Mostrando entradas con la etiqueta megalitismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta megalitismo. Mostrar todas las entradas

jueves, 14 de mayo de 2026

Bordei

Bordei aparece como topónimo na delimitación dos concellos da Rúa e Quiroga (IGN 1934) nomeando un grupo de seis modorras de terra  e pedras situadas en liña (Primeira Modorra de Bordei, Segunda Modorra de Bordei, etc.), todas elas de dimensións semellantes: duns 10 metros de diámetro ata 0,50 metros de altura e forma tronco-cónica, esboroadas na parte superior e cubertas de matorral. As modorras segundo a acta do IGN separaban os montes de pasto e urces propiedade do común dos veciños dos pobos de Cereixido (Quiroga), ó oeste das modorras, e Fontei (A Rúa), ó leste. Hoxe amósanse inventariadas no Visor PBA mais sen identificar polo nome que tiñan.

Un pouco máis ó noroeste o topónimo Bordei volta aparecer na cartografía como nome dunha depresión do terreo, Pozo de Bordei, xa no límite entre os concellos de Quiroga e Vilamartín de Valdeorras.

Do topónimo Bordei chama a atención en primeiro lugar a súa terminación en -ei, que non vemos posible explicar pola perda dun son intervocálico, como nos topónimos RecareiGondrei, Guimarei procedentes dos nomes propios en caso xenitivo Recaredi, Gonderedi e Vimaredi. Mais ben pensamos en que terá que estar relacionada coa terminación do próximo Fontei, estudado por Moralejo Lasso como un posible derivado do substantivo latino fons, fontis. Respecto desta proposta, podería pensarse en formacións analóxicas motivadas polo xenitivo latino dos nomes da quinta declinación, que teñen a desinencia -ei: dies, diei. O que tamén explicaría o desprazamento acentual: de fonte a Fontéi, e de borde a Bordéi.

Sobre a etimoloxía de Bordei xurden dúas ideas principais, que finalmente poderían ser unha soa: relación co termo pirenaico borda, "chozo, aprisco, cabana de pastor", ou co temo de orixe xermánica bord, "límite, borde, fronteira". Para Martín Sevilla o topónimo asturiano da braña de La Bordinga "sería un derivado de bord, voz presente en los dialectos del bajo alemán antiguo con diversos significados, entre ellos pendiente que sirve de límite" ("El topónimo asturiano La Bordinga: un límite de los suevos", RFA, 2011-12).

Na lingua romanesa existe tamén o substantivo bordei cun sentido semellante ó da borda pirenaica: "vivenda ou refuxio semisubterráneo construído con terra e vexetación"; sería un tipo de construción de orixe prehistórica que se mantivo en uso ata despois da II Guerra Mundial, cando certos grupos raciais e activistas políticos tiveron que buscar refuxio nelas ("Romanian bordei: pit-house", Georgeta Raţă, Ioan Petroman e Cornelia Petroman, 2014), o que lembra ós nosos maquis que se tiraron ó monte durante a Guerra Civil, buscando refuxio en chozos semellantes ós bordeis romaneses.

Bordei no Muzeul Satului de Bucarest.

Ó se situar estes refuxios de orixe prehistórica, cabanas, chozos, apriscos ou bordas / bordeis nas zonas de pastos dos montes comunais, que amais eran fronteiras territoriais (bordes, límites), parece semanticamente posible a deriva dunha a outra acepción, polo que o termo puido evoluír dende o significado de "fronteira" ó de "vivenda ou refuxio (situado na periferia territorial)". No caso dos topónimos Modorras de Bordei e Pozo de Bordei no límite entre Quiroga - A Rúa e Quiroga - Vilamartín de Valdeorras non ofrece moita dúbida o seu sentido primario de "límite territorial".

jueves, 23 de abril de 2026

Medorra do Medio do Capitán - Cerceda

A Medorra do Medio do Capitán (límite entre os concellos de Ordes e Cerceda) aparece descrita no deslinde de 1924 (IGN) porque un dos seus chantos de pizarra fora utilizado como termo ou mollón: "una piedra de pizarra que tiene cuarenta y siete centímetros de altura, veintiocho de ancho y diez de espesor [...] que se encuentra en la zona de monte conocida en el país con el nombre de Medorra do Medio do Capitán, en un enterramiento primitivo que en el país llaman mámola o medorra".


A continuación, e a uns 200 metros, descríbese outra pedra de xisto similar no lugar de Areosa, tamén utilizada como mollón (posiblemente chantada sobre outro túmulo), polo que pensamos que as dúas mámoas inventariadas por Patrimonio no lugar, a mámoa de Areosa e a da Abeleira, situadas moi próximas entre si ó leste de GESUGA, serían estes dous túmulos que se mencionan no deslinde dos concellos de Ordes e Cerceda do ano 1924, que daquela aínda terían algún dos chantos da cámara á vista.


Despois de barallar varias posibilidades cos amigos do Facebook para explicar o topónimo que dá nome a Medorra do Medio do Capitán, chegamos á conclusión de que O Capitán é un orónimo derivado do latín capitia, "cabeza", en alusión ó cumio do monte onde se sitúa a medorra, xusto no medio da elevación.

miércoles, 7 de mayo de 2025

Camiño vello da Coruña a Santiago polas mámoas da Zapateira

 


Nos deslindes do IGN entre os concellos de Culleredo e A Coruña (1924) atopamos o mapa co trazado do Camiño Vello que ía da Coruña a Santiago de Compostela, cuxo percorrido no tramo inicial trala saída da cidade tiña pouco ou nada que ver co chamado Camiño Inglés da Coruña a Santiago: transcorría por diante do Castro de Elviña ata a necrópole tumular das mámoas da Zapateira (Campo de Arcas), e logo supoñemos que collía cara Sigrás (Cambre) por Santo Estevo de Tarrío (Culleredo), cecais polo camiño do Polvorín ou pola pista da "Travesía do Monte das Arcas", que parte da urbanización deste nome.

O camiño descríbese cando se ubica o mollón oitavo do deslinde municipal, situado "cuarenta metros al O. del camino que va del lugar de Castro de Elviña al monte y lugar de la Zapateira, antiguo camino que conducía de La Coruña a Santiago, conocido hoy por el Camino de Monte de Arcas". É o que resaltamos no mapa do IGN en cor verde. Tamén alúdese a el cando se describen os mollóns 9º ("al E. del mojón y a una distancia de 50 metros, pasa el camino descrito en el mojón anterior") e 10º ("por el E. del mojón y bordeando la referida finca, pasa el camino que viene de Vilaboa y Culleredo a las parroquias de Morás y Ledoño, que es el mismo camino descrito en los anteriores".

Luis Monteagudo mencionara este camiño moi de pasada no seu estudo "Necrópolis de mámoas de A Zapateira" (Anuario Brigantino 1991) indicando que era un camiño que "atravesaba de N. a S., desde las canteras del S. de la aldea de Castro de Elviña, hasta las dos mámoas al NE. de la de Orro" o camiño funerario que percorría a dorsal da Zapateira en direción leste - oeste. Mais o profesor non deixa constancia, por ignorar o dato, de que fose o vello camiño da Coruña a Santiago.

Dende Monelos e pasando por Elviña trázase o vello Camiño de Monte das Arcas (liña laranxa) e a unión deste co Camiño Real de Santiago - "Plano topográfico de La Coruña y sus inmediaciones", 1780. (C) Biblioteca Virtual de Defensa.

