A ficción-documental sobre os ancient aliens púxose de moda no século pasado da man de científicos divulgadores como Carl Sagan e, sobre todo, de visionarios e moitos cuentistas. Na súa versión estándar consiste en especular sobre a remotísima e improbable posibilidade de que antigas civilizacións extraterrestres, se é que as houbo, nos tivesen visitado no pasado máis remoto para crear a vida no planeta Terra, ou ben crear os seres humanos, dotarnos das tecnoloxías máis avanzadas, construír as arquitecturas máis impresionantes da antigüidade (megálitos, pirámides, templos) e fundar as relixións, pois eles serían... os deuses celestes que venerou a humanidade. Hai quen cre con fe cega na certeza destas especulacións debido a que se difunden baixo a forma de documentais en canais de sona, como o Canal Historia, pero xa digo que teñen que se encadrar no xénero da ciencia-ficción, xunto con películas como a de Prometheus (2012), do director Ridley Scott.
Mitose celular na primeira escena de Prometheus de Ridley Scott.
Dada a grande importancia que ten a lingua da reconstrución indoeuropea no filme de Prometheus, que se presenta como probable lingua nai dos Enxeñeiros extraterrestres, e sobre todo, a grande similitude entre a escena inicial da película e algúns dos mitos cosmogónicos indoeuropeos, cremos que o personaxe do Enxeñeiro que se sacrifica inxerindo o misterioso líquido preto non é outro que o deus azul do hinduísmo, Shiva, o destrutor de mundos. Non sería, porén, Prometeo, o titán da mitoloxía grega, tal e como se ten dito. Aquí o filme é enganoso e esixe, como a boa literatura, un esforzo intelectual, e moitos coñecementos previos por parte do espectador para intrepretalo. Prometheus, o título, se acaso será unha alusión ó empresario Weyland, que fleta a nave "USCSS Prometheus" para se dirixir ó encontro dos creadores da humanidade e lles solicitar o don da inmortalidade, do mesmo xeito que o titán Prometeo fora xunto dos deuses na procura do lume.
Shiva, o deus azul do hinduísmo, a piques de inxerir o escuro veleno chamado halāhala ou kālakūṭa, mentras tras el continúa o batido do océano de leite. (C) Revista Kalyan, Gyta Press.
Dentro do mito hindú de "O batido do océano de leite" existen varias versións sobre como se xerou o veleno chamado halāhala ou kālakūṭa, comparable dende todo punto de vista ó líquido preto que inxire o Enxeñeiro. Vou resumilas para amosar que as personaxes e feitos do mito se poden identificar cos seus correlatos no filme de Ridley Scott.
Ó principio dos tempos os deuses benévolos (devas) e os malévolos (asuras) non eran inmortais. Para acadar o elixir da inmortalidade (amrita ou ambrosía) tiveron que someter ó océano de leite primordial a un proceso de centrifugado, exercendo sobre a masa de auga unha gran forza mediante unha batidora xigantesca, formada por unha montaña, unha tartaruga e unha serpe que servía como corda para que os deuses puxeran en movemento o primitivo electrodoméstico. A serpe Vasuki (rei dos nagas), tan estreitamente vencellada ó deus Shiva que adoita representarse enroscada ó redor do seu colo, foi utilizada como corda.
Entre os elementos e seres que se formaron no proceso de batido do océano, como se forma a manteiga ó bater o leite, o primeiro foi o escuro veleno chamado halāhala ou kālakūṭa. Mais non está claro se se formou a partires da masa de auga, ou se foi escupido polo rei dos nagas, a serpe Vasuki. Para evitar que o veleno se espallase polo mundo e propagase a destrución, Shiva inxeriuno e con elo o seu corpo tornouse de cor azul. Noutra versión é Brahma o que fai que o veleno estale desintegrándose en milleiros de anacos, que son capturados polas serpes nagas (Therese Bane, Encyclopedia of Mithological Objects, 2020; Stella Kamrishc, The Presence of Siva, 2021).
—Procurabamos a inmortalidade —dinlle os deuses a Shiva —, e atopamos a morte.
Nunha pasaxe do Himno de Tandi vese resumido o papel do deus Shiva como creador e destrutor de mundos: "o eterno, que proxecta a tódolos seres na existencia e os atrae novamente cara si, a orixe dos mundos, o que é chamado Tempo: o destrutor". Mais na Trimurti ou Trinidade hindú Shiva é considerado únicamente o destrutor de mundos, destrución que ocorre ó final de cada ciclo do Universo, nun proceso necesario para que se desenvolva a continuación a nova creación, da que se encarga o deus Brahma. E así transcorren os primeiros minutos de Prometheus: comezando polo final do Universo (destrución), seguido do inicio da vida - inicio do filme (creación).
Na película utilízase todo este material procedente da mitoloxía hindú para construír unha historia sobre a creación e a destrución do Universo e a procura da inmortalidade, idéntica ó mito hindú salvo por unha pequena volta de porca. Os guionistas Lindelof (Star Trek 2009) e Spaihts (Passengers), partindo do rol do deus Shiva como destrutor de mundos, comezan o film co Enxeñeiro (deus Shiva) tomando o veleno para destruír o Universo, non para salvalo, como ocorre no mito hindú de "O batido do océano de leite". O veleno destrutor halāhala ou kālakūṭa é, por suposto, o mesmo veleno que bebe o Enxeñeiro, e a súa orixe está dalgún xeito vencellada ás serpes nagas do mito, que son os xenomorfos no filme de Ridley Scott.
Que lingua ían falar na película os Enxeñeiros extraterrestres = deuses indoeuropeos do panteón hindú? Pois... a lingua proto-indoeuropea da reconstrución, que senón? Aquí os guionistas estiveron ben inxeniosos, pero como non tiñamos caído ata o de agora en que os Enxeñeiros e as súas accións estaban baseados en Shiva e nos mitos cósmicos do hinduísmo, este detalle polo que se identifica á lingua indoeuropea como a lingua dos deuses pasáranos inadvertido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario