Resumo de parte da miña comunicación presentada onte no simposio "In extrema parte Gallaeciae. Os suevos da beira atlántica", organizado pola Asociación Cultural Reino de Galiza e desenvolto na sede de Espiral Maior Foro de Carballo.
De esquerda a dereita: eu, Guillermo Baños (Asociación Cultural Reino de Galiza), Xavier Canosa (organización e ponente), Miguel Anxo Fernán Vello (Espiral Maior Foro).
________________________________
O topónimo Merza nomea unha parroquia do concello de Vila de Cruces (A Coruña). A súa primeira mención atópase no Parrochiale Suevum (ano 569) ben como xentilicio, Mercienses, ou como Mercia. Ó norte de Mercia o Parrochiale Suevum, na súa versión primitiva ou orixinal, desprega un territorio baleiro no que non existían máis parroquias suevas dende Iria á sede dos britóns (Mosteiro de Máximo).
Situación marxinal de Mercia (Mercienses) entre as distintas parroquias do Parrochiale
Suevum: Sánchez Pardo, “Organización eclesiástica y social en la Galicia
tardoantigua. Una perspectiva geográfico-arqueológica del Parroquial Suevo”, Hispania Sacra, 2014.
Neste territorio baleiro de parroquias suevas do N.O. de Galicia atopamos ademais outras características toponímicas e de índole diversa (p. ex. numismática) que van permitirnos expor a existencia dunha marca sueva na Galicia interior, isto é, un limes ou fronteira territorial entre os galaicos e os suevos, que posteriormente puido ser reutilizado nos conflictos entre suevos e visigodos.
1. Podemos comezar polo propio topónimo Mercia > Merza (Vila de Cruces), que provén do xermano *marka = limes, fronteira. Protoindoeuropeo *mereg, "borde, límite", que orixina o latín margo (marxe), o irlandés antigo mruig (fronteira), o persa e armenio marz (fronteira), o protoxermánico *marko > inglés antigo mearc, franco marka, nórdico antigo mörk.
Mercia > Merza é cognado do topónimo que nomeaba ó Reino de Mercia (en inglés antigo Mierce ou Myrce), reino medieval anglo-saxón lindante (fronteirizo) polo oeste cos britano-romanos ou celtas de Gales.
No control territorial romano no momento final da desintegración do imperio, época das invasións dos pobos xermánicos, tiveron moitísima importancia estratéxica os limes ou fronteiras imperiais, así como as tropas dos limitanei ("homes do limes") que controlaban os distritos fronteirizos. O feito de que o termo marcomanos (literalmente "homes da fronteira") fose un dos nomes que recibían os pobos xermanos dos suevos indicaría na nosa opinión que estes terían sido limitanei ó servizo do imperio romano. Marcomanos (xermánico Marckmänner latinizado) = limitanei (latín).
2. No N.O. de Galicia, no territorio trala marca ou limes de Mercia, non se atopa moeda de acuñación sueva, nin polo tanto visigoda, xa que logo cando os visigodos incorporaron o Reino dos Suevos á súa administración pasan a acuñar moeda nos mesmos lugares nos que previamente os suevos acuñaran a súa, cunha intención clara de reafirmación política ó incluír en moitas ocasións a lenda "VICTOR". As cecas visigodas acuñadas máis ó norte do Reino Suevo son as de Catoira (CATORA), Cuntis (CONTENO) e Merza (MERTIA), ó sur do Ulla, e cecais a de Valga ou Vea (VALLEGIA), amáis da de Lugo ó leste - v. Ruth Pliego: "Gallaecia en tiempos del Reino Visigodo de Toledo: sus emisiones monetarias", 2012.
3. No N.O. de Galicia está prácticamente ausente o topónimo SAA / SA / SAS provinte do suevo SALA, "corte, casa grande, pazo", que designaba os primitivos núcleos de poboación de orixe sueva que formaban a unidade menor de poboamento de base económica agrícola-gandeira que se espallaba polo rural da Gallaecia. A aparente excepción de Zas (Negreira) explicaríase porque non proviría de SALAS, senón do latín salice, "salgueiro", que daría salce > saz, como ulice > uz (Paulo Martínez Lema: A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (s. XII-XIV), tese de doutoramento, 2010).
Distribución do topónimo Saa segundo a base de datos xeolocalizada Toponimia de Galicia.
4. E é nesta zona da provincia da Coruña e na parte contigua do noreste da costa lucense, onde precisamente se ubican cinco dos seis topónimos Suevos / Suegos de Galicia: concellos do Vicedo, Arteixo, Mazaricos, Ames e A Baña. O feito diferencial de utilizar o etnónimo suevos como topónimo indica a presenza de enclaves de poboación foránea nun territorio poboado mormente por poboación autóctona que era moi consciente de pertencer á etnia local fronte ós extranxeiros (os suevos). Estes cinco lugares poderían ter sido enclaves coloniais en lugares estratéxicos (portos e control dos accesos ás vías de comunicación comerciais) que as poboacións locais lles terían concedido ós suevos unha vez pacificada a totalidade da Gallaecia.
Distribución do topónimo Suevos / Suegos: Pol, O Vicedo, Arteixo, Mazaricos, Ames e A Baña.
CONCLUSIÓNS
O propio topónimo Merza < xermánico *marka (fronteira), mailo feito de que no noroeste de Galicia non apareza ningunha parroquia mencionada no Parrochiale Suevum, nin salas ou sas como forma básica de ocupación do territorio por parte dos suevos, a ausencia de cecas suevas e visigodas, maila presenza dos cinco topónimos Suevos circunscritos a este sector como indicadores da procedencia foránea dos seus habitantes, fan do limes do Ulla - Merza unha marca xermánica, un limes interior no Reino Suevo da Gallaecia, que separaba os suevos do último reduto galaico. Cecais a fronteira estivese protexida funcionalmente polos castella tutiora que retiñan os galaicos, que lles serviron para facer fronte ás primeiras invasións suevas que depredaron "medias partes Gallaeciae" (Hidacio).
No paso do río Ulla, onde Mercia tivo unha ubicación estratéxica pola súa proximidade a Ponte Ledesma, ubícanse varios castelos cunha cronoloxía tardorromana e altomedieval que puideron integrar este limes fortificado e servir de control ós desprazamentos polas principais vías de comunicación: Castro Valente, Pico Sacro, Castro Lupario, Portomeiro...
No hay comentarios:
Publicar un comentario