Considerámolo unha vía de comunicación moi relevante para a historia da cidade, pois amosaría a relación entre o porto romano de Brigantium mailo Castro de Elviña. O seu trazado, característico dos vellos camiños reais, que adoitaban situarse nas dorsais ou divisorias de augas, nas que tamén se ubicaban os campos tumulares, é garantía da antigüidade desta vía tránsito natural chamada Camiño do Monte das Arcas.

jueves, 6 de marzo de 2025

Castra (do latín claustra) e o círculo lítico de Castrotión - A Estrada

No último e interesantísimo artigo que ven de publicar no seu blog O Noso Patrimonio o historiador Xabier Moure resúmenos o estado da cuestión sobre o círculo lítico de Castrotión (A Estrada - Pontevedra): Castrotión: un castro, unha capela e un círculo?

O círculo lítico xa fora descrito por Fermín Bouza-Brey en 1944 ("Castros de la comarca de la Estrada", Cuadernos de Estudios Galegos), que sinalaba que o nome de lugar de Castrotión fora convertido por algún oficinista desaprensivo en Castración, baseándose nunha etimoloxía popular. Segundo o investigador, o círculo estaba construído na parte superior do castro, que visitara en 1936, cando puido observar "grandes piedras hincadas hondamente formando un círculo de unos ocho metros de diámetro, en cuyo centro se yerguen los restos de una capilla [...] nuestro informante, un vecino del mismo lugar apellidado Vilela [...] añadió que en el medio de la capilla en ruinas, una piedra bastante enterrada era la tumba de un personaje, a la vista de todo lo cual nos ha parecido un caso semejante al de la capilla asturiana de Santa Cruz, de la que puede ser otro paralelo el arca de piedra del castro de Castrovite, que va descrito [arriba]".

Máis aló da importancia que teñen as dúas posibles sepulturas antigas (arcas ou dólmenes) nos castros de Castrotión e Castrovite, ámbalas dúas baixo capelas construídas nos cumios, chámanos a atención a reiterada variante do topónimo Castrotión, que aparece como Castración (Bouza-Brey, 1944), Castación (nun artigo dun tal A. V. Calveiro, Eco de Galicia - 1935, recollido por Moure) e, sobre todo, a forma antiga documentada por Cabeza Quiles: Castatyón (1587 - Arquivo da Catedral de Santiago), alternando coas formas Castro Tión (1571) e  Castrotión (1587) - cfr. Toponimia da Estrada, 2018.

Descrición da arca ou dolmen baixo a capela de Santa Mariña no castro de Castrovite (Orazo) segundo Bouza-Brey.

É pola reiteración da variante Castración / Castación, que presentamos unha etimoloxía alternativa á proposta de Cabeza Quiles, que deriva Castrotión de castro máis un antropónimo, como cecais Ittilo, Tedione ou Tilonius.

Nós partimos do termo castra, que provén do latín claustra, "claustro, peche, conxunto de claustros ou peches dun mosteiro, gran claustro", ben documentado no galego medieval ademais baixo as formas caustra, cabstra, crasta, crastra, clastra, clasta, crausta, claustra (Ramón Lorenzo, La traducción gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla, vol. II, 1977). No asturiano ata existen formas con epéntese de vogal de apoio entre o grupo kl, como calostra e calostro (v. García Arias, Toponimia asturiana).

No repertorio de exemplos extraídos da documentación por Lorenzo vese que xeralmente o termo castra aplícase ó claustro ou claustros dun mosteiro, máis tamén parece que podía referirse a un outro tipo de peche que lembraría ós que forman os claustros, algo semellante a un cromlech ("aqui preto esta ũa crastra em ũa montanha pequena"),  ou semellante ó recinto que arrodea o adro dunha capela ("na claustra da capela").

A nosa proposta vai, pois, neste sentido. Aínda que aparentemente o topónimo Castrotión faga referencia ó castro existente no lugar, as formas Castración / Castación poderían indicar que en última instancia o nome do lugar foi un derivado de claustra - *claustratione > Castración / Castación, sendo porén a partícula -tión / -ción, un morfema derivativo, non un antropónimo que integra un nome composto. Entón o topónimo viría motivado pola existencia no cumio do castro dunha "castración" (de claustra), é dicir, dun círculo lítico, claustro, patio ou adro dun recinto sacro, cecais ben antigo, se temos en conta os datos que aportara Bouza-Brey respecto da posible existencia dunha sepultura megalítica no seu centro.

Como topónimo, Castra rexístrase no buscador Toponimia de Galicia, nalgún caso en conexión cun castro (asentamento fortificado) como o de Proente (A Merca - Ourense), feito que non descarta que Castra, amais dun derivado do latín claustra, "peche ou recinto", sexa un feminino analóxico do substantivo castro, creado para se referir ás terras adxacentes a un castro.

Croa do castro de Proente (topónimo Monte do Castro) e abaixo, A Castra. Fotografía do Voo Americano de 1956-57.

domingo, 8 de diciembre de 2024

Necrópole do Vao de Alconétar - dólmenes do Guadancil

Se existe un conxunto de megálitos asombroso, non tanto pola grande concentración ou pola magnitude (son máis ben dun tamaño discreto), senón pola súa situación, é o conxunto dos dólmenes espallados no entorno do Vao de Alconétar - Cerro Garrote - Río Guadancil, na provincia de Cáceres. Non é só que estean á beira de dúas antigas vías de comunicación, o Cordel de Gandos e a Calzada Romana da Vía da Plata (trazada probablemente sobre unha vía previa de orixe natural), que descorren moi xuntas nas inmediacións do vao do río Teixo; a súa peculiaridade ven dada pola situación dos dólmenes ocupando tamén os cumios de tódolos pequenos outeiros que asoman na paisaxe, sen que quede ningún sen o seu megálito no curuto.

No amplo estudo que Enrique Cerrillo Cuenca ten adicado á necrópole (Una biografía de la necrópolis megalítica del área de Alconétar, 2018) encontramos unha primeira referencia a esta distribución dos megálitos nos outeiros nos datos que aportara Felipe León Guerra (1883):

“En la misma vega vió D. Jerónimo además de otros tres dólmenes a que sólo faltaba el techo y algo del terraplén, y restos de otros cinco, y en el cerro de la Horca, y otro en el del Cantador, y en los demás cerros inmediatos le dijeron los labradores y pastores que también los había, pareciendo aquello una población de tan remotas gentes”.

Un dos dólmenes do Cerro Garrote (Garrote II - clasificación dos Leisner). (C) A. Galíndez, 2007.

Pasamos a ofrecer máis datos, inéditos, respecto á existencia de dólmenes nos outeiros (cerros) do entorno do Guadancil - Cerro Garrote. Aparecen na acta de deslinde do IGN entre os termos municipais de Garrovillas de Alconétar e Cañaveral, datada en 1899, é dicir, no mesmo ano en que Vicente Paredes aínda estaba a explorar e informar os seus corresponsais da situación dos túmulos (v. cronoloxía da actividade arqueolóxica na zona do Guadancil na obra citada de Cerrillo Cuenca, 2018, px. 31). É improbable, porén, que os membros da comisión de deslinde, perito topógrafo incluído, soubesen que os mollóns de termo que describían como "montóns de terra e pedras, de forma cónica, dun metro de diámetro na base por medio metro de altura" fosen monumentos megalíticos. Existen máis datos noutros deslindes sobre posibles túmulos nos cerros situados ó longo deste tramo da Vía da Plata, pero non imos incluílos aquí.

Velaí os seguintes dólmenes-mollón no deslinde entre Garrovillas e Cañaveral:

No Cerro Cabeza Rubia: "un montón de tierra y piedras de forma cónica de ochenta centímetros de diámetro en su base por cincuenta centímetros de altura. Está colocado en el cerro denominado Cabeza Rubia".


Na beira dereita do Guadancil: "un montón de piedras de forma cónica de un metro de diámetro en su base por medio metro de altura. Está colocado en la márgen derecha del arroyo de Guadancil y en la linde de la dehesa Las Minas [...]. El sitio se donomina La Raya".


No Cerro da Biga: "un montón de piedras de forma cónica de medio metro de diámetro en su base por cuarenta centímetros de altura. Está colocado en el centro de la Calzada Romana y sitio llamado Cerro de la Biga".


Nos Novillos (baixo Cerro Garrote): "un montón de piedras de forma cónica de medio metro de diámetro en su base por medio metro de altura. Está colocado en el centro de la Calzada Romana y sitio llamado Los Novillos".


No Cerro da Biga: "una piedra empotrada en el suelo, de figura irregular cuyas mayores dimensiones son treinta y cinco centímetros de longitud, treinta centímetros de latitud y medio metro de altura. Está colocada en la falda S.L del Cerro de la Biga". Posible estela, ou ortostato illado?




Esquemas de José Mena y Fernández (1899) tomados do correspondente Caderno de Campo do deslinde entre Garrovillas e Cañaveral - IGN.

Respecto da extraña mención de moreas de pedra cónicas no centro da Calzada Romana pensabamos que podería tratarse dunha ubicación aproximada dos fitos por parte do perito, mais nos esquemas de José Mena vese que sitúa algúns mollóns mesmamente no centro da vía. Neste sentido temos visto fai anos unha morea de pedras, que podería ter sido a cámara dun pequeno dolmen, xusto no borde da Calzada Romana ó seu paso tralo Cerro Garrote, o que sería indicio de que na construción desta procurouse respectar ó máximo a integridade dos moimentos funerarios dos antergos.

Amoreamento de pedras no borde da Calzada de Romanos tralo Cerro Garrote. (C) A. Galíndez, 2007.

Chamamos agora a atención sobre un microtopónimo lusitano no Vao do Alconétar, a Aceña del Congeito, hoxe desaparecido co asolagamento do lugar polo encoro. Segundo a opinión de Leite de Vasconcelos a toponimia deste tipo proviría do latín coniectus lapidum, "montón de pedras" ("Etimologias", Revista Lusitana, 1920); así pois, o nome primeiramente tería designado un destes túmulos funerarios formados amoreando pedras, semellante ó enorme cairn do dolmen Guadancil I (asolagado polo encoro). O próximo topónimo, La Raya, lugar mencionado aínda na acta de deslinde como ubicación do mollón 2º, tamén é de tipo lusitano (cfr. o uso de raia co significado de fronteira); da outra beira do Teixo, o hidrónimo Ribera de Araya podería ter a mesma etimoloxía. Tanto Congeito como La Raya / Araia suxiren que o límite da antiga Lusitania polo leste podería ter chegado ata aquí.

A Aceña del Congeito no Vao do Alconétar - planimetrías do IGN.

A situación da raia da Lusitania neste punto vai indicada tamén no mapa de distribución dos megálitos de Cerrillo Cuenca, no que se ve como a dispersión leva o seu límite nordés precisamente ata a grande concentración de megálitos do Vao de Alconétar - río Guadancil.

Dispersión dos megálitos da Lusitania e área de influencia segundo Cerrillo Cuenca (2018). Os do Vao de Alconétar - Guadancil van encerrados nun recadro.

Para que facer un túmulo se a orografía do terreo xa cho dá feito? Semella que a situación de pequenas cámaras megalíticas en tódolos cerros do Vao de Alconétar - río Guadancil (Cabeza Rubia, Cerro da Horca, Cantador, Cerro da Biga e Cerro Garrote) ven imposta pola forma e dimensión destes pequenos outeiros de pouca elevación e contorno redondeado, que gardan parecido cos grandes túmulos artificiais (mámoas) construídos para albergar os dólmenes. Trataríase polo tanto de construcións megalíticas que aproveitarían estes outeiriños como túmulos naturais.

lunes, 28 de octubre de 2024

Paradanta e A Antiga


A finais do século XVIII os límites da parroquia de Lueda (A Cañiza) aínda pasaban por Pedra Dante (actual Paradanta). Non é ningunha novidade que para- en composición sexa unha forma sincopada de pedra, así aparece no topónimo Parafita (Chandexa de Queixa), composto provinte do latín petra ficta, ou no orónimo Monte da Paralonga (Valeixe - A Cañiza) e A Paravedra (Covelo), do latín petra vetula. A forma Pedra Dante do Catastro de Ensenada proba o que xa se sabía. É curiosa por levar incorporada a preposición de ó sustantivo anta, que ás veces tamén aparece coa -s final do artigo feminino plural engadida: As Santas atópase de cando en vez nomeando necrópoles megalíticas, e por suposto non debe considerarse unha variante lingüisticamente correcta.

O sustantivo anta provén do latín anta, "ucheira, xamba dunha porta". O galego mantivo esa acepción no derivado anteira = "cada unha das pedras que forman os laterais da boca do forno", mais tamén desenvolveu, como outras linguas peninsulares, dúas acepcións especializadas relativas ós megálitos, anta = "chanto, mollón de termo, marco" e "dolmen". No texto que seleccionamos do Catastro de Ensenada (parroquia de Lueda - A Cañiza) fálase precisamente dos límites territoriais que pasaban polo "marco de Pedra Dante".

Temos falado xa de que na toponimia as formas Antón, Antões ou Antoinha, etc. e mailos aparentes hipocorísticos alpinos de Antoine (Togne, Tougne, Tognet), idénticos ó nome personal, son en realidade derivados da forma anta, e designan dólmenes ou megálitos doutro tipo (cfr. Forno dos Mouros, Toques - Serra do Bocelo, Arqueotoponimia 2015).

Posto que anta ten xerado derivados, imos valorar se o topónimo A Antiga / A Antigua, ligado ós primitivos camiños reais que ían polas cordas das serras, inzados de megálitos e marcos, podería ser un derivado dela, concretamente da forma *ántiga, que tería experimentado desprazamento do acento, e non, como se cre, do adxectivo latino antiquus, -a, -um "antigo".

Na documentación medieval aparece antiqua xunto dos termos carrale, karraria, via, vereda, semita. Os escribáns dos documentos medievais adoitaban expresarse no rexistro culto da lingua, ó que pertence sen dúbida o adxectivo latino antiquus, -a, -um; o pobo, pola súa parte, prefiriu os termos provintes de vetulus, -a, -um, "vello" > vello / vedro, para expresar esta mesma idea.

A proposta de JL Pensado ("Sobre el gallego "Antiga", "Antigua" y su paralelo italiano", Verba 1978) é que o topónimo A Antig(u)a, en xeral, proviría da elisión do sustantivo ou núcleo dunha destas frases, "illa (vereda) antiqua" > A Antiga / A Antigua: adxectivo substantivado que acabaría por quedar na fala como sinónimo de vía ou camiño. Nós consideramos improbable a súa etimoloxía, pois é que, como dicimos, o pobo non usou este adxectivo, senón vetulus, -a, -um, "vello", e amais o termo Antiga pode provir, mellor, do latín anticus, -a, -um, "dianteiro, na franxa do limes ou borde situado diante do territorio, á súa entrada ou saída". Este termo pertence ó eido dos agrimensores, foi usado nas centuriacións (repartos das terras) e tiña xa en latín unha acepción próxima á de vía ou camiño (como sucede co termo decumanus, que é un dos eixes das centuriacións e tamén forma unha vía principal - cfr. via decumana). A nosa proposta encaixa co feito de que o galego conserva, recollido no dicionario, o termo antiga como "servidume de paso a través de fincas alleas", conservando a dobre noción de camiño e límite, propia das centuriacións territoriais.

Tal e como se formou a frase via decumana, por trazarse o camiño sobre o decumano territorial, semella que puideron formarse expresións como via antica ou carrale antica, por trazarse estes camiños sobre os límites territoriais dianteiros (limes anticus = via anterior), xerando a impresión de que se trataba do adxectivo homófono antiquus, -a, -um, "vello". E así interpretamos un documento dun apeo de Sobrado do século XIV, no que  a colisión dos case homófonos antica / antiqua semella provocar a glosa do escribán, que non acaba de entender a expresión: "a pena de Spino e ende a o o marco que esta contra o Pedrouco e ende a a antigua vella e ende fonte de Soo Lodeyro e ende iusa pelo rego".

Non é extraño, porén, que o topónimo A Antiga ou A Antigua (xa con wau pola confusión mencionada) apareza con moita frecuencia nos deslindes. Nos límites entre Samos e Oincio (IGN 1944) descríbense varios mollóns de termo na Pena Dantigua e na Petada Dantigua.


Neste documento de Samos (ano 1277 - Corpus Xelmírez) obsérvase reiteradamente a expresión "fer no antigo" en relación cos límites das leiras: "Conosuda couſſa ſſeya a quantoſ eſta carta viren, como noſ, don Julao, abade de Sſamooſ, τ o conuento de eſſe mííſmo logar, damoſ a uoſ, don Pedro Rodericj́ τ a uoſſo ermao, Nuno Rodericj́, o noſſo herdamento que auemoſ ena uila de Fferreyroſ ſſu ſſino de Sſan Sſadurnino, τ de San Martin de Loſſeyro, o qual erdamento teuo de noſ uoſſo padre τ uoſſa madre, saluo ende a erdade, que ffoy de don Fferreyro τ a que ffoy de don Pedro Sſobrino, conuen a ſſaber [...]: τ una leyra marcada na cortina do Sſouto nouo, que jas entre laſ do caſſal de Ffernan Paes, τ autra leyra ias en Sſindjn aſſi como ſſe determina de la de Ffernan Paes ate ña de Vermon Paes τ ffer no antigo; τ outra leyra en Eyrella aſſi como determina per la de Martin Paes τ per outra do caſſal de Johan Lobo e ffer no antigo; τ autra leyra aa ffonte dEyrella como ſſe determina per la de Sſeſinas τ per la de Sſaa, τ ffer no antigo; τ outra leyra aa caſtineyra de Barreyro, como ſſe parte per la leyra do caſſal de don Payo, τ dautra parte per lo ageyro τ ffer no rrio; τ outra leyra ao poso que jas entre laſ do caſſal de don Nuno, τ ffer na leyra de Gontina τ per lo antigo; τ outra leyra ao Pumarino ante o paso que ffoy de don Payo, como jas marcada entre laſ doſ Ffreyres τ ffer no antiguo; τ autra aa ponte aſſi como jas marcada entre laſ do caſſal de don Nuno τ ffer no antiguo; outra leyra cabo a cortina do caſſal que jas ſſu a daſ Quintaſ aſſi como ſſe uay per la do caſſal de Nuno Peres; outra leyra en Pomar de Dono, que jas ſſu a de Farra eyro τ do outro cabo ſſu a Regãẽga τ fer na de Eglleſia τ no antiguo; outra leyra en Pomarino como vay do antiguo que vay pra Eglleia τ do outro cabo co ſſe uay per la de Vermon Paes no valle de Sſautan, como ſſe uay per lo ualado, a derreyto pra o ualado de Golan, entre la de Pay Ffernandes τ de Ff......do como ffer toda ena de Eccleſia τ vay ao antigo per meo τ da una parte τ dautra, τ toda de Sſamooſ; outra leyra do Mero como jas entranbas las de Sſaa, como ffer no antiguo do Mouro; outra leyra do Baso como jas cabo a da Chaue; outra leyra aa Sſeyta que jas en braso con na lama τ ffer na de Ffernan Paes; outra leyra na cortina de Fformarigo ſſu antiguo que vay p..g.ada τ ffer no Fformarigo; outra leyra ſſu a cortina d ' Ayra que ffoy de don Pedro Sſobrino τ ffer no antiguo da Pedreyra, τ ſſi y mayſ ouuer, que a tendeſ pra o moeſteyro. τ eſteſ herdamentoſ de ſſuſſo ditoſ vos damoſ per atal condison [...]".

Sostemos, polo tanto, que a toponimia A Antiga / A Antigua provén do termo latino anticus, -a, -um, relacionado cos límites da configuración territorial, coas fronteiras e os camiños trazados sobre elas (ou á inversa: fronteiras trazadas sobre camiños previos), á súa vez vencellado ó termo anta, "ucheira, xamba da porta de entrada", que nun senso amplo pódese considerar como a entrada do territorio.

jueves, 24 de octubre de 2024

As Pedras do Tempo e as Manales Petras etruscas

A relación entre as Pedras Manales do ritual de impetración da chuvia da relixión etrusca que herdaron os romanos, e as Pedras do Tempo galegas, como O Touzo e A Touza (Serra do Faro de Avión), A Pedra do Tempo da necrópole de Santa Mariña (Oincio - Sarria), ou Os Santos da Porteliña de Tomonde non está suficientemente estudada. Non hai moito máis que unha breve alusión de Alonso Romero e Almagro Gorbea, na que non se analizan con precisión os elementos que integran o rito etrusco:

"Con estas costumbres se puede relacionar igualmente una interesante tradición semejante que existía en la antigua Roma, donde se veneraba el Lapis Manalis («la piedra que mana»), una piedra utilizada para el rito del Aquaelicium o «llamada a las aguas» (Fest. s.v. manalis), que servía para propiciar la lluvia. Cuando los romanos tenían necesidad de lluvia en tiempos de sequía, los pontífices y magistrados llevaban esa piedra desde el templo de Marte situado en la Porta Capena, donde se conservaba habitualmente, hasta al monte Aventino, donde, tras hacer ofrendas a Júpiter, se vertía agua sobre ella para provocar la lluvia que se necesitaba" (Penas Sacras de Galicia, 2022).

O rito etrusco non está descrito con exactitude, faltan datos esenciais, polo que non se percibe o asombroso paralelismo co ritual galego. Tampouco a etimoloxía fornecida sobre o termo manales é, case con seguridade, correcta, o que non permite achegarse ó fondo do ritual e ós actores envolvidos nel, que son os mortos, os antepasados.

Segundo a Expositio Sermonum Antiquorum de Fulxencio, un tal Labeo contaba que os etruscos, se vían na hepatoscopia (adiviñación polo fígado dunha víctima) que a víscera tiña determinada cor, era necesario procurar as pedras manales para arrolalas, é dicir, aquelas pedras que os antigos adoitaban arrolar como cilindros polos límites territoriais para pedir a chuvia (evitar a sequía). Na opinión de Arthur Bernard Cook estas pedras poderían ser piares funerarios etruscos ou marcos ou pedrafitas dos límites territoriais (Zeus: A Study in Ancient Religion, 1914).

As características máis relevantes da descrición de Fulxencio son:

1. As pedras (poderían ser varias ou, cando menos, dúas) no rito de impetración etrusco arrolábanse como cilindros.

2. Arrolábanse, si ou si, polos límites territoriais.

3. O seu nome probablemente está vencellado ós manes, ós espíritus dos antepasados. Eran as pedras dos antergos. O historiador romano Sexto Pompeio Festo dicía que o lapis manalis tamén podía ser a pedra que pechaba a entrada ó mundo subterráneo ("ostium Orci") dos manes, o que dende logo invita a pensar nas grandes lousas cobertoiras que pechan os dólmenes.

