitud. En su parte superior, de forma redondeada, tiene [...] una cruz en la que se encontraron dos monedas de cobre, debidas a que se dice en la comarca que el marco de Lugar Vello cura las enfermedades si se deja alguna moneda sobre su cruz, y se da una vuelta alrededor de él, enfermedades que recoge quien coja las monedas depositadas en él". Prosegue o topógrafo con alma de etnógrafo indicando a importancia do marco, e a súa ubicación no trifinio das parroquias de Carantoña, Doroña e San Pedro de Vilarmaior.


Unha vez sabida da existencia do marco, foi dito e feito! Este mesmo sábado Xabier Moure localizouno coa axuda dos veciños de Mide, e ademáis de nos enviar unhas fotografías foi quen de averiguar máis datos interesantes sobre el: o marco chámase do Lugar Vello ou Pena das Meigas, e as súas dimensións son de case 7 metros de longo, 0,90 metros na parte máis alta e case 1 metro de ancho. No marco tamén se deixaban prendas: unha muller que non quedaba embarazada deixou os calzoncillos do marido e deste xeito conseguiuno... Tódalas ofrendas realizábanse sempre sen falar, en silencio. Os veciños de Mide tamén lembran que se dicía que dende o marco víanse sete igrexas.

Marco do Lugar Vello ou Pena das Meigas. (C) Xabier Moure Salgado, 12/10/24.

Cruz do marco do Lugar Vello / Pena das Meigas, na que se depositaban as moedas. (C) Xabier Moure Salgado, 12/10/24.

Grazas á información fornecida por Xosé María Ferro Formoso e Xabier Moure sei que hai outros dous casos semellantes, o marco do Seixo e o marco da Cartelida, ámbolos dous nos límites dos concellos de Monfero e Vilarmaior. Nestes dous casos tamén se depositaban ou arroxaban moedas (ou anaquiños de seixo) para curar diversas doenzas, e existía a crenza de que nelas ía a enfermidade, polo que era moi arriscado recollelas. Pero estes dous marcos non son afloramentos rochosos, como o de Lugar Vello, senón os clásicos mollóns de termo de entre 0,5 e 1 metro de alto.

Marco do Seixo entre Monfero e Vilarmaior, coas cruces de termo nun lateral.
(C) Moncho Boga, 2012 - blog Dólmenes e demais familia.

Puri Soto, arqueóloga do concello da Laracha, indícame que na Pedra do Ghicho de Erboedo, marco entre A Laracha e Arteixo, tamén coñecido como Pedra do Carallo ou Marco da Anta, do que temos escrito no blog (Pedra do Carallo), aínda se fan ofrendas de moedas, chegando a atoparse ata moedas internacionais, algunha procedente de Nova Zelanda.

Moedas no marco da Pedra do Ghicho. (C) Puri Soto.

O documento sobre o marco do Lugar Vello que presentamos agora é excepcional por describir o ritual das moedas sobre un soporte diferente, nun afloramento rochoso, e máis por especificarse que o devandito costume de depositar moedas practicábase sobre a cruz gravada nel. Na nosa opinión isto último é indicativo de que os paisanos estaban a identificar a cruz (de termo) co símbolo cristiano, e precisamente por iso realizarían o conxuro da enfermidade nos vellos puntos liminais, agora aparentemente cristianizados, creando así un culto sincrético xurdido das vellas tradicións.

O Lugar Vello sitúase preto da aldea de Mide (Vilarmaior). No círculo vai indicada a ubicación do marco, e no cadrado, como curiosidade, unha casa da que contan que unha mitade está en Vilarmaior e a outra en Miño. Coordenadas: 569301.42, 4801177.79. Ubicación e coordenadas, por cortesía de Xabier Moure.