Non podemos facer ningunha proposta máis ou menos segura* sobre o topónimo Sada, máis si sobre o modificador que acompañaba ó nome de lugar na documentación antiga: "Sada de illos Coteses", ou tamén "Sada de Coteses" / "Sada de Cotesis", en varios documentos dende o ano 1160 ó ano 1227. Coteses é un xentilicio provinte do nome do Castro dos Cotos, próximo á vila pesqueira de Sada. Os Coteses eran os habitantes dos Cotos.
O antigo nome de Sada amosa, polo tanto, un forte vencello territorial co Castro dos Cotos. O vínculo pode establecerse con seguridade a través do topónimo "Sada de illos Coteses", que indica a relación de posesión da vila pesqueira por parte do castro dende a Idade do Ferro; idea de dependencia que se mantivo ata ben entrado o século XIII. A toponimia neste caso fornece unha evidencia do amplo dominio territorial dos castros da Idade do Ferro. A relación sinalada entre a vila pesqueira e o castro, apunta tamén á diversificación económica (pesca e marisqueo) que terían practicado os habitantes do castro, erguendo pequenas instalacións pesqueiras (orixe da vila de Sada) non moi lonxe do recinto fortificado principal.
____________________________________________
* O colega Gustavo Arce suxeriunos que o topónimo Sada podería gardar relación co hidrónimo portugués Sado. Para o nome do río Sado Leite de Vasconcelos tiña proposto unha etimoloxía dende o latín Salatus, "salado", o que cadra ben para a vila pesqueira de Sada, situada xunto ó mar. Nun documento do ano 1119 menciónase unha "fonte salatam", que na evolución fónica do galego-portugués tería dado Sada, ó caer o -l- intervocálico, mais non hai garantía de que este fose o caso da Sada dos Coteses que estamos a ver.

No hay comentarios:
Publicar un comentario