Comprobamos que en Galicia este rito milenario, que tivo que estar moi extendido e ser común a unha gran parte de Europa, se conservou ata hoxe. Así por exemplo, O Touzo ten forma de cilindro, sitúase no límite territorial de Carballeda de Avia e Melón, e o ritual de impetración consiste en botalo arrolando monte abaixo ata un barrizal (Vázquez Varela, "Estudio etnoarqueológico del ritual para cambiar el tiempo moviendo grandes piedras en el Noroeste de la Península Ibérica", Veleia 2007-2008). No caso da Pedra do Tempo de Santa Mariña (Oincio - Sarria) tamén se situaba no límite territorial destes concellos, no medio dunha grande necrópole megalítica de máis de corenta túmulos (vencello cos manes - antepasados); parece ser que neste caso a pedra non se arrolaba, só se cambiaba de posición, erguéndoa ou deitándoa, o que se pode considerar unha variante do movemento de volteo ó que se someten as pedras neste ritual. Sobre este último caso é necesario precisar que, aínda que os investigadores que a estudaron falan de que eran dúas pedras (A Pedra da Chuvia e A Pedra do Sol), segundo o historiador Xabier Moure era somentes unha (A Pedra do Tempo - cfr. o artigo na prensa: "Denuncian la destrucción de una piedra ritual en el monte de Santa Mariña", El Progreso, 14/8/2018).

Segundo os informantes de Xabier Moure, A Pedra do Tempo, a última lapis manalis, sería esta gran lousa esnaquizada nunha lagoa da necrópole de Santa Mariña (Oincio - Sarria). (C) El Progreso, 2018.

Unha lectora chamada Cristina achega nun comentario a esta entrada unha boa noticia sobre a Pedra do Tempo da necrópole de Santa Mariña: a pedra manal podería existir aínda, enteiriña. Segundo os testemuños dos veciños máis vellos do lugar atoparíase a uns 400 metros desta lagoa cara ó interior da necrópole. Cristina engade que hai rumores falsos de todo tipo sobre o paradoiro da Pedra do Tempo, mais insiste en que hai que lles facer caso os veciños maiores, que lembran perfectamente a ubicación orixinal e acreditan a súa integridade.

Comprobamos que outras dúas pedra manais, as de Chan do Marco, tamén se situaban noutra necrópole megalítica e formaban os límites territoriais entre As Neves e A Cañiza, de feito as pedras tiñan gravadas as cruces de termo. Segundo Estanislao Fernández de la Cigoña, cando se quería chuvia, unha comitiva silenciosa encabezada polo cura subía ó monte. A pedra femia deitábase coa cara na que tiña unha cruz gravada mirando ó ceo, mentras que a macho, que tiña dúas cruces, levábase nunha padiola ó río Lueda (apud Fernando Alonso Romero, Cultos y crencias en torno a los megalitos del área atlántica europea, Andavira, 2012). Vese que o cura que encabezaba a comitiva desempeñaba a mesma función dos pontífices no ritual etrusco, pois no oficio ritual é preciso sempre un intermediaro co sagrado, co mundo dos espíritus, un especialista no ceremonial.

Necrópole megalítica de Chan do Marco.

Na nosa opinión existe un fío conductor entre este rito de impetración que se documenta no terceiro milenio a.C. na cultura etrusca, os fitos de termo e os espíritus dos antepasados das necrópoles megalíticas, que adoitan compartir o mesmo espazo liminal. Este fío leva a establecer que o rito de impetración descrito é de orixen prehistórica, e se encadra no periodo do megalitismo.

sábado, 12 de octubre de 2024

Megálitos entre Vimianzo e Zas

Nas Actas de Deslinde entre os concellos de Vimianzo e Zas (1940 IGN) aparecen varios megálitos que se van recoñecendo pola comisión como fitos ou mollóns que establecían os límites territoriais. Nesta visita a pé dos marcos (apeo), fóronse gravando sobre eles cruces de termo como confirmación do acto. 

Os megálitos, ó que parece non identificados como antigas sepulturas ou construcións por ningún dos membros da comitiva, foron definidos pola forma das grandes laxes cobertoiras utilizándose constantemente a frase "de forma aproximada a un casquete esférico". Así pois, é moi doado identificalos no documento, pois a devandita frase aplícase con regularidade ós dólmenes, e non a outros fitos.

A continuación fornecemos a lista dos mollóns "de forma aproximada a un casquete esférico", entre os que hai algúns dólmenes ben coñecidos, e con seguridade outros sen identificar aínda, por estar destruídos ou atoparse en paraxes de moi difícil acceso. A liña de termo entre os concellos de Viamianzo e Zas séguese perfectamente no Visor PBA da Xunta, onde tamén se poden localizar os lugares mencionados no deslinde, ben na toponimia base ou activando a capa catastral. De sur a norte son os seguintes, polos nomes que aparecen no documento de deslinde.

Pedra Borreira (mollón 8), de dimensións 4,60m de diámetro e 1,30m de altura. Vese que o límite metíase máis cara a Vimianzo, na liña coa mámoa de Pedro Muíño, da que temos falado no blog - sen inventariar no PBA.

Bau de Vieira (mollón 9), de dimensións 1,80m de diámetro e 1,20m de altura. Na zona do Rego do Vao da Aveeira está sinalada no PBA a "Mámoa da Piña", pero ben podería ser outra aínda sen inventariar.

Pedras de Prado do Trinta (mollón 11), de dimensións 1,20m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA.

Pedra da Arca (mollón 12), de dimensións 3,5m de diámetro e 1,20m de altura. Trátase da célebre Arca da Piosa, cuxa descrición como "pedra nativa, caliza, de forma aproximada a un casquete esférico", da idea do descoñecemento do topógrafo sobre as construcións megalíticas do noso pasado, e da mineraloxía.

Matanza (mollón 14), de dimensións 1,80m de diámetro e 0,90m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña I (mollón 16), de dimensións 1,30m de diámetro e 1,05m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña II (mollón 17), de dimensións 2,30m de diámetro e 1,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña III (mollón 18), de dimensións 3,30m de diámetro e 2,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Costa del Molino de Santa Cecilia (mollón 19), de dimensións 2,20m de diámetro e 1,15m de altura. No lugar de Costa do Río (Santa Sía de Roma) vense varias mámoas inventariadas no PBA, chamadas "Mámoas das Valiñas".

Pedras Altas (mollón 20), de dimensións 3,20m de diámetro e 1,40 de altura - sen inventariar no PBA.

Baliñas (mollón 24), de dimensións 3,80m de diámetro e 1,40m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar, seguindo o límite entre concellos, será o da Valiña de Treviño.

Pedras Berrugas (mollón 25), de dimensións 4,20m de diámetro e 2,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Riba das Eiras (mollón 28), de dimensións 3,20m de diámetro e 1,20m de altura - sen inventariar no PBA. O microtopónimo Arriba da Eira localizámolo en Treviño.

No ángulo inferior dereito, a parcela de Arriba da Eira (Treviño).
(C) Voo Americano de 1956.

Bau de Campos (mollón 34), de dimensións 4,20m de diámetro por 1,80m de altura - sen inventariar no PBA. Vao de Campos está xa moi preto da aldea de Sandrexo.

As Brañeiras (mollón 36), de dimensións 0,85m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA. As Brañeiras localízase na mesma zona de Vao de Campos, ó leste da aldea de Sandrexo.

Pedras Mayores (mollón 37), de dimensións 2,80m de diámetro e 1,30 de altura - sen inventariar no PBA. O microtopónimo Pedras Maiores localízase na mesma zona de Vao de Campos e As Brañeiras, ó leste da aldea de Sandrexo.

Na esquina superior esquerda, a aldea de Sandrexo; na esquina inferior dereita, a leira chamada Pedras Maiores, na que se perciben traballos forestais ou agrícolas coa conseguinte destrución do megálito.

Milleira da Hierba (mollón 38), de dimensións 0,60m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA. As parcelas chamadas Milleira da Herba sitúanse na mesma zona ó leste de Sandrexo.

Na esquina inferior dereita, as parcelas de Milleira da Herba no Voo Americano de 1956.

Liña dos mollóns dende Vao de Campos a Milleira da Herba no plano do deslinde de 1940.


Cotoneira (mollón 45), de dimensións 1,80m de diámetro e 1,10 de alto - sen inventariar no PBA. Cotoeira é unha parcela pegada a Sandrexo polo norte.

Denllos da Baixo (mollón 47), de dimensións 1,10m de diámetro e 0,10m de altura - sen inventariar no PBA. Os Denllos localízanse na toponimia do PBA, entre as aldeas de Sandrexo e Vilar.

Abueiro ou Batabueiro (mollón 50), de dimensións 3,80m de diámetro e 1,90m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar de Matabueiro atópase baixo a aldea de Saconde, na zona dos megálitos da "Mina de Saconde".

Cruceiro (mollón 54), de dimensións 3,25m e 0,60m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar de Cruceiro atópase na aldea de Pazos, a continuación da aldea de Saconde.

Peñón (mollón 55), de dimensións 8,20m de diámetro e 4,10m de altura. Polas súas dimensións, e a pesares de ser descrita como os megálitos ("casquete esférico") descartamos que poida tratarse dun. O lugar do Peñón vese sobre a aldea de Pazos no Visor PBA.

Quintáns (mollón 57), de dimensións 1,30m de diámetro e 0,60m de altura - sen inventariar no PBA. Precísase que está ó oeste do río Xora (sinalado como río Torrente no PBA). Moi preto está a necrópole das Minas / Pedras Grandes.

Peñas do Canle (mollón 59), de dimensións 6,80m de diámetro e 2,25m de alto - sen inventariar no PBA. O lugar de Pena da Canle é situado polo PBA sobre as mámoas das Minas / Pedras Grandes.

Pedra Vegía (mollón 60), de dimensións 1,20m de diámetro (non se fornece a altura) - está catalogada no PBA como "Dolmen de Pedra Vixía". Suxerimos aquí que o nome orixinal ben puido ser Pedra Vexiga.

En resumo, os termos dos concellos de Vimianzo e Zas ían sinalados por 25 "pedras semellantes a un casquete esférico", das que só catro están catalogadas como dólmenes (suliñadas en cor verde). Só pode descartarse a priori que un dos restantes 21 fitos en forma de casquete esférico non sexa un dolmen, pois as súas dimensións non cadran coa información que temos dos megálitos coñecidos na zona (Pedra da Arca, Pedra Vixía); tamén se percíbe que na contorna deles existen necrópoles megalíticas, o que indicaría que a maioría dos "casquetes esféricos" deste deslinde (documento 1940) son con moi alta probabilidade dólmenes pertencentes a eses conxuntos.

miércoles, 9 de octubre de 2024

Botarlle moedas ós marcos - O marco do Lugar Vello (Miño - Vilarmaior)

Botarlle moedas ós marcos... isto que é, senón un culto ó diaño? Sería o que diría San Martiño de Dumio se coñecese este costume, que chegou ata hoxe a pesares dos seus intentos de corrixir ós rústicos, ós da aldea.

Na Acta de Deslinde dos concellos de Vilarmaior e Miño (1924 - IGN) tivemos a sorte de topar cun topógrafo ben curioso, que deixou anotado o seguinte dato etnográfico dun ritual que fai un século se desenvolvía ó redor dun antigo mollón chamado marco do Lugar Vello, que era o marco octavo do límite dos concellos: "de piedra de pizarra con forma irregular cuyas mayores dimensiones visibles son siete metros de longitud, setenta centímetros de altura y setenta y nueve centímetros de latitud. En su parte superior, de forma redondeada, tiene [...] una cruz en la que se encontraron dos monedas de cobre, debidas a que se dice en la comarca que el marco de Lugar Vello cura las enfermedades si se deja alguna moneda sobre su cruz, y se da una vuelta alrededor de él, enfermedades que recoge quien coja las monedas depositadas en él". Prosegue o topógrafo con alma de etnógrafo indicando a importancia do marco, e a súa ubicación no trifinio das parroquias de Carantoña, Doroña e San Pedro de Vilarmaior.


Unha vez sabida da existencia do marco, foi dito e feito! Este mesmo sábado Xabier Moure localizouno coa axuda dos veciños de Mide, e ademáis de nos enviar unhas fotografías foi quen de averiguar máis datos interesantes sobre el: o marco chámase do Lugar Vello ou Pena das Meigas, e as súas dimensións son de case 7 metros de longo, 0,90 metros na parte máis alta e case 1 metro de ancho. No marco tamén se deixaban prendas: unha muller que non quedaba embarazada deixou os calzoncillos do marido e deste xeito conseguiuno... Tódalas ofrendas realizábanse sempre sen falar, en silencio. Os veciños de Mide tamén lembran que se dicía que dende o marco víanse sete igrexas.

Marco do Lugar Vello ou Pena das Meigas. (C) Xabier Moure Salgado, 12/10/24.

Cruz do marco do Lugar Vello / Pena das Meigas, na que se depositaban as moedas. (C) Xabier Moure Salgado, 12/10/24.

Grazas á información fornecida por Xosé María Ferro Formoso e Xabier Moure sei que hai outros dous casos semellantes, o marco do Seixo e o marco da Cartelida, ámbolos dous nos límites dos concellos de Monfero e Vilarmaior. Nestes dous casos tamén se depositaban ou arroxaban moedas (ou anaquiños de seixo) para curar diversas doenzas, e existía a crenza de que nelas ía a enfermidade, polo que era moi arriscado recollelas. Pero estes dous marcos non son afloramentos rochosos, como o de Lugar Vello, senón os clásicos mollóns de termo de entre 0,5 e 1 metro de alto.

Marco do Seixo entre Monfero e Vilarmaior, coas cruces de termo nun lateral.
(C) Moncho Boga, 2012 - blog Dólmenes e demais familia.

Puri Soto, arqueóloga do concello da Laracha, indícame que na Pedra do Ghicho de Erboedo, marco entre A Laracha e Arteixo, tamén coñecido como Pedra do Carallo ou Marco da Anta, do que temos escrito no blog (Pedra do Carallo), aínda se fan ofrendas de moedas, chegando a atoparse ata moedas internacionais, algunha procedente de Nova Zelanda.

Moedas no marco da Pedra do Ghicho. (C) Puri Soto.

O documento sobre o marco do Lugar Vello que presentamos agora é excepcional por describir o ritual das moedas sobre un soporte diferente, nun afloramento rochoso, e máis por especificarse que o devandito costume de depositar moedas practicábase sobre a cruz gravada nel. Na nosa opinión isto último é indicativo de que os paisanos estaban a identificar a cruz (de termo) co símbolo cristiano, e precisamente por iso realizarían o conxuro da enfermidade nos vellos puntos liminais, agora aparentemente cristianizados, creando así un culto sincrético xurdido das vellas tradicións.

