Como indicara Javier L. Vallo no grupo de Facebook, Coruña Historia e Arqueoloxía, o antigo nome da praia de Riazor era o de Areal de Liseiro, e así aparece no mapa de 1819 de Felipe Gianzo (Biblioteca Virtual de Defensa) identificado co número 55 ("Arenal que llaman de Liceyro"), mentras que o nome de Riazor se aplicaba ó barrio que daba á praia, ás casiñas marcadas co número 40. Tamén Cornide na Memoria sobre la pesca de sardina en las costas de Galicia (1774) falaba do Bochoal de Liseyro como punto onde se podía pescar sardiña, ollomol, salmonete e xarda.
Como talasónimo Liseiro terá que facer referencia ó muxe, tamén chamado lisa (portugués liça, catalán llisa / llísera, castelán lisa), e indicaría un sector da costa onde abundaba este peixe, o que, doutra banda, tamén se collía non moi lonxe, no Orzán, segundo Cornide, ou en San Roque, como teño visto. Permitímonos, pois corrixir a etimoloxía que fornecera Vallo, que ligaba o talasónimo ó substantivo liceira, "fleco o flequillo, por ej. en una colcha, alforjas, molidas de la yunta, etc." (Eligio Rivas Quintas, 1978).
Como é ben sabido gran parte dos talasónimos fan referencia ós peixes e mariscos que se poden coller en certos puntos da costa, ou en bancos mar adentro (Gran Sol: en referencia ó sole = linguado, en francés), polo que Liseiro terá que ser a forma etimolóxica (derivado de lisa, "muxe"), e o "Liceiro" que fornecía Felipe Gianzo, unha ultracorrección derivada da crenza de que a pronuncia Liseiro era un caso de seseo. O que indirectamente indica a existencia do seseo na fala coruñesa, como temos comprobado noutras ocasións (v. Aseavella, Arqueotoponimia 2020).
No hay comentarios:
Publicar un comentario