jueves, 24 de octubre de 2024

As Pedras do Tempo e as Manales Petras etruscas

A relación entre as Pedras Manales dos rituais de impetración da chuvia da relixión etrusca que herdaron os romanos, e as Pedras do Tempo galegas, como O Touzo e A Touza (Serra do Faro de Avión), A Pedra do Tempo da necrópole de Santa Mariña (Oincio - Sarria), ou Os Santos da Porteliña de Tomonde non está suficientemente estudada. Non hai moito máis que unha breve alusión de Alonso Romero e Almagro Gorbea, na que non se analizan con precisión os elementos que integran o rito etrusco:

"Con estas costumbres se puede relacionar igualmente una interesante tradición semejante que existía en la antigua Roma, donde se veneraba el Lapis Manalis («la piedra que mana»), una piedra utilizada para el rito del Aquaelicium o «llamada a las aguas» (Fest. s.v. manalis), que servía para propiciar la lluvia. Cuando los romanos tenían necesidad de lluvia en tiempos de sequía, los pontífices y magistrados llevaban esa piedra desde el templo de Marte situado en la Porta Capena, donde se conservaba habitualmente, hasta al monte Aventino, donde, tras hacer ofrendas a Júpiter, se vertía agua sobre ella para provocar la lluvia que se necesitaba" (Penas Sacras de Galicia, 2022).

O rito etrusco non está descrito con exactitude, faltan datos esenciais, polo que non se percibe o asombroso paralelismo co ritual galego. Tampouco a etimoloxía fornecida sobre o termo manales é, case con seguridade, correcta, o que non permite achegarse ó fondo do ritual e ós actores envolvidos nel, que son os mortos, os antepasados.

Segundo a Expositio Sermonum Antiquorum de Fulxencio un tal Labeo contaba que os etruscos, se vían na hepatoscopia (adiviñación polo fígado dunha víctima) que a víscera tiña determinada cor, era necesario procurar as pedras manales para arrolalas, é dicir, aquelas pedras que os antigos adoitaban arrolar como cilindros polos límites territoriais para pedir a chuvia (evitar a sequía). Na opinión de Arthur Bernard Cook estas pedras poderían ser piares funerarios etruscos ou marcos ou pedrafitas dos límites territoriais (Zeus: A Study in Ancient Religion, 1914).

As características máis relevantes da descrición de Fulxencio son:

1. As pedras (poderían ser varias ou, cando menos, dúas) no rito de impetración etrusco arrolábanse como cilindros.

2. Arrolábanse, si ou si, polos límites territoriais.

3. O seu nome probablemente está vencellado ós manes, ós espíritus dos antepasados. Eran as pedras dos antergos. O historiador romano Sexto Pompeio Festo dicía que o lapis manalis tamén podía ser a pedra que pechaba a entrada ó mundo subterráneo ("ostium Orci") dos manes, o que dende logo invita a pensar nas grandes lousas cobertoiras que pechan os dólmenes.

Comprobamos que en Galicia este rito milenario, que tivo que estar moi extendido e ser común a unha gran parte de Europa, conservouse ata hoxe dun xeito semellante. Así por exemplo, O Touzo ten forma de cilindro, sitúase no límite territorial de Carballeda de Avia e Melón, e o ritual de impetración consiste en botalo arrolando monte abaixo ata un barrizal (Vázquez Varela, "Estudio etnoarqueológico del ritual para cambiar el tiempo moviendo grandes piedras en el Noroeste de la Península Ibérica", Veleia 2007-2008). No caso da Pedra do Tempo de Santa Mariña (Oincio - Sarria), hoxe esnaquizada, tamén se situaba no límite territorial destes concellos, no medio dunha grande necrópole megalítica de máis de corenta túmulos (vencello cos manes - antepasados); parece ser que neste caso a pedra non se arrolaba, só se cambiaba de posición, erguéndoa ou deitándoa, o que se pode considerar unha variante do movemento ó que se somete no ritual. Sobre este último caso é necesario precisar que, aínda que os investigadores que o estudaron falan de que eran dúas pedras (A Pedra da Chuvia e A Pedra do Sol), segundo o historiador Xabier Moure era somentes unha (A Pedra do Tempo - cfr. o artigo na prensa: "Denuncian la destrucción de una piedra ritual en el monte de Santa Mariña", El Progreso, 14/8/2018).


A Pedra do Tempo, a última lapis manalis, esnaquizada nunha lagoa da necrópole de Santa Mariña (Oincio - Sarria). (C) El Progreso, 2018.

No hay comentarios: