Botarémoste en falta, Fernando. Este vai por ti, mestre.
Os Valeóns ou Os Valións é o nome que recibe un castro da parroquia de Santa Sía de Roma (Zas). Parécenos que o topónimo podería ser un derivado do latín vallum, "terraplén, talude de terra que protexe unha fortificación", o que sería un termo especializado do ámbito militar, e no caso do castro de Santa Sía teríase aplicado ás enormes defensas do poboado da Idade do Ferro.
No boletín do Instituto de Estudos Bergantiñáns, Andando por Bergantiños nº 16 - parroquias de Couso, Ferreira e Seavia (2015), no que colaboraba o noso amigo Fernando Cabeza Quiles, finado nun triste accidente de bici hoxe mesmo, definíase valeón como talude ou pendente orográfica, polo que pensamos que a acepción de baleón que fornecera Constantino García no seu Glosario de voces galegas de hoxe (1985) como "alud de tierra" non é totalmente correcta (seguramente falla un t- inicial). Etimolóxicamente corresponde, polo tanto, a escrita do termo e topónimo con v- inicial.

No hay comentarios:
Publicar un comentario