O Lugar Vello sitúase preto da aldea de Mide (Vilarmaior). No círculo vai indicada a ubicación do marco, e no cadrado, como curiosidade, unha casa da que contan que unha mitade está en Vilarmaior e a outra en Miño. Coordenadas: 569301.42, 4801177.79. Ubicación e coordenadas, por cortesía de Xabier Moure.


Continuación do "Camiño de Maciñeira" pola Serra da Capelada

Segundo o estudo que Emilio Ramil adicara ó patrimonio da Serra da Capelada, Federico Maciñeira amais de ser un pioneiro nos estudos de arqueoloxía da paisaxe, ó establecer a relación entre os megálitos e as vías de tránsito natural, estimaba que non habería túmulos na zona do Macizo da Herbeira por mor do tipo de material petrográfico, que non era adecuado para a construción dos megálitos.

Tal e como indica Ramil, a hipótese formulada por don Federico, subscrita por varios investigadores do megalitismo, logo revelouse errada cando se atoparon dous túmulos funerarios coa súa cámara ó norte da garita de Vixía Herbeira. O achádego é importante tamén porque "amosa unha continuidade do denominado camiño de Maciñeira ata prácticamente o Cabo Ortegal".

Os datos de Ramil sobre as mámoas da Herbeira están publicados en dous artigos: "A Serra da Capelada: patrimonio arqueolóxico e patrimonio natural" (Brigantium 14, 2003) e "Novo conxunto megalítico na Serra da Capelada" (Brigantium 6, 1989-1990). Ámbolos dous dixitalizados en Issuu por cortesía do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

As dúas mámoas localizadas por Ramil xa están inventariadas no Visor PBA. Segundo o investigador localizábanse ó tomar a estrada Cedeira - Cariño, unha vez pasada a garita de Herbeira e a uns 100 metros dela.

Mámoas da Vixía Herbeira no Visor PBA da Xunta de Galicia.

Pois ben, entre os "Cadernos de Campo" e as "Actas de Deslinde" dos concellos de Cariño e Cedeira (IGN 1940), vimos de encontrar agora mesmo outras tres mencións a túmulos megalíticos, situados en liña coa garita de Herbeira e os dous túmulos de Ramil. Verifícase así a continuidade do devandito camiño de Maciñeira, que estaría conformado por unha ringleira de túmulos que percorría a vía de tránsito natural da dorsal da Serra da Capelada dunha forma semellante ó que acontece na veciña Serra da Faladora.

Garita de Herbeira nun debuxo de 1940. (C) Fernández y Platero - IGN.

O topógrafo José Mª Fernández y Platero regálanos un debuxo da garita, que serviría de mollón número 15 neste deslinde (logo numerado como 8), e explica que os mollóns 12 a 14 eran montóns de pedra e terra de forma piramidal situados no Coto Ameneiro, un onde nacía o río Seixo de Landoi, e os outros dous a 13 metros e a 1 metro ó oeste do camiño que ía de Meizoso a Cariño. Nun mapa de 1944 pódense ver os mollóns identificados polo seu número, así como a aliñación coa garita.

Zona entre Meizoso e Vixía Herbeira nun mapa de 1944. (C) IGN.

Nas "Actas de Deslinde" de 1989 temos as descricións destes tres mollóns (túmulos) en liña coa garita e visibles entre si. Hai un cambio na numeración dos mollóns, do que xa nos tiña avisado o topógrafo de 1940, de feito vese no debuxo que fixera: o mollón 15, que é a garita, pasa a ser o número 8, polo que os mollóns 12 a 14 (os túmulos), serán agora os números 5, 6 e 7.

Mojón quinto: "un montón de tierra y piedras de forma piramidal, cuyas dimensiones son un metro con cincuenta centímetros por dos metros los lados de la base y noventa centímetros de altura. Está situado en el paraje denominado Coto Ameneiro, en el punto donde inicia su curso el río Seixo de Landoi".

Mojón sexto: "una gran roca ferruginosa rodeada de otras tres rocas, y cuyas dimensiones máximas visibles son dos metros de longitud por un metro de latitud y un metro con cincuenta centímetros de altura. Está situado en el alto del Coto Ameneiro, a unos doce metros al O. del camino que va de Meizoso a Cariño [...] El mojón anterior se ve a unos doscientos metros".

Mojón séptimo: "un montón de tierra y piedras, de forma piramidal cuyas dimensiones máximas visibles son un metro con cincuenta centímetros de longitud por dos metros de latitud los lados de la base, y un metro de altura, siendo la naturaleza arenisca ferruginosa, la parte de piedra. Está situado en el alto del Coto Ameneiro y a un metro al O. del camino que va de Meizoso a Cariño, en su margen derecha [...] Desde este mojón [...] al N.O. se ve la caseta Vixía Herbeira".

Suliñamos que o tipo de pedra utilizada na construción da cámara destes túmulos, arenisca ferruxinosa, é un material distinto ó habitual co que se constrúen estas (granito), o que encaixa coa afirmación de Ramil de que non se poden excluír do mapa do megalitismo galego determinadas zonas xeográficas en función da existencia ou non de rochas graníticas nelas.

Agradecementos: a Juan M. Tojeiro, veterinario da Capelada, pola súa inestimable axuda ó me mostrar un destes dólmenes fotografado por el, o que, dende logo, fornece completa seguridade e certeza sobre o que describo sen ver; xa non é só imaxinar a partir dos textos dos deslindes. Moitas grazas Juanma.

domingo, 6 de octubre de 2024

O Cristo ó que lle caeron os brazos, e perdeu as pernas

 

Cristo de Mouraz xunto ó seu marco no 2008. (C) Andregoto Galíndez.

En xaneiro de 2008 publicáramos unha fotografía do Cristo de Mouraz na web Celtiberia.net, agora fornecemos esta outra vista tomada na mesma data, que dá idea da súa altura, uns 2 metros. Témolas mellores, pero esta é adecuada ó asunto da lonxitude do esteo e á posición do marco xunto ó Cristo. Daquela o Cristo de Mouraz xa non tiña brazos e nós non nos faciamos idea de como era posible que se lle chamase Cristo a aquelo, como ó Cristo da Faladora, que si ten brazos. O chanto de Mouraz era o Cristo? Ou sería que sobre el estaría colocada unha pequena cruz..., ou sería que nunca tivo brazos?

Nun traballo monográfico de Ana Durán Penabad sobre O Cristo de Mouraz (Fol de Veleno 9, 2020) podemos ler como os seus informantes lle describían o esteo ou chanto como "un Cristo ó que lle caeran os brazos". Ana Durán recolle varias historias sobre como o Cristo perdeu os brazos, ata unha que atribúe a responsabilidade ós roxos que andaban escapados polo monte. Convén sinalar, pois, que aínda que a maioría de nós viamos nesta peza un simple esteo ou chanto, os veciños insistían en que se trataba dun Cristo sen brazos.

O certo é que si os tivo, tal e como lle apuntaron a Ana Durán os veciños das parroquias limítrofes. Nas Actas de Deslinde entre Ortigueira e Mañon (IGN 1940) aínda os conservaba, formando, polo tanto, a cruz que se describe como mollón 28: "una cruz de piedra labrada, cuyas dimensiones son, ancho de los brazos - setenta centímetros, alto - dos metros; está situado en el sitio llamado "El Cristo de Mouraz" y en la margen izquierda del Camino de Mañon a Candedos". Amais a ficha do mollón vai acompañada dun debuxo esquemático no correspondente Caderno de Campo do deslinde Ortigueira / Mañón, no que se perciben os braciños do Cristo de Mouraz.


