Segundo o estudo que Emilio Ramil adicara ó patrimonio da Serra da Capelada, Federico Maciñeira amais de ser un pioneiro nos estudos de arqueoloxía da paisaxe, ó establecer a relación entre os megálitos e as vías de tránsito natural, estimaba que non habería túmulos na zona do Macizo da Herbeira por mor do tipo de material petrográfico, que non era adecuado para a construción dos megálitos.
Tal e como indica Ramil, a hipótese formulada por don Federico, subscrita por varios investigadores do megalitismo, logo revelouse errada cando se atoparon dous túmulos funerarios coa súa cámara ó norte da garita de Vixía Herbeira. O achádego é importante tamén porque "amosa unha continuidade do denominado camiño de Maciñeira ata prácticamente o Cabo Ortegal".
Os datos de Ramil sobre as mámoas da Herbeira están publicados en dous artigos: "A Serra da Capelada: patrimonio arqueolóxico e patrimonio natural" (Brigantium 14, 2003) e "Novo conxunto megalítico na Serra da Capelada" (Brigantium 6, 1989-1990). Ámbolos dous dixitalizados en Issuu por cortesía do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.
As dúas mámoas localizadas por Ramil xa están inventariadas no Visor PBA. Segundo o investigador localizábanse ó tomar a estrada Cedeira - Cariño, unha vez pasada a garita de Herbeira e a uns 100 metros dela.
Mámoas da Vixía Herbeira no Visor PBA da Xunta de Galicia.
Pois ben, entre os "Cadernos de Campo" e as "Actas de Deslinde" dos concellos de Cariño e Cedeira (IGN 1940), vimos de encontrar agora mesmo outras tres mencións a túmulos megalíticos, situados en liña coa garita de Herbeira e os dous túmulos de Ramil. Verifícase así a continuidade do devandito camiño de Maciñeira, que estaría conformado por unha ringleira de túmulos que percorría a vía de tránsito natural da dorsal da Serra da Capelada dunha forma semellante ó que acontece na veciña Serra da Faladora.
Garita de Herbeira nun debuxo de 1940. (C) Fernández y Platero - IGN.
O topógrafo José Mª Fernández y Platero regálanos un debuxo da garita, que serviría de mollón número 15 neste deslinde (logo numerado como 8), e explica que os mollóns 12 a 14 eran montóns de pedra e terra de forma piramidal situados no Coto Ameneiro, un onde nacía o río Seixo de Landoi, e os outros dous a 13 metros e a 1 metro ó oeste do camiño que ía de Meizoso a Cariño. Nun mapa de 1944 pódense ver os mollóns identificados polo seu número, así como a aliñación coa garita.
Zona entre Meizoso e Vixía Herbeira nun mapa de 1944. (C) IGN.
Nas "Actas de Deslinde" de 1989 temos as descricións destes tres mollóns (túmulos) en liña coa garita e visibles entre si. Hai un cambio na numeración dos mollóns, do que xa nos tiña avisado o topógrafo de 1940, de feito vese no debuxo que fixera: o mollón 15, que é a garita, pasa a ser o número 8, polo que os mollóns 12 a 14 (os túmulos), serán agora os números 5, 6 e 7.
Mojón quinto: "un montón de tierra y piedras de forma piramidal, cuyas dimensiones son un metro con cincuenta centímetros por dos metros los lados de la base y noventa centímetros de altura. Está situado en el paraje denominado Coto Ameneiro, en el punto donde inicia su curso el río Seixo de Landoi".
Mojón sexto: "una gran roca ferruginosa rodeada de otras tres rocas, y cuyas dimensiones máximas visibles son dos metros de longitud por un metro de latitud y un metro con cincuenta centímetros de altura. Está situado en el alto del Coto Ameneiro, a unos doce metros al O. del camino que va de Meizoso a Cariño [...] El mojón anterior se ve a unos doscientos metros".
Mojón séptimo: "un montón de tierra y piedras, de forma piramidal cuyas dimensiones máximas visibles son un metro con cincuenta centímetros de longitud por dos metros de latitud los lados de la base, y un metro de altura, siendo la naturaleza arenisca ferruginosa, la parte de piedra. Está situado en el alto del Coto Ameneiro y a un metro al O. del camino que va de Meizoso a Cariño, en su margen derecha [...] Desde este mojón [...] al N.O. se ve la caseta Vixía Herbeira".
Suliñamos que o tipo de pedra utilizada na construción da cámara destes túmulos, arenisca ferruxinosa, é un material distinto ó habitual co que se constrúen estas (granito), o que encaixa coa afirmación de Ramil de que non se poden excluír do mapa do megalitismo galego determinadas zonas xeográficas en función da existencia ou non de rochas graníticas nelas.
Agradecementos: a Juan M. Tojeiro, veterinario da Capelada, pola súa inestimable axuda ó me mostrar un destes dólmenes fotografado por el, o que, dende logo, fornece completa seguridade e certeza sobre o que describo sen ver; xa non é só imaxinar a partir dos textos dos deslindes. Moitas grazas Juanma.
No hay comentarios:
Publicar un comentario