O seu estado actualmente, segundo se desprende do estudo de Durán, é de esnaquizamento total. Seguindo coa idea expresada nas lendas populares sobre a perda dos brazos do Cristo, podemos dicir que agora tamén perdeu as pernas, sen que se poida atribuír desta vez a masacre ós roxos escapados... O certo é que ós Xuncos de Mouraz pódese chegar en coche, e hai plantacións de árbores que periodicamente se cortan con maquinaria pesada, factores que non se dan no Cristo da Faladora, que por iso mesmo permanece intacto. O Cristo de Mouraz agora mesmo é un muñón de corpo (non poño fotografía para non ferir sensibilidades), sen brazos nen pernas, máis é Cristo aínda: cruz direccional, antigo lar vial, deus dos camiños, home de pedra.

domingo, 29 de septiembre de 2024

Homes de pedra e etimoloxía de Manzaneda > Maceda

O experto en toponimia galega Vicente Feijoo Ares clasifica os nomes dos pedreiros chamados estantes (Serra da Queixa - cfr. a monografía que lles adica Emilio Araúxo), muradellas (cairn na Pobra do Brollón), mariolas, pedregais e moledros (Portugal), homes de pedra, homes mortos (segundo Quintía Pereira) ou santos de pedra, etc. entre os nomes de pedras que teñen que ver coa actividade pastoril, e concretamente alude á súa función orientadora, ó servir como guías dos camiños. No seu traballo limítase a recoller só tres dos seus nomes, A Menzón / Amanzón, Mariola e Moledro, e a especificar únicamente esta funcionalidade. Grazas á amabilidade de Gloria Sánchez Soto podemos engadir un outro nome á serie, trátase de home de pé, usado en Nogueira de Ramuín; nel mestúrase a idea da antropomorfización co aspecto ergueito e fixo dos estantes.

Mentras que a tradición de construílos ven de recuperarse sen lagoas na transmisión xeracional en Doade (Lalín - Pontevedra), en León perdeuse por completo "la tradición maragata de levantar columnitas con piedras pequeñas en los caminos de peregrinaje [...] las llamaban «hombres de piedra», pero ya no se recuerda su función" (Miguel Ángel González González, apud F. Alonso Romero en "Vestigios de cultos celtas al roble en las romerías gallegas", Anuario Brigantino, 2016).

Os estantes son construcións milenarias e importante patrimonio etnográfico, como os inukshut que construían os inuit para se orientar nas rutas de caza; o termo inuit significa "home de pedra", "de forma humana" (inuk = home, shuk =  figura, imaxe, forma). En italiano existen tamén termos que vencellan estas construcións de montaña á figura humana: ometto di pietra, omino di pietra e uomo di pietra. En Alemania chámanse steinmann. Na Irlanda, segundo Patrick Weston-Joyce, o termo fear-bréige aplícase a pedras ergueitas, ben naturais ou artificiais, que lembran o aspecto dun home (fear); noutra fonte encontramos que a forma anglizada Firbriggs alude a unha "figura humana falsa, artificial", unha morea de pedras elevada nun outeiro como sinal ou marca. Na República Checa Kamenný pastýř ou Kamenný muž significa "pastor de pedra" e "home de pedra", e ven sendo o nome dun menhir.

Estante no Curro da Mosenda. (C) "Ruta ambiental dos Vales Glaciares de Manzaneda" - Concello de Manzaneda.

Na zona de Manzaneda o nome que reciben os homes de pedra é o de menzón ou manzón. Localizamos o topónimo Menzón / Manzón preto do campamento romano do Penedo dos Lobos nas minutas cartográficas do IGN. Menzón / Manzón provén do étimo *a(r)manzón (latín armationem), desligada a vogal por terse interpretado como artigo. É probable, pois, que o topónimo Manzaneda > Maceda sexa un abundancial, motivado pola presencia masiva destes megálitos de sinalización (manzóns), logo vencellado por etimoloxía popular coas mazás.

Menzón nas minutas cartográficas do IGN, sobre o Penedo dos Lobos.

No Báltico os kummeli suecos, construídos na costa como sinais de axuda á navegación, considerábanse figuras humanas, e así se representaban nos gravados da Historia Gentibus Septentrionalibus (1555) de Olaus Magnus, aínda que na realidade só fosen, como os nosos, acumulacións de pedras.

Dous kummeli nos promontorios da costa báltica. (C) Historia Gentibus Septentrionalibus, de Olaus Magnus.

En Galicia a interpretación popular dos estantes como antropomorfos ven probada por algúns dos nomes que acabamos de ver: home de pedra e santo de pedra. Neste sentido, a primeira mención, aínda que cunha función delimitadora que puideron ter tamén os estantes, cecais sexa a dun documento do ano 982 no que se alude a un home de pedra como termo dos límites da aldea de As Maus (Os Baños - Bande): "[...] Martino de Calidas et feret in cima de uilla ad alio laco maior per suo liniolo ubi iacit efigiem hominis sculpta in petra que testificat de laco in laco". Hai quen pensa que este home de pedra do documento do ano 982 sería a famosa estatua do guerreiro de Rubiás, mais na delimitación territorial que se fai de As Maus cadra con que o citado inmediatadamente Castro de Vemes sexa o Castro da Croa de Lobosandaus, ou ben o de Pena Maior, entre os concellos de Cadós e Os Baños, que formaría os límites polo leste de As Maus (Asmanus), mentras que polo oeste As Maus (Asmanus) tocaría con Nugariola (actual Nigueiroá) e Sordos, segundo outro documento de 1069.

Mariola, co Gêres ó fondo, no trilho de pastoreo tradicional de Pitões das Júnias (Portugal). (C) Dolores González de la Peña, 2023.

O historiador Xabier Moure lémbranos os chamados Santiños de Tomonde (Cerdedo), parella de macho e femia, tamén construídos amoreando pedras. Tenos estudado Estanislao Fernández de la Cigoña, así como as pedras coñecidas como O Touzo e A Touza, situadas preto do marco da Portela de Pau (Faro de Avión). Todas elas foran utilizadas para provocar cambios no tempo atmosférico, segundo os rituais que detallan o devandito investigador máis Barandela, Lourenzo e Vázquez Varela noutro estudo; ben derrubando os santos, ben erguéndoos. Dos Santos da Porteliña de Tomonde deixounos o etnógráfo e escritor Calros Solla un interesante artigo cunha preciosa fotografía da parella, "As pedras que gobernan o tempo. II" (Faro de Vigo, 26/07/2015).

Vemos que a técnica construtiva dos santiños que gobernan o tempo, e mailo seu emprazamento na alta montaña (en portelas ou pasos), adoitan ser os mesmos que os dos cairns direccionais chamados estantes, homes de pedra, mariolas, etc. porén, pódese formular a hipótese de que ó redor destes monumentos puideron xurdir cultos ou rituais, como por exemplo sucede cos chörten tibetanos, construídos por unha grande variedade de razóns, como a subxugación de forzas diabólicas do entorno, que pode ser moi hostil, ou para propiciar beneficios á comunidade.

Como os chörtens, os santiños e homes de pedra hai que pasalos sempre pola esquerda, ou arrodealos no sentido das agullas do reloxo, e quen teña lido Tintín no Tibet saberá o acertado do consello.

_______________________________

Tipoloxía: os homes de pedra son o eslabón perdido das hermae dos gregos (mercurios viais dos romanos). Temos escrito sobre elas, e a súa relación cos amilladoiros, en Cara a cara con un lar vial.